7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal estréase en Wikiloc con oito rutas de sendeirismo

    O Rosal estréase en Wikiloc con oito rutas de sendeirismo

    Coñecer cada recuncho do Rosal nunca foi tan sinxelo. O Concello estréase en Wikiloc cun perfil propio no que se recolle información detallada sobre unha serie de rutas que percorren o municipio “que permiten completar a nosa oferta de turismo e lecer tamén para a veciñanza, que poderá desfrutar do seu tempo practicando unha actividade tan sa e interesante como o sendeirismo”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    Todas as rutas contan cunha completa ficha na que se indica a distancia coa que conta, o tipo de percorrido, a súa dificultade, a duración aproximada e o punto de partida, así como unha descrición da senda e información sobre conexións con outras rutas ou puntos de interese próximos. Ademais, nos diferentes puntos de interese da ruta o público contará con imaxes e unha descrición dos elementos máis destacados a nivel paisaxístico, patrimonial… que poderá atopar ao longo do percorrido.

    Un dos datos importantes que se sinalan dentro destas fichas técnicas é o público para o que vai dirixido, se é apta para todas as persoas, se é para público familiar ou se pode facerse coa Joëlette, unha cadeira que o Concello pon a disposición de calquera persoa con mobilidade reducida para poder realizar unha ruta adaptada. As persoas interesadas en empregar esta cadeira deberán chamar ao teléfono do Concello 986 62 50 00 para ver a dispoñibilidade e a organización do seu uso.

    O perfil do Concello do Rosal en Wikiloc nace con oito percorridos: a ruta circular Couselo – Niño do Corvo, a ruta circular Praia das Eiras – capela da Madalena, o sendeiro Pozas da Cal – Muíños do Calán – Capela de San Martiño, o sendeiro da Cal, o PR-G 112 Sendeiro de Pescadores río Miño – Tamuxe, a ruta familiar Parque de Pías – Área recreativa das Aceñas, unha ruta curta polos Muíños do Folón e a PR-G 94 Muíños do Folón e do Picón. O obxectivo é “ir ampliando pouco a pouco todos estes percorridos, aproveitando todo o potencial paisaxístico, natural e patrimonial que temos no noso municipio”.

    É importante destacar tamén que se trata dun perfil ORG grazas ao cal as persoas usuarias poderán seguir todas as rutas empregando as funcionalidades íntegras da aplicación Wikiloc aínda que non dispoñan dunha conta premium. Ademais de nesta aplicación, as persoas usuarias poden atopar toda a información no apartado de Turismo da páxina web do Concello do Rosal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.