O Concello do Rosal continúa a traballar para converter o núcleo urbano do municipio nun espazo de calidade, sen barreiras, inclusivo e accesible. O Goberno local ven de adxudicar as obras de reforma da contorna do Calvario, un proxecto co que se busca “seguir recuperando o epicentro da nosa actividade económica, social e convivencia e transformando O Rosal nun concello moderno e amable no que as persoas estean no centro de cada actuación”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O obxectivo destas obras será mellorar o pavimento e a accesibilidade peonil na contorna, continuar coa recuperación de espazos amables para as persoas e dispoñer de aparcamentos máis eficientes “incorporando os criterios de calidade urbana, accesibilidade, seguranza e melloras ambientais que xa se aplicaron na transformación da propia Praza do Calvario”.
Estes traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, implicarán actuacións na contorna do pavillón, nas rúas Manuel Suárez Marquier e Cabaqueiros e o tramo da rúa Simón do Mazo que conecta ambas as dúas rúas ata a Travesía Simón do Mazo, así como obras na rúa Nova do Couso dende o seu cruce coa Travesía do Couso ata a rúa do Couso, incluíndo o seu tramo entre as rúas Pascuala e Jesús Noya.
Cun orzamento de case 170.000 euros, con estas obras procederase á recuperación do pavimento e das marcas viarias, así como a unha formalización do espazo peonil, incorporando bandas de estacionamento acompañadas por espazos verdes con arboreda que lle dará calidade espacial á zona e achegarán as súas tradicionais funcións de sombra e captación de carbono. Ademais, incorporaranse nos pasos de peóns plataformas que permitan a incorporación dun vado para mellorar a accesibilidade ás beirarrúas.
“Temos unha Praza do Calvario totalmente renovada, unha zona urbana e comercial revitalizada a través dun deseño de praza unitario, atractivo e dinámico co que poñer en valor a historia da vila e o seu patrimonio pero co que tamén xeramos un espazo público de estancia, convivencia e lecer de alta calidade. Con estes traballos continuamos dotando toda a contorna dos espazos que a veciñanza se merece”, recalca a rexedora.