Sábado, 9 Novembro de 2024

O Concello de Nigrán insta a empregar xa a nova cociña escolar do CEIP Humberto Juanes

O alcalde de Nigrán, Juan González, reuníuse esta semana con representantes das Anpas do CEIP A Cruz (Camos), Mallón, Carlos Casares (Vilariño), Humberto Juanes (Nigrán) e Terra de Turonio (Gondomar) para coñecer de primeira man a problemática crecente coa calidade dos menús escolares neste curso, elaborados todos por eles por un catering en A Estrada. Neste encontro na nova cociña escolar municipal (construída polo Concello no CEIP Humberto Juanes cun investimento de 373.878 €) rexedor e directivas ratificaron a necesidade de que o catering empregue estas instalacións para humanizar o servizo e melloralo.

“A situación actual é insostible, as queixas son fragrantes. A obra xa está rematada, agora pedimos á Xunta que mova ficha e obrigue á empresa adxudicataria a cociñar aquí. A saúde dos nenos está por riba de calquera interese empresarial”, indica o alcalde, Juan González, quen incide en que non está a pedir ningunha idea nova e alude á propia realidade da comarca, xa que no CEE de Panxón se cociña tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. ‘As Dunas’ (en Vigo o caso é o Dr.Fleming, que cociña para outros centros). “Temos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de catering, e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública”, destaca González.

As comunidades escolares sospeitan que a suba de prezos está a repercutir neste curso nunha peor calidade dos alimentos e na escasez dos mesmos. Así, segundo as propias ANPAS recollen no seu escrito remitido o 31.05.22 á Xunta, o servizo “non é de calidade e moitas veces non cumpre cos pliegos de condicións que asinou á Xunta para a súa adxudicación”. Entre outros aspectos recollen: sopa para celiacos conxelada; insuficientes iogures, froita ou bolos de pan; ás veces non hai pan para celiacos; seguen empregándose pratos de plástico; ten chegado sucia a vaixela; pouca froita e nada variada; bolos de pan indebidamente envasados; nos pratos de pasta atún “testimonial”; nos pratos de arroz con salmón “3 anaquiños por rapaz”; en ocasións a comida é insuficiente e hai que repartir entre os comensais a costa de diminuír racións; as cremas totalmente líquidas, non de culler; lentellas ou tortilla queimadas e pastas ou arroces pasados, o crudos, coma o polo. Estas queixas son transmitidas puntualmente ao Catering e Servizo de Comedores Escolares sen que obteñan contestación, polo que agora as Anpas solicitaron unha reunión coa Xefatura Territorial da Xunta e que se fagan auditorías para comprobar o funcionamento e se tomen medidas.

“O propósito é a mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional, e propoñemos o uso da cociña do CEIP Humberto Juanes, que pode humanizar un servizo que a día de hoxe está deshumanizado e que pode incluir platos que ata agora non se podían polo transporte (100 km) e o horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”, conclúe o escrito. “Buscamos que se corrixan estas deficiencias nos menús inmediatamente e que sexa obrigatorio para a concesionaria empregar a nova instalación. É unha cuestión de saúde”, defende González.

O Concello de Nigrán investíu 373.878 € na construción dunha cociña no CEIP Humerto Juanes (centro que dispuña dese espazo) dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que así o desexen, así, tería capacidade para abastecer ata 1.000 usuarios, tendo os colexios de Nigrán actualmente 561 comensais asignados.

Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos. Esta nova cociña ocupa 490 metros cadrados dunha antiga zona de almacén e de aulas e conta cun equipamento acorde ás demandas actuais.