Sábado, 17 Maio de 2025

A Guarda presenta o traballo de Mabel Lozano “Chicas Nuevas 24 horas”

0

A exposición “Chicas nuevas 24 horas” que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual continúa o seu percorrido pola comunidade autónoma, promovida polo Consellería  de Promoción do Emprego e  Igualdade, e se pode visitar na Guarda ata o vindeiro día 10 de maio.

Na xornada do xoves, a Casa dos Alonso acolleu a proxección do Documental de Mabel Lozano, acto que foi presentado pola Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, quen valorou esta iniciativa promovida dende o CIM da Guarda para achegar á cidadanía a realidade da explotación sexual.

Dende novembro, a mostra percorre distintos concellos e institutos galegos para levar a queixa necesaria sobre a compravenda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. Unha actividade enmarcada dentro das realizadas pola Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, no marco do Convenio de Colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia e impulsada pola Secretaria Xeral da Igualdade Xunta de Galicia.

Na súa estadía na Guarda ata o 10 de maio, esta exposición conta con actividades paralelas co alumnado do IES A Sangriña.

Unha exposición composta por fotografías, a proxección do documental Chicas nuevas 24 horas dirixida e con guión de Mabel Lozano e un traballo interactivo co alumnado. Nela dan a coñecer as vivencias e situacións de diversas mulleres e nenas que dende localidades como España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguai dan o seu testemuño sobre esta lacra social.

Un traballo global sobre a trata que denuncia o día a día escuro no que millóns de mulleres viven no mundo por culpa das mafias, dos proxenetas, destapando a realidade da prostitución exercida dende a escravitude, sempre baixo enganos, extorsións, débedas e ameazas. Un negocio que xera beneficios de 32.000 millóns de dólares ao ano.

A mostra inclúe actividades complementarias de carácter social, didáctico e formativo e centradas en dous piares básicos: a prevención e a sensibilización. O obxectivo final é conseguir a implicación da mocidade na erradicación deste negocio, un fin que é máis factible de acadar cunha menor demanda xunto co compromiso e a responsabilidade social.

O documental

O documental “Chicas nuevas 24 horas” é unha viaxe aos entresijos dunha realidade presente pero sempre oculta, cuxa proxección pretende xerar unha sociedade máis concienciada, que se converterá na mellor ferramenta para facer desaparecer esta forma de escravitude de mulleres e nenas.

Cada día é importante para construír a igualdade e o 8 de marzo tamén alzamos a nosa voz contra a trata como unha das formas de violencia máis profundas que sofren as mulleres e as nenas.

Co obxectivo de xerar preguntas e atopar respostas, que fomenten a concienciación para acabar con esta lacra, os visitantes poden percorrer o espazo expositivo coas imaxes e a proxección do documental que fai sentir ao alumnado durante dúas horas e media achegarse a esta realidade. Unha obra que conta co apoio promocional da Fundación CEPAIM.

Este domingo Baldomar celebra os tradicionais poxos da Santa Cruz

0

O barrio de Baldomar na parroquia de Santa Mariña, concello de Covelo, celebra este domingo os seus tradicionais “poxos”. Cada domingo despois do 3 de maio a igrexa da Santa Cruz é testemuña desta peculiar subasta na que non faltan produtos do campo e da matanza e tamén animais vivos. Lembran o máis maiores de Covelo que nos seus tempos mozos ofrecían á virxe as mellores pezas da súa colleita e carnes do gando criado nas casas ou animais para subastar públicamente e recadar cartos para a igrexa e tamén para as festas. Coñecida tamén como festa da saúde, a veciñanza agradecía con estas ofrendas a protección dos seus animais e da súa colleita. Na procura do amparo da Santa Cruz centos de fieis e devotos acuden cada ano a este santuario agardando así unha protección divina da súa saúde e dos seus ben máis prezados.

Deste xeito tan, aparentemente, mundano pero símbolo de grande devoción a veciñanza conectaba co celestial. Agasallar o mellor dos seus fogares, o froito do seu esforzo, era unha seña de compromiso, de contribución e de integración coa veciñanza. Os poxos producíanse despois da celebración da misa, que este ano será ás 13 horas. 

Pero as persoas que se acheguen a Baldomar a vivir esta experiencia terán tamén o privilexio de aprezar a riqueza histórica do conxunto formado pola igrexa de cruz latina e o santuario da Nosa Señora ao pé da Cruz, admirando de preto o baldaquino barroco ou o cruceiro do desencravo do torreiro.

Segundo relata Andrés Fuertes Palomera “a antigüidade desta parroquia coñecémola pola mención que da mesma se fai, no ano 1258, nos Milagres de San Pedro Telmo citando ao seu párroco Xoán Peláez”.  As primeiras referencias do santuario da Nosa Señora ao Pé da Cruz de Baldomar datan do 8 de maio do 1711 cando o abade de Santa Mariña, D. Pablo Rosales Troncoso e Figueroa, solicita ao bispo D. Anselmo Gómez de la Torre, “fundar e instituír perpetuamente nel o descendemento da cruz todos os venres santos pola tarde. Renuncia que tiña a percibir as esmolas, e fai cesión delas ao Santuario para obras, culto e veneración da imaxe de Nosa Señora ao Pé da Cruz”. A partir de aquí este conxunto sacro enriquécese con expresións artísticas litúrxicas que engrandecen o conxunto. Pero un devastador incendio e sucesivos saqueos provocarán que non cheguen ata os nosos días. Este Santuario posuía unha reliquia doada pola Marquesa de Baamonde a comezos do Século  XVIII que foi roubado co  Lignum Crucis. No ano 2000 prodúcese a restauración íntegra do santuario e dende o ano 2015 o santuario conta con outra pequena reliquia da Santa Cruz de Cristo e un novo relicario.

Baldomar e o santuario da Santa Cruz volverán, un ano máis, ser escenario do misticismo simbolizado en pezas de cera, das crenzas, da esperanza, do reencontro e das gañas de compartir nunha xornada na que recuperar tradicións, mercar recordos do santuario, revivir tempos pasados e coñecer o rico patrimonio local.

O CAAN da Deputación supera as 200 adopcións no primeiro cuadrimestre de 2023

O primeiro cuadrimestre deste 2023 está volvendo amosar unha enorme concienciación cidadá na adopción de animais e, deste xeito o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra logrou dar saída a un total de 227 cans e cadelas desde o 1 de xaneiro ao 30 de abril, unha cifra que deixa unha media de case 2 animais por día (1,8). Galicia e os municipios da provincia seguen a liderar o número de adopcións, aínda que unha vintena de animais viaxou a outras comunidades do territorio nacional, a maioría a Castela e León, un dato que como subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, “significa que este centro é unha gran referencia como centro de acollida e adopcións”. Con estas cifras, o CAAN vén de superar as 4.000 desde o ano 2015.

Das 227 adopcións desde xaneiro, a maioría foron en Galicia (199), seguidas de Castela e León (14), Castela A Mancha (6), Cataluña (4), Asturias (2) e Madrid (1). No que se refire á comunidade, 142 foron na provincia de Pontevedra, 25 en Lugo, 25 en Ourense e 6 na Coruña. O Concello con máis adopcións na provincia foi Vigo (24), seguido de Pontevedra (20) e Meis, Nigrán e Redondela, con 8. Por outra banda, tamén están entre os que máis adopcións acadaron Sanxenxo, con 7, Ribadumia e Cambados 5 e A Estrada, Lalín e Poio, 4.

“A cara escura”, como lamentou Carmela Silva, está nas recollidas. Desde o pasado 1 de xaneiro foron un total de 460, aínda que case a metade destes animais puideron ser recuperados polos e polas súas propietarias, ben no lugar onde se produciu o aviso (147) ou ben no propio centro (74). Porén, seguen producíndose lamentables episodios de abandono e maltrato, o máis recente a pasada semana, en que o CAAN rescatou a tres cachorros no municipio de Covelo que foran deixados nun saco de penso xunto a un colector de lixo. Un deles faleceu xa no centro, mentres que as dúas femias recollidas, Xoldra e Naira, dunha semana de vida, seguen evolucionando favorablemente. Neste senso, Carmela Silva incidiu na necesidade desde as administracións de seguir a “denunciar actuacións que son imperdoables nunha sociedade na que debemos loitar contra o maltrato animal”.

Explicou así mesmo que as dúas cadeliñas están neste momento nunha casa de acollida na que unha persoa voluntaria estalles a coidar e alimentar con biberón, como parte dun proxecto posto en marcha polo CAAN que implica a estas persoas voluntarias en casas de acollida para atender a cachorros recen nados que necesitan alimentarse con leite. Unha vez que xa poden alimentarse con penso, regresan ás instalacións da Armenteira. A primeira vez que se puxo en marcha foi en febreiro, cunha camada de seis cachorros rescatados en Meis que pasaron tamén pola mesma casa de acollida, e amais atoparon xa un novo fogar desde alí antes de regresar ao CAAN. “É unha boa forma de implicar a sociedade neste bo trato aos animais que nos acompañan”, destacou a presidenta.

Nigrán pecha mañá o seu primeiro ciclo ‘Primavera de Jazz’

0

O Concello de Nigrán pecha este domingo o seu primeiro ciclo ‘Primavera de Jazz’ co concerto do pianista Xan Campos ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Antes desfilaron por este evento o guitarrista nigranés Felipe Villar e o santiagués Xacobe Martínez Antelo. Como sempre, a entrada é de balde ata completarse o aforo.

O cangués tocará xunto a Horacio García ao contrabaixo e Iago Fernández á batería. Campos formouse como pianista e compositor nos conservatorios de Galiza, País Vasco, Berlín, Amsterdam e Copenhague, unha etapa que lle permitiu estar en contacto coa vangarda do jazz europeo percorrendo salas e festivais de gran parte do continente. Neste momento, Xan Campos é un dous pianistas máis activos dá Península Ibérica, tanto á fronte dúas seus proxectos como non papel de sideman de destacados artistas dá escena do jazz de España e Portugal. Pese a súa mocidade (naceu en 1987) conta cunha traxectoria especialmente extensa, tendo gravado 5 discos ao seu nome e máis de 20 acompañando a grandes figuras deste xénero musical. Tamén goza de relevancia en Latinoamérica, onde ten tocado en festivais de Arxentina, Uruguai, Chile, Ecuador ou Colombia, actuando tamén en varias salas de Nova York (EEUU).

“Este festival viu para quedarse. O obxectivo é ofrecer aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular en directo e fora da tempada estival”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano se celebra en Xullo no esteiro de A Foz mesturando os mellores músicos internacionais cos máis destacados do noroeste peninsular. “Despois de 16 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demandaba concertos en directo tamén o resto do ano e un alumnado da Escola de Músico que tamén o reclama, e por iso nace este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos e do norte de Portugal”, finaliza o rexedor.

Os “Coidados porta a porta” visitarán Oia o 25, 26 e 29 de maio

0

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” da Xunta de Galicia visitará Oia nas vindeiras semanas para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación de memoria. O vehículo situarase diante do campo de fútbol de Santa María de Oia os días 25, 26 e 29 deste mes.

O servizo é gratuíto e funciona con cita previa, que se pode solicitar chamando aos teléfonos 622748283/623546992 ou ben a través do correo electrónico [email protected]. A inscrición tamén pode facerse na Concellería de Política Social, coa concelleira Carmen María Estévez, ou chamando ao Concello ao número 986362125.

O programa “Coidados porta a porta” achega servizos asistenciais a maiores que viven no rural co obxectivo de previr a dependencia. Inclúe tres tipos diferentes de servizos: podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Cada sesión concertada pode ter unha duración de ata 45 minutos. Segundo a especializade, as actuacións serán as seguintes:

  • Servizo de podoloxía con consulta básica, onde se fará unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas e se procederá a eliminación de durezas, calos e helomas.
  • Servizo de audioloxía, no que se fará unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.
  • Servizo de estimulación da memoria, cun profesional que realizará una valoración cognitiva e proporcionará pautas para previr e minorar posibles deterioros.

O Club Natación Mos organiza o X Campionato de Natación Escolar Val da Louriña

0

A participación está destinada a escolares de toda a comarca, que nacesen entre o 2009 e o 2016, ambos os anos incluídos.

O Club Natación Mos, en colaboración co Concello de Mos, organiza unha nova edición do Campionato de Natación Escolar Val da Louriña, que este ano chega á súa décima edición. O campionato desenvolverase na Piscina Municipal de Mos o vindeiro sábado 27 de maio ás 17:00 horas e a inscrición será gratuíta.

O campionato desenvolverase por categorías, que se corresponderán a ano de nacemento e sexo, habendo medalla para os 3 primeiros clasificados por ano e sexo e diploma de “finisher” a todos os participantes.

A inscrición poderá realizarse ata o 23 de maio, tanto de forma física na Piscina Municipal de Mos como enviando un e-mail a: [email protected].

Ponteareas avanza na ampliación da súa rede de calor con biomasa

Ponteareas continúa coa ampliación da súa pioneira rede de calor pública. O Concello avanza de forma rápida na execución das obras que permitirán estender esta rede ata novos edificios de titularidade municipal, incrementando e optimizando a potencia de produción dispoñíbel e continuando no camiño da innovación e a sostibilidade no eido enerxético.

Con esta ampliación das instalacións procederase a dar servizo e cubrir as necesidades de calefacción e auga quente do Centro de Dinamización Empresarial, a piques de abrir ao público; do futuro Centro Cívico situado na Praza Maior, xa en fase de remodelación; e o edificio de usos múltiples que albergará a antiga nave de Aceiros del Tea, que nestes intres atópase en proceso de licitación das obras de rehabilitación.

“Son novos pasos para facer de Ponteareas unha vila máis verde e sustentábel, xa que esta ampliación permitirá incluír que instalacións que se están a remodelar na actualidade conten xa cun subministro por biomasa de lasca producida nos montes próximos, xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de incendios e garantindo unha contaminación cero”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

A rexedora salientou que “somos referente a nivel galego en canto á instalación deste sistema e chámannos doutras cidades para coñecer o que estamos a facer. O noso obxectivo é seguir avanzando para que nos vindeiros anos a totalidade dos edificios públicos conte con este sistema e xa estamos estudando a posibilidade de transferilo ao parque de vivendas privadas e empresas, creando novos puntos de conexión que favoreza un abaratamento de custes de calor e auga, unha maior eficiencia enerxética e unha redución das emisións tanto entre a veciñanza como no tecido empresarial”. A alcaldesa destacou ademais que se trata dunha iniciativa que tamén se estuda levar ás parroquias nun futuro.

Con esta ampliación, a rede de calor lévase cara á Praza Maior a partir da derivación que se deixou prevista no ramal principal á saída do edificio central na rúa Santa Ana. As tubaxes instaladas na primeira fase foron xa dimensionadas para soportar os caudais das ampliacións de rede sucesivas ata completar a totalidade da rede de calor de Ponteareas.

Este aumento de potencia “favorecerá o paso cara a unha economía baixa en carbono, dando pulo ao uso das enerxías renovábeis na vila e mellorando a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións municipais”, como asegura a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote. Garrote lembra que a posta en marcha desta rede de calor “sitúa a Ponteareas como un concello pioneiro e innovador que aposta pola sostibilidade non só como ferramenta de aforro económico, senón tamén como camiño para diminuír a nosa pegada de carbono”.

Cun investimento de case 288.000 euros, as obras contan están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’, o Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e fondos propios do Concello.

Charla-Coloquio sobre fibromialxia o martes 9 de maio na Guarda

0

O vindeiro martes día 9 de maio, ás 19:00 h, a Casa dos Alonso acollerá unha charla-coloquio sobre a enfermidade da fibromialxia, na que se contará coa participación do Dr. Rafael B. Melero González.

Nesta charla, aberta a toda a cidadanía, tratarase sobre que é a enfermidade da fibromialxia e se está vencellada coas enfermidades de tipo reumatolóxicas.

O Dr. Rafael B. Melero González é un médico reumatólogo graduado na Universidade de Santiago de Compostela que ten unha dilatada experiencia no campo da reumatoloxía, tendo traballado no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela ou no Hospital da Costa de Lugo.

Ao longo desta charla-coloquio, os asistentes terán a oportunidade de despexar as súas dúbidas sobre esta enfermidade, que afecta a moitos veciños e veciñas da nosa vila, da man dun experto na materia que tentará dar luz ás súas inquedanzas a través dos seus coñecementos sobre a fibromialxia e a reumatoloxía.

Nigrán autoriza a demolición da nave de Macomusa para dar cabida a Emenasa

0

O Concello de Nigrán deu luz verde esta semana ao inicio do derribo da nave do antigo matadoiro comarcal en Porto do Molle, ‘Macomusa’. Este era o máximo expoñente do feísmo na contorna e o derradeiro vestixio industrial en todo o recinto, xa que no momento da construción do parque non se chegou a ningún acordo cos propietarios. Sen embargo, tras o peche da empresa no ano 2020, Zona Franca adquiriu estes 12.833 m2 e os incorporou ao seu catálogo para dar cabida a novas empresas, sendo finalmente mercado por Emenasa.

“É a mellor noticia posible para Porto do Molle: desfacerse finalmente desta nave obsoleta e fora de contexto para gañar a cambio unha nova empresa que traerá emprego e riqueza a Nigrán , explica o rexedor, Juan González, sobre esta firma con sede en Jacinto Benavente (Vigo) e que, tras un investimento de 10 millóns de euros, trasladará aquí a súa pranta de fabricación e reparación de motores, alternadores e xeradores eléctricos, dando cabida a 70 empregos directos e 200 indirectos. “Macomusa era un parche feo no medio dun parque empresarial que precísamente representa todo o contrario: modernidade, sostibilidade e eficiencia”, considera González.

A nave de Macomusa será demolida no prazo dun mes por Demoliciones y Desamiantados Galicia, S.L.

Areeiro advirte da necesidade de continuar en alerta polo mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que mantén as súas recomendacións para a vixilancia das viñas ante as condicións climatolóxicas previstas a curto prazo, cun tempo inestable e temperaturas nocturnas elevadas, pola potencial aparición de novos síntomas de mildio. En concreto, recomenda continuar en alerta especialmente naquelas viñas nas que estea próximo a concluír o período de protección do tratamento e renovar as intervencións, malia que o risco de novas infeccións diminuirá a medio prazo se se confirma unha maior estabilidade. Areeiro tamén aconsella retirar os gromos rotos polo vento nas viñas, ao fin de evitar que se instalen fungos por mor da humidade.

Segundo sinala o aviso fitosanitario, as temperaturas nocturnas bastantes altas e a humidade provocaron a aparición de manchas novas nas plantas sen tratamento en todas as comarcas, así como nas vides de variedades pouco sensibles. Ademais, o persoal do centro recibiu avisos de predios con infeccións non controladas, e incluso síntomas en acios e pampos. Pola contra, naquelas viñas protexidas con funxicidas non se observa, en xeral, unha frutificación viable nin zonas de avance. Algo que concorda cos datos recollidos ao abeiro do programa europeo Plasmowine, o sistema de apoio á toma de decisión para determinar o momento óptimo para aplicar tratamentos contra o mildio, que indican que a concentración diaria de esporas segue a ser baixa, se ben os desta semana rexistraron os valores máis elevados de toda a campaña.

No relativo ao pexegueiro, están a aparecer os primeiros síntomas de lepra, polo que resulta conveniente aplicar un tratamento fronte á enfermidade. Ademais, as condicións meteorolóxicas destas semanas favorecen aos patóxenos habituais das hortícolas en xeral, polo que, unha vez que finalicen as precipitacións, é preciso intervir. O aviso fitosanitario de Areeiro tamén fai mención ás maceiras, nas que debido á climatoloxía cálida e húmida actual, é recomendable aplicar produtos contra o moteado. Ademais, xa se rexistraron as primeiras colonias de pulgón cincento nas maceiras de Areeiro, polo que se recomenda iniciar a vixilancia. Por último, no que respecta ao buxo, se ven a semana pasada non se atoparon eirugas nas sebes baixo vixilancia, esta semana apareceu xa algunha ben desenvolvida.

O Porriño énchese de pasión polo flamenco este sábado

O parque do Cristo acolle este sábado, a partir das 20 h,  o espectáculo Pasión Flamenca, no que participarán o grupo rocieiro Andalusí, o grupo de música Toni Delgado e Mario El Primo e o grupo de baile Pasión Flamenca. Como na anterior ocasión, haberá rebujitos, xamón e moita diversión.

Grupo de música Andalusí

O grupo rocieiro Andalusí está composto por Paco Menacho á voz, Lito González á percusión e á voz e Juan Zamudio á guitarra e á voz. Andalusí son tamén compoñentes e excompoñentes do coro rocieiro da Casa de Andalucía de Vigo, onde desenvolveron gran parte da súa actividade musical, actuando por toda Galicia e principalmente na cidade e Vigo. Resulta moi habitual poder seguilos por bares, tabernas e feiras da cidade dos arredores.

Os seus temas son exclusivamente dedicados á música popular andaluza (sevillanas, rumbas e salves), aínda que tamén lles apaixonan as cantigas de taberna e outras cancións populares galegas, que pouco a pouco van introducindo no seu repertorio. 

Grupo de música Toni Delgado e Mario El primo

Antonio Delgado González (1974), cantante e guitarrista máis coñecido como Tomny Delgado, é un músico autodidacta que se formou no seo dunha familia de músicos.

Grupo de baile pasión flamenca

Elegancia e forza sobre o escenario. Alegrías, tangos, sevillanas, rumbas, bulerías e moito máis da man de bailaríns de todas as idades; dirixidos e coreografiados por Silvia Moreno, avalada con 34 anos de experiencia no mundo do baile flamenco en Galicia.

Éxito de participación na Feira do Libro do Rosal

0

Grande éxito de participación e vendas na renovada edición da Feira do Libro do Rosal celebrada este ano despois de tres anos de parón por mor da pandemia. Literatura e lecer déronse cita na Praza do Calvario nunha feira que contou cunha grande afluencia de público a pesar do mal tempo que acompañou durante o evento, que obrigou a trasladar stands e actividades aos soportais e no salón de exposición do Concello e o concerto do cantautor Luis Pastor ao auditorio municipal.  

No Mercado de segunda man participaron sete asociacións rosaleiras: Agrupación Musical do Rosal, Asociación Ghorghalado, Asociación de Maiores, San Xerome Emiliani, a ANPA do CRA María Zambrano, Ecos do Folón e CONRAZONES. Todas elas levaron un amplo catálogo de títulos recollidos dos fondos das propias asociacións ou a través dos seus socios e socias para achegar ao público. En total vendéronse 615 libros de diferentes xéneros e temáticas. Ademais, tamén se venderon 270 flores entre unidades soltas e pequenos ramos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, amosouse moi satisfeita cos resultados obtidos na feira, destacando o traballo e dedicación de todas as persoas que fixeron posible a organización e o desenvolvemento do evento e agradecendo a participación de todos os rosaleiros e rosaleiras “que gozaron dunha xornada de lecer e achegaron o seu gran de area para que os libros non queden gardados nun andel, senón que teñan unha segunda, terceira ou cuarta vida”.

O Barbeira Season Fest, encargado de promocionar Baiona en Madrid

0

O Barbeira Season Fest, que se celebrará en Baiona do 7 ao 11 de xuño, promocionaráse esta fin de semana en Madrid. Este domingo, a organización do festival encherá de contido Caleido, a nova zona de moda da capital situada no corazón do Distrito Financiero Cuatro Torres, con propostas para todas as idades.

Dende as 12:00 h, o público poderá participar das actividades pensadas para gozar en familia como o concerto repaso á historia do rock guiado polo xornalista Javier Becerra, a sinatura de discos do artista Joe Crepúsculo, o showcase de Dani, unha expo fotográfica de Mateo H. Soto ou mesmo o piano xigante da película Big, entre outros contidos. Ademais, o festival anunciará algunhas confirmacións de grupos para o 2024 e promocionará a través de videos Baiona e toda a provincia de Pontevedra dende unha perspectiva turística.

Isaac González, director do Barbeira Season Fest, comenta que “a principal  motivación de levar o Barbeira a Madrid é dar a coñecer, máis se cabe, o lugar no que se celebra”. “Baiona é un lugar fascinante emprazado nunha provincia cunha proxección turística única e queremos contribuir a que se saiba fóra”, conclúe.

O cartaz deste ano e a venda de abonos

Xoel López, Iván Ferreiro, Triángulo de amor bizarro, os portugueses Capicúa e os grupos emerxentes do panorama indie de dentro e fóra de Galicia Margarita quebrada, Anabel Lee, Xenia, Firmado, Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo e Señora DJ, son os grupos confirmados para esta nova edición do Barbeira Season Fest coa que o festival de Baiona cumpre o seu 5º aniversario.  

O público que queira asistir ao Barbeira Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15 % de desconto.

O festival contará unha vez mais co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. 

Ponteareas sanciona á empresa concesionaria polo peche das gasolineiras municipais

O Concello de Ponteareas vén de sancionar á empresa adxudicataria da xestión de dúas gasolineiras de titularidade municipal por cesar de maneira inxustificada a prestación do servizo. Deste xeito resólvese o expediente aberto en marzo tras detectar o peche das dúas estacións, incorrendo a empresa nun incumprimento dunha condición esencial do contrato, que sinala que as gasolineiras deberán permanecer abertas ao público todos os días do ano con atención de persoal, non automatizado, nun horario mínimo de 07:30 a 23:30 horas.

A empresa adxudicataria, que amosaba acreditada solvencia e experiencia no sector ao dispoñer de máis estacións de servizo en Cataluña, abonou por adiantado dous anos de canon por un importe de 360.000 euros. Porén, tras o peche das gasolineiras da estrada de Mondariz e da estrada das Neves asegurou que se trataba dun feito puntual por problemas conxunturais que tiñan previsto resolver en breve prazo. Nese momento o Concello iniciou a tramitación do expediente que leva agora a unha sanción económica de 6.000 euros por dúas infraccións moi graves de incumprimento de contrato.

“Tras as sancións continuaremos defendendo e protexendo os intereses municipais e públicos e abriremos un expediente de extinción de contrato para restablecer o servizo á maior brevidade posíbel”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández. Unha vez resolto este expediente o Concello procederá a adxudicar o servizo á empresa que quedou en segundo lugar na licitación do servizo, que deberá ingresar novamente o canon.

As estacións de servizo datan do ano 1992 e foron adxudicadas a dúas empresas por un período de 25 anos, cun canon a pagar ao Concello de 0,45 céntimos por litro. Concluído o prazo, unha das adxudicatarias recorreu aos tribunais alegando a existencia de prórroga do contrato por dez anos máis para impedir unha nova licitación e continuar co servizo. O Concello opúxose por ser contrario ás normas e porque, ademais, a anterior adxudicación prexudicaba economicamente ao Concello ao estar suxeito a un canon esaxeradamente baixo.

Os tribunais resolveron a favor do Concello e no ano 2022 procedeuse á nova licitación resultando adxudicataria a empresa Vilalta Corporación S.A.  O novo canon establecido co novo contrato é de 4,50 céntimos por litro fronte aos 0,45 céntimos anteriores, é dicir, multiplicouse por 10 o que a adxudicataria debe abonar ao Concello, o que implica un grande incremento nos ingresos para as arcas municipais que pasan dunha media de 18.000 euros ao ano na etapa anterior a 180.000 na actualidade. Ademais, o novo contrato inclúe a instalación dunha infraestrutura de recarga eléctrica, outra de gas e a mellora estética das instalacións.

Redondela convértese en ciberexperta

0

A Policía Nacional, a través da Delegación de Participación Cidadá da Comisaría Vigo-Redondela, fixo entrega á mocidade de Redondela dos diplomas e carné de ciberexperto.

Trátase dun proxecto de capacitación para o alumnado de sexto de primaria e un complemento de distintas charlas de formación preventiva con respectos ás Tics. Este é un tema que a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, considera de “vital importancia”, debido a “a temperá exposición que teñen os nenos e nenas ás redes sociais, internet, dispositivos móbiles e demais ferramentas tecnolóxicas”. En moitos casos, explica a rexedora local, “esta exposición pode derivar en bullying, acoso ou unha mal práctica xeneralizada que condiciona e inflúe drásticamente na vida destes nenos e nenas. Polo que este programa é necesario e agradecemos a constante colaboración da Policía Nacional con Redondela”.

En total, participaron 267 alumnos de sexto de Educación Primaria de todos os centros educativos de Redondela (CEIP Santa Mariña,CEIP Porto Cabeiro, CEIP Igrexa Chapela, CEIP. Plurilingüe Alexandre Bóveda, CEIP de Laredo, CEIP Plurilingüe de Quintela, CEIP de Cedeira, CEIP Plurilingüe de Reboreda, CEIP Outeiro dás Penas e o Centro plurilingüe Colexio Vigo). Aos que a rexedora tamén quixo agradecer “a súa colaboración e a súa habitual disposición con iniciativas deste calibre”.

Esta iniciativa súmase a outras, como a colaboración estreita cos centros de día de Redondela, establecidas pola Policía Nacional a través da Comisaría Vigo-Redondela que “sempre teñen en conta Redondela para desenvolver actividades e programas para  a mellora da calidade de vida das persoas do noso municipio”, conclúe Rivas.

Mondariz Balneario celebrará o Día Europeo do Patrimonio Termal 2023

Balneario de Mondariz e o Concello de Mondariz Balneario únense para acoller o Día Europeo do Patrimonio Termal 2023, que reunirá na vila termal o próximo mes de outubro a todos os membros da Asociación de Vilas Termais Europeas, así como a figuras relevantes internacionais que defenden o termalismo como motor histórico, económico, médico e turístico.

Unha celebración que se aprobou na reunión de xaneiro do Consello Executivo da ETHHA e unha oportunidade para dar a coñecer o feito de que o patrimonio termal representa un fenómeno europeo moi particular, que inclúe recursos naturais, culturais e intanxibles. O concepto de patrimonio termal utilízase para promover a saúde e o benestar, crear destinos turísticos orixinais e protexer magníficas paisaxes culturais. O Día Europeo do Patrimonio Termal destaca a importancia do patrimonio termal como unha tradición centenaria en toda Europa, e para obter recoñecemento e conciencia dos problemas que afectan o futuro deste valioso patrimonio.

“Este ano 2023, a Declaración de Utilidade Pública das augas do Balneario de Mondariz cumpren 150 anos e é unha oportunidade para celebrar o patrimonio termal da localidade e a rexión”, explica Mario Crecente, Presidente do Comité Científico de EHTTA. A iso únese como comenta Amalia Galega, directora de Comunicación do Balneario de Mondariz, “o feito de que na vila termais cumpre o único caso no mundo da creación dun concello, Mondariz Balneario, a partir dun establecemento termal, Balneario de Mondariz. Un fito que fixo posible que se valorase incluír a vila termal galega no recoñecemento de Patrimonio da Humanidade da Unesco ao Patrimonio Termal”.

O alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo, pola súa banda, vai máis aló do termalismo comentando que “Ademais das presentacións e discusións de expertos daremos a todos a oportunidade de visitar o pobo e ver o gran patrimonio termal. Ser un membro de EHTTA e con ela membro dun Itinerario Cultural do Consello de Europa trae este gran portunidad de compartir a nosa herdanza e a beleza deste lugar.”

Nunha serie de eventos, o Día Europeo do Patrimonio Termal analiza o desenvolvemento da “Paisaxe Terapéutica (Spa)”, despois dos temas dos pasados anos, “Urbanismo termal” e “Parques e xardíns.

Covelo recepciona o conxunto abacial de Barcia de Mera para rehabilitalo e xestionalo os vindeiros 50 anos

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e D.Jesús Carracedo, diácono de Asuntos Económicos do bispado, asinaron en presenza da notaria e do párroco de Barcia de Mera, D. Rafael Antela, a cesión temporal e gratuíta do conxunto abacial de Barcia de Mera. O Concello de Covelo recepciona así o pazo abacial, a casa de obra, o alpendre e o hórreo do conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera.

Ao longo dos vindeiros 50 anos o Concello de Covelo xestionará esta importante obra do patrimonio arquitectónico e cultural, podendo despois prorrogalo baixo acordo do Concello e da Diócese de Tui-Vigo. Co obxectivo de restaurala e pola en valor, o Concello de Covelo recibe este ben histórico que considera de interese público e un dos elementos patrimoniais máis salientables da contorna. O conxunto abacial será declarado Ben de Interese Cultural con categoría de monumento polo seu valor histórico , arquitectónico, artístico e etnolóxico.

“Este conxunto arquitectónico atrae a viaxeiros e viaxeiras que se achegan ao noso concello só para admiralo e coñecelo e cremos que é importante que recupere o seu esplendor para o goce non só da cidadanía, tamén dos e das visitantes e en especial para o desfrute da veciñanza de Barcia de Mera ”, sinala o alcalde, Pablo Castillo.

O Concello de Covelo xa traballa na tramitación das correspondentes autorizacións e licencias que permitan a intervención de restauración e rehabilitación do conxunto barroco.

O Concello proxecta a prestación de servizos socio-culturais públicos, entre outros posibles usos, que beneficien á cidadanía, que promovan o coñecemento do pazo abacial e, en definitiva, que lle dean vida e sexa para o desfrute de todas e todos dende “o respecto a esta xoia do pasado que chegou ata os nosos días sen perder o seu valor e beleza”.

Pablo Castillo suliña que a cesión do pazo posibilitará un amplo e rico espazo no que ofrecer actividades culturais, con prioridade para as iniciativas da parroquia de Barcia de Mera.

Por último, quere agradecer a boa disposición do bispado e de D. Rafael, sacerdote da parroquia, por aceptar as condicións da cesión e poder destinalo ao uso público.

O escritor Diego Giráldez exporá os seus collages no Festival de Cans

O vindeiro sábado 13 de maio, o escritor Diego Giráldez inaugura a exposición “Colaxe #catástrofe” durante a festa de apertura do XX aniversario do Festival de Cans. A inauguración terá lugar ás 20:00 horas, no salón do Círculo Recreativo Cultural do Porriño, e a mostra prolongaráse ata o 31 de maio.

É a primeira vez que Giráldez expón os seus collages, unha técnica que practica dende a mocidade -cando estudaba Historia da Arte en Compostela-  e que retomou hai un par de anos, segundo explica, “con menos sentido do ridículo e máis actitude”. A mostra, que arranca cun texto que a escritora Emma Pedreira lle dedica aos collages do autor porriñés, componse de 13 obras nas que predominan a figura feminina, “moi cinematográfica”, e incluso unha  homenaxe ao cine de catástrofes dos anos 70 (Terremoto, Aeroporto, O coloso en chamas,…).

Diego Giráldez

“Fago collage para evitar facer cousas peores”, comenta Giráldez. “Cando estou coas tesoiras na man, apropiándome de imaxes que non son miñas para darlle un novo uso e tratalas como me peta, síntome profundamente ben”, sinala. “Por iso, cando Alfonso Pato me propuxo expoñelos, o primeiro que pensei foi: descubríronme. E dixen que si”, remata o autor de “O meu sangue”.  

Os collages estarán expostos e á venda ata o 31 de maio. 

Eladio Santos e Valèrie Massadian

Xusto despois da inauguración, ás 21:00 h, no propio Círculo haberá un concerto de Eladio Santos que, acompañado de Andrés Cunha, presentará o seu novo proxecto “Ronsel” no que fai unha revisión do seu repertorio e versión de clásicos.

A xornada arranca no Centro Cultural Municipal, ás 18:00 horas, coa proxección da longametraxe “Milla”, da directora e guionista francesa Valèrie Massadian.

Finaliza o programa “Con Voz Propia” de Baiona

0

O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu a clausura do programa “Con Voz Propia”, unha actividade posta en marcha pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, a través do Centro Municipal de Información á Muller.

Una intervención psicopedagóxica no que a práctica vocal (coral e solista) se utiliza para incrementar o empoderamento das mulleres na que participaron vecinñas do municipio.

“Con Voz Propia” desenvolveuse no Multiusos Mercado de Sabarís ao longo do mes de abril e maio os mércores en horario de mañá . Na metodoloxía estivo previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz . Ao mesmo tempo utilizaráronse moitos recursos da musicoterapia, a danzaterapia e a dramaterapia para fomentar a libre expresión o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademáis se traballou coas letras das para reenfocar a visión do percorrido vital.

A cabalo entre a canto-terapia e a aula de música común, o programa combinou as estratexias propias do ensino convencional do canto co enfoque musicoterapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional,.

Este proxecto parte do presuposto de que a aprendizaxe de canto, como conxunto de técnicas e habilidades vocais e musicais unidas á expresión de emocións auténticas, pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando na descuberta e valorización de sí e das outras, favorecendo a inclusión e mellorando a propia estima e realización.

Alumnado de Tomiño aprende a poñer o respecto no centro das relacións afectivas e sexuais

0

Traballar co alumnado e as súas familias a igualdade de xénero, a prevención e o rexeitamento das violencias machistas. Ese é o obxectivo de ‘Así, si!’, un programa a través do que a OMIX de Tomiño leva a educación afectiva e sexual con perspectiva de xénero ás aulas do IES Antón Alonso Ríos. A través de varias sesións dinámicas e adaptadas ao nivel educativo, o alumnado aprendeu a poñer o consentimento e o respecto no centro de calquera relación, resolvendo dúbidas conceptuais e posibles conflitos e debates.

“É moi importante dotar á nosa mocidade de coñecementos, aptitudes, actitudes e valores neste eido e establecer así relacións sociais e sexuais respectuosas”, destaca a alcaldesa, Sandra González. 

‘Así, si!’ é un proxecto educativo baseado na comunicación asertiva como primeira ferramenta para construír relacións afectivas sas, baseadas na igualdade de todas as persoas, o respecto ás diversidades e o rexeitamento de calquera tipo de violencia ou das relacións de dominación-submisión.

A través de dinámicas de rol, xogos e outras actividades achegáronse aos mozos os recursos básicos para detectar situacións e relacións baseadas na desigualdade, así como elementos que favorezan a súa autoestima para rexeitalas ou denuncialas de ser o caso. Ademais, das 12 sesións coa rapazada, a iniciativa contou tamén coa implicación de pais e nais do alumnado participante cun obradoiro específico. Foron moi poucos os proxenitores asistentes, o que indica a necesidade de traballar para conseguir unha maior implicación das familias.

“Con este programa rapaces e rapazas repensan os estereotipos e roles de xénero tradicionais, outras formas do masculino e o feminino ou a hipersexualización dos corpos baseados nunha cultura machista e desmitificaron crenzas erróneas sobre a afectividade e a sexualidade”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez. 

As sesións foron impartidas por unha educadora social experta en igualdade de xénero e diversidades que tamén abordou cuestións coas que fomentar as relacións afectivas baseadas no respecto mutuo ou a educación na prevención das enfermidades de transmisión sexual ou dos embarazos non desexados.

O 20 de maio Baiona trasladará aos nostálxicos aos anos oitenta

0

O Paseo Ribeira acolleu a presentación da III Edición do Festival “A Recta” que se celebrará o vindeiro sábado 20 de maio no emblemático enclave da Avenida da Praia Ladeira.

Miguel Costas, ex membro de Siniestro Total, foi a estrela do pop rock dos 80 que puxo ritmo á presentación na que se desvelou o cartel do festival: Seguridade Social, Pistones, e o propio artista.

Os baioneses que se achegaron ata o lugar gozaron dun pequeno aperitivo do que será o festival coa actuación de Costas.

“Si te acuerdas de los 80 es que no los viviste”. Esta frase de Loquillo mide os graos de implicación na década en que España fíxose moderna e deixou o mito da ‘movida’ asociado a un tempo. A ‘movida’ foi principalmente Madrid. Tamén o foi Vigo, e Baiona era unha das principais paradas da movida viguesa.

O espazo escollido o evento non podería ser outro que a Avenida da Praia Ladeira, enclave ideal para contextualizar os anos 80 baioneses, epicentro da Recta de Baiona.

Seis horas de música, desde as 20:30 ata as 2:00 horas aproximadamente, trasaladarán aos oitenta a todas as persoas que se acheguen a gozar da música.

Tras o éxito dos dous primeiros festivais, desde o Concello de Baiona séguese apostando por unha terceira edición na que dar continuidade ao involucramento a diferentes sectores, como a hostalería de Baiona e por suposto aos veciños a través do propio Concello.

É un festival que naceu con afán de chegar a consolidarse no panorama musical, para iso, é o Concello quen patrocina todo o evento para ofrecelo en formato gratuíto. É unha oportunidade única de reinvindicar a historia da movida baionesa. Tamén un recoñecemento a todo os empresarios e empresarias que apostaron por esta zona de Baiona e que co seu traballo e esforzo conseguiron posicionar a localidade en parada obrigatoria do roteiro da famosa movida ochentera.

A idea é gozar dun festival para Baiona, que se consolide no tempo e que recolla a varias xeracións, música sen data de caducidade que nos traslade a “calquera tempo pasado foi mellor”. Concertos e gastronomía que faga lembrar aos que a viviron e ensinen aos que non tiveron a oportunidade de facelo. Quérese converter Baiona nun referente da época dourada do Pop español.

O Museo de Redondela analizará o xacemento de Monte Buxel

0

O Museo de Pontevedra impulsa unha nova ferramenta para o debate e o intercambio de coñecementos sobre arqueoloxía. Os días 18 e 19 de maio celebrarase no Edificio Castelao o Encontro de Arqueoloxía, unha cita que pretende reunir cada ano as últimas investigacións neste campo chegadas dos ámbitos profesional e académico. A primeira edición centrarase nas ‘Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico’.

Durante o período que se estende entre inicios do V milenio antes da nosa era (a.n.e) e o I milenio a.n.e., as materias primas más empregadas para levantar construcións no Noroeste da península ibérica foron madeira, cordas, pólas e terra. Na maior parte dos casos degradáronse e non se conservan, polo que só chegaron ata nós nos casos nos que o lume entrou en contacto con elas. As foxas, buratos de poste ou gabias de cimentación son as principais evidencias arqueolóxicas que conservamos para achegarnos ás comunidades desa época.

No Museo de Pontevedra analizaranse estas arquitecturas efémeras de lugares de habitación e lugares de almacenaxe relacionados coas tarefas agrícolas e outras actividades produtivas. Polo seu carácter efémero son pouco visibles na paisaxe e, unha vez escavadas, moi difíciles de conservar. Por iso son descoñecidas en gran medida polo público xeral e incluso para parte dos profesionais da arqueoloxía.

As persoas participantes porán en común as últimas pescudas sobre estas arquitecturas, expoñendo os casos particulares dalgúns dos xacementos máis destacados  da prehistoria recente en Galicia, como Zarra de Xoacín e Penedo da Edra (Lalín), Monte Buxel (Redondela), Agro de Bazar e Carballeira do Espírito Santo (Silleda), Setepías (Cambados),  Monte dos Remedios (Moaña), Coto dos Mosquitos (Mos), Monte das Cabanas (Zamáns, Vigo)  e Ventosiños (Lugo). Tamén se presentarán os resultados das investigacións sobre xacementos portugueses como os de Areias Altas (Porto) e A Cimalha (Felgueiras).

Investigacións inéditas

O encontro está dirixido por María Martín Seijo, profesora do Departamento de Ciencias Históricas da Universidad de Cantabria, e José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra. “Esta é unha oportunidade para por ao día os resultados de intervencións arqueolóxicas que modifican o noso coñecemento sobre as estruturas habitacionais deste momento, porque moitas destas investigacións permanecen aínda inéditas”, sinala José Manuel Rey.

Nestas xornadas estarán presentes arqueólogas e arqueólogos profesionais xunto con investigadoras e investigadores de diferentes centros e universidades de España, Portugal e internacionais: Universidade do Porto, Oxford University, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de Oviedo, Universidade do Minho, CSIC etc.

Outras conferencias abordarán este tema desde un punto de vista transversal: M. Pilar Prieto Martínez presentará o estado da cuestión das escavacións de arquitecturas efémeras; José Ignacio Vilaseco Vázquez, Manuel Rodríguez Calviño falarán da relación entre arquitecturas efémeras e obras públicas en Galicia; María Martín Seijo achegarase ás arquitecturas efémeras desde a arqueobotánica e Andrés Teira Brión presentará unha lectura crítica para unha narrativa renovada do espazo doméstico da prehistoria recente.

O director do Museo de Pontevedra sinala que “o obxectivo deste encontro é que se consolide e se converta nunha cita de referencia no ámbito da arqueoloxía no Noroeste peninsular”. Estas xornadas terán carácter anual e uniranse a outros dous eventos de carácter científico que xa organiza cada ano o Museo: as Xornadas de Educación Patrimonial e o Encontro de Conservación e Restauración.

O encontro desenvolverase durante as mañás e as tardes do 18 e o 19 de maio, cunha duración total de 17 horas. A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 16 de maio. A Universidade de Santiago de Compostela recoñece 10 horas de formación de doutoramento. Toda a información do encontro e o formulario de inscrición atópase na web https://encontroarqueoloxia.depo.gal.

Tamara Baz mostra o seu mural en Gondomar

0

Tres rostros femininos, un cunha máscara na boca, outro cun anteface nos ollos e outro cuxo oído figura tapado, protagonizan o enorme mural que a artista Tamara Baz vén de pintar nun lateral do Campo de Fútbol das Cercas, en Gondomar, como nova proposta do programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. A obra, que ocupa vinte metros de lonxitude, fala das diferentes formas de violencia machista que as mulleres seguen a padecer na actualidade pero, ao mesmo tempo, “é un chamamento no espazo público para que a xente se comprometa fronte as violencias que sufrimos”, como destacou hoxe a presidenta da Deputación. Xunto a Carmela Silva, visitaron hoxe o mural o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, amais da concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro e persoal do CIM do Concello.

O mural, no que a artista traballou desde a pasada semana, presenta estes tres rostros femininos a modo dos san saru, os tres monos sabios xaponeses aos que a tradición atribúe o significado de “non ver, non oír, non dicir”. Como ten explicado Tamara Baz (Vigo, 1985), con eles busca condenar as diferentes formas de violencia machista: “Mulleres con máscara que teñen que mostrar unha cara que non é a real para poder estar aí, finxir un carácter autoritario, non empático, a modo do tópico masculino para poder acceder a postos de poder nas súas carreiras. Ou polo contrario,  hipersexualizadas como obxectos para alcanzar o éxito como tan a miúdo vemos nos medios. Mulleres ás que se lles tapa a boca, cuxo discurso é menosprezado por vir dunha muller. E a todas as que permanecen escondidas, en especial ás que están sufrindo violencia machista soas desde o silencio”. A creadora agradeceu poder participar no proxecto de “Mulleres en acción. Violencia Zero” e tamén o apoio que durante estes últimos días tivo da veciñanza que a veu traballar: “só recibín palabras bonitas”.

Carmela Silva lembrou tamén que “este mural representa a posición que as mulleres temos no mundo e ensina todas as discriminacións que podemos padecer e as dificultades de ocupar o noso espazo: ás veces, temos que disfrazarnos para poder ocupar os espazos de poder, outras, tápannos a boca para que non poidamos expresarnos ou nos ocultan”. Pero tamén, como quixo destacar, “é un chamamento á forza das mulleres; eses ollos falan sos e chámannos a actuar e rachar coas violencias e discriminacións que padecemos”. A presidenta provincial lamentou que co recoñecemento onte dun novo asasinato machista en Cádiz son xa 14 as mulleres vítimas este ano  “de asasinatos crueis”, amais de lembrar á menor asasinada este ano e aos orfos e orfas que deixa tras de si esta violencia. “De novo temos que dicir basta xa –lamentou-. Estamos fartas e esperamos que estas accións sirvan para que nos levantemos toda a sociedade e poñamos freo a unha situación que realmente é dramática, que as mulleres sexan asinadas, vítimas de agresións sexuais ou de tantas violencias só polo feito de ter nacido mulleres”.

Pola súa banda, o alcalde Francisco Ferreira, felicitou á artista polo seu traballo “e pola realidade que plasma, esa mirada forte destas tres mulleres que ninguén vai ser capaz de non pararse a contemplar para saber e ter claro a realidade dunha sociedade inxusta, na que temos que seguir loitando moito para que sexa realmente igualitaria”. Destacou que este tipo de accións supoñen “xestos e actos que van calando na sociedade e nos máis pequenos e pequenas para ese cambio” e que “se nas administracións non estamos convencidos e convencidas de que hai que pelexar porque a igualdade sexa unha realidade, nunca avanzaremos. Estes xestos e esta impronta deben quedar no territorio, ao paso de calquera veciño e veciña,  para que nunca esquezan de onde vimos e a onde temos que chegar, a esa igualdade real pola que loitamos”.  

O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Nesta edición, a institución recuperou a precursoras do programa, para xerar alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán e Mos e, tras esta de Gondomar, as vindeiras serán en Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

Preto de 200 ciclistas pedalearán na “VII Challenge Rías Baixas”

A sétima edición da “Challenge Rías Baixas” reunirá esta fin de semana a preto de 200 ciclistas. A proba, organizada polo club ciclista “Master da Louriña”, presentouse hoxe no Concello do Porriño, nun acto no que participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de deportes de Ponteareas, Miguel Bouzó e o diputado provincial de deportes, Gorka Gómez. Á presentación acudiron tamén o presidente do club organizador, Juan José Álvarez, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o representante da empresa patrocinadora LASAL, Rafael Pérez.

Juan José Ávarez, presidente do Master da Louriña adiantou algunhas novidades desta edición, entre as que destaca que “a etapa de Mos será proba puntuable para a Copa de Galicia e ademais contemplará un tramo de 1 km de sterrato”. Juanillo salientou o alto grado de participación “con 182 inscritos, 30 deles xuvenís que terán a oportunidade de sumar a experiencia dunha proba como esta”. O presidente do Master Louriña quixo agradecer o respaldo das administracións e patrocinadores privados que fai posible que cheguemos á séptima edición dunha proba xa consolidada”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos agradeceu a Juan e á súa familia o traballo diario que fan polo deporte. “Os concellos somos afortunados de ter case o 100 % da actividade deportiva en mans dos clubes”, destacou Arévalo, “O traballo que fan polo deporte no día a día é de agradecer e chegados momentos como este, no que presentamos probas desta magnitude, ese agradecemento magnifícase”.

No mesmo sentido se manifestou o edil de Ponteareas, que salientou que “Ponteareas tiña que acoller unha das etapas desta proba, xa que é un referente no ámbito ciclista con 3 campións da Volta Ciclista a España”.

O deputado provincial de deportes trasladou o respaldo da Deputación de Pontevedra “a eventos deportivos como a Challenge Rías Baixas, aos que as administracións debemos apoiar” e convidou a todo o mundo a disfrutar da proba. Rematou o acto o alcalde anfitrión, Alejandro Lorenzo,  agradecendo “ao Master da Louriña, e a Juanillo en concreto, o enorme labor que fan a favor do ciclismo e do deporte porriñés. Xente como eles manteñen viva a tradición ciclista que temos no Porriño e animan moitas nenas e nenos a mergullarse neste deporte. Por iso contarán sempre co respaldo do Concello”.

O vindeiro curso os menús escolares elaboraranse na cociña escolar municipal de Nigrán

0

Os menús escolares de Nigrán darán un salto abismal de calidade no vindeiro curso: finalmente, a cociña construída polo Concello no CEIP Humberto Juanes, cun investimento de 373.878 €, será o lugar desde onde se elaborarán os menús do propio CEIP Humberto Juanes, Mallón, Carlos Casares (Vilariño) e Da Cruz (Camos). Así, a presión de máis dun ano de toda a comunidade educativa e do Concello tradúcese nuns novos plegos de concesión da Xunta publicados onte que, ademais de recoñecer esta instalación, redistribúen os lotes para que a comida do CEIP Humberto Juanes, Mallón, Carlos Casares e Da Cruz se elabore aquí (O CEE de Panxón, CEIP Arquitectos Palacios e A Galiña Azul xa gozaban de cociña propia).

“É un día feliz para Nigrán. Cumprimos coas nosas crianzas. Queda demostrado que o investimento pagou a pena e que doutro xeito, sen mobilizarnos xunto á comunidade educativa, nada tería cambiado: seguiría a cociñar un catering ubicado a centos de kilómetros, como ata agora. O resultado non pode ser máis gratificante porque foron anos de loita conxunta en favor da saúde e o benestar das nosas crianzas. Este é parte do Nigrán para todos que buscamos”, indica o alcalde, Juan González.

“A situación era insostible, as queixas eran fragrantes. A obra xa estaba rematada e a Xunta evitaba contestar a nosa petición ou, directamente, criticaba ter feito a instalación. A saúde dos nenos está por riba de calquera interese político ou empresarial, por iso decidimos facer este investimento sí ou sí”, indica o alcalde, Juan González. “Tiñamos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de catering, e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública dentro dun mesmo municipio”, destaca González.

“O propósito é a mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional, e cremos que a cociña do CEIP Humberto Juanes pode humanizar un servizo que estaba deshumanizado e que agora pode incluir platos que nin se podían polo transporte (100 km) e o horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”, sintetiza.

O Concello de Nigrán investíu 373.878 € na construción dunha cociña no CEIP Humerto Juanes (centro que dispuña dese espazo) dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que así o desexen, así, tería capacidade para abastecer ata 1.000 usuarios, tendo os colexios de Nigrán actualmente 561 comensais asignados.

Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitirá ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestará o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiará o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderán elaborarse menús máis variados, achegará aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e creará un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos. Esta nova cociña ocupa 490 metros cadrados dunha antiga zona de almacén e de aulas e conta cun equipamento acorde ás demandas actuais.

Chega ao Porriño a campaña ‘Generación D’

Os próximos días 5, 6 y 8 de maio de 2023 o espazo itinerante “Únete a la Generación D, cada día somos máis” visitará O Porriño, situarase no pavillón de Deportes, rúa Doantes de Sangue, e queremos convidarte a participar.

Buscadores da Internet, redes sociais, ciberseguridade, xestión en liña…A dixitalización fai parte do día a día. Por iso, esta experiencia ofrece aos usuarios multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais, aplicable a todos os ámbitos da vida cotiá.

Unha experiencia personalizada e para todos os públicos

O interior da unidade móbil está equipado coa tecnoloxía inmersiva que invita a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais.

A experiencia é completamente personalizada e axústase ás necesidades de cada usuario. Por iso, o visitante comezará enfrentándose a un test autodiagnóstico que permitirá coñecer o seu nivel de coñecemento dixital para despois superar xogos e actividades do máis variadas e de todos os niveis: desde aprender a realizar unha búsqueda óptima en internet ata fuxir das “fake news”, optimizar o uso das túas redes sociais ou xestionar a túa identidade dixital. Ademais, o autobús contará cunha sala de escape na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr sair da sala. E para aqueles que queiran aprender da man dos formadores profesionais, nas unidades impartiranse obradoiros grupais e mesas redondas entorno á actualidade dixital.

A campaña está financiada polos fondos Europeos-Next Generation a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (SEDIA).

Ponteareas ofrece a obra ‘Menuda familia!’

O programa Cultura24 segue subindo o pano cada fin de semana. Ao abeiro desta iniciativa, o Concello levará este domingo 7 de maio ao centro cultural Os Muíños de Santiago de Oliveira a obra ‘Menuda familia!’, unha comedia coa que o grupo de teatro Seliña conquistará a público de todas as idades.

A Asociación Cultural Evaristo de Sela de Arbo fundou o seu grupo de teatro no ano 2014 e, dende entón, esta formación teatral percorreu os escenarios do sur da provincia de Pontevedra representando obras da autoría do taller de teatro da propia asociación.

Un divertido espectáculo para todas as idades que comezará ás 19.00 horas e que, como en todas as actuacións do programa Cultura24, será con entrada de balde ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a achegarse a Santiago de Oliveira “para pasar un rato de lecer e gozar da programación do Cultura24, un programa que ofrece a todas e todos os ponteareáns un amplo abano de actuacións gratuítas que permiten tamén dinamizar as nosas 24 parroquias, dar visibilidade ás agrupacións musicais, teatrais e culturais da vila e promocionar todo tipo de arte”.

Unha placa inmortaliza o maxisterio de Carmen Barreiro Seoane e Óscar Rey Belle en Cesantes

0

Unha placa en pedra no edificio no que impartiron clase. O pasado domingo 23 de abril quedou inmortalizada a labor de Carmen Barreiro Seoane e Óscar Rey Belle. Ao longo de moitos anos, o matrimonio impartiu clase de estudos básicos aos alumnos de Cesantes na escola unitaria de Outeiro das Penas, situada no edificio que hoxe acolle o Círculo Cultural de Cesantes. Precisamente, na súa parede principal quedou colocada a placa de pedra que recorda aos mestres e que foi pendurada nun acto conxunto co Concello de Redondela e no que tamén estiveron familiares, autoridades públicas e veciños de Cesantes.

Carmen Barreiro xubilaríase tras exercer como docente no colexio de Cesantes durante 25 anos (1944 a 1969), mentres que Óscar Rey, o seu marido, impartiu docencia dende os anos 50 ata a súa xubilación. Residían nunha casa preto do centro escolar e fixeron unha tarefa recordada por xeracións de veciños debido ós escasos medios dos que dispoñían, que trataban de contrarrestar con dedicación, paixón e esforzo.

Este ano, o Concello de Redondela realizou unha serie de actos polas parroquias do municipio para destacar a diversas figuras femininas coa designación de ‘Muller Conquistadora’. En Cesantes, baixo a proposta do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy e apoiada polas diferentes asociacións da parroquia, a homenaxeada foi Carmen Barreiro Seoane. O colectivo cultural, a maiores, optou por realizar a placa en pedra e engadir un recoñecemento a Óscar Rey, tamén mestre durante varios anos.

No acto do pasado domingo 23, feito en conxunto co Concello de Redondela, realizouse un retrato en directo de Carmen Barreiro, pasouse unha pequena peza audiovisual na que colaborou Lucía Otero con fotografías antigas do arquivo fotográfico do Obradoiro e pronunciáronse os correspondentes discursos a cargo da alcaldesa Digna Rivas e o presidente do Obradoiro, José Antonio Martínez. Ademais descubriuse a placa de homenaxe por parte dun fillo do matrimonio, D.José Luis Rey, que foi bendicida polo cura da parroquia de Cesantes.

Un dos momentos máis emotivos foi a lectura de Manuel López Martínez dunha carta escrita hai 30 anos para un xornal, no momento do falecemento dos homenaxeados. Pola súa parte, Manuel Nieto, alumno da escola contou varias anécdotas que puxeron a nota distendida no emotivo acto. O grupo Airiños de San Simón puxo o punto musical á xornada, que contou coa participación de, aproximadamente, un centenar de asistentes no Círculo Cultural de Cesantes.

Últimas prazas para o roteiro por Baiona deste domingo

0

Este domingo 7 de maio, a Concellería de Turismo, en colaboración coa empresa local Baiventura, realizará o último roteiro de sendeirismo da tempada. Será un roteiro de 11,5 km polo monte da Groba.

As persoas interesadas poden apuntarse na oficina de turismo de Baiona (986 68 70 67; [email protected]).

A iniciativa, bautizada como ‘Baiona Natural’, habilitou novas rutas de sendeirismo entre as catro parroquias do municipio.

A Concellería de Turismo de Baiona afianza a súa aposta polo turismo sostible. Neste sentido, desde  o departamento municipal foise un paso máis, cara a un novo modelo de turismo sostible potenciando a sustentabilidade de destino Baiona. Trátase dunha adaptación da planificación turística ao novo contexto do turismo, sumando a todos os actores implicados no ecosistema local co obxectivo de desenvolver e transferir coñecementos e boas prácticas do novo modelo de turismo sostible que desde o Concello están a aplicarse.

Desde a Concellería apóianse accións que axudan á creación de novas fórmulas de diversificación da oferta turística atractiva para os visitantes á vez que se favorece a sustentabilidade do medio ambiente. Así o testemuñan, as exitosas novidades postas en marcha por primeira vez o ano pasado  do pasado polo departamento: Os roteiros guiados gratuítos “Safari Etológico de Garranos”, unha proposta levada a cabo en colaboración con Finca  Moreiras; e  a proposta dos roteiros de sendeirismo “Baiona Natural”, en colaboración coa  empresa local Baiventura. A estas hai que sumar a incorporación este ano dos roteiros en bicicleta eléctrica  de montaña “e-bike” pola contorna natural da Villa, tamén levadas a cabo por Baiventura.

‘Polo Correo do Vento’ chega ao Rosal para promover o galego

0

O Rosal recupera a súa memoria histórica cunha actividade lúdica, divertida e para toda a familia. O vindeiro domingo 7 de maio chega ao auditorio municipal ‘Misión biolóxica de Pontevedra’, un espectáculo de ilustración e narrativa oral co que Polo Correo do Vento animará ao público familiar a achegarse á historia ao tempo que promove a creatividade e a narración oral en galego.

A través dunha actividade divertida, amena e lúdica, nenos, nenas e maiores coñecerán as Misións Pedagóxicas, un proxecto cultural realizado na Segunda República que tiña por obxectivo achegar as a cultura ás pequenas vilas con representacións teatrais, sesións cinematográficas, festivais de monicreques ou coa doazón de libros  para a creación de bibliotecas, unha iniciativa que en Galicia tivo grande importancia. Con este espectáculo, Polo Correo do Vento busca traballar a memoria da súa pegada cunha acción teatral na que mesturará oralidade, música e ilustracións.

Da man do relator, o público coñecerá como Rafael Dieste e Maruja Mallo chegan ao lugar para montar un conxunto de actividades ao tempo que outros protagonistas realizan un mural e tocan música. Todo funciona ben, a xente aprende, pero comeza o levantamento militar e Rafael Dieste e Maruja Mallo teñen que marchar ao exilio coma refuxiados, poñendo en valor todo o que se perdeu naqueles anos de guerra. Tras a obra comezará un obradoiro de debuxo no que o público infantil poderá realizar de forma guiada unha caricatura de Dieste e Mallo, cadaquén ao seu estilo.

Este divertido espectáculo forma parte da iniciativa ‘O pasado por vir’ da Deputación de Pontevedra, coa que se busca “recuperar non só a memoria dunha xeración oprimida, senón tamén salientar todo o que loitaron para tentar construír o país e a sociedade que querían”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O espectáculo será ás 19.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

Esta fin de semana celébrase o certame de corais “Vila de Arbo”

0

O Concello de Arbo, coa colaboración da Coral Polifonica de Arbo, organiza ,despois de dous anos de parón por mor da COVID-19, o “VIII Certame de corais Vila de Arbo” que terá lugar este sábado, ás 18.30 horas, no Auditorio Segundo Gil Davila co fin de apoiar a cultura musical, polifónica e coral, así como mostrar os recursos culturais, gastronómicos e patrimoniais do municipio arbense.

Neste certame de corais participan dúas agrupación  que non sonprofesionais nin pertencen a ningunha escola profesional ou  semiprofesional de música, sen ningún tipo de acompañamento musical (soamente a  capela).

A obra obrigatoria nesta edición do concurso e a seguinte; “BAMBOLIÑA (a rapaza que no paraba quieta)”  en memoria de Antonio Paz Valverde, unha gran insignia artística que puxo selo á cultura e a música coralista.

A coral gañadora do certame recibirá 900 euros, a segunda clasificada obterá 400 euros, a que ocupe o terceiro posto levará 200 euros e, ademais, entregarase o premio  FEGOCA, de 500 euros, á mellor interpretación da obra obrigatoria do certame. Todas, incluídas as non premiadas, recibirán ademais diplomas acreditativos.

O alcalde de Arbo agradece “a todas as Corais participantes,  así como a Fecoga, a Fundación Segundo Gil Davila e outras entidades colaboradoras e a Coral Polifonica de Arbo pola  axuda prestada e a ilusión que mostraron na realización de este evento” e animan a todos os veciños e veciñas de Arbo e visitantes a que se acheguen ao Auditorio o vindeiro sábado a disfrutar deste mágnifico evento musical.

Hoxe comeza o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos

Cunha dobre sesión sobre “Avances en novas terapias” arranca hoxe xoves 4 de maio a cuarta edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que organizan a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias para achegar á cidadanía as ciencias e as aplicacións do coñecemento científico á sociedade, como coadxuvante do desenvolvemento socioeconómico. As charlas comezarán ás 19 horas e serán en formato webinario, coa intervención da catedrática de Química Orgánica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela, Concepción González-Bello, que abordará as “Superbacterias. Retos e novas estratexias terapéuticas” e de María de la Fuente Freire, xefa do grupo de Nano-Oncoloxía e Terapeútica TraslacionaI do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que falará da “Nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados dando resposta a necesidades médicas non cubertas”.

En concreto, Concepción González Bello falará sobre os retos e as novas estratexias terapéuticas fronte ás superbacterias. Nesta liña, explicará como “os antibióticos son ferramentas terapéuticas fundamentais na loita contra as infeccións bacterianas. Con todo, a súa capacidade para curar estas enfermidades está agora en grave risco debido ás consecuencias do uso de antibióticos de amplo espectro na estabilidade do microbioma e a resistencia aos patóxenos. Estas bacterias evolucionan moi rápido para burlar a acción dos antibióticos, mediante mecanismos cada vez máis sofisticados e difíciles de abordar, en especial nos pacientes cun sistema debilitado”.

Tal como lembra a investigadora, a resistencia aos antibióticos alcanzou niveis tan alarmantes que a Organización Mundial da Saúde estima que en 2050 as mortes por resistencia aos antibióticos superarán ás causadas polo cancro. Así, para frear o impacto deste escenario na saúde humana e animal, as investigacións actuais céntranse no deseño de novas entidades químicas con “mecanismos de acción novos”, capaces de incidir sobre “nichos biolóxicos pouco explorados e ben definidos”, así como no desenvolvemento de “terapias combinadas” capaces de reducir o impacto da resistencia das bacterias aos antibióticos en uso clínico. Nesta conferencia amosaranse os retos aos que se enfronta a ciencia, así como os avances terapéuticos máis recentes neste eido.

María de la Fuente Freire centrarase na importancia da nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados co fin de poder dar resposta a necesidades médicas non cubertas. A investigadora incidirá en que “o potencial da nanotecnoloxía é un feito indiscutible que se fundamenta tanto nos nanomedicamentos que se atopan na clínica como no número de nanomedicamentos na fase de avaliación clínica, o cal aumenta ano tras ano”. “A aprobación das vacinas COVID-19 baseadas en ARN mensaxeiro e nanopartículas lipídicas supuxo outro punto de inflexión, que abre camiño no desenvolvemento de medicamentos innovadores en áreas como a oncoloxía e as enfermidades raras, entre outras”. Explica que no seu grupo de investigación traballan “para contribuír con novas tecnoloxías, deseñadas para o seu acceso á clínica e, polo tanto, e a máis longo prazo, con novos nanomedicamentos que poidan dar resposta a necesidades médicas reais”.

Charlas ata o 15 de xuño

O programa do ciclo abrangue un total de 13 conferencias entre este 4 de maio e o 15 de xuño, oito en formato webinario dirixidas á cidadanía en xeral e cinco presenciais en centros educativos da provincia, con temas como a seguridade alimentaria, as enerxías renovables, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da intelixencia artificial, o Big Data e a xenómica. A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación (https://www.depo.gal/-/iv-ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

O ciclo, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu no 2020 como homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúen á educación e formación en igualdade, visibilizando a grandes referentes femininas do ámbito STEAM.

O alumnado do IES Antón Alonso Ríos mergúllase na ciencia

0

O IES Antón Alonso Ríos segue a dar pasos para achegar ao alumnado un espazo motivador no que compartir intereses, xerar experiencias motivadoras que fomenten a investigación e que esperte vocacións científicas. A semana pasada o centro celebrou a segunda edición do seu Congreso Científico, un encontro organizado polos departamentos de Bioloxía e Física e Química co que se busca mergullar ao alumnado no traballo e no método científico dunha forma directa, amena e divertida.

Emulando un congreso real, durante catro días o alumnado de 3º e 4º da ESO presentou ao resto de participantes os traballos realizados ao longo do ano nas aulas tanto en formato póster como en comunicacións orais máis extensas. “Queremos que coñezan de primeira man como funciona unha investigación. Por iso o equipo docente imos guiando as preguntas de partida, xa que moitas veces as que se propoñen son imposibles de contestar cos medios dos que dispoñemos, como: hai vida en Saturno?”, salientan dende a organización.

Como explican “non queremos buscar bibliografía, senón facer un traballo de investigación, propoñendo hipóteses simples e buscando experimentos que lles que permita confirmala ou rexeitala”. Os resultados expóñense en sesións nas que se xera debate e experiencias motivadoras que fomentan a curiosidade investigadora e dan pulo a novas vocacións científicas.

O congreso contou cun completo programa de actividades con conferencias e talleres a cargo de persoas de gran relevancia no mundo científico “para falar sobre a súa experiencia profesional ou sobre algún tema de importancia e actualidade”. Así, contaron coa participación de José Benito Vázquez Dorrio, catedrático e profesor do departamento da Física Aplicada da Universidade de Vigo, e de Isabel Pastoriza, profesora do departamento de Química Física da Universidade de Vigo. Tamén recibiron unha charla da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos e puideron gozar dun obradoiro de fotografía de natureza coa profesora do IES tomiñés Laura Lago, experta en bolboretas.

“Para o Concello é un orgullo ter un instituto tan implicado co futuro de Tomiño e un alumnado innovador, con inquietudes e intereses, capaz de esforzarse para poñer en marcha un congreso deste calibre. Moitos parabéns a todos e todas por unha iniciativa que sen dúbida fará que moitos rapaces e rapazas se acheguen á ciencia dun xeito diferente, ameno e divertido, espertando novas vocacións”, salientou a alcaldesa, Sandra González.

O musicólogo Alan Lomax interpretado por Cantometrics en Mos

0

O arquivo de Alan Lomax é unha inesgotable fonte de melodías de gran parte do planeta no que Galicia ten un posto destacado. Acompañado de Jeanette Bell, o musicólogo percorreu o país gravando melodías, permitindo que hoxe en día coñezamos músicas que doutro xeito terían desaparecido. Son estes sons, gravados nos anos cincuenta, os que Cantometrics recolle e transforma empregando acordeón, marimba, percusións, zanfona, gaita e voz.

Cantometrics quere dar homenaxe a este traballo de recollida revisitando as músicas e as historias que as acompañan: que é iso do cantometrics? Por que Lomax foi investigado polo goberno estadounidense? Quen son as persoas que cantan no seu arquivo? Que teñen en común a música dos canteiros galegos coa dos mariñeiros calabreses? E un capador de Faramontaos con Miles Davis?

A proposta musical do espectáculo complétase cunha breve achega á figura do musicólogo e da súa colaboradora, así como das persoas ás que se lles realizaron as gravacións: Lomax e Bell entenderon que as entrevistas ás informantes eran parte imprescindible do seu traballo e, do mesmo xeito, Cantometrics quere que o público entenda a través das vivencias destas dúas personaxes a importancia do seu traballo.

Coincidindo co 70º aniversario da viaxe de Lomax a Galicia (1952-53), Cantometrics renova e pon en valor o repertorio galego do arquivo de Lomax, mostrando as súas conexións con músicas doutras localizacións; ademais de reivindicar o papel das mulleres neste arquivo, tanto o das informantes como o da propia Jeanette Bell, moitas veces esquecida nas biografías do musicólogo.

A cita será este sábado día 6 de maio ás 20:30h no Auditorio do Centro Social de Guizán, en Mos.

Ponteareas abre o prazo de inscrición dos campamentos de verán

O Concello traballa xa na preparación dos campamentos de verán para os nenos de Ponteareas, o Campus-Tea e o Verán Rural, dúas iniciativas que buscan “ofrecer unha alternativa de lecer e aprendizaxe á rapazada durante as vacacións estivais con actividades lúdicas, deportivas, educativas e culturais ao tempo que se facilita a conciliación familiar e laboral”, como destaca a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández.

Este xoves 4 de maio o Concello abre o prazo de preinscrición nas dúas liñas de campamentos de verán, que fomentan a atención á infancia e xuventude, a xestión social do patrimonio e medio ambiente e a dinamización cultural. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 19 de maio e terán á súa disposición as bases e os impresos de preinscrición na web municipal, na Sede Electrónica do Concello, no Rexistro Xeral do Concello ou na Oficina de Ensino de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.

En total serán 420 prazas en diferentes espazos do núcleo urbano de Ponteareas e das parroquias para rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos en horario de 09.00 a 14.00 horas, con posibilidade de solicitar aula matinal de 07.30 a 09.00 horas no caso do Campus Tea. A listaxe provisional de nenos e nenas admitidas darase a coñecer o 26 de maio. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e admitidas o 7 de xuño, o prazo de inscrición, achega de documentación e abono da cota será do 8 ao 21 de xuño.

O Campus-Tea desenvolverase nas instalacións do CEIP Nosa Señora dos Remedios en catro quendas de 15 días que irán do 1 de xullo ao 31 de agosto. En xullo habilitaranse 100 prazas por quenda, mentres que en agosto estará limitada a 60 persoas. O prezo será de 48 euros por participante e deberá haber un grupo mínimo de 12 nenos ou nenas para poder poñer en marcha a aula matinal.

Pola súa banda, o Verán Rural rotará por diferentes parroquias de Ponteareas: do 1 ao 15 de xullo estará no Centro Cultural de Bugarín, do 16 ao 31 de xullo no Centro Cultural de Prado, do 1 ao 15 de agosto na Casa Cultural de Angoares e do 16 ao 31 de agosto na Casa Cultural de Guláns. Estes campamentos terán un prezo dun máximo de 47 euros por participante.

Cristina Fernández anima a todas as familias a inscribir aos nenos e nenas nestes campus “deseñados cunha programación repleta de actividades creativas, culturais e de coñecemento da contorna próxima dende unha pedagoxía baseada na educación en igualdade e en hábitos saudábeis. Sen dúbida, é unha oportunidade única para que rapaces poidan aprender, crecer e gozar nun ambiente agradábel e divertido”.

“Degusta Europa” fai escala en Baiona

0

A Praza de Abastos Ángel Bedriñana de Baiona foi hoxe escenario dunha nova cita do programa da Deputación “Degusta Europa”. O deputado Santos Héctor e a deputada Iria Lamas, xunto co alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañaron á veciñanza da vila e ás persoas traballadoras do mercado para desfrutar das preto de 1.000 tapas elaboradas polo alumnado do CIFP Manuel Antonio con produtos de quilómetro cero. Tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, tacos de segredo de porco, t0rtaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo foron as degustacións que compuxeron o menú que o alumnado do centro vigués de formación profesional deseñou para  a ocasión.

“Degusta Europa” busca celebrar o 9 de maio, data na que se conmemora o Día de Europa e a firma da “Declaración de Schuman”, tratado co que, en 1950, se fraguou unha nova forma de cooperación política en Europa. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor os produtos de quilómetro cero da provincia e dinamizar os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica da man do alumnado e o profesorado dos centros Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo. A edición deste ano está ligada á campaña de turismo “Orixe Rías Baixas” e rende unha homenaxe aos pratos das avoas da provincia, recuperando así receitas tradicionais e reinterpretándoas con produtos locais para defender o patrimonio inmaterial dos pobos da Unión Europea: a gastronomía.

Ademais de Baiona, o alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo foi o encargado de elaborar as tapas que se degustaron a pasada semana en Tui, e estarán nos fogóns na última cita deste ano, que terá lugar mañá no Mercado do Calvario en Vigo. Pola súa banda, os alumnos e alumnas do CIPF Carlos Oroza deseñaron e prepararon os menús das outras tres citas de 2023: Redondela, Cambados e Pontevedra.

Oia acolle o seu primeiro torneo de petanca

0

O Club de Petanca “O Caldeiro” xunto co Concello de Oia organizan este sábado 6 de maio na Eira do Convento un torneo de petanca co obxectivo de dar a coñecer ese deporte e animar á veciñanza a practicalo. En caso de choiva, a actividade trasladarase a unha nova data.

Baixo a denominación I Torneo de Petanca Concello de Oia 2023, a competición desenvolverase na Eira do Convento, en Santa María de Oia. Ao longo de toda a xornada poderase contemplar aos xogadores do club “O Caldeiro”, de Camposancos (A Guarda), participando nun total de 7 partidas.

Para a celebración do torneo instalaranse 5 campos de xogo, nos que a competición terá lugar en horario de maña e tarde: das 9.30 ata as 14.00 horas (4 partidas) e de 16.00 a 19.00 horas (3 partidas).

A iniciativa pretende divulgar a práctica deste deporte e animar á veciñanza á súa práctica, rachando cos estereotipos que o consideran un xogo só para persoas maiores. No caso de que o evento suscite interese entre o público, as entidades organizadoras estudan a posibilidade de convocar unha nova competición e abrila á participación das persoas interesadas en sumarse a esta práctica deportiva.

O Festival de Cans celebra o seu 20 aniversario

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, interveu esta mañá na presentación dunha nova edición do Festival de Cans, que celebrará o seu 20º aniversario do 16 ao 20 de maio na aldea do Porriño da que toma o seu nome. O representante da Xunta de Galicia felicitou a organización polas dúas décadas de traxectoria dun certame que, nas súas palabras, sen ten convertido xa nunha “experiencia total” como altofalante da creación audiovisual galega e que é, por dereito propio, “unha marca de valor identitario e diferencial” dentro do sector.

O conselleiro definiu o festival como un dos eventos culturais e lúdicos máis singulares de Galicia, do que subliñou ademais “o interese e a complicidade” que recibe cada ano por parte dos profesionais do audiovisual, do público, dos medios de comunicación e, especialmente, dos veciños de Cans que contribúen directamente á súa realización.

Máxima puntuación

Para Román Rodríguez, unha das claves deste éxito é a mestura de talento e desenfado para asentar unha atractiva programación na que teñen cabida tanto figuras consolidadas como valores emerxentes do noso audiovisual, ademais dunha ampla oferta musical. Neste sentido, explicou que o de Cans repite en 2023 como un dos 11 certames apoiados pola Xunta por medio da convocatoria de subvencións para festivais do sector, dentro da que acadou, por terceiro ano consecutivo, a máxima puntuación outorgada pola comisión independente que avalía os proxectos.

Estas axudas, dotadas en 2023 con 225.000 euros, son unha das principais vías a través das que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades canaliza o apoio á organización de festivais audiovisuais. “Desde a Xunta de Galicia somos conscientes do papel fundamental que desempeñan dentro do sistema audiovisual galego”, sinalou o conselleiro, quen destacou particularmente o seu carácter estratéxico para a creación de públicos e a promoción da produción galega, ademais do valor engadido que xeran nas súas respectivas contornas polo impacto económico e laboral que acompaña a súa celebración.

Cinco días de celebración

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañouno nesta presentación xunto ao director do Festival de Cans, Alfonso Pato, o resto do equipo organizativo e representantes de entidades e empresas colaboradoras. Neste acto, deuse a coñecer a programación que, por primeira vez, se desenvolverá ao longo de cinco días.

Esta 20ª edición ofrecerá máis de 40 curtametraxes nas seccións a concurso, así como oito longametraxes, que suman máis de 25 estreas audiovisuais, ademais de numerosas actividades paralelas entre as que destacan 25 actuacións musicais. Tamén por primeira vez, o certame celebrará o Día das Letras Galegas, coa estrea o día 17 do documental Florencia, o cego dos Vilares, de Pancho Álvarez.

A apertura do festival correrá a cargo de Honeymoon, de Enrique Otero, que xunto con Sica, de Carla Subirana, ocupa un lugar destacado na programación deste ano. Os realizadores de ambas as longametraxes, subvencionadas pola Xunta, participarán nos diferentes encontros con directores que promove Cans e nos que tamén estarán Álvaro Gago ou Alberto Vázquez.

Máis dun centenar de cineastas

Serán máis dun centenar os cineastas que se darán cita nesta aldea do Porriño para participar nas diferentes seccións do programa, como Jaione Camborda, Sonia Méndez, Alfonso Zarauza, Pela del Álamo, Olga Osorio ou a franco-armenia Valérie Massadian, quen protagonizará o Foco Internacional con varias das súas pezas inéditas en España.

Haberá tamén coloquios con actores e actrices como Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, María Vázquez, Antonio Durán Morris, Nerea Barros, Tamar Novas ou Diego Anido, ademais de Luis Zahera, a quen se lle fará entrega do Premio Pedigree de Honor.

Como nas edicións precedentes, o cartel musical volverá ter unha destacada presenza no festival cos concertos de Los Punsetes, The Limboos ou Mr. Kilombo na Leira do Río, Fillas de Cassandra, Tony Lomba ou Mallou no Torreiro e mais as actuacións poético-musicais no Invernadoiro con Rosalía Fernández Rial e o chileno Nano Stern.

Moito humor para que a rapazada rosaleira aprenda a facer un bo uso da auga

0

O programa ‘Primavera na Praza’ continúa esta fin de semana no Rosal cunha nova actividade coa que “continuar compartindo espazos de lecer, de convivencia e de encontro social para gozar do noso concello”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este sábado 6 de maio nenos e nenas serán as grandes protagonistas da xornada coa posta en escena do espectáculo infantil ‘Pinga a pinga’, de Barafunda Animación, unha obra de concienciación no que a cativada aprenderá dun xeito divertido e entretido como facer un bo uso da auga.

Da man do doutor Fauchis e do seu axudante, o pallaso Lolo, rapaces e rapazas coñecerán consellos moi doados e sinxelos ao alcance de todos e todas cos que facer un uso responsable da auga. Cunha linguaxe accesible e directa, a obra amosará a nenos e nenas pequenas accións que poden ter un grande impacto na preservación dun dos recursos máis preciados do planeta.

A representación será ás 12.00 horas na Praza do Calvario de balde. En caso de choiva, o espectáculo trasladarase aos baixos da Liga de Amigos.

Adxudicadas as prazas dos campamentos de verán “Depo Aventura 2023”

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar as 1.540 prazas dos campamentos de Depo Aventura 2023 que se desenvolverán nas instalacións da Lanzada entre o vindeiro 25 de xuño e o 9 de setembro e para os que houbo unha espectacular acollida. Da cifra total de prazas, un total de 1.409 adxudicáronse polo procedemento xeral a través do sorteo, que vén de ter lugar, e as familias beneficiarias recibirán unha mensaxe no móbil comunicando a súa inclusión no programa. Así mesmo, a institución provincial abriu unha lista de agarda para o caso en que se produzan vacantes. As restantes 131 prazas foron reservadas para menores en risco de exclusión social, das cales 54 corresponderon aos concellos, 29 ao alumnado do Centro Príncipe Felipe e 48 a menores en situación de tutela e garda administrativa doutros centros da provincia.

As e os menores nados entre os anos 2010 e 2015 desfrutarán dos campamentos nas instalacións da Lanzada, onde desenvolverán actividades para o seu enriquecemento persoal e coñecerán outros lugares fóra da súa contorna habitual nas  11 quendas distribuídas entre xuño e setembro. Cada quenda terá unha duración de 7 días (de domingo a sábado) e en cada unha delas participarán 140 nenos.

Os nenos e as nenas que participarán nos campamentos proceden de 58 concellos da provincia. A maioría son de Vigo (335) e Pontevedra (154). Outros concellos con grande asistencia son Vilagarcía (79), Redondela (45), Ponteareas, O Porriño, A Estrada, Lalín, Marín, Cangas, (estes con 44). Destacan tamén Poio (25), Nigrán e Gondomar (24), Baiona e Tui (23), Sanxenxo (22) e 20 nenos e nenas son do Grove, A Guarda, Mos, Salvaterra, Moaña ou Cambados. Por comarcas, 487 nenas e menos son da comarca de Vigo, 327 da de Pontevedra, 251 do Salnés, 119 de Deza-Terra de Montes, 119 do Condado-A Paradanta, 85 do Baixo Miño, 81 do Morrazo e 71 do Val Miñor

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación oferta este ano un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a inclusión, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento multicultural da contorna. Tamén está previsto realizar o tradicional obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, inclúese unha visita á Illa de Ons e unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.