21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela inicia o proceso de licitación da obra de reforma integral das...

    Redondela inicia o proceso de licitación da obra de reforma integral das antigas dependencias do Conservatorio de Música

    O Concello de Redondela iniciará os trámites para a licitación da obra de remodelación e rehabilitación das antigas dependencias do Conservatorio de Música, unha vez recibida a correspondente autorización da Xunta de Galicia, necesaria ao tratarse dun inmoble enclavado no Camiño de Santiago ao seu paso pola vila redondelá.

    Este primeiro paso de licitación do proxecto, marca o inicio dunhas obras que contarán cun investimento de preto dos 300.000 euros ao abeiro das liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do Patrimonio Histórico e Cultural e a creación de novos eventos culturais.

    A concelleira de Urbanismo, María Castro, subliña o feito de que a recuperación deste inmoble “non é unha obra illada, senón que forma parte dun amplo plan de rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico do municipio.

    Trátase pois de remodelar para que, unha vez rematados os traballos, poida acoller no primeiro andar as Oficinas de Turismo que, como todas as obras que desenvolve o Goberno local, estará adaptada a todas as normas de accesibilidade. A planta baixa recuperaríase para a función de espazo de usos múltiples no que desenvolver actividades e eventos co fin de poñer en valor o acervo cultural do municipio.

    Son, explican tanto a alcaldesa Digna Rivas como a concelleira de Urbanismo, “obras de alcance” xa que non se trata de pequenas reformas, “senón da rehabilitación integral, interior e exterior, de todo o edificio. Así, as obras no exterior, incluirán traballos de recuperación na fachada, cuberta e carpintería exterior, mentres que no interior redistribuiranse os espazos e levaranse a cabo todas aquelas accións encamiñadas a adaptar o inmoble ás normativas de accesibilidade e seguridade.

    Cómpre salientar que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e que, o turismo de peregrinos supón, no caso de Redondela, preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.

    O Goberno redondelán lembra que o municipio “conta cun importante patrimonio cultural, que é necesario poñer en valor”. A alcaldesa Digna Rivas salienta o feito que a través deste programa “estanse a poñer en marcha un conxunto de actuacións que recuperen e rehabiliten o patrimonio histórico de Redondela”, un patrimonio, recalca, “que corre un grave perigo de deterioro e, polo tanto de desaparición e que inclúe xacementos arqueolóxicos, casas históricas ou cemiterios de alto valor histórico e patrimonial”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.