18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Baixo Miño volve saír á rúa para denunciar a grave situación...

    O Baixo Miño volve saír á rúa para denunciar a grave situación da sanidade na comarca

    O Rosal acolleu o mércores a primeira manifestación dunha rolda de concentracións que tamén se organizan en Tomiño, A Guarda e Tui

    O mércores, no Rosal, O Baixo Miño volveu saír a rúa para denunciar a grave situación da sanidade da comarca e esixir solucións. Foi a primeira dunha rolda de concentracións que organiza a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca, que dende hai tempo padecían unha importante carencia de persoal sanitario que case limitaba a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas. Unha situación que se viu agravada aínda máis tras a decisión do Sergas de, en lugar de poñer solucións, decretar que só se atendan consultas urxentes e relacionadas coa COVID-19 nas instalacións da Guarda, O Rosal e Tomiño durante estes días.

    Ante esta realidade, as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade convocaron para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas coas que “denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente”. Ademais inciden en que esta situación xa vén de lonxe, xa que os recortes da Xunta e a falta de persoal xa existían dende antes da pandemia. “A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.

    Así, o mércores, a Praza do Calvario do Rosal, encheuse de veciños e veciñas reclamando que esta situación que “pon en risco a súa saúde teña unha solución xa”. A seguinte cita será o 26 de xaneiro en Tomiño (ás 19.00 h na Praza do Seixo), o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente). Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reinvindicar”.

    A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.