Mércores, 11 Decembro de 2024

A Deputación respalda un ano máis a Festa da Arribada de Baiona

A institución apoia con 8.000 euros o evento, que transformará a vila nun burgo medieval entre os días 4 e 6 de marzo para conmemorar a chegada da Carabela Pinta en 1493

A Festa da Arribada, que entre os días 4 e 6 de marzo transformará Baiona nunha vila medieval para conmemorar a chegada da Carabela Pinta en 1493 coa nova do Descubrimento de América, volverá a contar un ano máis co apoio da Deputación de Pontevedra. A institución provincial apoiará con 8.000 euros o evento, declarado de interese turístico internacional en 2015 e consolidado como un dos grandes reclamos festivos do territorio.

A Deputación salienta o gran atractivo histórico e cultural que constitúe a Festa da Arribada, que camiña xa pola súa vixésimo sexta edición, e resalta a súa importancia como motor turístico do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia. O obxectivo da institución provincial é acadar ano tras ano a maior difusión da festa para dar a coñecer o feito histórico que supuxo a chegada da Pinta baixo o mando do capitán Martín Alonso Pinzón, o que converteu Baiona no primeiro porto de Europa Occidental en ter coñecemento da existencia doutro continente.

A Arribada, que volve este ano tras o parón obrigado pola pandemia e que se celebrará con todas as garantías sanitarias, é unha cita imprescindible no calendario festivo da provincia e atrae a milleiros de persoas a Baiona procedentes de lugares dentro e fóra das Rías Baixas. Traxes medievais, oficios de artesáns, postos de comida, actuacións en rúas e prazas… a vila trasládase a 1493 durante tres días para celebrar por todo o alto o acontecemento histórico. O evento contribúe ademais á desestacionalización do turismo máis aló da tempada estival, un dos obxectivos da Deputación, que promociona a provincia como destino turístico os 365 días do ano pola súa riqueza paisaxística, patrimonial, cultural, gastronómica e termal.

A Festa da Arribada é unha das seis citas declaradas de interese turístico internacional da provincia. Comparten esta distinción a Feira do Cocido de Lalín, as alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas, a Festa do Albariño de Cambados, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), e a Romaría Viquinga de Catoira. A Deputación apoia ano tras ano os seis eventos, ao igual que as festas de interese turístico nacional e todos aqueles acontecementos festivos que contribúen á promoción do territorio.