O PSdeG-PSOE de Salceda reafírmase na necesidade que ten o concello das dúas infraestruturas (Centro de DIA e Galiña Azul), ante o anuncio de presentación dunha moción no pleno por un grupo político da corporación municipal, a través da cal se vai a instar ao resto de grupos políticos da corporación a instar á Xunta de Galicia a construción do centro de DIA e unha segunda Galiña Azul. O PSOE, a través da súa Secretaria Xeral e alcaldesa Verónica Tourón e da súa Comisión Executiva queren manifestar o seguinte:
- A alcaldesa e o seu grupo municipal son firmes defensores tanto da construción dunha segunda Galiña Azul como dun centro de DIA para o noso concello, tal e como o teñen manifestado en numerosas ocasións.
- O grupo municipal socialista impulsou a solicitude do centro de DIA, coa súa alcaldesa Verónica Tourón á cabeza. Non só xestionou a solicitude da subvención senón que tamén a través da concellería de urbanismo, desenvolveuse e aprobouse inicialmente a reparcelación do Polígono II do PERI para dispoñer de terreos dotacionais que fixeran posible, a ubicación das dúas infraestruturas, ademais zonas verdes e un solar para a construción de vivenda protexida.
- Ante a presentación da solicitude de construción do centro de DIA foron o resto dos partidos da corporación municipal, Movemento Salceda e Partido Popular, os que con sendas notas de prensa, intentaron desmarcarse da posibilidade de manter vivas as dúas peticións, alegando a falla de dispoñibilidade de terreos para a construción de ditas dotacións ou apostando claramente e de forma prioritaria tan só pola construción da segunda Galiña Azul.
O grupo municipal do PSdeG de Salceda unirase de forma clara e sen fisuras a dita moción, posto que Verónica Tourón xa leva varias semanas facendo este chamamento á unidade. Por enriba dos diferentes grupos políticos que conforman á corporación municipal están as necesidades de toda a cidadanía de Salceda polas que incansablemente loitaremos dende á alcaldía e a nosa representación institucional no parlamento de Galicia e no goberno de España.