11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas inaugura este luns 31 a exposición «Rexas. Mulleres baixo o terror...

    Ponteareas inaugura este luns 31 a exposición «Rexas. Mulleres baixo o terror franquista»

    A mostra forma parte do programa de actividades de memoria posto en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra

    O Concello de Ponteareas achegará ao público durante este mes dun xeito diferente as vivencias da represión e da ditadura cun amplo programa que inclúe a exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’. En colaboración coa Deputación de Pontevedra e ao abeiro do programa ‘O pasado por vir’, a mostra inaugurarase o vindeiro luns 31 de outubro ás 10.00 horas no Museo municipal coa presenza da alcaldesa, Cristina Fernández Davila; da técnica de Memoria Histórica da Deputación, Montse Fajardo; e de concelleiros e concelleiras do Goberno local.

    Ata o 30 de novembro, o público ponteareán poderá achegarse ao Museo Municipal para coñecer un anaco da historia a través desta exposición que recolle unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, polo feito de ser mulleres, sufriron vexacións de corte sexista.

    A mostra, que reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936, analizará a contextualización histórica, que conta como se produciu unha quebra dos dereitos tanto de clases como para as mulleres, que pasaron a ser tratadas como menores de idade ou sempre dependentes de varón. Ademais, a exposición analizará as diferentes tipoloxías de represión e permitirá recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.

    O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a coñecer esta exposición que poderá visitarse de balde no Museo municipal de luns a venres de 09.00 a 21.00 h e sábados de 10.30 a 13.30 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.