Tan só un mes despois de abrir o punto de información habilitado no Concello do Porriño para atender as consultas dos veciños sobre o incremento da valoración catastral; o goberno anuncia o seu peche.
Deste xeito como afirma o voceiro do PP Alejandro Lorenzo “deixa aos veciños de lado e non é a primeira vez”, recorda que “xa que en outubro do 2020 foi o goberno quen propuxo a modificación do coeficiente do imposto sobre bens inmobles”. Entón, inmersos en plena pandemia, a alcaldesa do Porriño defendía unha suba do 0,4 ó 0,5, incremento que recaería nas arcas municipais e todo sendo coñecedores da nova valoración catastral que se produciría neste ano 2021.
O servizo de información catastral rematou o 17 de agosto e durante este tempo, a atención, tal e como sinala o voceiro do PP Alejandro Lorenzo “non foi a adecuada xa que non se axudou ós veciños a facer as reclamacións pertinentes nin xestionar os anos de atraso”. Precisamente en abril deste mesmo ano, o grupo popular advertía ó concello da necesidade de fraccionar o pago dos catro anos de atraso.
Alejandro Lorenzo advirte que “desde o Concello do Porriño nada se fixo ante o “catastrazo” que se prevía”. Algo que difire do que acontece noutros concellos próximos que, ademáis de axudar coas reclamacións e a posibilidade de fraccionar pagos co asesoramento técnico de empresas contratadas para tal fin, continúan co punto de información aberto e así reforzan o servizo.
Ademais, recalca que “é o Concello do Porriño o que percibe estes impostos e polo tanto é o que debe dar resposta e non derivar ós cidadáns a outras administracións”.