Novos pasos para que a nova depuradora de Ponteareas sexa unha realidade. O consello de administración de ACUAES (Aguas de las Cuencas de España), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, aprobou este martes os pregos de licitación do contrato para a redacción do proxecto, execución e posta en marcha das obras de mellora e ampliación da estación depuradora da Moscadeira, unha intervención que suporá un investimento total de 14,1 millóns de euros.
O Concello amosa a súa satisfacción polo avance dunhas obras “imprescindíbeis para solucionar dous grandes problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento do rural”, como salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. A rexedora sinalou que “será o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións, nos que acadamos o compromiso de Estado e Xunta nun exemplo de colaboración institucional e de entendemento en beneficio da nosa vila”.
Trátase dunha intervención declarada de interese xeral que permitirá a mellora do saneamento e depuración do municipio, poñendo fin ás verteduras que actualmente padece o río por falta de capacidade da rede de colectores. As actuación será financiada ao 50 % polo Estado a través de fondos europeos FEDER, ao 30 % polo Concello e ao 20 % pola Xunta.
Xunto coa ampliación e reforma da EDAR da Moscadeira, as obras contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora.
O Goberno municipal do BNG-PSOE salienta que esta obra de mellora e ampliación “suporá un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareá, deseñado para pouco máis de 10.000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16 000, traballando por enriba da súa capacidade”. Coa execución destas obras ampliarase a capacidade de tratamento da depuradora a 20 000 habitantes, o que permitirá rematar coas verteduras e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.
Por outra banda, o Concello traballa de xeito paralelo no proxecto dunha nova depuradora que permita atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que tecnicamente non poden empregar a depuradora da Moscadeira.