Xoves, 19 Xuño de 2025

Volve a música aos Xardíns do Centro Cultural da Guarda

0

Este venres día 27 de agosto dará comezo a edición 2021 Música nos Xardíns, a programación coa que o Concello da Guarda quere achegarse aos novos talentos musicais da nosa vila e contorna, que este ano incorpora unha ampla variedade de ritmos e estilos. En total serán tres os concertos que se desenvolverán entre agosto e setembro e polos que pasarán músicos e bandas xa coñecidas polo público guardés como Bruce Grinn ou The Charrans, acompañadas por bandas da contorna como The Mirror ou Zalomon Grass.

Esta programación parte dunha colaboración con aquelas asociacións e colectivos que ata o 2019 viñan organizando festivais de música na nosa vila, como o Rock Guardés ou o Galifornia Beat, que por mor da pandemia e as restricións e limitacións impostas para facer fronte ás actividades culturais non poden realizar os seus festivais este ano.

A primeira cita de Música nos Xardíns será este venres día 27 de agosto cun dobre concerto de Xisconnection & The Black Turf, ás 21:00h. nos Xardins do Centro Cultural.

Como ven sendo habitual o evento conta con protocolo COVID-19, sendo precisa a inscrición previa a través do enlace: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda, e debendo seguir o concerto sentado, con mascarilla e coa distancia de seguridade preceptiva.

Xis Connection & The Black Turf

É un Proxecto miñoto de música reggae, que interpreta temas en galego-portugués cargados de compromiso social que nos farán viaxar de Brasil a Xamaica.

Influenciados polo seu traballo con artistas e bandas lusófonas, presentan un repertorio con composicións e colaboracións con artistas da escena reggae do Brasil.

Xis Conecction trae un directo cheo de forza e enerxía, con temática reivindicativa, que nos fala da corrupción, da pobreza, das inxustizas e dos problemas sociais. Música que fai bailar pero tamén reflexionar sobre o que está a acontecer no planeta.

PRÓXIMOS CONCERTOS

Venres 3 de setembro ás 21:00h – Bruce Grinn + The Mirror

Bruce Grinn, é un músico independente, formado en Inglaterra onde se formou como músico tocando en bandas locais, e se estableceu en 2011 na nosa vila onde formou o grupo  The Loopholes, moi ben acollido pola prensa musical galega. No 2017 decideu embarcarse en solitario nun novo proxecto musical mais ambicioso, chegando o seu  debut discográfico en 2018: “Fustian Fumes”. Con 8 temas de rock-alternativo eun sonido endurecido en relación aos seus traballos anteriores, o disco conta coa colaboración de varios músicos entre os que destaca Tania González Braga (The Mirror) nas voces, quen aporta solidez e calidez vocal.

En directo, Bruce, acompañado tan só dunha guitarra acústica e algo de percusión, nos ofrecerá o seu lado mais íntimo entre a canción de autor propia do indie-folk e o rock dos anos noventa.

O grupo The Mirror, será o encargado de pechar a velada, co seu repertorio de temas propios con influencias do rock, funk e o soul. Este grupo, formado no 2018 unificando as diferentes traxectorias dos seus compoñentes, xa estiveron no Mercado da Música celebrado nos Xardíns do Centro Cultural, así como en diferentes festivais da provincia (Solpor no Mosteiro, Oia ou Sons do Casco, Baiona).

Sábado 18 de setembro ás 21:00h – The Charráns + Zalomon Grass

The Charráns(A.K.A los charranes) é un grupo local da Guarda nado no ano 2014 e formado entre compoñentes dos grupos Frakaso Skolar e Asegún como resposta a unha sociedade insociable. No ano 2016 editan o seu primeiro disco “Punk furtivo” da man de Baixo Miño Estudios e despois de ducias de concertos no ano 2020 gravan o seu novo LP en Grabaciones Ilegales con Charlie Thenstill e que foi publicado na internet por falta de fondos para a súa edición. Criáronnos dicindo que poderíamos ser ricos, ser famosos, cortar o bacallao e triunfar na vida, pero todo era mentira. Só uns poucos poden ser ricos e ao resto, tócanos sementar patacas, facer pan, ir ao mar ou construír esas casas que nunca teremos, ao resto tócanos ser Charráns.

Zalomon Grass e o seu desbordante blues cósmico ven a sacarnos da apatía e o entumecemento destes tempos estraños. Se te gustan os power tríos dos vellos tempos, esta é a túa banda.

Estes concertos están apadriñados polo Rock Guardés e o Galifornia Beat.

Redondela acada unha subvención para a dixitalización de fondos do fotógrafo Fot’sca

0

O Arquivo municipal do Concello de Redondela vén de recibir unha subvención de 46.757 euros para a dixitalización de parte do fondo fotográfico de negativos do profesional redondelán coñecido como “Fot’sca”. Concretamente, trátase de preto de 70.000 imaxes (conservadas en negativos) comprendidas entre os anos 1972 e 1995. Segundo o Concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, “trátase dunha nova importante xa que é a primeira vez que se xestiona dende o Concello de Redondela unha subvención para o Arquivo municipal e tamén que este departamento recibe unha axuda destas características, aínda que os fondos deste fotógrafo foron adquiridos polo Concello de Redondela no ano 2016”.

A subvención, que foi concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia, permitirá recuperar e dixitalizar outros documentos textuais como os libros de antigos padróns municipais de habitantes da localidade de 1920 a 1950, concretamente 2.959 imaxes.

Segundo a Concellería de Cultura esta documentación que vai ser recuperada supón sobre todo un paso adiante a nivel etnográfico e na recuperación do patrimonio cultural de Redondela. A maioría dos negativos recollen momentos únicos de temas que xiran entorno a vodas, comunións, bautizos, retratos de estudo, grupos escolares e festas populares, que foron inmortalizados por Fot’sca entre os anos 1972 e 1995.

O traballo de dixitalización levará uns oito meses e os fondos pasarán a formar parte da Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Se ben unha gran parte dos arquivos poderán ser consultados por todos os cidadáns, algunhas das instantáneas deberán permanecer aínda uns anos sen ser públicas por cuestións vencelladas á protección de datos, ao tratarse de retratos persoais.

Comezan as obras no camiño Cruz – Oural, na parroquia de Fornelos, en Salvaterra de Miño

Veñen de arrancar as obras de mellora do camiño municipal Cruz – Oural, na parroquia de Fornelos, financiadas con cargo á subvención concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais 2021-2022 e achega municipal con cargo ao orzamento do Concello, por un importe de máis de 52.000,00€ 
Con esta obra preténdese seguir mellorando a rede municipal de estradas e viais do municipio. As obras incluídas neste proxecto consisten na mellora da pavimentación do camiño municipal que discorre entre Cruz (intersección coa estrada autonómica PO-408) e o campo de fútbol de Oural, dentro da parroquia de Fornelos.

O firme actual é de aglomerado asfáltico, encontrándose este nun estado notablemente deteriorado, coa nova pavimentación de máis de 900 m  e unha superficie de máis de 4.800 m2 preténdese mellorar o servizo ofrecido nesta infraestrutura aos seus usuarios, pois trátase dun vial cunha relativamente elevada densidade de tráfico en relación as súas características.

Últimos días para inscribirse no obradoiro de teatro veciñal de Oia

0

O obradoiro de teatro veciñal de Oia mantén aberto ata final de mes o prazo de inscrición para a súa edición deste ano, a cal incorpora algunhas novidades para adaptarse ás circunstancias derivadas da Covid-19. Grupos reducidos e representacións en espazos onde se poidan delimitar os correspondentes aforos son algunhas das adaptacións realizadas este ano.

Co obxectivo de garantir as máximas medidas de seguridade no contexto actual de pandemia, o obradoiro incorporará unha serie de cambios respecto a edicións anteriores. Así, celebraranse distintas sesións con grupos reducidos (en función das restricións en vigor en cada momento) no Centro Sociocultural de Pedornes. A formación e ensaios de cada grupo terá lugar un día á semana: os venres 4, 11, 18 e 24 de setembro ou ben os sábados 5, 12, 19 e 25.

As persoas interesadas en participar no obradoiro de teatro deberán presentar unha solicitude no Rexistro do Concello de Oia. As prazas son limitadas e o prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 31 de agosto.

O obradoiro de teatro veciñal enmárcase no proxecto “6×6 Punto de encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores”, organizado polo Concello de Oia e beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Na edición deste 2021, que se desenvolverá baixo a coordinación de A Artística, as temáticas do obradoiro xirarán arredor da posta en valor do patrimonio local, o Camiño de Santiago e a visibilización das mulleres ao longo da historia. A representación das pezas resultantes no obradoiro, en formato de visita dramatizada, terá lugar no interior do Mosteiro de Oia e o aforo será limitado. A xornada de representacións será o 25 de setembro, no marco das festas locais de San Cosme e San Damián.

Inician as obras de mellora do firme na PO-510 ao seu paso polo concello do Porriño

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse ata o concello pontevedrés do Porriño para supervisar o inicio das obras de mellora do firme na PO-510.

Tal e como explicou a representante autonómica, esta intervención forma parte do conxunto de melloras que o Goberno galego, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a executar nas estradas autonómicas PO-510 e PO-400, nos concellos do Porriño, de Salceda de Caselas, de Salvaterra de Miño e das Neves.

Este traballos de reforzo da seguridade viaria, nos que a Administración autonómica está a investir 985.000 euros, foron adxudicados á empresa Construcciones Fechi cun prazo de execución de catro meses.

Na estrada PO-510 actuarase entre os puntos quilométricos 0+000 e 15+750. Entre os puntos 0+200 e 2+700, esta estrada atravesa o polígono industrial das Gándaras, polo que ten un importante tránsito de vehículos pesados. Para mellorar o seu estado, proxéctase un recrecido e unha ampliación da plataforma, ademais da posta a cota dos pozos de rexistro.

Na estrada PO-400 a intervención acometerase entre os puntos quilométricos 2+300 e 4+800, efectuando o fresado e a reposición do firme. No treito entre os puntos 2+300 e 3+900 executarase un reforzo do firme incrementando o paquete existente en toda a plataforma.

Tamén se aproveitará esta obra para reforzar a seguridade viaria co acurtamento dun dos terceiros carrís de adiantamento, nuns 100 metros de lonxitude, a renovación dos captafaros e a disposición de balizas.

Ademais, na zona de Budiño, no Porriño, reconfigurarase a sinalización horizontal para permitir xiros á esquerda en camiños públicos que poidan dar servizo aos veciños.

A Xunta de Galicia continúa así traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.

A Deputación comunica á FEGAMP a súa dispoñibilidade para acoller ata 35 refuxidos afganos

Total colaboración da Deputación para colaborar na resolución da crise humanitaria derivada da evacuación de Afganistán. A presidenta Carmela Silva comunicou á federación a disposición da Deputación para acoller a 22 persoas de xeito individual na Residencia da Cidade Deportiva do Centro “Príncipe Felipe”, cifra que podería incrementarse ata un total de 35 se as persoas acollidas son unidades familiares que formen grupos burbulla.

Na resposta, Carmela Silva confirma a disposición da Deputación para botar unha man “diante da dramática situación producida en Afganistán”. “Queremos cooperar, unha vez máis, na acollida das persoas que necesiten asilo en España”.

Na resposta tivéronse tamén en conta os recursos existentes e os condicionantes derivados da pandemia, a efectos de  garantir os protocolos de protección e prevención sanitarias nun centro ao que a Deputación está a prestar unha intensiva atención e seguimento dende o comezo da pandemia. A Fegamp comezou hoxe a recompilar información sobre a dispoñibilidade das distintas entidades da Administración local galega de cara a resolver a crise humanitaria co obxectivo de trasladar toda a información ás autoridades competentes e colaborar así a organización do operativo de acollida.

O CDG e a CTB presentan en Caldelas “A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño”

0

A ribeira de Caldelas acollerá este venres, 27 de agosto, ás 22 h a representación de “A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño” coa historia das disputas e a unión final de dous pobos escrita hai 350 anos por Gabriel Feixoo de Arauxo. 

A Companhia de Teatro de Braga, CTB, e o Centro Dramático Galego, CDG, poñen en escena este texto teatral, o primeiro escrito na nosa lingua, nunha produción realizada para o Festival de Teatro Clásico de Almagro, e que en Caldelas terá un carácter especial, por celebrarse no mesmo lugar no que está ambientado o entremés e realizarse ao aire libre.

Esta mañá no Balneario de Caldelas, tivo lugar a presentación desta representación teatral por parte da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, os directores do CDG, Fran Núñez, e da CTB, Rui Madeira, respectivamente, e do presidente da Fundación L. Peña Novo, Xosé González Martínez. Tamén estiveron presentes no acto os vareadores de Valença e Monçao, Rui Oliveira e Joao Oliveira,  o concelleiro de Cultura de Salceda, Alexandre Rodríguez, o presidente da Comunidade de Montes de Caldelas,  Rosendo Pena, e o presidente da Asociación Cultural A Insua, Alejandro Da Cuña “Cuñi”. 

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, comezou a súa intervención destacando que esta é “unha obra que representa a unión das xentes miñotas”. Sonsoles Vicente explicou que este entremés é un fiel reflexo do que son as Eurocidades, e afirmaba que “o Miño une. As nosas xentes nunca se sentiron desligadas, temos os mesmos costumes, as mesmas manifestacións culturais,  nos sentimos irmáns, e esta representación teatral así o transmite”.  O día 27 dicía, “imos facer unha gran festas da cultura galego portuguesa e agardo que esteades todos aí”. 

Xosé González, presidente da Fundación L. Peña Novo, explicou a historia deste entremés obra de Gabriel Feixoo de Arauxo, editado en 1671, e que estivo case 2 século “durmindo na Biblioteca Nacional até o que descubriu Fermín Bouza Brey”. Segundo expuxo este entremés é “un documento de vital importancia”. Indicaba que “Tui ten que asumir que á sede do primeiro texto teatral escrito en galego” un feito que dicía ten ser transmitido á poboación. 

Rui Madeira, director da Companhia de Teatro de Braga, explicou coma esta produción comezou a xestarse en Tui onde se reuniu hai un ano co director do CDG, Fran Núñez.  A CTB foi seleccionada para representar a Portugal no Festival de Teatro Clásico de Almagro, e a súa vez convidaron ao Centro Dramático Galego “a esta aventura”. Nese momento, sinalou “as compañías decidiron dar ese paso máis importante no profundamento das relacións artísticas e culturais entre o teatro galego e portugués” nun encontro “que se pretende exemplar e que promove o traballo e as colaboración artísticas entre creadores dos dous lados do río Miño”.

Mentres Fran Núñez, director do CDG e desta obra, destacaba coma este é “o texto fundacional da dramaturxia galega” que até o de agora non representara ningunha compañía profesional. Dicía Fran Núñez  que “hoxe creo que é fundamental, nestes tempos, transformar un texto, traballar un texto, que fala dun conflito, dunha división, dunha loita fronteiriza nun elemento de encontro, de encontro presente e de encontro futuro”. Sinalaba que “para o CDG este proxecto é moi especial e moi importante” porque manteñen “as nosas relacións fundamentais con Portugal, neste caso cunha compañía histórica coma a CTB” e ademais porque “é un paso importante para o Centro Dramático de cumprir a súa función coa sociedade”. Nese senso expuña que “facelo aquí, facelo na ribeira, por volta das datas das festas, para nós coma Centro Dramático é un orgullo que nos deixedes o espazo, que esteedes, que colaboredes”   e afirmada que a representación deste venres “vai ser unha gran festa” porque “é un texto clásico, pero o espectáculo é unha comedida musical, un divertimento, un xogo escénico no que a xente o pasa realmente,… e que se acheguen a compartir connosco este momento que vai ser moi especial”.

Dirixida por Fran Núñez co apoio dramatúrxico do responsable da CTB, Rui Madeira, a obra conta cun elenco formado por Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Antonio Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Solange Sá e Fran Núñez, coa colaboración especial de Paulo Bragança. O texto inclúe fragmentos en galego, portugués e castelán, ao igual que o texto orixinal. A música e o baile teñen tamén especial protagonismo, coas coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego. Os equipos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga. A entradas poden reservarse de forma gratuíta en www.tui.gal. O aforo está limitado a 600 cadeiras.

Ponteareas reclama ao Goberno que actúe coa maior dilixencia para mellorar a seguridade viaria na N-120 e impulsar a variante da A-52

O Concello de Ponteareas insiste para que o Goberno do Estado impulse dous proxectos “moi necesarios para a vila”: a mellora da seguridade viaria na estrada N-120, ao seu paso polo municipio, e a variante da A-52.

Tras unha reunión nos pasados días coa Subdelegación do Goberno, na que participou tamén un representante da Plataforma N-120 e a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, ante a falta de información concreta, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, púxose en contacto co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, solicitando de maneira urxente información sobre o estado destas actuacións, os seus prazos e a previsión de importes.

“É imprescindíbel que o Ministerio impulse estas actuacións coa maior dilixencia. A situación requíreo, levamos xa moitos anos escoitando promesas, e non podemos permitir máis demoras nin faltas de concreción”, reclama a rexedora. Así mesmo, considera “imprescindíbel que o Ministerio poña sobre a mesa un cronograma cos prazos concretos e verificables, aos que o goberno ponteareán fará seguimento, e onde se establezan as diferentes fases do procedemento para chegar á execución destas obras”.

En canto nova Variante ou Circunvalación, a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, lembrou que, como se incidiu na xuntanza dos pasados días coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, “o trazado co que se iniciaron as negociacións co Concello xa contemplaba que a variante unise o enlace da A-52 coa N-120 á altura do Barral, e sempre deixamos claro que ese era o noso interese”

Neste sentido, Fernandez Davila considerou “positivo” que o recente trámite ambiental confirme que o trazado previsto dende hai tempo é o mellor dos posibles, polo que “é momento de avanzar sen máis atrasos cara un proxecto que se converta en obra e poña solución a este problema que levamos décadas padecendo”, sinalou.

O pleno de Ponteareas reúnese este martes para tratar a situación destes dous proxectos. “Unha nova resposta unánime de todas as forzas políticas pode ser un bo impulso para estas actuacións tan importantes”, incide Cristina Fernández.

Xa está en funcionamento a fonte de chorros transitable e luz LED do parque “Heriberto Fuertes” da Cañiza

0

O Concello da Cañiza, aproveitando a ola de calor que asolou a localidade durante a semana do 11 de agosto, activou a fonte de chorros transitable do parque “Heriberto Fuertes”, paralizada dende o comezo da Pandemia provocada pola Covid-19 e a declaración do Estado de Alarma.

A nova fonte conta con 16 chorros verticais, regulables en altura por bombas e con variador de velocidade incorporado e foco LED con cambio de cores RGB durante a noite.

Cun orzamento de 48.000 €, contou cunha subvención de 33.600 € do 70 %, da Vicepresidencia 1ª da Xunta de Galicia, pero o Concello tivo que aportar con cargo a recursos propios 14.400 €.

As obras consistiron na demolición do chan de caucho do parque que estaba fortemente deteriorado e na retirada dos elementos de xogo, xa que na parcela limítrofe se estaba construindo un novo parque de esparcemento e lecer. Aproveitouse a existencia doutra fonte neste espazo e os seus  sistemas de abastecemento e desagüe para instalar a nova fonte de chorros transitable regulada. Por último, se instalaron 10 bancos curvos de 1.50 m de largo e 52 cm de ancho, formando parella a intervalos iguais.

As obras contratadas á empresa COVSA S.A. remataron e foron recepcionadas en outubro de 2019 pero o proxecto estaba incompleto xa que non se contemplaron varias actuacións necesarias para a posta en funcionamento da Fonte.

O Concello, facendo un gran esforzo de contención do gasto, atendendo á complicada situación económica que actualmente limita a capacidade de actuación  municipal, tivo que asumir estas obras: faltaba acondicionar o entorno con formigón, rematar o perímetro alrededor da fonte coa colocación de adoquíns de cores, pintar as vallas, instalar o programa de bombeo dos chorros e regulalo e cambiar o sistema de abastecemento da auga.

Segundo manifestou o alcalde Luis Piña, “estamos aplicando unha forte política de austeridade, conseguindo os orzamentos máis baixos e asumibles para acometer estas obras a maiores. Un exemplo é a compra do formigón para o piso e o  seu extendido, pulido e cortado que conseguimos por 1.348,00 € co IVE engadido, cando a meirande parte das empresas ofertaban o servizo moito máis caro”.

Salceda de Caselas aposta polo ensino público rehabilitando a escola en Budiño coa axuda da Deputación

O Concello de Salceda de Caselas reforzou a súa aposta polo Ensino Público e a consolidación da poboación no rural coas obras  que vén de acometer para a reforma integral do edificio de San Estevo de Budiño, englobado dentro do Colexio Rural Agrupado (CRA) Raíña Aragonta. Co apoio do Plan Concellos da Deputación, que achegou unha subvención de máis de 47.000 euros, rehabilitou completamente o inmoble e recuperou para usos docentes o espazo que anteriormente ocupaba a vivenda da mestra. A actuación foi visitada polos deputados provinciais Gregorio Agís e Olga García, xunto a alcaldesa, Verónica Tourón, a tenente de alcalde, Loli Castiñeira, e a concelleira de Ensino, Ángela Ledo.

O C.R.A. Raíña Aragonta ten a súa sede central no centro urbano de Salceda, a carón do colexio Altamira, e dispón de  centros polas sete parroquias rurais do municipio. Constitúe unha rede descentralizada que ofrece un servizo público que agora se ve reforzado. A maiores das obras executadas con cargo á subvención da Deputación, o propio Concello, con fondos propios, rehabilitou os aseos do edificio de Budiño. Na aula cursan estudos de Educación Infantil unha ducia de alumnos e alumnas da zona, facilitando así a escolarización neste ámbito rural.

As obras que hoxe se visitaron acondicionaron integralmente o inmoble, que abrangue máis de 200 metros cadrados distribuídos nunha única planta de 20 x 10 metros e que estaba dividida entre a aula e a vivenda da mestra. Este segundo espazo, que estaba deteriorado, quedou agora convertido nunha sala polivalente que funcionará como patio de xogos cuberto, ximnasio e outros fins docentes.

O proxecto executado baseouse na demolición dos pavimentos existentes para a formación dunha nova soleira, instalación de novas carpinterías de aluminio nos ocos da fachada, trasdosado da cara interior do pechamento exterior e pintado da estrutura da cuberta xa existente. Ademais, ampliouse a instalación eléctrica, dotando o novo espazo de iluminación de baixo consumo. Garantiuse tamén a accesibilidade, cunha rampla que elimina barreiras arquitectónicas na entrada. Finalmente, colocouse unha marquesiña ancorada á fachada como resgardo do alumnado para a espera do autobús.  Coa mellora das instalacións dos aseos, o edificio quedou en perfectas condicións para o seu uso docente.

A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 7 millóns de euros no Concello de Salceda de Caselas desde 2015, tempo no que se financiaron máis de 35 obras. Salceda está a facer unha importante aposta pola atención ás persoas que residen no rural, como demostra a recente rehabilitación integral da antiga Escola de Vendanova, onde a Deputación achegou outros 187.239 euros, para financiar o proxecto municipal de convertela nun centro de atención ás persoas enfermas de alzhéimer e de apoio ás familias. Este ano, o Plan Concellos destina outros 708.541 euros de financiamento regrado para Salceda de Caselas.

Nigrán finaliza a posta en valor do Cruceiro de Mallón

0

O Concello de Nigrán rematou hoxe coa posta en valor do cruceiro de Mallón o plan de asfaltados de nove rúas da parroquia de San Pedro de A Ramallosa por importe de 151.145 € a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra e despois de agardar máis de tres anos por todas as autorizacións. Trátase de Pontillón e Ana Isabel Costas, Pereiro (incluíu antes a dotacón de saneamento), A Igrexa, Cotros de Arriba, Altamira, Rego, Mallón-Pedreiros e Pereiras,  todas elas estaban nunhas condicións pésimas tras máis dunha década sen pavimentar, algunhas incluso dúas. As nove rúas están xa totalmente renovadas tras unha longa tramitación que arrancou a finais de 2017 ao ser requiridos diversos informes sectoriais (Costas, Augas de Galicia, Patrimonio e Axencia Galega de Infraestruturas).

A contorna do cruceiro de Mallón será a que máis note o cambio tras emprender o Concello obras dirixidas á súa posta en valor que incluíron o cambio do asfalto de toda a contorna por adoquinado de pedra. A maiores, levantouse o firme de asfalto que o rodea ata unha profundidade de 25 centímetros para deixar ao descuberto o chanzo inferior da súa base e ao seu redor pavimentarase con cantos de pedra brancos, ademais, contará con iluminación ornamental. “O resultado é a simple vista moi beneficioso e a contorna do cruceiro gañou moitísimo para, precisamente, por en valor este elemento patrimonial e a súa praza”, sinala o alcalde, Juan González, quen agradece especialmente “a paciencia dos veciños”. foron catro anos agardando por todos os permisos necesarios. “O feito de transcurrir Igrexa e Pereiras pola traza do Camiño de Santiago Portugués pola costa e figurar outros en ámbitos de especial protección cultural (cruceiro de San Pedro, Igrexa parroquial, fonte e lavadoiro de Dona ou o xacemento arqueolóxico de Lugar da Torre) fixo que este plan de asfaltado tivese moita máis complexidade administrativa que calquera outro”, explica. Así, non foi ata o 21 de outubro de 2020 cando Patrimonio deu a súa autorización coa condicionante de que o Concello incorporase ao expediente un proxecto de control arqueolóxico e de realización do mesmo, cuestión que incrementou en 20.000 € o orzamento orixinal.

O Concello de Nigrán leva investido nos últimos seis anos máis de 500.000 € só para plans de pavimentación no municipio. “Sabemos que aínda existen moitos camiños onde intervir e non nos esquecemos, había unha débeda histórica coas parroquias e a estamos a saldar en tempo record”, finaliza o rexedor.

Oia realizará unha ruta de sendeirismo que unirá as parroquias de Burgueira e Loureza

0

O Concello de Oia vén de contratar a realización dunha nova ruta de sendeirismo sinalizada no municipio, neste caso un sendeiro circular de 12,5 km que unirá diversos puntos de interese natural, cultural e paisaxístico das parroquias de Burgueira e Loureza.

O itinerario unirá diversos espazos naturais e de lecer nas inmediacións do río Tamuxe, elementos do patrimonio cultural local e puntos desde os que gozar de vistas ao val do Tamuxe e á desembocadura do río Miño no océano Atlántico. Entre os principais puntos de interese atópanse as pozas de Bugalleira e Loureza, a área de lecer de Pozo do Arco, os núcleos de Loureza, Refoxos e Burgueira, as igrexas de Loureza e Burgueira e diversos elementos etnográficos tales como muíños hidráulicos, pontes e cruceiros.

Para o seu trazado aproveitaranse espazos, camiños e pistas xa existentes e en bo estado de mantemento: algúns de titularidade municipal e outros, a través da colaboración coas comunidades veciñais de montes de Loureza e Burgueira, de propiedade comunal.

A iniciativa conta cun orzamento total de 24.177,94 euros (IVE incluído). Deste total, 20.000 euros serán financiados a través dun convenio de cooperación entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, mentres que a cantidade restante será asumida con fondos propios municipais.

Esta actuación incluirá o deseño da ruta, a instalación de diversos elementos de sinalización direccional (que permitirán percorrela de xeito autónomo, sen necesidade de empregar planos ou GPS) e o deseño e colocación de dous paneis interpretativos con información de interese sobre os principais atractivos do sendeiro.

Aposta pola valorización patrimonial

Con esta nova ruta sinalizada o Concello dá continuidade á súa aposta pola valorización do patrimonio natural do municipio, neste caso centrándose especialmente na marxe esquerda do río Tamuxe ao seu paso polas parroquias de Burgueira e Loureza.

Nesta liña de posta en valor patrimonial, a Administración local lembra a creación e sinalización de diversas rutas de sendeirismo nos últimos anos (a Ruta do Mosteiro en 2019 e as tres rutas da Valga -Curro da Valga, Montes de Loureza e Muíños do Calán- en 2020) así como a posta en marcha da programación de rutas guiadas “Descubre Oia” desenvolvida a pasada primavera.

O Concello de Oia ten a intención de seguir nesta liña de creación de equipamentos e oferta de lecer ao aire libre arredor do patrimonio natural; accións das que pode beneficiarse tanto a veciñanza como os visitantes interesados no contacto coa natureza, a actividade física e o turismo activo.

Tomiño mellora a eficiencia enerxética do edificio do mercado de Goián

0

O Concello de Tomiño está a desenvolver a rehabilitación enerxética do edificio Usos Múltiples e mercado de Goián (o segundo núcleo urbano do municipio), grazas a unha axuda do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético) por importe de 254.567,21 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo de Crecemento Sustentable 2014-2020, dentro do Obxectivo Temático 4 – Economía Baixa en Carbono. Trátase dunha subvención a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020.

Os obxectivos específicos nos que se enmarca a operación son os de eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos. Así, as actuacións que se están levando a cabo inclúen a rehabilitación enerxética da fachada do edificio cun sistema de illamento exterior, reforma da terraza e renovación da cuberta cun sistema de bandexas perfiladas de aluminio e instalación de nova carpintaría de aluminio ao exterior da existente con triplo acristalamento e marco de aluminio de cinco cámaras. O edificio obxecto deste proxecto está incluído no Catálogo de Patrimonio do Concello con protección ambiental, polo que calquera actuación que se realice, necesita autorización da Consellería de Patrimonio.

O edificio foi construído no ano 1950 e o seu principal problema atopábase na ausencia de illamento térmico en toda a envolvente, o que provocaba un elevado consumo enerxético para acondicionar o interior, tanto en inverno, como en verán, producíndose grandes perdas de enerxía. Calcúlase que con esta actuación, as emisións de CO2 diminuirán de 47,0 kg de CO2/m2 ano a 21,6 kg (máis da metade) CO2/m2 ano, pasando dunha cualificación enerxética E a unha C.

Existían ademais patoloxías de condensación na envolvente térmica e deficiencias de filtración a través de parámetros verticais e no encontro dous torreóns.

O orzamento total das obras ascende a 318.209,02 euros, cubríndose o 80% do custe cos 254.567,21 euros achegados polo IDAE, e o resto, con fondos municipais.

Con esta nova subvención, xa son cinco grandes proxectos con financiación do IDAE que o goberno local foi quen de conseguir nos últimos anos, logrando a achega de fondos por un importe superior a 1.3 millóns de euros, que se dedicaron á rehabilitación enerxética de diferentes edificios públicos (Benestar Social, Policía Local, Concello, Escola Obradoiro) e á reconfiguración de espazos públicos en Goián.

Espazo para a mocidade

Paralelamente á obra, o Concello está traballando na redacción dun proxecto sobre os usos a que se vai dedicar unha parte importante do edificio da antiga praza de abastos. Conta ademais cunha partida de 60.000 euros de fondos propios para reformar o interior de dito espazo, anexo ao mercado propiamente dito. Existe a intención de crear un espazo pensado para a mocidade de Goián, coa habilitación de zonas destinadas á creación de iniciativas empresariais vencelladas á arte e a outros proxectos creativos.

O alcalde da Cañiza e o delegado territorial da Xunta visitan as obras de urbanización entre a rúa Progreso e o Regueiro

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, acompañou o pasado venres ao delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, e ao xefe territorial de Medio Abiente, José Manuel González, na visita realizada ás obras de urbanización no entronque entre a rúa Progreso e o Regueiro.

Ademais, na visita tamén estiveron presentes os concelleiros da Corporación Municipal. Estas obras de urbanización están enmarcadas dentro do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, executadas pola Xunta de Galicia.

As obras deron comezo o pasado 24 de setembro e consistiron na urbanización do tramo de cabeceira de conexión entre a N-120 e o Regueiro  nunha superficie de 43,50 ml. Rematadas as obras por parte da empresa e recepcionadas o pasado 5 de novembro de 2020, a urbanización precisou de varias correccións por non terse contemplada inicialmente a conexión entre ambas beirarrúas para a canalización soterrada da tubería de telefonía e comunicacións. Ademais, asfaltouse o entronque sen retirar previamente un poste de alumeado público situado no medio dunha das calzadas.  

O Concello tivo que acometer estas correccións, abrindo unha “zanja” por toda a calzada para conectar ambas beirarrúas na N-120, colocando a tubería de comunicacións e xestionando o reasfaltado deste tramo, no que queda pendiente colocar as baldosas para  invidentes dacordo coa normativa vixente.

Aproveitando a execución destas modificacións, o alcalde Luis Piña informou de que tamén se desplazará a sinalización do paso peonil 65 cm máis abaixo na calzada para facilitar a incorporación dos vehículos á N-120.

Orixe da obra

A obra desenvolveuse no marco dun convenio asinado no ano 2019 entre o Concello e a Consellería por un importe de 46.995,44 € dos que a Consellería aportará o 70% e o Concello  o 30%  restante.

Este expediente estivo paralizado dende febreiro de 2019 por un error detectado na Dirección Xeral de Urbanismo cando a Xunta solicita, ao Concello gobernado polo anterior alcalde, o envío do proxecto completo e se envía un proxecto de urbanización que nada tiña que ver coa Memoria inicial de Humanización que da lugar á sinatura do Convenio.

Isto provoca unha parálise na tramitación do expediente, ata que recién tomada posesión na alcaldía, Luis Piña interesase polo Convenio e solicita unha entrevista coa Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Esta reunión celebrarase o 30.08.2019 en Santiago e terá como resultado a sinatura dunha Addenda pola que se modifica o convenio cambiando o proxecto de humanización por Urbanización. A partires deste momento o expediente continúa a súa normal tramitación.

O programa Mocidade Viva continúa animando as noites de verán da mocidade en Ponteareas

O programa Mocidade Viva continúa amenizando as noites dos mozos e mozas de Ponteareas durante este verán. Hoxe martes, ás 21:00 horas, a Praza Maior acollerá unha xornada adicada a gozar do bádminton, unha actividade que, segundo explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, ten o obxectivo de “achegar os rapaces e rapazas á vida saudable e a un deporte que cada vez ten máis tradición en Ponteareas”.

O mércores, ás 21.00 horas, o IES Val do Tea será o escenario da xincana “Operación Camarón”, converténdose nun lugar onde os rapaces e rapazas deberán formar grupos e demostrar a súa destreza ata obter o tesouro final: un prezado camarón. Para logralo, deberán superar unha serie de probas con habilidade, procurando non caer nas trampas que lle dificultarán chegar ata o desenlace.

Os grupos poden estar formados por entre 4 e 6 persoas, de entre 12 e 30 anos. As prazas son limitadas, e a inscrición pode realizarse no enderezo electrónico [email protected]. As persoas que non teñan grupo poden inscribirse individualmente, a organización combinará os  grupos para que poida participar.

O programa Mocidade Viva é, para Miguel Bouzó, unha clara mostra de que se poden realizar actividades alternativas, saudables e de xeito seguro destinadas ás mozas e mozos. Así mesmo, o concelleiro quixo destacar o “gran traballo que levan a cabo as dinamizadoras xuvenís”, un grupo de voluntarias e voluntarios que recibiron unha formación en lecer alternativo e saudable facilitada polo Concello.

Ademais, puxo en valor “o labor do grupo de monitores e monitoras que temos en prácticas, que se encarga da planificación e execución dalgunhas destas actividades tras realizaren o curso de monitor de actividades de tempo libre subvencionado polo Concello. Esta formación foi proposta pola goberno local para ofrecer á mocidade formación complementaria e facilitar o seu acceso ao mercado laboral”, conclúe.

Redondela inicia as obras de canalización e iluminación do Camiño da Tafona

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Ambiente, vén de iniciar esta semana as obras de canalización e iluminación do Camiño da Tafona, unha mellora moi demandada por centos de veciños que viven na parroquia de Reboreda.

As obras, que terán una duración de dúas semanas de execución, inclúen a canalización cunha tubería e arqueta e a instalación de 12 luminarias na zona, as dúas accións consideráronse moi necesarias na zona.

Segundo mencionou o concelleiro de Medio Ambiente de Redondela, Roberto Villar, “con esta actuación no Camiño da Tafona vaise mellorar substancialmente a zona xa que se trata dun espazo moi transitado polas veciñas e veciños de Reboreda xa que comunica a zona do Canudo co centro urbán, evitando dar un rodeo dun quilómetro”.

Así, o Concello de Redondela atende unha vez más ás demandas da veciñanza, tomando as accións necesarias para liquidar problemas e coa maior rapidez posible.

Éxito de participación no I Torneo de Petanca Concello da Guarda

0

O pasado sábado día 21 de agosto de 2021 o Parque deportivo do Codesal acolleu a primeira edición do Torneo de Petanca Concello da Guarda, un evento deportivo que tivo comezo ás 9:00h da mañá e que se estendeu ao longo do día e no que participaron un total de 32 equipos.

O Clube anfitrión O Caldeiro, creado no ano 2018 conta na actualidade cun total de 60 socios e 25 federados, empregando para os seus adestramentos as 16 pistas existentes na actualidade no Parque deportivo do Codesal.

Tanto o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, coma a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, valoraron moi positivamente esta primeira edición dun evento que, sen dúbida, está realizado para consolidarse na vila ante o auxe da práctica da petanca no municipio, que conta arestora no Codesal cunhas instalacións que se están a mellorar continuamente e que xa contan cun total de 16 pistas, alumeado, aseos, etc.

[su_image_carousel source=”media: 43603,43604,43605,43606″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Xunta e hostalería confían en aplicar o novo modelo de acceso aos locais a principios de setembro

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron unha xuntanza por videoconferencia cos representantes da hostalería en Galicia para revisar a proposta realizada pola Administración o pasado venres, sobre o establecemento dun modelo que garanta o acceso seguro as locais, independentemente da situación epidemiolóxica que teña cada concello. A esta xuntanza tamén acudiron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

No transcurso da reunión, Alfonso Rueda destacou que o obxectivo do Executivo galego é ter este novo modelo en funcionamento a principios de setembro. Ademais, informou   que na reunión de hoxe, tamén se revisaron as suxestións feitas a semana pasada, unhas propostas ás que se engaden outras, e que terán que ser revisadas e valoradas, tanto polo comité clínico como polos hostaleiros.

Pola súa banda, Julio García Comesaña, indicou que haberá tres niveis e que os locais que cumpran un maior número de condicións, poderán manter uns aforos máis altos. Incidiu así mesmo en que se están a buscar criterios comúns para chegar a un consenso fundamental en todo o que teña que ver coas distancias, aforos, ventilacións e a utilización de xeles hidroalcólicos entre outros.

A Dirección Xeral de Sáude Pública lembra da importancia do uso da máscara e o mantemento da distancia social, sen esquecer que se debe manter a calidade do aire, seguindo a guía de boas prácticas de ventilación. Neste sentido, o conxunto de medidas que se aproben serán auditadas polo corpo de inspectores de Saúde Pública

A Xunta de Galicia destaca a boa predisposición que hai por ambas partes para chegar a acordos sobre este tema.

Preto de medio centenar de artistas medíronse no 9º Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández

0

Os premios do 9º Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, celebrado o domingo en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira (Portugal), estiveron moi disputados.

O gañador absoluto do concurso organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño foi este ano Federico Plasencia Chacón, de Cáceres. O segundo premio foi para Julio Herrero Romero, de Vitoria, e o terceiro para Alberto Falcón Sineiro, de Cambados.

Xurado e gañadores adultos

Na categoría infantil, que se convocaba por segundo ano consecutivo, o primeiro premio foi para

Olaia Castro Souto (11 anos, A Coruña), e o segundo, para Nicolás Carbajal (6 anos, Ourense). Mentres, Uxía Soto Costas (13 anos, Vigo) fíxose co primeiro premio na categoría xuvenil, quedando o segundo deserto.

Un total de 44 participantes (36 adultos e 8 menores de idade) presentáronse a concurso, elixindo diversos recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa (Cerveira) para instalar a súa mesa e cabalete. A procedencia dos artistas foi coma sempre, moi variada, presentándose xente da zona, pero tamén doutros puntos de Galicia, España e Portugal. O tempo acompañou, e o ambiente que se creou ao redor das prazas de ambas as vilas fronteirizas, foi realmente auténtico.

Intervención da alcaldesa

A entrega de premios e exposición dos cadros, fíxose por primeira vez na renovada Praza Pintor Antonio Fernández, sobre as seis e media da tarde. O acto estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen salientou o gran nivel acadado polo certame, tanto no aspecto artístico, coma de participación, así como a constante evolución do certame que considera totalmente consolidado. Acompañaron á rexedora a concelleira da Eurocidade, Fátima Rodríguez, e distintos representantes do mundo da cultura e das artes, dun e doutro lado da fronteira.

O xurado estivo presidido tamén pola alcaldesa e formado ademais por artistas de renome da zona, representantes da Bienal de Cerveira, da Asociación Antonio Fernández, Comunidade de Montes de Goián, Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas de Tomiño, concelleiros, etc.

Os traballos exporanse dende mañá e até o domingo próximo no Centro Goianés, pasando a semana seguinte á Bienal de Cerveira, onde estarán ao longo de sete días.

O mosense Anxo Martínez Rojo presenta na casa a súa curta ‘Aqueles días de agosto’

0

O mosense Anxo Martínez Rojo presentará no seu municipio natal, o concello de Mos, a súa curtametraxe ‘Aqueles días de agosto’, que se proxectará previamente ao film ‘María Solinha’.

A reproducción da cinta de Martínez Rojo, que dura 9 minutos, farase antes do visionado da película ‘María Solinha’ e, o coloquio con el, realizarase unha vez rematada a longametraxe. Despois de ‘Aqueles días de agosto’ proxectarase ‘María Solinha’, que tamén contará coa presenza do seu director, Ignacio Vilar, que presentará a cinta e charlará sobre a mesma co público presente. Será o vindeiro venres, 27 de agosto, a partir das 22.00 horas, durante a sesión de Cine na Rúa programada nos exteriores do Centro Dotacional de Torroso.

O acceso ao recinto exterior no que se realizarán as proxeccións abrirase ás 21.00 horas, e o aforo será limitado por protocolo preventivo anti COVID-19, con entrada de balde ata completar a cabida.

O ciclismo volverá rodar no Rosal na 29ª edición do Trofeo Pista de As Faias

0

As bicicletas volverán rodar no Rosal na 29ª edición do Trofeo Pista de As Faias, que se levará a cabo o vindeiro sábado 28 de agosto en Tabagón. Máis dun centenar de deportistas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, e cadetes, competirán nunha proba federada de “relevancia no Circuíto Galego”, afirma o director deportivo do Club Ciclista O Rosal, Alberto Rodríguez.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, quere dar “os parabéns” ao Club polo seu “gran traballo polo deporte e a educación en valores”. “Levan moitos anos sendo uns dos principais promotores do deporte no Rosal, inculcando a nenas e a nenos o valor do esforzo, da paixón, da superación… E formando grandes profesionais do ciclismo como Serafín Martínez ou Gustavo Otero”, destaca a rexedora.

“O confinamento visualizou o importante que é a actividade física para saúde, e a oportunidade deportiva que dá o Club á veciñanza é unha sorte”, afirmou o concelleiro de Deportes, Germán Fernández. O director deportivo coincide co edil, e engade ademais que durante este ano teñen o dobre de ciclistas no equipo que antes da irrupción da COVID. “Unha moi boa noticia”, conclúe.

O Concello de Nigrán recupera o festival ‘Rock in Patos’ este sábado 28 de agosto

0

O Concello de Nigrán recupera este sábado 28 de agosto con ‘Family Folks’ e a banda tributo a Leño ‘El tren’ o seu senlleiro festival ‘Rock in Patos’  (o ano pasado foi cancelado ante o incremento de casos Covid-19). Novamente, a zona do mercado de Patos (rúa Cansadoura) coas súas marabillosas vistas á praia de Abra,  será o escenario elixido para que os amantes do rock gocen da música en directo. Esta terceira edición, que conta novamente co apoio económico da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, volverá a ser inclusiva grazas ás cinco mochilas vibratorias do Concello de Nigrán para o uso das persoas xordas, así, os interesados en empregalas deben solicitalas previamente no mail [email protected] ou no whatsapp 690679675. ‘Rock in Patos’ volverá a unir ‘Rock&Food&Beer’  coa presenza de  Capitán Filloa e Trisk-Ale cervexas.

“Viviremos un solpor espectacular cara a Praia de Abra coa música en directo de dúas bandas da comarca especialistas neste xénero”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, quen aposta por darlle a mesma continuidade ao ‘Rock in Patos’ que ao Nigranjazz, Solpor, Vive Nigrán ou ChandeFolk. “En Nigrán programamos festivais durante todo o verán para tódolos gustos e idades e en espazos espectaculares que poñen en valor o noso municipio”, resume.

O rock de raíces de Family Folks, presente nos seus dous discos ‘All the Lost Causes’ e ‘The Anvil Sea’, abrirá o festival ás 21:00 horas mesturando o seu son coas ondas do mar, o olor a salitre, a taberna, as raíces folk, as causas perdidas… O grupo está liderado por Bosco Hill (The Last But One,  Hill &  The  Rebolution!) e Rubén Xuárez (Mec mecs, High Serras, Foggy Mental  Breakdown) xunto aos irmáns Martín e Jorge López (Los Wavy Gravies, Dead Wood) na sección rítmica, Óscar Liboreiro na guitarra eléctrica e producción e Xabier Vieitez no teclado.

A continuación, sobre as 22:00 horas, Tucho Alonso á guitarra e voz, Bruno Alonso á batería e Joselo Gomez ao baixo e coros porán en marcha ‘El Tren’, considerada como a mellor banda tributo a Rosendo e os éxitos de Leño a nivel nacional, sendo habituais na escea viguesa. Xuntos revivirán á perfección temas míticos como ‘Maneras de vivir’, ‘Agradecido’, ‘Este Madrid’, ‘Flojos de pantalón’, ‘Sorpréndete’ ou ‘Qué desilusión’ .

O II Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Minho chegou a pasada fin de semana

0

A pasada semana celebrouse o II Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Minho, un evento preparado conxuntamente polos municipios de Caminha e A Guarda que unha vez máis constituíuse coma un espazo de achegamento entre as dúas beiras do Río Minho a través do mundo da escrita:  novelas, investigación histórica ou social, relatos infantís son algúns dos exemplos que os visitantes a este evento puideron atopar ao longo da pasada fin de semana nas Prazas de Avelino Vicente (A Guarda) e Praça Conselheiro Silva Torres (Caminha), onde desenvolveuse de maneira simultánea.

O evento constituíuse de dúas partes diferenciadas: dunha banda a venda e exposición de libros publicados polos Concellos do Baixo e do Alto Minho e doutra banda a realización de actividades como presentacións de libros, recitais de poesía, concertos… que nos achegaron á nosa identidade literaria nun formato mais dinámico.

Aínda que o Encontro do Libro Luso Galaico estivo organizado polos Concellos de Caminha e A Guarda, estiveron presentes nel os diferentes concellos da fronteira: Oia, O Rosal, Tomiño, Tui e Salceda de Caselas do lado galego e Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço.

Entre as accións máis destacables, cabe subliñar os concertos de Nelson Quinteiro “As nosas músicas d’aquí” e de Xardín Desordenado, ou a presentación do ensaio “ A Construcción da Fronteira Portuguesa” a cargo de Silvia Cernadas. O recital de diferentes poetas portugueses ou o concerto da Academia de música Fernandes Fâo, completaron a programación na Guarda.

Tal e como manifestaron o Alcalde da Guarda, e o Presidente da Câmara de Caminha, este evento é unha forma máis de achegamento entre dous pobos irmáns, que cada día tenden lazos e se achegan con accións e actividades en común.

Gondomar estrea o maior parque lúdico canino da provincia grazas á Deputación

0

O Concello da Gondomar vén de gañar un novo espazo público para o lecer canino e o descanso e esparexemento de viandantes, unha obra financiada cunha achega da Deputación de preto de 85.000 euros ao abeiro do Plan Concellos. Os deputados provinciais Carlos Font e Iria Lamas , acompañados do alcalde, Francisco Ferreira, estiveron hoxe na estrea oficial deste novo equipamento da avenida Curros Enríquez, que constitúe o maior parque lúdico canino do sur da provincia.

O proxecto consistiu na creación dun recinto para as mascotas e dun parque no que se habilitou unha área de merendeiro para a veciñanza, unha pérgola e un circuíto dotado con aparellos biosaudables. En total, obrouse nunha superficie de 3.000 metros cadrados, nos que se procedeu á preparación e pavimentación do terreo, creación de superficies con area, cercado do recinto, instalación da rede de alumeado, saneamento e auga para as fontes e preparación do céspede. A actuación contemplouse o subministro e colocación dunha papeleira e contedor de residuos caninos e o acabado final das fontes e biosaudables, entre outras pezas de mobiliario.

O novo parque está dotado de aneis de salto, mesas caninas, pasos, ramplas e corredores para as mascotas que dan lugar a un circuíto agility (modalidade que combina a disciplina e o deporte neste tipo de percorridos e que os animais deben superar acompañados dos seus donos/as). Ademais, as novas instalacións destacan pola súa orientación pedagóxica pensada para que os cans e cadelas saiban como actuar; e por estar valadas, posibilitando que poidan interactuar soltos no interior á vez que se garante a súa seguridade. Pola súa banda, a zona de biosaudables está dividida nunha subzona adaptada, outra para dúas persoas e outra que da cabida a sete usuarios simultaneamente. A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 9,2 millóns de euros no Concello de Gondomar desde 2015, tempo no que se financiaron preto de 50 obras de saneamento, pavimentación de camiños, infraestruturas e mellora dos equipamentos do municipio a través do Plan Concellos. Amais, subvencionáronse múltiples actividades socioculturais para a dinamización da vila e procedeuse á contratación de máis de 70 persoas para traballar en servizos de competencia municipal. Este ano, o Plan Concellos destina outros 1.018.584 euros de financiamento regrado para Gondomar.

O programa “Fai clic ao teu bocata” chega a Arbo

0

Os nenos participantes do campamento de verán do Concello de Arbo, degustaron unha deliciosa merenda a media mañá, mentres descubrían canta variedade e calidade ofrece o noso mar.

O programa da Consellería do Mar da Xunta de Galicia “Fai clic ao teu bocata”, que quere dar a coñecer os beneficios do peixe e marisco entre os máis novos, visita o campamento do Concello de Arbo.

Dous cientificos mariños que acudiron para contarlle aos nenos a gran importancia de coidar o mar, os animais que o habitan, as diferentes artes de pesca, o saudable que son as conservas e cómo facer bocatas con elas.

O proxecto da Xunta, levado polo Concello de Arbo, ao campamento de verán de Arbo, onde os participates aprenderon que as conservas son moi saudables, que manteñen prácticamente todas as propiedades nutricionais e, ademais, que son moi boas, algo que eles mesmos puideron comprobar ao probar bocadillos con diferentes conservas e preparados moi imaxinativos. Tamén explicouse aos nenos por qué as conservas de peixe e marisco son unha opción fantástica para poñer no medio do pan.

Os nenos ademais de degustar os produtos do mar, tamén recibiron agasallos para recordar a importancia de coidar o mar e consumir peixe.

A Deputación abre o prazo de inscrición para a ruta ornitolóxica “voando nas rías baixas”

A Deputación de Pontevedra abriu hoxe, luns, o prazo de inscrición para a segunda das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 5 de setembro, permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Serra do Cando, nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Forcarei e Beariz. Ofértanse 20 prazas para esta excursión guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse vía electrónica na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).

Situada a continuación da Serra do Suído, a Serra do Cando é un sistema montañoso da provincia protexido pola Rede Natura 2000 dun alto valor ecolóxico, que se caracteriza pola presencia do lobo ibérico e aves rapaces. As partes baixas da serra teñen fermosos vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados, cuxos espazos abertos en primavera e verán son sobrevoados por grandes rapaces como o impresionante voitre leonado, a aguia calzada, o abelleiro europeo, a aguia cobreira ou o miñato. As pendentes de monte baixo son territorio da tartaraña cincenta e a gatafornela, así como do lagarteiro común e falcón peregrino, o picanzo vermello, perdiz, tordo charlo ou a laverca.

A excursión estará conducida por dous experimentados guías ornitolóxicos de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as persoas participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta segunda ruta, o resto continuarán a partir do mes de outubro, coa camiñada polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), para a que as persoas interesadas poderán apuntarse desde o día 11 dese mes, mentres que o 14 de novembro celebrarase a actividade na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións abertas desde o día 2. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro.

Éxito na concentración do domingo da Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Tomiño

0

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Tomiño convocou, este pasado domingo ás 12:30 horas, na praza de Santa María de Tebra, a toda a veciñanza para intentar darlle as máximas faciidades achegándose ás parroquias.

Con esta intención queren informar á cidadanía cómo avanza a situación da sanidade pública en Tomiño, referido ao Centro de Saúde e ao consultorio médico de Goián.

Así mesmo, houbo dispostas dúas mesas para recoller sinaturas de apoio as distintas   reinvindicacións da plataforma en  representación de todos os veciños. Os números de participación cidadá foron moi interesantes, máis de cento vintecinco persoas achegáronse a asinar e a escoitar.

O acto abriuno Violeta de Santiago, que é membro da plataforma, seguido de Conchi Millán de Tebra, con múltiples problemas de saúde e tamén membro da plataforma, acompañados polo doutor Jesús Araújo Nores, o cal está axudando á plataforma, ao que se lle agradece enormemente a súa presenza e colaboración. Así mesmo, tamén contouse coa presenza do delegado do goberno da Zona Franca de Vigo, David Regades.

O peche do acto realizouno Violeta, anunciando que a plataforma estará no mercado de Tomiño o vindeiro mércores 25 de agosto coas mesas de sinaturas. Ademáis, esas mesas de sinaturas tamén poderán atoparse o próximo domingo na parroquia de Sobrada.

As “rutas de arquitectura” da Deputación ofrecen rutas por dez concellos da provincia

Os pazos, mosteiros, as construcións civís, castrenses e relixiosas da provincia, son os protagonistas das Rutas de Arquitectura cos que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para difundir o noso patrimonio en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes. Nesta edición serán catro as andainas previstas, que percorrerán espazos de dez concellos da provincia e que se celebrarán os sábados pola mañá do 18 de setembro ao 9 de outubro, cun total de 100 prazas.

Cada un dos catro itinerarios, que se celebrarán en horario de 10 a 13.30 horas, contará con 25 prazas e terá como guías ás doutoras en Arquitectura Estefanía López e Luz Paz. Para participar é precisa a inscrición previa, que xa pode realizarse no enderezo electrónico [email protected], indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto. 

Os percorridos arrancarán o 18 de setembro coa ruta por Pontevedra e Poio que tivo que suspenderse o pasado ano por mor da Covid, e que conducirá Estefanía López. Nela, as persoas participantes visitarán as Ruínas de San Domingos, pazos urbanos e as igrexas da Peregrina e San Bartolomé en Pontevedra, así como o Mosteiro de Poio.

A segunda das andainas desenvolverase o 25 de setembro na comarca do Baixo Miño, onde tamén Estefanía López guiará este percorrido polo Mosteiro de Santa María de Oia, a igrexa de Santa María e o Castelo de Santa Cruz no concello da Guarda e a Fortaleza de San Lorenzo de Goián en Tomiño.

Doutra banda, Luz Paz ofrecerá as explicacións da ruta que terá lugar o 2 de outubro pola comarca de Caldas, nos concellos de Moraña e Catoira. Nel visitaranse o Santuario dos Milagres de Amil (Moraña), e as Torres do Oeste, a ermita e a carballeira de San Cibrán de Dimo en Catoira. Por último, o 9 de outubro a mesma guía conducirá a ruta por espazos patrimoniais na comarca do Salnés. Partirá do Mosteiro da Armenteira (Meis) e continuará pola Igrexa de Santa María de Dozo (Cambados) e o Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia).

O desenvolvemento destes percorridos estará guiado por un estrito protocolo con tódalas medidas de seguridade e garantías sanitarias e será obrigatorio o uso de máscara.

O Salón de Plenos da Cañiza acolle a exposición dos 50 anos do C.F. Cañiza

0

O pasado sábado 14 de agosto, o Clube Fútbol Cañiza celebrou, na Praza Maior, o Acto Conmemorativo do seu 50 Aniversario. Un acto no que se rendeu un emotivo homenaxe a todas as persoas que formaron parte do Cañiza durante este medio século de vida: dende o ano 1971, ano no que se federou o Equipo ata este 2021, un ano Covid que quedará marcado na súa historia.

Pero o fútbol na Cañiza comezou moito antes, case 35 anos antes de que se federase. Pois os xornais dos anos 30 do século XX xa publicaban notas sobre as seus encontros deportivos.

O alcalde, Luis Piña, da man do presidente de Honra, Carlos Mera, e da nova presidenta do Clube, Mónica Paz, tivo a oportunidade de coñecer algunhas das anécdotas asociadas a este gran equipo: triunfos e trofeos, ascensos, derrotas, xogadores, directivas, equipacións, publicacións así como gran cantidade de artigos que documentan a Historia con mayúsculas do Cañiza. Todo isto recopilado nunha completa exposición que estará aberta ata o 30 de agosto.

Unha historia da que xa hai indicios no ano 1927, nas hemerotecas, e que falan dos encontros disputados  no verán cos  equipos de Ribadavia, Arbo, Cortegada…

[su_image_carousel source=”media: 43543,43542″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A finais dos anos 60 empeza a xerminar a idea de federar o equipo e o 20 de outubro de 1970, nunha reunión celebrada no Concello, créase unha Xunta Xestora encargada de tramitar o papeleo. Esta xestora estará formada por Carlos Raimundo Mera Rodríguez como presidente, Antonio Alves Iglesias coma vicepresidente, Leoncio Bacelar Queimadelos coma Secretario e César Mera González coma tesoreiro.

Redactados os estatutos, en marzo do ano 71 celebrarase a primeira asamblea do clube, da que sairá a primeira xunta directiva, na que repiten os integrantes da xestora, ca salvedade de que Carlos Mera será vicepresidente e Antonio Alves será o primeiro presidente do equipo.

O 14 de setembro de 1971, recíbese a confirmación para poder participar en competicións da Federación Territorial Galega de Fútbol, concretamente en 2ª Comarcal. Nesta tempada 71/72 empezarán a competir. Nesta primeira tempada clasificáronse co 5º posto. A partires de aquí xogarían ininterrompidamente durante 50 anos, ca excepción da 20/21 por culpa da pandemia da COVID 19.

Militaron en terceira, segunda e tamén en primeira autonómica á que chegaron na tempada 86 – 87 e na que permaneceron 3 anos máis, concantenando despois unha serie de ascensos e descensos entre segunda e terceira ata o derradeiro ascenso logrado na tempada 19 – 20. Así chegaron ata o ano 2021, no que como broche de ouro a toda esta historia, se fusionan  co ADECA (Asociación Deportiva Cañiza) C.F.

Redondela inicia o proceso de licitación da obra de reforma integral das antigas dependencias do Conservatorio de Música

0

O Concello de Redondela iniciará os trámites para a licitación da obra de remodelación e rehabilitación das antigas dependencias do Conservatorio de Música, unha vez recibida a correspondente autorización da Xunta de Galicia, necesaria ao tratarse dun inmoble enclavado no Camiño de Santiago ao seu paso pola vila redondelá.

Este primeiro paso de licitación do proxecto, marca o inicio dunhas obras que contarán cun investimento de preto dos 300.000 euros ao abeiro das liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do Patrimonio Histórico e Cultural e a creación de novos eventos culturais.

A concelleira de Urbanismo, María Castro, subliña o feito de que a recuperación deste inmoble “non é unha obra illada, senón que forma parte dun amplo plan de rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico do municipio.

Trátase pois de remodelar para que, unha vez rematados os traballos, poida acoller no primeiro andar as Oficinas de Turismo que, como todas as obras que desenvolve o Goberno local, estará adaptada a todas as normas de accesibilidade. A planta baixa recuperaríase para a función de espazo de usos múltiples no que desenvolver actividades e eventos co fin de poñer en valor o acervo cultural do municipio.

Son, explican tanto a alcaldesa Digna Rivas como a concelleira de Urbanismo, “obras de alcance” xa que non se trata de pequenas reformas, “senón da rehabilitación integral, interior e exterior, de todo o edificio. Así, as obras no exterior, incluirán traballos de recuperación na fachada, cuberta e carpintería exterior, mentres que no interior redistribuiranse os espazos e levaranse a cabo todas aquelas accións encamiñadas a adaptar o inmoble ás normativas de accesibilidade e seguridade.

Cómpre salientar que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e que, o turismo de peregrinos supón, no caso de Redondela, preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.

O Goberno redondelán lembra que o municipio “conta cun importante patrimonio cultural, que é necesario poñer en valor”. A alcaldesa Digna Rivas salienta o feito que a través deste programa “estanse a poñer en marcha un conxunto de actuacións que recuperen e rehabiliten o patrimonio histórico de Redondela”, un patrimonio, recalca, “que corre un grave perigo de deterioro e, polo tanto de desaparición e que inclúe xacementos arqueolóxicos, casas históricas ou cemiterios de alto valor histórico e patrimonial”.

Desde hoxe están abertas as inscricións para os “Bosques Terapéuticos” e a “DepoAndaina”

A Deputación de Pontevedra seguirá a desenvolver no vindeiro mes de setembro un amplo programa de actividades ao aire libre para fomentar hábitos saudables entre a cidadanía e promover ao mesmo tempo  o desfrute dos espazos naturais da contorna da provincia.

Deste xeito, hoxe luns 23 de agosto abrirase o prazo de inscrición para as sete rutas previstas ese mes dos Bosques Terapéuticos. Ademais, ábrese o prazo para participar na cuarta DepoAndaina deste verán que terá lugar o 12 de setembro polo sendeiro azul do río Verdugo, no Concello de Ponte Caldelas. Para tomar parte nestas actividades, as persoas interesadas terán a súa disposición a partir do luns formularios na web da Deputación (nas ligazóns https://www.depo.gal/visitas-guiadas-bosques-terapeuticos  e https://www.depo.gal/depo-andainas).

No caso dos Bosques Terapéuticos, hai 105 prazas (15 por cada ruta), e para a DepoAndaina ofrécense 200. Os “baños de bosque“ desenvolveranse neste mes de setembro no Parque Natural Monte Aloia de Tui (día 4), na Ruta da Pedra e da Auga de Meis (día 12); no sendeiro azul do río Verdugo en Ponte Caldelas (5 e 19); na Senda do Almofrei de Cerdedo-Cotobade (18) e na Fraga de Catasós (11 e 25 de setembro).

Ademais, o sendeiro azul caldelán será o 12 de setembro o escenario da cuarta e última DepoAndaina deste verán programada pola Deputación. Será unha camiñada de aproximadamente 8,5 quilómetros de itinerario circular, na que as persoas participantes poderán gozar da tranquilidade dos camiños e sendas dos e das pescadores do río Verdugo ao seu paso polo concello de Ponte Caldelas. A andaina ten unha dificultade media e a saída será ás 10 horas desde a Rúa da Ponte de Ponte Caldelas.

O Concello de Oia informa do horario do Servizo de Transporte ao IES A Sangriña

0

O Concello de Oia informa dos horarios do servizo de transporte ao IES A Sangriña (A Guarda), que funcionarán no vindeiro curso escolar 2021-2022.

A liña da empresa Lugove que dará o citado servizo será a “ruta XG8836601 IES A Sangriña-San Xian-Oia-Pedornes-Burgueira-Loureza”, cos horarios (de luns a venres) que se achegan na seguinte táboa:

IDA

FRECUENCIASAÍDAPERCORRIDOCHEGADA
L-V07:25LOUREZA-BURGUEIRA-PEDORNES-OIA- SAN XIÁN-IES A SANGRIÑA08:15
LUNS15:05LOUREZA-BURGUEIRA-PEDORNES-OIA- SAN XIÁN-IES A SANGRIÑA15:55

VOLTA

FRECUENCIASAÍDAPERCORRIDOCHEGADA
L-V14:05IES A SANGRIÑA- SAN XIÁN-OIA-PEDORNES- BURGUEIRA-LOUREZA14:55
LUNS17:45IES A SANGRIÑA- SAN XIÁN-OIA-PEDORNES- BURGUEIRA-LOUREZA18:35

O transporte entre Oia e o IES da Sangriña está operativo desde a aprobación, o pasado ano, do Plan de Transporte Público de Galicia.

Toda a información sobre liñas e horarios da empresa de transporte Lugove con orixe ou destino Oia está dispoñible na web bus.gal e tamén  na seguinte ligazón da web municipal: http://www.concellodeoia.es/documentos/linas-transporte-oia-lugove/.

Este transporte pode ser utilizado tanto por estudantes como por veciños e veciñas non estudantes que o precisen. Existen bonos a disposición dos viaxeiros con descontos para persoas con discapacidade, nenos menores de 6 anos, pensionistas, desempregados de longa duración, etc.

Tarxeta de transporte para a mocidade

Por outra banda, o Concello de Oia informa de que, as persoas mozas menores de 21 anos que así o desexen, poden solicitar unha tarxeta para beneficiarse de viaxes de balde no transporte público de Galicia. Concretamente, a “Tarxeta Xente Nova” permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas.

Para conseguir a Tarxeta Xente Nova debe solicitarse cita nunha oficina da entidade Abanca (que é quen as expide) e acudir á cita co DNI. No caso de menores, a solicitude deberá facela a persoa representante legal. Todos os pasos do procedemento, desde a forma de pedir a cita para solicitala ata como usar ou recargar a tarxeta, poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.bus.gal/gl/xente-nova.

Así mesmo, na ligazón bus.gal están dispoñibles os horarios dos servizos de transporte autorizados en cada momento.

Todos os veciños e veciñas de Oia que queiran consultar algunha dúbida relativa á tarxeta ou á súa tramitación, poden contactar co servizo de AEDL do Concello no teléfono 986 36 21 25.

Por outra banda, e dado a alto número de estudantes que van ir este ano cursar os seus estudios no IES A Sangriña; a alcaldesa, Cristina Correa, solicitou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que se autorice unha parada máis en Viladesuso a fin de cubrir as necesidades que lle teñen trasladado algunhas familias.

As adopcións no CAAN da Deputación superaron as 3.000 desde o 2015

Coa saída, o pasado xoves, de nove cans e cadelas, o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de superar a cifra das 3.000 adopcións acadadas desde 2015. Unha cifra impulsada polos excepcionais rexistros acadados nos últimos dous anos, en que as instalacións da Armenteira superaron, consecutivamente, o seu récord anual de adopcións. Así, no 2019, foron 466 animais que atoparon un novo fogar  e no 2020 a cifra creceu ata os 583. As previsións apuntan tamén a que este 2021 será outro ano histórico no centro da institución provincial, xa que ata o 19 de agosto o número de cans e cadelas adoptados foi de 461, cun espectacular incremento do 47,7% con respecto ao pasado ano por estas mesmas datas.

O CAAN, que é referencia de benestar animal en España, conta neste momento coa adhesión ao servizo dun total de 50 concellos da provincia. En concreto, este pasado xoves alcanzou as 3.007 adopcións desde o 2015, coa saída de nove animais: “Calista”, “Calisto”, “Lois” e “Pedro” ao seu novo fogar en Vigo; así como as de “Xurxo” e “Peru” a Pontevedra e as de “Goio”, “Mero” e “Bernal”, que xa desfrutan coas súas novas familias nos concellos do Rosal, Madrid e Cuntis respectivamente. Todos eles entraran no centro nos últimos dous meses e incluso “Mero” tan só pasou no CAAN 17 días trala súa recollida o 2 de agosto en Vila de Cruces. Destaca tamén a historia de “Calista” e “Calisto”, dous cans que foran recollidos o 12 de xullo en Lalín e que saíron xuntos tamén o mesmo día cara ao seu novo fogar en Vigo.

Mero
Calista

Redúcese o tempo de estancia media

Con estes animais, son xa 461 as adopcións acadadas no que vai do 2021 no CAAN, case tantas como todas as do 2019 (466) e que tamén superan con amplitude ás do pasado 2020 de récord. Tanto é así que no mesmo período do ano pasado  (do 1 de xaneiro ata o 19 de agosto) producíranse 312 adopcións. Amais, estase a producir unha significativa redución nos tempos de estancia dos animais, cumpríndose así un dos obxectivos fundamentais do centro, dedicado á recuperación dos cans e cadelas e a facilitarlles a consecución dun novo fogar no menor tempo posible. Deste xeito, neste 2021 a media de estancia está a ser de 86 días, moi por debaixo dos 123 días do pasado 2020 e dos 124 días do 2019.

En canto ao destino dos animais adoptados ao longo do que vai deste ano, tan só un viaxou ao estranxeiro, concretamente a Portugal. En Galicia tramitáronse un total de 411 adopcións, a maioría (351) na provincia de Pontevedra, mentres que o resto repartíronse polas comunidades autónomas de Castela e León (30), Madrid (8), País Vasco (3), Cataluña (3), Castela A Mancha (2), Comunidade Valenciana (1), Canarias (1), Asturias (1) e Estremadura (1).

No caso da provincia pontevedresa, Vigo é ata agora o concello con maior número de procesos de adopción, un total de 70, seguido de Pontevedra, con 45, e A Estrada, con 33. Hai que destacar tamén os datos de Meis e Poio, con 19 e 18 adopcións  respectivamente, así como as 14 acadadas en Cambados ou as 12 en Vilagarcía.

Entre os cans e cadelas adoptados este ano atópanse algúns dos animais máis veteranos do centro. En concreto, deuse saída este ano a “Macarena”, “Adia” e “Paradita”, as tres “avoas” para as que a presidenta Carmela Silva lanzara recentemente o reto de conseguir unha familia. A primeira, unha mastín de oito anos, chegara desde Pontecesures e no centro recuperouse dun gran corte na cara, para viaxar en xuño a súa nova casa en Barro. Pola súa banda, “Adia” unha pastora alemá de 9 anos encontrou fogar en Padrón e “Paradita”, de 8 anos, en Pontevedra. Queda aínda no centro “Pitu”, de dez anos, que fora recollido en Catoira en marzo deste ano.

Nigrán ofrece o concerto de A Roda na festividade de San Roque de Camos

0

O Concello de Nigrán ofrece o concerto de A Roda na festividade de San Roque de Camos (24 de agosto) xunto a un show infantil e a Banda de Música do Val Miñor a través do seu programa municipal #MúsicaNasParroquias financiado con fondos propios e un 20% a cargo da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. “Por segundo ano consecutivo, por mor das dificultades do Covid-19, a organización das festas non foi doada, polo que o Concello colabora aportando no día grande estas actuacións”, incide o alcalde, Juan González.

Así, a tradicional festividade de San Roque de Camos do 24 de agosto arrancará no Torreiro co concerto da Banda de Música do Val Miñor ás 13:00 horas e ás 17:30 horas co show infantil ‘Carusso-Carulo. El chef mágico’. A actuación estelar ofrecida polo Concello será o de o grupo A Roda ás 22:00 horas (previamente a Comisión de Festas ofrece ao Dúo Sabor Latino). A Roda é un grupo emblemático de música tradicional galego nacido no 1976 na cidade de Vigo e historia viva da nosa música, xa que recompilaron clásicas cancións de taberna como ‘Pousa, pousa’, ‘O gato metido nun saco’, ‘O andar miudiño’, etc. A súa gran popularidade levounos a xirar tamén por todos os centros galegos da diáspora (América e Europa) 

A Roda

Igualmente, a Comisión de Festas (constituída por diferentes entidades parroquiais) ofrecerá o luns 23 verbena a cargo de D´Lider e Jorge Ferrer De Garibaldi, sendo o concerto do mediodía a cargo da Agrupación Musical de Belesar. Asimesmo, o día 25 ofrecen a Trío Azar e Trío Armonía co concerto ao mediodía da Banda de Música Municipal de Redondela e pola tarde, ás 17:30 horas, celebraranse as tradicionais poxas.

O Concello da Guarda organiza a actividade “Navega pola costa da Guarda co Volanteiro O Piueiro”

0

A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro da Guarda presentou o Volanteiro O Piueiro en 2019, esta embarcación típica de gran envergadura que navegou a vela pola nosa costa ata comezos do s. XX.

Durante este verán a Asociación Piueiro ofreceu diferentes saídas de navegación promocionando o Camiño Portugués da Costa a través do programa O Teu Xacobeo e que tiveron moi boa acollida.

O Concello da Guarda colabora coa Asociación Piueiro e vai ofrecer saídas gratuítas de navegación pola costa co Volanteiro O Piueiro para aqueles que queiran descubrir esta embarcación a vela que incluirá ademais de navegación polo exterior do porto.

Ofertaranse un total de 8 saídas a finais de agosto e as prazas están limitadas polo que é preciso realizar reserva previa na Oficina de Turismo da Guarda.

O luns 23 de agosto abrirá o prazo de inscrición que pode ser presencial, a través do teléfono 986 61 45 46 ou mail en [email protected]. Debido ao número reducido de prazas dispoñibles unha persoa poderá inscribir a un total de catro, excepto as unidades familiares. A idade mínima para participar é de 10 anos.

As datas e horarios dispoñibles son:

-Mércores 25 de agosto: 10:00 – 11:30 – 17:00

-Venres 27 de agosto: 10:00 – 11:30

-Martes 31 de agosto: 10:00 – 11:30 – 17:00

Serviços sociais da autarquia concentrados em novas instalações

A partir da próxima segunda-feira, 23 de agosto, os Serviços Municipais de Intervenção Social – SMIS passam a funcionar no rés-do-chão do Antigo Quartel dos Bombeiros Voluntários. A mudança de instalações deve-se à necessidade de desocupar o edifício que o acolhia para o arranque da 2ª fase da requalificação global da Escola Secundária de Vila Nova de Cerveira.

Com esta alteração, os serviços sociais essenciais afetos ao Município ficam concentrados num único espaço, dotado de melhores condições e de uma melhor interação laboral dada a proximidade física à Câmara Municipal, além de se apresentar com melhor acessibilidade para os munícipes. A breve prazo, está igualmente prevista a mudança do serviço da Segurança Social para o mesmo local.

Assim, a nova morada dos SMIS é a Praça do Município (nº 3), onde está albergado o Serviço Social, a Rede Social, a CPCJ, o Gabinete da Educação, o Gabinete da Saúde, o Gabinete de Psicologia, o GIP – Gabinete de Inserção Profissional, o GAE – Gabinete de Apoio ao Emigrante, o Banco Local de Voluntariado e a Loja Social.

Tendo como principal missão o combate de situações de pobreza e de exclusão social, os Serviços Municipais de Intervenção Social dão orientações de resolução de situações emergentes e asseguram respostas para uma melhor qualidade de vida dos indivíduos/famílias residentes no concelho de Vila Nova de Cerveira. Ao nível da ação social, a autarquia disponibiliza um conjunto de ações/apoios, como o Telealarme, o Cartão Municipal do Idoso – Cartão Idade +, a Habitação Social, a Habitação Degradada, a Estratégia Local de Habitação, o apoio social às famílias, a Loja Social, o apoio em géneros alimentares/roupa e outros.

O Porriño presentou “Trivium”, un concurso de ‘Trivial’ sobre o coñecemento do municipio

“Trivium Porriño” será un xogo xigante similar ao ‘Trivial’. pero personalizado na vila, para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre O Porriño. Trátase dunha nova proposta de lecer que fai a Concellería de Festexos, que dirixe Cami Moreira, que se desenvolverá durante as Festas do Cristo e presentouse hoxe en roda de prensa na Biblioteca Municipal.

A concelleira explicou que se trata dunha réplica adaptada ao Porriño. “A infografía do xogo vai centrada no Pan do Porriño e na súa receita como referencia á nova meta acadada coa concesión da Marca Protexida  Pan do Porriño”, sinalou Cami Moreira.

Xogarase durante os días 19, 24 e 25 de setembro (datas de clasificación) e o 2 de outubro será a partida final. En todas as quendas, as partidas serán na Praza do Cristo onde se habilitará un escenario e cadeiras tamén para o público que queira asistir.

Os equipos estarán formados por dúas persoas. Os premios serán para consumir no comercio e na hostalería locais. 300 € para a parella gañadora; 200 € para segunda e 100 € para a terceira.

Competirán 16 parellas que serán elixidas mediante un vídeo pequeno de 30 segundos máximo contando o porque do seu interese en participar no “Trivium” e que deberán subir ás súas redes sociais de Facebook e Instagram etiquetando co  cancelo # TriviumPorriño e etiquetar á páxina de Facebook Trivium Porriño ou do perfil de Instagram @ triviumporriño.

A concelleira de Festexos e Cultura apelou a que esta convocatoria “é unha excelente oportunidade para formar parellas interxeneracionais entre avós e netos, por exemplo, que combinen os seus coñecementos da historia, cultura e demais eidos da vidas porriñesa coa habilidade para manexarse nas redes sociais”.

A idade mínima para participar é de 16 anos.

As parellas seleccionadas serán as que acaden máis me gustas nos seus vídeos cando se faga o reconto que será o 14 de setembro ás 15:00 horas. “A partires de hoxe mesmo, 20 de agosto, poden inscribirse subindo os vídeos ás súas redes sociais etiquetando cos cancelos devanditos para acadar o maior número posible de ‘likes’”, manifestou Joaquín Rodríguez, responsable de “Especialistas Hípica Celta”. Esta empresa colabora coa Concellería de Festexos o desenvolvemento desta nova iniciativa xunto coa Oficina Municipal de Información á Xuventude, OMIX do Porriño.

Segundo explicaron hai preparadas 1.500 preguntas sobre O Porriño relativas á historia, xeografía, ciencia e natureza, arte e literatura, deportes e entretemento.

Guadi Galego actúa en concerto na Guarda o 28 de agosto

0

Despois da primeira toma de contacto coa Guarda no pasado mes de xullo co concerto do Coro do Conservatorio Municipal e a colaboración especial de Guadi Galego, o vindeiro sábado día 28 de agosto a cantante traerá a súa música ata o Porto da Guarda nun concerto enmarcado na xira de presentación do seu último disco, Costuras, na que a cantante atópase inmersa. Esta idea xa ven de anos atrás, onde, despois de varias tentativas de traer á Guarda a esta gran artista, por fin se logra facer.

Recordemos que Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Comezou a súa andaina con Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e continuou posteriormente, con novas sonoridades e proxectos, con diferentes colaboradores e acadando sempre grandes éxitos de público, crítica e recoñecidos premios.  En 2005 lanza o seu disco “Espido”. Continúa no 2009 co disco en solitario Benzón e no 2012 con “Acadacanto” onde sigue colaborando con Xavier Díaz, Guillerme Fernández ou Xosé Lois Romero. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, sae o terceiro, O mundo está parado. No 2019 estreou Immersion, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro Aristimuño. Este álbum valeulle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza Costuras, 10 cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.

As inscricións para este concerto están xa abertas a través de: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda.

O Tui FutSal regresa aos adestramentos mañá luns 23 de agosto

0

Despois de levar un ano e cinco meses, desde o confinamento, sen adestrar ou competir, volve con máis forza o reto de recuperar as ganas e entusiasmo de sentir un balón nos pés, parte fundamental para o vindeiro curso, porque a inactividade pasa factura.

Será unha tempada 2021/22 con novas expectativas, Academias Deportivas e moitas melloras dentro da Entidade. O propio club convida a calquera xogador, neno con ganas de aprender e divertirse nun Deporte tan bonito e expectacular como é o Futbol Sala.

Calquera neno que queira inscribirse, pode poñerse en contacto a través da páxina web do club www.tuifutsal.es, onde poderá obter toda a información necesaria como horarios, pavillóns, categorías, teléfono, etc …

A novidade para esta tempada, é a creación de categorías base de nenas, desde os 8 anos (categoría benxamín ). Así, as nenas xa poden formar parte dos equipos femininos, os cales ata o de agora só estaban representados por xogadoras do equipo senior feminino e que tendrán a Sara “Tui” González Rodríguez, como madriña deste proxecto tan ilusionante.

Traballar pola igualdade e que as nenas sentan seguras e gañen confianza, son a premisa para que elas sentan como na casa, engadindo ademais, que o Staff Tecnico tamén estará composto por adestradoras e delegadas, con experiencia e titulacións correspondentes.

O Concello do Porriño pecha o punto de información catastral sen ofrecer axuda técnica

Tan só un mes despois de abrir o punto de información habilitado no Concello do Porriño para atender as consultas dos veciños sobre o incremento da valoración catastral; o goberno anuncia o seu peche.

Deste xeito como afirma o voceiro do PP Alejandro Lorenzo “deixa aos veciños de lado e non é a primeira vez”, recorda que “xa que en outubro do 2020 foi o goberno quen propuxo a modificación do coeficiente do imposto sobre bens inmobles”. Entón, inmersos en plena pandemia, a alcaldesa do Porriño defendía unha suba do 0,4 ó 0,5, incremento que recaería nas arcas municipais e todo sendo coñecedores da nova valoración catastral que se produciría neste ano 2021.

O servizo de información catastral rematou o 17 de agosto e durante este tempo, a atención, tal e como sinala o voceiro do PP Alejandro Lorenzo “non foi a adecuada xa que non se axudou ós veciños a facer as reclamacións pertinentes nin xestionar os anos de atraso”. Precisamente en abril deste mesmo ano, o grupo popular advertía ó concello da necesidade de fraccionar o pago dos catro anos de atraso.

Alejandro Lorenzo advirte que “desde o Concello do Porriño nada se fixo ante o “catastrazo” que se prevía”. Algo que difire do que acontece noutros concellos próximos que, ademáis de axudar coas reclamacións e a posibilidade de fraccionar pagos co asesoramento técnico de empresas contratadas para tal fin, continúan co punto de información aberto e así reforzan o servizo.

Ademais, recalca que “é o Concello do Porriño o que percibe estes impostos e polo tanto é o que debe dar resposta e non derivar ós cidadáns a outras administracións”.