14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación e Galaxia arrancan a terceira edición da Escola de Letras

    A Deputación e Galaxia arrancan a terceira edición da Escola de Letras

    A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, a primeira posta en marcha en Galicia e unha das escasas que existen a nivel estatal, comezará a escribir a súa terceira edición a partir do vindeiro 8 de febreiro. Neste 2022 serán de novo 6 obradoiros (3 en Vigo e 3 en Pontevedra), cun total de 90 prazas e cun claustro formado por tres autoras, Inma López Silva, Elvira Ribeiro e Anna Figueiredo, e dous autores, Diego Giráldez e Antonio García Teijeiro, baixo a dirección de Francisco Castro. A presidenta Carmela Silva participou na sede provincial en Vigo na presentación das novidades desta terceira edición xunto ao director e ao escritor García Teijeiro, e subliñou que este proxecto estrela “xa pode falar dunha historia de éxito” pois a pesar de ter nacido nun escenario de pandemia, foi quen de “poñer en valor a literatura, as letras, as persoas que se dedican a ela, os lectores e lectoras e os escritores e escritoras que van nacer da Escola”. De feito, nas dúas anteriores edicións foron 355 os e as participantes nos 12 obradoiros desenvolvidos e nas 4 máster class.

    Carmela Silva asegurou que a Escola de Letras “foi unha das mellores ideas que puxemos en marcha” recollendo a proposta de Galaxia, para o que tamén aludiu a unha recente declaración do ministro francés de Economía, Bruno de Maire, “que subliñou que a literatura é unha arma de liberdade”. “Porque do éxito desa participación nas actividades de mulleres e homes de todas as idades que escriben, nacen libros –subliñou-. E farán que moita xente poida atopar unha forma de ser feliz. Por iso, máis Escola de Letras, máis literatura, máis escritoras e escritores, máis lectoras e lectores e máis compra de libros, fundamentais para manter as editoriais e eses espazos divinos que son as librerías”.

    O director de Galaxia e da Escola, Francisco Castro, que destacou que esta iniciativa existe “porque un día decidimos conxugar o verbo amar” e pola “complicidade” da presidenta e da Deputación, avanzou as novidades desta terceira edición, que este ano se desenvolverá entre os meses de febreiro e novembro. Arrancará o 8 de febreiro co primeiro dos obradoiros de Inma López Silva en Vigo, e amais dos seus obradoiros programados, incluirá de novo máster class con autores e autoras de prestixio, abertas á cidadanía e que se espera que este ano sexan tamén presenciais. No caso dos cursos, será novidade o que ofrecerá Anna Figueiredo, titulado “Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas”, que responde a unha demanda do alumnado e que “será máis aberto, para falar de cuestións como tratar cunha editorial ou os premios literarios”.

    Ademais, anunciou a publicación do segundo volume con textos dos e das participantes da II edición da Escola, “Tes cinco minutos #2”, co gallo do Día do Libro, e avanzou que tamén neste 2022 se editará a primeira obra, de corte fantástica, dunha alumna da Escola de Letras. “O libro dos textos do alumnado non é un libro institucional, é un libro que se pode comprar en todas as librerías de Galicia e en liña, o que é un estímulo brutal para eles e elas como autores e autoras –indicou Castro-. Esta Escola é unha iniciativa de éxito, debemos dicilo con claridade. Saen escritoras e escritores e comezámolo a ver”. Outra das probas son as listas de agarda que se rexistran cada vez que se abre a inscrición  dos obradoiros.

    Pola súa banda, Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e un dos docentes da Escola, subliñou que a súa experiencia nestes dous anos ten sido “magnífica”. “Cheguei á conclusión enorme de que a xente ten necesidade de escribir –afirmou-. A xente que asistiu a estas sesións viu cunha enorme ilusión por escribir, e fixo cousas realmente fermosas. Houbo unha comuñón entre as propostas e o traballo  porque había unha paixón real por escribir e iso hai que canalizalo. Síntome satisfeito e coa idea de que hai que seguir por ese camiño”. Engadiu que “a poesía sen emoción non é poesía e, no fondo, todas e todos somos poetas, levamos dentro unha esencia poética que ás veces agroma e outras non, pero que está aí. Con esa idea, agardo esta terceira edición”.

    Outra das novidades estará no sistema de inscrición que se abrirá para cada un dos cursos (todos eles de 15 prazas “para unha atención máis individualizada”) un mes antes do inicio. Deste xeito, a partir de mañá martes 18, ás 8 horas, abrirase o prazo para asistir aos dous primeiros cursos, de Inma López Silva, que se desenvolverán entre febreiro e abril. As persoas interesadas deberán inscribirse en escoladeletras@editorialgalaxia.gal.

    Programación

    Os obradoiros literarios deste 2022 arrancarán cos que ofrecerá Inma López Silva en Vigo (8, 15 e 22 de febreiro; 8, 15, 22 de marzo e 5 e 19 de abril) e Pontevedra (10, 17 e 24 de febreiro; 3, 10, 17, 24 e 31 de  marzo), e continuarán co de poesía de García Teijeiro en Vigo os días 26 e 27 de abril. Retomaranse en setembro, cando iniciarán os seus obradoiros Anna Figueiredo en Pontevedra (19 e 26 dese mes; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro) e Diego Giráldez en Vigo (13, 20 e 27 de setembro; 4 e 11 de outubro). En outubro arrancará o obradoiro de poesía que impartirá Elvira Ribeiro, en Pontevedra (18 e 25 dese mes). Todos serán de 18 a 20 horas agás o de Anna Figueiredo, de 19 a 21 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.