10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeA ParadantaA CañizaTransformación da estrada vella da ponte das Achas nunha vía adaptada ao...

    Transformación da estrada vella da ponte das Achas nunha vía adaptada ao modelo de sostibilidade da Deputación

    O trazado antigo que discorre sobre a ponte románica das Achas sumarase ao modelo de mobilidade segura da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, visitou a zona, acompañada do alcalde, Luis Piña, do deputado de Cooperación, Santos Hector, e de integrantes da Corporación municipal da Cañiza para dar a coñecer o proxecto á veciñanza. A obra ten un orzamento de 411.016 euros, dos que a Deputación achegará o 70 % (287.711 euros) e o Concello asumirá o 30 % restante (123.405 euros). O convenio xa foi aprobado polo Pleno da Cañiza a finais do pasado mes e terá o visto bo da Deputación na Xunta de Goberno desta semana. Quedará así o camiño expedito para a aprobación do expediente de contratación e a licitación das obras.

    A presidenta provincial salientou a necesidade de actuar nunha ponte cun “enorme valor patriomonial” como é a das Achas, que se atopa nunha situación “intolerable” e que tralas actuacións “volverá a ser a ponte que nunca debeu deixar de ser”. Neste senso, destacou a actuación do Concello ao poñerse en contacto coa Deputación para realizar esta obra, que é “moito máis ambiciosa do que estaba previsto”, ao actuar ademais na contorna deste ben patrimonial. Carmela Silva lembrou que para facer realidade este proxecto o Concello fixo un “ importante esforzo de xestión” ao traballar para a cesión dos 22 terreos afectados.

    As obras permitirán que a Ponte das Achas “se amose en toda a súa beleza” e que a súa contorna se converta nun “espazo extraordinario para poder camiñar con seguridade e poder desfrutar e presumir dunha das pontes máis fermosas”. Carmela Silva tamén se referiu ao modelo de mobilidade da Deputación que sitúa ás e os peóns no centro que está a “revolucionar a provincia” e incluso está recoñecido pola Unión Europea. “O modelo conta co apoio dos alcaldes e alcaldesas sen distinción da súa cor política. Vemos como o mundo local pon por enriba de todo o benestar da veciñanza”.

    Luis Piña puxo en valor que esta obra é unha “reivindicación e demanda do conxunto da veciñanza da Cañiza” e que vai alén desta “ponte histórica” ao realizar unha “actuación integral que afecta ao tránsito peonil e rodado en consonancia filosofía que defende a Deputación”. O alcalde asegurou que a institución provincial “aceptou todas as liñas que lle formulamos” en relación ao proxecto e agradeceu a Carmela Silva o seu apoio. “Sen lugar a dúbida es a mellor presidencia da Deputación no período democrático, aquí están os datos e os feitos”.

    Peitoril de pedra para eliminar as varandas metálicas

    A actuación de seguridade viaria e mellora da mobilidade peonil abrangue un treito de 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002 entre os núcleos rurais das Achas e da Ponte que, maioritariamente, transcorren polo trazado antigo. Ademais dunha actuación de seguridade ten tamén gran relevancia patrimonial pois inclúe a recuperación da ponte das Achas, que agora está asfaltada e conta con antiestéticas varandas metálicas. O viaduto románico pasará a contar con pavimento de lastro de granito e as actuais varandas metálicas serán substituídas por un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura.

    No núcleo das Achas a Deputación construirá unha zona de convivencia, con plataforma elevada 10 centímetros e acabada en formigón gris escuro, previo saneo do pavimento existente. Tódalas canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas. Na zona de contacto coas vivendas disporase unha cenefa con lousas rectangulares de granito. Ademais, a estrada pasará a contar cunha senda peonil ao longo da marxe dereita de 2,50 metros de ancho medio, tamén executada en formigón de cor gris escura, dende a zona de convivencia ata o núcleo da Ponte. A carón dela, os sobreanchos serán tratados con lastro de granito. Ata a zona da depuradora (situada entre ambos núcleos) disporase cuneta transitable entre a calzada e a nova senda. O firme no tramo a carón da senda será repavimentado con aglomerado en quente de 5 centímetros de grosor e será dotado tamén de drenaxe de augas pluviais con tubo de PVC de 400 mm. Colocaranse bancos de granito, nova sinalización horizontal e vertical, e rede de alumeado mediante luminarias LED con columnas de aceiro de 9 metros. O tráfico rodado, nesta nova vía que dá preferencia ao tránsito peonil, quedará ordenado o tráfico en dirección única en sentido Oeste-Este, é dicir en dirección As Achas-A Ponte. Con este fin ampliarase a zona verde existente na intersección e disporase unha sebe vexetal de buxos no linde coa senda.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.