Luns, 9 Xuño de 2025

A Asociación Mulleres Salgadas formará ás traballadoras do mar en competencias dixitais

Axudar ás mulleres do mar a acadar competencias dixitais é o obxectivo das accións formativas que vai desenvolver este verán a Asociación Mulleres Salgadas da man da Deputación de Pontevedra. Trátase dun proxecto formativo con dous cursos enfocados á integración das mulleres do sector nas novas tecnoloxías que, como destacou Carmela Silva, “hoxe son clave” para acadar o reto da transformación dixital. A presidenta provincial compareceu xunto á presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, e outras representantes do colectivo, Celia Herbón, Sandra Amézaga, Mar Ambroa, Puri Díaz, Marina Buceta, Ángela García e Teresa Ameneiro, e quixo destacar o papel que está a xogar esta asociación, que agrupa a 1.600 galegas, para visibilizar ás mulleres do mar e conseguir que “teñan voz e voto á hora de tomar decisións no sector pesqueiro”.

“Que transformación dixital imos facer se as persoas non teñen estas competencias? –preguntou Carmela Silva-. É esencial que o conxunto da sociedade as teña. Hoxe a firma electrónica é algo normal dentro do sector privado e da súa relación coa administración pública. E con este convenio imos conseguir que as mulleres do mar teñan esas destrezas”. A presidenta anunciou que a Deputación continuará esta liña de colaboración con Mulleres Salgadas,  primeira e única asociación de traballadoras do mar de ámbito galego. “Hai que recoñecer o papel que están a xogar estas mulleres para acadar capacidade de decisión e de visibilización na relación con todas as administracións –dixo-. Son mulleres das que sentirnos orgullosas, herdeiras doutras que sempre traballaron no mar, invisibilizadas e silenciadas, e sen ocupar o espazo que requirían. Pero agora estas mulleres non van deixar que ninguén máis as cale; falan alto e claro e son visibles”.   Destacou tamén o deseño do cartel dos cursos realizado por Puri Díaz, que racha cos estereotipos das traballadoras do mar, “porque son mulleres empoderadas, modernas, potentes e libres e este deseño xoga un papel importante.”

Como explicou a presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, serán dous os cursos que se celebrarán entre xuño e agosto. Un deles leva por título Alfabetización dixital +55, “que busca que estas mulleres non se sintan desprazadas por non ter estes coñecementos”. É, polo tanto, un curso básico orientado ás mulleres de estas idades que as axudará a familiarizarse con cuestións como a creación do correo electrónico, a videochamada, navegación por Internet ou a banca electrónica. O segundo curso éParticipación cidadá a través de tecnoloxías dixitais, e será de iniciación, co obxectivo de mostrarlle ás participantes ferramentas prácticas na vida cotián relacionadas coas novas tecnoloxías, con conceptos como a acreditación dixital, xestións telemáticas básicas, notificacións ou sede electrónica entre outros.  

Serán un total de dez sesións, cinco de cada un dos cursos, que se celebrarán nos concellos de Vilanova, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove e Vilagarcía en horario de tarde e que teñen un máximo de dez prazas cada un. En xuño e xullo celebrarase o curso de Alfabetización dixital +55 (20 e 27 de xuño e 4 e 11 de xullo en Vilanova; 21 e 28 de xuño e 5 e 12 de xullo en Cambados; 29 de xuño e 6,13 e 20 de xullo na Illa; 23 e 30 de xuño e 7 e 14 de xullo no Grove e 24 de xuño e 1, 8 e 15 de xullo en Vilagarcía), mentres que o de Participación cidadá a través das tecnoloxías dixitais será en agosto (1,8,22 e 29 en Vilanova; 2,9,16 e 23 en Cambados; 3, 10, 17 e 24 na Illa; 4, 11, 18 e 25 no Grove e 5, 12, 19 e 26 en Vilagarcía). Para os primeiros as inscricións comezan mañá venres 10 de xuño, mentres que para os de agosto se abrirán o 22 de xuño e as interesadas poden facelas no enderezo electrónico [email protected].

Ponteareas recupera a normalidade cun Corpus cheo de música, actividades e recendo a flores

Ponteareas xa ole a Corpus. A vila prepárase para volver celebrar a súa festa grande con total normalidade, coas súas alfombras florais ao 100 %, moita ilusión e unha ampla programación na que música, actividades e recendo a flores serán as grandes protagonistas.

“Despois de dous anos atípicos recuperamos o ambiente tradicional desta festa con máis de 165 anos de historia. Ilusiónanos que a festividade das semanas previas volva ás nosas rúas, gozar dos portais cheos de veciños e veciñas esfollando as flores e preparando todo o necesario para crear verdadeiras obra de arte efémero e da ledicia contaxiosa de traballar toda a noite para plasmar eses debuxos que sempre nos sorprenden e dos aromas que tantos sentimentos espertan en todas e todos nós”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.  A rexedora convida a veciñanza e visitantes a experimentar a festa grande de Ponteareas dende os días previos.

A programación comezará esta mesma fin de semana con varias actividades relevantes. Así, o venres 10 de xuño terá lugar a tradicional presentación da revista Pregón ás 20.30 h na sala multiúsos do auditorio municipal amenizada pola música de Zeus Alfaya e Serghei Maximov. Xa o domingo 12 de xuño, tras a inauguración da exposición ‘Corpus en flor’, a musicóloga ponteareá Esther Sestelo Longueira lerá o pregón do Corpus Christi 2022. Será ás 13.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal e contará coa actuación musical do grupo Mallou.

Ese mesmo día comezará a animación musical nas rúas, que o domingo será a cargo do grupo folclórico da Casa Cultural de Areas, o luns 13 do grupo Senfol, o martes 14 de Os Muíños de Oliveira, o mércores 15 de Pedra da Garza, o xoves 16 do grupo folclórico San Salvador de Padróns e o venres 17 da agrupación folclórica Algazara. Todas as actuacións comezarán ás 20 h e percorrerán os distintos portais alfombristas.

A fin de semana grande da nosa Festa de Interese Turístico Internacional arrancará o propio venres 17 co concerto da Banda de Música Reveriano Soutullo ás 21.30 h na Praza Fernández Vega. Será a antesala a dous días cheos de alfombras, traballos e moita ilusión. Na tarde do sábado 18 comezarán os traballos de confección das diferentes pezas de arte floral, que durante a noite estarán acompañados de animación musical en diferentes puntos da vila.

Xa o domingo 19 ás 10.30 h terá lugar a recepción de autoridades na Casa do Concello coa Agrupación Musical Nosa Sra. do Carme, que ás 12.30 horas acompañará a tradicional procesión do Corpus Christi. Pola tarde a música, a ledicia e a cor volverán encher as rúas dende as 19.00 h co tradicional desfile de carrozas e a batalla de flores. A música regresará ás 21.30 h co concerto de Leilía na Praza Bugallal, e a xornada rematará coa verbena a cargo da orquestra Saudade, dende as 23 h na Praza Maior.

O luns 20, festivo local, a festa comezará ás 12.00 co tobogán acuático xigante na rúa Braña, do que se poderá gozar ata as 20.00 horas. Ás 17.00 horas haberá animación infantil no centro urbano e ás 20.00 horas celebrarase a ofrenda floral diante do Monumento ao alfombrismo en memoria das e dos ponteareáns que tanto se implicaron na celebración da festa grande de Ponteareas. A entrega de medallas do Corpus no parque da Feira Vella ás 21.00 h, a animación musical no centro urbano e a verbena a cargo da orquestra Tango ás 22.30 h na Praza Maior porán o broche de ouro a unha celebración que converterá un ano máis a Ponteareas en referente mundial da arte floral efémera.

A Xunta ignora necesidades dos colexios de Redondela mentres inviste en concellos afíns coa metade de centros escolares

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, considera inaceptable que a Xunta “ignore por completo” as necesidades dos colexios públicos do municipio cando, ao mesmo tempo, “inviste en concellos afíns que contan coa metade de centros escolares”. Para a rexedora local “é impresentable” que a Consellería anuncie o investimento de máis de medio millón de euros en tres CEIP de Mos, con menos da metade de colexios que Redondela, “mentres segue a incumprir os compromisos adquiridos co Concello redondelán”.

“Non se trata do que outros teñan ou deixen de ter –aclara Digna Rivas– trátase do que a nós nos corresponde con 30 000 habitantes e como cuarto municipio da provincia, e mentres municipios do PP como Mos, coa metade de habitantes teñen tres escolas infantís a Redondela segue negándoselle a segunda”.

Digna Rivas lembra que en senllas reunións mantidas co Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares no 2019 e coa Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, en maio do 2021, trasladóuselle á Xunta de Galicia a situación dos colexios de Redondela, case que todos con case que medio século de antigüidade, e acadárase o compromiso de establecer un calendario para acometer as obras demandadas”.

Rivas lembra que nas anteditas reunións, “a Xunta comprometeuse a dar solución, o máis rápida posible, aos temas propostos que respondían a necesidades concretas de cada un dos centros escolares”. De feito, na primeira reunión, falouse de establecer un calendario de traballos “a través de reunións entre técnicos da Xunta e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, reunións que nunca chegaron a celebrarse”, matiza a alcaldesa.

“O cumprimento dos compromisos que adquire un Goberno, e máis no caso da Xunta como representante de todos os galegos e galegas, debe estar fora de toda dúbida”, sentencia a alcaldesa de Redondela quen considera que “sería lamentable” que a realización das obras comprometidas co Goberno local estivese a atrasarse “deliberadamente á espera que se aproxime o período electoral e poder anunciar o seu candidato, a bombo e platillo, o inicio das mesmas culpando ao Goberno local do que, nese caso, sería unha actitude sectaria e claramente partidista do Goberno galego”.

“Se o PP de Redondela preocupásese tanto polo benestar da cidadanía como anuncian, terían que preguntar aos seus compañeiros de Santiago o porqué de manter as instalacións escolares do municipio, co prexuízo que iso supón para todos e todas as escolares, nas condicións en que as teñen. En lugar diso, prefiren manter un silencio cómplice a procura de acadar unha dubidosa rendibilidade electoral”.

Das obras “de realización urxente” que se puxeron sobre a mesa na reunión co Xefe Territorial de Educación no 2019, o falso teito do CEIP de Angorén está a medio facer; o peche da pista de Cedeira “dixeron que o ían facer, pero sen establecer data algunha”; o cambio das ventás do colexio de Cesantes “as farán cando remate o curso, dous anos e medio despois de terse comprometido” e na reforma integral do colexio de Reboreda “van dando cartos aos poucos e a dirección decide as obras a realizar, cando o desexable sería facer a remodelación total que o centro precisa”, di Digna Rivas.

De outras obras, como a pista cuberta do IES Chapela, a ampliación do patio do CEIP Laredo, a ampliación do IES Pedro Floriani ou a retirada do amianto da cuberta nese centro e no CEIP de Cedeira “non se ten noticias nin asemella que se vaia adoptar solucións”.

Solicitude de permiso para as fogueiras de San Xoán na Guarda

0

Ante a proximidade da celebración da Noite de San Xoán, dende a Policía Local da Guarda infórmase que todos aqueles que desexen facer unha fogueira deberán solicitar o permiso nas súas oficinas da Praza do Reló.

Ademais, póñense a disposición dos guardeses e guardesas que teñan dúbidas sobre como e onde se poderán facer estas fogueiras.

Dende o Concello da Guarda agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas da vila para entre todos desfrutar da noite e facer dela unha festa segura.

A praia de Maceira, en Covelo, obtén a excelencia na calidade das súas augas

0

A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello de Covelo a calidade das augas de baño da praia fluvial de Maceira que, novamente, recibe a calificación de “excelente”.

Un ano máis a praia de Maceira obtén a calificación máis alta e colga o cartel da excelencia na súa contorna.

Ademais, a praia de Maceira volverá estrear tempada estival como “Praia sen fume” co obxectivo de protexer ás persoas dos prexuízos que ten para a saúde o fume do tabaco. Esta medida contribúe tamén na redución do consumo desta substancia .

O goberno de Covelo segue apostando pola promoción de hábitos de vida saudable, o respeto ao medio ambiente e a oferta de espazos públicos de calidade, de acordo cos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A praia de Maceira é un espazo de lecer de máis de catro hectáreas e media. Esta praia é un dos principais atractivos turísticos do concello sendo un dos espazos máis visitados. A praia fluvial, unha ampla zona verde para o descanso, mesas e asadores, aseos públicos, un cámping, restaurante no que gozar da boa gastronomía local, quiosco, área lúdica e deportiva e aluguer de xogos acuáticos son algúns dos servizos que se poden atopar.

O río Tea nace na serra do Suído, no concello de Covelo, e desemboca no Baixo Miño, no concello de Salvaterra de Miño. No seu camiño, pasa polos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e Ponteareas.

No concello de Covelo, o río aínda se atopa no seu tramo medio-alto e as augas son cristalinas e ben osixenadas. O río Tea é especial porque é un dos ríos mellor conservados do sur de Galicia en canto ás súas augas, ás súas ribeiras e á súa continuidade. Como hábitat acuático, sostén unha das comunidades de peixes máis diversas de Galicia, http://www.concellodecovelo.es/integra/?sec=rio_tea.

Nigrán volve a ofrecer o programa ‘Música nas parroquias’

0

O Concello de Nigrán ofrece ‘Música nas Parroquias’ por terceiro ano consecutivo, un programa municipal que servirá para colaborar na celebración de todas as festas patronais do municipio, moitas delas organizadas ao 100 % desde o consistorio ao non terse constituído comisións. Destes cartos, a Deputación de Pontevedra achegará 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos. Igualmente, o Concello amplía a súa axuda ás verbenas aportando unha orquestra e un trío a cada evento.

Así, este programa municipal arrancará o sábado 11 de xuño para celebrar o Santísimo Cristo da Victoria en Chandebrito, onde ofrecerá unha actuación do Trío Xtra e Orquesta Alkar a partir das 22:30 horas e, ao día seguinte, a Agrupación Musical de Belesar realizará un pasarrúas e concerto a mediodía despois da Misa. As seguintes citas serán San Xoan de Panxón o 24 de xuño, San Pedro da Ramallosa o 29 de xuño, Santiago de Parada o 25 de xullo, O Carme de Lourido o 31 de xullo, San Fiz de Nigrán o 1 de agosto, Virxe das Angustias de Nigrán o 21 de agosto, San Roque de Camos o 24 de agosto e, finalmente, Bo Xesús de Priegue o 4 de setembro.

“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese a ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desprega todo o seu territorio en Portugal

0

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño dá o salto ao país veciño na súa promoción. Autoridades galegas e lusas mantiveron este mércores un encontro no WOW Porto de Vila Nova de Gaia con influencers e representantes de axencias de viaxe e empresas do sector para presentar o territorio “nunha rexión que levan toda a vida visitándonos e sentíndose como na súa casa, como nós nos sentimos aquí”.  “Somos punto de encontro, mestura e intercambio cando as fronteiras eran máis evidentes e hoxe somos un espazo de colaboración, de iniciativas comúns e aprendizaxe mutuo. E as eurocidades son un bo exemplo diso”, salientou Sandra González, presidenta da AD Galicia Suroeste Eurural.

Un espazo común no que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quere dar a coñecer de forma máis profunda a súa paisaxe, a súa enogastronomía ou os seus tramos do Camiño de Santiago. “Xuntos conformamos un destino turístico único co norte de Portugal, e así debemos trasladalo. Animo a todas e todos os profesionais do turismo a que afondedes nesa colaboración, que creedes unha oferta conxunta para o turismo externo e que estimuledes aínda máis ese turismo de curtas estancias”, recalcou a presidenta durante o acto.  

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, resaltou “a importancia de dar a coñecer o atractivo turístico destes 14 concellos do sur de Galicia aínda máis no noso país veciño”. Un país no que as e os lusos síntense como na casa, como sinalou Inácio Ribeiro, vicepresidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, que quixo facer fincapé na intensa relación histórica entre Galicia e Portugal, tamén a nivel turístico.

Pola súa banda, Juan A. González, representante institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e alcalde de Nigrán, promoveu a organización de máis encontros como o celebrado no WOW Porto para intercambiar ideas e atopar espazos de colaboración entre autoridades e empresas do sector turístico. “Temos moito en común e moito que ofrecer conxuntamente. Iso representa una oportunidade que xa estamos a aproveitar, pero na que aínda queda moito camiño por percorrer”, asegurou.

Durante o encontro presentáronse as campañas do Xeodestino ‘Toda Galicia na túa man’ e ‘Mulleres do Camiño de Santiago’. Precisamente as mulleres protagonistas da último vídeo promocional foron as encargadas de contar a importancia que este elemento ten no turismo do territorio do Xeodestino e o importante vínculo que xera co país veciño, xa que Oporto é “una importante porta de entrada para o noso camiño”, aseguraban Mar Rodríguez de Tee Travel; Vanessa Ferreira, da Fundación Pazo de Mos; Lucía Fragata, técnica de turismo de Baiona; e Rosalía Verde, de Turismo da Guarda. Porque como sinalou Fragata, “para municipios pequenos como os nosos o Camiño marcou un antes e un despois. Axudounos a loitar contra a desestacionalización e abriunos a turistas estranxeiros que doutro xeito non terían chegado ata nós. Xente de Europa, de Canadá, de Estados Unidos… que pasan polos nosos municipios e que logo volven”.

Neste encontro tamén participaron responsables das cámaras municipais de Valença, Ponte de Lima, Vila do Conde e Gondomar, así como Carlos López Font, deputado provincial da Deputación de Pontevedra; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Carlos Gómez, rexedor de Baiona; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar;  Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Alejandro Lorenzo, rexedor do Porriño; Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; Rocío Goberna, concelleira de Gondomar; Cristina Dosil, edil de Nigrán; Eloísa Nogueira, tenente de alcalde de Pazos de Borbén; María Castro, concelleira de Redondela; Cristina González, edil de Soutomaior; e Ana Núñez, concelleira de Tui.

O acto rematou cun menú degustación elaborado pola Xanela Gastronómica no que todas as persoas presentes puideron desfrutar da enogastronomía do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño cun menú con produto local de calidade tanto nas diferentes tapas como nos doces, nos viños con denominación de orixe ou nos cócteis. Así puideron degustar salpicón de langosta da Guarda e pan de gamba; steak tartar de cachena da Serra do Suído; tramenzinno de pan do Porriño; anguía do Miño crunchy; ameixa da ría á mariñeira; ostra de arcade ao pil-pil e a súa perla lima e limón; arroz black de choquiños de Redondela na súa tinta e alioli; pulled pork de xabaríl, pan de brioche, salsa de xema e crocante de tempura  ou torrada de rosca do Val Miñor superhúmida á sarten, xeado de iogurt e escuma de faba tonka entre outras delicias.

Ponteareas contratará a 12 persoas en situación de risco ou perceptoras da RISGA

O Concello de Ponteareas iniciará o proceso de selección para contratar a 12 persoas en situación de risco ou perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) para o desenvolvemento de traballos de mellora dos espazos de utilidade pública e a implementación de servizos de interese social, o que beneficiará a toda a veciñanza. Serán en total 9 persoas para o posto de peón de medio ambiente, 2 que traballarán como auxiliares administrativas e unha para desenvolver tarefas de limpeza que se incorporarán aos seus postos a partir do vindeiro mes de xullo.

“Xerar emprego é un piar básico para conseguir o benestar das familias ponteareás. Nese camiño para nós é fundamental poder volver incorporar ao mercado laboral a persoas desempregadas, moitas delas que levan moito tempo buscando un traballo”, asegura a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández Soage.

Para estas contratacións o Concello conseguiu unha subvención de case 128.000 euros da Xunta de Galicia para fomentar a empregabilidade a través de adquisición de experiencia profesional de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral ou en risco de exclusión social.

Aínda que con esta axuda a Xunta subvenciona a contratación de ata o 75 % da xornada laboral, o Concello asumirá por primeira vez con fondos propios o 25 % restante para que todos os postos sexan a xornada completa. Deste xeito, “melloramos e garantimos as condicións de traballo de cada unha das persoas contratadas, facilitando do mellor xeito posible o acceso ao mercado laboral de persoas nunha situación máis desfavorecida e mellorando ao mesmo tempo os servizos municipais e os espazos públicos”. 

Poderán participar no proceso de selección persoas perceptoras da RISGA inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Terán preferencia aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, as maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

Emotivo recoñecemento ás protagonistas de ‘Ostras. O Peche do mar’

0

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy presentou o pasado sábado na illa de San Simón o documental ‘Ostras. O Peche do mar’. O acto contou con 300 persoas que encheron o auditorio e, entra elas, algunhas das protagonistas deste capítulo da historia de Redondela acontecido na praia de Cesantes entre finais de 1955 e inicio de 1956.

Naquel período, en plena ditadura, intentouse a creación dun parque ostrícola, que atopou a oposición da veciñanza e estivo liderada polas mariscadoras, principais afectadas da parcelación do areal, xa que era unha fonte de ingresos fundamental nun tempos duros. Ante as 300 persoas que acudiron a presentación, entre elas a alcaldesa da Redondela Digna Rivas entre outras autoridades, atopábanse protagonistas directos daqueles feitos e familiares de mariscadoras que, desgrazadamente, xa finaron. Un dos momentos máis emotivos foi a entrega dunha agasallo conmemorativo a todos eles. Tamén recibiron o detalle os membros do CSIC, que colaboraron na elaboración do documental con testemuñas e a aportación de documentación chave, e o director Fernando Carreira ‘Cuchi’.

O programa comezou co traslado ata San Simón. A chegada actuou o grupo de gaitas Airiños de San Simón do CCD de Cesantes, que recibiu ós presentes. Durante o acto de presentación puxo a música o cuarteto de corda Camerata da Ría. Interviñeron Manuel López (documentalista do documental) e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Pasouse a peza audiovisual e despediuse a todos os participantes.

Nos vindeiros meses, o Obradoiro de Estudos Locais realizará máis presentacións de ‘Ostras.O Peche do mar’ en Redondela xa que moitos interesados non puideron acudir a San Simón porque se esgotaron as 300 prazas dispoñibles. O documental xa está a venda nos puntos habituais ó longo do municipio para todas as persoas que desexen adquirir unha copia. Este é o terceiro documental do Obradoiro Fernando Monroy.

Talleres de Primeiros Auxilios para participantes e cans do Proxecto “Vincúlate”

0

Protección Civil Val Miñor e a Clínica Veterinaria “Los Tendales” colaboraron co Proxecto “Vincúlate” do Concello de Baiona.

AVPC Val Miñor impartiu un taller de primeiros auxilios ás persoas participantes do proxecto. Mentres que a clínica veterinaria, impartiu un taller de primeiros auxilios no que os protagonistas foron os animais que forman parte deste bonito proxecto.

O Proxecto Vincúlache, no que participan mozas e mozos de entre 4 e 18 anos, ten a súa base na terapia con cans que foron abandonados. Unha terapia onde a súa fórmula e obxectivo busca aumentar a súa confianza e axudar a mellorar as súas capacidades sociais e de comunicación.

O proxecto propón que apadriñen a un can, adéstreno e acompáñeno no proceso de acollida ou adopción por unha familia e durante este camiño, en paralelo e mediante o desenvolvemento dun programa de actividades,
os menores traballen a súa intelixencia e comunicación emocional.

Todo iso a través de “ADA”, entidade destinada ás intervencións asistidas con animais e a mellora da calidade de vida das persoas a través da súa relación coa contorna natural.
A función de Protección Civil Val Miñor, foi achegar os Primeiros Auxilios aos participantes do Proxecto Vincúlate. Dividíronse en tres grupos de idade para o exercicio, de 4 a 7 anos, de 10 a 13 e de 14 a 18 anos, desta forma puidemos adaptar cada formación ao seu rango de idade.

Ademais, entre grupo e grupo, dúas veterinarias da Clínica Veterinaria “Los Tendales” mostraron tanto aos participantes como aos voluntarios de AVPC Val Miñor primeiros auxilios que se poden chegar a realizar ás nosas mascotas en caso de ser necesario. Unha práctica moi interesante que pode chegar a salvar a vida ao noso mellor amigo.

Desde o Concello de Baiona quérese agradecer tanto a Protección Civil Val Miñor e a Clínica Veterinario “Los Tendales” a súa colaboración e aposta por este proxecto, xa que ofreceu unha actividade moi interesante ás persoas participantes do proxecto.

A Oficina Municipal de Turismo de Tui atendeu en maio 2.713 visitantes

0

O número de visitantes rexistrados na Oficina Municipal de Turismo durante o mes de maio foi 2.713, dos que 1.209 foron peregrinos (607 de procedencia internacional e 602 nacionais) e 1.504 turistas (1.216 nacionais e 288 de procedencia internacional). En total, o número foi algo inferior ao mes de abril, mes de Semana Santa no que hai un maior número de visitas.

O desglose do datos estatísticos permite comprobar como os 602 peregrinos españois procedían maioritariamente da Comunidade de Madrid (236),  e a moita distancia da propia provincia de Pontevedra (67), seguindo por Valencia (34), Barcelona (42), Cádiz (32), Sevilla (26), Las Palmas (20) …

Pola súa banda os 607 peregrinos de procedencia internacional atendidos na Oficina de Turismo tudense tiñan como orixe, en primeiro lugar, Alemaña con 196 peregrinos, seguidos por EEUU (79), Italia (74), Portugal (50) Reino Unido (43), Países Baixos (27), Brasil (19)…

No que atinxe aos turistas, dos 1.216 turista atendidos, 224 eran visitantes da propia provincia de Pontevedra, seguidos por turistas chegados dende Madrid (127), Baleares (115), A Coruña (93), Palencia (93) ou Biscaia (41)… Pola súa banda os 288 turistas internacionais que consultaron información na Oficina de Turismo eran oriúndos maioritariamente de Portugal (86) pero tamén de nacións mais distantes xeograficamente coma Países Baixos (58), Francia (27), Arxentina (26), EEUU (16), Alemaña (12) ou Canadá (10).

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos estatísticos, que recollen unicamente os datos de atención ao público da Oficina Municipal de Turismo, posúen un alto valor estimativo por canto reflicten o dinamismo do sector turístico tudense, que contribúe ao desenvolvemento socio-económico da cidade. Para Enrique Cabaleiro este  continuo incremento de visitantes e peregrinos é unha oportunidade para mellorar a calidade da oferta turística de Tui e traballar conxuntamente, o sector privado e as administracións públicas, para acadar unha alta satisfacción pola hospitalidade e os produtos ofertados aos nosos visitantes que favoreza o posicionamento da nosa cidade no ámbito turístico.

A oficina de turismo de Salvaterra consolida o seu crecemento

A Oficina de Turismo situada no parque da Canuda consolida a boa acollida dos seus servizos entre veciños e visitantes.

Esta nova Oficina de Turismo xunto ao parque público A Canuda, inaugurada no mes de agosto de 2021 e situada nun punto estratéxico da nosa vila, atende tanto as demandas que solicitan os/as usuarios/as do servizo gratuíto de bicicletas como os turistas que se achegan a buscar información turística sobre o noso concello de Salvaterra de Miño. Esta iniciativa de servizo gratuíto de bicicletas é exclusivo en Galicia e está moi valorado entre os usuarios que, na súa maioría son salvaterrenses e vigueses. A Semana Santa fíxose notar nesta Oficina xa que soamentes no mes de abril recibíronse 657 consultas, cifra que soamente corresponde aos sábados, domingos e festivos.

Debido á demanda de todos os usuarios, esta Oficina é a única do Condado-Paradanta aberta durante todo este ano e permanecerá aberta durante o mes de xuño cos mesmos horarios:

O horario da Oficina de Turismo é sábados, domingos e festivos de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.30 h.

O horario do servizo gratuíto de bicicletas é sábados, domingos e festivos de 10.00 a 13.30 h e de 16.00 a 19.00 h.

Festivos de xuño: luns día 13 e venres 24.

Para máis información diríxete ao teléfono 699.090.991 ou en [email protected]

A Xunta segue sen comunicar ao Concello a resolución sobre a subvención para contratar persoas desempregadas para labores de promoción turística

0

O Goberno municipal de Redondela que preside a socialista Digna Rivas lamentou “habitual dinámica do PP local de terxiversar as informacións coa clara intención de confundir e enganar á cidadanía” ao afirmar que o Concello perdera unha subvención de 18.000 euros para a contratación de socorristas e “delegue” esa función nunha empresa privada.

“O PP, como sempre, di o que lle interesa e cala o que non lle convén” afirma a alcaldesa redondelá quen explica que a subvención “non é so para seguridade nas praias (socorristas) senón, tal e como figura textualmente na convocatoria da Xunta de Galicia publicada no DOG para iniciativas “de fomento do emprego e mellora da empregabilidade”.

Engade a alcaldesa de Redondela que o Goberno optou por contratar cunha empresa o servizo de seguridade das praias para cubrir tan só o período estival “optando por solicitar a subvención para técnicos/as en promoción turística con contratos de seis meses que, amais de permitir o desenvolvemento de políticas de dinamización turística, ofrecen unha maior estabilidade laboral as persoas contratadas e que, por tanto, axústase aínda máis ao obxectivo de fomento do emprego e mellora da empregabilidade ao que fai referencia o propio Goberno autónomo”.

Lembra a alcaldesa de Redondela que “o fomento da empregabilidade é unha das prioridades deste Goberno” que este ano, por primeira vez, contratará o servizo de limpeza das praias do municipio durante a tempada de verán 2022 a través de Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e Empresas de Inserción nun claro intento, argumenta Digna Rivas “de contribuír activamente ás políticas de contratación pública inclusiva”.

O máis lamentable, afirma o Goberno redondelán, “é que a suposta denegación desta subvención siga sen ter resposta oficial por parte da Xunta quen, unha vez máis, ao Concello que é o representante lexítimo de todas e todos os veciños sen ningún tipo de distinción”.

No seu afán por desgastar ao Goberno caen os populares en flagrantes contradicións cando, por exemplo, aseguran que opta o Concello pola privatización do servizo de socorristas “delegando” nunha empresa ese cometido cando o PP, durante oito anos “delegaba” en empresas servizos básicos como o de rozado e limpeza de camiños e “tivo que ser o Goberno socialista o que preferiu que ese traballo o realizasen persoas desempregadas do municipio” apunta a alcaldesa Digna Rivas.

“Faría ben o PP preguntando aos seus compañeiros de partido en Santiago os motivos que levan a un Goberno, que se supón que é para todos e todas as galegas, a denegar sistemáticamente toda canta subvención se solicita dende o Concello de Redondela” asegura a rexedora local quen lembra que “buscar a rendibilidade política a través de manobras que prexudican a todas e todos os veciños é unha triste maneira de facer política”.

Transformación da estrada vella da ponte das Achas nunha vía adaptada ao modelo de sostibilidade da Deputación

0

O trazado antigo que discorre sobre a ponte románica das Achas sumarase ao modelo de mobilidade segura da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, visitou a zona, acompañada do alcalde, Luis Piña, do deputado de Cooperación, Santos Hector, e de integrantes da Corporación municipal da Cañiza para dar a coñecer o proxecto á veciñanza. A obra ten un orzamento de 411.016 euros, dos que a Deputación achegará o 70 % (287.711 euros) e o Concello asumirá o 30 % restante (123.405 euros). O convenio xa foi aprobado polo Pleno da Cañiza a finais do pasado mes e terá o visto bo da Deputación na Xunta de Goberno desta semana. Quedará así o camiño expedito para a aprobación do expediente de contratación e a licitación das obras.

A presidenta provincial salientou a necesidade de actuar nunha ponte cun “enorme valor patriomonial” como é a das Achas, que se atopa nunha situación “intolerable” e que tralas actuacións “volverá a ser a ponte que nunca debeu deixar de ser”. Neste senso, destacou a actuación do Concello ao poñerse en contacto coa Deputación para realizar esta obra, que é “moito máis ambiciosa do que estaba previsto”, ao actuar ademais na contorna deste ben patrimonial. Carmela Silva lembrou que para facer realidade este proxecto o Concello fixo un “ importante esforzo de xestión” ao traballar para a cesión dos 22 terreos afectados.

As obras permitirán que a Ponte das Achas “se amose en toda a súa beleza” e que a súa contorna se converta nun “espazo extraordinario para poder camiñar con seguridade e poder desfrutar e presumir dunha das pontes máis fermosas”. Carmela Silva tamén se referiu ao modelo de mobilidade da Deputación que sitúa ás e os peóns no centro que está a “revolucionar a provincia” e incluso está recoñecido pola Unión Europea. “O modelo conta co apoio dos alcaldes e alcaldesas sen distinción da súa cor política. Vemos como o mundo local pon por enriba de todo o benestar da veciñanza”.

Luis Piña puxo en valor que esta obra é unha “reivindicación e demanda do conxunto da veciñanza da Cañiza” e que vai alén desta “ponte histórica” ao realizar unha “actuación integral que afecta ao tránsito peonil e rodado en consonancia filosofía que defende a Deputación”. O alcalde asegurou que a institución provincial “aceptou todas as liñas que lle formulamos” en relación ao proxecto e agradeceu a Carmela Silva o seu apoio. “Sen lugar a dúbida es a mellor presidencia da Deputación no período democrático, aquí están os datos e os feitos”.

Peitoril de pedra para eliminar as varandas metálicas

A actuación de seguridade viaria e mellora da mobilidade peonil abrangue un treito de 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002 entre os núcleos rurais das Achas e da Ponte que, maioritariamente, transcorren polo trazado antigo. Ademais dunha actuación de seguridade ten tamén gran relevancia patrimonial pois inclúe a recuperación da ponte das Achas, que agora está asfaltada e conta con antiestéticas varandas metálicas. O viaduto románico pasará a contar con pavimento de lastro de granito e as actuais varandas metálicas serán substituídas por un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura.

No núcleo das Achas a Deputación construirá unha zona de convivencia, con plataforma elevada 10 centímetros e acabada en formigón gris escuro, previo saneo do pavimento existente. Tódalas canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas. Na zona de contacto coas vivendas disporase unha cenefa con lousas rectangulares de granito. Ademais, a estrada pasará a contar cunha senda peonil ao longo da marxe dereita de 2,50 metros de ancho medio, tamén executada en formigón de cor gris escura, dende a zona de convivencia ata o núcleo da Ponte. A carón dela, os sobreanchos serán tratados con lastro de granito. Ata a zona da depuradora (situada entre ambos núcleos) disporase cuneta transitable entre a calzada e a nova senda. O firme no tramo a carón da senda será repavimentado con aglomerado en quente de 5 centímetros de grosor e será dotado tamén de drenaxe de augas pluviais con tubo de PVC de 400 mm. Colocaranse bancos de granito, nova sinalización horizontal e vertical, e rede de alumeado mediante luminarias LED con columnas de aceiro de 9 metros. O tráfico rodado, nesta nova vía que dá preferencia ao tránsito peonil, quedará ordenado o tráfico en dirección única en sentido Oeste-Este, é dicir en dirección As Achas-A Ponte. Con este fin ampliarase a zona verde existente na intersección e disporase unha sebe vexetal de buxos no linde coa senda.

Ponteareas prepara un Corpus 2022 accesible para as persoas con discapacidade visual

Ponteareas quere achegar a arte efémera do seu Corpus Christi 2022 a todas as persoas, eliminando calquera barreira e convertendo esta Festa de Interese Turístico Internacional nun encontro o máis accesible posible. Neste camiño, o Corpus dá a benvida a usuarios e usuarias do Grupo Social ONCE, que por primeira vez na historia do Corpus crearán a súa propia peza na Praza Maior grazas a unha plantilla especial adaptada para que poidan elaborar unha alfombra representativa da entidade. Pero ademais, o Concello pon en marcha xunto coa Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas a ‘Beirarrúa aromática’, unha iniciativa na que os recendos das alfombras serán os protagonistas e servirán para que as persoas con discapacidade visual poidan orientarse e localizar cada un dos tramos a través do olfacto.

“Queremos ser unha cidade amable para todos e todas con maiúsculas e iniciativas como as que poremos en marcha este Corpus permítennos camiñar cara a unha accesibilidade completa. Moitas grazas á ONCE e á Asociación de Alfombristas por ensinarnos que a explosión de cor coa que cada ano gozamos no Corpus pode chegar doutros xeitos ás persoas con discapacidade visual”, explicou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante o acto de presentación da iniciativa, que contou tamén coa presenza da directora da ONCE en Pontevedra, Marián Lorenzo, e co presidente da asociación de alfombristas ponteareá, Miguel A. García Correa.

Xogando cos distintos olores que caracterizan as alfombras ponteareás, esta iniciativa permitirá identificar a través do olfacto cada unha das rúas e prazas por onde pasa a xente para ver as alfombras. Eses aromas conseguiranse empregando diferentes materiais para a confección de alfombras, que estarán identificados tamén con lazos de grandes dimensións e diferentes cores para que sexa visible a persoas con diferentes graos de discapacidade visual. “Levamos anos traballando para conseguir unha maior integración en algo tan importante para nós como é o Corpus e con esta iniciativa cada persoa poderá percorrer as nosas rúas de forma autónoma, orientarse e saber en que rúa está a través dos olores”, salientou o presidente dos alfombristas, que sinalou que se trata dun proxecto “ilusionante, sinxelo pero ambicioso”.

Deste xeito, as persoas que gocen este ano do Corpus Christi de Ponteareas poderán identificar a Praza de Bugallal co recendo a pino, a rúa Oriente co olor a rosas, a Praza Maior co de árnica, o da rúa Ferreiros co do fiuncho, a rúa Fernández Vega co de romero ou xazmín, a Reveriano Soutullo coa lavanda ou a Avenida da Constitución co eucalipto.

Pola súa banda, Marián Lorenzo, quixo agradecer a Concello e Asociación de Alfombristas o interese e o esforzo por incluír iniciativas como estas na súa festa grande, que “fomentan unha inclusión sociocultural fundamental para nós”. “Ao pasear polas alfombras desfeitas o recendo a todos os materiais empregados percibímolo con tanta intensidade como esa explosión de cor. É unha sensación moi agradábel e inesquecíbel”, recalcou a directora da ONCE en Pontevedra.

A festa do Corpus sempre se caracterizou por aromatizar as rúas que acollen as alfombras, unha fragrancia única que foi elixida xa en 2019 polo Museo dos Aromas de Santa Cruz de la Salceda, en Burgos, para formar parte do seu catálogo de aromas e integrando o patrimonio dun museo único en España e en Europa.

O Concello de Tui entrega unha reprodución facsímile do diploma de Fernando II de 1170 á Catedral

0

Mañá xoves, 9 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Arquivos, o Concello de Tui entregará á Catedral tudense unha reprodución facsímile do diploma concedido polo rei Fernando II á sede tudense no ano 1170. O acto terá lugar ás 11.30 h no Salón de Plenos da Casa do Concello coa asistencia do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do deán do Cabido da Catedral, José Diéguez Dieppa.

Outra copia facsímile deste documento foi entrega polo alcalde tudense, Enrique Cabaleiro,  ás SS MM os Reis de España no visita que realizaron á nosa cidade para a entrega do Premio Princesa de Girona ao Colexio Rural Agrupado “Mestra Clara Torres” o pasado mes de outubro.

Este documento en pergameo conservado na Catedral de Tui é un dos máis significativos privilexios reais concedidos á sede e á cidade de Tui ao longo dos séculos, neste caso polo Rei Fernando II no ano 1170.

Neste documento asinado en Tui polo rei Fernando II e a súa esposa, a raíña Urraca, VIII Kalendas Aprilis Era M CC VIII (24 de marzo de 1170) determina a ampliación da superficie da cidade, establece a construción de murallas e concédelle aos cidadáns de Tui unha carta foral que garante o desenvolvemento da cidade como certo artellador deste espazo transfronteirizo que se desenvolve arredor da sede episcopal que, ata o século XV, abrangue territorios nos reinos de Castela e Portugal.

Este documento está conservado no Arquivo da catedral de Tui que permitiu a súa reprodución facsímile que o Concello de Tui encargou á Editorial Siloé o pasado mes de setembro. Esta empresa ten recibido innumerables premios polas súas edicións facsimilares e conta cunha acreditada traxectoria con numerosos recoñecementos nacionais e internacionais.

Con esta actividade o Concello de Tui súmase á celebración da “Semana Internacional dos Arquivos” que neste ano 2002 xira en torno ao lema #SomosArchivo. O obxectivo desta campaña promovida polo Consello Internacional de Arquivos (ICA) é convidar aos profesionais e á cidadanía a reflexionar sobre a xestión dos documentos e o que os arquivos recollen a historia e as historias.

Amais con motivo desta celebración o Arquivo Municipal de Tui organiza unha visita guiada as súas dependencias este venres, 10 de xuño, ás 12.00 horas. As persoas interesadas deben realizar unha inscrición previa no correo: [email protected] pois o número de prazas é limitado.

O Rosal busca a dous mozos para ofrecerlles o seu primeiro emprego

0

O Concello do Rosal busca a dúas persoas novas para ofrecerlles o seu primeiro emprego. Trátase de dúas contratacións que se realizarán ao abeiro do programa ‘Primeira experiencia profesional’ da Deputación de Pontevedra, a través da que se ofertará un posto para unha persoa graduada en Dereito e outro para unha persoa graduada en Arquitectura técnica. Ambos os dous contratos serán a xornada completa e terán unha duración de 12 meses.

“Participando nesta iniciativa temos a oportunidade de achegar á nosa mocidade ao mundo laboral  e de facilitarlles que poñan en práctica todos os seus coñecementos dunha forma guiada e acompañada nos proxectos que estamos a levar a cabo no Concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes de emprego ou de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) cos seguintes códigos de ocupación:

  • 36121018 – Asistentes xurídico-legais
  • 37111027 – Persoal técnico de servizos xurídicos e/ou similares
  • 24811013 – Arquitecto/a técnico/as

Ademais de estar en posesión das titulacións requiridas, todas as persoas interesadas en optar á praza deberán estar empadroadas nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra, ter rematado os seus estudos hai un máximo de tres anos, sen experiencia profesional ou formativa na mesma actividade dentro do Concello máis de tres meses ou que non estean contratadas en prácticas no momento da selección nalgún dos programas da Deputación de Pontevedra.

As persoas que ocupen a praza terán un contrato formativo de seis meses prorrogables outros 6 e un salario bruto mensual de 1.640,51 euros. O sistema de selección será o de concurso, valorándose o expediente académico, a posesión de outras titulacións académicas relacionadas e a formación complementaria recollida na convocatoria.  

O prazo de inscrición no SEPE remata o vindeiro 10 de xuño, incluído.

O PSdeG-PSOE de Salceda reafirma a necesidade dun Centro de DIA e Galiña Azul

O PSdeG-PSOE de Salceda reafírmase na necesidade que ten o concello das dúas infraestruturas (Centro de DIA e Galiña Azul), ante o anuncio de presentación dunha moción no pleno por un grupo político da corporación municipal, a través da cal se vai a instar ao resto de grupos políticos da corporación a instar á Xunta de Galicia a construción do centro de DIA e unha segunda Galiña Azul. O PSOE, a través da súa Secretaria Xeral e alcaldesa Verónica Tourón e  da súa Comisión Executiva queren manifestar o seguinte:

  • A alcaldesa e o seu grupo municipal son firmes defensores tanto da construción dunha segunda Galiña Azul como dun centro de DIA para o noso concello, tal e como o teñen manifestado en numerosas ocasións.
  • O grupo municipal socialista  impulsou a solicitude do centro de DIA, coa súa alcaldesa Verónica Tourón á cabeza. Non só xestionou a solicitude da subvención senón que tamén a través da concellería de urbanismo, desenvolveuse e aprobouse inicialmente a reparcelación do Polígono II do PERI para dispoñer de terreos dotacionais que fixeran posible, a ubicación das dúas infraestruturas, ademais zonas verdes e un solar para a construción de vivenda protexida.
  • Ante a presentación da solicitude de construción do centro de DIA foron o resto dos partidos da corporación municipal, Movemento Salceda e Partido Popular, os que con sendas notas de prensa, intentaron desmarcarse da posibilidade de manter vivas as dúas peticións, alegando a falla de dispoñibilidade de terreos para a construción de ditas dotacións ou apostando claramente e de forma prioritaria tan só pola construción da segunda Galiña Azul.

O grupo municipal do PSdeG de Salceda  unirase de forma clara e sen fisuras a dita moción, posto que Verónica Tourón xa leva varias semanas facendo este chamamento á unidade. Por enriba dos diferentes grupos políticos que conforman á corporación municipal están as necesidades de toda a cidadanía de Salceda polas que incansablemente loitaremos dende á alcaldía e a nosa representación institucional no parlamento de Galicia e no goberno de España.

Chega a Cerveira o Festival da Pizza

A Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira vai promover, pela primeira vez no município, um festival gastronómico dedicado ao maior ícone italiano: a pizza. O Festival da Pizza acontece de 17 a 19 de junho, no centro histórico, e conta com a coorganização da Associazione Sapori Italiani, a associação portuguesa que representa os Pizzaiolos.

A iniciativa arranca, oficialmente, às 18h30, de sexta-feira, 17 de junho, com a cerimónia de abertura – Aperitivo Italiano. Dos três dias de programa constam espetáculos de Pizza Acrobática pelo Duo Meraviglia Show, concertos deAndrea Musio, Stefano Saturnini e Anonima Nuvolari e workshops de pizza para adultos e crianças. O certame irá, ainda, dinamizar dois troféus: o Troféu Júnior, de participação espontânea dedicado aos mais pequeninos, e o “Trofeo del Pizzaiolo” do Alto Minho. 

E, sendo este um evento gastronómico, o serviço de Pizzaria e Bar vai funcionar das 12h00 às 23h00 e vai contar, no primeiro dia do Festival, com a participação das pizzarias cerveirenses: Piazza, Flor das Cerejas, Toni Restaurante, La Scarpetta e Variante. Em permanência, vão estar, ainda, duas exposições: uma de fotografia que versará sobre “o encanto de Itália” e outra que fará as maravilhas dos amantes das tradicionais Vespas.

“TROFEO DEL PIZZAIOLO” – ALTO MINHO: INSCRIÇÕES A DECORRER

Um dos grandes destaques do certame vai para o “Trofeo del Pizzaiolo” do Alto Minho. O troféu tem como objetivo valorizar estes profissionais, o seu trabalho e métodos de produção. Podem concorrer todos os cidadãos, com ou sem experiência, seja em nome individual ou em representação de unidades de hotelaria, restauração e similares.

O vencedor vai juntar-se à Seleção Portuguesa de Pizzaiolos, tendo a possibilidade de competir no “Campionato Mondiale del Pizzaiuolo”, em Nápoles, Itália.

A inscrição é gratuita, mas limitada a 25 participantes, e pode ser efetuada no site da Associazione Sapori Italiani (www.saporiitalianiassociazione.com) ou diretamente nos serviços da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, até às 12h00, do dia 16 de junho. O regulamento está disponível nos respetivos sites.

PROGRAMA

17 junho

  • 18h30 | Cerimónia de abertura – Aperitivo Italiano
  • 19h00 | Pizza Acrobática – Duo Meraviglia Show
  • 20h00 | Concerto Andrea Musio
  • 21h30 | Concerto Stefano Saturnini
  • 23h00 | Encerramento

18 junho

  • 12h00 | Abertura
  • 14h00 | Workshop “Pizza per bambini”
  • 15h30 | Pizza Acrobática – Duo Meraviglia Show
  • 16h00 | Troféu Júnior
  • 17h30 | Workshop “Mamma che pizza”
  • 18h00 | Concerto Andrea Musio
  • 21h00 | Concerto Anonima Nuvolari
  • 23h00 | Encerramento

19 junho

  • 12h00 | Abertura
  • 14h30 | Pizza Acrobática – Duo Meraviglia Show
  • 15h30 | “Trofeo del Pizzaiolo” – Alto Minho
  • 17h30 | Concerto Stefano Saturnini
  • 18h00 | Workshop “Pizza per bambini”
  • 20h00 | Concerto Andrea Musio
  • 23h00 |Encerramento

Em permanência

  • Exposição fotográfica “O Encanto de Itália”
  • Exposição de Vespas

Pizzaria/Bar

  • 12h00 às 23h00

Xa é realidade “O libro da rosa” de Mos, editado por Galaxia

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, informaron de que xa se atopa rematado e listo para lanzar ás librerías o gran proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista: “O libro da rosa”.

Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saiu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.

A Festa da Rosa vívese deste xeito, este ano, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista. A data da presentación oficial, que se celebrará no Pazo de Mos, será o vindeiro martes, 14 de xuño; durante a xornada seguinte ao Día da Rosa e festivo local: o 13 de xuño.

Os 10 autores e autoras galegos/as contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinan “O libro da rosa” son:

  • AGUSTÍN AGRA
  • VICENTE ARAGUAS
  • MARÍA CANOSA
  • FRANCISCO CASTRO
  • RAQUEL CASTRO
  • MIRIAM COUCEIRO CASTRO
  • XESÚS FRAGA
  • DIEGO GIRÁLDEZ
  • MARÍA XOSÉ PORTEIRO
  • PURA SALCEDA

Desde Galaxia definen así esta pequeña xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario, e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias. Con esa premisa, pedímoslles a dez autoras e autores de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite

estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”. O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse hoxe “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademáis o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.

O Concello de Ponteareas elimina novas vertedura incontroladas en distintos puntos da vila

O Concello de Ponteareas vén de retirar novas verteduras incontroladas en diferentes puntos da vila, espazos públicos ben a carón de colectores ou na propia rúa nos que se detectaron unha nova acumulación de residuos sólidos de distinta natureza, dende  restos de madeira ou obras ata pequenos electrodomésticos antigos, mobiliario ou colchóns. O Concello empregou un vehículo especial para facer a recollida de todas estas verteduras durante a fin de semana.

Este tipo de accións causan un importante prexuízo tanto á propia veciñanza como á contorna dende o punto de vista ambiental, polo que a normativa de residuos contempla elevadas sancións, dado que se considera unha infracción moi grave o abandono, incluído lixo disperso; a vertedura e a xestión incontrolada de calquera tipo de residuos, porque pode supoñer un perigo grave para a saúde das persoas ou producirse un dano ou deterioro grave para o medio ambiente ou espazos protexidos.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembra que este tipo de actitudes incívicas “amosan a falta de respecto” cara ao resto de ponteareás e ponteareáns e que existe un servizo de recollida de todo tipo de lixo e utensilios totalmente de balde chamando ao número de teléfono do punto limpo 986 640 307. Neste caso, indicaráselle día e horario para proceder a depositar os diferentes elementos para que a empresa pase a recollelos coa maior brevidade posible.

Remata o prazo para inscribirse no curso de xardinería do VI Plan de Formación de Covelo

0

O Concello de Covelo informa que o xoves día 9 remata o prazo de inscrición para o curso de  Xardinería que se desenvolverá do 13 ao 27 de xuño.

Enmarcado dentro da segunda fase do VI Plan de Formación do Concello de Covelo, este curso contará cunha parte teórica e outra práctica cun total de 50 horas repartidas en 10 xornadas para capacitar nesta materia a 10 alumnos/as.

De 9 a 14 horas o alumnado de xardinería estudará e ademais porá en práctica os seus coñecementos arranxando e embelecendo a contorna da fonte da ponte de entrada á Covelo.

As persoas participantes adquirirán coñecementos de poda, plantación, coidados, mantemento de xardíns, manexo de maquinaria e ferramenta e prevención de riscos laborais, entre outros contidos. Os coñecementos adquiridos e o diploma obtido terase en conta e valorarase nas sucesivas bolsas de emprego do Concello.

Co obxectivo de mellorar o currículo das persoas, o Concello pon en marcha este novo curso despois de ter recollido a través dun proceso de participación ás necesidades formativas da veciñanza. Con isto, e analizadas as demandas do mercado laboral, o concello de Covelo realizará arredor de sete cursos no 2022 sumando un total de 36 cursos de formación ao longo destas seis edicións orientados a un mellor acceso á inserción laboral.

As persoas desempregadas que estean empadroadas terán prioridade pero no caso de quedar prazas tamén poderán participar persoas empadroadas en activo e persoas doutros concellos. A inscrición deberá realizarse nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica do Concello.

O VI Plan de Formación continuará ofrecendo novos cursos ao longo do ano co obxectivo “de facilitar a inserción laboral, mellorar o currículo das persoas e achegar formación de balde acorde coas demandas do mercado laboral á veciñanda do concello”, explica Lourdes Enes, concelleira de Formación e Emprego.

Mondariz promove a conciliación laboral, familiar e persoal un ano máis a través do Campaverán 2022

0

Mondariz Campaverán 2022 desenvolverase durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres (agás festivos) en horario de 9:00-14:00 horas, nas instalacións do antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pe do Muíño, s/n, parroquia de Riofrío), sede actual da Escola Municipal de Música de Mondariz. Un ano máis, esta actividade está dirixida a familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade, con necesidades de conciliación laboral, familiar ou persoal por estar traballando, ter persoas dependentes ao seu cargo, realizar un curso de formación ou atoparse en situación de especial vulnerabilidade. Aínda que as persoas empadroadas no Concello de Mondariz teñen preferencia na asignación de prazas, o empadroamento non é un requerimento de obrigado cumprimento.

As bases de participación no Mondariz Campaverán 2022 e o formulario de inscrición xa están publicados na Sede Electrónica do Concello de Mondariz para a súa consulta pública. O prazo para solicitar praza estará aberto entre o 7 e o 21 de xuño.

O campamento admite un total de 50 prazas e permite unha participación completa (dous meses) ou parcial (unha quincena ou un mes). Así mesmo, posibilita una ampliación de horario (8.30-14.30 horas) mediante o Servizo de Garda. Durante o período non lectivo de verán, preséntase como unha alternativa de lecer e tempo libre que axuda a fomentar o desenvolvemento integral dos nenos e das nenas participantes a través dunha educación en valores.

As solicitudes poderán presentarse presencialmente na OMIX do Concello de Mondariz de luns a venres, de 9.00 a 14.30 horas, por correo electrónico ([email protected]) ou a través da sede electrónica, mediante instancia xeral, adxuntando a documentación correspondente.

Piscina pechada durante o verán

No mesmo recinto do antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pe do Muíño, s/n, parroquia de Riofrío) que acolle un ano máis o Mondariz Campaverán 2022 sitúase a piscina municipal, que permanecerá pechada durante os meses de verán debido á necesidade de emprender obras nas instalacións.

Nos últimos anos, a piscina municipal estivo pechada polos riscos epidemiolóxicos asociados á situación sanitaria. O deterioro das instalacións, con todo, obriga a realizar varias obras de reparación que requiren destinar importantes recursos municipais.

“Existe unha desproporcionalidade manifesta entre o gasto xerado para a posta en marcha e o escaso uso que se fai da instalación, xa que no Concello de Mondariz hai numerosas praias fluviais e zonas de baño nos ríos que atraen tradicionalmente á veciñanza. A isto hai que sumar as dificultades existentes para dispoñer de socorristas”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O equipo da Axenda Urbana reúnese cos colectivos das parroquias tudenses para analizar o presente e o futuro

0

As comunidades de montes en man común das parroquias de Baldráns e Caldelas de Tui e as asociacións A Insua, Acueducto e Val de Flores así como membros da asociación comisión de festas de Baldráns reuníronse co equipo da Axenda Urbana de Tui para analizar o presente e conversar sobre o futuro das súas parroquias.

Baldráns e Caldelas de Tui puxeron en coñecemento do equipo as principais eivas que superan no seu día a día e os proxectos de futuro que lles gustaría desenvolver nas súas parroquias. Potenciar a agricultura e os cultivos tradicionais nas Veigas do Louro, fomentar as relacións entre parroquias e recuperar a conexión coas parroquias portuguesas do outro lado da raia ou a protección do seu patrimonio etnográfico e cultural foron parte das cuestións tratadas na reunión. Comunidades de montes en man común e asociacións culturais e veciñais de ambas parroquias coincidiron en salientar a necesidade de ter máis servizos no rural ou unha posible ruta de transporte público que conectase as parroquias co centro urbano.

Co proceso de participación e a redacción da diagnose, o concello de Tui iniciou a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello. A vindeira reunión será mañá mércores no centro cultural de Guillarei onde a veciñanza de Paramos e Guillarei afondará no futuro de Tui e coñecerá de preto o proceso de redacción dunha Axenda Urbana.

“A Axenda Urbana non é un documento político, é a estratexia de futuro e por iso é imprescindible que se realice unha análise, que se faga unha consulta, que se planifique con criterios técnicos e se redacte un documento consensuado” explica o alcalde Enrique Cabaleiro.

O proceso de participación contempla tamén encontros con todos os voceiros e voceira dos grupos da Corporación,  técnicos municipais, organizacións vencelladas xeográfica e politicamente con Tui e representantes de colectivos e asociacións. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir un diagnóstico que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.

Actividades multiaventura na Semana Branca do Porriño

Os nenos dos colexios do Porriño disfrutan estes días de xornadas multiaventura no marco da Semana Branca, que se celebra dun xeito diferente: con area, sol e mar.

Durante uns días, o alumnado participa nesta actividade organizada pola asociación Semana Branca en colaboración co Concello do Porriño. Celebráse na praia e os pequenos e pequenas realizan múltiples actividades deportivas como vóley praia, kayak ou surf na escola de Patos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, compartiron hoxe con eles un ratiño de aventura, xogaron ao volley cos nenos/as e profes e conversaron sobre todo o que farán hoxe. “Este tipo de actividades son moi enriquecedoras para eles e velos disfrutar xuntos/as é moi satisfactorio”, concluíu o alcalde, “despiden un curso e unha etapa, que mellor maneira de facelo que divertíndose cos seus compañeiros”.

O Concello de Nigrán insta a empregar xa a nova cociña escolar do CEIP Humberto Juanes

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, reuníuse esta semana con representantes das Anpas do CEIP A Cruz (Camos), Mallón, Carlos Casares (Vilariño), Humberto Juanes (Nigrán) e Terra de Turonio (Gondomar) para coñecer de primeira man a problemática crecente coa calidade dos menús escolares neste curso, elaborados todos por eles por un catering en A Estrada. Neste encontro na nova cociña escolar municipal (construída polo Concello no CEIP Humberto Juanes cun investimento de 373.878 €) rexedor e directivas ratificaron a necesidade de que o catering empregue estas instalacións para humanizar o servizo e melloralo.

“A situación actual é insostible, as queixas son fragrantes. A obra xa está rematada, agora pedimos á Xunta que mova ficha e obrigue á empresa adxudicataria a cociñar aquí. A saúde dos nenos está por riba de calquera interese empresarial”, indica o alcalde, Juan González, quen incide en que non está a pedir ningunha idea nova e alude á propia realidade da comarca, xa que no CEE de Panxón se cociña tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. ‘As Dunas’ (en Vigo o caso é o Dr.Fleming, que cociña para outros centros). “Temos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de catering, e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública”, destaca González.

As comunidades escolares sospeitan que a suba de prezos está a repercutir neste curso nunha peor calidade dos alimentos e na escasez dos mesmos. Así, segundo as propias ANPAS recollen no seu escrito remitido o 31.05.22 á Xunta, o servizo “non é de calidade e moitas veces non cumpre cos pliegos de condicións que asinou á Xunta para a súa adxudicación”. Entre outros aspectos recollen: sopa para celiacos conxelada; insuficientes iogures, froita ou bolos de pan; ás veces non hai pan para celiacos; seguen empregándose pratos de plástico; ten chegado sucia a vaixela; pouca froita e nada variada; bolos de pan indebidamente envasados; nos pratos de pasta atún “testimonial”; nos pratos de arroz con salmón “3 anaquiños por rapaz”; en ocasións a comida é insuficiente e hai que repartir entre os comensais a costa de diminuír racións; as cremas totalmente líquidas, non de culler; lentellas ou tortilla queimadas e pastas ou arroces pasados, o crudos, coma o polo. Estas queixas son transmitidas puntualmente ao Catering e Servizo de Comedores Escolares sen que obteñan contestación, polo que agora as Anpas solicitaron unha reunión coa Xefatura Territorial da Xunta e que se fagan auditorías para comprobar o funcionamento e se tomen medidas.

“O propósito é a mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional, e propoñemos o uso da cociña do CEIP Humberto Juanes, que pode humanizar un servizo que a día de hoxe está deshumanizado e que pode incluir platos que ata agora non se podían polo transporte (100 km) e o horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”, conclúe o escrito. “Buscamos que se corrixan estas deficiencias nos menús inmediatamente e que sexa obrigatorio para a concesionaria empregar a nova instalación. É unha cuestión de saúde”, defende González.

O Concello de Nigrán investíu 373.878 € na construción dunha cociña no CEIP Humerto Juanes (centro que dispuña dese espazo) dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que así o desexen, así, tería capacidade para abastecer ata 1.000 usuarios, tendo os colexios de Nigrán actualmente 561 comensais asignados.

Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos. Esta nova cociña ocupa 490 metros cadrados dunha antiga zona de almacén e de aulas e conta cun equipamento acorde ás demandas actuais.

Mondariz celebra o paso histórico de regular a súas relacións coas entidades locais menores

0

O Goberno municipal do Concello de Mondariz, encabezado polo alcalde Xosé Emilio Barros, recibiu na Casa Consistorial aos representantes das entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos para asinar formalmente os convenios aprobados a principios de ano para regular as relacións de cooperación e coordinación entre o Concello de Mondariz e cada entidade local menor, e dar cumprimento á Lei de Administración Local de Galicia.

“Formalizar a relación entre o Concello de Mondariz e as entidades locais menores a través destes convenios é un paso histórico. Non só se trata de cumprir a lexislación vixente, senón de dar solución a problemas estruturais que se foron aparcando durante as anteriores lexislaturas e que, como é o caso, pasaron mesmo polos xulgados”, comentou Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, en referencia á demanda xudicial que iniciou a entidade local menor de Vilasobroso en 2019, antes de rematar a pasada lexislatura, contra o Concello de Mondariz por este asunto.

As entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos levaban décadas demandando o cumprimento da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia no que respecta á recadación da porcentaxe mínima dos impostos devindicados polo Concello no ámbito territorial de cada entidade local menor, mais ningún Goberno municipal dera resposta a esta demanda ata agora. En xaneiro deste ano, despois dun longo tempo de análise xurídica e negociación política coas partes, os dous convenios de cooperación e coordinación foron aprobados pola Corporación Municipal en sesión plenaria, cos votos favorables dos concelleiros e das concelleiras do BNG, PSOE, Alternativa por Mondariz e Ciudadanos, e as abstencións do PP. Antes da votación, os presidentes das entidades locais menores de Vilasobroso (Alexandre Estévez) e de Queimadelos (Sandra Queimadelos) puideron dirixir un alegato á Corporación Municipal grazas a unha autorización da Alcaldía.

Os convenios de colaboración e coordinación aprobados, con todo, están concebidos como convenios de mínimos. O obxectivo principal é que funcionen como marco legal básico para nun futuro, en función da experiencia e da vontade político-administrativa das partes interesadas, ampliar as competencias.

A praia do Muíño acolle este sábado unha actividade medioambiental enmarcada no “Proxecto Libera” da Deputación

0

Dende o Concello da Guarda anímase á poboación guardesa a participar nesta actividade na que se recollerán residuos na Praia do Muíño, organizada pola Deputación de Pontevedra xunto con SEO/BirdLife este vindeiro sábado día 11 de xuño na praia do Muiño as 10:00h da mañá e que terá unha duración aproximada dunhas 2 horas.

Nesta actividade poderán participar ata 20 persoas, acompañadas en todo momento por un monitor e para participar deberán cumprimentar o formulario web habilitado( é importante para poder facerlle un seguro por se houbese un accidente) na páxina da Deputación de Pontevedra.

O proxecto “Libera” nace como unha iniciativa de SEO/BirdLife, a organización ambiental decana en España, en alianza con Ecoembes, organización ambiental sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases no noso país. Estas únense para loitar contra a basuraleza a través do coñecemento, a prevención e a participación. Desde a súa posta en marcha no ano 2017 “Libera” mobilizou máis de 90.000 persoas e colaborou con máis de 1.500 organizacións e colectivos, e converteuse nun proxecto pioneiro que busca sensibilizar a todos os públicos. Como buque insignia creou “1 m2 pola natureza”, para mobilizar a todas as heroínas e heroes de “Libera”.

“1 m2 pola natureza” engloba varias campañas anuais convocadas por “Libera” a nivel nacional, que teñen por obxectivo que todas as asociacións, heroínas, heroes, entidades, empresas e, en definitiva, todas as persoas concienciadas que queiran poidan unirse e tecer unha gran rede de colaboración para loitar unidas e unidos contra a basuraleza en centos de espazos naturais de toda España.

O obxectivo é liberar basuraleza destes espazos, pero tamén caracterizala mediante a aplicación dunha metodoloxía estandarizada e coa axuda de ferramentas de ciencia cidadá (aplicacións). A través delas pódese recompilar o maior número de datos posibles, rexistrados no “barómetro da basuraleza”. Esta información incorpórase ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, para coñecer a cantidade, o volume e o tipo de lixo recollido nestas zonas.

Localización da actividade:  https://goo.gl/maps/YvKE8jeFdXwsUCUk8

Inscricións:  https://www.depo.gal/es/-/proxecto-libera

O deporte, gran protagonista da fin de semana no Concello de Ponteareas

Gran Premio Mini BTT

O domingo foi a quenda do ciclismo, cunha nova edición do Gran Premio Mini BTT Escola Borja Gómez Méndez, que se celebrou no Parque da Bouza Vella. Unha proba organizada polo Club Ciclista Ponteareas en colaboración co Concello e maila Federación Galega de Ciclismo que reuniu a máis de 350 nenos e nenas de toda a Comunidade nas categorías benxamín, promesa, principiante, alevín e infantil.

Festival de Patinaxe

O pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino foi tamén este domingo escenario dun festival de patinaxe, organizado polo Club Patinaxe Tea para concluír o curso. Nel participaron máis de medio cento de mozas e mozos, que amosaron ao público as súas acrobacias e coreografías.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, valorou moi positivamente unha fin de semana cargada de eventos que “permitiu que tanto a veciñanza como os visitantes gozasen do ambiente deportivo nos espazos naturais que temos na nosa vila ao tempo que seguimos avanzando na consolidación da práctica deportiva e os hábitos saudables na poboación”.

Campionato Galego de Bádminton

Ademais, o sábado foi un gran día para o Bádminton ponteareán. O Complexo Álvaro Pino acolleu o Campionato Galego sub 19 e sub 9, con grandes resultados para o Club Bádminton Ponteareas.

A sub 9 Eva Lemos fíxose coa vitoria nas tres modalidades: individual feminino, dobres femininos e dobres mixtos xunto a Wences Lemos. Pola súa banda, Mar Rey tamén colleitou boísimos resultados, sendo ouro nos dobres femininos, prata nos mixtos e bronce no campionato individual.

Na categoría sub-19, o ponteareán, Basilio Porto, proclamouse vencedor no individual masculino e no dobres mixto, mentres que Iker Rodríguez acadou o segundo posto nesta categoría.

Campionato Galego de natación en augas abertas

Preto de 250 participantes de diversas categorías déronse cita, o pasado sábado 4 de xuño, na praia fluvial de A Freixa para disputar o Campionato Galego de natación en augas abertas nas augas do río Tea, ao seu paso pola vila de Ponteareas.

A primeira proba en disputarse foi a categoría máster, ás 10 horas, con dúas voltas ao circuíto ata completar 2500 metros. Logo chegou a quenda da proba raíña, cos nadadores e nadadoras infantís, júniors e séniors que percorreron 4 voltas ao circuíto (5000 metros) e a derradeira saída, ás 13.30 horas, foi para os nadadores e nadadoras da categoría alevín, que tiñan por diante unha única volta de 1250 metros.

O tempo atmosférico foi perfecto para a práctica da natación, cunha leve choiva que apareceu na ultima parte da proba alevín, o que propiciou uns boísimos resultados.

Ademais das medallas individuais, as clasificacións por equipos foron as seguintes:

Categoría máster:

-Campión Galego: Hércules Termaria

-Mellor Equipo Feminino: Hércules Termaria

-Mellor Equipo Masculino: CN Ponteareas

Categoría absoluta:

-Campión Galego: CN Ponteareas

-Mellor Equipo Feminino: CN Ponteareas

-Mellor Equipo Masculino: CN Ponteareas

Esta foi a primeira das tres probas do circuíto galego de augas abertas que o CN Ponteareas coorganizará xunto á Federación Galega de Natación no río Tea, facendo da natación o deporte de moda este verán no Condado.

Mercadillo ambulante, todos os mércores en Arbo

0

O mercado semanal de Arbo dos mércores complementa a actividade diaria do comercio local, dando continuidade a unha tradición existente en toda localidade de celebrar a compra e venda ao aire libre, e favorecendo que a poboación acceda a outro tipo de produtos; o mercado organízase en dous espazos diferenciados, en base aos seus artigos de venda.

Dun lado, comestibles e produtos básicos na Praza do Mercado, mentres que a comercialización de roupa e téxtil, enxoval e fogar, calzado, ornamentación, etc., ocupan a Praza Consistorio. Na Praza de Abastos, pódese adquirir peixe, froitas e verduras frescas e  durante toda a maña  poderase degustar un “polbo á feira”, que é aceno de identidade de todas as feiras e mercados de Galicia.

Esta actividade celébrase todos os mércores desde a 8:30 ata as 14:00 horas, sempre que non sexa festivo.

Ademais do comercio ambulante, todos os días en Arbo cóntase coa venta de carne de calidade en carnizarías, froitas, verdura e peixe na Praza de Abastos,  supermercados onde poderanse atopar todas as marcas e produtos de primeira necesidade, perruquerías, comercio de roupa, librerías e quioscos, catro almacéns  agrícolas donde podes adquirir todo tipo de produtos para horta, viñas, gandería…

SmartPeme ofrece esta semana tres obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta tres novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con debuxo 3D, a plataforma de aloxamentos Airbnb e a ciberseguridade no sector turismo.

Hoxe martes, 7 de xuño, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de guiar o taller “Fabricación dixital. Debuxo 3D con OnShape V – Assembly I”. O curso complementará a formación das semanas anteriores dando a coñecer as tecnoloxías implicadas neste proceso de produción dixital . O taller consta de 50 horas de duración e inclúese no formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro.

Mañá, mércores 8, o obradoiro “Airbnb: comercialización en liña de aloxamentos e experiencias” estará dedicado a persoas emprendedoras, autónomos e a empresas do sector turístico . Nel se falará de como converterse en anfitrión de aloxamentos e actividades e cales son as condicións e vantaxes de formar parte dunha plataforma dixital como esta. Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas pola Universidade da Coruña, será a encargada de impartir esta acción.

O peche a esta semana de obradoiros pono “Ciberseguridade no sector turismo e lecer”, unha charla de concienciación destinado as persoas e as empresas do sector turístico/lecer para minimizar riscos e maximizar as medidas de ciberseguridade en contornas dixitais presentes e futuros como o metaverso. Este taller realizase en colaboración co Nodo Galego de Ciberseguridade e iVigo Space, que será o encargado de impartilo a través dos formadores: Ramón Suárez, mentor cibernético e CEO de iVigo.es e Arán Feijoo, consultor en ciberseguridade. Esta actividade terá lugar o xoves 9 de xuño, as 10 da mañá, na sala de actos da segunda planta do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e, tamén, se poderá seguir de maneira telemática mediante Zoom.

O Rosal saca a licitación a reforma para facer o pavillón municipal máis accesible

0

O Rosal dá un novo paso para converterse nun municipio máis inclusivo e accesible. O Concello vén de sacar a licitación a instalación do ascensor e a reforma interior do pavillón municipal para a mellora da accesibilidade vertical mediante a instalación dun ascensor, así como para a adecuación das zonas de vestiarios e aseos, unhas obras que continúan a senda de mellora destas instalacións deportivas tras a reforma dos vestiarios locais e do cambio de chan para que usuarios e usuarias puideran practicar deporte de xeito seguro.

Estas novas actuacións enmárcanse “na promoción da transformación do Rosal que queremos levar adiante cunha serie de actuacións como a recuperación de espazos para as persoas que melloren a mobilidade peonil, a posta en valor dos elementos patrimoniais e a mellora da accesibilidade nas instalacións municipais, xerando espazos urbanos de alta calidade para o goce común de toda a veciñanza”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora lembra que “a través do proxecto Cocreando Sociedade ratificamos o noso compromiso pola inclusión e a mobilidade e neste camiño estamos traballando para facer accesibles progresivamente aquelas dependencias municipais que hoxe en día aínda non o son.

O obxectivo destas obras é “reorganizar os diferentes espazos existentes no pavillón municipal, modernizándoos e adaptándoos ás novas necesidades”. Así, melloraranse as condicións de accesibilidade entre a planta baixa do pavillón, onde están situados os accesos e os servizos, e a planta alta, onde se atopan as bancadas e a cantina. A reforma interior tamén inclúe a mellora dos vestiarios visitantes, os baños públicos e a zona de árbitros e unha rampla e unha plataforma horizontal que garanta o acceso ao interior do pavillón.

Segundo salienta a alcaldesa, “queremos unhas instalacións aptas para persoas usuarias con diferentes tipos de mobilidade con percorridos completamente accesibles que nos permitan mellorar o acceso ao público, pero tamén dar un paso máis alá e abrir a porta a acoller actividades de deporte adaptado”.

Este proxecto de mellora levaranse a cabo a través dun convenio de colaboración ente o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que financiará o 60% da reforma. As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 26 de xuño.

Inicio inminente de melloras en tres colexios de Primaria de Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, informaron de que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia acometerá de inmediato, en canto finalice o presente curso escolar e rematen as clases, obras de mellora por preto de 500.000 euros nos Colexios de Educación Infantil e Primaria mosenses de Atín-Cela, Sanguiñeda e Petelos.

No caso do CEIP de Petelos a obra de optimización das instalacións consistirá na susbstitución de toda a carpintería de aluminio (portas e fiestras) do centro, cun orzamento de 202.318,03 euros (IVE incluído).

A maiores, tamén no Colexio de Petelos, realizarase unha obra de ampliación do porche de entrada na fachada principal, por un importe de 10.770 euros máis IVE.

Por outra banda, no CEIP de Atín acometerase a última fase da mellora integral do centro, co remate da renovación da carpintería de aluminio nas zonas que quedaban pendentes de substituír e substitución tamén dos falsos teitos e luminarias nos espazos nos que aínda non se fixera. Ademais procederase ao derrubamento do anexo-almacén do edificio e reparación de fachada, solicitado pola dirección e a ANPA do centro, á execución dunha rampa de acceso para solventar o acceso polo devandito antigo anexo; e demolición e desamiantado de cubrición do patio interior, cuberto con perfil gran onda de fibrocemento, para a posterior execución da nova cubrición do patio. As obras no colexio de Atín teñen un orzamento de 246.098,96 euros (IVE incluído) e consistirán en obras básicas de mellora:

  1. Demolición e retirada da carpintería existente non renovada.
  2. Demolición e retirada dos falsos teitos de aulas e espazos comúns que non foron renovados.
  3. Colocación de nova carpintería, falsos teitos e luminarias encaixadas en falsos teitos.
  4. Demolición de anexo existente e reparación de fachada.
  5. Execución de rampa de acceso para solventar o acceso polo antigo anexo.
  6. Demolición e desamiantado de cubrición de patio.
  7. Execución de nova cubrición de patio.

O prazo de execución previsto para a realización das obras é de 3 meses.

Por último, no CEIP Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda construirase un novo almacén con orzamento de 20.486 euros máis IVE.

A Banda de Música Popular de Tui volta a ter un local de ensaio despois de casi dous anos

0

Dende o día 31 de maio, tras a firma ante notario do presidente da Banda e o presidente da Comunidade de Montes de Guillarei, a Banda de Música Popular en Tui conta cun local de ensaio, despois de chegar a un acordo coa Comunidade.

Tras a asamblea do día 3 de abril de este ano, os comuneiros deron o visto bo para poder levar a cabo esta cesión de 15 anos, a cambio de reformar o edificio e realizar o seu mantemento. O local cedido e o antigo centro cultural desta parroquia que actualmente está en desuso, ainda que era empregado nalguns ocasions par impartir algunas actividades e ensaios da propia asociación Lembrazas.

Esta situación de inestabilidade xurde no 2020, debido a que a administración local e o propio Conservatorio, non lle permita continuar coa súa actividade no edificio do Conservatorio, sin ningunha alternativa enriba da mesa, onde levaban facendo os seus ensaios dende mais de 20 anos.

Durante este tempo, continuaron coa súa actividade grazas a Comunidade de Montes de Guillarei e o apoio da Asociación Lembranzas da Terra de Guillarei, que foron os que lle prestaron o seu centro cultural para que dita agrupación continuará facendo os seus ensaios. Esta asociación está enormemente agradeciada pola súa axuda durante estes tempos compricados.

En breves, a Banda comenzará coa reforma do edificio, para a cal, contan cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, así como de fondos propios. Esta axuda ven concedida para a creación dunha Escola de Música, na que se formarán todas ás personas que quieran aprender un instrumento. Dende a asociación, contan que se poida comezar a facer as solicitudes de praza a partir de xullo e realizar a inauguración da Escola en septembro, que coincidira co inicio das clases.

Redondela celebra no cupón da ONCE a súa Festa da Coca

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o director da ONCE en Vigo, Roberto Gaspar Conde, director da ONCE en Vigo, acompañados pola concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentaron esta mañá a imaxe do cupón que, no sorteo do vindeiro 8 de xuño, será o encargado de difundir a Festa da Coca de Redondela.

A alcaldesa Digna Rivas agradeceu á ONCE e ao seu director en Vigo “o apoio desta organización á festa da Coca a través dun dos sorteos máis arraigados entre as veciñas e veciños como é o cupón e que, amais dos premios que outorga, contribúe a mellorar a calidade de vida de todas as persoas que forman parte da ONCE”.

“A Coca gracias a esta iniciativa –afirmou Digna Rivas– terá este ano 5 millóns de escaparates nos que seguir dando a coñecer una das nosas festas máis emblemáticas e unha tradición secular”.

O cupón, do que se farán 5 millóns de exemplares, está ilustrado cunha imaxe dun dragón como o que os mozos mariñeiros de Redondela someteron para dar orixe a esta festa Para celebrar esa vitoria, os mozos celébrano, ano atrás ano, coa Danza das Espadas, acompañados polas penlas –nenas vestidas de branco con pequenas ás que representan ás virxes–, que van aos ombreiros das burras, mulleres que simbolizan ás nais.

A procesión da Virxe da Gabacha, as alfombras florais e a escenificación da morte da Coca fan as delicias de habitantes e turistas que enchen Redondela para gozar dunha festa que vai desde a noite anterior ao xoves de Corpus ata o domingo.

Di a lenda que o dragón moraba preto de Redondela, nos mares que rodean a illa de San Simón. E achegábase á localidade esnaquizando todo e levándose ás novas. Na festa a besta desfila pola localidade o xoves de Corpus fuxindo da Virxe da Gabacha que marcha en procesión, baixo unha choiva de pétalos, polas rúas cubertas de alfombras florais.

Esta festa ten os seus inicios en 1482. Redondela e os gremios achegaban imaxes á procesión, xunto con danzas e outras representacións; pervivindo a loita de San Jorge co dragón (Coca). As primeiras noticias sobre a Danza das Espadas de Redondela datan do século XVI.

Respecto ao nome da Coca, algúns o sitúan no termo latino cocatrix (crocodilo); hai documentos que falan de coqueriz; sen esquecer a quen cre que ten a súa orixe no ‘coco’ ou monstro infantil, e aos que a relacionan co xigante tricéfalo Caco, fillo de Vulcano.

O Cupón Diario da ONCE pon en xogo un premio de 500 000 euros ao número máis a serie, e 49 premios de 35 000 euros ás cinco cifras do número premiado. Ademais: 450 premios de 250 euros ás catro primeiras cifras e outros 450 premios ás catro últimas; 9000 premios de 25 euros no caso de tres últimas ou tres primeiras; e o mesmo para as dúas primeiras e últimas (6 euros), e reintegro de 2 euros á primeira ou a última cifra do número premiado.

Os cupóns da ONCE comercialízanse polos máis de 19 000 vendedores e vendedoras da Organización. Ademais, pódense adquirir desde www.juegosonce.es, e en establecementos colaboradores autorizados.

A segunda fase das obras EP-3303 entre Tabagón e Goián

0

As obras para mellorar a mobilidade peonil da EP-3303 entre Tabagón e Goián, no concello do Rosal, avanzan ao ritmo esperado e está a piques de rematar. Así o anunciou a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nunha vista realizada para coñecer o estado da intervención xunto á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, na que, ademais, informou da posta en marcha da segunda fase da mesma, que chegará ata o P.Q. 3+600 cun orzamento de 795.872 €. Crear un espazo no que peóns e vehículos poidan convivir en harmonía é o obxectivo destas obras. Trátase, en palabras de Carmela Silva, dunha infraestrutura “que vai dar resposta ás demandas da veciñanza de ter espazos seguros polos que camiñar, así como a unión de dous concellos cunha profunda relación histórica”. Nesta liña tamén falou a alcaldesa do Rosal, que destacou que esta obra camiña cara á construción “dun concello na que as persoas sexan o centro”, para o que é vital a colaboración da Deputación.

Ademais, esta actuación vén de recibir para a súa primeira fase unha importante subvención de 472.623 €, o 73 % do custe total, que ascende aos 650.444 €, do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Como explicou Carmela Silva, recibir esta subvención do IDAE  é un recoñecemento de que “estamos facendo as cousas ben, é dicir, aquelo que demanda a Unión Europea”, pois tras recibir os fondos europeos refinánciase a parte restante (177.822 euros) que asumen Deputación e Concello cos mesmos criterios de reparto do convenio orixinal.

Desta maneira, o organismo provincial asumirá o 80%, é dicir, 142.257 euros, mentres que o 20% restante, 35.564 euros, correrá a cargo do Concello.  Con este novo reparto sobre a mesa, o Concello do Rosal aforra 94.525 euros dos 130.088 que aportara nun inicio. Destes máis de 90.000 euros aforrados, a Deputación devolveralle ao Concello 53.598 euros. O resto (40.927 €) son os fondos pertencentes ao Plan Concellos 2020, que a entidade local poderá dedicar a outros investimentos.

As obras desta primeira fase abranguen os primeiros 1,8 km dos 4,5 que ten a estrada. Como parte das actuacións, estase a ampliar a plataforma de circulación ata un ancho de 9,10 metros e situando unha senda peonil na marxe dereita, ou unha zona de convivencia peonil naquelas zonas nas que no hai espazo suficiente, como a contorna do Centro Rural Agrupado (CRA) María Zambrano. Ademais, están a instalarse redutores de velocidade, renóvase a rede de drenaxe e se fai a canalización subterránea para a futura renovación do alumeado público. Por outro lado, reducirase a velocidade máxima a 30 km/h, se ben baixará a 20 km/h na zona da escola unitaria. Todas estas actuacións levarán parella unha redución do consumo de enerxía final do 9,2%, así como do 9,6% en canto a emisións.

Con este proxecto o que se busca é recuperar espazos para as persoas e fomentar a mobilidade sostible, nunha zona na que o tráfico rodado é intenso mais tamén hai unha importante mobilidade peonil de veciños que van a Tomiño, así como peregrinos que fan o Camiño Portugués pola Costa. Carmela Silva destacou, ademais, “o compromiso que están tendo os concellos da provincia con este cambio de modelo para construír unha axenda urbana e rural na que a xente sexa dona dos espazos”.

Segunda fase

A segunda fase das obras, para a que xa está redactada o convenio e sacarase a licitación en canto estea aprobado, actuarase no seguinte tramo, ata o punto quilométrico 3+600 para crear itinerarios peonís continuos na totalidade da zona. Neste días enviarase o convenio ao Concello, para aprobar un orzamento de 795.872 euros que estará cofinanciado ao 80% – 20% entre Deputación e o Concello.

O prazo de execución desta obra é de dez meses e contempla varias actuacións. Por unha banda, no tramo da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras executarase unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil, mentres que no resto deseñaranse sendas peonís desagregadas dos vehículos. Tamén se renovará a capa de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais de mellorar a mobilidade peonil, na segunda fase das obras da EP-3303 executaranse redes soterradas de recollida de augas pluviais con cunetas transitables e de alumeado con arquetas para a futura colocación de farois.

Inauguración de «Vidas perdidas» exposición organizada polo grupo de Participación Xuvenil e Adolescente ‘Axentes do Cambio’

0

Dende este pasado venres Redondela acolle no Multiúsos da Xunqueira e ata o vindeiro 30 de xuño, a primeira exposición organizada e coordinada por Axentes do Cambio, o Grupo de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Redondela. Trátase dun traballo colaborativo que nace como resposta á invasión rusa de Ucraína e que baixo o título ben significativo de ‘Vidas perdidas’, pretende sensibilizar á poboación sobre as devastadoras consecuencias das guerras e de accións bélicas de todo tipo.

A través de carteis informativos e debuxos, os nenos, nenas e adolescentes que forman parte deste grupo, expresaron os seus pareceres sobre o drama humano que se deita detrás de decisións políticas e xeoestratéxicas que en nada atinxen ás persoas que as sofren.

Aos traballos realizados por este grupo, aos que destinaron parte do tempo das súas últimas xuntanzas quincenais, sumáronse os de varios centros de ensino do municipio –CEIP Igrexa, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Reboreda, CEIP Quintela e IES Illa de San Simón–, que quixeron poñer o seu gran de area.

A alcaldesa, Digna Rivas e mais a concelleira de Xuventude, Olga García Ballesteros, acompañaron a estes rapaces e rapazas para ver o resultado dun traballo realizado “dende a sensibilidade e implicación do grupo para a concienciación da veciñanza”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas.

Ademais dos centros de ensino, neste traballo implicáronse por propia iniciativa as bibliotecas municipais, deseñando cadanseu centro de interese con libros e outros documentos das súas coleccións nos que se denuncian as guerras e os danos irreversibles que provocan.

A ‘Festa da Bicicleta’ reuniu a máis de 600 persoas

Os tres concellos do Val Miñor volveron a pedalear xuntos  este domingo 5 de xuño para festexar a tradicional ‘Festa da Bicicleta’ que nesta ocasión reuníu a máis de 600 persoas tras ser aprazado o 17 de Maio pola previsión de choiva. Esta 32 edición recuperou o formato habitual pre-pandemia tras dous anos sen poder celebrarse conxuntamente.

A marcha finalizou en Panxón ao corresponderlle a quenda da organización a Nigrán. Un ano máis cumpliuse o obxectivo de vivir unha xornada festiva en toda a comarca para gozar coa familia e amizades ao tempo que se promove o deporte e a socialización como hábitos saudables.

A Piscina Municipal da Guarda estará pechada no mes de xullo

0

O Concello da Guarda informa de que, ao longo do mes de xullo de 2022, a Piscina Municipal estará pechada e realizaranse diferentes traballos nesta infraestrutura municipal.

Estes traballos consisten na adecuación á normativa vixente de parte das instalacións da Piscina Municipal e diferentes traballos de conservación e mantemento, coincidindo os mesmos co peche anual da piscina por vacacións.

A previsión é que estes traballos non se demoren máis dun mes e que se realicen coincidindo co peche anual da piscina no mes de xullo.

O Museo acolle o sábado un ‘Vieiro polo Museo de Pontevedra con Florencio Delgado’

O Museo de Pontevedra vai acoller o vindeiro sábado 11 de xuño un ‘Vieiro polo Museo de Pontevedra con Florencio Delgado’. Trátase dun percorrido pola traxectoria vital e literaria do autor protagonista este ano do Día das Letras Galegas guiado por Polo Correo do Vento a través de artistas que colaboraron con el na revista Vieiros ou tiveron contacto ao longo da súa vida: Castelao, Seoane ou Arturo Souto, entre outros.     

A actividade será o sábado ás 12:30 h e a entrada será libre para público familiar ata completar cabida. Trátase dunha das iniciativas postas en marcha para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se iniciaron no mes de maio con varias sesións de contacontos ilustrados dirixidos a escolares co obxectivo de afondar na figura do poeta ourensán.

Xa da man do departamento provincial de Lingua, tamén continúan no mes de xuño as actividades para conmemorar as Letras Galegas coa xira do espectáculo ‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’. As representacións, que xa comezaron en maio, seguirán este mércores día 8 á unha da tarde no CEIP Pazos de Borbén, do mesmo concello; o mesmo día ás seis da tarde na biblioteca municipal de Tui; o día 10 en Baiona (lugar por determinar); o 11 ás oito da tarde na Praza de España en Meis; o 13 ás 10.30 h no Auditorio Municipal do Rosal, e o 29 en Redondela ás seis da tarde no Centro Cultural Manuel Lamazares.

Trátase dun espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, unha das voces máis senlleiras da literatura do exilio polo que nas actividades de realce da súa figura organizadas dende o organismo provincial era precisa unha programación que tivera como protagonismo á cativada.

Na actividade alternarase a narración da biografía de Delgado Gurriarán, coa creación dunha ilustración  e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realice a súa propia caricatura  do autor.