Nun clima de crispación xeneralizado da cidadanía ante un evidente deterioro da Atención Primaria, puidera puidera parecer que A Guarda non é máis que outro municipio que se suma ás reclamacións, tan xustas como necesarias, de unha sanidade digna para a súa veciñanza. Pero, se se analiza con máis detemento, chégase á conclusión que o municipio ten unhas características particulares, determinadas pola súa propia situación xeográfica, que fan moito máis evidentes esas carencias sanitarias e, como consecuencia, moito máis perigosas.
Se a deficiente atención sanitaria xa é palpable durante todo o ano, o é moito máis coa chegada do verán no que A Guarda, como municipio turístico que é e paso obrigado do Camiño Portugués pola Costa –que dende o seu recoñecemento oficial medra exponencialmente ano a ano–, duplica a súa poboación.
O alcalde, Antonio Lomba, leva, dende hai meses (por non dicir anos), reclamando medios para un centro de saúde que a duras penas ‘mantén o tipo’ e, se o fai, tan só é debido á profesionalidade dos seus traballadores e que ten un persoal médico, cada día máis escaso e cada día máis presionado.
“Falo a diario co persoal médico do centro de saúde –explica o alcalde guardés– e podo comprobar que, sobre todo nestas datas, teñen que atender a moitísimas persoas desprazadas co que iso supón de incremento de traballo para eles e elas nunhas condicións que sabemos que non son as máis favorables, máis ben todo o contrario”.
As protestas e presión veciñal e as continuas denuncias da situación nos medios de comunicación –explica Lomba– “deron como resultado que a comezos de mes houbo un momento en que contamos co cadro de persoal médico completo”.
Polo que parece, esa situación foi só un espellismo porque a golpe de xoves 19 de agosto, este xornal puido comprobar, in situ, que o Centro de Saúde da Guarda contaba tan só con 5 dos 8 médicos que ten asignados.
“A sobrecarga de traballo que teñen que soportar as e os médicos ao asumir as citas dos que faltan, tradúcese en menos tempo para cada paciente e deterioro da atención sanitaria que non é maior pola profesionalidade e celo do persoal sanitario”, asegura o alcalde guardés.
Os novos médicos optan, ante a precariedade de condicións laborais –con contratos que poden as veces ser de poucos días ou incluso horas–, a quedarse nas grandes cidades onde, se as condicións contractuais non son mellores, si sofren menos presión á hora de desenvolver o seu traballo.
A solución máis rápida, e pode que a máis doada para adoptar por parte da Xunta de Galicia, sería o que Antonio Lomba cualifica de “discriminación positiva para A Guarda”. “Posiblemente poñeríase fin á falta de persoal –apunta– se ás e aos médicos que veñen ao Centro de Saúde ofrecéranselles mellores condicións laborais, contratos de maior duración que lles dean unha maior estabilidade e puideran plantexarse seriamente vir aquí”.
Cómpre lembrar que o PAC da Guarda asume tamén as urxencias do Rosal e de Oia, o que se traduce nunha complexa situación que explica Antonio Lomba cun exemplo ben aclaratorio: “ao non contar cun dobre servizo de urxencias durante todas as horas do día, as veces quedamos sen médico no PAC. O que non se ten en conta dende a administración sanitaria –continua o alcalde guardés– é que cando un médico ten que ir con un paciente a Vigo (ao Álvaro Cunqueiro que é noso hospital de referencia), tarda case que unha hora en ir e outra en volver, máis o tempo que teña que estar alí. Iso tradúcese en dúas horas sen médicos de urxencias que dan lugar a situacións críticas que non se converteron ata o de agora en desgracias, pero pode pasar en calquera momento”
Antonio Lomba chama tamén a atención sobre a estreita relación que ten, no municipio, a sanidade coas comunicacións. “Non sei se haberá moitos casos en Galicia como o noso, creo que serán moi contados; non temos boas comunicacións, de feito son moi malas e lentas, e a única forma de paliar a situación sería cun Centro de Saúde con máis medios, cousa que tampouco temos”.
A Guarda, situada nun enclave de auténtico luxo, balcón sobre o Atlántico e ao mesmo tempo sobre o Miño e a súa desembocadura, ve convertido ese enclave privilexiado nunha trampa á hora da asistencia sanitaria.
A autocomplaciencia na que cae a administración sanitaria máis veces das que sería desexable, impídelle ver a realidade dunha situación que afecta a todas e todos os veciños sen distinción de cor político. Que a situación sanitaria da Guarda fora levada ao Parlamento de Galicia ata en tres ocasións non serviu, polo que parece, de nada.
Queda tan só a protesta dun Concello e dunha veciñanza cada día máis indignada e a esperanza de que, nalgún momento, alguén visite a Guarda e sobre o terreo comprobe a realidade dunha situación que, día a día, agrávase e pon en entredito o principio recollido na Constitución que dí textualmente: “1. Se reconoce el derecho a la protección de la salud” e “2. Compete a los poderes públicos organizar y tutelar la salud pública a través de medidas preventivas y de las prestaciones y servicios necesarios. La ley establecerá los derechos y deberes de todos al respecto” (Título I: De los derechos y deberes fundamentales. Capitulo Tercero: De los principios rectores de la política social y económica. Artículo 43).