14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela acada unha subvención para a dixitalización de fondos do fotógrafo Fot’sca

    Redondela acada unha subvención para a dixitalización de fondos do fotógrafo Fot’sca

    A axuda vén de ser concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia

    O Arquivo municipal do Concello de Redondela vén de recibir unha subvención de 46.757 euros para a dixitalización de parte do fondo fotográfico de negativos do profesional redondelán coñecido como “Fot’sca”. Concretamente, trátase de preto de 70.000 imaxes (conservadas en negativos) comprendidas entre os anos 1972 e 1995. Segundo o Concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, “trátase dunha nova importante xa que é a primeira vez que se xestiona dende o Concello de Redondela unha subvención para o Arquivo municipal e tamén que este departamento recibe unha axuda destas características, aínda que os fondos deste fotógrafo foron adquiridos polo Concello de Redondela no ano 2016”.

    A subvención, que foi concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia, permitirá recuperar e dixitalizar outros documentos textuais como os libros de antigos padróns municipais de habitantes da localidade de 1920 a 1950, concretamente 2.959 imaxes.

    Segundo a Concellería de Cultura esta documentación que vai ser recuperada supón sobre todo un paso adiante a nivel etnográfico e na recuperación do patrimonio cultural de Redondela. A maioría dos negativos recollen momentos únicos de temas que xiran entorno a vodas, comunións, bautizos, retratos de estudo, grupos escolares e festas populares, que foron inmortalizados por Fot’sca entre os anos 1972 e 1995.

    O traballo de dixitalización levará uns oito meses e os fondos pasarán a formar parte da Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Se ben unha gran parte dos arquivos poderán ser consultados por todos os cidadáns, algunhas das instantáneas deberán permanecer aínda uns anos sen ser públicas por cuestións vencelladas á protección de datos, ao tratarse de retratos persoais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.