Cultura, lecer e música para homenaxear a Rosalía de Castro no Rosal. O vindeiro domingo 27 de febreiro, o grupo internacional de cantareiras galego-belgas Ialma subirase ao escenario do auditorio municipal rosaleiro nun concerto no que darán a coñecer ao público un proxecto “como o de Rosalía, un horizonte de esperanza”.
Composto por catro cantareiras fillas da emigración nadas en Bruxelas concienciadas coa esencia máis tradicional, a contemporaneidade e a fusión das culturas, Ialma reflicte nos seus traballos a súa propia historia e a de tantos inmigrantes. Ás súas costas levan xa máis de 20 anos percorrendo o mundo polos mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Dende Ortigueira ata Castrelos, dende Marrocos ata Taiwán ou Canadá ou incluso Eurovisión da man dunha das súas integrantes, Verónica Codesal.
Con sete discos no mercado, Ialma estará no Rosal con cancións do exilio, con alento cheo de diversidade en forma de cantareiras. Música de raíz galega cunha ollada futurista, adaptada aos novos tempos tanto en temática como en ritmo, con temas profundos e sentimentais que conviven con outros máis festivos e bailables para homenaxear a Rosalía de Castro.
O concerto celebrarase a partir das 19.00 horas con entrada libre ata completar aforo.