A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou na mañá de onte a instalacións do CEIP Alexándre Bóveda en Angorén, Chapela, onde se están a desenvolver diversas actividades promovidas polo Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística, para conmemorar o Día de Rosalía.
Logo dunha reunión do departamento de normalización lingüística do centro, a rexedora local visitou o centro escolar onde compartiu un tempo cos alumnos e alumnas que amosaron á alcaldesa os traballos realizados para conmemorar esta data significativa para as letras galegas.
Así, os máis pequenos ensinaron, con orgullo, o traballo realizado con retratos de Rosalía de Castro colocados nun mural e das camelias realizadas nas actividades de manualidades coas que tamén conmemoran a xornada.
Aproveitou Digna Rivas a súa visita ao CEIP Alexándre Bóveda para coñecer de preto diversas iniciativas que desenvolve o centro, como é o caso da horta escolar, unha actividade que, tal e como puntualizou a alcaldesa, “está demostrado que serve para potenciar o traballo en equipo, fomenta o coidado do medio ambiente e contribúe a inculcar hábitos de alimentación sa e saudable”.
Finalmente, a alcaldesa de Redondela aproveitou a súa escancia no colexio para visitar o comedor escolar adobiado cos manteis Caldo de Gloria, que lembran o poema ‘Miña casiña, meu lar’ de Follas novas e que foron doados ao Concello pola Deputación de Pontevedra para a súa distribución nos centros escolares do municipio.
Digna Rivas subliñou “o entusiasmo, ilusión e creatividade” que nos nenos e nenas estaban a amosar nesta iniciativa e o “interese espertado pola figura de Rosalía de Castro”. Nese sentido, a rexedora redondelá recalcou a importancia que ten “a difusión da figura de Rosalía entre os e as máis pequenas de cara a manter vivas as nosas letras e a nosa cultura a través das mulleres e homes que as fixeron grandes”.
As actividades continuarán nos colexios durante estas vindeiras datas de cara a dar continuidade á unha xornada que hoxe, 23 de febreiro ás 18 horas, ten o seu acto institucional na Alameda Rosalía de Castro de Chapela, onde terá lugar unha ofrenda floral no monumento que lembra a ilustre poetisa e novelista que, xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez, é unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento Galego.