10.5 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán fará unha achega ao fondo galego para reforzar a limpeza nos...

    Nigrán fará unha achega ao fondo galego para reforzar a limpeza nos campamentos de refuxiados saharauis

    O goberno local consignará no pleno do luns estes cartos do Remanente para mellorar o servizo de recollida de lixo e a sensibilización ambiental

    O Concello de Nigrán achegará ao Fondo Galego de Cooperación e Solidaredade 10.000 € para o proxecto de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria) tras visitar o alcalde in situ o territorio a semana pasada e detectar esta necesidade urxente. Deste xeito, a asociación municipalista contará finalmente con 25.000 € en total para este cometido e non os 15.000 € previstos inicialmente, o que permitirá ampliar a duración do proxecto ou aumentar o número de persoas contratadas, segundo a contraparte saharaui considere máis beneficioso.

    O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, asinou esta fin de semana o convenio de colaboración coa gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, e co delegado da República Árabe Saharauí Democrática en España, Abdulah Arabi. No acto participaron autoridades locais e membros da sociedade civil saharauí, xunto con representantes dos concellos de Gondomar, Cambados e de Tui, que tamén están valorando a posibilidade de contribuír á cooperación coa RASD. Juan González destacou “a importancia de coñecer as necesidades sobre o terreo para realizar unha cooperación internacional eficaz”, mentres que a gobernadora agradeceu o apoio e a visita da delegación galega, que “á volta se converterá tamén en altofalante da inxustiza que sofre este pobo”.

    Os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador beneficiaránse do proxecto ‘Nadafa’, que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes. Dunha banda, mellorarase o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa, especialmente elementos de protección como máscaras e guantes, que tamén se lles facilitarán á veciñanza que participa nas campañas voluntarias de limpeza. Por outra parte, intensificaranse as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 escolares, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiarase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna.

    A formulación deste proxecto produciuse no marco da visita aos campamentos organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e a Delegación Saharauí para Galicia, na que participaron, entre outros, representantes políticos, persoal sanitario e familias do programa Vacacións en Paz, que se retomará este verán. Nesta estancia, a delegación foi recibida polo Primeiro Ministro, Bucharaya Hamudi, quen salientou como “o apoio dos municipios e outros axentes da cooperación descentralizada mitigou a caída dos fondos estatais e internacionais provocada pola pandemia”. Tamén a ministra de Cooperación, Fatma El-Mehdi, apuntou a importancia do movemento solidario e dos irmandamentos cos concellos, alén de sinalar que “o convenio asinado co Fondo Galego permítenos planificar a máis longo prazo e responder a necesidades reais”.

    O propio presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán tivo a oportunidade de comprobar como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos, amais de compartir unha xornada de limpeza voluntaria cun grupo de mulleres na Daira de Akti, entre as que se atopaba a propia alcaldesa, e de visitar a emisora de radio. Nos derradeiros días de estancia, a comitiva galega acudiu a un centro para cativos con discapacidade e ao Hospital Nacional. Tamén se reuniu coa ministra de Sanidade, Jira Bulahi, quen indicou que “hai 427 persoas á espera de seren evacuadas para tratamentos no exterior, das que 128 son menores”. Por último, percorreron as instalacións da Dirección Xeral de Equipamento e puideron coñecer de primeira man o traballo da Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas.

    “Esta viaxe non só nos fará ser mellores persoas, senón tamén mellores alcaldes e alcaldesas”, valorou Juan González ao remate da misión. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta por unha saída dialogada ao conflito que obrigou á poboación saharauí a refuxiarse en Alxeria. Esixe que Marrocos cumpra o Plan de Arranxo subscrito en 1990, coa celebración do referendo de autodeterminación acordado, e que tanto a comunidade internacional como o Goberno español estean á altura dos compromisos adquiridos.

    O Fondo Galego

    O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.