O Concello de Baiona, culminou os traballos de mellora da accesibilidade na zona da Figueira no Urgal, parroquia de Belesar. A obra, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, foi adxudicada por un importe de 43.497,10 euros.
Trátase da construción dun muro de contención do camiño ata 4 metros de altura e cunha lonxitude dun 40 m de longo, construído con perpiaños de pedra gris. Tamén se mellorou a accesibilidade, aumentando a anchura e asfaltando o vial que xa se atopaba moi deteriorado. Tamén se incluíu a instalación dunha varanda protectora para a seguridade dos viandantes e os vehículos.
O Concello de Baiona salientou o necesario desta intervención xa que a situación na que estaba o camiño representaba un perigo para os e as usuarias. Desde a Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez, lembra que o Goberno municipal traballa para buscar solucións e mellorar as condicións dos veciños e veciñas das parroquias. “O noso deber é que todas as baionesas e baioneses teñan acceso aos mesmos servizos, independentemente do lugar no que residan”, afirmou o edil.
Pola súa banda o alcalde, Carlos Gómez Prado, lembrou que “a mellora da accesibilidade e mobilidade de diversos barrios, o arranxo de viais, o asfaltado de vías e a recuperación de espazos, forman parte das obras que puxemos en marcha para continuar coa nosa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía. Proxectos que nacen das demandas que nos trasladou as veciñas e veciños de Baiona”.