Sábado, 7 Xuño de 2025

A remodelación integral do depósito do muíño de Luís, exemplo do compromiso de Mondariz por mellorar os servizos básicos

0

O depósito do muíño de Luís, unha infraestrutura fundamental para o abastecemento de auga no centro urbano de Mondariz, comezou 2022 cun funcionamento optimizado grazas ás obras de remodelación integral que se realizaron nas últimas semanas de 2021. “Este depósito, ao igual que outros tantos da rede municipal de abastecemento de auga, sufría incidencias a miúdo porque durante anos non se priorizaron os servizos básicos. Desde 2019, con este Goberno municipal, si hai unha preocupación por mellorar as infraestruturas”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

A rehabilitación integral do depósito do muíño de Luís incluíu traballos de impermeabilización interior para evitar filtracións de auga, así como unha adecuación dos tubos á normativa. O custo da intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros).

Plan de mellora da rede municipal de abastecemento de auga

A actuación no depósito do muíño de Luís forma parte dun plan do Goberno de Mondariz para mellorar as infraestruturas da rede municipal de abastecemento de auga. En 2020, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, xa se fixeran obras no depósito de Santa Baia, na parroquia de Lougares, e no tubo que abastece de auga á parroquia de Vilar.

“En 2019, ao comezo da lexislatura, fixemos un traballo de investigación e análise para coñecer a situación dos servizos municipais máis básicos que obviamente incluíu a rede municipal de abastecemento de auga: depósitos, canalizacións,… Descubrimos que o estado era moi deficiente e que había incidencias continuamente, cos gastos que supoñen; así que decidimos actuar con alomenos unha obra de mellora cada ano”, explica o concelleiro Leopoldo Tato, responsable das áreas de Mobilidade, Urbanismo, Vivenda, Medio Ambiente e Deporte.

Ademais de actuar directamente sobre as infraestruturas da rede municipal de abastecemento de auga, o Concello de Mondariz tamén ten aproveitado obras sobre o pavimento a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para mellorar as canalizacións, mesmo asumindo os custos desas intervencións adicionais. Un exemplo recente é a mellora da pavimentación e da canalización de auga nos barrios do Ceo e do Sesteiro.

A estas obras de mellora súmase o proceso de regularización de 21 captacións de auga e depósitos da rede municipal de abastecemento de auga iniciado a mediados de 2020, tras detectar graves irregularidades administrativas. “Esa situación que nos atopamos hai case dous anos amosa claramente o abandono dos servizos públicos máis básicos durante as pasadas lexislaturas, nas que ninguén se preocupou de supervisar o estado legal e mesmo material das infraestruturas”, sinala o alcalde de Mondariz.

“Seguimos traballando a prol dos servizos básicos, polo que incluiremos outras infraestruturas da rede municipal de abastecemento de auga na axenda de investimentos para 2022”, engade.

A Xunta mellorará a Illa de San Simón

0

A Illa de San Simón e o Museo Massó de Bueu contarán cun investimento de 1,6M € para levar a cabo actuacións de conservación e restauración que promovan o seu uso como recurso cultural sostible. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita a ambos espazos na que presentou o proxecto das obras que se iniciarán nas vindeiras semanas co inicio do proceso administrativo.

Melloras na Illa de San Simón

Por outra banda, Román Rodríguez visitou a Illa de San Simón, onde está previsto poñer en marcha un proxecto para garantir a conservación das estruturas e inmobles existentes tanto en San Simón como na Illa de San Antón. “Este é un espazo único que conta cunha gran riqueza histórica, patrimonial e paisaxística e que o converten nun recurso emblemático para o desenvolvemento de actividades culturais”, indicou o conselleiro antes de engadir que o obxectivo da Xunta é facilitar que a illa sexa “visitada e gozada pola cidadanía”.

Para conseguilo, a Xunta dedicará 500.000€ a realizar obras que contribúan ao “debido mantemento deste ben para promover tanto os usos existentes como implantar outros novos que reforcen o seu atractivo”.

O proxecto inclúe a restauración das instalacións, especialmente as relacionadas coa subministración de auga potable, a prol dun consumo máis eficiente. Tamén se actuará nas diferentes construcións existentes para recuperar o seu aspecto orixinal e garantir a súa sustentabilidade. Nesta liña, vaise intervir nos edificios do Seminario, do Centro de Interpretación e da Casa da Cultura, así como no comedor.

Cómpre sinalar que a Xunta leva investidos xa preto de 400.000 euros en diferentes actuacións nas illas de San Simón e de San Antón, con melloras nos edificios e noutros elementos construtivos, como os peiraos, ademais de varias plantacións. 

No caso do Museo Massó, o titular autonómico de Cultura explicou que o proxecto prevé un investimento de 1,1M€ para incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro Massó Hermanos no funcionamento do museo. Trátase dunha actuación que, tal e como salientou Román Rodríguez, suporá “un punto de inflexión na historia do museo ao dotalo dunha maior funcionalidade e dos espazos suficientes para poñer en valor o legado mariñeiro tanto de Bueu como para a comarca do Morrazo”.

Concretamente os traballas centraranse en ampliar o acondicionamento da Sala Lugrís, iniciado en 2021, para integrala na exposición permanente. “A iniciativa permitirá mostrarlle ao público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan cerca de 300 metros lineais”, explicou.

Ademais, a rehabilitación prevista inclúe tamén a mellora dos pavimentos, paramentos verticais, a consolidación de muros estruturais e forxados de pisos. Actuarase tamén sobre acabados, instalacións, sistemas de illamento e acondicionamento ambiental a prol da sustentabilidade e a eficiencia enerxética.

Rehabilitacións integrais nas naves

Outro das áreas sobre os que se vai actuar é o tramo sur da nave da antiga conserveira, integrado na exposición permanente desde 2011 para mostrar as embarcacións e a actividade portuaria. Nel farase unha rehabilitación integral, con actuacións en cubertas, paramentos, elementos estruturais e pavimentos, respectando os seus valores culturais e garantindo a sustentabilidade, eficiencia e funcionalidade.

Os traballos complétanse coa rehabilitación da antiga nave de atadores, que se destinará a almacén para as coleccións do museo, e a recuperación da antiga nave da conserveira como espazo único, coa demolición dos tabiques interiores. A maiores, o proxecto prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.

Esta actuación súmase á anunciada o pasado verán, destinada a crear unha nova sala de interpretación no Concello de Bueu para a posta en valor do pasado romano da vila, cun orzamento de 225.000 euros confinanciados nun 80% pola Xunta a través dun acordo co Goberno local. Asemade, a Xunta investiu xa máis de 80.000 euros no acondicionamento de cubertas, carpintería e fachada do propio Museo Massó.

Participaron 24 mulleres na primeira quenda do curso de defensa persoal do Porriño

Un total de 24 mulleres de diferentes idades participaron na que foi a primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina que organiza o Concello do Porriño, coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Policía Local.

O curso conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, participou da clase e ao terminar animou a todas as mulleres a acudir ás seguintes xornadas.  “É unha experiencia enriquecedora e moi práctica para a nosa vida cotiá que nos axuda a estar preparadas para resolver situación de risco”, apuntou a edil.

Para asistir non é preciso ter unas condicións físicas específicas nin rexistro previo. A asistencia é totalmente gratuita e está aberta a que participen mulleres dos concellos da contorna. 

As clases impártense en dúas quendas ao mes, en sábadoalternos, polo que a vindeira será o sábado 29 de xaneiro, como sempre no ximnasio Jovhen Sport de 10h a 12h.

Nigrán convocará unha quinta liña de axudas Covid para perruquería, estética, academias e librarías

0

O Concello de Nigrán abirá nos vindeiros días o prazo de solicitude de axudas para un quinto plan municipal destinado a paliar os efectos da Covid-19 no sector das perruquerías, estética, academias e librarías. A este fin ten consignados 51.526 € procedentes dunha subvención da Deputación de Pontevedra dirixida a aliviar a situación económica dos sectores máis afectados pola pandemia, que percibirían 1.200 € por negocio. Deste xeito, o Concello de Nigrán convértese nun dos máis proactivos de Galicia ao respecto ao sumar un total de 341.000 € en axudas  municipais (anteriormente foron para os sectores hostaleiro, do taxi, hospedaxe, mariñeiro e centros de rendemento deportivo, sumando estas en total 290.000 € en catro convocatorias diferentes).

“Consideramos que con este quinto plan o Concello de Nigrán ten chegado aos sectores que máis sufriron os peches sanitarios e, no caso de perruquerías e centros de estética, son negocios que levan tempo pedido ao goberno central unha rebaixa do IVA precisamente pola crise que están a sufrir. Paralelamente continuamos co noso esforzo por promover o comercio de proximidade entre a veciñanza como xeito de vida e de municipio sostible”, argumenta o alcalde, Juan González, quen explicou hoxe esta nova liña á Asociación de Empresarios Ovalmi.

Como nos anteriores plans, as axudas son de 1.200 € para cada establecemento e concederanse ata o esgotamente de fondos aplicándose o criterio de orde de entrada no Rexistro Municipal. Igualmente, resulta compatible con calquera outra subvención, sexa da administración que sexa.l

Concretamente, as bases desta convocatoria indica que os beneficiarios son microempresas, pequenas empresas ou autónomos incluídos nos epígrafes de salóns de perruquería e institutos de beleza (972), maquilladores e esteticistas (877), ensinanza non reglada de formación (932), persoal docente de ensinanzas diversas (826) e comercio polo miudo de libros, xornais, artigos de papelería e escritorio e artigos de debuxo e Belas Artes (654,4). Considéranse micro empresa ou pequena empresa aquelas que contan con ata dez persoas e non superen o millón de euros de importe neto de cifra de negocios.

A técnica de Emprego do Concello de Nigrán revisará desde este luns 17 de xaneiro con cada posible beneficiario das axudas (os casos incluídos nos epígrafes sinalados) a documentación que precisa ter lista para cando se abra o prazo, que será de dez días.  O contacto é no 986365000 (extensión Emprego), presencialmente ou no correo [email protected]. O Concello informará convintemente cando abra oficialmente o prazo e as bases serán penduradas na sede electrónica da web municipal.

SmartPeme pon en marcha catro novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións tratarán temas como o márketing de contidos, contramedidas básicas de ciberseguridade ou mellora da produtividade.

O primeiro obradoiro terá lugar o martes 18 e nel Laura Carrera, cun postgrao en Dirección de Comunicación Corporativa, falará sobre o “Márketing de contidos: aprende a diferenciarte da competencia” tocando paus como a taxa de engagement ou os mellores horarios para as publicacións. O mércores 19, impartirase “Ciberseguridade, contramedidas básicas 2021 I” da man de Manuel Freire, experto universitario en robótica para explicar os posibles riscos de Internet e as  contramedidas que lles axudarán a estar máis protexidos na rede.

Para o xoves 20 están programados> “Planifica os propósitos de 2022: mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións” que tratará un binomio tan importante a día de hoxe como é o do teletraballo e a produtividade e será impartido por Fátima Faílde, posgraduada en Comuniación e Industrias Creativas. O mesmo día Esther Garcinuño, especialista en márketing e dirección comercial, conducirá un obradoiro “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest” no que se dará a coñecer en profundidade esta rede social na que a imaxe o é todo.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo [email protected] ou no teléfono 886 202 020.

A Cañiza firma o convenio de recepción do camión de emerxencias para o servizo do GES

0

O alcalde da Cañiza, Luís Piña, tras a firma do convenio de recepción, recibiu o novo camión de emerxencias, da man do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dotará ao GES da comarca da Paradanta con sede na Cañiza.

A Cañiza adheriuse en abril de 2021 ao convenio de colaboración para a creación dun GES (un dos 29 existentes en Galicia), e será sede deste servizo que se prestará tamén aos concellos de Arbo, Covelo e Crecente.

A finais de abril do 2021, e como consecuencia de conversación anteriores entre o vicepresidente 1º e Alcaldes e Alcaldesas sobre a dotación dos GES en febreiro dese ano, o Alcalde solicita oficialmente a dotación dun camión e equipos de excarceración para o GES da Cañiza.

O novo vehículo, un camión bomba rural pesada, conta con tracción integral 4×4 e está dotado de todo o material necesario para acceder a zonas que presenten dificultades para intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Con estas opcións, o seu uso é idóneo para actuar en áreas urbanas e rurais. Cunha inversión que ronda os 200.000 euros, dispón de cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada que permite o lanzamento de auga en baixa a alta presión ou ambas de xeito simultáneo.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), un grupo especialista de proximidade multidisciplinar, formado por 12 traballadores pertencentes á estrutura do Concello, intervirá en situacións de risco en todo o territorio da comarca da Paradanta: incendios urbanos, industriais, forestais, excarceración de accidentes de tráfico, labores de prevención de incendios… O seu obxectivo será atender á poboación da comarca no menor tempo de resposta posible. Estará coordinado pola Axencia Galega de Emerxencias.

O Grupo está financiado pola Xunta nun 52,5 % e pola Deputación de Pontevedra cun 40 %. O Concello terá que aportar un 7,5 % o que, dada a situación económica que atravesa, pode chegar a causar tensións na tesourería municipal debido aos prazos nos que se reciben as aportacións das outras institucións e polos posibles gastos que superen a dotación inicial do GES que tería que aportar o Concello a maiores.

En agosto de 2021 publícase no BOP de Pontevedra o anuncio de convocatoria de procedemento de selección de persoal para conformar o GES da Paradanta.

Este procedemento é un proceso modélico no que o tribunal de  selección está composto polas  secretarias do Concello de Covelo – que preside- e a de Arbo, un membro do corpo de bombeiros de Vigo, un membro do GES de Ribadavia e un traballador municipal da Cañiza.

O proceso de selección está actualmente paralizado por recomendación dos membros do tribunal de selección debido a unha denuncia presentada polo sindicato CSIF. En primeira instancia a denuncia foi rexeitada polo xulgado pero o sindicato apelou á instancia superior, o TSXG. Dita paralización tamén afecta ós procesos de formación dos GES de outros concellos da provincia coma Mos, Redondela, A Lama, Moraña…

O CAAN da Deputación rescata a sete cachorros arroxados a dous colectores

Persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra rescatou nestes primeiros días do ano a dúas camadas de oito cachorros que foron arroxados a dous colectores nos núcleos urbanos en Lalín e Pontecesures. Aínda que un deles faleceu ao chegar ao centro, os outros sete, con apenas horas de vida no caso de Lalín e escasos días no de Pontecesures, estanse a recuperar cos coidados ofrecidos polo persoal de Caan.

A primeira das camadas apareceu nunha caixa dentro dun colector en Lalín no mesmo día 1 de xaneiro, na Rúa Principal. Eran dúas femias, “Alicia” e  “Ana”, e dous machos, “Leo” e “León”, quen faleceu polo delicado estado de saúde en que se atopaba. Posteriormente, o día 12 de xaneiro persoal do centro da Deputación rescatou outra camada, cunha femia, “Sala”, e tres machos, “Yogui”, “Cibrán” e “Xenaro”, tamén nun colector na Rúa Victor García de Pontecesures. O aviso o deu unha muller que viu como paraba un coche preto do lugar e tras escoitar un ruído, acercouse ao colector e veu os cans. Estaban tamén nunha caixa. Neste caso, os cachorros, que teñen días, están de momento en boas condicións e están sendo atendidos nas mesmas dependencias de maternidade, renovadas no ano 2020, do CAAN.

De seguir a evolución favorable, os cachorros pasarán no centro ao menos tres meses ata completar as pautas de vacinación antes de saír en adopción. Hai que lembrar que as adopcións no CAAN son gratuítas e o persoal asesora ás persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Para visitar o centro ou para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360 ou no 886 217 391.

Estes casos de abandono contrastan coas boas cifras de adopcións que xa se están a acadar no CAAN neste primeiro mes do ano, e que continúan a racha do centro. Así, desde o pasado 1 de xaneiro son xa 25 os animais que atoparon un novo fogar.

O Porriño será a saída de “O Gran Camiño”, un dos maiores eventos deportivos do ano

O Porriño dará o pistoletazo de saída da proba deportiva que recuperará unha volta ciclista profesional en Galicia tras dúas décadas de suspenso, “O Gran Camiño”.

O que será un dos maiores eventos deportivos do ano na comunidade galega disputarase entre o 24 e o 27 de febreiro e constará de catro etapas, unha por cada provincia, asegurando espectáculo, valores deportivos e difusión mediática.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, interviu onte na presentación oficial da proba.

“Como alcalde e como porriñés é un orgullo que O Gran Camiño comece no Porriño”, manifestou o rexedor, “O noso é un concello berce de ciclistas, onde este deporte ten unha arraigada tradición. Tamén é un concello de comezos, que abre unha nova etapa na que perseguimos unha maior proyección cara o mundo”.  Neste sentido, Lorenzo afirmou con rotundidade que “O Porriño é un lugar único e o mundo debe coñecernos” e concluíu, que “O Gran Camiño será un escaparate perfecto que nos axudará a conseguilo”.

O Porriño, saída da primeira etapa

O Porriño foi elixido como saída da primeira etapa que se disputará o 24 de febreiro. Percorrerá algo máis de 163 km finalizando en Vigo. Será unha etapa chaira na súa maior parte na que, a 23 km da meta, os corredores subirán a Peinador antes de chegar ao sprint no centro de Vigo.

A segunda delas disputarase na Coruña, a terceira na provincia de Ourense e a última será en Lugo.

O Gran Camiño está incluida no calendario UCI, na categoría 2.1, conseguindo chamar a atención de equipos profesionais de alto nivel, tanto nacionais como internacionais. Xa está confirmada a participación de Movistar, Israel Start Up Nation, Education First, Cofidis, Tavira e Euskaltel Euskadi. Tamén do RP-Boa Vista, Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani. Conta co respaldo das cinco principais institucións galegas: a Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais.

Xosé Monteagudo, «Eternity»

Xosé Monteaguro volve a sorprendernos coa súa nova novela, «Eternity», que chega a nós avalada polo premio de narrativa breve Repsol do ano pasado. Nesta ocasión o autor indaga sobre a eterna arela de transcendencia alén da morte, pois a trama desenvólvese arredor da creación dunha empresa tecnolóxica (que presta o título ao relato), ideada para preservar a memoria dos falecidos. Un auténtico cemiterio virtual ateigado de narracións do que foron as vidas dos seus inquilinos, relatadas por familiares e amigos. Deste xeito  achégase á idea da morte dende unha perspectiva diferente, pois o protagonismo está na reconstrución das vidas dos mortos, no recurso da memoria como bálsamo para aliviar a perda do ser querido.

Mais a idea de transcendencia, da morte ou da memoria, non son as únicas que pairan ao longo das páxinas desta novela, pois a propia creación da empresa partindo practicamente de cero, dá pé a inserir reflexións sobre a precariedade laboral e o tan manido emprendemento como forma de afianzar esa precarización, sobre a dixitalización de todo canto atinxe ao ser humano (mesmo a morte), sobre a necesidade de compartir as nosas vivencias cos potenciais lectores da páxina… Mesmo sobre a nosa memoria individual, pois a protagonista do relato, Alba, terá que mergullarse no seu propio pasado ao longo dunha historia paralela coa súa nai como personaxe principal, que a conducirá a un coñecemento un pouco máis profundo da súa realidade.

Con todo, a parte máis interesante, ao meu entender, son as reflexións que se espallan ao longo de toda a novela sobre o propio oficio da escrita. Alba entra a formar parte da empresa, xunto a un grupo de enxeñeiros informáticos, polo seu dominio de varios idiomas e pola súa capacidade de redacción: a súa misión é a de revisar e corrixir os textos enviados polos familiares dos falecidos, mesmo axudar a darlles unha forma suxestiva para o lector. Monteagudo entra, deste xeito, nunha especie de xogo metaliterario no que trata de buscar os alicerces sobre os que se asenta o relato, calquera relato, para captar a atención do lector, así como a fluidez e a estética da narración como atractivos para a súa lectura. Algo que, dun xeito ou doutro, acaba por zarrapicar a propia novela.

O emprego da primeira persoa como recurso narrativo dálle pé a profundar na personaxe principal e na súa relación co resto do grupo e, principalmente, coa súa propia nai, pero tamén cun entorno que, de primeiras, semella difícil para Alba e ao que se irá afacendo no decurso da trama. O resultado é unha obra de lectura áxil, cun ritmo axitado, que atrapa ao lector a través das varias historias que se misturan na narración. O autor emprega unha prosa transparente e puída que empurra páxina a páxina, algo xa habitual na escrita de Monteagudo, unha das máis limpas da nosa literatura. Todo isto dota o relato dunha enorme fluidez que, de seguro, non deixará indiferente a ninguén.

Xosé Monteagudo

Eternity

Galaxia

Ponteareas: morrer ou saúde

Hai un tempo que se está a xerar certo debate na vila do Tea, sobre o novo plan de mobilidade. Os debates entorno as medidas que supoñen retirar tráfico en favor das persoas, son repetitivos. Non é Ponteareas o único caso nin ha ser o último.

O certo é que as medidas que se están a poñer en marcha, non son ningunha novidade. Tal é así que este tipo de iniciativas teñen a súa orixe nos EEUU, hai xa cen anos e chegaron a Europa un pouco máis tarde. Mesmo en Galicia hai xa varías décadas, que se teñen activado en distintas localidades e en todos os lugares os resultados son claramente positivos. E non fai falta ir moi lonxe de Ponteareas. Calquera pode ir a vila de O Porriño e preguntar si os comerciantes afectados queren a volta atrás. Mesmo en Ponteareas podemos preguntarnos se as veciñas e veciños queren de novo os autobuses entrando ata a Praza Maior ou si se quere de novo o trafico os sábados no mercado.

Polo que se coñece publicamente o plan de mobilidade, non é unha ocorrencia. Está feito con datos rigorosos e por profesionais técnicos. Os veciños e veciñas podemos ter cada quen a súa opinión. Pero sería de agradecer por respecto os profesionais que fixeron o traballo, que cando a opinión é contraria se faga dando datos que avalen esa postura. Porque dicir que é a ruína é fácil. Pero o certo é que outro goberno anterior, xa peonalizou outras rúas e non se escoitou ese grito de alarma. Cal é a diferenza?, se temos en conta que a diferenza de aquela hoxe Ponteareas dispón de bastantes máis prazas de aparcadoiros que de aquela. Ou é que non se perderon prazas de aparcamento naquela ocasión?.

Tampouco resulta serio, por parte dos grupos da oposición, que se diga que se está de acordo coas peonalizacións, pero non así. Sen poñer enriba da mesa unha alternativa,amparada por criterios técnicos. A verdade é que se a alternativa pasa por posicións tan vagas, mal vamos. A política debe ser cousa seria e é moi feo mentir. Digo isto porque aínda estou a buscar as catro chemineas da caldeira de biomasa e tamén a central térmica. Claro que nese caso non só foi quen exerce a oposición senón tamén aquelas “persoas”, que levan toda a vida concibindo o Concello como negocio particular , e sen entender o concepto de democracia, diría que cunha total carencia de decencia. Pero xa non enganan a ninguén.

A oposición ten que ser mais valente e non facer como o alcalde de Madrid que criticou a peonalización da anterior mandataria e agora él vai incrementala. Porque a U.E. non lle deixa facer o contrario.

Hoxe a experiencia e os datos, acreditan que o sector comercial gaña nas zonas que se saca o tráfico a favor de espazos libres de coches, pero as razóns son se cabe de máis calado. A organización mundial da saúde vén advertindo que cada ano morren de xeito prematuro en Europa 400.000 persoas, produto da contaminación e da vida sedentaria . A Unión Europea está a impulsar medidas como as que se están a implantar en Ponteareas, mesmo ten advertido o Estado con sancións por non desenvolver medidas tendentes a eliminar tráfico das zonas urbanas.

O comercio ten problemas claro que sí, mais tamén é certo que nunca antes se fixeron tantas cousas dende o Concello tendentes a favorecer o comercio local e nesa senda debe seguir.

Pero a problemática do comercio local é global,tal e como indica a CEC ou a Universidade Complutense de Madrid , nun traballo de 2017. E dous son os factores que agudizan a situación , por unha banda a instalación de grandes áreas comerciais que xa parte da década dos oitenta e agora a explosión do comercio electrónico. No caso de Ponteareas a estes dous factores eu engadiríalle a desaparición de empresas (Granitos de Galicia, Aceros del Tea, AVIGAN, Gramol e outras), a falta de solo industrial, e disto hai que preguntarse como é posible estar vinte anos sen poder ter un PXOM. Volvo repetir que a política debe ser cousa seria, porque o contrario trae consecuencias que prexudican os cidadáns. A perda de poboación na comarca outro factor a considerar e o alto nivel de paro e en consecuencia o baixo poder adquisitivo.

Se Europa ten concedido axudas o Concello é para adoptar medidas como as que se están a executar.Será que os proxectos van en liña coas súas directrices, como acaban de facer co cambio a led de todo o alumeado das 24 parroquias.

O goberno municipal hai que pedirlle que persevere en que podamos ter unha vila máis saudable , ampliar a revitalización ás parroquias e deseñar o fortalecemento empresarial e económico.

Gondomar e o Centro Dramático Galego da mán na promoción do teatro

O programa “Subes ao autobús do teatro?” chega de novo a Gondomar para nesta ocasión para facilitar a que quera que asiste a obra que hai en cartel: “A peste”, a versión teatral de Cándido Pazó, inspirada na obra do Albert Camus coa que se reflexiona sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise, e que se representa nos escenarios do (CDG) en Santiago.

“Non é doado para todos ou todas aos que lles gusta o teatro ou queren descubrilo desprazarse ata Santiago, tendo en conta ademáis o custo económico que supón”, sinala o edil de cultura Juan Bas, quen explica “que grazas á colaboración entre o goberno local e o CDG facilitaremos o transporte e unha rebaixa no prezo das entradas”.

A cooperación entre ambas as institucións concrétase no frete dun autobús -con capacidade para 50 personas- que cubrirá o traslado de ida e volta ata Santiago o vindeiro día 22 de xaneiro para asistir a representación de nova obra de Cándido Pazó, estreada dous días antes. También beneficiaránse dun precio reducido na entrada (6 euros persoa).

A reserva da praza debe facerse de forma anticipada no despacho de billetes de venta electrónica de Gondomar https://taquilla.concellodegondomar.gal.

O Concello da Guarda ilumínase de cor verde polo Día de Perthes

0

O Concello da Guarda únese ás reivindicacións das familias con Perthes para visibilizar esta doenza que afecta a moitos nenos e nenas, provocando deformidades de xeito permanente e problemas de cadeira.

A enfermidade de Perthes, tamén chamada Legg-Calvé-Perthes, afecta á cadeira dos nenos e nenas, producindo unha destrución de parte do oso da cabeza do fémur ou a “bola” da cadeira. O organismo pode rexenerar completamente este oso ou facelo só de forma parcial e provocar unha deformidade permanente.

O 17 de xaneiro de 1869 nacía en Alemaña George Perthes, o primeiro paciente ao que se lle detectou oficialmente esta doenza, elixindo esta data para conmemorar o  Día de Perthes.

O obxectivo de moitos colectivos vinculados a esta enfermidade é o de dar a coñecela e chegar ás familias con nenos e nenos que a padecen, así coma aos adultos que sofren as súas secuelas.

Tui investiu 30 mil euros de fondos propios en obras de reforma do Pavillón Deportivo Municipal Vello

0

O Concello de Tui vén de investir ao redor de 30 mil euros en obras de mantemento no Pavillón Deportivo Municipal Vello. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e outros membros da corporación municipal, visitaron onte á tarde as instalacións tras a reforma realizada. No momento da visita estaban a adestrar distintas categorías do Club Baloncesto Tui. Este é un dos clubs que adestra e compite nestas instalacións xunto a A Quinta de Tui F.S. e o C.D. Tui F.S. Deste xeito puideron comprobar as tarefas de mantemento realizadas durante os meses de novembro e decembro do ano pasado.

En concreto levouse a cabo o pintado interior das paredes e columnas, o forrado con paneis de madeira da parede lateral e frontal da pista, o pintado de varandas e chan, así como o pulido, vernizado e pintado do pavimento deportivo de madeira.

Estes labores foron realizados por persoal propio do concello e por unha empresa especializada en mantemento de pavimentos deportivos de madeira.

Con estas reformas, xunto coas xa realizadas de mellora dos vestiarios, subvencionadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e a substitución da iluminación a focos leds, realizada tamén con fondos propios do concello, quedaría unicamente o pintado exterior, así como o arranxo da fachada principal, tarefas que, en palabras do alcalde de Tui, se realizarán neste ano 2022, unha vez solicitados os permisos pertinentes.

Cómpre lembrar que esta instalación ten un elevado grao de utilización, dado que de luns a venres, de 09.30 ás 14.30 horas alberga as clases de Educación Física dos CEIPS Nº1 e Nº2 de Tui, e dende as 16.00 ata as 23.30 horas adestran nas mesmas os clubs deportivos tudenses de baloncesto e fútbol sala. Durante as fins de semana, acolle os partidos federados, chegando a disputarse máis de 10 partidos nunha mesma fin de semana en máis dunha ocasión.

Deste xeito vaise cumprindo cun dos obxectivos marcados para este mandato polo concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, coma é ter as instalacións deportivas municipais á altura dos clubs deportivos e dos deportistas tudenses.

O Plan ReacPon da Deputación impulsarán a remodelación da contorna do Paseo de Pinzón de Baiona

0

“A inversión da Deputación en Baiona na anterior lexislatura foi de 6,5 millóns de euros e a da Xunta de Galicia 1,8 millóns. Creo que con iso dicímolo todo”. Con esta rotunda afirmación o alcalde Carlos Gómez agradeceu á administración provincial o esforzo do Plan ReacPon no acto de sinatura do convenio coa presidenta, Carmela Silva, acompañada polo vicepresidente, César Mosquera. Cun orzamento de máis de 1,7 millóns de euros, cofinanciados por Deputación e concello, este plan extraordinario permitirá facer realidade o esperado proxecto de remodelación da contorna do paseo Pinzón.

A presidenta da deputación, Carmela Silva, sinalou que con este proxecto “seguimos camiñando e facendo obras conxuntamente, unha actuación moi potente que se corresponde co proxecto de transformación dos concellos que defende a Deputación e que permite crear vilas onde da gusto vivir”. Ademais, resaltou que  as actuacións proxectadas compren cos “principios de sostibilidade que contempla a Axenda 2030 e todo o que ten que ver coa transición ecolóxica”. Alén do proxecto do Paseo Pinzón, a Deputación leva investidos máis de 9,6 millóns de euros en Baiona con outros plans extraordinarios como o DepoRemse co que o concello mellorou a mobilidade e seguridade viaria na avenida de Sabarís, o novo Multiusos de Sabarís do Plan Concellos, ou os investimentos en infraestruturas para a mellora da seguridade viaria en Baredo-Lourenza ou en Sabarís-Belesar, actuacións “que teñen transformado absolutamente lugares que non son o centro da vila e, polo tanto, espallan este modelo de mobilidade e para o conxunto de Baiona”.

O alcalde, Carlos Gómez,  amosou o seu “orgullo por asinar este convenio” e tamén fixo referencia á inversión que a Deputación fai no concello e comparouna cos orzamentos cos que conta Baiona. Os datos deixan claro que “sen a Deputación Baiona non tería acadado a transformación que se ten feito nestes últimos seis anos, pero tamén somos conscientes de que imos a depender dela nos vindeiros anos para acadar o noso obxectivo”. Tamén se lembrou do conxunto da provincia xa que “aos 61 concellos esta Deputación, a dos últimos seis anos, viunos moi ben. Grazas a este modelo temos recursos para poder transformar os concellos”. Para Carlos Gómez “con anteriores gobernos o concello nunha tivo unha visión de futuro. Agora, engadiu, estamos comprometidos con Europa, co Estado e coa Deputación para cumprir os 17 ODS que van a transformar non soamente a nosa provincia senón o mundo”. Neste senso falou do seu ambicioso plan de mobilidade, no que se enmarcan esta e outras actuacións que están a transformar o concello.

Por último, o vicepresidente César Mosquera, deu os parabéns ao alcalde de Baiona polo proxecto do Paseo Pizón, centrado na recuperación do espazo público para as persoas e nos principios da Rede Ágora. Indicou que é un proxecto ben traballado e que suporá “un antes e un despois” no avance cara a transformación da vila. Mosqueraindicou que a Deputación, co seu modelo de mobilidade amable, impulsou cambios e unha nova mentalidade nos concellos, que a día de hoxe solicitan apoio para iniciativas que apostan polo espazo público de calidade. Subliñou que o goberno provincial sempre apostou por liñas de actuación para levar adiante actuacións “amables, atractivas, ben feitas, e superar a fase de tirar para adiante e facer as cousas con urxencia” e subliñou que o  ReacPON é unha oportunidade para facer intervencións que son o soño de alcaldes e alcaldesas e que non se poderían asumir cos fondos ordinarios.

Un novo paseo a carón do mar

Coa actuación, o paseo de Pinzón contará cunha continuidade visual e funcional entre o propio paseo e o parque da Palma que mellorará as condicións deste espazo urbano para o tránsito peonil. Deste xeito, eliminaranse as oclusións visuais e os elementos de urbanización innecesarios, cunha área de preferencia peonil, continua e compacta.  Ademais, mellorarase o firme dando continuidade ao pavimento de pedra da zona e instalarase unha nova iluminación pública eficiente así como novo mobiliario urbano e sinalización. Tamén se aumentarán os espazos axardinados e arranxaranse as escaleiras de acceso ao litoral e o muro de contención, amais da instalación dunha rede de rega e de drenaxe e un novo sistema de recollida de pluviais.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficia a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.

Ponteareas celebra o 92 aniversario do mestre Rogelio Groba cun concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo

Ponteareas quere render homenaxe ao mestre Rogelio Groba no día do seu 92 aniversario. O mesmo día do seu nacemento, o 16 de xaneiro, o Concello daralle os parabéns cun concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo ás 18.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. A actuación, que será con entrada de balde ata completar aforo, “busca achegar a todos os públicos a programación cultural que se oferta de xeito estable ao longo do ano tanto no centro da vila como nas parroquias”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. O concerto poderá seguirse tamén en streaming.

Click para ampliar

Rogelio Groba Groba é un referente en Ponteareas, con máis de 700 obras que acompañan a vida deste prolífico compositor e mestre que ten os seus inicios na música de bandas, dando os seus primeiros pasos musicais na Banda de Música A Unión de Guláns, que chegou a dirixir con apenas 17 anos. Groba amence cada mañá coa inquedanza de compor e trasladar a cada partitura as sensacións do cotiá. Ese orgullo consolida ano a ano o Festival Groba, que brinda a oportunidade de gozar de forma gratuíta e sen saír da vila das mellores músicas e músicos do panorama internacional.

O edil amosa o seu profundo agradecemento polo valor do traballo de Rogelio Groba Groba de o legado musical eixa en herdanza a todas e todos os ponteareáns, sendo o compositor máis prolífico da xeración do 51 en España.

A Xunta ampliará o IES Pedras Rubias para incorporar o bacharelato

A Xunta de Galicia vai investir preto de 2,2M€ nas obras de ampliación do instituto IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, co que se garantirá a incorporación das ensinanzas de Bacharelato.

Tal e como se pode consultar na plataforma Contratos de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar a redacción do proxecto por un importe de preto de 82.000€ e un período de redacción de tres meses. Con este trámite administrativo iníciase o procedemento para a ampliación das actuais instalacións do instituto e dáse cumprimento ao compromiso do Goberno galego con Salceda de Caselas para a incorporación do Bacharelato ao tempo que se atende a demanda das familias a este respecto.

Unha vez redactado, será o proxecto técnico o que defina as características das obras que se van levar a cabo neste centro e que vai supoñer a dotación duns 1.600 metros cadrados de nova superficie útil que se destinará á zona docente (con oito aulas, dous aseos, laboratorio, polo creativo e espazo Foro entre outros), a administración e departamentos didácticos e a servizos comúns (almacéns e taquillas). Así mesmo, engadiranse tamén espazos exteriores como un acceso e un patio cuberto e zona de estacionamento.  

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

A ampliación realizarase de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia, que é a folla de ruta do Goberno galego para as infraestruturas educativas da próxima década, que aposta por un novo modelo de escolas máis flexibles, máis tecnolóxicas e sostibles, adaptado á situación poscovid.

Emilia Pardo Bazán regresa a Mondariz 102 anos despois da súa última visita

0

A Asociación Ecocultural Búrbida, empeñada na recuperación, conservación e divulgación da memoria histórica de Mondariz e Mondariz Balneario, quere convidar a toda a veciñanza a asistir a esta conferencia pública sobre a escritora que describiu Mondariz como o lugar “donde se eleva el mejor establecimiento balneario, sin disputa el más suntuoso de la Península, y a su alrededor nacen cada año hoteles espaciosos, y brotan a docenas esos lindos edificios peculiares de la provincia de Pontevedra, todos de albo granito, con alegres tejados de un rojo de coral”. Pardo Bazán visitou o balneario de Mondariz entre 1873 e 1920, asistindo ao nacemento, desenvolvemento e fama desta vila de augas.

En 1888 Pardo Bazán, amiga persoal da familia Peinador, volve a Mondariz para descansar e escribe: “Con fidelidad inefable me entrego a la madre naturaleza esta temporada: un bienestar físico inmenso me impide y veda todo pinito intelectual, y voy perdiendo el feo vicio de pensar en cosa alguna. Aire, comida, paseo, campo, respirar y dormir, es la hora de la dicha suprema”.

Un ano máis tarde, en 1889, Dona Emilia describe o perfil dos agüistas que atopa nas fontes da Gándara e Troncoso: “A Mondariz, milagroso para el estómago, afluyen nuestros ‘ilustres enfermos’, los descalabrados de las letras, de la política y del arte. Si deseáis conocer, sorprender en su vida diaria a los escritores españoles del renombre, a los políticos de talla, á Mondariz. Por allí ha desfilado en pocos años lo escogido de la inteligencia española”.

En 1920 a condesa, xa anciá, visita o balneario por última vez. Alí é vista por Vicente Aleixandre quen, ao vela, escribe: “Delante de la imponente fachada, un grupo o mejor un corro (…). Adelantó la cabeza y allí la vio; sentada, mejor, aprisionada, contenida, rebosada en el gran sillón de mimbre, una vieja señora. ¿Una vieja señora o un ídolo? Porque allí, inmóvil, rodeada del corro de sus fieles absortos, tenía algo de ídolo (…) allí, allí, envuelta por su mágica rueda se descubría, al fin, una sombra: real, tangible –audible– doña Emilia Pardo Bazán.

Patricia Carballal presentou unha tesiña de licenciatura sobre os contos de Emilia Pardo Bazán no ano 2003 na Universidade da Coruña e dedicouse a estudar o seu teatro na súa tese de doutoramento, presentada no ano 2015 na mesma universidade. A nosa conferenciante foi secretaria da revista La Tribuna. Cardernos de Estudos da Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.  Ademais Patricia Carballal estivo na organización de 7 congresos internacionais dedicados á vida e obra desta escritora feminista e publicou varios artigos e capítulos de libros sobre Pardo Bazán. Carballal Publicou, xunto coa Fundación Mondariz Balenario e a Real Academia Galega o libros Mondariz en los textos de Emilia Pardo Bazán (2009). A nosa convidada traballou na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na Real Academia Galega e, desde 2011, é docente da Universidade da Coruña. Búrbida quere agradecer o apoio recibido para a organización deste acto por parte do Hotel Balneario de Mondariz e máis do Concello de Mondariz e, sobre todo, a Patricia Carballal pola súa colaboración altruísta e xenerosa.

O Concello do Porriño lembra que está prohibido deixar entullos na vía pública sen permiso

A Concellería de Limpeza do Concello do Porriño, que dirixe José Carlos González, lembra que a cidadanía do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de citación previa, pois está prohibido deixar enseres na vía pública sen previo aviso.

Informan dende a concellería que para desfacerse de colchóns, mobles e obxectos de gran tamaño hai que solicitalo chamando ao 665 571 555, onde se lles informará da hora e lugar donde deben depositar os enseres para que sexan recollidos.  

Dende o Concello tamén indican que a fin de facilitar o servizo aos cidadáns  a recollida é, polo de agora, de carácter semanal, e a demanda. Nos próximos días colocarase en todos os colectores este número de teléfono para informar a toda a veciñanza.

Meirande mantén un crecemento continuado en número de visitantes pese as restricións da pandemia

0

As 6903 persoas que durante o pasado ano 2021 visitaron o Meirande –Centro de Interpretación da Batalla e do Patrimonio de Rande– amosan claramente o interese que esta instalación esperta nas persoas que visitan Redondela. Pese as restricións impostas pola pandemia da Covid-19, o Meirande mantén un crecemento continuado no número de visitantes.

Da importancia desta instalación museística redondelá fala as claras que no ano 2020, primeiro da pandemia do coronavirus –e a pesar dos confinamentos, peches perimetrais e estrita limitación de aforos–, o Meirande rexistrara un total de 3449 visitas polo que os datos do 2021, supoñen un incremento do 50 % respecto ás persoas que visitaron a instalación respecto ao período anterior.

De feito, segundo os datos facilitados polo Meirande, instalación que depende directamente da Concellería de Turismo que xestiona María Castro, nos meses de agosto e outubro do 2021 o número de visitantes achegouse aos datos ‘prepandemia’ do 2019 con 1172 e 1301 persoas, respectivamente.

Cómpre salientar que outubro vén marcado pola conmemoración da Batalla de Rande polo que atrae moitas máis visitas, algo que quedou comprobado neste ano pese aos estritos controis de aforo que, como medida de seguridade sanitaria, aplicou o Concello de Redondela.

A previsión para o 2022, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “é claramente optimista e todo apunta a superar os niveles de afluencia rexistrados nos anos previos a pandemia”. Para a rexedora redondelá está fora de toda dúbida que o Meirande “está consolidándose como un punto turístico de visita obrigada2.

Rivas lembrou que dende a Concellería de Turismo, estanse a desenvolver continuos traballos de adaptación do Meirande ás novas tecnoloxías, como a dotación dunha páxina web moderna e funcional ou, proximamente, a posibilidade de facer visitas virtuais a instalación. “As novas tecnoloxías poñen nas nosas mans ferramentas de extraordinaria importancia que temos que aproveitar á hora de poñer en valor a nosa historia e o noso patrimonio”, conclúe a rexedora local.

Baiona mellora a accesibilidade a Belesar

0

O Concello de Baiona, culminou os traballos de mellora da accesibilidade na zona da Figueira no Urgal, parroquia de Belesar. A obra, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, foi adxudicada por un importe de 43.497,10 euros.

Trátase da construción dun muro de contención do camiño ata 4 metros de altura e cunha lonxitude dun 40 m de longo, construído con perpiaños de pedra gris. Tamén se mellorou a accesibilidade, aumentando a anchura e asfaltando o vial que xa se atopaba moi deteriorado. Tamén se incluíu a instalación dunha varanda protectora para a seguridade dos viandantes e os vehículos.

O Concello de Baiona salientou o necesario desta intervención xa que a situación na que estaba o camiño representaba un perigo para os e as usuarias. Desde a Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez, lembra que o Goberno municipal traballa para buscar solucións e mellorar as condicións dos veciños e veciñas das parroquias. “O noso deber é que todas as baionesas e baioneses teñan acceso aos mesmos servizos, independentemente do lugar no que residan”, afirmou o edil.

Pola súa banda o alcalde, Carlos Gómez Prado, lembrou que “a mellora da accesibilidade e mobilidade de diversos barrios, o arranxo de viais, o asfaltado de vías e a recuperación de espazos, forman parte das obras que puxemos en marcha para continuar coa nosa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía. Proxectos que nacen das demandas que nos trasladou as veciñas e veciños de Baiona”.

O Concello de Salceda informa sobre os atrasos do IBI 2018

O Concello de Salceda de Caselas vén de facer pública unha nota informativa dirixida á veciñanza en relación cos recibos dos atrasos do IBI de 2018 recibidos nas últimas semanas. O Concello sinala que ante os múltiples erros detectados, nos que non se practica a dedución do importe xa pagado –e tras a xuntanza mantida esta semana coa dirección do Oral e o equipo técnico– o ORAL comprometeuse a emitir novamente estes recibos, aos que non se lle practicou o desconto por ter cambiado a referencia catastral tras o proceso simplificado de valoración colectiva.

Polo tanto todas aquelas persoas que recibiron unha carta de pago sen descontar a parte pagada no 2018 non deben nin pagalo nin reclamar xa que, automaticamente, o ORAL revisará estes casos e emitirá un novo recibo, sempre e cando a persoa titular do ben sexa o mesma en 2018 que na actualidade.

As liquidacións que non son correctas, pero cambiou a persoa titular, si deben formular reclamación.

Mentres que as liquidacións que estean correctas si teñen que pagarse no prazo indicado na carta.

O Baixo Miño volve saír á rúa para denunciar a grave situación da sanidade na comarca

0

O mércores, no Rosal, O Baixo Miño volveu saír a rúa para denunciar a grave situación da sanidade da comarca e esixir solucións. Foi a primeira dunha rolda de concentracións que organiza a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca, que dende hai tempo padecían unha importante carencia de persoal sanitario que case limitaba a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas. Unha situación que se viu agravada aínda máis tras a decisión do Sergas de, en lugar de poñer solucións, decretar que só se atendan consultas urxentes e relacionadas coa COVID-19 nas instalacións da Guarda, O Rosal e Tomiño durante estes días.

Ante esta realidade, as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade convocaron para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas coas que “denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente”. Ademais inciden en que esta situación xa vén de lonxe, xa que os recortes da Xunta e a falta de persoal xa existían dende antes da pandemia. “A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.

Así, o mércores, a Praza do Calvario do Rosal, encheuse de veciños e veciñas reclamando que esta situación que “pon en risco a súa saúde teña unha solución xa”. A seguinte cita será o 26 de xaneiro en Tomiño (ás 19.00 h na Praza do Seixo), o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente). Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reinvindicar”.

A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.

Mos conecta as depuradoras de Herville e Petelos á rede de saneamento do Consorcio de Augas do Louro

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o xerente do Consorcio de Augas do Louro, Rufino Rodríguez, deron conta da contratación do proxecto de conexión á rede municipal da rede de saneamento de Herville e rede de Abelenda que será acometido polo Consorcio de Augas do Louro, comezando a obra en breve, e polo que a depuradora municipal de Herville pasará a verter directamente á rede de saneamento. Por outra banda, atópase tamén en proceso de licitación a obra para inhabilitar tamén a depuradora de Petelos, a piques de rematar o período de exposición pública, polo que as empresas poderán presentar as súa ofertas ata comezos da semana próxima. Ao igual que no caso de Herville, a depuradora de Petelos pasará tamén a verquer directamente á rede de saneamento do Consorcio do Louro, quedando desde xeito inhabilitadas as dúas únicas depuradoras municipais que permanecían en activo.

Deste xeito non queda xa ningunha depuradora municipal activa en Mos, posto que as de Torroso e Tameiga xa estaban inhabilitadas vertendo á rede do Consorcio e agora con este proxecto as outras dúas, en Herville-Cela, e Petelos, farano tamén.

A EDAR de Herville está situada no marxe dereito dun regato, afluente do río da Miñoteira. Foi construída no ano 2011 para tratar os vertidos correspondentes a 450 habitantes equivalentes e un caudal de entrada de 135 m3/día.

A esquina inferior esquerda da parcela delimitada polo peche da EDAR, atópase dentro do DPH. Neste proxecto contémplase a execución das obras precisas para manter a EDAR de Hervill fóra da zona de servidume do cauce do río, así como a execución dos colectores necesarios para a conexión das augas residuais que chegan a este punto, á rede de saneamento existente.

Proxéctase un colector de PVC de 315 mm de diámetro cunha lonxitude total de 1.778 m.

Garantirase a total estanqueidade dos pozos de rexistro e disporán de tapas estancas, para evitar a entrada de augas pluviais nos mesmos. No proxecto preséntase un prazo de execución de 6 meses e un presuposto de execución por contrata de 289.754,31 €.

Parte do novo trazado de saneamento discorre polo termo municipal do Porriño.

A EDAR de Petelos está situada na marxe dereita da rúa Brea e ao oeste do rego Cerqueira. A impulsión proxectada discurrirá nos seus primeiro 164 metros baixo a cuneta en terras situada na marxe esquerda da rúa Brea, cruzando posteriormente o camiño que da acceso ao pabellón e as pistas polideportivas. A continuación, discurre baixo o aparcamento situado nese mesmo marxe da rúa nunha lonxitude de aprox. 315 m, pasando fronte ao Instituto de Educación Secundaria e o Colexio Público de Petelos. A continuación, nun tramo de 85 metros discurre polo carril esquerdo da rúa e no seu último tramo disporase pola zona verde situada fronte ao Multiusos de Mos, para conectarse á rede de saneamento existente no pozo de rexistro existente.

Proxéctase un pozo de bombeo, que se situará na parcela onde está situada a EDAR de Petelos, desde o que partirá unha impulsión PEAD de presión nominal 10 atm e de diámetro 180 mm nunha lonxitude de 685 m.

O pozo de bombeo realízase en formigón armado de dimensións interiores en planta 3,70 m por 4,00 m e 4,00 m de profundidade. O espesor das paredes é de 0,40 m. Dentro disporase de dúas bombas capaces de elevar, individualmente un caudal de 22,3 l/s a unha altura de 6 m.c.a.

O sistema de funcionamento será mediante 2 bombas (1+1) e a regulación de velocidade das bombas con variadores de frecuencia para que o réxime de impulsión sexa o máis regular e laminar posible. Contará cun cestón de gruesos e un aliviadeiro con válvula antirretorno. No proxecto presentase un prazo de execución de 6 meses e un presuposto de execución por contrata: 140.405,00 €.

A Deputación chega a Fitur con «Love Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra»

«Love Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra». Con este lema “apaixonante e emocional”, reinventando a icona turística recoñecida en todo o mundo do corazón, “I love”, pero coas cores que identifican os nosos valores e o noso potencial, a Deputación de Pontevedra desembarcará o vindeiro xoves na Feira Internacional de Turismo, FITUR. A presidenta Carmela Silva asegurou que “imos a Fitur “a tope, con paixón, a defender o noso destino, a traballar, a preocuparnos do sector turístico desta provincia que permite que teñamos os mellores datos turísticos de Galicia. Imos a por todas, a contar unha historia de amor coa provincia de Pontevedra, a provincia inabarcable”. 

O novo audiovisual de Rías Baixas e a campaña de promoción será tan “rompedora, vangardista, dinámica, emocionante e diferente como a nosa presentación”, que terá lugar o xoves a partir das 4 da tarde no Auditorio do stand de TURESPAÑA á que asistirán a Ministra de Turismo, o Secretario de Estado e o Director de FITUR. O evento será retransmitido en streaming pola propia organización de TURESPAÑA, que tamén anunciou que difundirá a campaña de Pontevedra Provincia nas consejerías de Turismo no exterior, “un salto cualitativo moi relevante”, apuntou Carmela Silva, porque falamos de destinos internacionais como Abu Dhabi, Os Ánxeles, Berlín, Bélxica, Bos Aires, Cantón (China), Chicago, Cidade de México, Copenhague, Dublín, Estocolmo, A Haia, Helsinqui, Lisboa, Miami, Milán, Moscova, Bombai, Múnic, Nova York, Oslo, París, Pequín, Roma, Sao Paulo, Singapur, Tokio, Toronto, Varsovia, Viena, Zúric, Frankfurt e Londres

Carmela Silva: “Imos a FITUR a tope, con paixón, a defender o noso destino, a traballar, a preocuparnos do sector turístico, imos a por todas, a contar unha historia de amor coa provincia de Pontevedra, a provincia inabarcable”

Aínda que non se descubriu integramente o vídeo que se estreará en FITUR, “Love Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra”, conta “dunha forma extraordinaria, chea de creatividade e talento, o relato de persoas que chegaron a Rías Baixas, se namoraron e decidiron quedarse. “¿Cantas veces visitamos un lugar e quixemos quedar nel?, preguntou Carmela Silva. Iso e o que conta esta campaña con protagonistas e historiais reais”. A presidenta avanzou que “mostramos un destino no que a paisaxe, o patrimonio, a cultura, a enogastronomía e o noso modo de vida namoran, un destino hospitalario e agarimoso, un novo destino vital, un destino planetario, un paraíso sin “peros” que, amais, reforza o sentimento de pertenza e orgullo da cidadanía desta provincia que namora”.

A presentación será conducida pola actriz Jazmín Abuín e nela participarán protagonistas do audiovisual, “no que temos postas moitas esperanzas. Non en vano levamos dous anos consecutivos conseguindo ser o mellor vídeo turístico do mundo entre centos de destinos e con 24 premios internacionais. Dise pronto pero é espectacular o que estamos a conseguir”

Unha intensísima Axenda en FITUR

“Temos dúbidas de que haxa algún outro destino cunha axenda tan relevante como levamos este ano á Feira”, apuntou a presidenta, que xa o mércores 19 protagonizará o acto formal de adhesión da recen creada oficina da Film Comission de Pontevedra Provincia, a primeira en Galicia, á Spain Film Comission. “Somos unha provincia de película e queremos estar no potente hub audiovisual de España”, dixo Carmela Silva, que tamén estará invitada na presentación da Valladolid Film Comission, un dos referentes no estado.

Tamén na tarde do mércores, a Deputación rubricará un importante convenio de promoción con RENFE para a difusión da campaña de Rías Baixas en estacións e liñas que conectan con Galicia, “e máis agora co AVE que supón a mobilización en tren de milleiros de persoas”

Xa o xoves, ás 11 da mañá, terá lugar un dos momentos máis relevantes da viaxe. A presidenta recollerá na XII edición dos Premios Nacionais SICTED o Premio a Pontevedra Provincia como o Mellor Destino de Calidade de toda España. “É un extraordinario recoñecemento que nos enche de orgullo porque somos o primeiro destino de España e o único de Galicia polo que témolo que valorar moito. Estamos tan acostumados a que Rías Baixas reciba premios que o consideramos algo normal e non o é. É algo excepcional”

Este Premio á Deputación unirase aos que recollerá pola noite na Gala de Entrega das Q de Calidade: o distintivo ao Castelo de Soutomaior, o primeiro a un espazo museístico en Galicia, a primeira Q para a oficina de Cuntis da Rede Info Rías Baixas, e a renovación do distintivo da oficina do Palacete das Mendoza, do Aeroporto de Vigo e do resto das oficinas da Rede en A Illa de Arousa, Caldas, Cangas-Casa da Bola, A Estrada, Armenteira en Meis, Baiona, Nigrán e Casal de Ferreirós en Poio.

A presidenta confirmou tamén a campaña de comunicación, deseñada especificamente para FITUR, que estará centrada no dixital e suporá o emprego das máis novas tecnoloxías. Entre outras novidades, captarase ás e aos profesionais así como ao público xeral que estea en IFEMA interactuando sobre FITUR, para que reciba automaticamente nas súas redes sociais no móbil o audiovisual e as creatividades da campaña de Pontevedra Provincia. A promoción estará tamén os días de Fitur nos principais medios provinciais, galegos e estatais.

O Concello de Ponteareas esteriliza a máis de 100 gatos de 14 das súas 17 colonias felinas

O Concello de Ponteareas, a través da concellaría de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo Alonso, xa esterilizou a máis de 100 gatos de 14 das 17 colonias felinas que hai na vila. A edil explica que, ademais da esterilización, “tamén os identificamos e aproveitamos para realizar unha limpeza e instalar unhas casetas para botarlles a comida e que non se molle, evitando así os tuppers, o impacto visual e os plásticos no lugar”. Durante os vindeiros meses tamén se instalará sinalización para informar das colonias que xa se controlaron.

A concelleira quere “agradecer o traballo indispensábel da Asociación Biosbardos”, xa que sen as persoas voluntarias non sería doado realizar os traballos con eficacia. O Concello está a aplicar a estratexia C.E.S (Capturar-Esterilizar-Soltar), que supón atrapar a maior cantidade de gatos da colonia, tanto machos como femias, para, posteriormente, esterilízalos. Unha vez pasadas 48 horas de recuperación, sóltanse na súa colonia cun marcador que facilita a súa posterior identificación e control. Este método é o recomendado pola Organización Mundial da Saúde para evitar a proliferación dos felinos.

Rosa Covelo destaca que a estratexia que están a seguir no Concello é a máis eficiente na optimización e inversión de recursos, facilita a xestión da adopción dos felinos, diminúe o gasto público e privado no control de pragas, xa que espantan outros animais coma as ratas, mellora o benestar social, tanto animal como humano, prevén os brotes de enfermidades, mantén boas condicións de hixiene nas colonias, e, por suposto, reduce en gran medida a poboación de felinos de maneira sostible e ética co seu benestar.

Para a edil estas intervencións son unha iniciativa máis que demostra “que queremos facer de Ponteareas un lugar sostible no que os animais que nos rodean e as persoas podan convivir en harmonía”, conclúe.

O Concello da Guarda continúa traballando a prol da igualdade de xénero

0

No dia de hoxe o Concello da Guarda adheriuse ao “Manifesto de Soutomaior, declaración de mulleres autoras e editoras galegas”, que reclama dereitos para as mulleres, neste caso para as mulleres da cultura e das letras.

O Día das Escritoras é unha conmemoración iniciada en España en outubro de 2016 e promovida por Clásicas e Modernas, asociación para a igualdade de xénero na cultura, para recuperar o legado das mulleres autoras e editoras e facer visible o traballo delas na literatura e combater a discriminación sufrida ao longo da historia.

O pasado 8 de novembro de 2021 a Deputación de Pontevedra uniuse ao festexo desta sexta edición e conmemorou este día no Castelo de Soutomaior cunha xuntanza de mulleres, autoras e editoras galegas, e xestoras públicas da Deputación.

Tras a celebración, os faladoiros e as reflexións, o debate concluíu coa sinatura dun manifesto histórico, denominado Manifesto de Soutomaior, que toma como exemplo o modelo do manifesto Séneca Falls do século XIX porque inclúe doce decisións, o motor de traballo futuro para conseguir a igualdade.

Desde o Concello sumámonos a este Manifesto e reclamamos así mesmo dereitos para as mulleres, neste caso para as mulleres da cultura e letras, nas que tamén existe a fenda de xénero, e comprometémonos a poñer en marcha iniciativas en prol de acadar a igualdade neste eido no que a situación das autoras e editoras é aínda desalentadora.

O Plan Concellos da Deputación facilita a posta en marcha da biblioteca de Salvaterra

A Deputación de Pontevedra, ao través do Plan Concellos 2020, participou na financiación da nova Biblioteca Municipal de Salvaterra cun investimento de 81.138 euros, amosando unha vez máis o compromiso da administración provincial que permite que os concellos, especialmente os máis pequenos, poidan garantir dereitos e servizos e a construción ou rehabilitación de dotacións e equipamentos.

De feito, a Deputación ten investido nos últimos seis anos en Salvaterra máis de 6 millóns de euros, o investimento máis importante da historia da Deputación. Destacan os 4,3 millóns de euros do Plan Concellos, e o esforzo en infraestruturas con máis de 774.928€ con obras como a reposición de firme na EP 4006 (351.896 euros), ou as que xa empezaron na mesma estrada provincial co proxecto de mellora de mobilidade peonil no treito do antigo Colexio de Leirado (214.127 euros).

Salvaterra tamén foi un dos concellos beneficiados co Plan DepoRemse cun proxecto de pasos peonís sobreelevados (169.352€), a redacción do proxecto de humanización da rúa Marqués de Viana (50.000€) financiado co Plan Ágora, ou os fondos europeos xestionados pola Deputación con  281.696 euros en iluminación sostible exterior, iluminación en BIC e substitución de caldeiras contaminantes por sistemas con biomasa.

A nova Biblioteca Municipal, que se inaugurará este próximo luns, fíxose co proxecto de rehabilitación interior do antigo edificio do Concello, nas plantas baixa e primeira mediante o acondicionamento interior do espazo. Esta nova dotación, moi demandada na vila, dará resposta ás necesidades culturais da cidadanía.

O Concello de Tui e a AECC reforzan a colaboración entre ambas entidades

0

O Concello de Tui e a AECC (Asociación Española Contra o Cancro) reforzan a colaboración entre ambas entidades. Así o acordaron esta mañá na reunión mantida na Casa do Concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz,  a coordinadora dos Servizos Sociais Municipais, Carmen González e o coordinador de Xuntas Locais da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Telmo José Crespo Tojeiro.

En 2021 a AECC levou a cabo en Tui 93 intervencións das que 21 foron de atención social coma reparto de alimentos, orientación e información, axudas económicas, préstamo de material ortoprotésico como cadeiras de rodas, perrucas, andadores, etc, inserción laboral… e 72 de Atención Psicosocial a Enfermos/as Avanzados/as en final de vida e aos seus familiares.

No encontro desta maña na casa do concello presentáronse e analizáronse estes datos, ao tempo que se fixo un seguimento dos programas postos en marcha en Tui. Tamén estudaron novas liñas de traballo conxuntas a desenvolver ao longo dos próximos meses, reforzando así os lazos de actuación entre ambas entidades. As actividades previstas se irán dando a coñecer nas próxima semanas. 

Cómpre lembrar que a Asociación Española Contra o Cancro ofrece os servizos de: atención social, atención psicolóxica, voluntariado, logopedia, asesoramento médico sanitario e xurídico, atención en final de vida e dó. Tamén realiza talleres grupais a pacientes de cancro e o seu entorno.

Gondomar pon en marcha un ano máis os obradoiros dirixidos aos maiores

0

Como en edicións anteriores, os participantes poderán elixir entre o obradoiro “Cultiva a Mente” ou o de “Xinmasia de mantemento”. En ambos os casos o obxectivo “é garantir a mellor calidade de vida dos nosos e nosas maiores, e poñer ao seu alcance as ferramentas para que a súa terceira mocidade poidan gozala ao máximo”, apunta o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira.

As solicitudes poderán presentarse desde o vindeiro luns 17 de xaneiro no departamento de Benestar Social achegando a copia do DNI e o volante de empadroamento no concello de Gondomar. Os menores de 65 anos que queiran participar poderán facelo acreditando o certificado de discapacidade.

Obradoiro “Cultiva a mente”

Un total de 30 persoas poderán inscribirse neste taller que impartirá unha piscóloga, en dúas quendas diferentes: martes ou xoves de 10.30 a 12.30 horas. Nel abordaranse diferentes cuestións prestando especial atención ao envellecemento activo, á promoción das relacións sociais e á prevención da soidade, así como un traballo directo para garantir a independencia e autonomía destas persoas maiores.

Obradoiro “Ximnasia mantemento”

A curso está aberto a un total de 100 participantes que se exercitarán en dúas quendas dunha hora nos que realizarán exercicios guiados por unha monitora que lles facilitará a manterse en forma, ao mesmo tempo que fomenta as relacións e interaccións sociais, así como a autonomía destas persoas.

O curso se desevolverá os luns e mércores de 10.30 a 11.30, nunha quenda, e entre as 11.30 e as 12.30 horas, no grupo dous.

Para máis información poden poñerse en contacto co departamento de Benestar Social no teléfono 986360168, ou no correo [email protected].

A Deputación aproba o convenio GES por unanimidade por dous anos coa Xunta e a FEGAMP

O convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o funcionamento dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) por un período de dous anos quedou aprobado hoxe, por unanimidade, no Pleno da Deputación. O acordo manterá, como avanzou o deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, “as mesmas condicións económicas e territoriais” que o extinguido o pasado 31 de decembro. Unha vez garantida a continuidade do servizo, as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo negociarán agora en pé de igualdade coa Xunta para alcanzar un novo modelo de convenio.

Carlos Font lembrou que os GES foron creados pola Xunta de Galicia en 2013 como fórmula para reforzar o sistema de emerxencias. A partir de entón fóronse introducindo cambios nas cargas económicas de  cada parte. Así a achega das deputacións pasou do 20% do custo total do sistema ao 40%, mentres a Xunta reducía a súa parte do 60% do total ao 52%. En paralelo, a Deputación de Pontevedra asumiu tamén o cofinanciamento dos Grupos de Emerxencias Municipais (non incluídos no sistema GES) dos concellos de máis de 20.000 habitantes e que, en ningún caso, serían de competencia provincial. Son os casos da Estrada, Lalín, Ponteareas e agora, coa última ampliación proposta pola Xunta, Redondela.

“A Xunta invita e o mundo local paga”

O deputado de Economía e Facenda recalcou que “a realidade é que, unha vez máis, a Xunta invita e o mundo local paga, e, agora volvérono intentar”. Font lembrou que o Goberno galego incumpre, unha vez máis, a obriga legal de transferir os recursos necesarios cada vez que lexisla para derivar competencias autonómicas, como as emerxencias, á Administración local. De non terse freado dende as deputacións as condicións que a Xunta intentou impoñer o pasado mes de decembro, a Deputación tería pasado dos 266.666 euros recollidos no primeiro convenio GES a 1.426.000 euros (un 434% máis sobre a cifra inicial). Na súa intervención, Font destacou que esta prórroga por un ano é unha oportunidade para buscar solución a un “proceso moi desafortunado” por parte da Xunta, que tratou de impoñer un novo convenio “aplicando o rodillo” e sen negociar previamente coas deputacións. Ademais cualificou como unha “vergoña” que a mesma Xunta que argumenta que quere que tódolos GES pasen a ter unha dotación fixa de 12 membros pretenda conceder un “subGES” con só 6 efectivos ao Grove, sabendo que o actual grupo municipal xa conta con 13 e que a Deputación de Pontevedra leva dende 2017 reclamando o GES no concello meco. Font insistiu en que o incremento no custo dos GES para a Deputación non é inocuo, pois significa a redución dos recursos destinados a outros programas provinciais que redundan en beneficio dos concellos de toda a provincia.

Finalmente, Carlos Font volveu dar a voz de alerta polas condicións laborais do persoal dos GES, unha cuestión que está a derivar en sucesivas sentencias xudiciais e que xa provocou que varios concellos renunciaran á súa base. “O modelo GES está lonxe de estar profesionalizado e hai informes contrarios de secretarías e intervencións municipais para estas contratacións”. Ademais, engadiu, é necesario que a Xunta tamén se poña a negociar sobre as condicións de traballo e as funcións reais deste persoal, algo que ata agora tratou de evitar. “Hai que abordar isto inmediatamente”, subliñou.

O Pleno da Deputación aprobou, por outra banda, o novo Regulamento de funcionamento da rede de información turística rías Baixas, que conta con 31 oficinas e puntos de información en 25 concellos da provincia. O novo texto, explicou a deputada de Turismo, Laura Iglesias, nace para adaptarse á realidade dunha xestión turística dixital e moderna e simplificar os trámites de adhesión e renovación anual por parte dos concellos. Destacou que o destino Rías Baixas Pontevedra Provincia dispón dunha rede de oficinas moderna, organizada e de calidade, con fácil acceso e boa imaxe. No último ano logrou 21 distintivos Q de Calidade e na actualidade está inmerso nun proceso de dixitalización no marco do proxecto europeo Tourist Inside, coordinado por Red.es.

Mondariz prevé un aforro de 43.000 € co cambio de provedor de enerxía eléctrica

0

Unha das liñas estratéxicas do Goberno municipal de Mondariz na presente lexislatura é gañar eficiencia na subministración dos servizos públicos máis básicos, tanto a través de investimentos que melloren as infraestruturas como a través do cambio de provedores. No último ano traballouse intensamente na análise da factura eléctrica municipal e do mercado enerxético para buscar alternativas que posibilitaran un aforro neses gastos correntes. Este esforzo político e administrativo permitiu acadar un novo contrato de subministración a través do Acordo Marco realizado pola FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) que, segundo o prezo da luz de 2021 tomado como referencia, asegura un aforro anual de 43.000 euros.

Este novo contrato para a subministración de enerxía eléctrica foi votado na última sesión do Pleno da Corporación Municipal, celebrada esta semana, resultando aprobado con cinco votos favorables (BNG, PSOE e Ciudadanos) e cinco abstencións (Alternativa por Mondariz e Partido Popular).

Investimentos para un maior aforro da factura eléctrica municipal

Para este ano 2022 está previsto que o Concello de Mondariz desenvolva os catro proxectos de aforro e eficiencia enerxética aprobados polo IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que canaliza fondos europeos. Estes proxectos, que están financiados nun 80% con fondos europeos correspondentes o período 2014-2020, están relacionados co cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público e a mellora de elementos básicos como os cadros eléctricos.

“É un investimento histórico que supera o millón e medio de euros e permite un aforro do 70% na factura eléctrica municipal, que antes da subida da luz xa rondaba os 200.000 euros”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. “É unha modernización integral de infraestruturas básicas que ningún Goberno municipal das últimas décadas afrontou e que beneficiará ao Concello de Mondariz durante moito tempo”, destaca.

Na lexislatura anterior xa se tramitara un proxecto de instalación de luminarias LED a través dun programa da Deputación de Pontevedra, que está en vías de execución por problemas derivados da propia planificación do proxecto. Trátase da instalación de luminarias LED en 134 puntos de luz dos barrios de Lordelo e Aboal, na parroquia de Toutón, que non inclúe a renovación dos cadros eléctricos. “A diferencia é que agora é o propio Concello de Mondariz quen promove e controla os proxectos, abarcando todos os elementos da rede que é necesario renovar para acadar a eficiencia enerxética que se busca”, sinala Barros. “Ademais, o cambio a LED da rede municipal de alumeado público vai chegar a todas as parroquias, sen deixar a ningunha atrás”.

A pesar de que estes proxectos están financiados nun 80% pola Unión Europea, o esforzo económico e administrativo do Concello de Mondariz é considerable; todo un desafío para un concello que a día de hoxe non chega a 5.000 habitantes e ten recursos moi limitados. “Estamos traballando intensamente na xestión financieira destes proxectos para acadar a solución máis axeitada. Obviamente é un esforzo político e administrativo enorme, pero cando chegamos ao Goberno, en 2019, os fondos europeos do período 2014-2020 estaban a piques de rematar e tiñamos a responsabilidade moral de aproveitar esta oportunidade para o ben de Mondariz”, sinala Barros. “Varios concellos da comarca accederon a estes fondos europeos durante o período 2014-2020 e xa modernizaron as redes municipais de alumeado público cos resultados esperados. É un investimento que se vai amortizar rapidamente polo aforro que supón na factura eléctrica municipal”.

Alumnado do Obradoiro de Emprego de Promoción Turística da Guarda visitan o Castro de Santa Trega

0

Alumnado do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII na súa sección formativa de promoción turística local e información ao visitante, veñen de realizar sendas visitas ao Castro de Santa Trega e a unha das vivendas indianas da nosa vila.

Trátase dunha das primeiras saídas de campo que realiza este grupo de 10 alumnos que iniciou a súa formación a finais de outubro do ano pasado na Guarda.

A saída formativa incluíu unha visita guiada que foi levada a cabo por Manuel Álvarez Pérez, guía turístico oficial que traballa habitualmente para o Concello da Guarda.

Realizouse un itinerario cunha duración de case 3 horas, xa que o contido e as explicacións tiñan como obxectivo principal facer traballo de campo, que ven a complementar o estudo e inventario dos recursos realizado na aula. Os participantes observaron aspectos do monte dende o punto de vista paisaxístico, recreativo, histórico e forestal. Realizáronse fotografías de miradoiros, áreas recreativas e paisaxes.

Por outra banda tamén tiveron a oportunidade de visitar unha das vivendas indianas existentes na vila,  casa coñecida como “Casa de Don Eloy Domínguez Veiga”, situada na Avenida de Galicia. Esta actividade, que supuxo unha oportunidade única, tivo unha duración de hora e media, e realizouse un percorrido polo exterior na zona axardinada, e un percorrido por todas as estancias do interior.

Formación Dual

Todas as persoas que participan no obradoiro benefícianse dunha formación específica durante nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto, e ademais poden optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.

Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuirá tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao da comunidade.

O Concello das Neves constrúe un novo acceso ao Centro de Saúde

0

O Concello iniciou esta semana as obras para crear un novo acceso rodado ao Centro de Saúde das Neves. Este novo acceso estará ao carón da actual entrada peonil, dende estrada PO-415, de xeito que, unha vez rematado, fará de entrada de vehículos mentres que a actual pasará a ser de saída.

48.000€ e un prazo de execución duns dous meses

Esta obra, que realízase na súa totalidade con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento duns 48.000€ e estímase que estará rematada nun prazo de dous meses.

As obras abranguen a mellora da actual entrada peonil; a ampliación da beirarrúa existente ata diante do edificio; o cambio do valado de seguridade por un novo e o repaso das liñas de delimitación dos actuais aparcadoiros.

Unha nova ‘senda peonil’

Neste proceso, eliminarase un dos ‘carrís centrais’ reservado aos peóns que, en canto rematen as obras, terán reservada unha ‘senda’ exclusiva para eles, delimitada no asfalto. Deste xeito, ao tempo que mellora a súa seguridade, facilítase o acceso ás persoas que veñan e vaian camiñando ao Centro de Saúde.

Todas estas medidas servirán, ademais, para que todos os vehículos, en especial aqueles de transporte de viaxeiros que dan servizo ao Centro de Día, eviten dar a volta diante da entrada do Centro de Saúde o cal tamén rematará coa incomodidade das manobras e o posible risco na zona.

O CIM de Baiona amplía o horario de atención de servizo de asesoramento xurídico e psicolóxico gratuíto

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona incrementa o horario semanal de asesoramento xurídico e asesoramento psicolóxico do Centro de Información á Muller (CIM). Con esta ampliación no seu horario de tarde espérase mellorar a atención cun mellor servizo as persoas usuarias.

Este servizo atende a un importante número de mulleres cun trato profesional e moitas veces de acompañamento. Así, dentro desta dúas  áreas de atención realízanse un importarche número de intervencións de atención baixo previa cita a través do teléfono 986 35 75 54.

As mulleres acoden por diferentes causas pero os problemas máis comúns son a violencia de xénero na contorna familiar, dificultades e reaxustes de parella, rupturas e problemas de carácter afectivo, e trastornos de ánimo por diversas causas. Tamén se atenden casos de problemas con fillos menores ou situacións de acoso e violencia en mozas.

O CIM ofrece, de forma gratuita, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos sociais, asociacionismo e calquera outra consulta relacionada coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O servizo xurídico préstase, de luns a xoves  de 9 a 14 horas, ampliándose en horario de tarde os venres de 16:30h a 19:30h; mentres que o psicolóxico funciona en horario martes e venres de 9:00 a 13:30h, ampliándose en horario de tarde os xoves de 16:30 a 19:30h.

O centro está aberto de luns a venres de 9 a 14:00h.

A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, destacou a experiencia e a dedicación das profesionais que desempeñan o seu traballo no CIM de Baiona e a importancia deste servizo para as mulleres en particular e para toda a sociedade en xeral.

COGAMI realizou máis de 50 intervencións sobre accesibilidade durante o ano 2021

A área de Accesibilidade de COGAMI realizou durante o ano 2021 un total de 53 intervencións e respondeu  a 20 consultas, todas elas referidas a como levar a cabo melloras en espazos privados ou comunitarios, como tamén, para asesorar sobre itinerarios accesibles en espazos públicos.

Unha intervención consiste na visita dun profesional experto en accesibilidade universal ao domicilio da persoa usuaria para tomar datos, medidas e fotografías dos espazos para posteriormente elaborar un informe acompañado duns planos, cando resulta necesario, nos que se reflicte o estado actual e as propostas de mellora da vivenda, espazos comúns ou espazo público, sempre tendo en conta as necesidades que presenta a persoa.

Dende que inicia en 2003, a área de Accesibilidade de COGAMI ten como función asesorar sobre axudas técnicas e lexislación para que os espazos e servizos sexan humanizados conforme a criterios de accesibilidade universal. Se ben nos inicios o cometido principal era resolver problemas na vivenda familiar, co paso do tempo ampliou esta función, de maneira que actualmente ofrece un servizo de asesoramento en obras de espazos urbanos en beneficio do conxunto da sociedade.

A maior parte das consultas, todas estas remitidas a COGAMI a través de chamadas telefónicas, por correo electrónico e en menor medida presencial coa pandemia, foron trasladadas tanto por persoas con discapacidade ou familiares como tamén dende entidades, empresas e mesmo dende representantes da administración pública. En canto ás temáticas destas, están relacionadas en como facer accesible o acceso a unha vivenda familiar, como adaptar un aseo ou como facer unha senda pública accesible a todas ás persoas.

Melloras nos espazos públicos

Algúns dos proxectos realizados durante 2021 estiveron relacionados coa mellora na accesibilidade de espazos públicos como a elaboración dun informe e proposta de mellora da accesibilidade do edificio do concello de Allariz ademais de labores de asesoramento dos concellos de Vigo e Ponteareas. A realización dun informe sobre o estado da contorna do paseo e o acceso á praia de Bueu e do Espadanal en Muros, o deseño dos plans de accesibilidade dos concellos de Xinzo de Limia e Santiago de Compostela, os informes de accesibilidade de espazos como o colexio Vite de Santiago, a colaboración nun dos programas O Teu Xacobeo xunto con AGAN+, o Club de Financeiros de A Coruña ou do Museo do Viño en Salvaterra, foron outros dos proxectos nos que traballou a área de Accesibilidade de COGAMI.

Empresas privadas tamén contactaron con COGAMI para seren asesoradas na mellora da accesibilidade e na prestación de servizos como o turismo. Nos dezanove anos de traxectoria da área de accesibilidade de COGAMI lévanse resolto un total de 3.361 consultas sobre como facer habitables para todas as persoas espazos tanto privados como públicos. Durante o ano pasado, o 62% das consultas recibidas procedían da provincia de A Coruña, o 24% da de Pontevedra, o 11% de Ourense e o 3% de Lugo.

O Concello de Nigrán agasalla ás aulas de infantil dos colexios co libro evolutivo ‘Dedas’

0

O Concello de Nigrán agasallará a todas as aulas de infantil dos diferentes centros educativos do municipio co libro evolutivo ‘Dedas’ e, adicionalmente, ofrecerá a posibilidade de que as autoras realicen un contacontos especial no propio colexio.

Onte foron entregados seis na Galiña Azul e nos vindeiros días se achegarán aos demais centros para que formen parte da súa biblioteca escolar.

“Consideramos que resulta moi interesante para traballar na clase porque atende especialmente á diversidade e, paralelamente, é un xeito do Concello de apoiar iniciativas educativas e culturais que nacen da fusión artística de tres veciñas de Nigrán”, destaca o alcalde, Juan González.

‘Dedas’ forma parte de Solaina, alianza entre as veciñas de Nigrán Soledad García, a súa escritora; Laine Villero, a ilustradora; e Natalia Guisande, a deseñadora gráfica. A súa particularidade reside en que en cada unha das súas 64 páxinas hai poesía dirixida a crianzas de 1 a 6 anos, polo que xoga moito coas repeticións e a musicalidade para outorgarlle un fin didáctico. Os pequenos aprenderán a contar os días da semana, os meses do ano… todo nunha liña de xogo cunha sorpresa final.

Alimentación saudable e primeiros auxilios na escola, educación sexual e discapacidade, temas tratados na Mesa da Saúde de Mos

0

Onte pola mañá celebrouse a 2ª sesión ordinaria da “Mesa Coordinadora dos Programas Municipais de Saúde” (Mesa creada e constituída en marzo do ano pasado) no salón de actos da Axencia de Colocación, coa asistencia da concelleira de Política Social e Igualdade e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, e a de Educación, Julia Loueiro.

No orde do día abordouse  a probación da acta anterior, a avaliación dos talleres almorzos saudables na escola, a exposición do taller de “primeiros auxilios na escola” dirixido ao profesorado, a elaboración dunha intervención comunitaria para dar resposta a necesidade detectada no Centro Residencial Ocupacional Escravas da Virxe Dolorosa de Mos, a necesidade detectada no centro de saúde, sobre a prevención e rehabilitación do suelo pélvico e rematouse coa rolda de rogos e suxestións por parte dos participantes da mesa.

Esta mesa coordinadora de programas municipais, é un espazo no que sentan diferentes axentes de saúde da comunidade: representación municipal, representación educativa, membros de asociacións, representación sanitaria, farmacia, traballador social, cidadáns…e un longo etc.

O obxectivo é traballar de forma coordinada e en equipo para dar a resposta máis efectiva ás necesidades de saúde da poboación de Mos. A existencia desta mesa favorece a acción intersectorial, que consiste en sumar esforzos (sinerxias) co propósito de desenvolver accións para lograr resultados en saúde, de maneira máis eficaz que os que se logran actuando de forma individual. As necesidades de saúde poden ser detectadas por calquera dos ámbitos comunitarios: concello, asociacións, colexios…e serán ditas necesidades as que establezan a composición da mesa.

Como se dixo, os temas tratados na sesión de hoxe foron a avaliación do taller almorzos saudables na escola: exposición das conclusións do taller, establecer planificación do curso 2021/2022, introducir hábitos saudables de hixiene bucodental, suxerencias da mesa. A exposición do taller “primeiros auxilios na escola” dirixido ao profesorado. Dar a coñecer o material e o método empregado e avaliación dunha pilotaxe que levou a cabo nun colexio doutra zona de saúde. A elaboración dunha intervención comunitaria para dar resposta a unha necesidade detectada relativa á educación sexual dirixida a un grupo de mulleres do Centro Residencia Ocupacional Escravas Virxe Dolorosa de Mos para o que se crearon grupos de traballo.

Tamén se abordou a necesidade detectada polo equipo do centro de saúde de fomentar a educación para a saúde en relación coa prevención e rehabilitación do chan pélvico para previr e/ou tratar a incontinencia urinaria en mulleres. Priorizando este problema de saúde pola súa elevada magnitude (prevalencia na poboación feminina), transcendencia (gravidade bio- psico-social), vulnerabilidade (trátase dun problema prevenible ou de fácil intervención se se diagnostica e trata de forma precoz) e baixo custo-efectividade.

Ademais, relativo ao Día Mundial contra a Obesidade que se conmemora o 4 de marzo, acordouse organizar un taller sobre alimentación, tamén de marzo con motivo do Día Internacional Muller (8 de marzo) levarase a cabo un taller de solo pélvico, e polo Día Mundial da Saúde, que se celebra o 7 de abril, organizaranse en colexios e instituto charlas sobre alimentación saudable e prevención dos trastornos alimenticios como a anorexia ou a bulimia.

Ademais do equipo de atención primaria do Centro de Saúde de Mos (enfermería, matrona e medicina) nesta segunda Mesa participaron as mencionadas edís, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, en representación da administración local, o director do Centro Residencia Ocupacional Escravas da Virxe Dolorosa de Mos, a Psicóloga do CIM de Mos e representantes dos centros educativos mosenses.

O Concello de Ponteareas felicita á Agrupación Folklórica Algazara polo seu premio á dinamización rural

O Concello de Ponteareas quere dar os parabéns á Agrupación Folklórica Algazara polo seu merecido premio na II Gala dos Premios ao Dinamizador Rural que organiza o GDR Condado Paradanta. A formación recibiu un recoñecemento polo seu labor de conservación e de difusión da cultura e tradicións galegas na comarca.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, afirma que este recoñecemento “é moi merecido” e destaca “o gran valor para Ponteareas e tamén para Galicia do traballo incansable da Agrupación Folklórica Algazara para pór en valor a nosa cultura e a nosa tradición”. O edil tamén quere lembrar que o Concello de Ponteareas estará da súa man para calquera proxecto que queiran sacar adiante.

Fernando Groba tamén quere dar os parabéns á Asociación Cultural Irmáns Barcia, finalista dos premios, “e outro exemplo de boa xestión e loita pola difusión da nosa cultura e tradición”.

A Agrupación Folklórica Algazara afirmou que este recoñecemento supón “un alento para continuar co noso proxecto en tempos, nos que o traballo a prol da conservación e difusión da nosa cultura e tradicións atopa atrancos a cada paso”.

Novas actividades no Centro Social do Maior en Leirado, en Salvaterra

Volven as actividades de dinamización no Centro Social do Maior, ubicado na parroquia de Leirado, en Salvaterra de Miño. Este edificio, onde se ubicaba o antigo consultorio médico, foi rehabilitado por este grupo de goberno co fin de dotar dun espazo exclusivo aos nosos maiores, un espazo onde poidan convivir, realizar actividades e socializar. Dentro desta liña de traballo o concello mantén o seu empeño e compromiso de manter e dotar de vida as instalacións públicas, e neste senso de facer desta instalación un ambiente de ocio, aprendizaxe, comunicación, socialización e outros beneficios psicosociais para @s nos@s maiores. 

É por iso que O Concello de Salvaterra  ven de sacar un listado de novos cursos e actividades de diversa índole, que se levarán a cabo no Centro durante os meses de marzo a Decembro do 2022.

Ximnasia, Memoria, Pilates, Internet, Restauración, Pintura, entre outr@s, son algunhas das actividades propostas para facer as ledicias d@s usuari@s deste novo espazo. 

Para participar nas diferentes actividades ofertadas polo Concello de Salvaterra de Miño no Centro Social do Maior, só tes que inscribirte en [email protected] ou no teléfono 644 896 840 / 986 658 126  ou en información no Concello.

Enma González e Iván Rocha, gañadores dos premios da biblioteca ás persoas usuarias con máis préstamos

A biblioteca pública municipal de Ponteareas está de celebración. Coincidindo do Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote; e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, entregaron os agasallos ás socias e socios con máis préstamos durante todo o 2021. 

Na categoría infantil, a gañadora foi Enma González Fernández, con 91 libros collidos en préstamos durante o pasado ano. O segundo lugar foi para Iker Saavedra Parada, con 88 libros, e o terceiro para Sabela Solleiro González, con 78 libros prestados.

Pola súa banda, Iván Rocha Taibo foi o gañador na categoría de adultos, cun total de 52 libros en préstamo o pasado 2021. María Natividad Martínez Márquez e Teresa Ríos Noya, con 38 e 36 libros, quedaron en segundo e terceiro posto, respectivamente.

O Concello e a biblioteca agasallaron a todas as usuarias e usuarios premiados cun lote de libros, varios marcapáxinas e aumentando durante todo o ano 2022 a súa capacidade para levar máis libros prestados, pasando dos 5 habituais a 8. Ademais, Enma González e Iván Rocha, os primeiros de cada categoría, foron nomeados socia e socio de honra da biblioteca municipal de Ponteareas.

Con esta iniciativa o Concello busca render homenaxe a todas as persoas que desfrutan da biblioteca municipal, ao tempo que “fomentamos a lectura entre toda a veciñanza. Queremos trasladar os nosos parabéns a todas e todos os premiados e convidar ás ponteareás e ponteareáns a que se acheguen á biblioteca e coñezan este lugar onde poden divertirse no seu tempo de lecer”, asegurou o edil de Cultura, Fernando Groba.