10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasSalceda de Caselas aposta polo ensino público rehabilitando a escola en Budiño...

    Salceda de Caselas aposta polo ensino público rehabilitando a escola en Budiño coa axuda da Deputación

    A actuación permitiu unha reforma integral e a creación dun funcional espazo polivalente para xogo e ximnasia no espazo que ata hai algúns anos ocupaba a vivenda da mestra

    O Concello de Salceda de Caselas reforzou a súa aposta polo Ensino Público e a consolidación da poboación no rural coas obras  que vén de acometer para a reforma integral do edificio de San Estevo de Budiño, englobado dentro do Colexio Rural Agrupado (CRA) Raíña Aragonta. Co apoio do Plan Concellos da Deputación, que achegou unha subvención de máis de 47.000 euros, rehabilitou completamente o inmoble e recuperou para usos docentes o espazo que anteriormente ocupaba a vivenda da mestra. A actuación foi visitada polos deputados provinciais Gregorio Agís e Olga García, xunto a alcaldesa, Verónica Tourón, a tenente de alcalde, Loli Castiñeira, e a concelleira de Ensino, Ángela Ledo.

    O C.R.A. Raíña Aragonta ten a súa sede central no centro urbano de Salceda, a carón do colexio Altamira, e dispón de  centros polas sete parroquias rurais do municipio. Constitúe unha rede descentralizada que ofrece un servizo público que agora se ve reforzado. A maiores das obras executadas con cargo á subvención da Deputación, o propio Concello, con fondos propios, rehabilitou os aseos do edificio de Budiño. Na aula cursan estudos de Educación Infantil unha ducia de alumnos e alumnas da zona, facilitando así a escolarización neste ámbito rural.

    As obras que hoxe se visitaron acondicionaron integralmente o inmoble, que abrangue máis de 200 metros cadrados distribuídos nunha única planta de 20 x 10 metros e que estaba dividida entre a aula e a vivenda da mestra. Este segundo espazo, que estaba deteriorado, quedou agora convertido nunha sala polivalente que funcionará como patio de xogos cuberto, ximnasio e outros fins docentes.

    O proxecto executado baseouse na demolición dos pavimentos existentes para a formación dunha nova soleira, instalación de novas carpinterías de aluminio nos ocos da fachada, trasdosado da cara interior do pechamento exterior e pintado da estrutura da cuberta xa existente. Ademais, ampliouse a instalación eléctrica, dotando o novo espazo de iluminación de baixo consumo. Garantiuse tamén a accesibilidade, cunha rampla que elimina barreiras arquitectónicas na entrada. Finalmente, colocouse unha marquesiña ancorada á fachada como resgardo do alumnado para a espera do autobús.  Coa mellora das instalacións dos aseos, o edificio quedou en perfectas condicións para o seu uso docente.

    A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 7 millóns de euros no Concello de Salceda de Caselas desde 2015, tempo no que se financiaron máis de 35 obras. Salceda está a facer unha importante aposta pola atención ás persoas que residen no rural, como demostra a recente rehabilitación integral da antiga Escola de Vendanova, onde a Deputación achegou outros 187.239 euros, para financiar o proxecto municipal de convertela nun centro de atención ás persoas enfermas de alzhéimer e de apoio ás familias. Este ano, o Plan Concellos destina outros 708.541 euros de financiamento regrado para Salceda de Caselas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.