O alcalde da Cañiza, Luís Piña, tras a firma do convenio de recepción, recibiu o novo camión de emerxencias, da man do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dotará ao GES da comarca da Paradanta con sede na Cañiza.
A Cañiza adheriuse en abril de 2021 ao convenio de colaboración para a creación dun GES (un dos 29 existentes en Galicia), e será sede deste servizo que se prestará tamén aos concellos de Arbo, Covelo e Crecente.
A finais de abril do 2021, e como consecuencia de conversación anteriores entre o vicepresidente 1º e Alcaldes e Alcaldesas sobre a dotación dos GES en febreiro dese ano, o Alcalde solicita oficialmente a dotación dun camión e equipos de excarceración para o GES da Cañiza.
O novo vehículo, un camión bomba rural pesada, conta con tracción integral 4×4 e está dotado de todo o material necesario para acceder a zonas que presenten dificultades para intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Con estas opcións, o seu uso é idóneo para actuar en áreas urbanas e rurais. Cunha inversión que ronda os 200.000 euros, dispón de cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada que permite o lanzamento de auga en baixa a alta presión ou ambas de xeito simultáneo.
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), un grupo especialista de proximidade multidisciplinar, formado por 12 traballadores pertencentes á estrutura do Concello, intervirá en situacións de risco en todo o territorio da comarca da Paradanta: incendios urbanos, industriais, forestais, excarceración de accidentes de tráfico, labores de prevención de incendios… O seu obxectivo será atender á poboación da comarca no menor tempo de resposta posible. Estará coordinado pola Axencia Galega de Emerxencias.
O Grupo está financiado pola Xunta nun 52,5 % e pola Deputación de Pontevedra cun 40 %. O Concello terá que aportar un 7,5 % o que, dada a situación económica que atravesa, pode chegar a causar tensións na tesourería municipal debido aos prazos nos que se reciben as aportacións das outras institucións e polos posibles gastos que superen a dotación inicial do GES que tería que aportar o Concello a maiores.
En agosto de 2021 publícase no BOP de Pontevedra o anuncio de convocatoria de procedemento de selección de persoal para conformar o GES da Paradanta.
Este procedemento é un proceso modélico no que o tribunal de selección está composto polas secretarias do Concello de Covelo – que preside- e a de Arbo, un membro do corpo de bombeiros de Vigo, un membro do GES de Ribadavia e un traballador municipal da Cañiza.
O proceso de selección está actualmente paralizado por recomendación dos membros do tribunal de selección debido a unha denuncia presentada polo sindicato CSIF. En primeira instancia a denuncia foi rexeitada polo xulgado pero o sindicato apelou á instancia superior, o TSXG. Dita paralización tamén afecta ós procesos de formación dos GES de outros concellos da provincia coma Mos, Redondela, A Lama, Moraña…