Axentes da Policía Local detiveron a tres mozos, veciños do Porriño, que formaban un grupo moi activo aos que se lles responsabiliza de diversos roubos en vivendas e tamén no interior de vehículos acaecidos no Porriño nos últimos días.
As detencións realizáronse na pasada madrugada grazas á colaboración cidadá. Un veciño chamou á Policía Local ás 4:27 horas informando que estaba vendo varias persoas dentro dun domicilio con lanternas. Unha dotación da Policía Local acudiu e detivo a dous mozos de 18 e 19 anos e unha moza menor de idade, despois dunha persecución a pé, pois intentaron fuxir ao apercibirse da presencia da patrulla. Os axentes puideron recuperar os obxectos sustraídos e devolvelos aos donos da vivenda.
A menor foi entregada a súa nai pero deberá pasar a disposición da Fiscalía de Menores namentres os dous mozos maiores de idade, pasan a disposición do xulgado de garda no Porriño.
A Policía Local informou que a detención deste grupo ía producirse na noite do mércores ao xoves pero adiouse por causa do lume declarado no serradoiro de Mosende que obrigou a concentrar todos os efectivos de garda para atender ese sinistro.
Unha vez máis A Policía Local e a Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure agradecen a colaboración da veciñanza e lembran que a Policía Local ten patrulla dispoñible 24 horas ao día, chamando ao teléfono 620404040.