O Concello de Tui vai contratar a 17 persoas a través do Plan Concellos 2022 a ao abeiro da liña 3 de Emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
Os contratos serán a xornada completa por un período de 6 meses. Os/as candidatos/as deben ser persoas empadroadas en Tui, desempregadas, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, co correspondente código, como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.
Así contrataranse a 10 peóns de horticultura e xardinería (código: 95121019), 5 operarios de obras (código: 96011029), 1 oficial condutor (código: 84321042) e 1 auxiliar administrativo (código: 43091029).
O goberno de Covelo completa a obra de humanización da praza Mestre Cerviño e contorna coa execución do proxecto “Instalación de servizos urbanos no núcleo urbano”. A boa xestión económica permite que agora con fondos propios se financien estas melloras que ascenden a un investimento de 44.321,23 €.
Aproveitando a apertura do solo e as demolicións para as obras actuais o goberno contratou a instalación dun tramo novo de tubaxe para a renovación parcial dunha instalación de abastecemento de auga existente, a instalación dunha rede de tubaxes para os servizos de telecomunicacións e outra para os servizos de alumeado eléctricos. Deste xeito a rede aérea de servizo telefónico e de alumeamento público quedará soterrada.
O proxecto contempla tamén a instalación dun tramo de recollida de augas pluviais de 55 metros, a conexión ás redes existentes e colocación de válvulas nos comezos dos ramais para facilitar os posibles cortes de auga por avarías.
Dentro da estratexia de mellora dos espazos públicos o goberno acomete estas obras que promoven hábitos de vida máis saudables e gañan espazo para as persoas. “Tentando optimizar os esforzos acometemos agora as obras de substitución de subministros e canalizacións de abastecemento para non ter que volver actuar na zona nun breve prazo de tempo. Ademais, aproveitamos para soterrar servizos como o tendido de alumeado público e as liñas telefónicas para mellorar a estética da praza”, explica o alcalde Pablo Castillo.
Grande éxito de acollida da cuarta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas. O encontro pechou as súas portas tras dous días de actividade e a visita de centos de mozos e familias que percorreron acompañados de guías voluntarios os stands dos 20 centros formativos que achegaron información de materias impartidas, encaixe no mercado laboral, prácticas que se realizan, duración do ciclo e a propia opinión do alumnado que está a estudar nestes intres.
“Para nós é un orgullo que cada ano máis xente se interese por esta feira, coa que ofrecemos aos propios rapaces e rapazas un espazo sen saír da vila para coñecer a diferente oferta formativa non só de xeito teórico, senón tamén a través da experiencia da mocidade que está a cursar nestes intres as distintas opcións. Pero tamén é un lugar no que as familias poden reflexionar sobre o futuro dos seus fillos e fillas, coñecendo en directo experiencias e posibles saídas laborais”, explica a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila.
Durante dous días o pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino converteuse nun escaparate de formación actual polo que pasou alumnado do IES Barral, IES Pedra de Auga, IES Salvaterra, CIFP A Granxa, IES Val do Tea, CPR Santiago Apóstol, IES Pazo da Mercé e CPI Mondariz.
Escola de Cantería de Pontevedra, Aula D, CIFP Manuel Antonio, CPR EFA A Cancela, CIFP A Granxa, Escola Oficial de Idiomas, Conservatorio Reveriano Soutullo, Escola de Imaxen e Sonido de Vigo, EISV, Escola Superior de Deseño Goymar e Crear Tex Moda, Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico e Escola Técnica de Xoiaría do Atlántico, Air Hostess, ACEIMAR, IES Pedra de Auga, ESADG, IES Pazo da Mercé, IES Recardo Mella, IES Salvaterra, CIFP Valentín Paz Andrade e O Garaxe Hermético tiveron os seus propios stands nesta cuarta edición da feira, conformando unha ampla oferta formativa á que poder optar. “En moitas ocasións mozos e mozas non saben a que queren dedicar a súa futura faceta laboral porque descoñecen o amplo abano de opcións que teñen na súa man. Con esta feira conseguimos abrirlles os ollos e achegalos a saídas formativas moi interesantes e sorprendentes”, explica a rexedora.
O Concello quere agradecer unha vez máis a implicación e o esforzo de todos os centros formativos que participaron na Feira expoñendo e de todos aqueles institutos que apostaron por visitala co seu alumnado.
Para crear un proxecto cultural a prol do desenvolvemento local e comunitario é preciso levar a cabo unha xestión cultural como estratexia de fomento, cohesión e transmisión. Para fomentar a participación e a creación, o Concello do Rosal organiza o vindeiro sábado 26 de febreiro un encontro con Marcos Lorenzo, xestor cultural e técnico no Concello de Ferrol, que afondará co público asistente sobre a importancia da intervención municipal e do tecido asociativo na cultura.
Será unha charla na que poder intercambiar experiencias e opinións sobre a democratización da cultura, facilitando e favorecendo que a cidadanía consuma e xere cultura dende distintos ángulos, non soamente como espectadores. Un aspecto no que a participación das persoas e o desenvolvemento da súa creatividade e da súa expresividade van ser claves.
Marcos Lorenzo é licenciado en Económicas e DEA en Antropoloxía e conta cunha dilatada traxectoria no campo da xestión cultural. Foi consultor externo da Cidade da Cultura e do Concello de Santiago, director de empresas creativas, xerente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e coordinador do postgrao sobre Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela.
Aberto a todos os públicos, dende o Concello animan e convidan a participar nese encontro a todas as asociacións culturais e deportivas rosaleiras. Será a partir das 11.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada de balde e libre ata completar aforo.
A Festa da Arribada, que entre os días 4 e 6 de marzo transformará Baiona nunha vila medieval para conmemorar a chegada da Carabela Pinta en 1493 coa nova do Descubrimento de América, volverá a contar un ano máis co apoio da Deputación de Pontevedra. A institución provincial apoiará con 8.000 euros o evento, declarado de interese turístico internacional en 2015 e consolidado como un dos grandes reclamos festivos do territorio.
A Deputación salienta o gran atractivo histórico e cultural que constitúe a Festa da Arribada, que camiña xa pola súa vixésimo sexta edición, e resalta a súa importancia como motor turístico do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia. O obxectivo da institución provincial é acadar ano tras ano a maior difusión da festa para dar a coñecer o feito histórico que supuxo a chegada da Pinta baixo o mando do capitán Martín Alonso Pinzón, o que converteu Baiona no primeiro porto de Europa Occidental en ter coñecemento da existencia doutro continente.
A Arribada, que volve este ano tras o parón obrigado pola pandemia e que se celebrará con todas as garantías sanitarias, é unha cita imprescindible no calendario festivo da provincia e atrae a milleiros de persoas a Baiona procedentes de lugares dentro e fóra das Rías Baixas. Traxes medievais, oficios de artesáns, postos de comida, actuacións en rúas e prazas… a vila trasládase a 1493 durante tres días para celebrar por todo o alto o acontecemento histórico. O evento contribúe ademais á desestacionalización do turismo máis aló da tempada estival, un dos obxectivos da Deputación, que promociona a provincia como destino turístico os 365 días do ano pola súa riqueza paisaxística, patrimonial, cultural, gastronómica e termal.
A Festa da Arribada é unha das seis citas declaradas de interese turístico internacional da provincia. Comparten esta distinción a Feira do Cocido de Lalín, as alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas, a Festa do Albariño de Cambados, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), e a Romaría Viquinga de Catoira. A Deputación apoia ano tras ano os seis eventos, ao igual que as festas de interese turístico nacional e todos aqueles acontecementos festivos que contribúen á promoción do territorio.
O Concello de Tui incorporarase á rede provincial INFO RIAS BAIXAS, creada fai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes. A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Enrique Cabaleiro, ratificaron o convenio que regula a adhesión da oficina á rede, da que xa forman parte 28 oficinas e puntos de información municipais xunto coas tres de Turismo Rías Baixas. A adhesión forma parte da colaboración da Deputación co concello de Tui onde tamén se está a levar a cabo unha acción conxunta para incrementar o número de establecementos turísticos co sistema de calidade en destino SICTED.
A Deputación creou a rede en 2018 no marco do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 da institución provincial e dentro das accións para coordinar e impulsar a promoción do destino Rías Baixas. As oficinas constitúen un alicerce básico para reforzar a prestación dun servizo de calidade, homoxéneo e global, xa que a fase de información é un dos primeiros contactos das viaxeiras e viaxeiros e resulta determinante no seu grao de satisfacción. INFO RÍAS BAIXAS persegue garantir un servizo óptimo, de fácil acceso, con boa imaxe e conectado a través dun sistema de información en rede. A Deputación ofrece apoio técnico e unha imaxe corporativa harmónica ás oficinas e puntos de información turística ao tempo que obtén datos do perfil dos e das visitantes para impulsar promocións do destino axeitadas.
O Concello de Tui, en función do acordo, manterá as condicións técnicas e operativas da oficina mentres que a Deputación facilita o acceso á intranet de Turismo Rías Baixas para o uso de plataformas de xestión, soportes e contidos informativos turísticos homoxéneos. Ademais, a institución provincial proveerá apoio técnico e coordinación, material de promoción actualizado, asesoramento e medios para obter distintivos de calidade, posibilidade de acceso ás axudas convocadas para a dotación de persoal con destino á oficina, e os elementos necesarios para unha imaxe e cultura corporativa común.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou na mañá de onte a instalacións do CEIP Alexándre Bóveda en Angorén, Chapela, onde se están a desenvolver diversas actividades promovidas polo Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística, para conmemorar o Día de Rosalía.
Logo dunha reunión do departamento de normalización lingüística do centro, a rexedora local visitou o centro escolar onde compartiu un tempo cos alumnos e alumnas que amosaron á alcaldesa os traballos realizados para conmemorar esta data significativa para as letras galegas.
Así, os máis pequenos ensinaron, con orgullo, o traballo realizado con retratos de Rosalía de Castro colocados nun mural e das camelias realizadas nas actividades de manualidades coas que tamén conmemoran a xornada.
Aproveitou Digna Rivas a súa visita ao CEIP Alexándre Bóveda para coñecer de preto diversas iniciativas que desenvolve o centro, como é o caso da horta escolar, unha actividade que, tal e como puntualizou a alcaldesa, “está demostrado que serve para potenciar o traballo en equipo, fomenta o coidado do medio ambiente e contribúe a inculcar hábitos de alimentación sa e saudable”.
Finalmente, a alcaldesa de Redondela aproveitou a súa escancia no colexio para visitar o comedor escolar adobiado cos manteis Caldo de Gloria, que lembran o poema ‘Miña casiña, meu lar’ de Follas novas e que foron doados ao Concello pola Deputación de Pontevedra para a súa distribución nos centros escolares do municipio.
Digna Rivas subliñou “o entusiasmo, ilusión e creatividade” que nos nenos e nenas estaban a amosar nesta iniciativa e o “interese espertado pola figura de Rosalía de Castro”. Nese sentido, a rexedora redondelá recalcou a importancia que ten “a difusión da figura de Rosalía entre os e as máis pequenas de cara a manter vivas as nosas letras e a nosa cultura a través das mulleres e homes que as fixeron grandes”.
As actividades continuarán nos colexios durante estas vindeiras datas de cara a dar continuidade á unha xornada que hoxe, 23 de febreiro ás 18 horas, ten o seu acto institucional na Alameda Rosalía de Castro de Chapela, onde terá lugar unha ofrenda floral no monumento que lembra a ilustre poetisa e novelista que, xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez, é unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento Galego.
A piques de celebrar a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Cañiza continúa coa labor de concienciación e promoción da igualdade; apostando porque a igualdade sexa un tema trasversal en todas as accións municipais.
Continuando con esta labor de sensibilización e dando continuidade a acción realizada no CPI de A Cañiza o pasado 18 de novembro, esta semana quedou colocada no CEIP de Touzosas – Valeixe «a escaleira da igualdade» que recolle exemplos das mensaxes que como sociedade igualitaria debemos inculcar e ter presentes na educación das nosas nenas e nenos. Transmite os principios dunha sociedade tolerante, inclusiva e igualitaria e pretende servir de material de reflexión para todo o alumnado dos centros educativos e de material de traballo para o profesorado.
O Concello continuará traballando de cheo neste eido, poñendo especial atención na importancia da formación, da concienciación e da prevención dende a infancia, tanto dende o ámbito da familia como dende o contexto escolar.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 497.500 euros as obras de mellora da seguridade viaria para actuar no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403 ao seu paso polo concello de Ponteareas.
Este contrato foi adxudicado á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. A actuación prevese executar durante este ano, xa que conta cun prazo de execución de 8 meses
Esta intervención enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica e conta cun orzamento total que rolda os 650.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar a actuación.
Os traballos obxecto deste contrato comprenden actuacións nun tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.
As intervencións consistirán na mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.
Nas obras prevese a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente en condicións de visibilidade.
Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas proximidades ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.
A intervención inclúe a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.
Os traballos teñen en conta as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúen a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. A intervención atende, ademais, a solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.
Tamén se actuará na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.
O Pazo Provincial converteuse onte pola tarde na “casiña” e o “lar” de Rosalía de Castro, cheo do aroma da súa poesía, do seu “caldo de gloria” e da súa pegada que case dous séculos despois do seu nacemento segue a estar máis presente que nunca. A Deputación de Pontevedra quixo render homenaxe á muller símbolo de Galicia e da lingua galega no seu día grande cun emotivo acto que aglutinou moitos dos elementos que identifican a Rosalía, “unha referente que segue a guiarnos”, como destacou a presidenta, Carmela Silva. Nun salón de plenos ateigado de público, as persoas asistentes puideron escoitar o cuarteto belga de pandeireteiras Ialma, coñecer o manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), degustar o “Caldo de gloria” de mans do alumnado do CIFP Carlos Oroza, e levaron un libro de poesía feita por mulleres e unha camelia Rosalía de Castro. No acto entregáronse tamén, coa presenza telemática das crianzas gañadoras, os premios da categoría ‘Campaniñas’ do concurso “A Nosa Rosalía” convocado pola institución provincial, que levaron centros escolares de Caldas, Pontecesures e Oia.
A presidenta Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso, e María Ortega, do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e da autora Míriam Ferradáns, que deu lectura ao manifesto, destacou a vixencia do pensamento de Rosalía “que foi pioneira en rebelarse contra a desigualdade das mulleres” e fixo fincapé en que esta data, por primeira vez celebrada no 23 de febreiro como xornada real do seu nacemento fai 185 anos, “é un dos días máis grandes de Galicia”. “Somos dos únicos pobos que teñen unha muller como gran referencia, e por iso a celebramos esta xornada e reivindicamos todo o ano a Rosalía con toda a potencia que merece”, indicou a presidenta, que puxo en valor a creatividade e a paixón pola escritora, así como a necesidade de seguir inculcando o seu legado ás novas xeracións, “para que a xente moza participe activamente da súa herdanza e poidamos seguir defendendo a importancia da figura desta muller universal na construción do noso pobo”.
A programación deste Día de Rosalía foi promovida polas áreas de Lingua e Cultura da Deputación, cuxas responsables amosaron no acto a importancia de ter a autora presente durante todo o ano. A deputada de Lingua, María Ortega, chamou á cidadanía a apuntalar a lingua e a medrar como país da man de Rosalía, a quen definiu como “valente, moderna e rebelde”. Amosouse segura de que a autora de Padrón “está en cada unha das persoas que pon en valor a nosa cultura e a lingua propias máis alá das nosas fronteiras”, e destacou que na Galiza hai “moitas Rosalías, persoas fortes e comprometidas co galego ás que hai que coidar e alentar para que sigan un camiño cheo de éxitos e de divulgación e posta en valor do noso”. Por último, Ortega agradeceu a colaboración de entidades como a AELG e a Fundación Rosalía de Castro camiñando da man da Deputación para afondar no legado rosaliano e organizar e poñer en marcha actividades e iniciativas. Tamén agradeceu ao CIFP Carlos Oroza a degustación do caldo de gloria que Rosalía menciona en Follas Novas, unha receita humilde con moito significado social.
Concurso escolar ”A Nosa Rosalía”
Pola súa banda, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, sinalou a importancia de que a mensaxe da autora “semente principalmente nos pensamentos dos máis novos e novas, xa que neles e nelas está o futuro da nosa cultura e da nosa Rosalía”. Subliñou por iso a aposta da Deputación polo concurso escolar ”A Nosa Rosalía”, este ano en formato musical con vídeos nos que o alumnado musicou poemas da escritora. As propostas, dixo a deputada, “amosaron que hai un enorme talento creativo e moitas ganas de cantar e bailar, polo que o maior premio recibímolo nós na Deputación conforme nos ían chegando estes vídeos fantásticos”. Trala súa intervención déronse a coñecer os centros e alumnado gañadores da categoría ‘Campaniñas’ dirixida a escolares de 1º a 3º de Educación Primaria. As crianzas dos colexios premiados seguiron a retransmisión do evento vía telemática, e despois da proxección dun vídeo resumo de todos os centros entregáronse estes galardóns, que recaeron no CEIP San Clemente de César de Caldas (primeiro premio), o CPI Pontecesures (segundo premio) e o CEIP Mestre Manuel García de Oia (terceiro premio).
Trala entrega dos galardóns, a autora Míriam Ferradáns foi a encargada de dar lectura ao manifesto da AELG, escrito este ano por Beatriz Maceda baixo o título ‘Pensar [te] libre’, que segue o lema da AELG para 2022 de #SementadePensamentos. O manifesto subliña que a forza que atopamos en Rosalía é “recoñecérmonos como pobo forte, unido pola lingua” e lembra “o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para ‘eu tamén navegar’, para facernos parte dunha nosa historia propia e libre”. “Cosamos –concluíu– cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos”. Pola súa banda o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, sinalou que “hoxe é un día moi importante para Galicia porque celebramos unha figura que nos une, que nos representa e que nos move. E iso todo porque ela traballou pola dignidade da nosa lingua, do noso pobo e da nosa terra, e sempre desde principios que respetasen a igualdade e a liberdade. Rosalía é unha figura fundamental na defensa da igualdade das mulleres e hoxe é tamén un día feliz porque con ela celebramos unha esperanza e unha ilusión para Galicia”.
O acto contou coa actuación estrela do cuarteto belga de pandeireteiras Ialma, formado por Marisol Palomo, Verónica e Natalia Codesal e Eva Fernández, netas de migrantes refuxiadas e refuxiados en Bélxica, que se identifican con Rosalía e foron recibindo o relato das súas familias sobre o amor á súa terra. As artistas interpretaron xunto aos músicos Didier Laloy e Maarten Decombel catro temas, “Novo alén/baila bela fada”, “Sen Niño”, “Liberdade” e “Rumuxíaba”, e ao ritmo das pandeiretas nesta última canción as persoas asistentes desprazáronse ata os vestíbulos laterais do primeiro andar do Pazo, onde o alumnado do CIFP Carlos Oroza as esperaba con outra delicia, o “Caldo de Gloria”, servido nunha cunca de barro de olaría artesanal que o público puido levar á casa. Sobre este caldo escribiu Rosalía no poema de Follas Novas ‘Miña casiña, meu Lar’, que tamén aparece nos milleiros de manteisque estes días se repartiron entre os concellos e a hostalaría da provincia, seguindo a proposta da Fundación Rosalía de Castro.
O público tamén recibiu como obsequios exemplares da camelia‘Rosalía de Castro’ queforma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior –igualmente levaron plantas desta camelia os centros gañadores do concurso infantil para plantalos nos recintos escolares–, así como o libro “Violetas no asfalto”, de Lucía Novas, que estrea a Colección Medal de Poesía feita por mulleres do servizo editorial do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación.
A Casa do Conde acolle este venres, día 25, ás 20.00 h, a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do politólogo e avogado de Ponteareas Roberto Mera, publicado por Belagua Ediciones. O autor estará acompañado por Lucas Suárez-Ortúzar, graduado en Historia, e o concelleiro de Deporte e Mocidade, Edgar Martínez.
Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.
A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.
O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».
Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia.
O Concello do Porriño quere poñer en valor e dinamizar a praza de abastos municipal. Para iso, levará a cabo unha serie de melloras e iniciativas, a primeira delas este sábado ás 12:30 h.
No marco das “Xornadas gastronómicas do Entroido 2022” celebrarase un un showcooking para destacar a calidade dos produtos que ofrece a praza de abastos e incentivar o consumo de produtos frescos e de proximidade.
Na actividade, organizada polo Concello do Porriño en colaboración con AHOSPOR, elaboraranse varios pratos con produtos propios do mercado que degustarán comensais procedentes do centro social, persoas maiores de 60 anos, e de Aceesca.
“O encargado de elaborar o menú, composto por dous pratos, será Marcos Parente, cociñeiro do restaurante O Carreteiro”, anunciou a concelleira de Comercio e Mercado, Antía Carrera, “Os asistentes poderán degustar un lombo de lubina á plancha sobre tosta de pan de centeno de primeiro e unha preparación de pico de galo de segundo. O postre correrá a cargo de SuperSugar, unha tenda de pastelería artesá situada na praza”.
“Actividades coma esta son unha boa maneira de promover a praza de abastos e animar á xente a realizar as súas compras nela. É o punto neurálxicos do noso comercio e a xente debe coñecer todo o que pode ofrecer”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Queremos mostrar a gran variedade de produtos frescos e naturais que se poden adquirir, así como as innovadoras receitas que con eles se poden elaborar”.
Cultura, lecer e música para homenaxear a Rosalía de Castro no Rosal. O vindeiro domingo 27 de febreiro, o grupo internacional de cantareiras galego-belgas Ialma subirase ao escenario do auditorio municipal rosaleiro nun concerto no que darán a coñecer ao público un proxecto “como o de Rosalía, un horizonte de esperanza”.
Composto por catro cantareiras fillas da emigración nadas en Bruxelas concienciadas coa esencia máis tradicional, a contemporaneidade e a fusión das culturas, Ialma reflicte nos seus traballos a súa propia historia e a de tantos inmigrantes. Ás súas costas levan xa máis de 20 anos percorrendo o mundo polos mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Dende Ortigueira ata Castrelos, dende Marrocos ata Taiwán ou Canadá ou incluso Eurovisión da man dunha das súas integrantes, Verónica Codesal.
Con sete discos no mercado, Ialma estará no Rosal con cancións do exilio, con alento cheo de diversidade en forma de cantareiras. Música de raíz galega cunha ollada futurista, adaptada aos novos tempos tanto en temática como en ritmo, con temas profundos e sentimentais que conviven con outros máis festivos e bailables para homenaxear a Rosalía de Castro.
O concerto celebrarase a partir das 19.00 horas con entrada libre ata completar aforo.
O Concello de Ponteareas renovará o campo de fútbol de Angoares. Xa está aberto o proceso de licitación das obras para a colocación dun novo céspede artificial e un novo marcador nunhas instalacións “que se atopan actualmente deterioradas polo uso intensivo durante máis dunha década, polo que é necesaria unha renovación completa”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.
O edil indicou que “o mal estado do céspede artificial desta instalación multiplica o risco de lesións para os centos de deportistas que o empregan. Conscientes desta situación, levabamos tempo traballando para lograr a solución que agora se materializará con estas obras”.
O obxectivo é “dotar ás instalacións dun terreo de xogo nas condicións idóneas para a práctica deportiva, que posibilite ademais o uso do campo de forma intensiva cun mantemento sinxelo”. Os traballos que se realizarán será a retirada do céspede existente, a reparación do aglomerado asfáltico para corrixir deficiencias na planeidade do terreo de xogo, a colocación dunha base elástica con granulado de caucho cunha gran capacidade de drenaxe, a instalación dun novo céspede de última xeración e a colocación dun marcador electrónico de alta visibilidade.
As actuacións contarán cun orzamento total de case 205.000 euros financiados con fondos propios do Concello e a través dun préstamo sen xuros da Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 11 de marzo.
O Concello de Baiona, a través do departamento de turismo, e a oficina de Correos da localidade, traballaron unidos para lograr unha campaña que servirá para promocionar Baiona como destino turístico a través dunha serie de postais.
A primeira delas foi presentada esta mañá polo alcalde, Carlos Gómez, e polo director da oficina de Correos da localidade, Carlos Meijome.
Trátase dunha postal promocional da ” XXVI Festa da Arribada”, realizada para conmemorar o “529 Aniversario da Arribada da Carabela A Pinta” a Baiona.
O obxectivo desta emisión de 400 unidades é a promoción e difusión dun evento histórico que sitúa ao Concello de Baiona como un dos referentes turísticos por excelencia no que o enorme valor histórico e monumental da vila conxúgase á perfección cunha oferta de servizos inmellorable.
A Tarxeta Postal, emitida polo Concello de Baiona, está prefranqueada coa tarifa A de envíos nacionais, para que poida viaxar facilmente a través da rede postal podendo ser depositada en calquera Caixa de correos ou Oficina de Correos sen custo adicional.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, detallou que “a postal se compón da imaxe corporativa da Arribada 2022 na portada, e no reverso, aparece un código QR que permite visualizar o anuncio promocional da festa. A postal dispón do franqueo postal incluído co cal o envío da mesma será gratuíto. Esta iniciativa pretende poñer en valor tanto a importancia desta festa, declarada de interese turístico internacional, como do feito histórico que conmemora e dalos a coñecer en todo o territorio nacional e que sirva como foco de atracción turística tanto a próximas edicións da Festa como a Baiona como destino vacacional”.
Tamén destacou que se trata de “unha importante iniciativa promocional da localidade e que esta primeira postal dedicada á festa da Arribada forma parte dunha “campaña” máis ampla que se completará con outras postais que se darán a coñecer ao longo deste ano”. Gómez destacou “o amplo retorno publicitario que terá o envío destas postais”. Por todo iso, o mandatario quixo aproveitar a presentación para trasladar a súa gratitude á entidade Correos así como á oficina da localidade e ao seu director, Carlos Meijome Juíz, polo seu traballo e por apostar por Baiona e dar a coñecer deste xeito os seus atractivos.
As postais repartiranse, de forma gratuíta, na oficina de turismo de Baiona a partir do venres, 4 de marzo, día de comezo da Festa da Arribada.
Movemento Salceda agradeceulle a Ana Pastor que tivese a ben visitar Salceda para abrirlle os ollos ao PP local e explicarlles que a revisión catastral que se ven de levar a cabo en Salceda, Mos, Porriño e Bueu está impulsada dende o goberno central, e que nada ten que ver o goberno municipal. Así, no comunicado emitido polo Partido Popular de Salceda anunciábase que Ana Pastor presentará unha solicitude ao goberno central para intentar deixar sen efecto a revisión catastral, iniciativa que agradecen dende MS, lembrando que a revisión ven imposta dende o goberno central e nada se pode facer dende o Concello.
Movemento Salceda lémbralle ao PP que foi o seu partido o que deixou a porta aberta a esta revisión cando gobernaba en Madrid aprobando o Real Decreto Lei 1/2004 do catastro inmobiliario, e que no caso de Salceda a situación vese agravada polas Normas Subsidiarias aprobadas tamén polo PP cando gobernaba no Concello, e pola negativa do PP actual a aprobar o PXOM impulsado por MS que eliminaría a inmensa maioría das situación inxustas que se dan en numerosas parcelas que non cumplen coas condicións de edificabilidade.
Loli Castiñeira, voceira de MS indicou que “toda iniciativa que beneficie á veciñanza de Salceda será sempre agradecida pola nosa agrupación, pero non imos consentir que se siga enganando á xente como intentou facer o PP local ata o de agora, con mentiras e informacións falsas que a súa propia compañeira ven de deixar en evidencia”.
Por último, agardan dende MS que o PP tivese a ben trasladarlle a Ana Pastor a necesidade de remodelación do enlace da PO-510 na Lagoela, aproveitando a visita que fixeron á zona, proxecto que está xa en mans da Consellería de Infraestructuras e que suporía a eliminación do tráfico pesado do casco urbano, facendo da nosa vila un lugar máis seguro.
O Concello de Baiona, a través da Jefactura da Policía Local de Baiona, vai realizar un corte de tráficoy desvío de tráfico mañá xoves, 24 de febreiro, en xornada de mañá con motivo da 1ª Etapa da Volta Ciclista Profesional “O Gran Camiño” que transcorrerá por Baiona e Nigrán.
O tráfico quedará interrompido na estrada provincial (PO-552) ao paso do pelotón pola Vila xa que o seu percorrido transcorrerá desde Santa María de Oia a Baiona, cruzando Baiona pola vía principal (Av. Elduayen Av .Monterreal, Av. Santa Marta….) ata a entrada en Nigrán por Ramallosa.
O tráfico quedará restrinxido desde a rotonda do Faro Cabo Silleiro ata a rotonda de entrada a Ramallosa desde as 12:30 ata as 14:30, hora final que se estima que poida pasar o último cicilista. O tráfico, durante o corte, será desviado por vías alternativas e pola circulación AG-57.
O Concello de Arbo, un ano máis, vai a repartir gratuitamente composteiros entre os arbenses. Esta iniciaitva ten por obxecto estender as prácticas de autocompostaxe a distintas vivendas unifamiliares do municipio de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo.
O obxetivo é por unha parte, reforzar a mensaxe dos beneficios do compostaxe caseiro, e por outra banda, apostar pola compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas e reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel, unha acción que será obrigatoria antes do 31 de decembro coa chegada do contenedor marrón.
Entre o ano 2020 e 2021 o Concello repartiu máis de 200 composteiros entre a poboación.
Para participar no proxecto é requisito residir no Concello de Arbo. As persoas interesadas en obter algún dos composteiros deberán solicitalo nas oficinas municipais do Concello de Arbo, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00horas e serán entregados por orden de Rexistro de Entrada.
A elaboración de compost na casa ten moitas ventaxas, tanto medioambientais como económicas. O compostaxe permite reutilizar os refugallos que de outra maneira acabarían no colector verde convenicional e contribúe a reducir a frecuencia do servizo de recollida.
A celebración do Entroido en Tui será musical o próximo martes, 1 de marzo, festivo local na cidade. A Orquestra Miramar actuará na rúa Compostela a partir das 19 h para amenizar unha tarde festiva.
Como xa se ten informado este ano, debido á covid, e tras as reunións mantidas coas comparsas participantes noutras edicións, non se levará a cabo do tradicional desfile de Entroido. Dende o concello anímase, aínda así, á veciñanza a gozar deste festexo, a disfrazarse e a gozar do espectáculo da orquestra Miramar, tendo en conta as medidas de seguridade fronte á covid.
Debido á actuación da orquestra no tramo da rúa Compostela comprendido entre a rúa Ourense e a rúa Mondoñedo, non se poderá estacionar dende o luns pola noite, e na xornada do martes estará prohibido tanto o estacionamento coma a circulación neste tramo.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitaron hoxe ao alumnado que está a participar nalgún dos 17 cursos que se imparten no concello ao abeiro dos Programas Integrados de Emprego que financia a Xunta.
Trátase da VII edición no caso do Consistorio mosense, na que máis de 100 veciños da localidade, na meirande parte mulleres (60%), poderán formarse en habilidades sociais, competencias dixitais, manipulación de alimentos, actividades de loxística ou planificación, programación e control de produción, entre outras especialidades.
A delegada indicou que unha das apostas máis importantes do Executivo galego son os programas formativos na súa dobre vertente de “incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas e de resposta ás necesidade das empresas de contar con traballadores cualificados con perfís adaptados ás demandas do mercado laboral”.
Fixou así na formación a aposta estratéxica da Xunta cara á inserción laboral e á mellora da empregabilidade dos cidadáns con 9 PIEs na área territorial de Vigo aos que se destinan máis de 2,2 millóns de euros e que teñen previsto formar a 900 persoas sen emprego.
Neste sentido, a representante autonómica referendou o compromiso do Executivo galego “coa mellora da capacitación dos desempregados, da competitividade empresarial e coa creación de emprego estable e de calidade”.
Os programas foron concedidos aos concellos de Redondela, Salceda de Caselas e Mos e á Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (exclusivo para mulleres), á Fundación Impulsa, á Fundación CIP, á Asociación de Empresarios de Mos, á Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra e á Asociación de Empresarios de Redondela.
Estes programas teñen un ano de duración e están enfocados a mellorar a ocupación das persoas desempregadas establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 45% dos seus participantes.
O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo destes anos diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros ou as lanzadeiras de emprego.
O Concello de Nigrán abre este venres ás 20:00 horas na Praza do Concello a programación do entroido co espectáculo ‘Mamá&Monólogos’ do recoñecido transformista Cristian de Samil. Ao día seguinte, sábado 26 de febreiro, el mesmo presentará o tradicional desfile de comparsas, que recupera o formato habitual tras a edición telemática do ano pasado por mor da pandemia. En total, participarán media ducia de agrupacións con 410 participantes en total, sendo a máis numerosa LDanzia de Gondomar con 115 persoas seguida de Asociación Os Da Casa de Vigo (80), C.C.R Parada do Miñor (61, a única de Nigrán), Luces de Tomiño (60), ‘O Millor de Cada Casa de Vincios’ (52) e ‘CCD A Merced de Chaín’ (42).
O desfile, como é habitual desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial, arrancará coa batucada de ‘Bate no Cobre’ ás 20:30 horas e desde as 21:00 as comparsas sairán segundo a clasificación do sorteo que se celebrará mañá ás 12:00 no salón de plenos. As actuacións se desenvolverán á altura da casa consistorial. O xurado dará o fallo ao remate do evento tendo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa.
O luns 28 de febreiro será o turno dos máis pequenos con contacontos e baile de entroido desde as 17:00 no Auditorio Municipal. A programación finaliza o sábado 12 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado a continuación no Torreiro de Parada.
Novos pasos para que a nova depuradora de Ponteareas sexa unha realidade. O consello de administración de ACUAES (Aguas de las Cuencas de España), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, aprobou este martes os pregos de licitación do contrato para a redacción do proxecto, execución e posta en marcha das obras de mellora e ampliación da estación depuradora da Moscadeira, unha intervención que suporá un investimento total de 14,1 millóns de euros.
O Concello amosa a súa satisfacción polo avance dunhas obras “imprescindíbeis para solucionar dous grandes problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento do rural”, como salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. A rexedora sinalou que “será o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións, nos que acadamos o compromiso de Estado e Xunta nun exemplo de colaboración institucional e de entendemento en beneficio da nosa vila”.
Trátase dunha intervención declarada de interese xeral que permitirá a mellora do saneamento e depuración do municipio, poñendo fin ás verteduras que actualmente padece o río por falta de capacidade da rede de colectores. As actuación será financiada ao 50 % polo Estado a través de fondos europeos FEDER, ao 30 % polo Concello e ao 20 % pola Xunta.
Xunto coa ampliación e reforma da EDAR da Moscadeira, as obras contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora.
O Goberno municipal do BNG-PSOE salienta que esta obra de mellora e ampliación “suporá un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareá, deseñado para pouco máis de 10.000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16 000, traballando por enriba da súa capacidade”. Coa execución destas obras ampliarase a capacidade de tratamento da depuradora a 20 000 habitantes, o que permitirá rematar coas verteduras e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.
Por outra banda, o Concello traballa de xeito paralelo no proxecto dunha nova depuradora que permita atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que tecnicamente non poden empregar a depuradora da Moscadeira.
A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela, dirixida por Iria Vilaboa, vén de dar a coñecer o programa das que serán as ‘II Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero», unha iniciativa, aposta persoal da alcaldesa Digna Rivas, que busca poñer sobre a mesa de debate todos aqueles temas que poñan en valor o papel da muller na sociedade e a súa loita por acadar unha igualdade real como único camiño para conseguir unha sociedade máis xusta.
Nesta segunda edición, as xornadas alongan o seu programa distribuíndoo en dous días, o venres 11 de marzo e o sábado 12 de marzo, datas nas que se porán sobre a mesa de debate dous interesantes temascomo o a autoxestión e o liderazgo feminino e o papel dos medios de comunicación fronte á lacra social que é a violencia machista.
As xornadas abriranse o venres 11 de marzo na Casa da Cultura onde, de 19 h a 21 horas, desenvolverase obradoiro 10 claves para emprender. Liderazgo feminino e autoxestión que correrá a cargo de Patricia Rodríguez, coach, mentora, especialista en actividades de team-building e Heidi Vander Biest, coach ontolóxico, mentora e especialista en PNL e intelixencia emocional.
As persoas interesadas poden inscribirse para este obradoiro, de xeito totalmente gratuíto, no enderezo de correo electrónico [email protected].
Ao día seguinte, sábado 12 de marzo, o Multiúsos da Xunqueira acollerá, entre as 10 h e as 14.30 horas outro obradoiro baixo o título Os medios de comunicación como axentes de cambio fronte á violencia machista que será impartido por Joshua Alonso Mateo, Promotor de Igualdade de Oportunidadese orfo da violencia machista e Patricia Costa, xornalista, presentadora do programa Tolerancia Cero en Radio 5 e gañadora da primeira edición do ‘Premio Sesé Mateo de Ética Xornalistica’. A inscrición pode realizarse no enderezo de correo electrónico [email protected].
Para unha maior facilidade á hora de inscribirse, no díptico das xornadas ámbolos dous obradoiros contan don senllos códigos QR que, a través dos dispositivos móbiles, abren directamente o formulario de inscrición.
A alcaldesa Digna Rivas quen chamou a atención “sobre o éxito de participación” da primeira edición destas xornadas, salientou a importancia de darlle continuidade a unha iniciativa que sirve para poñer o foco de atención “sobre o papel da muller na sociedade” e a importancia que ten a igualdade “para acadar unha sociedade máis xusta”.
Gemma Pereira Otero, de quen toman o nome as xornadas “marca o punto de partida no que as mulleres, con grande esforzo e sacrificio, comezaron a facerse oco en profesións e actividades ata entón restrinxidas aos homes como, no caso dela, a farmacia”. As xornadas, engade Digna Rivas, “non só buscan perpetuar o nome desta muller senón que serven para poñer de manifesto que, sen igualdade entre homes é mulleres, é imposible falar de igualdade e xustiza social”.
O alcalde da Cañiza, Luis Piña, anunciou onte o inicio do procedemento para a «Recuperación dos Castros Cidade de Achas e A Cerquiña» que pasa, primeiramente, pola adquisición dos terreos a través dun proceso de expropiación. O Concello acaba de asinar o inicio deste procedemento para a contratación dunha empresa redactora do proxecto de expropiación.
Ata o momento, Piña mantivo tres reunións cos propietarios das parcelas que maioritariamente están a favor da recuperación deste gran xacemento arqueolóxico de 10,04 ha de terreo forestal.
A maioría destes propietarios tamén son favorables á cesión dos terreos, pero debido a que os títulos de propiedade de moitas parcelas aínda están rexistradas a nome de antepasados, para acelerar os trámites de cambio de titularidade a favor da Entidade Local, o mecanismo máis axeitado e rápido é o da expropiación.
Castros Cidade de Achas e A Cerquiña
A recuperación desta gran fortificación castrexa suporá para o Concello da Cañiza sacar á luz un importante patrimonio cultural, rexenerar ambientalmente a contorna e engadir este activo á oferta turística do Concello e mesmo da Comarca, con capacidade para atraer visitantes e turistas e reactivar a economía local.
Trátase de dous asentamentos fortificados, o Grande Castro da Cidade das Achas e o Castro da Cerquiña, que destacan polo seu impresionante sistema defensivo, dotado de grandes parapetos e murallas, como se recolle en varias memorias e anteproxectos que o Concello da Cañiza xa ten ao seu dispor e que propoñen a posta en valor destes dous espazos e do patrimonio cultural da Cañiza.
As actuacións teñen por obxecto documentar os restos arqueolóxicos existentes no castro da Cidade e divulgalos entre os veciños mediante charlas, visitas e obradoiros, fornecendo un recurso patrimonial e turístico do municipio. Asi mesmo, inclúese tamén a creación dunha imaxe e nome para o proxecto de divulgación arqueolóxica, cun logo exclusivo e forte presencia nas redes sociais e prensa.
Desenvolveranse charlas divulgativas previas á intervención, co obxectivo de concienciar aos veciños e implicalos no proxecto; o rozado do xacemento e corta de especies arbóreas, principalmente eucaliptos, que non permiten contemplar o tamaño e grande dimensión do xacemento e por último unha importante intervención arqueolóxica co obxectivo de cubrir un mínimo de 8 sondaxes de 2×2 metros polos puntos de maior potencialidade arqueolóxica.
Co obxectivo de constatar restos arqueolóxicos, a intervención estará aberta ao público e divulgada mediante visitas puntuais.
Completar a oferta turística
Tal e como explica o alcalde da Cañiza, Luis Piña, trátase dunha intervención de gran valor para o turismo “non so da Cañiza senón tamén da comarca que axudará a fortalecer a cohesión territorial da zona da Paradanta e por suposto axudará A Cañiza a mellorar o seu abanico e competitividade turística”.
Ademais esta actuación axudará a poñer freo á perda da biodiversidade xa que o estado de abandono no que se atopa e a falta de uso das parcelas propiciou a ocupación da superficie por especies invasoras, danando a biodiversidade autóctona deste paraxe.
Finalmente, Luis Piña asegurou que con esta actuación “conseguiremos recuperar a memoria da nosa orixe como Comunidade e os inicios da nosa cultura e pobo e empoderalos a través da divulgación e visitas turísticas que tamén axudarán a crear riqueza impulsando a economía local».
A Casa da Cultura Castelao acolleu onte a presentación da programación do Entroido de Salceda de Caselas, nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Cultura Álex Rodríguez e da alcaldesa Verónica Tourón que estaban acompañados por Tere Acuña e José Fernández por parte do barrio da Feira e Javier Martínez e Diego Gándara por parte do Castro Barreiro.
Alex Rodríguez non podía ocultar a súa satisfacción ao anunciar que “este ano voltamos as rúas”, nun Entroido do que, afirmou, “a protagonista é a veciñanza, a través das distintas asociacións e colectivos que durante varias semanas traballan na elaboración das súas carrozas e comparsas”.
O responsable de Cultura amosaba a súa esperanza que, o vindeiro ano, “a nosa celebración máis arraigada poida contar coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, outorgándolle así a importancia que merece”.
Na mesma liña expresábase a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, que tiña palabras de agradecemento “a todas as persoas que dun xeito ou outro fan posible o entroido e en xeral a toda veciñanza de Salceda o seu esforzo e ilusión por traballar para poñer en marcha de novo o entroido no noso concello e recuperar esta festa tan nosa para a normalidade, despois de dous duros anos de pandemia”
A alcaldesa, como responsable tamén da Concellería de Comercio, facía fincapé na importancia que o Entroido de Salceda ten para “a dinamización do comercio local en xeral de da hostalaría en particular” e facía un convite a todas as persoas da comarca “a que se acheguen a Salceda a gozar desta maravillosa festa que é o noso Entroido e a coñecer o noso pobo e toda a beleza da súa cultura e tradicións”.
O Entroido de Salceda recupera este ano varias das citas máis importantes, e que caracterizan a cita cultural con máis arraigo no Concello, e unha das máis antigas de Galicia. Deste xeito, o domingo as carrozas e comparsas voltarán desfilar polas rúas da Esfarrapada, na vixésimo terceira edición do desfile institucional, que este ano incorpora unha novidade para facilitar que o público poida apreciar o desfile con máis facilidade. Deste xeito, os dous desfiles emitiranse en directo a través das redes oficiais do Concello, garantindo unha difusión dos eventos universal.
Outra das citas que volve é o tradicional Rancho de Entroido da Feira, recuperado no ano 2018, que fará a actuación e o desfile por distintos puntos da vila acompañado polos Cabaleiros. O Rancho de Entroido de Salceda é único pola súa composición de seis danzantes e dúas damas, e pola súa música e os seus bailes. Este ano, ademais, contará tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así o relevo xeracional dunha tradición centenaria.
Este ano, o Entroido de Salceda vivirá un antes e un despóis, xa que o xoves 24, o pleno da corporación aprobará a Solicitude para a Declaración do Entroido de Salceda de Interese Turístico de Galicia. A memoria que se enviará Turismo de Galicia é froito de máis dun ano de traballo por unha empresa especializada, na que se recollen todas as mostras e singularidades dun Entroido único en Galicia, tal como describíu Alex Rodríguez, que confía en obter o visto bo da Axencia Turística, convertíndose no décimo Entroido de Galicia en ser declarado Festa de Interese Turístico.
Castro e Barreiro e A Feira celebrarán o martes 1 de marzo(festivo local) o seu día grande, coa presentación das súas carrozas e comparsas, nas que participan máis dun cento de persoas de tódalas idades. Ás 17.00 chegarán á Praza do Concello, onde exhibirán o minucioso traballo realizado nas últimas semanas, para posteriormente trasladar a loita ao cruceiro da Fonte da Pedra.
A música, neste caso protagonizada pola Banda Cultural de Salceda tamén volve este ano á programación co Concerto de Entroido, que se celebrará no patio do CEP Altamira. Sen dúbida trátase dunha das citas máis esperadas polos afeccionados e afeccionadas á música. A programación complétase con obradoiros dirixidos ao público infantil e coa primeira edición do Concurso de Filloas doces e salgadas, no que participan 11 establecementos da vila.
Tal e como comunicaron o Goberno local das Neves e a Xunta de Galicia aos propietarios das terras das parroquias de Tortoreos e Rubiós, na última reunión para avanzar na posta en marcha da nova aldea modelo das Neves, dende a semana pasada está aberta unha oficina na que persoal de Expoaga atende aos propietarios, para a recollida dos seus precompromisos, a soluciona das súas dúbidas ou facilitarlles información ou explicacións sobre os trámites a seguir.
A oficina, situada na Casa da Música e Centro Cultural de Rubiós ten un horario,de luns luns a xoves, de 09:30 h a14:00 h e de 15:00 h a 18:00 h. As persoas que non poidan acudir nestas datas e queiran ser atendidas outro días, teñen que solicitar cita previa chamando ao teléfono 988 372 708. Ademáis os planos están accesibles en Internet, entrando en www.espoagro.com/planos-portelinha-g.html.
Como lembra o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, este proxecto ten como obxectivo recuperar, para o seu desenvolvemento económico e ambiental, 40 hectáreas de monte entre estas dúas parroquias e impulsar definitivamente nun proxecto no que traballan o Concello das Neves e Consellería de Medio Rural dende hai máis dun ano.
Hai uns meses dábase un paso moi importante no proceso de creación desta nova ‘aldea’ cnunha xuntanza entre o alcalde, o concelleiro de Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde, Óscar González, o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGDER), Alejandro Sánchez de Dios, e parte dos veciños propietarios dos terreos nos que se proxecta implantar esta aldea modelo.
“Boa acollida”
Aquela reunión foi “moi produtiva e a proposta tivo moi boa acollida entre os propietarios presentes”, que representaban o 36% de toda a superficie que ocuparía a nova aldea. De seguido a Xunta e Expoaga contactaron cos donos de boa parte terreos para coñecer cantos deles estarían dispostos a alugar as súas terras para poñer en marcha esta iniciativa.
Creación de emprego
O obxectivo final desta iniciativa, lembra o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, é “pasar do abandono á utilidade”, recuperando un espazo desatendido para obter produtos con selo ecolóxico, “facilitando a creación de emprego e de riqueza e, ao tempo, comprometerse coa recuperación ambiental”.
Nesta superficie, que seguirá sendo dos seus propietarios que recibirán un alugueiro, está previsto o establecemento de diferentes actividades de explotación que manterán o respecto polo medio ambiente, permitirán o uso da terra e xerarán bens de consumo. Entre aquelas ideas que opten facerse realidade na aldea modelo, teranse en conta aqueles requisitos e outros coma o de cercanía, primando os impulsados por veciñas e veciños das Neves, e viabilidade.
Recuperación de terras abandonadas, prevención de lumes, rehabilitación de vivendas
Este proxecto engarza coa recuperación de terras agrarias abandonadas que está a impulsar a Xunta por medio das ‘Aldeas Modelo’ que, coma no caso desta demarcación entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós, pretende mobilizar a terra para a recuperación produtiva en zonas abandonadas preto de núcleos de poboación, contribuíndo, ademais á recuperación e rehabilitación de vivendas abandonadas e a prevención de incendios.
O Concello de Mondariz envioulle ao Concello de Mondariz-Balneario este luns un terceiro requerimento de información sobre os importes relacionados co servizo de tratamento de augas residuais que se realiza na EDAR.
“Como se explica que en 2018 se pagaran uns 14 000 € e en 2020 uns 60 000 €? Nos últimos anos, vénselle atribuíndo a Mondariz un incremento de volume de caudal inxustificado. En maio e setembro do ano pasado xa solicitamos formalmente unha aclaración ao respecto pero non tivemos resposta de Mondariz-Balneario”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
O Goberno municipal de Mondariz non oculta que teña pendente realizar o pagamento correspondente por estes servizos. “No orzamento municipal de 2021 había unha partida para esta finalidade, pero non se executou o pagamento pola falta de aclaración. Hai vontade de pagar, pero non estamos dispostos a pagar a cegas, sen unha xustificación do que se está pagando. Se todo está en orde, por que non se aclaran os importes? Non é razoable”, comenta Barros.
Nos seus escritos dirixidos ao Concello de Mondariz-Balneario, o Goberno municipal de Mondariz solicita información precisa sobre o incremento de volume de caudal atribuído a Mondariz a partir de 2019, xa que foron manifestamente superiores aos comunicados en anos previos. Tamén demanda certificacións da calibración do caudalímetro empregado para a lectura do caudal vertido e outros datos que poidan xustificar a aportación económica que se lle exixe ao Concello de Mondariz e que está por enriba dos compromisos do convenio de colaboración asinado en 2005 para o sostemento conxunto da gardería infantil, do punto limpo e da depuración de augas residuais.
Mondariz segue sen ter acceso á EDAR
A falta de transparencia na xestión económica da EDAR súmase a outro problema que leva anos enquistado: Mondariz segue sen recibir autorización para conectar o seu colector xeral de augas residuais e, pasados 15 anos da construción da nova EDAR, tan só 500 veciños e veciñas teñen acceso a este servizo. A falta de conexión do colector xeral á EDAR condiciona gravemente o desenvolvemento da rede municipal de saneamento que demandan os veciños e as veciñas de Mondariz, así como o control das verteduras ao río Tea, que depende dunhas infraestruturas obsoletas.
En maio do ano pasado, desde a Alcaldía xa se levou ao Pleno da Corporación Municipal unha proposta de acordo na que se instaba a Mondariz-Balneario a solicitar unha revisión da autorización de vertedura até acadar a capacidade máxima da instalación (o equivalente a 6.000 habitantes), a autorizar a conexión do colector xeral construído no ano 2015 na marxe dereita do río Tea, a tramitar a redacción urxente dun estudo técnico independente que determine a orixe das filtracións de augas limpas nas redes de saneamento dos dous concellos, e a convocar unha reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración para o sostemento conxunto dos servizos de gardería infantil, punto limpo e depuración de augas residuais. A pesar de que esta proposta da Alcaldía buscaba reforzar a posición do Goberno municipal nun asunto de interese municipal que afecta a toda a veciñanza de Mondariz e debería quedar á marxe de intereses políticos partidistas, tanto Alternativa por Mondariz como o Partido Popular votaron en contra de reclamar a conexión á EDAR de Mondariz-Balneario.
“O Goberno municipal xa trasladara estas reclamacións formalmente ao Concello de Mondariz-Balneario a través de escritos que non tiveron resposta. Solicitamos a convocatoria dunha reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración en varias ocasións. Non se pode tolerar que os acordos establecidos nese convenio de 2005 sexan modificados de xeito unilateral e sistematico por parte de Mondariz-Balneario, cando é precisamente Mondariz o concello que está a sustentar economicamente boa parte dos custos do servizo de depuración de augas”, indica Barros.
Desde hai tempo, informes de entidades como Augas de Galicia e Confereración Hidrográfica do Miño-Sil confirman que nas verteduras á EDAR hai grandes volúmenes de augas limpas que afectan ao proceso de depuración. “O que se nos recomenda é controlar a entrada de augas limpas para optimizar o funcionamento da EDAR. Mondariz mellorou substancialmente estas filtracións, pero Mondariz-Balneario non fixo nada ao respecto e segue vertendo grandes cantidades de augas limpas de xeito innecesario”.
“Diante deste problema non podemos agochar a cabeza, ignorar a situación e agardar máis tempo porque o río Tea está a sufrir as consecuencias. Pola nosa banda, seguiremos presionando para exixir o cumprimento do convenio de colaboración asinado en 2005”, conclúe Barros.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas do Plan Concellos 2022-2023 das que se verán beneficiados outros 10 municipios da provincia que con estas partidas poderán financiar a contratación de 161 persoas. As subvencións, que suman un total de case millón e medio de euros, corresponden á liña 3 do plan provincial que chegarán aos concellos de Vila de Cruces, A Cañiza, Covelo, A Estrada, O Grove, Meis, Oia, Moraña, Ponteareas, Soutomaior e Vilanova de Arousa para contratar persoas con perfís como albaneis, guías de turismo, peóns e peoas de medio ambiente ou animadores/as socio-culturais.
Os fondos provinciais chegarán á comarca do Deza, cunha achega para A Estrada de 209 870 € para contratar a 20 persoas, e á do Salnés, onde O Grove contará con 177 800 € para contratar a 19 persoas, Meis con 106 100 € para facer o mesmo con outras 11 e Vilanova de Arousa con 164 750 € para contratar a 17 persoas.
Tamén foron aprobadas achegas para a comarca de Pontevedra con 108 000 € para contratar a dez persoas en Moraña e á do Baixo Miño con outros 102 400 € para que Oia contrate a once persoas.
Na comarca de Vigo será o concello de Soutomaior o que reciba 128 200 € para contratar a 18 persoas. Por último, paraa comarca do Condado-Paradanta foron aprobadas achegas para A Cañiza, 124 900 € para contratar a 12 persoas, Covelo, 103 250 € para 14 persoas, e Ponteareas, 256 700 € para contratar a 29 persoas.
SOS Fonte de Troncoso pide publicamente ao Concello de Mondariz Balneario, propietario da Fonte de Troncoso, e a Xunta de Galicia, “que realice unha actuación urxente para frear o deterioro da fonte centenaria” obra de Antonio Palacios. Ao mesmo tempo, reclama que ámbalas dúas administracións “tomen cartas no asunto de inmediato e acelere o proceso para a súa recuperación”.
Lembra a plataforma que o alcalde e o conselleiro de Cultura comprometéronse publicamente en decembro de 2020 a levar a cabo a “recuperación e rehabilitación” desta obra singular. Porén, un ano e medio despois, lamenta a Plataforma, “a Fonte de Troncoso, lonxe de ver melloradas as súas condicións, segue nun estado de ruína total, acrecentando cada día o risco de que as súas paredes colapsen, o que suporía a perda irreversible dunha das obras máis xenuínas da vila balnearia”.
Cómpre lembrar que o xulgado número 5 do Mercantil adxudicou en novembro de 2020 a propiedade da Fonte ao Concello de Mondariz Balneario, tras múltiples denuncias veciñais e un proceso concursal de por medio. O 28 decembro de 20201 o alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitaron o edificio, anunciando que “a Xunta comprometía o seu apoio para a recuperación e rehabilitación deste edificio histórico”, obra do arquitecto Antonio Palacios.
Un edificio protexido pola lei
O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario aprobado no ano 2001 recolle a Fonte de Troncoso como ben obxecto de protección cun grao “integral”. “De pouco ten servido ata hoxe” se lamenta a Plataforma.
A Fonte de Troncoso é obra do internacional arquitecto porriñés Antonio Palacios, que reutilizou neste manancial a marquesiña que cubriu a Fonte de Gándara ata o ano 1910. O proxectista, que recibiu o encargo de Enrique Peinador, deseñou un complexo de dous volumes: unha fonte pechada cunha reixa perimetral baixo marquesiña e un obradoiro pechado con muros de granito deseñado á imaxe do taller de engarrafado da Fonte de Gándara, obra na que tamén colaborou o arquitecto Joaquín Otamendi.
Na actualidade a fonte atópase nun estado lamentable, o que ten provocado un crecente e preocupante abandono do seu estado de conservación: nos últimos tempos o remate ornamental dunha das súas portas de acceso desapareceu; a centenaria varanda modernista interior sufriu distintas “reparacións” indignas; ademais, a día de hoxe, a planta de embotellado da fonte é inaccesible para o público e ameaza ruína.
Ponteareas será meta voante este xoves do Gran Camiño, a primeira volta ciclista profesional que se celebrará en Galicia dúas décadas despois da última edición profesional da Volta a Galicia. Trátase dun evento de enormes dimensións nas que equipos de todo o mundo volverán ás estradas galegas cunha rolda propia con inicio e fin na comunidade e que percorrerá en catro etapas as catro provincias, máis de 500 quilómetros a través de 45 municipios distintos.
Esta proba ocasionará limitacións de tráfico durante a celebración da carreira. O xoves, dende as 10.45 h ata o remate da proba, estarán pechadas a Avenida Castelao, a rúa Fermín Bouza Brey, a rúa Rosalía de Castro, a rúa de Sarmiento Rivera e a estrada a As Neves.
Dende o Concello lamentan as molestias e convidan a todos os veciños a gozar dun día moi relevante para o deporte da vila e de toda Galicia.
O Concello da Guarda, a través da Concellaría de Desenvolvemento Local continúa nos meses de febreiro e marzo coa oferta de obradoiros gratuítos dirixidos a comercio, hostalería e empresas.
Estes obradoiros están enmarcados na campaña de apoio a o comercio local, iniciada xa no ano 2020 por mor da situación sanitaria e que, a finais de 2021, propiciou a realización de dous obradoiros e que, nesta primeira parte de ano 2022, inclúen un obradoiro para a realización de Plans de Marketing para Campañas Comerciais(realizado xa o venres día 18 de febreiro), outro sobre Venta a través das principais redes sociais(previsto para o 4 de marzo) e un sobre venta online web e a través de marketplaces(previsto para o 18 de marzo).
O primeiro obradoiro do 2022 foi o de “Plans de Marketing para Campañas Comerciais”, celebrado o pasado venres día 18 de febreiro e onde os participantes tiveron a oportunidade de aprender cales son os pasos necesarios para actuar ante unha campaña comercial elaborando un Plan de Marketing, porqué é necesario facelo e cales son os seus beneficios, así como os pasos a seguir para a súa correcta elaboración, ferramentas e aplicacións que axudan á súa correcta execución.
O obradoiro sobre “Ventas a través das principais redes sociais” permitirá coñecer cales son as principais redes sociais do mercado que permiten a venda a través das súas plataformas, cales son as súa vantaxes e desvantaxes e como é o seu funcionamento. Terá lugar o venres 4 de marzo ás 20:30h na Sala de formación no 1º andar do concello vello.
O último obradoiro para esta primeira parte do ano 2022 versará sobre “Venta online web e a través de marketplaces”, onde os participantes ampliarán información sobre as diversas plataformas de venda multicanal existentes no mercado, empregando unha comparativa que axudará a elixir cal é a máis axeitada en función de cada tipo de sector ou empresa, os seus custos e metodoloxías de traballo. Terá lugar o venres 18 de marzo ás 20:30h na Sala de formación no 1º andar do concello vello.
Os obradoiros teñen unha duración aproximada dunha hora e media e é preciso unha inscrición previa chamando ao 986610000 ext.7 ou remitindo un correo electrónico a [email protected], as prazas son limitadas.
Gondomar súmase este ano á conmemoración do día de Rosalía de Castro, este mércores 23 de febreiro, organizando unha actividade dirixida ás novas xeracións, aos máis pequenos “para sementar neles o legado que esta gran escritora deixounos aos galegos e a toda a literatura universal” afirma o alcalde, Paco Ferreira.
Desta maneira, a partir das 17.00 horas na Praza Paradela, o grupo de animación Animar- t poñerá en marcha un taller moi concreto: nel facilitaranse os materiais necesarios a cativada que queira crear postais nas que a imaxe de Rosalía de Castro e os seus poemas ou frases máis ilustres servirán para darlles forma e contido. Unha actividade onde estarán guiados por monitores/ as pero que se abrirá aos familiares que queiran participar e axudar nesta manualidade.
“Miña casiña, meu lar”
A partir desa hora tamén poñeranse ao dispor dos hostaleiros do municipio os manteis “O Caldo de gloria”, editados con motivo do día de Rosalía de Castro pola Vicepresidencia da Deputación Provincial. Neles recóllense o texto de “Miña casiña, meu lar” da obra de Follas Novas, acompañado da explicación da mensaxe que encerra ese magnífico texto e que reflicte imaxes propias dun momento histórico que ten ben describiu a escritora de Padrón.
Manteis que tamén se repartirán nos comedores escolares para poñer ao alcance das novas xeracións a importancia de tan insigne muller e cos que o concello e a institución provincial queren lembrar a “Rosalía no seu día compartindo en lugares público ou non ambiente familiar este caldo de gloria o caldo dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.
O Concello de Covelo vén de aprobar o reparto dun total de 19.700 € de axudas nominativas a asociacións, colectivos e clubs deportivos do Concello de Covelo.
Por quinto ano consecutivo o Concello de Covelo amosa o seu compromiso firme cos colectivos veciñais fomentando o asociacionismo e apoiando as iniciativas da veciñanza.
“As asociacións e colectivos son un importante elemento dinamizador tanto a nivel social como cultural brindando a oportunidade de atopar na propia parroquia actividades e propostas para realizar ao longo do ano”, explica o alcalde Pablo Castillo.
O importe máis destacado é para a ANPA do CEIP Antonio Rodríguez Blanco que recibirá 5.700 € cos que se apoiarán actividades como a aula matinal que contribúe a unha mellor conciliación familiar e laboral.
As asociacións culturais recibirán un total de 8.000 euros e os clubs deportivos 6.000 euros.
O goberno destaca o importante traballo que fan as asociacións e clubs non só ofrecendo actividades se non tamén contribuíndo a atraer persoas á nosa vila e dando a coñecer o noso pobo aportando o seu gran de area na dinamización económica e social da zona.
O Concello do Porriño xa ten os resultados do informe técnico que se solicitou á Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra sobre o estado dos tilos do Parque do Cristo, debido ao seu aparente mal estado e á caída de varios deles. O mesmo conclúe a necesidade de proceder á súa tala de maneira inmediata ante o problema de seguridade que supoñen.
Pese a que non estamos a falar de árbores de moita antigüidade confirmouse un estado deficiente, advertíndose da existencia de madeira en fase de descomposición. Para comprobalo fixéronse probas co resistógrafo.
Por outra banda, determinouse que as árbores están afectadas por dous fungos: Armillaria melleae Bjerkandera adusta. O primeiro deles, Armillaria mellea, ataca ás raíces principais e as destrúe por completo e o segundo, B. Adusta produce podremias brancas e destrúe os tecidos vivos.
No informe tamén se indica que a súa evolución non será positiva, senón que continuará o proceso de degradación ata que se veñan abaixo.
En base a isto, e dacordo ao informado polos servizos técnicos municipais, acordouse proceder a ovalado urxente da praza e do parque infantil para evitar situacións de perigo para os viandantes, así como para os nenos e nenas que xogan habitualmente na zona.
O recinto xa está pechado e a concellería de Parques e Xardíns procederá de inmediato á tala dos 12 tilos afectados. Polos mesmos motivos de seguridade, procederase á tala do sauce do parque da Avda. Buenos Aires, xunto ao río Louro.
O Concello de Nigrán achegará ao Fondo Galego de Cooperación e Solidaredade 10.000 € para o proxecto de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria) tras visitar o alcalde in situ o territorio a semana pasada e detectar esta necesidade urxente. Deste xeito, a asociación municipalista contará finalmente con 25.000 € en total para este cometido e non os 15.000 € previstos inicialmente, o que permitirá ampliar a duración do proxecto ou aumentar o número de persoas contratadas, segundo a contraparte saharaui considere máis beneficioso.
O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, asinou esta fin de semana o convenio de colaboración coa gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, e co delegado da República Árabe Saharauí Democrática en España, Abdulah Arabi. No acto participaron autoridades locais e membros da sociedade civil saharauí, xunto con representantes dos concellos de Gondomar, Cambados e de Tui, que tamén están valorando a posibilidade de contribuír á cooperación coa RASD. Juan González destacou “a importancia de coñecer as necesidades sobre o terreo para realizar unha cooperación internacional eficaz”, mentres que a gobernadora agradeceu o apoio e a visita da delegación galega, que “á volta se converterá tamén en altofalante da inxustiza que sofre este pobo”.
Os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador beneficiaránse do proxecto ‘Nadafa’, que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes. Dunha banda, mellorarase o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa, especialmente elementos de protección como máscaras e guantes, que tamén se lles facilitarán á veciñanza que participa nas campañas voluntarias de limpeza. Por outra parte, intensificaranse as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 escolares, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiarase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna.
A formulación deste proxecto produciuse no marco da visita aos campamentos organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e a Delegación Saharauí para Galicia, na que participaron, entre outros, representantes políticos, persoal sanitario e familias do programa Vacacións en Paz, que se retomará este verán. Nesta estancia, a delegación foi recibida polo Primeiro Ministro, Bucharaya Hamudi, quen salientou como “o apoio dos municipios e outros axentes da cooperación descentralizada mitigou a caída dos fondos estatais e internacionais provocada pola pandemia”. Tamén a ministra de Cooperación, Fatma El-Mehdi, apuntou a importancia do movemento solidario e dos irmandamentos cos concellos, alén de sinalar que “o convenio asinado co Fondo Galego permítenos planificar a máis longo prazo e responder a necesidades reais”.
O propio presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán tivo a oportunidade de comprobar como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos, amais de compartir unha xornada de limpeza voluntaria cun grupo de mulleres na Daira de Akti, entre as que se atopaba a propia alcaldesa, e de visitar a emisora de radio. Nos derradeiros días de estancia, a comitiva galega acudiu a un centro para cativos con discapacidade e ao Hospital Nacional. Tamén se reuniu coa ministra de Sanidade, Jira Bulahi, quen indicou que “hai 427 persoas á espera de seren evacuadas para tratamentos no exterior, das que 128 son menores”. Por último, percorreron as instalacións da Dirección Xeral de Equipamento e puideron coñecer de primeira man o traballo da Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas.
“Esta viaxe non só nos fará ser mellores persoas, senón tamén mellores alcaldes e alcaldesas”, valorou Juan González ao remate da misión. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta por unha saída dialogada ao conflito que obrigou á poboación saharauí a refuxiarse en Alxeria. Esixe que Marrocos cumpra o Plan de Arranxo subscrito en 1990, coa celebración do referendo de autodeterminación acordado, e que tanto a comunidade internacional como o Goberno español estean á altura dos compromisos adquiridos.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.
Este venres, 25 de febreiro, póñense en funcionamento as rutas do proxecto “Río Miño, un destino navegable” que comparten os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, as cámaras municipais de Valença e Monçao, con Turismo de Galicia e Turismo Porto e Norte.
As rutas establecidas, que terán carácter gratuíto, brindarán unha experiencia turística única entre catro cidades de dous países unidas polo río Miño. As oficinas de turismo de cada municipio serán o punto de partida para un percorrido que permitirá coñecer os conxuntos históricos de Tui, Valença, Salvaterra e Monçao, gozar da súa gastronomía, as compras, e amais navegar polo río Miño entre os municipios que conforman cada unha destas dúas eurocidades. Son oito horas de actividades nas que un tren turístico realizará a unión entre os centros históricos e o pantalán de atraque da embarcación.
Este mediodía Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, José Manuel Carpinteira, presidente da Cámara de Valença, Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra, e Laura González- Dopeso Portela de Turismo de Galicia, realizaron unha viaxe entre Tui e Valença. Neste primeiro percorrido en barco puideron admirar a Eurocidade Tui-Valença dende o río, coa ponte internacional, a fortaleza e o conxunto histórico coma grandes protagonistas.
A partir de mañá as persoas interesadas poderán realizar as súas reservas en www.hemisferios.org ou no teléfono (+34) 620 900 265 para realizar as rutas a partir deste venres, 25 de febreiro, con carácter gratuíto. Na mesma inclúese o percorrido con guía polos conxuntos históricos, o transporte en tren turístico, e a viaxe en barco, sendo a comida por conta do participante. Cada ruta ten unha participación mínima de 7 persoas e máxima de 15.
Esta primeira semana do venres 25 de febreiro ao domingo 6 de marzo o barco realizará as viaxes entre Tui e Valença, e a partir do luns 7 o percorrido será entre Salvaterra e Monçao. Iranse alternando así as saídas semanalmente entre as eurocidades participantes no programa.
Ofértanse un total de 6 rutas con hora previsto de inicio ás 10 h. Haberá catro rutas curtas entre Tui-Valença, Valença-Tui, Salvaterra-Monçao e Monçao-Salvaterra.
A ruta corta entre Tui e Valença parte da Oficina de Turismo de Tui, no Paseo da Corredoira. Dende aquí as persoas participantes, acompañados dun guía, visitarán o conxunto histórico de Tui presidido pola Catedral, e irán camiñando até o embarcadoiro de pescadores no Paseo fluvial. Tras embarcar poderán coñecer Tui e Valença dende o río , para volver ao embarcadoiro onde os agardará un tren turístico que os levará até a Fortaleza de Valença cruzando pola vella Ponte Internacional. Aquí terán tempo libre para xantar e continuarán logo coa visitando o centro histórico. Novamente no tren turístico regresarán á Oficina de Turismo de Tui.
En sentido inverso irá a ruta curta entre Valença e Tui que comezará na Oficina de Turismo de Valença, na Porta do Sol, para visitar o centro histórico, cruzar no tren turístico pola vella Ponte Internacional até o embarcadoiro, e tras o paseo en barco visitar o conxunto histórico de Tui. O tren levará de novo aos participantes ao punto de partida en Valença.
O mesmo acontece coa dúas rutas curtas entre Salvaterra e Monçao, partindo das oficinas de Turismo de cada municipio, percorrendo ambos conxuntos históricos, e atravesando en tren turístico a ponte internacional até o embarcadoiro ou dende o embarcadoiro en Salvaterra. Aquí no paseo en barco poderanse ver as pesqueiras empregadas para a pesca da lamprea.
Asemade establécense dúas rutas longas Tui-Salvaterra-Monçao-Valença, nas que sempre que as condicións de navegabilidade o permitan o percorrido entre Tui e Salvaterra, e viceversa, será en barco ou en caso contrario en autobús.
O proxecto “Rio Miño, un destino navegable” realízase ao abeiro do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)
O Museo de Pontevedra vén de programar unha semana de actividades e contidos para celebrar o Día da Muller do vindeiro 8 de marzo: Haberá visitas comentadas, teatro para a rapazada e público adulto, un curso sobre mulleres que deixaron pegada na historia, e conversas entre creadoras analizando a situación actual no mundo das artes.
A programación comezará o martes 8 ás seis da tarde coa primeira visita comentada baixo o título ‘Artistas Visibles’, que consistirá nun percorrido para visibilizar ás artistas que forman parte das coleccións do Museo desde o s. XIX ata o s. XX. Serán itinerarios de 45 minutos cunha duración aproximadamente nos que o persoal da Unidade de Educación falará principalmente das dezasete mulleres artistas, catorce pintoras e dúas escultoras que se exhiben nas coleccións permanentes, aínda que en total nos fondos do museo hai obras de máis de oitenta. Estas visitas repetiranse diariamente ás seis da tarde dende o martes 8 ata o venres 11.
Xa o mércores día 9 será a quenda do teatro infantil para alumnado de 1º e 2º Curso de Educación Primaria a cargo de Compañía Eléctrica trae un espectáculo para festexar cos máis peques o Día da Muller: Carabranca. Haberá dous pases, o primeiro ás 10.30h e o segundo ás 12.00h, e os centros de ensino deben facer a súa inscrición en [email protected]. AS sesións desenvolveranse no salón de actos do Museo ata completar capacidade (120 persoas).
Trátase dun espectáculo de narración oral pola igualdade interpretado por Iria Pinheiro, licenciada en psicopedagoxía e actriz (Premio María Casares mellor actriz e mellor texto orixinal 2019 e Premio Maruxa Villanueva á interpretación 2019) e baseado nun conto de Iván Sende. Carabranca é unha nena pirata que logra todo o que se propón, desafiando calquera perigo marítimo e terrestre. A partir do teatro de obxectos a actriz conta unha historia na que se entrelazan as aventuras co ánimo de superación e valores que fomentan a igualdade.
Outra das actividades incluídas na programación será o curso de arte impartido por Carolina Munáiz ‘Aventaxado feminino. Creadoras do século XX’, un percorrido polos camiños artísticos do século vinte da man de autoras que deixaron unha pegada significativa no seu campo de traballo: Ruth Matilda Anderson, Coco Chanel, Tamara de Lempicka, Maruja Mallo, Elsa Schiaparelli, Dora Maar, Hanna Höch, Louise Bourgeois, Lee Krasner. Pintura e Jil Sander. Este curso –que xa está iniciado e se desenvolve ao longo de varias semanas- ten pechada a súa inscrición cun grande éxito, con 120 persoas participantes e lista de agarda.
O xoves 10, ás sete da tarde,celebrarase unha conversa entre mulleres creadoras baixo o título ‘Aínda queda moito ferro!!!’,un coloquio no que participarán mulleres do mundo das artes plásticas, algunhas cunha longa traxectoria e outras dando os seus primeiros pasos (Sara Sánchez, Soledad Penalta e Basilisa Fiestras), que analizarán a situación da muller no mundo das artes con Carmen Hermo como moderadora.
Finalmente, o venres 11 ás 19 horas terá lugar a representación de ‘Matrioskas’, teatro para adultos con Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, “dúas mulleres cantando e contando sobre mulleres. Todas feitas da mesma madeira. Todas vestidas de cores. Todas elas, grandes e pequenas, con historias para contar e cos desexos agochados no ventre”, segundo explica a sinopse da peza da compañía ‘Charlatana’. É precisa inscrición previa en [email protected].
Os empresarios de Ponteareas coñeceron de primeira man as posibilidades que ofrece o Consorcio da Zona Franca de Vigo para as súas empresas, tanto en chan, como financiamento e apoios. O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; e o director de Vigo Activo, Samuel Méndez, mantiveron un encontro cunha vintena de empresarios do municipio, no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea, para achegarlles todas as ferramentas do Consorcio.
David Regades destacou que “os instrumentos da Zona Franca están ao servizo das empresas para crear emprego” ademais de subliñar que “esta reunión é un exemplo de que poden pedirnos este tipo de encontros para coñecer que ferramentas pode ofrecer o Consorcio, como é o caso de Vigo Activo, que estuda calquera proxecto que mostre solvencia. De feito, a sociedade de capital risco de Zona Franca ten inxectados 25 millóns de euros en empresas galegas”, destacou.
No Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas reuníronse representantes de empresas de sectores como alimentación, transformación, construción ou vehículos, que se interesaron especialmente polas ferramentas de financiamento do Consorcio, o acceso a apoios para a internacionalización ou as características do chan franco. Asistiron tamén a primeira tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras, María Jesús Garrote; e a concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández.
A concelleira Vanesa Fernández abriu o acto agradecendo a Zona Franca porque “por primeira vez na historia esta institución achégase a Ponteareas e ao seu tecido empresarial, o que fai que sexa un día importante para a economía ponteareá”.
O delegado do Estado animou aos empresarios para demandar máis información sobre o Consorcio a través da Concellería de Emprego e Formación.
Ademais, a Zona Franca de Vigo desenvolve neste momento un plan estratéxico de Ponteareas e a súa comarca, que incluirá un diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de roteiro con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida na comarca do Condado, na que o concello de Ponteareas ten un peso significativo.
O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 150 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.
A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, vén de formalizar o contrato mediante o cal a clínica veterinaria Canis, sita no Porriño, levará a cabo a esterilización de 120 femias e 30 machos. O importe da campaña ascende a 9.540 euros.
Utilizarase o sistema CES (Captura, Esterilización e Solta) para evitar o crecemento descontrolado da poboación de gatos. Un equipo de voluntarias e voluntarios acreditados polo Concello encargaranse de coller aos animais e facer o seu seguimento.
“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza. Nesa liña traballamos”.
No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente. “No Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.
Os nenos de Oia poderán divertirse, experimentar e aprender sobre a gastronomía de entroido nun obradoiro especial de cociña que se desenvolverá a próxima semana na Casa da Cultura de Viladesuso.
O obradoiro infantil de cociña de entroido é unha iniciativa gratuíta organizada polo Concello de Oia coa colaboración da Asociación de Veciños San Miguel de Viladesuso. Celebrarase o vindeiro luns 28 de febreiro en horario de 10.00 a 13.00 horas.
Para participar cómpre inscribirse no rexistro do Concello de Oia, sendo a data límite o xoves 24 de febreiro. As prazas son limitadas e durante o desenvolvemento da actividade será obrigatorio o uso de máscara.
Para máis información pódese contactar co Concello nos números de teléfono 639 32 94 93 e 986 36 21 25.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.