Os voluntarios da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui fórmanse de maneira continua ao longo de ano coa realización de distintos cursos especializados. Este colectivo pasará nun días a contar con vinte voluntarios, ao incorporarse seis persoas.
Estes novos voluntarios realizaron a pasada fin de semana no Porriño o curso básico para incorporarse á agrupación.
Amais, outro dos voluntarios da Agrupación de Protección Civil está a realizar o curso de Incendios Urbanos e Forestais no concello de Incio, na provincia de Lugo, xunto a outra voluntaria que está a realizar a mesma formación en liña. Asemade, tres voluntarios estiveron a realizar o curso para obter a licenza de navegación en Vilanova de Arousa. Outro dos membros de Protección Civil de Tui asistiu no concello da Veiga, en Ourense, a un curso de Accidentes en Estrada.
Hoxe mesmo, sábado 29, unha voluntaria realizará o curso de Desfibrilación semiautomática externa na Xefatura Provincial de Pontevedra, e o 9 de novembro, outro voluntario asistirá ao curso de Coordinación Operativa en Plans de Emerxencia na estrada.
Así, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil prepárase de forma continua ao longo do ano para afrontar as distintas actuacións que levan cabo tanto en eventos programados coma en accidentes levando a cabo un labor encomiable de forma totalmente altruísta. Por exemplo, foron o pasado sábado 22 de outubro, actuaron en distintos puntos do municipio nunha madrugada que deixou numerosas incidencias como caída de árbores, accidentes de coches ou inundacións.
Dende o Concello de Tui quérese amosar o agradecemento ás persoas que integran a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui polo tempo que dedican a labores de protección da cidadanía sen ningún tipo de remuneración.