10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui celebra o Día das Bibliotecas

    Tui celebra o Día das Bibliotecas

    Con motivo do Día das Bibliotecas, que se celebrou onte 24 de outubro, a Biblioteca Municipal de Tui recibe este días unha serie de visitas de grupos escolares para coñecer as súas instalacións e servizos.

    Ao longo desta semana un total de nove grupos do Colexio Maristas Santa María de Tui visitan a Biblioteca tudense para achegarse ao funcionamento deste centro bibliotecario e coñecer os seus recursos tanto de acceso á cultura como á información.

    Onte foron máis de 80 alumnos dos cursos superiores deste centro educativo os que participaron nestas xornadas de portas abertas da Biblioteca tudense. O persoal bibliotecario acompaña aos escolares na súa visita polas instalacións deste centro, para coñecer as súas diversas seccións e o sistema de préstamo de libros de cara á difusión dos seus usos entre os escolares.

    Día das Bibliotecas

    O 24 de outubro celébrase en España o Día das Bibliotecas que este ano contou cun cartel da ilustradora galega Xulia Vicente baixo o lema “BiblioTEcuida” que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e os seus servizos son un piar fundamental para as comunidades ás que pertencen.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.