Os premios do 9º Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, celebrado o domingo en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira (Portugal), estiveron moi disputados.
O gañador absoluto do concurso organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño foi este ano Federico Plasencia Chacón, de Cáceres. O segundo premio foi para Julio Herrero Romero, de Vitoria, e o terceiro para Alberto Falcón Sineiro, de Cambados.
Na categoría infantil, que se convocaba por segundo ano consecutivo, o primeiro premio foi para
Olaia Castro Souto (11 anos, A Coruña), e o segundo, para Nicolás Carbajal (6 anos, Ourense). Mentres, Uxía Soto Costas (13 anos, Vigo) fíxose co primeiro premio na categoría xuvenil, quedando o segundo deserto.
Un total de 44 participantes (36 adultos e 8 menores de idade) presentáronse a concurso, elixindo diversos recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa (Cerveira) para instalar a súa mesa e cabalete. A procedencia dos artistas foi coma sempre, moi variada, presentándose xente da zona, pero tamén doutros puntos de Galicia, España e Portugal. O tempo acompañou, e o ambiente que se creou ao redor das prazas de ambas as vilas fronteirizas, foi realmente auténtico.
A entrega de premios e exposición dos cadros, fíxose por primeira vez na renovada Praza Pintor Antonio Fernández, sobre as seis e media da tarde. O acto estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen salientou o gran nivel acadado polo certame, tanto no aspecto artístico, coma de participación, así como a constante evolución do certame que considera totalmente consolidado. Acompañaron á rexedora a concelleira da Eurocidade, Fátima Rodríguez, e distintos representantes do mundo da cultura e das artes, dun e doutro lado da fronteira.
O xurado estivo presidido tamén pola alcaldesa e formado ademais por artistas de renome da zona, representantes da Bienal de Cerveira, da Asociación Antonio Fernández, Comunidade de Montes de Goián, Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas de Tomiño, concelleiros, etc.
Os traballos exporanse dende mañá e até o domingo próximo no Centro Goianés, pasando a semana seguinte á Bienal de Cerveira, onde estarán ao longo de sete días.