Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Centos de persoas visitaron a cuarta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas

Alumnado da comarca e público xeral puideron coñecer de primeira man a oferta formativa de 20 centros

Grande éxito de acollida da cuarta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas. O encontro pechou as súas portas tras dous días de actividade e a visita de centos de mozos e familias que percorreron acompañados de guías voluntarios os stands dos 20 centros formativos que achegaron información de materias impartidas, encaixe no mercado laboral, prácticas que se realizan, duración do ciclo e a propia opinión do alumnado que está a estudar nestes intres.  

“Para nós é un orgullo que cada ano máis xente se interese por esta feira, coa que ofrecemos aos propios rapaces e rapazas un espazo sen saír da vila para coñecer a diferente oferta formativa non só de xeito teórico, senón tamén a través da experiencia da mocidade que está a cursar nestes intres as distintas opcións. Pero tamén é un lugar no que as familias poden reflexionar sobre o futuro dos seus fillos e fillas, coñecendo en directo experiencias e posibles saídas laborais”, explica a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila.

Durante dous días o pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino converteuse nun escaparate de formación actual polo que pasou alumnado do IES Barral, IES Pedra de Auga, IES Salvaterra, CIFP A Granxa, IES Val do Tea, CPR Santiago Apóstol, IES Pazo da Mercé e CPI Mondariz.

Escola de Cantería de Pontevedra, Aula D, CIFP Manuel Antonio, CPR EFA A Cancela, CIFP A Granxa, Escola Oficial de Idiomas, Conservatorio Reveriano Soutullo, Escola de Imaxen e Sonido de Vigo, EISV, Escola Superior de Deseño Goymar e Crear Tex Moda, Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico e Escola Técnica de Xoiaría do Atlántico, Air Hostess, ACEIMAR, IES Pedra de Auga, ESADG, IES Pazo da Mercé, IES Recardo Mella, IES Salvaterra, CIFP Valentín Paz Andrade e O Garaxe Hermético tiveron os seus propios stands nesta cuarta edición da feira, conformando unha ampla oferta formativa á que poder optar. “En moitas ocasións mozos e mozas non saben a que queren dedicar a súa futura faceta laboral porque descoñecen o amplo abano de opcións que teñen na súa man. Con esta feira conseguimos abrirlles os ollos e achegalos a saídas formativas moi interesantes e sorprendentes”, explica a rexedora.

O Concello quere agradecer unha vez máis a implicación e o esforzo de todos os centros formativos que participaron na Feira expoñendo e de todos aqueles institutos que apostaron por visitala co seu alumnado.