Mércores, 11 Decembro de 2024

A reforma da praza do Calvario do Rosal obtén a subvención Ágora da Deputación coa máxima puntuación en varios puntos da convocatoria

A administración provincial financiará a 90 % do custo da redacción do proxecto

A reforma da praza do Calvario, un proxecto que suporá a mellora e remodelación integral do núcleo urbano do Rosal, acaba de obter a subvención Ágora da Deputación de Pontevedra. O proxecto presentado polo Concello obtivo a máxima puntuación en varios puntos da convocatoria, e foi o terceiro que recibiu máis puntos entre os 31 municipios que recibiron a axuda. “Agradecemos a Deputación o seu apoio a un proxecto tan importante para nós”, afirma a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, ao tempo que destaca que a puntuación recibida é un “claro exemplo da nosa firme intención de cambiar a mellor unha praza vital para o noso pobo”.

O plan do Goberno local busca recuperar espazos públicos de calidade para a veciñanza, e conta cun orzamento de máis dun millón e medio de euros. Para financiar parte dos traballos, ademais da subvención Ágora, o Concello acaba de solicitar a axuda ReacPon da Deputación de Pontevedra.

A reforma da praza foi licitada este mes e vai dotar de identidade a zona, reforzando o espazo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona. Na reurbanización vanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza. Ademais, como proxecto paralelo á reforma, o Concello prepara tamén unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.

A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández, explica que, “se non hai ningún imprevisto”, as obras comezarán en novembro deste ano. “A recuperación integral deste espazo tan importante para nós está cada vez máis cerca”, afirmou.