16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán prepárase para un Samaín terrorífico

    Nigrán prepárase para un Samaín terrorífico

    O Concello de Nigrán ofrece este ano o seu programa de Samaín máis completo e truculento ata a data. Este estará centrado na infancia e comeza o venres 28 coa estrea do contacontos ‘Samagostín’ e remata o propio martes 1 de novembro coa tradicional festa de disfraces no Auditorio. Entremedias será o obradoiro de ‘galletas terroríficas’ de Chupipostres (sábado 29, domingo 30 e luns 31 no CEE de Panxón previa inscrición en www.nigran.es), as visitas teatralizadas o luns ao cemiterio do Ceán a cargo de Teatro do Ar (tamén con inscrición previa en www.nigran.es) e ese mesmo día o roteiro micolóxico para a infancia en Camos desde as 11:00 horas. Paralelamente, o Auditorio estará desde hoxe decorado coas cabazas confeccionadas polos usuarios do Centro Municipal de Persoas con Enfermidades Neurodexenerativas en Panxón.

    “A celebración do Samaín é xa unha tradición consolidada para a infancia e desde Nigrán quixemos darlle un pulo engadíndolle un contido máis enraizado na nosa cultura celta”, explica o alcalde, Juan González.

    Así, a programación arranca este venres 28 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa presentación de ‘Samagostín’, novo libro de Solaina que inclúe o contacontos e actividades para crianzas de 4 a 8 anos. “Todo acontece o día de Samaín. A vida tranquila dunha araña bailarina e un gato músico vese alterada cando chega a súa casa unha bruxa malvada. Contarán coa axuda duns seres negros e escuros coma eles para dar resulta esta situación”.

    Desde o día seguinte e en tres sesións diferentes (sábado e domingo ás 11:00 horas e luns ás 17:30 horas) a cociña do CEE de Panxón acollerá o ‘obradoiro terrorífico de galletas’ a cargo de Chupipostres para crianzas empadroadas en Nigrán de 6 a 11 anos, tendo unha duración estimada de 2´5 horas. As prazas están limitadas a 15 por sesión e deberá realizarse inscrición previa a través dun formulario web en www.nigran.es , non puidendo repetir actividade un mesmo neno. Os asistentes realizarán a masa das súas propias galletas, as fornearán e as decorarán con motivos de Samaín, levando para a súa casa todo o que cociñen.

    O luns pola mañá, Día do Ensino e polo tanto non lectivo, o Concello ofrece un roteiro micolóxico guiado en Camos pensado especialmente para crianzas. O obxectivo é iniciar aos nenos e nenas no mundo dos cogomelos máis alá da recolección e da súa comestibilidade ou toxicidade, investigando sobre o terreo os distintos grupos de fungos, as súas adaptacións, as interrelacións con outras especies e a función fundamental que aportan para a saúde e a conservación dos ecosistemas forestais. A andaina será polo bosque de ribeira do río Táboas e o futuro parque forestal de Nigrán.

    O mesmo luns 31, en dúas quendas de 45 minutos (inicio ás 19:30 e ás 20:30 horas) o Concello ofrece a través de Teatro do Ar (Premio ao Mérito Cultural 2022) unha visita teatralizada ao Cemiterio Municipal de Nigrán (San Fiz- Ceán), sendo preciso inscribirse previamente no formulario web do Concello www.nigran.es. Ilustres como Carlos Casares, Daniel Pazó ou o profesor Vázquez Grela cobrarán vida para coñecer e contar a súa historia aos seus actuais veciños. Estas visitas, segundo o director Pedro Villar, “tratarán de conxugar toda a información que temos dunha forma cómica e lixeira”.

    Finalmente, o martes 1 de Novembro desde as 17:00 horas o Concello ofrecerá no Auditorio Municipal a tradicional festa de disfraces de Samaín destinada a infancia e dirixida polo Mago Rei Midas. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.