Martes, 29 Abril de 2025

A Cañiza instala no CEIP de Valeixe “a escaleira da igualdade”

A piques de celebrar a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Cañiza continúa coa labor de concienciación e promoción da igualdade; apostando  porque a igualdade  sexa un tema trasversal en todas as accións municipais.

Continuando con esta labor de sensibilización e dando continuidade a acción realizada no CPI de A Cañiza o pasado 18 de novembro, esta semana quedou colocada no CEIP de Touzosas – Valeixe  «a escaleira da igualdade» que recolle   exemplos das mensaxes que como sociedade igualitaria debemos inculcar e ter presentes na educación das nosas nenas e nenos. Transmite os principios dunha sociedade tolerante, inclusiva e igualitaria e pretende servir de material de reflexión para todo o alumnado dos centros educativos e de material de traballo para o profesorado.

O Concello continuará traballando de cheo neste eido, poñendo especial atención na importancia da formación, da concienciación e da prevención dende a infancia, tanto dende o ámbito da familia como dende o contexto escolar.