25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA ministra de Coesão portuguesa manifesta o compromiso coa Deputación, o AECT...

    A ministra de Coesão portuguesa manifesta o compromiso coa Deputación, o AECT Rio Minho e a CIM Alto Minho

    A ministra de Coesão Territorial de Portugal Ana Abrounhosa comprometeuse “cos proxectos prioritarios” para o territorio do Miño transfronteirizo na súa visita á Deputación de Pontevedra. A mandataria lusa visitou a institución provincial para manter un encontro de traballo no que recibiu da man da presidenta Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez –xunto a representantes da CIM Alto Minho-, un documento denominado a ‘Declaración de Pontevedra’ no que se trasladaron sete puntos “estratéxicos” para ser tratados na Cimeira Ibérica do vindeiro 4 de novembro en Viana do Castelo.

    No encontro estiveron tamén presentes, ademais dos representantes provinciais, o delegado do Goberno José Manuel Miñones, a secretaria de estado da Valorización do Interior de Portugal Isabel Ferreira, os representantes da CIM Alto Minho Manoel Batista e Bruno Caldas e tamén o vicedirector do AECT Rio Minho, Rui Teixeira. Todos eles fixeron as súas contribucións sobre as propostas para o desenvolvemento transfronteirizo.

    A ministra subliñou o excelente traballo que está a realizar o AECT Rio Minho e destacou a coincidencia nas prioridades amosadas polo agrupamento, que inspiraron a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza aprobada polos gobernos estatais na pasada Cimeira Ibérica. Destacou Abrounhosa que en termos empresariais, de cultura, de protección civil, na área social “temos toda a vantaxe en cooperar”, por iso manifestou a importancia de traballar en conxunto para facer desaparecer a fronteira “que na pandemia xurdiu con grande ruído”.

    Por todo isto, destacou que “como ministra con responsabilidade no territorio quero transmitir, presidenta Carmela, que a nosa cooperación non só unha manifestación, senón que queremos desenvolver as nosas rexións e países. Ten vostede o compromiso da ministra nos proxectos prioritarios do AECT Rio Minho. Temos estratexia, que está aliñada coa estratexia dos fondos comunitarios, temos as prioridades ben definidas, temos os recursos… Mans á obra!”, salientou a mandataria lusa, “porque gañarán as persoas, as empresas e todos aqueles que servimos á cidadanía”.

    Manifestou tamén Abrounhosa o seu empeño en que os fondos POCTEP vaian dirixidos realmente aos territorios de fronteira, aceptando que as entidades receptoras poidan ser de orixes diversos, mais sempre beneficiando a rexións pegadas á raia.

    Visión de futuro   
    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a honra que supón a visita da ministra de Coesión Territorial e da secretaria de Estado de Valorizaçao do Interior, “dúas mulleres fortes e con capacidade de decidir en Portugal”. Considerou que coa súa presencia en Pontevedra dan valor á mesa de traballo celebrada hoxe na Deputación e permiten preparar as cuestións da máxima relevancia que se van tratar no Cumio Ibérico do 4 de novembro.

    Carmela Silva confiou en que nesa ‘Cimeira’ se avance na saída Sur de Vigo en alta velocidade. “Sabendo que hai un compromiso total dos Gobernos de España e Portugal, como presidenta da Deputación, demando que a alta velocidade una a Eurorrexión, e que esa saída Sur que reclama a provincia de Pontevedra e Vigo, co apoio da AECT, sexa unha realidade máis pronto que tarde. Estou convencida de que aquí será”. Ademais animou a ambos gobernos a definir acordos para a defensa medioambiental do río Miño, “o pai de ambos lados da fronteira”.

    Carmela Silva  destacou que é preciso “facer máis Europa desde este lugar do mundo, facilitando a comunicación transfronteiriza con proxectos conxuntos e co desenvolvemento dunha política industrial común”. A presidenta provincial recalcou que a AECT Rio Minho, impulsada pola Deputación e a Comunidade Intermunicial do Alto Minho, é a que “mellor funciona” entre todas as que articulan o territorio transfronteirizo entre España e Portugal, “porque ten visión de futuro, baséase en novos valores da política e da economía, no respecto ao medio ambiente e na capacidade de construír espazos onde as persoas poidan ter garantido o dereito a unha vida de calidade”.

    Pola súa banda, o delegado do Goberno José Manuel Miñones agradeceu a sensibilidade da ministra Ana Abrounhosa con Galiza e o territorio. “Nesta xuntanza verase refrendada esa sensibilidade con acordos que levaremos á Cimeira”, subliñou, destacando que a cooperación e a alianza entre España e Portugal é un referente para toda Europa, facendo fincapé na excepcionalidade ibérica, no corredor de enerxía verde ou noutros asuntos a curto, medio e longo prazo como a alta velocidade.

    A ‘Declaración de Pontevedra’  

    Durante o encontro de traballo as representantes da Deputación, AECT Rio Minho e CIM Alto Minho entregaron á ministra Abrounhosa a denominada ‘Declaración de Pontevedra’, un documento asinado polas tres institucións de cooperación con sete propostas “estratéxicas” para abordar na Cimeira Ibérica.

    No documento arguméntase que o territorio transfronteirizo do Río Miño ten importantes características comúns e forte interdependencia nas súas relacións económicas, sociais e culturais e que a súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión fai do Río Miño un espazo de cooperación singular que abrangue a zona de fronteira máis dinámica e de potencial socioeconómico entre España e Portugal.

    Lembraron os perxuízos do peche das fronteiras durante a COVID e subliñaron que por ese motivo é fundamental desenvolver varias prioridades para o desenvolvemento na cooperación transfronteiriza España-Portugal. Entre elas destacaron o desenvolvemento Local e Cohesión Terrritorial no Río Miño Transfronteirizo, coa posibilidade dunha Intervención Territorial Integrada ou a aposta por un proxecto gobal de desenvolvemento territorial estruturante no marco da novo programa Interreg.

    Tamén se plantexou a necesidade de fomentar a conectividade e desenvolvemento empresarial garantindo investimento público para mellorar a unión e transporte de mercadorías entre o aeroporto de Vigo, os Portos de Vigo e Viana do Castelao, as infraestruturas viarias (A52 na Galiza e A3, A28 e A27 en Portugal) e a rede de parques empresariais e centros de loxística.

    Pediuse unha aposta polo corredor atlántico ferroviario, cun apoio claro da alta velocidade Vigo-Porto cunha mellora da liña e o aumento do número de frecuencias e o aproveitamento da actual infraestrutura –mellorada- para ser explotada como tren de proximidade transfronteirizo que permita ao territorio conectar os grandes núcleos urbanos entre ambas cidades.

    Tamén se falou de “facer máis Europa” integrando a cidadanía e facilitando a mobilidade transfronteiriza impulsando proxectos singulares de mobilidade local, como o da ponte peonil e ciclable entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira no que a Deputación xa ten redactado o proxecto. A mellora da cobertura, a posta en marcha a Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, ou a defensa ambiental dun recurso natural común como é o Río Miño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.