A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, informaron de que xa se atopa rematado e listo para lanzar ás librerías o gran proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista: “O libro da rosa”.
Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saiu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.
A Festa da Rosa vívese deste xeito, este ano, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista. A data da presentación oficial, que se celebrará no Pazo de Mos, será o vindeiro martes, 14 de xuño; durante a xornada seguinte ao Día da Rosa e festivo local: o 13 de xuño.
Os 10 autores e autoras galegos/as contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinan “O libro da rosa” son:
- AGUSTÍN AGRA
- VICENTE ARAGUAS
- MARÍA CANOSA
- FRANCISCO CASTRO
- RAQUEL CASTRO
- MIRIAM COUCEIRO CASTRO
- XESÚS FRAGA
- DIEGO GIRÁLDEZ
- MARÍA XOSÉ PORTEIRO
- PURA SALCEDA
Desde Galaxia definen así esta pequeña xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario, e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias. Con esa premisa, pedímoslles a dez autoras e autores de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite
estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”. O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.
As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse hoxe “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademáis o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.