Martes, 29 Abril de 2025

Nigrán abre este venres a programación do Entroido co espectáculo ‘Mamá&Monólogos’

Media ducia de agrupacións cun total de 410 participantes protagonizarán o desfile do sábado ás 21:00 horas

O Concello de Nigrán abre este venres ás 20:00 horas na Praza do Concello a programación do entroido co espectáculo ‘Mamá&Monólogos’ do recoñecido transformista Cristian de Samil. Ao día seguinte, sábado 26 de febreiro, el mesmo presentará o tradicional desfile de comparsas, que recupera o formato habitual tras a edición telemática do ano pasado por mor da pandemia. En total, participarán media ducia de agrupacións con 410 participantes en total, sendo a máis numerosa LDanzia de Gondomar con 115 persoas seguida de Asociación Os Da Casa de Vigo (80), C.C.R Parada do Miñor (61, a única de Nigrán), Luces de Tomiño (60), ‘O Millor de Cada Casa de Vincios’ (52) e ‘CCD A Merced de Chaín’ (42).

O desfile, como é habitual desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial, arrancará coa batucada de ‘Bate no Cobre’ ás 20:30 horas e desde as 21:00 as comparsas sairán segundo a clasificación do sorteo que se celebrará mañá ás 12:00 no salón de plenos. As actuacións se desenvolverán á altura da casa consistorial. O xurado dará o fallo ao remate do evento tendo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa.

O luns 28 de febreiro será o turno dos máis pequenos con contacontos e baile de entroido desde as 17:00 no Auditorio Municipal. A programación finaliza o sábado 12 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado a continuación no Torreiro de Parada.