14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba o convenio GES por unanimidade por dous anos coa...

    A Deputación aproba o convenio GES por unanimidade por dous anos coa Xunta e a FEGAMP

    Carlos Font explica que agora ábrese a oportunidade de buscar unha solución de consenso a un “proceso moi desafortunado por parte da Xunta, que tratou de impoñer o rodillo”

    O convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o funcionamento dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) por un período de dous anos quedou aprobado hoxe, por unanimidade, no Pleno da Deputación. O acordo manterá, como avanzou o deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, “as mesmas condicións económicas e territoriais” que o extinguido o pasado 31 de decembro. Unha vez garantida a continuidade do servizo, as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo negociarán agora en pé de igualdade coa Xunta para alcanzar un novo modelo de convenio.

    Carlos Font lembrou que os GES foron creados pola Xunta de Galicia en 2013 como fórmula para reforzar o sistema de emerxencias. A partir de entón fóronse introducindo cambios nas cargas económicas de  cada parte. Así a achega das deputacións pasou do 20% do custo total do sistema ao 40%, mentres a Xunta reducía a súa parte do 60% do total ao 52%. En paralelo, a Deputación de Pontevedra asumiu tamén o cofinanciamento dos Grupos de Emerxencias Municipais (non incluídos no sistema GES) dos concellos de máis de 20.000 habitantes e que, en ningún caso, serían de competencia provincial. Son os casos da Estrada, Lalín, Ponteareas e agora, coa última ampliación proposta pola Xunta, Redondela.

    “A Xunta invita e o mundo local paga”

    O deputado de Economía e Facenda recalcou que “a realidade é que, unha vez máis, a Xunta invita e o mundo local paga, e, agora volvérono intentar”. Font lembrou que o Goberno galego incumpre, unha vez máis, a obriga legal de transferir os recursos necesarios cada vez que lexisla para derivar competencias autonómicas, como as emerxencias, á Administración local. De non terse freado dende as deputacións as condicións que a Xunta intentou impoñer o pasado mes de decembro, a Deputación tería pasado dos 266.666 euros recollidos no primeiro convenio GES a 1.426.000 euros (un 434% máis sobre a cifra inicial). Na súa intervención, Font destacou que esta prórroga por un ano é unha oportunidade para buscar solución a un “proceso moi desafortunado” por parte da Xunta, que tratou de impoñer un novo convenio “aplicando o rodillo” e sen negociar previamente coas deputacións. Ademais cualificou como unha “vergoña” que a mesma Xunta que argumenta que quere que tódolos GES pasen a ter unha dotación fixa de 12 membros pretenda conceder un “subGES” con só 6 efectivos ao Grove, sabendo que o actual grupo municipal xa conta con 13 e que a Deputación de Pontevedra leva dende 2017 reclamando o GES no concello meco. Font insistiu en que o incremento no custo dos GES para a Deputación non é inocuo, pois significa a redución dos recursos destinados a outros programas provinciais que redundan en beneficio dos concellos de toda a provincia.

    Finalmente, Carlos Font volveu dar a voz de alerta polas condicións laborais do persoal dos GES, unha cuestión que está a derivar en sucesivas sentencias xudiciais e que xa provocou que varios concellos renunciaran á súa base. “O modelo GES está lonxe de estar profesionalizado e hai informes contrarios de secretarías e intervencións municipais para estas contratacións”. Ademais, engadiu, é necesario que a Xunta tamén se poña a negociar sobre as condicións de traballo e as funcións reais deste persoal, algo que ata agora tratou de evitar. “Hai que abordar isto inmediatamente”, subliñou.

    O Pleno da Deputación aprobou, por outra banda, o novo Regulamento de funcionamento da rede de información turística rías Baixas, que conta con 31 oficinas e puntos de información en 25 concellos da provincia. O novo texto, explicou a deputada de Turismo, Laura Iglesias, nace para adaptarse á realidade dunha xestión turística dixital e moderna e simplificar os trámites de adhesión e renovación anual por parte dos concellos. Destacou que o destino Rías Baixas Pontevedra Provincia dispón dunha rede de oficinas moderna, organizada e de calidade, con fácil acceso e boa imaxe. No último ano logrou 21 distintivos Q de Calidade e na actualidade está inmerso nun proceso de dixitalización no marco do proxecto europeo Tourist Inside, coordinado por Red.es.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.