O Museo de Pontevedra celebra este ano un Día de Defuntos moi especial, con Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín lendo de maneira libre Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Será un espectáculo único creado para a ocasión, na que dous dos narradores galegos actuais máis destacados farán a súa propia lectura dun dos textos máis populares de Castelao. A cita é o mércores 2 de decembro ás 19.00 horas no Edificio Castelao, con entrada de balde ata completar aforo.
Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete é un texto en prosa publicado na colección Céltiga de novelas breves en 1922, hai xusto cen anos. Nel Castelao exhibe o seu concepto do humor a través dunha serie de historias breves fiadas polo narrador, un esqueleto, e os seus compañeiros de cemiterio. Dentro da colección de case 2.000 obras de Castelao que conserva o Museo, figura unha edición orixinal autógrafa, bosquexos, estudos e probas dos gravados que incluíu no libro, así como un cartel anunciando a súa publicación.
Sobre este texto construirán a súa narración Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín. Cadaval é un actor, director e adaptador teatral, cunha longa traxectoria e un amplo recoñecemento, tanto popular como no ámbito académico. É un dos máximos responsables do auxe dos contacontos ou narradores de historias en Galicia a partir da década dos 90.
Pola súa parte, Sanmartín é poeta e narrador, tamén cunha gran experiencia sobre as táboas e no desenvolvemento de proxectos sociais e culturais. Destaca a calidade coa que traslada á escena a memoria cultural e o saber popular, especialmente das persoas maiores, coas que traballou frecuentemente.