Domingo, 8 Xuño de 2025

Aprobado o Plan Concellos 2023 da Deputación con cifras históricas

O Plan Concellos 2023 máis elevado da historia, dotado con 44 millóns para o financiamento regrado dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, xa é unha realidade. O instrumento de financiación municipal máis investidor na provincia de Pontevedra foi aprobado no Pleno da Deputación cos votos favorables dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do Partido Popular. Un Plan Concellos que crece nun millón de euros sobre o actual e que destina integramente esta suba a reforzar a liquidez dos concellos de menos de 20.000 habitantes para axudarlles a afrontar os retos da crise de inflación global.

O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, destacou que a Deputación volve responder, como fai ano tras ano, achegando máis recursos e máis mecanismos para afrontar a difícil situación económica internacional, agravada pola “guerra de Putin”, e poñendo en marcha novos mecanismos para asegurar non só a liquidez, senón tamén a creación de emprego, todo elo para continuar garantindo dereitos e servizos na provincia. A este respecto recordou que este ano introdúcese aínda máis flexibilidade abrindo a posibilidade de desviar ata un 30% dos fondos da liña 1 do Plan Concellos (Investimentos) ata á liña 2 (Pagos a provedores, débeda e gasto corrente). Ademais, a liña 3 (Emprego) reformúlase para adaptala á Reforma Laboral poñendo en marcha así un Programa propio de Políticas Activas de Emprego.

O Plan estrutúrase en 30,5 millóns para Investimentos, 4 millóns para pagos e gasto corrente (absorbe integramente o millón de euros adicional) e outros 9,5 millóns para financiar a nova liña 3 de emprego. Da aposta do Plan Concellos polos municipios de menor poboación dá conta o feito de que os 37 concellos de menos de 10.000 habitantes reciben 19.941.979 euros (o 45,32% do total); os 14 concellos de ata 20.000 habitantes, 14.057.498 euros (o 31,95%) e, finalmente, os 8 municipios que superan os 20.000 habitantes e non chegan a 50.000 habitantes, reciben 10.000.523 euros (un 22,73%). “Polo tanto, o 77,27% dos cartos do Plan Concellos van a municipios pequenos e medianos que, ademais, terán un millón máis que o ano pasado. Reciben 34 millóns sobre os 44 do Plan”, recalcou Carlos Font.

“Un ano máis poñemos esta ferramenta de éxito recoñecido ao dispor dos concellos para continuar coa recuperación social e económica trala pandemia. Reforzamos o noso papel máis municipalista, o papel desta institución como a mellor aliada dos concellos e repetimos o logro de ser a Deputación de toda España que máis transferencias fai aos concellos, cun 33,7% dos recursos totais, segundo os informes do Ministerio de Facenda”. Carlos Font puxo tamén o acento na aprobación temperá do Plan Concellos, que permite ao municipalismo da provincia adiantar a súa planificación para o ano próximo. Afirmou que o Plan Concellos aséntase sobre tres piares: “un plan para todos, un plan de respecto á autonomía local e un plan de  equidade, ao repartirse con criterios obxectivos e transparentes por enriba da cor política das alcaldías”.

Os 30,5 millóns do Fondo Local base da Xunta contra os 44 millóns do Plan Concellos

Font falou das 2.913 obras executadas dende 2016 ata agora, as 1.440 accións de pago, gasto corrente e actividades socioculturais e dos 7.007 postos de traballo creados para atender servizos municipais. Todo elo cos 340 millóns de euros (267 millóns para os concellos pequenos e medianos) repartidos con transparencia dende 2016, cifras que cualificou como “demoledoras”. “Iso é do que estamos a falar, do maior programa de financiamento da historia desta provincia, ata o punto de que é imposible viaxar sen atoparse coas pegadas do Plan Concellos en cada esquina”. “Os datos son o que vale”, remarcou, en contraste coa “guerra política, sen ningún, dato do PP”. O responsable provincial de Economía e Facenda comparou o financiamento regrado da Deputación, que crece ano tras ano,  coa conxelación do Fondo de Cooperación Local base da Xunta, que permanece en 112,9 millóns de euros para os 313 concellos de toda Galicia dende o ano 2011, sen actualizar sequera a inflación. “A Xunta só contribúe ao financiamento obxectivo dos concellos da nosa provincia con 30,5 millóns de euros, mentres que o Plan Concellos achega 44 millóns de euros”.

O vicepresidente, César Mosquera, botou en falta un debate serio sobre o financiamento dos concellos. “A Deputación fai un esforzo ímprobo porque o gasto por habitante que reciben os concellos de menos de 10.000 habitantes multiplica por 4 o que perciben os concellos de máis de 50.000 habitantes desta provincia”, explicou.

O Pleno aprobou tamén, cos 16 votos a favor de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, unha modificación de crédito por 6,47 millóns de euros que Carlos Font definiu como o “broche final” ao Orzamento vixente de 2022. A modificación posibilitará a execución de novas obras de mobilidade integral nas estradas provinciais por valor de 5,66 millóns de euros e, ademais, a aplicación da compensación ao persoal da Deputación derivada do Real Decreto Lei sobre medidas de protección aos consumidores de enerxía e de retribución ao servicio do sector público, que se traducirá nun incremento das retribucións deste ano dun 1,5%. A maiores coa modificación financiarase a adaptación do novo espazo da Imprenta Provincial dentro do Centro Príncipe Felipe, en Pontevedra, e financiaranse as achegas provinciais necesarias para a posta en marcha de tres proxectos europeos, dous deles de turismo sostible (“Camiños do Deza” e  “Entrerríos-Condado-Paradanta”) e un terceiro de índole empresarial (“Acelera Pyme”). Finalmente, a modificación do Orzamento financiará un novo programa de cine musicalizado polas bandas de música da provincia e as subvencións nominativas para os concellos que asumiron a xestión directa das escolas deportivas da especialidade de patinaxe.

Cesión ao Concello de Lalín de edificacións da finca de Mouriscade

O Pleno da Deputación aprobou, por unanimidade, a solicitude do Concello de Lalín para a cesión do antigo laboratorio, a casona e as edificacións auxiliares da finca de Mouriscade, ademais dunha superficie de 723 metros cadrados anexa á estrada municipal co fin de garantir a ampliación da súa plataforma a 8 metros. Con estas cesións, a Deputación volve colaborar con Lalín, neste caso para a materialización do proxecto “Espazo Mouriscade”. O conxunto das instalacións e parcelas foi valorado en 1.315.597 euros. O Concello lalinense pretende dar unha nova vida a este espazo conectándoo coa área recreativa do río Asneiro e creando un centro sobre o mundo rural. O acordo de aprobación inicial do expediente de cesión será agora sometido a exposición pública.

Finalmente, o Pleno desbotou, cos votos maioritarios do Goberno provincial, a moción  presentada polo Partido Popular para a creación dunha liña de subvencións dirixida especificamente a comunidades veciñais de augas. O informe da Secretaría provincial solicitado polo grupo popular desbotou explicitamente esta posibilidade ao advertir de que as competencias no abastecemento son de titularidade municipal polo que desaconsella dirixir axudas directas ás entidades que xestionan as traídas veciñais. O Goberno provincial acusou ao PP de pedir informes para logo non aceptalos. Ademais respondeu alegando que a Xunta de Galicia recada o canon da auga en toda a comunidade autónoma (fiscalidade que vai incrementar cos novos cánones de colectores e depuradoras), pero sen embargo dirixe os investimentos en materia hidráulica de xeito discrecional, fundamentalmente cara concellos gobernados polo PP. Por este motivo, Carlos Font anunciou que enviará o texto da moción “popular” á Xunta, por se a estima de interese. Tamén quedou desbotada, sen debate ao non ser un asunto de competencia local, outra moción do grupo conservador sobre os Orzamentos do Estado para 2023.

O Concello de Baiona realiza traballos de mellora na Fonte da Rega en Belesar

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Vías e Obras, está a preparar os últimos retoques da Fonte da Rega, no Urgal, Belesar.

Tras sanear e facer unha nova estrutura na mina de auga da devandita fonte, está a terminar o acceso á mesma. Este traballo fará que a mina poida ser accesible para os operarios municipais para poder facer os labores de mantemento. Ademais, mellorará a circulación de auga desde a mina ata a fonte.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez, sinala que ” esta intervención suporá  unha mellora estrutural na captación da fonte da Rega”.Así mesmo, comenta que ”esta intervención súmase a tantas outras que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.

A aula CeMIT de Ponteareas programa oito cursos de balde en novembro

A aula CeMIT de Ponteareas prepara para este mes de novembro unha programación cargada de actividades dirixidas a todos os públicos. En total serán 8 cursos de balde “coas que achegar a maiores pero tamén ás novas xeracións o coñecemento das aplicacións gratuítas ou o emprego de todo o potencial que ofrece internet, xa que nun mundo cada día máis tecnolóxico é fundamental ter as ferramentas axeitadas, sexa cal sexa a idade dos usuarios e usuarias”, explica o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

A programación mensual arrancará cun curso dunha hora para aprender a empregar a nube en internet que se celebrará o mércores 2 de novembro de 17.00 a 18.00 horas. Ese mesmo día de 18.00 a 21.00 horas realizaranse as probas presenciais exclusivas para as persoas que remataron algún curso de teleformación na plataforma EMA. A semana rematará cun curso o 3 de novembro de 16.00 a 21.00 horas sobre o uso de Duolingo, unha aplicación gratuíta coa que aprender diferentes idiomas.

Do 7 ao 11 de novembro (de 16.00 a 18.00 horas) a aula CeMIT acollerá un obradoiro de dez horas no que as persoas participantes aprenderán a sacarlle o máximo partido aos seus teléfonos móbiles. Á semana seguinte as clases estarán centradas en comezar a empregar o Libre Office cun curso que se impartirá do 14 ao 18 de novembro de 16.00 a 21.00 horas.

Por outra banda, este mes as persoas usuarias tamén poderán achegarse aos conversores de ficheiros cun curso o 21 de novembro de 16.00 a 21.00 horas ou a crear orixinais currículos grazas a Canva o 28 de novembro, tamén de 16.00 a 21.00 horas. Ademais, as e os ponteareáns poderán participar nas clases prácticas de ofimática que terán lugar os días 22, 23, 24, 29.e 30 de novembro e 1 de decembro de 16.00 a 21.00 horas.

As persoas interesadas en realizar estes cursos ou calquera dos outros obradoiros que se ofertan mensualmente deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.

O GDR Condado Paradanta presenta unha exposición fotográfica nas Neves

0

O Grupo de Desenvolvemento Rural do Condado Paradanta, presenta a exposición fotográfica “Visións do Territorio” que contempla 90 imaxes da zona, entre as que se inclúe e unha selección das mellores instantáneas realizadas polos participantes dos tres concursos de fotografía organizados polo GDR.

A mostra, que foi financiada con fondos LEADER 2014 -2020 da Xunta de Galicia, exporase en dous escenarios: un exterior, no que se situarán estruturas con forma de cubos que terán como obxectivo proxectar o xeodestino Condado Paradanta; e un interior, no que se mostrarán as fotografías impresas de maneira individual. O punto de encontro entre os espazos atópase nas pezas exteriores, que contan cun mapa onde se xeolocalizan as fotografías da exposición. De este xeito o público poderá coñecer en que puntos do Condado Paradanta se capturaron cada unha das imaxes.

Para o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo con esta actuación “preténdese visibilizar o valor natural, turístico e de patrimonio do territorio, tendo en conta cada un dos concellos que o compoñen”.

Exposición itinerante

A exposición que percorrerá os dez concellos que conforman o territorio do GDR Condado Paradanta, inaugurarase o vindeiro sábado, 29 de outubro as 12:45. A exposición interior estará na Casa da Xuventude e a exterior, na Praza Maior do concello de As Neves.

Segundo o presidente da entidade supramunicipal, acordouse presentar a exposición no marco do proxecto ‘1º Encontro de Artes e Territorio’ por ser un espazo singular e innovador na promoción turística. Tamén destaca a relevancia de fomentar as sinerxías entre concellos e o tecido asociativo, “especialmente en iniciativas de dinamización como a exposición “Visións do Territorio”.

O anterior indica que despois de As Neves a exposición presentarase nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Pontereas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, segundo o demanden as propias administracións locais.

Proceso participativo

Ademais da posta en marcha da exposición fotográfica, o GDR acordou o martes en Xunta Directiva, iniciar o proceso participativo para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local (EDPL) a executar no seguinte período Leader 2023 – 2027.

“Pensa, actúa e constrúe territorio” é o nome do proceso que incluirá diferentes etapas, que terá como denominador común, recoller as necesidades, coñecemento e propostas que a cidadanía poida ter a prol do crecemento territorial.

O procedemento comezará con entrevistas semiestruturadas a persoas significativas dos diferentes municipios e seguirá cunha enquisa online aberta a toda a veciñanza. Tamén se realizarán obradoiros coas mesas sectoriais das entidades socias e grupos focais de interese. Finalmente e despois de analizar a información obtida durante todo o procedemento, presentaranse as conclusións. “Esta é unha iniciativa viva, que pode variar a súa estrutura e aumentar o número de accións segundo se vaia desenvolvendo”, apunta Juan Pablo Castillo.

AEMOS inaugura unha oficina de dixitalización que dará servizo a 120 PEMES de toda a provincia

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu á Xornada Inaugural da Oficina Acelera Peme – OAP Rural de AEMOS, que ten como OBXECTIVO construír unha rede de apoio ás PEMES da provincia de Pontevedra interesadas en dixtalizar o seu negocio, durante o seu proceso de dixitalización. A Asociación de Empresarios de Mos dará cobertura á 120 empresas da provincia neste procedemento.

A rexedora local mosense estivo acompañada durante a xornada inaugural da oficina polo Presidente AEMOS, D. Manuel Castro Álvarez, membros da Xunta Directiva de AEMOS, o Xerente AEMOS, D. Francisco Domínguez, o Presidente ASETRANSPO, D. Ramón Alonso, a Presidenta APROEMA, Dª Arancha Mañas, o Presidente APE Galicia, D. José Caldas, e o Secretario FEGAPE, D. David Sobral.

AEMOS figura entre as entidades seleccionadas por parte de RED.ES para continuar co proceso de creación da Rede de Oficinas Acelera Peme por todo o territorio nacional.

A Oficina Acelera Peme Rural AEMOS busca converterse nun espazo físico e virtual no que se realizan labores de sensibilización e apoio ás empresas españolas (incluídas as de nova creación): especialmente ás pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores, sobre as vantaxes e metodoloxías innovadoras para optimizar o funcionamento dos seus negocios, mediante a incorporación das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) nos seus procesos, de modo que se favoreza a demanda de tecnoloxías innovadoras que contribúan á mellora da súa produtividade.

Por todo elo Arévalo agradeceu enormemente o gran labor realizado pola Asociación de Empresarios mosense: “grazas AEMOS por apostar pola xeración, difusión e posta en valor de contidos asociados á adopción de tecnoloxías e procesos; polas actuacións de sensibilización e apoio ás pemes sobre metodoloxías e tecnoloxías innovadoras favorecendo a súa incorporación nos seus procesos produtivos e de xestión; e as actuacións de asesoramento e soporte nas áreas principais de transformación dixital co ánimo de que o maior número de pemes coñeza o seu servizo. Aposta decidida grazas á que Mos revélase como peza clave neste proceso de dixitalización. Por iso, de novo, grazas AEMOS”, dixo na súa intervención de clausura do acto.

Durante a xornada celebrada no Viveiro de Empresas de AEMOS no Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña informouse tamén de que durante este mes de Outubro e o vindeiro Novembro AEMOS levará a cabo Xornadas de Presentación e posta en marcha do servizo, en diversos puntos da provincia.

O Rosal continúa transformando o núcleo urbano da vila

0

O Concello do Rosal continúa a traballar para converter o núcleo urbano do municipio nun espazo de calidade, sen barreiras, inclusivo e accesible. O Goberno local ven de adxudicar as obras de reforma da contorna do Calvario, un proxecto co que se busca “seguir recuperando o epicentro da nosa actividade económica, social e convivencia e transformando O Rosal nun concello moderno e amable no que as persoas estean no centro de cada actuación”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O obxectivo destas obras será mellorar o pavimento e a accesibilidade peonil na contorna, continuar coa recuperación de espazos amables para as persoas e dispoñer de aparcamentos máis eficientes “incorporando os criterios de calidade urbana, accesibilidade, seguranza e melloras ambientais que xa se aplicaron na transformación da propia Praza do Calvario”.

Estes traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, implicarán actuacións na contorna do pavillón, nas rúas Manuel Suárez Marquier e Cabaqueiros e o tramo da rúa Simón do Mazo que conecta ambas as dúas rúas ata a Travesía Simón do Mazo, así como obras na rúa Nova do Couso dende o seu cruce coa Travesía do Couso ata a rúa do Couso, incluíndo o seu tramo entre as rúas Pascuala e Jesús Noya.

Cun orzamento de case 170.000 euros, con estas obras procederase á recuperación do pavimento e das marcas viarias, así como a unha formalización do espazo peonil, incorporando bandas de estacionamento acompañadas por espazos verdes con arboreda que lle dará calidade espacial á zona e achegarán as súas tradicionais funcións de sombra e captación de carbono. Ademais, incorporaranse nos pasos de peóns plataformas que permitan a incorporación dun vado para mellorar a accesibilidade ás beirarrúas.

“Temos unha Praza do Calvario totalmente renovada, unha zona urbana e comercial revitalizada a través dun deseño de praza unitario, atractivo e dinámico co que poñer en valor a historia da vila e o seu patrimonio pero co que tamén xeramos un espazo público de estancia, convivencia e lecer de alta calidade. Con estes traballos continuamos dotando toda a contorna dos espazos que a veciñanza se merece”, recalca a rexedora.

O CEE Juan María inaugurou o seu novo ximnasio

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, asistíu este mediodía á inauguración do novo ximnasio do CEE Juan María, instalación construída grazas a unha achega do Concello de Nigrán de 40.000 €. O goberno local outorgou esta subvención directa despois de que o colexio de educación especial realizase un crowfunding para recadar 52.000 € entre particulares e empresas. Anterioremente, no ano 2020, o centro recibíu unha achega da Xunta de 18.000 € para adquirir a maquinaria deportiva que, a falta deste espazo, estaba distribuída por diferentes salas do seu complexo educativo. O novo ximnasio, ubicado no propio recinto do centro en Parada nun antigo almacén, ten unha superficie de 100 metros cadrados e servirá de lugar de adestramento aos 105 alumnos e usuarios da ‘Asociación Esperanza do Val Miñor’ (Centro Juan María).

“Como creo que resulta evidente, este goberno é sensible a este tipo de demandas que comprenden a saúde das persoas que máis difícil o teñen. Cando nos transmitiron esta petición non dubidamos en colaborar ao máximo”, explica o alcalde, Juan González.

Desde a ‘Asociación Esperanza do Val Miñor’ inciden no importante que resulta o exercicio físico para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios, polo que consideran este ximnasio unha mellora fundamental no servizo educativo e ocupacional do centro.

O Concello de Nigrán colabora activamente co proxecto educativo e laboral do CEE Juan María de Parada, así, cedeu no 2017 unha casa para o seu programa de respiro familiar (en Balinfra, Camos) ou o centro ocupacional ocúpase do mantemento de Porto do Molle e os dous cemiterios municipais por un importe de 30.000 €, a maiores, recibe unha subvención anual de 5.000 € para o proxecto que o centro elixa ou financia actividades e programas como o de terapia canina a cargo dunha empresa especializada.

A proposta do goberno do Porriño para a reducción de impostos non consigue respaldo no pleno

A proposta de reducción de impostos que o Goberno Municipal levaba a pleno a fin de aliviar o esforzo fiscal das familias e empresas porriñesas non conseguiu o respaldo dos grupos da oposición. As dúas modificacións das ordenanzas fiscais que contemplan bonificacións no IBI e no ICIO quedaron sobre a mesa a petición do grupo municipal do PSOE, que contou a tal fin co respaldo de BNG, EU SON e os dous concelleiros non adscritos, Manuel Carrera e Lourdes Moure.

A proposta do executivo contemplaba bonificacións no IBI do 30 % da cuota íntegra para os inmobles que non dispoñan de conexión á rede de saneamento, do 90 % e 50 % para familias numerosas e de ata un 90% naqueles inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que creen postos de traballo. Tamén pagarían menos aquelas vivendas que instalaran sistemas de eficiencia enerxética, con bonificacións do 50% da cuota durante cinco periodos impositivos para a finalización ou obtención da obra.  Tamén se incorporaban bonificacións no ICIO do 95 %  naquelas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concurrir circunstancias sociais, culturais, histórico-artístico ou de fomento do emprego; do 60% para as obras e construcións necesarias para a posta en marcha de proxectos empresariais e do 30% sobre as instalacións de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo, que no caso de tratarse dunha vivenda de uso residencial ascendería ao 95 %.

“Presentamos unha proposta viable e responsable co único fin de paliar a carga fiscal sobre a veciñanza nos tempos tan complicados que estamos a vivir”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Conta cos pertinentes informes e estudos financieiros para ser aprobado polo pleno e, tal e como saben todos os corporativos e corporativas, os prazos son axustados e tiña que aprobarse nesta sesión para que puidera entrar en vigor no 2023. Pedir que quede sobre a mesa para seguir co debate político impide que saia adiante en tempo e forma e a quen perxudica é aos cidadáns”.

O rexedor concluíu incidindo na viabilidade de reducir a presión fiscal  “non é populismo é unha necesidade que se pode e se debe levar a cabo sustentada nunha boa xestión económica. A solución para o Concello e para a veciñanza non é subir os impostos, como pretendeu o anterior goberno no 2020.  Esa é a vía  fácil, cargar  sobre a xente o peso en lugar de xestionar”.

Adxudicadas as obras da N-551 na Avenida de Portugal de Tui

0

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Mitma, adxudicou as obras de adecuación e mellora da seguridade vial na Avenida de Portugal nun tramo de 400 metros na N-551 entre o cruzamento coa N-550 (intersección do Parador) até a vella Ponte Internacional.

As obras foron adxudicadas por importe de 532.870 euros e consistirán na mellora da seguridade vial e estética desta Avenida, entrada a España dende Portugal, Camiño de Santiago e acceso á cidade. 

Así o proxecto a executar comprende por unha parte a redistribución da sección transversal do tramo e reordenación do tráfico no entorno do  edificio onde se ubica o Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, CCPA. Por outra parte adecuaranse os elementos de drenaxe existentes ao novo deseño da sección transversal. Tamén se levará a cabo a mellora da imaxe do entorno e adecuación ao valor cultural e patrimonial do tramo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembra que se trata dunha vella reivindicación e dunha obra “importante, prioritaria e moi necesaria” que contribuirá á transformar “a principal porta de entrada de Portugal no noso país e Camiño de Santiago”.

O proxecto ‘O Museo en Camiño’ ten a súa exposición no Museo

Desde hoxe e ata o 27 de novembro, o primeiro andar do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle unha exposición didáctica que resume o traballo desenvolvido nos últimos dous meses no proxecto ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’, unha iniciativa co obxectivo de dar a coñecer ao alumnado de Primaria e ás familias o patrimonio que atesoura o Museo de Pontevedra e a súa relación co Camiño de Santiago.

A mostra é un resumo do programa didáctico, no que se amosan as creacións das persoas participantes nos catro obradoiros familiares desenvolvidos en outubro no Museo e o material didáctico dirixido ao profesorado e as familias que se empregou nos obradoiros realizados en centros educativos situados no Camiño Portugués.

O programa ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’ é unha iniciativa de taller abierto e Paspallás en colaboración co Museo de Pontevedra, e forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Consta de tres partes: un programa didáctico itinerante, unha serie de obradoiros de arte experimental e a exposición que agora se abre.

O programa didáctico itinerante achegou o patrimonio do Museo de Pontevedra a cinco pequenas poboacións situadas no Camiño Portugués: Barro, Catoira, Ponte Sampaio, Pontecesures e Cesantes. Un total de 170 alumnas e alumnos de 1º e 2º de Educación recibiron a visita de Raquel Queizás, que dunha maneira innovadora os aproximou á colección do Museo a través dunha escolma de pezas representativas, conseguindo espertar a curiosidade e interese do alumnado.

Os catro obradoiros de arte experimental xuntaron no Edificio Castelao en outubro a 80 persoas entre adultas e menores, que traballaron en familia conceptos artísticos a partir das obras da exposición permanente.

Tui celebra esta fin de semana a II Feira da Cabaza

0

A cabaza será a protagonista esta fin de semana do Samaín en Tui coa celebración da segunda edición da Feira da Cabaza. A cita será no edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada. Exposición e venda de cabazas, obradoiros infantís de cociña, showcooking, e música en directo formarán parte do programa previsto.

O programa comezará este sábado día 29  cun obradoiro de cociña con cabaza para nenos e nenas de 5 a 12 anos impartido por Raquel e Elena Alonso Galván de Cociñarte. Haberá dúas quendas  ás 17:00 h e ás 18:30 h.

O sábado continuará cun showcooking, ás 20:00 h, con menú degustación maridado con viños da zona a cargo de Noelia Figueiras Vega, chef en Gloria Domenecq Catering que elaborará un tabulé de cus cus, cabaza asada e granada, guiso de outono con cabaza, garavanzos, e cogomelos, e mousse de cabaza con kikos crocantes. A cata dos viños Bruña 2021 e Teimosía 2018 será comentada pola sumiller tudense Marina Cruces.

A actividade do sábado pecharase cunha actuación musical ás 22 h.

O domingo día 30  ás 12 h está previsto un showcooking con menú degustación maridado cos viños da Adega Edmun do Val da man da sumiller tudense Olalla Rubial. Mentres o chef tudense Isaac Míguez Viana, propietario do Gastrobar Emma,  elaborará ensalada semifría de cabaza, rissoto de cabaza asada, figos e gorgonzola, e tarta de cabaza e cenoria cuberta de chocolate de chantilly.

Ás 13:30 h haberá sesión vermú coa actuación musical do grupo Kmzero.

Xa pola tarde, ás 18:00 h, terán lugar os últimos showcookings da Feira. O primeiro deles será a cargo de Raquel e Elena Alonso Galván de Cociñarte que elaborarán Taco cochino con cabaza encurtida e brotes ternos e callos vegui con cabaza curada ao pimentón da Vega, maridado esta vez con cervexa artesanal de cabaza de Adrián Vila. O segundo será un showcooking doce da man do mestre pasteleiro tudense Óscar Romero que elaborará Mufins de cabaza con topping de chocolate , crema de queixo e manteiga

Para participar no obradoiro infantil de cociña e nos diferentes showcookings é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo de Tui , co teléfono 677 41 84 05 ou no correo [email protected], ata o día do evento ou ata cubrir prazas que son limitadas.

Como fin de festa, o domingo ás 20:00 h haberá conxuro, queimada e castañas asadas.

Amais, esta fin de semana poderase desfrutar de diversos pratos elaborados con cabaza na hostalería local.

A tormenta causa numerosos desperfectos no Porriño

Operarios municipais atenderon os últimos días decenas de incidencias provocadas pola treboada da pasada fin de semana, que afectou ao alumbrado público, semáforos, alcantarillado e ao firme dalgunhas vías onde xurdiron socavóns.

O temporal, que a madrugada do sábado viu acompañado de tormenta eléctrica, fundiu máis de medio centenar de lámpadas LED que están a ser repostas coa maior prontitude. Afectou tamén a varios semáforos do centro urbano: no cruce de Antonio Palacios coas rúas Cruceiro e Tarela, na avda. Domingo Bueno fronte ao parque infantil e na rúa Antonio Palacios na contorna do instituto.

Tamén se rexistraron seis caídas de árbores sobre viais e anegáronse varias zona.

O persoal do Concello están a traballar para solucionar os desperfectos con rapidez posible.

O Museo de Pontevedra celebra o Día de Defuntos cunha lectura libre

O Museo de Pontevedra celebra este ano un Día de Defuntos moi especial, con Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín lendo de maneira libre Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Será un espectáculo único creado para a ocasión, na que dous dos narradores galegos actuais máis destacados farán a súa propia lectura dun dos textos máis populares de Castelao. A cita é o mércores 2 de decembro ás 19.00 horas no Edificio Castelao, con entrada de balde ata completar aforo.

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete é un texto en prosa publicado na colección Céltiga de novelas breves en 1922, hai xusto cen anos. Nel Castelao exhibe o seu concepto do humor a través dunha serie de historias breves fiadas polo narrador, un esqueleto, e os seus compañeiros de cemiterio. Dentro da colección de case 2.000 obras de Castelao que conserva o Museo, figura unha edición orixinal autógrafa, bosquexos, estudos e probas dos gravados que incluíu no libro, así como un cartel anunciando a súa publicación.

Sobre este texto construirán a súa narración Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín. Cadaval é un actor, director e adaptador teatral, cunha longa traxectoria e un amplo recoñecemento, tanto popular como no ámbito académico. É un dos máximos responsables do auxe dos contacontos ou narradores de historias en Galicia a partir da década dos 90.

Pola súa parte, Sanmartín é poeta e narrador, tamén cunha gran experiencia sobre as táboas e no desenvolvemento de proxectos sociais e culturais. Destaca a calidade coa que traslada á escena a memoria cultural e o saber popular, especialmente das persoas maiores, coas que traballou frecuentemente.

Superpoderes, lingua e artesanía nos novos cursos da OMIX de Tomiño para este outono

0

O Concello de Tomiño segue a por en marcha novos cursos, obradoiros e iniciativas para que a mocidade siga aprendendo e divertíndose durante os meses de outono. A OMIX acaba de abrir o prazo de inscrición para tres novidosos cursos de tres ámbitos totalmente diferentes: os idiomas, a artesanía e as novas tecnoloxías. “Queremos achegar á nosa mocidade unha programación actual, na que se traten temáticas que lles interesan especialmente e que poden brindarlles novas oportunidades persoais ou profesionais”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Baixo esta premisa desembarca en Tomiño un innovador obradoiro realizado baixo a metodoloxía Lego® Serious Play®, unha ferramenta que facilita a reflexión, a comunicación e a resolución de problemas baseándose nas construcións 3D e que permitirá a todas e todos os participantes converter as súas habilidades en ‘Superpoderes’. A través deste obradoiro os rapaces e rapazas a partir dos 16 anos “indagarán dun xeito eminentemente práctico e vivencial sobre as súas habilidades reais para abrir un camiño de posibilidades cara ao futuro persoal e profesional, xogando seriamente e dun xeito creativo”. “Este método parte dun principio exemplar: que todas as persoas temos algo único e valioso que achegar. E iso permitirá ás e aos participantes aprender a reflexionar, a comunicarse e a enfrontarse a desafíos complexos”, explica a rexedora. O curso impartirase o sábado 19 de novembro de 09.30 a 14.00 horas en Goián e terá un prezo de 10 euros.

Deixando as novas tecnoloxías a un lado, os e as amantes dos idiomas poderán achegarse á lingua de signos española con un curso de nivel elemental para o que non se precisa coñecemento previo. Será 30 horas de clase moi prácticas nas que se buscará a máxima implicación e participación activa do alumnado para traballar as destrezas principais da lingua, como a expresión, a interacción e a compresión signada. O curso comezará o vindeiro 26 de novembro e impartirase todos os sábados de 12.00 a 14.00 horas en Goián. Pensado para rapazas e rapaces a partir de 12 anos, terá un prezo de 15 euros por persoa participante.

En decembro chega a artesanía á OMIX de Tomiño cun curso monográfico de cestería, no que cada persoa participante aprenderá a confeccionar, crear e compoñer as súas propias pezas coa guía do docente. O obradoiro será de balde, estará destinado a rapaces e rapazas a partir de 12 anos e impartirase de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas en Goián.

As persoas interesadas en participar en calquera destes obradoiros poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello de Tomiño.

O Concello de Ponteareas únese a UNICEF no Día Mundial da Infancia

O Concello de Ponteareas aprobou este martes por unanimidade en pleno sumarse á UNICEF Comité Galicia na celebración o vindeiro 20 de novembro o Día Mundial da Infancia, que este ano se celebra baixo o lema ‘Dereitos e emocións’. Deste xeito o Concello comprométese coa promoción dunha maior e máis eficiente investimento na infancia, garantindo que se asignan os recursos necesarios para afrontar todos os retos relacionados cos dereitos da infancia: a saúde mental, a educación, a protección ante todo tipo de violencia e o dereito a vivir nun medio ambiente san.

Ao abeiro destas iniciativas, o Concello de Ponteareas impulsará mecanismos integrais de prevención en materia de saúde mental na infancia e na adolescencia destinados a mellorar o benestar emocional de nenos, nenas e adolescentes e promovendo hábitos de vida saudábeis. Un eido moi relevante xa que 1 de cada 10 adolescentes de entre 10 e 19 anos teñen diagnosticado un problema de saúde mental e, segundo datos da Enquisa Nacional de Saúde de 2017, o 13, 2% dos nenos e nenas de 4 a 14 anos presenta risco de sufrir algún tipo de problema de saúde mental.

Ponteareas tamén continuará impulsando políticas de reforzo educativo que garantan o acceso equitativo e efectivo a unha educación de calidade a través de bolsas e programas de apoio, especialmente para nenos e nenas nas súas primeiras etapas educativas ou en situación de vulnerabilidade. Unha medida fundamental coa que se busca tamén combater ese 31,7% de nenos e nenas galegas que viven en risco de pobreza e exclusión social.

O Goberno local seguirá traballando ademais en mecanismos para facer de Ponteareas unha contorna protectora para que todos os servizos dirixidos á infancia garantan a protección de nenos, nenas e adolescentes ante situacións de violencia e levaranse a cabo actuacións que promovan unha transformación urbana con enfoque de infancia para mellorar a calidade ambiental da vila e dos espazos sociais, asegurando que todos os nenos e nenas gocen dun medio ambiente limpo e saudábel. Todos estes compromisos van acompañados de ter en conta as propias voces, necesidades e prioridades de cada neno, nena e adolescente nas decisións que lles afectan, como xa ocorre co actual Consello da Infancia e da Adolescencia de Ponteareas, cada día máis activo e implicado.

Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade unha emenda aos orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 para incluír unha partida específica destinada ao proxecto de mellora da seguridade viaria da N-120 e prever as plurianualidades dos investimentos para a variante de Ponteareas.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana someteu a información pública o proxecto e, tras concluír o período de alegacións atópase xa na fase de análise e informe para a súa posterior licitación. Por este motivo resulta imprescindíbel contar cunha partida que soporte estas actuacións durante o vindeiro ano.

Os Policías Locais da provincia, preocupados pola defensa do espazo público

A Deputación de Pontevedra deu un novo paso para potenciar o modelo de cidades no que as persoas e non os coches son os protagonistas. E fíxoo co seminario #PoliÁgora, unha iniciativa formativa que puxo en relevo a importancia dos axentes municipais como garantes da nova dimensión que debe ter o espazo público “como espazo de estancia e non só de circulación” dos vehículos a motor.

 Na xornada participaron como relatoras a directora provincial da Dirección Xeral de Tráfico Paula Yubero, o  director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra Daniel Macenlle (que tamén substituíu por baixa médica ao inspector xefe da Policía Local de Pontevedra José Manuel Duarte Solla), o oficial xefe da Policía Local de Ponteareas Benigno Moldes Álvarez e o policía local e voceiro da Policía Local de Pontevedra Manuel Omil.

Na súa exposición tanto a presidenta Carmela Silva como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez subliñaron que as Policías Locais “son fundamentais” para a construción do novo espazo público no que as persoas son o centro e os vehículos son un instrumento a utilizar só cando é necesario. “Vós tedes un papel fundamental para ordenar e facer pedagoxía entre a cidadanía. Sodes servidoras e servidores público imprescindibles para ordenar o espazo público no que habitamos. Tedes que ser parte da construción no novo relato sobre as cidades e vilas”, destacou Silva.

O deputado nacionalista explicou, pola súa parte, que #PoliÁgora organizouse pola importancia da formación sobre o espazo público nos corpos municipais de Policía, xa que deben executar os modelos de cidade polos que apostan as e os gobernantes. Destacou que a visión das e dos axentes é fundamental posto que coñecen as problemáticas do día a día, que deben manexar e solucionar “cos conceptos claros” sobre como potenciar o espazo público. Subliñou que o seminario naceu con vocación de continuidade.

Pola súa banda, Daniel Macenlle salientou a importancia de #PoliÁgora por amosar ás Policías Locais, tradicionalmente destinadas a regular o tráfico para evitar atascos e facer máis fluída a circulación rodada, que o espazo público ten “outra dimensión”. “Temos que esquecer esa cidade para ese usuario tipo que é varón de mediana idade e que conduce, na que todas as demais persoas están fóra. Hoxe as cidades comezan a ser outra cousa, son espazos públicos para todas, non só para circular, para moverse en xeral e sobre todo para estar. Son elementos cohesionadores, deben ser elementos democráticos e igualitarios e esa nova dimensión do espazo público é a que se pretende transmitir para que se vexa que hai vida máis alá do vehículo privado. As cidades teñen que ser outra cousa. Xogámonos moito en termos de sinistralidade, de convivencia, de cohesión e cambio climático”, salientou.

Finalmente, a directora provincial da DXT, Paula Yubero, fixo fincapé tamén na clausura que o modelo de mobilidade cambiou e iso ten propiciado un cambio de paradigma no que o vehículo a motor non é o centro, senón as persoas, tendencia que queda plasmada na Estratexia de Seguranza Viaria 2021-2030 do organismo estatal.

Yubero, coincidindo no plantexamento de vilas e cidades da Deputación e a Rede Ágora, salientou tamén que a modificación lexislativa sobre a velocidade máxima en ámbitos urbanos a 30 km é unha medida que require “unha transformación física e cultural do modelo de cidade”. Sinalou que co fin de acompañar aos concellos a DXT vén de publicar unha ‘Guía Cidades 30, rúas seguras’, así como unhas ‘Recomendacións sobre Mobilidade Urbana e Sustentable’ nas que hai suxestións sobre medidas de deseño, regulación e ordenación de tráfico.

Entre as e os asistentes estiveron os intendentes xefe, axentes e auxiliares de diferentes concellos da provincia que amosaron a súa sintonía “coa filosofía das cidades do futuro” e a súa preocupación por ter ferramentas coas que aplicar o modelo, ademais de interactuar sobre as mellores solucións. Estiveron presentes persoal das policías locais de Pontevedra; Vilagarcía, Meaño e O Grove do Salnés; Bueu, Moaña, Marín e Vilaboa no Morrazo; Lalín no Deza; Baiona no Val Miñor; Ponteareas, Mondariz, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Salceda no Condado-Paradanta e Baixo Miño; e Mos, no Louriña.

O modelo de cidade, chave na redución da sinistralidade      
Unha das cuestións que quedou clara na xornada de hoxe de #PoliÁgora é a aposta dos concellos da provincia polo modelo de prioridade invertida, na que as e os peóns son a cima da pirámide. O director de Protección Cidadá da capital Daniel Macenlle explicou que o espazo público foi concibido ata non fai moito tempo como un espazo para os coches onde as rúas eran case sinónimos de estradas, unha tendencia que está a cambiar totalmente, e que incide na siniestralidade .

Macenlle subliñou que cando se analizan as causas da sinistralidade viaria sempre se achaca ao factor último que é o error humano. Recoñeceu que sempre haberá un despiste, algo que impide cumprir absolutamente coa norma, pero salientou que boa parte das causas da sinistralidade están no espazo público, no deseño das vías e as rúas.

Neste sentido, defendeu que cando as rúas se deseñan pensándoas para todas as persoas e se actúa sobre os tres elementos básicos que deben configurar a recuperación do espazo público, que é sacar espazo para coches, limitar tráfico que entra ao estritamente necesario, e calmar tráfico, “resulta que a sinistralidade viaria baixa de maneira clara”. “Esa é a constatación máis evidente de que actuando sobre o espazo público, calmando o tráfico e dándolle a importancia que hai que dar ás persoas máis débiles se pode arranxar o problema parcial ou totalmente”, insistiu.

Pola súa banda o intendente de Ponteareas, Benigno Moldes, explicou os diferentes tipos de fluxos de tráficos, de necesidade e de comodidade, poñendo como exemplo as medidas implantadas en Ponteareas para que o modelo sexa eficiente e a ocupación do espazo público polos vehículos sexa a menor posible.

Entre outras falou da restrición de tráfico en zonas converténdoas en áreas de preferencia peonil, a supresión de aparcamentos e a creación doutros para evitar a busca por parte das persoas condutoras, a rotación do estacionamento en zonas específicas para que a xente que chegue doutras localidades faga xestións e poida marchar.

Moldes Álvarez destacou o cambio de mentalidade que se ten rexistrado nas persoas condutoras ao circular por Ponteareas. “Inicialmente non se entende o cambio. Entenden que os coches deben pasar por todos lados, pero unha vez que se implanta o modelo cos costumes e dándolles facilidades con estacionamentos a dous minutos, hai tranquilidade para moverse nas zonas peonís, chégase a entendelo e están agradecidas do cambio”, subliñou, destacando que os problemas de tráfico, infraccións por estacionamentos indebidos, dobres filas, sinistralidade redúcense, así como tamén o traballo policial.

Presentada a I Festa dos Callos de Mondariz cunha degustación pública

0

A I Festa dos Callos de Mondariz, organizada polo Mondariz FC coa colaboración do Concello de Mondariz, foi presentada publicamente hoxe fronte aos xardíns Rodríguez Fornos de Mondariz cunha degustación pública.

O evento, que estaba programado para o 23 de outubro, foi aprazado por mor das malas condicións meteorolóxicas do último fin de semana e será celebrado finalmente este domingo, 30 de outubro, a partir das 10:30 horas xunto á igrexa de Mondariz. 

Non é a primeira vez que o xa centenario Mondariz FC organiza un evento destas características para financiar as súas actividades deportivas, mais este ano preséntase o evento como I Festa dos Callos para dar relevancia sociocultural ao que xa vén sendo tradición. Esta festa gastronómica celebrarase durante a feira dominical de Mondariz.

Tui acolle unha nova edición do Cross Escolar Baixo Miño

0

O Concello de Tui volve a acoller unha proba especial: o Cross Escolar Baixo Miño. Trátase dun evento de campo a través que se celebrará na Ribeira de Caldelas o xoves 3 e o venres 4 de novembro, logo de ter que ser adiada polas previsións meteorolóxicas. Trátase dun evento organizado pola Agrupación Deportiva do Baixo Miño (AGRUDEBAM), en colaboración co Concello tudense, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Comunidade de Montes de Caldelas.

Máis de 1.500 nenos e nenas de 2º, 3º, 4º e 5º de primaria e de 1º e 2º da ESO participarán neste evento, que terá lugar en horario lectivo. Contará coa participación de 18 colexios da zona: CEIP Nº1 e Nº2, CEIP Rebordáns, CEIP Guillarei, CEIP Pazos de Reis, CEIP de Randufe, Colexio Maristas, IES Indalecio Pérez Tizón e IES San Paio de Tui; CEIP de Tebra, CEIP de Sobrada, CEIP Pedro Caselles, CEIP de Barrantes e ANPA Pintor Antonio Fernández de Goián por parte do concello de Tomiño; CPI Suárez Marquier do Rosal; CEP Altamira e IES Pedra Rubias de Salceda; e o CEP Neira Vilas de Gondomar.

A proba conta este ano con varias novidades e alicientes para os participantes. As carreiras organizaranse por cursos e competirán clases enteiras coma equipos. As marcas serán individualizadas e cronometradas, coas que se clasificarán os mellores tempos nas dúas series tanto na modalidade masculina coma feminina. Deste xeito, este Cross Escolar Baixo Miño permitirá a clasificación para outras dúas probas de campo a través de carácter provincial: unha delas será por aulas e en horario lectivo e participará a mellor aula desta proba en Tui, e outra será unha proba individual en horario de fin de semana á que acudirán os mellores rexistros persoais.

Na presentación da proba, que tivo lugar hoxe na Casa do Concello de Tui, estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, o xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides,  os concelleiros  de Deportes e Ensino e Cultura, Rafael Estévez e Sonsoles Vicente, o presidente de AGRUDEBAM, Alfonso Lorenzo, e o presidente da Comunidade de Montes de Caldelas, Pablo Rebellado.

O rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, quixo destacar o orgullo por acoller esta proba nun lugar “emblemático como é Caldelas, onde se dan o espazo, as condicións e o valor patrimonial” para acoller esta clase de eventos. Enrique Cabaleiro agradeceu a todos os organismos implicados o traballo e a colaboración, tamén por fomentar o deporte como actividade de desenvolvemento nas etapas de crecementos dos cativos, e tendeu a man para organizar toda clase de probas deportivas en Tui.

Por parte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides quixo salientar o compromiso do organismo autonómico en pro do deporte, traballo que se ve recompensado con “datos espectaculares de máis do 90% de participación”. Salientou o gran traballo do profesorado implicado, de AGRUDEBAM e tamén da Comunidade de Montes de Caldelas e o Concello de Tui por dotar dos mellores espazos para a celebración deste cross.

Na mesma liña expresouse Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, que tamén destacou o amplo dispositivo loxístico para acoller ao gran número de participantes.

Dende a organización, Alfonso Lorenzo detallou polo miúdo todas as características da proba. Destacou que se optou por organizala en horario lectivo para implicar ao máximo número de alumnado e que detrás hai horas de traballo dende AGRUDEBAM e os profesores e profesoras que, a título persoal, “dedicaron horas de preparación dos dorsais, organización e planificación”. 

Pablo Rebellado, por parte da Comunidade de Montes de Caldelas, salientou a grande ledicia que supón mobilizar a máis de 1.500 persoas ata Caldelas, co que iso conleva, e cos recordos que os nenos e nenas xerarán na parroquia tudense.

Ponteareas, pasarela de grandes promesas do deseño

O pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino transformouse a pasada fin de semana nunha gran pasarela de grandes promesas do deseño. Once creadores, a maioría mozas de Ponteareas, participaron na primeira edición do desfile de moda “Novas Creadoras”, organizado ao abeiro do programa Mocidade Viva, unha iniciativa coa que o Concello busca promover o lecer saudábel e alternativo entre rapazas e rapazas maiores de 12 anos, dando cabida a actividades polas que amosan un grande interese.

“É un orgullo ver a grande acollida que tivo este desfile de moda, unha iniciativa ilusionante proposta polos propios mozos e mozas da vila que supuxo unha oportunidade para descubrir os grandes talentos que temos en Ponteareas e na comarca. Foi un escaparate único para coñecer o gran traballo que están a facer”, salientou o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

Ante centos de persoas que asistiron como público, os e as deseñadoras deron renda solta á súa imaxinación e vestiron ás  modelos voluntarias coas súas últimas creacións nun desfile dinámico no que puideron verse pezas para todos os gustos.

A alcaldesa, Cristina Fernández, agradeceu ás persoas que “puxeron todo o seu empeño e a súa dedicación para que esta iniciativa fose un éxito”. Así mesmo, destacou “a importancia da implicación da mocidade no deseño da Ponteareas que queremos, unha vila na que o talento e a creación conten con oportunidades para desenvolverse.” 

Os protagonistas

Nesta primeira edición participaron como creadores Ainhoa Rivera, Lily’s, de 14 anos, que presentou unha colección de roupa extravagante, algo novo cun toque persoal que rachaba cos estándares da sociedade; Heidi Miras, de 15 anos, que leva no mundo da moda dende os 9 anos grazas á súa avoa e que actualmente cursa un ciclo de Confección e Moda; Alejandro Kimëra, de 22 anos, que presentou unha marca de roupa de estilo urbano que xurdiu durante a corentena; Marta Álvarez, Gamia, de 22 anos, traspasou á súa colección o gusto polos detalles e o agarimo polas cousas ben feitas que pasaron de xeración en xeración na súa familia; mentres que Uxía Loureiro, Clouxi, de 22 anos, con interese na creación dende cativa, transmite en cada unha das súas pezas a historia e o traballo que teñen detrás 

Pola súa banda, a deseñadora Antía Martín, Iamtia, de 23 anos e con gran vocación polo vestiario escénico, presentou unha colección que xorde da fusión entre moda e natureza pensada para a pasarela e persoas atrevidas e divertidas sen excepcións de idade nin xénero. O público tamén puido gozar das prendas de Brenda Soto, Sogo, de 23 anos, nas que deu renda solta á súa paixón pola arte cunha colección inspirada na escultura barroca e na arquitectura de Le Corbusier e outra no desenvolvemento da flor da cerdeira, ligado coa pintura impresionista.

Andrea Lourido, Al, de 25 anos, subiu á pasarela unha colección que naceu da necesidade de empoderar á muller; Claudia Salcedo, de 25 anos, quixo representar nas súas creacións a conmemoración a unha persoa querida que xa non está; Guadalupe Bautista, GB Atelier, amosou as súas obras tras a súa recente chegada ao mundo da patronaxe e a moda; e a deseñadora Ana Piña presentou tres coleccións transgresoras con reminiscencias do pasado, con tecidos innovadores e liñas frescas.

Nigrán rehabilitará o faro de Panxón

0

O faro de Canido (Nigrán) lucirá renovado ao longo do ano 2023. A Delegación do Goberno en Galicia confirmou onte a concesión de 232.730,25 € dos fondos europeos Next Generation ao Concello de Nigrán para rehabilitar integralmente este edificio ubicado ao carón de Panxón en prácticamente situación de abandono tras quedar nun limbo urbanístico ata a modificación das normas subsidiarias no ano 2020. O obxectivo é reformar toda a planta baixa sen afectar ao seu volume e superficie para transformalo nun local recreativo de uso polivalente. A intervención non afectará a estrutura troncocónica do faro en si mesmo, que segue en activo cumprindo a súa función, se non á construción adxacente.

“Leva anos en situación de abandono e ofrece unha imaxe degradada nunha contorna especialmente turística, polo que plantexamos recuperalo para o goce de toda a veciñanza”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que ata que non se modificaron as normas subsidiarias urbanísticas no 2020 non se puido intervir ao estar nun limbo por ser zona verde”, xustifica. “Cando a súa situación se desbloqueou no ano 2020 encargamos o proxecto e realmente foi moi complexa a tramitación porque requiríu de moitas autorizacións sectoriais ao incluír o edificio un faro en activo”, engade. Agora, o Concello dispón de 10 días para aceptar expresamente esta subvención da que na comarca do Val Miñor tan só se beneficiará Nigrán e que se encadra na Liña 1 do ‘Programa de Impulso a la Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep Local)’ incluído no Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do goberno de España.

O proxecto do arquitecto nigranés Severo Fernández contempla crear no seu interior (162,75 m2 de superficie) un espazo amplo, perfectamente aillado e iluminado, con dous baños adaptados (actualmente non dispoñen das dimensións mínimas), un almacén inmediato e un cuarto de instalacións (esta división é practiamente idéntica á actual). Co obxectivo de proporcionar o máximo benestar aos seus usuarios toda a planta será aillada con material de alta eficiencia en todo o seu perímetro, fachadas, teito e chan. A maiores, melloraranse os acabados exteriores e se substituirá toda a carpintería, limpándose ademais todas as fachadas de pedra, polo que o edificio deixará de presentar as pintadas e graffitis que actualmente o afean.

“Non queremos adaptalo a un fin concreto porque precisamente o obxectivo é que poida ter un uso polivalente, o que implica que poda acoller desde exposicións ata obradoiros ou charlas”, explica o rexedor.

Últimos días para inscribirse no IX Trail Trans Serra da Groba de Baiona

0

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona atópase inmersa cos últimos preparativos de organización do IX Trail Trans Serra da Groba, que se celebra o vindeiro sábado 5 de novembro de 2022. As inscricións para a proba estarán abertas ata o vindeiro luns, 31 de outubro.

Existirán dous tipos de proba: o Trail, de 29 Km, e o Trailiño, de 17 km, cun itinerario que percorre os monte da “Serra da Groba”, utilizando pistas forestais, carreiros tradicionais e tramos de asfalto á saída e á chegada á meta.

A proba de Trail está aberta a todas as persoas deportistas con idade mínima de 18 anos (cumpridos o día da proba). No caso da proba Trailiño poderán participar as persoas deportistas que teñan cumpridos 16 anos o día da proba, a condición é que conten coa autorización dos seus pais ou titores.

As inscricións poderanse formalizar a través da páxina web www.championchipnorte.com e na páxina web www.baionacodeporte.gal.

Entrega de dorsais

A entrega de dorsais de realizará no Pavillón Municipal de Deportes situado en cálea Dores Agrelo, s/n, onde estará situada a saída e a meta das probas, desde as 17:00 ata as 21:00 horas do venres 4 de Novembro, sábado día 5 de outubro (día da carreira) desde as 7:00 ata as 10:00 h da mañá.

Saídas

O Trail arrincará ás 08:30 da mañá, mentres que o Trailiño farao ás 09:30 horas, ambas as probas con saída desde o Pavillón de Deportes de Baiona.

Redondela transforma as cabinas telefónicas da vila en bibliotecas

0

Baixo o nome de “A cabina literaria”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coordinado pola alcaldesa Digna Rivas, promove a reutilización das antigas cabinas telefónicas en espazos literarios. Esta proposta, posta en práctica noutras cidades europeas, pretende aproveitar o mobiliario en espazos públicos para converterse en espazos culturais abertos. Neste sentido, a idea consiste en ofrecer libros para compartir que estarán a disposición nas denominadas “Cabinas literarias”. Estas estarán situadas na Fonte de Santiago, Praza da Constitución e Praza de Ribadavia.

“A promoción da lectura é un dos obxectivos máis importantes da concellería que teño o pracer de dirixir, destacando por suposto a lingua galega. Queremos que Redondela sexa unha vila amiga dos libros”, explicaba Rivas.

Dende Normalización “lingüística impulsamos proxectos coa intención de ser transversais e interactivos, directamente pensados para os nosos veciños e veciñas”, engade Rivas, “por iso nas cabinas ofreceremos o acceso aos Libros das Parroquias, proxecto tamén de Normalización Lingüística”.

Ademais, os exteriores da cabina contarán con información sobre o procedemento de préstamos dos libros, unha especie de instrucións, que tamén trata de implicar a veciñanza na iniciativa.

A carón disto, o concello ilustrará unha parte exterior da cabina con información sobre a historia do teléfono e a algunha curiosidade sobre a centraliña de teléfonos existente en Redondela, no edificio Royalty, na metade do século pasado.

“Os teléfonos de cabina son un elemento singular, posto que para as novas xeracións resulta un obxecto museístico que non usaron nunca. Por este motivo queremos mantelos e conservalos, pero cunha utilidade práctica”, conclúe Rivas.

A Cañiza conta cunha nova máquina varredora profesional

0

O Servizo de limpeza do casco urbano contará cunha nova máquina de varrer profesional de 600 L, tipo vehículo con motor a gasoil, cunha potencia mínima de 35 CV que cumple ademáis coa normativa de emisións 2016/1628/CE.

Se trata dunha máquina compacta e articulada que permitirá acceder a zonas e beirarrúas estreitas. Cun ancho dun 1,09m e un largo de 3,90 m,  ten un ángulo de xiro de tan só 139 cm e pode traballar nun ancho de barrido de 2 m.

Unha adquisición subvencionada ao 100 % co importe do Fondo de Compensación Ambiental 2022 da Xunta de Galicia que lle corresponde ao Concello da Cañiza. Un total de 79.600,43 euros para o investimento no proxecto presentado polo Concello baixo a denominación “Adquisición de máquina de varrer profesional para actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural”.

Con transmisión hidrostática a través de 4 motores independentes en cada roda e tracción permanente, a varredora ten unha velocidade de transporte e de barrido de 25 km/hora, chasis articulado e oscilación compensada integrada.

A máquina rotulada co escudo oficial e o novo logo-marca do Concello e do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, estará en garantía durante un ano, incluindo asistencia técnica e mantemento preventivo e correctivo.

Tamén esta mañá a empresa BAYGAR comezou a formación do persoal municipal adscrito ao servizo de limpeza viaria que será o encargado da súa conducción e utilización.

A adquisición desta nova varredora permitirá optimizar os recursos do servizo de limpeza viaria en beneficio dunha maior aperatividade e calidade ambiental e do medio natural en todo o Concello.

Ponteareas recupera a súa memoria histórica

Reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do golpe de Estado de 1936 e achegar ao público dun xeito diferente ás vivencias da represión e da ditadura. Ese é o obxectivo das actividades de memoria histórica postas en marcha polo Concello de Ponteareas en colaboración coa Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa ‘O pasado por vir’, unha iniciativa coa que tamén se pretender dar a coñecer as iniciativas que se estaban levando a cabo no primeiro terzo do século XX en Galicia, constatar a gran perda que supuxo para a toda a sociedade e “recuperar non só a memoria dos nomes, rostros e biografías dunha xeración oprimida, senón tamén e, sobre todo, dos seus ideais devastados e do país que querían construír e que foi aniquilado”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O programa de actividades arranca esta mesma fin de semana con teatro e fotografía. Este domingo 30 de outubro a sala multiúsos do auditorio municipal a representación da obra ‘A señora de Forcadela’, da compañía Os Quinquilláns. A través desta historia o público achegarase á vida da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas en Galicia a partir de xullo do 36: foi detida o 15 de agosto e na prisión de Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle conmutou por cadea perpetua e, despois, a 6 anos e un día. A mestra escribía en 1982 un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’ que recolle a vida dunha reclusa naquela época dun xeito moi directo. A representación será ás 18.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

Durante o próximo mes, o público ponteareán tamén achegarase ao Museo Municipal para coñecer un anaco da historia a través da exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’, unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, polo feito de ser mulleres, sufriron vexacións de corte sexista.

A mostra, que reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936, analizará a contextualización histórica, que conta como se produciu unha quebra dos dereitos tanto de clases como para as mulleres, que pasaron a ser tratadas como menores de idade ou sempre dependentes de varón. Ademais, a exposición analizará as diferentes tipoloxías de represión e permitirá recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria. Esta mostra, de balde, poderá visitarse dende o 30 de outubro ata o 30 de novembro de luns a venres de 09.00 a 21.00 h e sábados e domingos de 10.30 a 13.30 horas.

O programa de actividades rematará o vindeiro 22 de novembro cunha charla a cargo de Montse Fajardo sobre ‘A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas’. Será na sala multiúsos do auditorio municipal ás 11.00 horas con entrada gratuíta ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura convida a toda a veciñanza a participar nestas actividades coas que “se busca achegar ao público un pouco máis a unha época escura da nosa historia recente e verdade, xustiza e reparación para todas as vítimas”.

Concerto de outono para celebrar o aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal

0

Fin de semana musical no Rosal. A Coral da Agrupación Musical do Rosal celebrará este domingo o seu 18 aniversario cun Concerto de Outono no auditorio municipal ao que convidan a asistir a toda a veciñanza.

Unha actuación ás 17.30 horas á que se poderá acceder de forma gratuíta e libre ata completar aforo na que o público poderá desfrutar dunhas voces únicas. Neste concerto de aniversario, a Coral da Agrupación Musical do Rosal estará acompañada pola Coral Airiños de Nós de Oleiros e pola Coral Polifónica de Vila Nova de Cerveira.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todos os rosaleiros e rosaleiras “a gozar dunha tarde de lecer para toda a familia escoitando música de calidade e de balde ao abeiro dun programa cultural preparado para estes meses de outubro e novembro con todo o agarimo e no que se inclúen actividades para todos os públicos e para todos os gustos”.

Femupo imparte un curso de “Manipulador de alimentos” en Baiona

0

A presidenta de Femupo, Raquel Touriño, xunto coa concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, fixeron entrega dos diplomas da acción formativa de “Manipulador de alimentos” ás persoas da localidade que participan no Plan Corresponsables, un proxecto para favorecer a conciliación de familias con menores dende un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona colabora coa Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) que  activou con este curso a primera das accións do Plan Corresponsables en Baiona.

Tamén levaránse a cabo outras accións de formación encamiñadas a un futuro recoñecemento da experiencia laboral das mulleres, como por exemplo: primeiros auxilios, competencias básicas ou competencias dixitais.

“Para Femupo supón un gran impulso como federación xa que nos converte na agrupación social e feminista referente do Plan Corresponsables na provincia de Pontevedra,” declara Raquel Touriño, presidenta de Femupo. “Isto vainos facilitar medios para levar a cabo multitude de accións por toda a provincia e así expandir a nosa filosofía de traballo co obxectivo de acadar a igualdade das mulleres.”

Un dos principais eixes do Plan Corresponsables Femupo é a formación gratuíta para que as mulleres poidan acceder ao Certificado de profesionalidade no coidado de menores de ata 16 anos. O Plan contempla ademais a creación dun censo laboral que se porá a disposición de empresas e administracións que busquen persoas dispostas a traballar no coidado de menores

Con esta iniciativa, búscase favorecer que mulleres poidan acceder a empregos de calidade nos seus lugares de residencia ou exercer profesionalmente unha actividade que viñan desempeñando de maneira non formal.

“Temos que ser conscientes de que hoxe en día conciliar o traballo cos coidados familiares supón facer malabares. Hai que investir e educar para facer real a corresponsabilidade de maneira que os coidados se compartan e deixen de ser cargas na vida familiar,” comenta Touriño.

O acordo enmárcase na aposta da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona pola conciliación e a corresponsabilidade e a creación de emprego de calidade.

Ponteareas vivirá un domingo de medo

Ponteareas prepárase para gozar dun Samaín de medo. O Club Patinaxe Artística Luar organiza este domingo 30 de outubro coa colaboración do Concello unha xornada terrorífica aberta a todos os públicos coa que nenos e persoas maiores poderán celebrar Samaín por adiantado.

O pavillón municipal do Complexo Deportivo Álvaro Pino acollerá a partir das 18.00 horas un túnel do terror, convertendo toda a instalación nun pasaxe de medo que o público poderá atravesar escapando de personaxes terribelmente espantosos grazas aos disfraces das e dos integrantes do club, que nesta ocasión non irán sobre patíns. Ademais, haberá moita música, globos e festa para pasar unha divertida tarde en familia.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, anima a todas e todos os ponteareáns a pasar unha tarde terrorificamente diferente con esta iniciativa do CPA Luar coa que se busca ofertar á veciñanza unha alternativa de lecer diferente durante o Samaín e dar a coñecer ao público o que se fai no club. A entrada será un donativo dun euro, co que se participa nun sorteo e se colabora para que as e os patinadores poidan seguir participando en diferentes competicións, sobre todo tras a incorporación do club á categoría Show.

A Guarda recibe unha nova axuda para reformar o pavillón

0

Conscientes das deficiencias que tiña o pavillón da Sangriña, unha construción anticuada e ineficiente que non estaba adaptada ás necesidades das competicións que albergaba, o equipo de goberno municipal fixo unha aposta firme pola modernización e ampliación deste equipamento deportivo municipal.

O concello encargou a redacción dun proxecto, coa colaboración da Deputación de Pontevedra en 2017, para o que logrou financiamento no ano 2021. As achegas económicas viñeron a través do plan REACPON da Deputación, de fondos propios municipais e máis tarde da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Coa idea de conseguir máis fondos para financiamento da obra, no mes de abril, o concello presentou o proxecto á convocatoria en concorrencia competitiva da liña 1 do Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos de titularidade local (Pirep local), incluído no Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR).

Os aspectos que argumentou o goberno municipal para acceder a esta subvención teñen que ver coa calidade do proxecto e a súa eficiencia, destacando: un aforro de máis dun 35% en enerxía, grazas a mellora de illamentos, iluminación LED e instalacións renovables para a ACS. Facendo accesible a instalación, tanto nas gradas, como aseos e vestiarios. Mellorando a súa habitabilidade con un sistema de renovación de aire. Incrementando a seguridade en todo o equipamento e mellorando o aspecto do edificio. 

A contía da subvención concedida ascende a 385.754,11 €, que foi a cantidade solicitada para cubrir todos aqueles conceptos subvencionables do proxecto. Esta subvención ven a recoñecer a calidade da proposta dende o punto de vista da eficiencia enerxética, da accesibilidade e a habitabilidade, valorando tamén a conservación do edificio.

Tui celebra o Día das Bibliotecas

0

Con motivo do Día das Bibliotecas, que se celebrou onte 24 de outubro, a Biblioteca Municipal de Tui recibe este días unha serie de visitas de grupos escolares para coñecer as súas instalacións e servizos.

Ao longo desta semana un total de nove grupos do Colexio Maristas Santa María de Tui visitan a Biblioteca tudense para achegarse ao funcionamento deste centro bibliotecario e coñecer os seus recursos tanto de acceso á cultura como á información.

Onte foron máis de 80 alumnos dos cursos superiores deste centro educativo os que participaron nestas xornadas de portas abertas da Biblioteca tudense. O persoal bibliotecario acompaña aos escolares na súa visita polas instalacións deste centro, para coñecer as súas diversas seccións e o sistema de préstamo de libros de cara á difusión dos seus usos entre os escolares.

Día das Bibliotecas

O 24 de outubro celébrase en España o Día das Bibliotecas que este ano contou cun cartel da ilustradora galega Xulia Vicente baixo o lema “BiblioTEcuida” que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e os seus servizos son un piar fundamental para as comunidades ás que pertencen.

Malvela recibe en Lugo o premio Mestras da Memoria 2022

0

O grupo mosense Malvela foi protagonista o pasado venres da Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2022, na que recibiu o Premio Mestras da Memoria 2022.

A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2022 é unha actividade desenvolta pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2022 respectivamente a Malvela e Faustino Luís Seoane, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregáronse no marco da VII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria celebrada en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, o 21 de outubro. O acto tivo lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo desde as 18:00 horas.

Mestras da Memoria 2022: Malvela

O mosense grupo de folk galego interxeracional, creado en Sanguiñeda, foi o galardoado coa condecoración de Mestras da Memoria 2022.

Malvela está integrado por 13 cantadeiras (Matilde, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Señora Carmen (falecida), Lina, Maruxa, Dina, Aurita, Teresa, Merche e Adela), acompañadas por 6 músicos: Gustavo Domínguez (acordeón), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo), Anxo Pardo (tamboril), Abilio Santos (cavaquiño) e Ana Senlle (dirección vocal).

Nigrán prepárase para un Samaín terrorífico

0

O Concello de Nigrán ofrece este ano o seu programa de Samaín máis completo e truculento ata a data. Este estará centrado na infancia e comeza o venres 28 coa estrea do contacontos ‘Samagostín’ e remata o propio martes 1 de novembro coa tradicional festa de disfraces no Auditorio. Entremedias será o obradoiro de ‘galletas terroríficas’ de Chupipostres (sábado 29, domingo 30 e luns 31 no CEE de Panxón previa inscrición en www.nigran.es), as visitas teatralizadas o luns ao cemiterio do Ceán a cargo de Teatro do Ar (tamén con inscrición previa en www.nigran.es) e ese mesmo día o roteiro micolóxico para a infancia en Camos desde as 11:00 horas. Paralelamente, o Auditorio estará desde hoxe decorado coas cabazas confeccionadas polos usuarios do Centro Municipal de Persoas con Enfermidades Neurodexenerativas en Panxón.

“A celebración do Samaín é xa unha tradición consolidada para a infancia e desde Nigrán quixemos darlle un pulo engadíndolle un contido máis enraizado na nosa cultura celta”, explica o alcalde, Juan González.

Así, a programación arranca este venres 28 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa presentación de ‘Samagostín’, novo libro de Solaina que inclúe o contacontos e actividades para crianzas de 4 a 8 anos. “Todo acontece o día de Samaín. A vida tranquila dunha araña bailarina e un gato músico vese alterada cando chega a súa casa unha bruxa malvada. Contarán coa axuda duns seres negros e escuros coma eles para dar resulta esta situación”.

Desde o día seguinte e en tres sesións diferentes (sábado e domingo ás 11:00 horas e luns ás 17:30 horas) a cociña do CEE de Panxón acollerá o ‘obradoiro terrorífico de galletas’ a cargo de Chupipostres para crianzas empadroadas en Nigrán de 6 a 11 anos, tendo unha duración estimada de 2´5 horas. As prazas están limitadas a 15 por sesión e deberá realizarse inscrición previa a través dun formulario web en www.nigran.es , non puidendo repetir actividade un mesmo neno. Os asistentes realizarán a masa das súas propias galletas, as fornearán e as decorarán con motivos de Samaín, levando para a súa casa todo o que cociñen.

O luns pola mañá, Día do Ensino e polo tanto non lectivo, o Concello ofrece un roteiro micolóxico guiado en Camos pensado especialmente para crianzas. O obxectivo é iniciar aos nenos e nenas no mundo dos cogomelos máis alá da recolección e da súa comestibilidade ou toxicidade, investigando sobre o terreo os distintos grupos de fungos, as súas adaptacións, as interrelacións con outras especies e a función fundamental que aportan para a saúde e a conservación dos ecosistemas forestais. A andaina será polo bosque de ribeira do río Táboas e o futuro parque forestal de Nigrán.

O mesmo luns 31, en dúas quendas de 45 minutos (inicio ás 19:30 e ás 20:30 horas) o Concello ofrece a través de Teatro do Ar (Premio ao Mérito Cultural 2022) unha visita teatralizada ao Cemiterio Municipal de Nigrán (San Fiz- Ceán), sendo preciso inscribirse previamente no formulario web do Concello www.nigran.es. Ilustres como Carlos Casares, Daniel Pazó ou o profesor Vázquez Grela cobrarán vida para coñecer e contar a súa historia aos seus actuais veciños. Estas visitas, segundo o director Pedro Villar, “tratarán de conxugar toda a información que temos dunha forma cómica e lixeira”.

Finalmente, o martes 1 de Novembro desde as 17:00 horas o Concello ofrecerá no Auditorio Municipal a tradicional festa de disfraces de Samaín destinada a infancia e dirixida polo Mago Rei Midas. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

A ministra de Coesão portuguesa manifesta o compromiso coa Deputación, o AECT Rio Minho e a CIM Alto Minho

A ministra de Coesão Territorial de Portugal Ana Abrounhosa comprometeuse “cos proxectos prioritarios” para o territorio do Miño transfronteirizo na súa visita á Deputación de Pontevedra. A mandataria lusa visitou a institución provincial para manter un encontro de traballo no que recibiu da man da presidenta Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez –xunto a representantes da CIM Alto Minho-, un documento denominado a ‘Declaración de Pontevedra’ no que se trasladaron sete puntos “estratéxicos” para ser tratados na Cimeira Ibérica do vindeiro 4 de novembro en Viana do Castelo.

No encontro estiveron tamén presentes, ademais dos representantes provinciais, o delegado do Goberno José Manuel Miñones, a secretaria de estado da Valorización do Interior de Portugal Isabel Ferreira, os representantes da CIM Alto Minho Manoel Batista e Bruno Caldas e tamén o vicedirector do AECT Rio Minho, Rui Teixeira. Todos eles fixeron as súas contribucións sobre as propostas para o desenvolvemento transfronteirizo.

A ministra subliñou o excelente traballo que está a realizar o AECT Rio Minho e destacou a coincidencia nas prioridades amosadas polo agrupamento, que inspiraron a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza aprobada polos gobernos estatais na pasada Cimeira Ibérica. Destacou Abrounhosa que en termos empresariais, de cultura, de protección civil, na área social “temos toda a vantaxe en cooperar”, por iso manifestou a importancia de traballar en conxunto para facer desaparecer a fronteira “que na pandemia xurdiu con grande ruído”.

Por todo isto, destacou que “como ministra con responsabilidade no territorio quero transmitir, presidenta Carmela, que a nosa cooperación non só unha manifestación, senón que queremos desenvolver as nosas rexións e países. Ten vostede o compromiso da ministra nos proxectos prioritarios do AECT Rio Minho. Temos estratexia, que está aliñada coa estratexia dos fondos comunitarios, temos as prioridades ben definidas, temos os recursos… Mans á obra!”, salientou a mandataria lusa, “porque gañarán as persoas, as empresas e todos aqueles que servimos á cidadanía”.

Manifestou tamén Abrounhosa o seu empeño en que os fondos POCTEP vaian dirixidos realmente aos territorios de fronteira, aceptando que as entidades receptoras poidan ser de orixes diversos, mais sempre beneficiando a rexións pegadas á raia.

Visión de futuro   
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a honra que supón a visita da ministra de Coesión Territorial e da secretaria de Estado de Valorizaçao do Interior, “dúas mulleres fortes e con capacidade de decidir en Portugal”. Considerou que coa súa presencia en Pontevedra dan valor á mesa de traballo celebrada hoxe na Deputación e permiten preparar as cuestións da máxima relevancia que se van tratar no Cumio Ibérico do 4 de novembro.

Carmela Silva confiou en que nesa ‘Cimeira’ se avance na saída Sur de Vigo en alta velocidade. “Sabendo que hai un compromiso total dos Gobernos de España e Portugal, como presidenta da Deputación, demando que a alta velocidade una a Eurorrexión, e que esa saída Sur que reclama a provincia de Pontevedra e Vigo, co apoio da AECT, sexa unha realidade máis pronto que tarde. Estou convencida de que aquí será”. Ademais animou a ambos gobernos a definir acordos para a defensa medioambiental do río Miño, “o pai de ambos lados da fronteira”.

Carmela Silva  destacou que é preciso “facer máis Europa desde este lugar do mundo, facilitando a comunicación transfronteiriza con proxectos conxuntos e co desenvolvemento dunha política industrial común”. A presidenta provincial recalcou que a AECT Rio Minho, impulsada pola Deputación e a Comunidade Intermunicial do Alto Minho, é a que “mellor funciona” entre todas as que articulan o territorio transfronteirizo entre España e Portugal, “porque ten visión de futuro, baséase en novos valores da política e da economía, no respecto ao medio ambiente e na capacidade de construír espazos onde as persoas poidan ter garantido o dereito a unha vida de calidade”.

Pola súa banda, o delegado do Goberno José Manuel Miñones agradeceu a sensibilidade da ministra Ana Abrounhosa con Galiza e o territorio. “Nesta xuntanza verase refrendada esa sensibilidade con acordos que levaremos á Cimeira”, subliñou, destacando que a cooperación e a alianza entre España e Portugal é un referente para toda Europa, facendo fincapé na excepcionalidade ibérica, no corredor de enerxía verde ou noutros asuntos a curto, medio e longo prazo como a alta velocidade.

A ‘Declaración de Pontevedra’  

Durante o encontro de traballo as representantes da Deputación, AECT Rio Minho e CIM Alto Minho entregaron á ministra Abrounhosa a denominada ‘Declaración de Pontevedra’, un documento asinado polas tres institucións de cooperación con sete propostas “estratéxicas” para abordar na Cimeira Ibérica.

No documento arguméntase que o territorio transfronteirizo do Río Miño ten importantes características comúns e forte interdependencia nas súas relacións económicas, sociais e culturais e que a súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión fai do Río Miño un espazo de cooperación singular que abrangue a zona de fronteira máis dinámica e de potencial socioeconómico entre España e Portugal.

Lembraron os perxuízos do peche das fronteiras durante a COVID e subliñaron que por ese motivo é fundamental desenvolver varias prioridades para o desenvolvemento na cooperación transfronteiriza España-Portugal. Entre elas destacaron o desenvolvemento Local e Cohesión Terrritorial no Río Miño Transfronteirizo, coa posibilidade dunha Intervención Territorial Integrada ou a aposta por un proxecto gobal de desenvolvemento territorial estruturante no marco da novo programa Interreg.

Tamén se plantexou a necesidade de fomentar a conectividade e desenvolvemento empresarial garantindo investimento público para mellorar a unión e transporte de mercadorías entre o aeroporto de Vigo, os Portos de Vigo e Viana do Castelao, as infraestruturas viarias (A52 na Galiza e A3, A28 e A27 en Portugal) e a rede de parques empresariais e centros de loxística.

Pediuse unha aposta polo corredor atlántico ferroviario, cun apoio claro da alta velocidade Vigo-Porto cunha mellora da liña e o aumento do número de frecuencias e o aproveitamento da actual infraestrutura –mellorada- para ser explotada como tren de proximidade transfronteirizo que permita ao territorio conectar os grandes núcleos urbanos entre ambas cidades.

Tamén se falou de “facer máis Europa” integrando a cidadanía e facilitando a mobilidade transfronteiriza impulsando proxectos singulares de mobilidade local, como o da ponte peonil e ciclable entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira no que a Deputación xa ten redactado o proxecto. A mellora da cobertura, a posta en marcha a Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, ou a defensa ambiental dun recurso natural común como é o Río Miño.

Mondariz licita o cambio a LED de todo o seu alumeado público

0

O segundo dos catro proxectos do Concello de Mondariz para mudar a LED toda a rede municipal de alumeado público e aforrar até un 70 % na factura eléctrica municipal xa está en proceso de licitación, e os dous restantes sairán a concurso público durante as próximas semanas para cumprir cos prazos establecidos. En conxunto, estes proxectos de aforro e eficiencia enerxética representan o maior investimento público feito no Concello de Mondariz en décadas: chegan ao millón e medio de euros, e terán un notable impacto na redución da factura eléctrica municipal e nos gastos de mantemento, xa que tamén inclúen a renovación de cadros eléctricos.

O proxecto que se atopa en fase de licitación corresponde á parroquia de Mondariz e inclúe o centro urbano da localidade. O seu importe total ascende a 370.461,50 €. Como nos restantes proxectos relacionados co cambio a LED do alumeado público en todo o territorio municipal, o 80 % está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) –311.857,20 €, neste caso– e o 20 % asúmese con fondos propios. Previamente xa se licitara con éxito o proxecto correspondente ás parroquias de Mouriscados, Meirol e Vilasobroso por un importe total de 324.219,98 €. O prazo máximo para entregar as obras executadas será o 31 de xullo de 2023.

Nas próximas semanas está previsto que se liciten tamén os outros dous proxectos solicitados e concedidos para cambiar a LED o alumeado público das parroquias de Riofrío, Vilar e Frades (337.196,17 €) e de Lougares, Sabaxáns e Gargamala (339.969,28 €).

Enorme esforzo político-administrativo

Estes proxectos de aforro e eficiencia enerxética, xunto con outros dous para a rehabilitación de edificios públicos nesta mesma liña de acción, foron solicitados polo Concello de Mondariz en 2020, aproveitando as últimas oportunidades de cofinanciamento europeo do período 2014-2020. Durante os primeiros meses de 2021 recibiron a aprobación do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que canaliza fondos europeos. A tramitación foi ardua en todas as etapas do proceso. Unha vez aprobados os proxectos, o Goberno municipal tivo que asegurar o cofinanciamento con fondos propios do 20% a través dun préstamo bancario e axilizar as autorizacións sectoriais que eran necesarias para emprender as obras. “Houbo dificultades e atrasos administrativos nalgunhas autorizacións sectoriais, mais non desistimos porque estes proxectos son enorme importancia para o Concello de Mondariz”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

A principios de ano, o Goberno de Mondariz presentou no Pleno da Corporación Municipal a súa proposta para financiar o 20% dos proxectos a través dun préstamo bancario, e recibiu autorización para iniciar a tramitación desa vía de financiamento cos votos favorables de BNG, PSOE, PP e Ciudadanos. Alternativa por Mondariz, o principal grupo de oposición, distanciouse unha vez máis do apoio explícito a este investimento municipal cunha abstención. De non ter buscado e acadado financiamento bancario, a opción que lle quedaba ao Concello de Mondariz para non renunciar a estes proxectos era acollerse á Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o cal deixaría outras áreas sen investimentos mínimos anuais. Finalmente, aseguráronse os investimentos cun préstamo bancario a 10 anos por importe de 281.532,59 €.

“O aforro que supoñen estes proxectos na factura eléctrica municipal permitirá amortizar as obras rapidamente. Se fora outro tipo de proxecto teriamos máis dúbidas, pero neste caso solicitar un préstamo bancario para financiar a aportación municipal é a mellor opción. Non nos podemos permitir deixar de investir noutras áreas relacionadas cos servizos básicos, como as estradas ou a rede municipal de abastecemento de auga”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Modernización integral dun servizo básico

Durante o mandato anterior xa se tramitara un proxecto de instalación de luminarias LED a través dun programa da Deputación de Pontevedra, que se atrasou na súa execución por problemas derivados da propia planificación do proxecto. Trátase da instalación de luminarias LED en 134 puntos de luz dos barrios de Lordelo e Aboal, na parroquia de Toutón, que non incluíu a renovación dos cadros eléctricos e outros elementos. “A diferencia é que agora é o propio Concello de Mondariz quen promove e controla os proxectos, abarcando todos os elementos da rede que é necesario renovar para acadar a eficiencia enerxética que se busca”, sinala Barros. “Ademais, o cambio a LED da rede municipal de alumeado público vai chegar a todas as parroquias, sen deixar a ningunha atrás”.

Con esta actuación, o Goberno de Mondariz está demostrando unha enorme audacia e aspira a reducir drasticamente a factura eléctrica municipal, que en 2021 xa ascendía a 300.000 € anuais. “É unha modernización integral de infraestruturas básicas que ningún Goberno municipal das últimas décadas afrontou e que beneficiará ao Concello de Mondariz durante moito tempo”, destaca o alcalde.

Tomiño pon en marcha a recollida porta a porta de residuos voluminosos

0

Tomiño segue avanzando cara a un municipio máis sostible, limpo e comprometido co medio ambiente. Neste camiño, o Concello pon en marcha esta mesma semana o servizo de recollida de residuos voluminosos porta a porta, un novo modelo no que os operarios e operarias recollerán na porta dos domicilios aqueles enseres, elementos de gran tamaño ou residuos especiais que non poden ser depositados nos colectores habituais.

O obxectivo é, como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “mellorar o servizo de recollida de voluminosos e facilitar á veciñanza o seu uso, concienciando a todos os tomiñeses e tomiñesas sobre a importancia de xestionar de xeito correcto todos os nosos residuos”.

Por outra banda, este sistema permitirá acabar tamén cos depósitos incontrolados de voluminosos ou de lixo fóra dos colectores e das illas de reciclaxe, un uso irresponsable do servizo de recollida de lixo que ademais de provocar un impacto directo nas rúas con sucidade, malo cheiros ou sensación de abandono, supón tamén alteracións no sistema de recollida, que se pode ver desbordado. “Ao saber que camión e operarios pasan a recoller os voluminosos, hai xente que deixa os seus restos sen ter chamado previamente ao servizo, o que xera moitos problemas no propio servizo de recollida”, recalca a concelleira.

Coa posta en marcha deste novo modelo de recollida, o Concello de Tomiño dá un paso máis para garantir a limpeza do municipio, algo que é responsabilidade de todos e todas. “Se toda a veciñanza utiliza as canles axeitadas para desfacerse do lixo, poderemos desfrutar dun concello limpo e coidado”, salienta Casaleiro.

A concelleira lembra que as persoas interesadas en desfacerse de voluminosos deben solicitar o servizo de recollida gratuíto chamando ao Concello ao 986 622 001 para dar aviso. Os restos deberán colocarse ao carón da porta ou do portal do propio domicilio, sen invadir a vía pública, os mércores a última hora para que os operarios e operarias pasen a retiralos nesa mesma noite ou o xoves de mañá. A edil tamén quere agradecer o labor de todos os veciños e veciñas que cada día fan un esforzo para realizar unha correcta xestión dos seus residuos, facendo de Tomiño un municipio concienciado e sostible.

Redondela lanza o programa ‘Quédome con Simona’

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela lanza un programa de servizo de coidado de menores no municipio. ‘Quédome con Simona’ é unha iniciativa pensada para crianzas de 3 a 16 anos. Desenvolverase no Multiúsos da Xunqueira do 2 de novembro ao 5 de xaneiro en horario de 16 a 20 horas, cun máximo de 15 rapaces por turno.

“Somos conscientes da dificultade económica que afrontan moitas familas. Por isto, creemos necesario unha axuda directa que facilite o acceso a aquelas persoas de Redondela que máis o precisen. Un dos obxectivos deste servizo é priorizar as mulleres en situación de desemprego para a realización de acción formativas, así como as familias monoparentais ou as víctimas de violencia de xénero”, explica Digna Rivas.

A intención é favorecer a vida laboral, familiar e persoal , “sendo positivo tamén para o comercio local nas datas de nadal facilitando os horarios de compra nos establecementos”, engade Rivas.

Un profesional especializado en ocio e tempo libre ecargarase de atender aos nenos, co engadido de entretelos a través de xogos e actividades lúdicas e educativas.

Hay que destacar que este servizo, aínda que se entende de 16 a 20 horas, as persoas interesadas terán liberdade de entrada e saída e un límite de tempo establecido segundo ás necesidades. “O etendemos como unha axuda dinámica e puntal que pretende chegar á maior xente posible. Recalcamos que NON debe estar pensado para o seu uso continuado.”, explica Iria Vilaboa.

PRIORIDADE DE PARTICIPACIÓN: Calquera persoa pode ter acceso se hai plazas dispoñibles, pero a prioridade a teñen as víctimas de violencia de xénero, familias monoparentais, mulleres en situación de desempleo para a realización de acción formativas ou búsqueda de emprego, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan cargas relacionadas co coidado.

“Esta é unha das moitas iniciativas de benestar emocional e familiar, enfocado nos ideais de igualdade que este goberno ten como bandeira” , conclúe Rivas.

MÉTODO DE INSCRIPCIÓN:

Deben inscribirse ata 13 horas antes do uso do servizo a través do Centro de Información á Muller (986408043).

A gran festa micolóxica de mos chega á súa décimo oitava edición

0

Onte pola noite celebrouse no Pazo de Mos a presentación das XVIII Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos. No acto estiveron presentes o tenente alcalde, Camilo Augusto, o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, e edil de Participación Cidadá, Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, o tamén concelleiro do equipo de goberno local, Gonzalo Alonso, a deputada provincial, Victoria Alonso, o presidente da Asociación de Hostaleiros BaRes Mos, Esteban Cidanes, representantes da Comunidade de Montes de Mos e Fundación Pazo de Mos, así como dos 6 negocios de hostalería mosenses participantes nesta 18 edición das xornadas: Adega da Tía Carmen, O Alpendre, Baxiña, Curuxeira, O Bocadiño e Maceira.

O programa de actividades comezará o vindeiro 31 de outubro coa primeira das charlas formativas titulada “O Cultivo do Castiñeiro en Galicia”. Todas serán ás 20.30 horas no Pazo de Mos.

A segunda das charlas titúlase “Media ducia de cogomelos que pasaron de comestibles a tóxicos” e terá lugar o día 2 de novembro. Pola súa banda o 3 de novembro, a experta micóloga mosense, parte fundamental e imprescindible destas xornadas, Puri Lorenzo, impartirá a charla “Iniciación á Micoloxía”. O venres 4 de novembro chegará o turo da charla “Cociñando cogomelos”.

Ademais das conferencias didácticas realizarase a tradicional saída para recollida e identificación de cogomelos o sábado 5 de novembro en horario matutino de 10.00 horas a 13.30 horas; con saída desde o Pazo de Mos.

A participación nas charlas require de inscrición previa na seguinte ligazón: https://bit.ly/3CrJwsz.

Gran xornada de degustación

A programación das Xornadas Micolóxicas incluirá tamén, e como non podía ser doutro xeito, a tan popular e esperada gran xornada de degustación de cogomelos e VI micromercado nos exteriores do Pazo de Mos. Será o domingo 6 de novembro de 12.00 a 15.00 horas e durante a mesma poderanse gozar dos pratos ofertados tanto pola propia Asociación BaRes Mos, como polos 6 establecementos participantes nas xornadas deste anp. A Adega da Tía Carmen servirá empanada e croquetas de pan de Millo e Setas. O Alpendre, Guiso de Fabas e Setas; Baxiña: Variado de Croquetas de Setas, Curuxeira: Tortilla de setas e Fajita de Setas. O Bocadiño: Tosta de Garbanzos con Setas, e a Hamburguesería Maceira: Mini burger de polo e trompetas dos muertos con carpaccio de setas de cardo e cheddar, e Niscalos ‘pibil’ e totopos de yuca con escuma de san simón e caviar cítrico. Ademáis do día da gran degustación, todos estes pratos poden probarse xa nos establecementos de cada un destes hosteleiros e durante todo o mes de novembro.

A gran degustación do 6 de novembro contará ás 12.00 horas cun concerto en pequeño formato de Susana Seivane e unha actividade infantil ás 18.00 horas da man de Paco Nogueira baixo o título “Canto Contigo”.

A mostra micolóxica e consulta aberta ao público estará operativa de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas.

A Guarda celebra o Día das Bibliotecas

0

Este sábado comeza a tempada teatral de corte infantil e familiar da man do gran clásico O Quixote, pensada para o público infantil e familiar. Esta peza, representada pola compañía Pedras de Cartón, foi escollida para representar nesta data e celebrar así o Día das Bibliotecas que cada ano se conmemora o 24 de outubro. A función terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural o vindeiro sábado 29 de outubro ás 18:00h.

A peza que ven a recuperar o gran clásico da literatura española presenta unha proposta dunha coidada calidade técnica sen perder o gancho co seu principal destinatario: as crianzas. Cunha estética inspirada no paiaso clásico e en clave de clown, a obra afronta as escenas mais icónicas e mais cómicas da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho. Sobre un velocípedo a modo de Rocinante fai súa aparición o histriónico Quixote, e sobre o triciclo que sustitúe ao asno Rucio cabalga o seu inseparable  Sancho. Xuntos afrontarán os feitos mais inverosímiles tanto de día como de noite.

Esta obra, segunda entrega da compañía Pedras de Cartón, que xa presentou na Guarda a anterior adaptación do Lazarillo de Tormes, foi gañadora por unanimidade do X Certamen Internacional Barroco Infantil de Almagro ( edición 2021). A compañía ven especializandose así no seu cometido de abrirse ao exterior e recuperar os grandes clásicos da literatura española a novos públicos. 

Por todo o antedito, a función é moi recomendable para gozar en familia, e convidamos ao gran número de nenas e nenos a acudir este sábado ao Centro Cultural, invitación que facemos extensiva ao resto de seguidores e amantes do teatro, así como amantes da literatura clásica.  O acceso á función é libre e de balde ata completar o aforo da sala (non precisa reserva previa). A súa duración é de 50 min.

Como o resto da programación incluída no Outono Teatral esta obra está subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.

O Porriño, escenario da Copa Federación de Fútbol Sala Adaptado

O pavillón municipal do Porriño acollerá mañá a Copa Federación de Fútbol Sala Adaptado organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado.

A competición, que desenvolverá en horario de mañá, contará coa participación dos equipos Aceesca, Juan María, Juan XXIII e San Rafael. Disputarán seis encontros de dous tempos de 10 minutos cada un.

O programa ‘Coidados porta a porta’ regresan a Baiona

0

A campaña de “Coidados porta a porta” que ofrece coidados médicos gratuítos a maiores de 55 anos chegará a Baiona a próxima semana. O goberno local, a través da Concellería de Servizos Sociais, solicitou á Xunta este servizo, que se presta mediante unidades móbiles que realizan visitas de varios días aos municipios rurais. Nestes vehículos ofrécense servizos de oftalmoloxía, audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria ás persoas que non teñen facilidades para acceder a estas prestacións.

Unha unidade móbil deste servizo visitará o municipio os próximos días 4, 7,  8,  9 de novembro  na Avenida Arquitecto Jesús Valverde (entrada do parador de Baiona). Unha unidade móbil instalarase neste lugar para prestar de forma gratuíta os servizos  en horario de atención será das 09.00 ás 20.00 horas.

Desde a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Baiona anímase á poboación maior de 55 anos do municipio para participar neste programa, destinado especialmente a efectuar revisións e valoracións auditivas, atención podológica para prevención e tratamento das principais patoloxías e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzhéimer ou demencias neurodegenerativas.

Para máis información e cita previa no teléfono 622748283 ou no email: [email protected]

O Rosal abre a solicitude de subvencións para a mellora das traídas de auga veciñais

0

O Concello do Rosal mantén o seu compromiso coas traídas de augas veciñais do municipio lanzando unha nova liña de subvencións dotada cun orzamento total de 20.000 euros coas que colaborar con todas estas entidades na mellora das súas instalacións. A través destas axudas, as traídas de augas veciñais poderán financiar ata o 80% dos gastos subvencionables presentados ata un máximo de 5.000 euros por traída.   

O Goberno local pon en marcha unha nova edición destas subvencións para axudar ás comunidades que desenvolvan a súa actividade no Rosal a adquirir materiais, renovar equipamentos ou investir en melloras de instalacións de sistemas de captación de augas, como fontes e pozos e a súa contorna; sistemas de almacenamento e potabilización, como depósitos, filtración ou decantación; sistemas de distribución e mellora das redes; ou renovación das instalacións, dende as conexións eléctricas ata os sistemas de bombeo ou o peche e a seguridade nos recintos.

As traídas de augas veciñais interesadas poderán solicitar esta subvención ata o vindeiro 14 de novembro de 2022. Toda a documentación está dispoñible na sede electrónica do Concello e terán ata o 30 de setembro de 2023 para a xustificación das axudas recibidas.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quere agradecer a todos os veciños e veciñas que participan nas traídas de auga “a súa implicación e compromiso cos rosaleiros e rosaleiras, xa que xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e na xestión dun ben básico e preciado como é a auga”. A rexedora lembra que, ademais desta liña de subvencións, o Concello ofrece axudas económicas para financiar as análises de potabilidade obrigatorias en pozos e fontes e dá soporte ás entidades para levar a cabo calquera reparación urxente a realizar no día a día.