Sábado, 17 Maio de 2025

Tomiño saca a licitación a instalación de dous puntos de recarga de vehículos eléctricos

0

Ao abeiro da estratexia para camiñar cara a unha economía baixa en carbono, eliminando de maneira progresiva o emprego de combustibles fósiles e reducindo as emisións, Tomiño vén de sacar a licitación a concesión para a instalación, xestión e mantemento de dous puntos de recarga de vehículos eléctricos. 

Estes dous puntos situaranse en espazos públicos de aparcadoiro gratuítos, con catro prazas situadas no núcleo urbano do Seixo e outras catro en Goián. A empresa concesionaria deberá facilitar a carga e o pago de servizos de forma dixital a través dunha aplicación móbil, ofrecendo as instrucións e pasos a seguir e dando a información que se poida precisar durante a recarga, como a enerxía consumida, a potencia instantánea, o tempo de recarga…

Os puntos de recarga saen a licitación por un canon anual mínimo de case 570 euros, aínda que entre os criterios de adxudicación valoraranse as ofertas económicas máis vantaxosas, así como o mellor proxecto de implantación proposto. A concesión realizarase por un prazo de 12 anos prorrogable por períodos anuais ata un máximo de 20 anos. As entidades e empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de maio.

Trátase dunha proposta que busca facer de Tomiño un municipio máis ecolóxico, eficiente e sostible, sentando os alicerces “para crear unha infraestrutura pública para recarga de vehículos situadas en zonas de estacionamento público e gratuíto e incentivando á veciñanza, fomentando o uso de enerxías limpas e a renovación do parque móbil como referente de sustentabilidade ambiental”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.

A instalación destes novos puntos de recarga en espazos públicos, que busca unha mellora da eficiencia enerxética e unha mobilidade urbana sostible, é unha iniciativa que  forma parte dos obxectivos do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía (PACES), unha iniciativa europea na que participa Tomiño na que gobernos locais e rexionais se comprometen a cumprir diferentes obxectivos que favorezan a transición cara a unha economía baixa en carbono.

Alumnos da Escola Infantil Galiña Azul visitan esta semana a Biblioteca Municipal de Tui

0

Ao longo desta semana os nenos da Escola Infantil “A Galiña Azul” de Tui visitan a Biblioteca Municipal tudense para coñecer as súas instalacións e participar na lectura dun conto por parte do persoal da biblioteca.

Previamente foi realizado o carné da Biblioteca a todo o alumnado o que lle da acceso aos servizos bibliotecarios, especialmente ao préstamo domiciliario de libros. Deste xeito, todos os rapaces e as rapazas participantes nesta actividade levan unha obra, que eles mesmos escolleron, para a lectura no seu domicilio.

Esta iniciativa promovida pola Escola Infantil “A Galiña Azul”, en colaboración co Concello de Tui, pretende que os nenos e nenas coñezan os servizos municipais de lectura e préstamo de libros dos que poden facer uso á vez que fomentan a afección á lectura desde idades ben temperás, coincidindo coa celebración do programa de actividades de animación á lectura “Tui en letras”.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, agradece esta iniciativa da Escola Infantil “A Galiña Azul” de achegamento á Biblioteca Municipal onde os nenos e nenas puideron coñecer todas as súas dependencias e descubrir o mundo de posibilidades que lle ofrece este centro de lectura para incentivar a súa imaxinación e os seus coñecementos.

Ponteareas repara os estragos causados polas inundacións nas pontes das Partidas e San Roque

O Concello de Ponteareas vén de rematar as obras de reparación e recuperación das pontes das Partidas e de San Roque, devolvendo así estas dúas infraestruturas históricas á súa morfoloxía orixinal tras os estragos sufridos durante as inundacións do pasado mes de decembro e xaneiro e que afectaron fundamentalmente ao peitoril de ambos monumentos.

Tras acadar a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a comunicación a Patrimonio Natural e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, os traballos de reparación desenvolvéronse coa maior celeridade para causar as menores molestias posibles á veciñanza.

Por un lado, na Ponte de San Roque, situada en San Miguel de Ponteareas, as obras centráronse na reparación dos danos no peitoril de cantaría de ambos lados do lousado norte da ponte, que son os orixinais. Recolocáronse ademais as pedras do antepeito, irado pola forza da auga. A maiores realizouse a limpeza de graffitis do interior dalgúns desaugadoiros da ponte.

Reparacións na ponte das Partidas

Na Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, os traballos centráronse na reparación do peitoril de cantaría de ambos lados do lousado leste e oeste da ponte, así como recolocar o antepeito, caído e arrastrado durante un tramo duns 8 metros pola forza da auga. Tamén se substituíron as lousas fracturadas, reparouse a varanda que estaba rota e realizouse o selado dos tallamares para evitar que volva medrar a herba e permitir que se manteña en bo estado.

Durante os traballos tamén se recuperou unha lápida funeraria de gratino que estaba á beira da ponte e que xa forma parte das pezas do Museo Municipal de Ponteareas.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, salienta a importancia destes traballos de reparación, que ademais de permitir recuperar ambos estes monumentos, parte esencial do patrimonio cultural de Ponteareas, tamén “favorecerá a aproximación da veciñanza a dous dos principais recursos patrimoniais de carácter arquitectónico e artístico do concello, recuperando a súa morfoloxía orixinal, a súa funcionalidade e gañando en sensibilización respecto ao coidado e preservación do patrimonio cultural, un ben non renovable”.

A GolfManía de Pereiras regresa para celebrar a súa undécima edición

0

Onte presentouse, no salón de sesións do Concello de Mos ,a XI Edición da GolfManía en Pereiras. Será o día 17 de maio, festivo das Letras Galegas, desde as 09:00 horas e con xantar ás 14.30 horas no Restaurante Novo Arroio 2.

O prezo da inscrición é de 2 euros por vehículo e 25 euros pola comida.

Desde hoxe ábrese o prazo de inscrición. Unha vez inscritos, os participantes deben comunicar á organización o modelo de GOLF co que asistirán.

En caso de asistir só ao roteiro (sen comida), son 2 €/coche, en caso de asistir tamén á comida son 25 €/pers + 2 €/coche.

O menú é fixo, en caso dalgunha alerxia, intolerancia ou outro problema, comunicalo á organización, faise menú especial sen problema (menú infantil opcional 3-12 anos/12 €).

A parada do roteiro para reagrupamento será no café bar Salinas e pinchos en Torroña.

Pola tarde, despois da comida, arredor das 17:00 horas salida en ruta á fortaleza de Goián.

A Guarda recibe unha subvención para mellorar a xestión da auga

0

O Concello da Guarda vén de recibir unha subvención de Augas de Galicia destinada á realización dunha auditoría municipal da rede de saneamento para a detección de infiltracións cun importe total de 15.000 €.

A empresa que foi adxudicataria é APPLUS e dende a pasada semana xa se están a realizar os primeiros traballos de campo de cara á facer a Auditoría.

A finalidade desta subvención é que as entidades locais responsables do saneamento á poboación coñezan os problemas existentes no funcionamento dos sistemas de saneamento municipais e conten cun instrumento básico para a detección e corrección dos distintos problemas existentes nestas redes de saneamento.

Salceda solicita unha subvención para financiar os danos provocados polas inundacións

A Concellería de Urbanismo, que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, presentou a semana pasada a solicitude de subvención dentro da liña que a Deputación de Pontevedra puxo a disposición dos concellos para o financiamento de actuacións destinadas á reparación dos danos causados en infraestruturas municipais polas fortes choivas producidas entre os días de nadal do ano pasado e os primeiros días deste ano 2023.

O departamento técnico de urbanismo leva realizado un traballo de recompilación exhaustiva dos danos producidos polas inundacións para poder recoller todos os datos e avaliar os desperfectos producidos nas infraestruturas, instalacións e terreos municipais e así poder elaborar proxectos planificados de reparacións nas zonas máis afectadas que poidan ser obxecto de ser financiadas.

Os proxectos elaborados cuantificaron os danos e as actuacións de reparación a realizar das zonas máis afectadas, en Loureiro, na parroquia da Picoña, nas Curuxeiras, na parroquia de San Xurxo e no Cerquido, na parroquia de Budiño.

De forma xeral as actuacións se basearán na reparación das zonas anexas a estradas de titularidade municipal que aseguraran a firmeza dos terreos e a seguridade do tráfico nas vías, mediante a construción de muros de escollera que se derrubaron polas inundacións e na zona do Cerquido repararase a danada rede de augas pluviais e o entorno dunha balsa de almacenamento que suporan un mecanismo de canalización das augas para unha zona especialmente vulnerable ás inundacións e as fortes precipitacións.

O total do custe das reparacións e actuacións a realizar a través dos catro proxectos presentados ascende a un total de 135.847,35 euros e será financiado integramente a través da subvención solicitada ao ente provincial.

Os traballos de reparación das diferentes actuacións recollidas nos catro proxectos comezarán a realizarse no verán cando as condición climatolóxicas sexan as máis propicias e seguras para que o desenvolvemento das obras se realice de forma íntegra e as reparacións queden executadas.

Á presentación desta solicitude de subvención únese a realizada a finais do mes de xaneiro ao abeiro do Real Decreto 307/2005 do Ministerio do Interior do goberno de España para a concesión de axudas en atención a determinadas necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica.

Verónica Tourón Alcaldesa e Concelleira de Urbanismo: “Cando se produciron as fortes choivas xa me comprometín a traballar na cuantificación exhaustiva de todos os danos e na exploración de todas as vías que as administracións abriran para financiar os custos da reparación dos danos. Desta xeito xa se presentaron solicitudes de subvención a distintas administracións para a obtención de axudas. Quero agradecer igualmente ao departamento de urbanismo o seu gran traballo na tarefa de cuantificar os danos e na elaboración dos proxectos de reparación das zonas afectadas”.

O fútbol sala ponteareán, en moi boa forma

O fútbol sala ponteareán atópase nun momento de grande esplendor, cun crecemento notábel e grandes logros por parte das e dos deportistas de base. Un bo momento de forma que ratifica a última fazaña do Fútbol en 40×20 Restaurante Castelo da Escola Deportiva de Fútsal, que se proclamou campión da liga galega na categoría infantil. E fíxoo cun fito histórico: ser campións con todos os partidos gañados, algo que ningún equipo conseguira nesta categoría nos sete anos que o fútbol sala leva integrado na Federación Galega de Fútbol.

“É ilusionante ver o grande espertar deste deporte na nosa vila e os grandes resultados que está a obter. Contamos cunha gran cantidade de novos talentos que se están desenvolvendo e destacando nas súas categorías e que sabemos que levarán o nome de Ponteareas moi lonxe”, destacou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O equipo infantil disputou tamén a pasada fin de semana a semifinal polo campionato galego de clubs contra o Aringal O Parrulo de Ferrol, un encontro xogado no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino que a pesar de non acabar cun resultado positivo para os ponteareáns si deixou un gran sabor de boca polo gran traballo realizado na pista.

A estes fitos en equipo súmanse os acadados polos xogadores, como Fabio da Silva e Manuel Garrido, que foron subcampións de España coa selección galega de fútbol sala na categoría infantil. Por outra banda, xunto con Fabio e Manuel, Brais González e Héctor Costas convertéronse en subcampións de Galicia coa selección de Vigo de fútbol sala.

Miguel Bouzó felicitou ao equipo por todos estes éxitos e animou ao club e aos seus deportistas a seguir por este camiño de dedicación e paixón polo deporte, superándose cada día e deixando a súa pegada no mundo do fútbol sala. “Cada día demostran que con traballo duro e determinación poden acadarse grandes metas”, recalcou. 

Comeza o despregue de fibra óptica en Nigrán

0

O Concello de Nigrán iniciou este mes os traballos para levar fibra óptica ultrarrápida a todas aquelas zonas onde non está previsto que chegue ningunha operadora. Esta iniciativa municipal, practicamente pioneira na provincia, conseguíuse tras chegar a un acordo coa empresa galega Rede Aberta, a quen se lle permite o uso compartido da liña eléctrica e a instalación dun nodo de distribución no parking municipal da Ramallosa a cambio de cubrir o 100% do territorio. Isto implica o beneficio adicional de reducir obras innecesarias e redundantes, minimizar o impacto ambiental e acelerar o procedemento para a conexión de unidades inmobiliarias.

“Os traballos xa comezaron e o compromiso adquirido é que non quede ningunha vivenda sen fibra neste ano, é unha medida pioneira que un Concello asuma o desplegue e o facemos porque sabemos que hoxe en día é un servizo básico na vida de calquer cidadán”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que a velocidade ultrarrápida chegará antes do verán a Mámoa e Navás (Priegue), Lousas e Quinteiro (Panxón), Fontela (Camos) e Otero Pedrayo (Nigrán), ao ser todas estas zonas especialmente deficitarias.

“Segundo os datos do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, máis do 80% de Nigrán xa dispón de fibra e, agora, con este plan municipal, chegaremos ao 100 % en menos de 6 meses”, garante Diego García Moreira, edil de Urbanismo, Mobilidade e Medio Ambiente e quen se encargou desta iniciativa que situará a Nigrán no 2023 como un dos municipios con mellor cobertura de todo o Estado. Compre destaca que, adicionalmente, a inicios de ano o Concello de Nigrán acadou que o programa ‘UNICO-Banda Ancha’ do goberno central para subvencionar ás operadoras instaladoras de fibra óptica incluíse 822 vivendas do municipio non contempladas inicialmente (esta resolución beneficiou, concretamente, a núcleos urbanos de A Ramallosa, Nigrán e Praia América que, paradóxicamente, quedaran sen cobertura pese a ter fibra en toda a súa contorna e actualmente están xa desplegados ou en fase de activación).Todo isto súmase ao labor de mediación que leva facendo o Concello de Nigrán entre a veciñanza con problemas de conexión, conseguindo na maioría dos casos resolver o problema ou realizar unha acción coordinada para que ningún veciño quede sen fibra.

Unha vez realizada a instalación por parte de Rede Aberta, para dispoñer de acceso a internet, os usuarios deberán contratar a conexión cos operadores de telecomunicacións locais.

Sobre Rede Aberta

Rede Aberta é un operador neutro de fibra óptica, con case tres anos de actividade, e está presente en máis de 60 municipios rurais de Galicia. Con máis de 1.300 quilómetros de fibra óptica despregada para dar servizo de rede neutra, chega a máis de 146.000 fogares.

Rede Aberta é unha empresa galega que forma parte dos proxectos de fibra do fondo CEBF, que está en 7 países de Europa. Constituíuse en 2020 e conta con 20 traballadores directos e máis de 200 indirectos que colaboran despregando a fibra nos municipios rurais. A empresa ten previsto investir 121 millóns de euros ata 2025 para chegar a 400.000 fogares do ámbito rural.

O Rosal contará cun renovado campo de fútbol da Mata

0

O Rosal traballa na renovación das infraestruturas municipais, para convertelas en lugares máis inclusivos, accesibles e eficientes. Neste camiño, o Concello aprobará este xoves 11 en pleno a modificación de crédito necesaria para o financiamento do proxecto de renovación do campo de fútbol da Mata, que suporá un investimento de case 335.000 euros.

Trátase dun proxecto redactado por un equipo técnico especializado no que se incorporaron as necesidades técnicas detectadas pola UD Ribera, incluíndo así as demandas dos propios usuarios e usuarias para solucionar posibles problemáticas.

Xunto ao cambio de céspede e ao nivelado e regularización do chan, o proxecto contempla a limpeza das canalizacións do sistema de drenaxe, a colocación dunha varanda de aceiro envolta nunha rede atrapa balóns, o cambio do pavimento deportivo, a instalación dun novo sistema de rego e de megafonía e a colocación de dous bancos de exterior para suplentes de 10 prazas. Entre as melloras, inclúese ademais a creación dunha galería de aluminio con cristais de seguridade e a substitución dos paneis no túnel de vestiarios por pezas de metacrilato resistente aos impactos dos balóns.

O Concello está a traballar para solicitar dúas novas liñas de subvención para o cofinanciamento do proxecto, unha da Xunta de Galicia e outra do Consejo Superior de Deportes do Ministerior de Cultura y Deporte. “Estas dúas axudas para a mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade permitirían reducir de forma significativa a achega municipal para a transformación integral das instalacións do campo de fútbol da Mata”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este proxecto de remodelación das instalacións complementa os traballos de mellora da accesibilidade dos vestiarios, realizando obras para unha nova distribución coa eliminación dos espazos dedicados ao almacenamento de material de adestramento e dun dos vestiarios para salvar as dificultades de acceso que existían.

A sesión terá lugar ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello.

Homenaxe da asociación O Porriño Arte á pintura galega

A asociación O Porriño Arte súmase, como cada ano, á conmemoración do Día das Letras Galegas cunha exposición homenaxe á pintura galega, que recolle reproducións de obras importantes da pintura galega dos séculos XX e XXI.

No mes adicado ao insigne intelectual Francisco Fernández del Riego, os artistas de O Porriño Arte reproduciron varias obras de pintores como Xaime Quesada, Alfonso Costa, Luis Dávila, Xavier Pousa, Luis Xeoane, Ali Ali ou Tomás Pereira.

A mostra está composta por 14 obras asinadas por Chola Amoedo, Teresa Fernández, Susana Carballas, Pepa Carrera, Carlos Díaz, Rosa Pereira, Ana Carrera e os orixinais de Nito Pereiro e Nuria Vilanova.

A exposición inaugurouse onte e permanecerá aberta ao público ata o 29 de maio no Centro Cultural Municipal.

O Concello da Guarda saca a licitación o contrato de explotación dos kioskos das praias

0

O Concello da Guarda vén de publicar na plataforma de contratacións públicas do estado o anuncio para a Explotación dos servizos de temporada nas praias da Lamiña e do Molino, baixo o código de expediente 1028/2023.

Trátase dun procedemento aberto e de carácter ordinario para a explotación dos kioskos emprazados nas praias de cara á vindeira tempada estival e que ten un presuposto base de licitación de 4.000€ para dous anos.

As persoas interesadas en participar nesta licitación poden acceder ao anuncio de licitación e pliegos na Plataforma de Contratacións do Estado en https://contrataciondelestado.es/.

A aprobación inicial do PXOM de Redondela será unha realidade en 2023

0

“A aprobación inicial do PXOM é una decisión responsable, baseada no traballo realizado polo equipo técnico redactor do Plan durante meses e necesaria pola situación na que se atopa a normativa urbanística do noso municipio, cunhas normas subsidiarias aprobadas en 1987 e totalmente desfasadas” afirmaba a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Lamenta a rexedora, que “o Concello contara cos servizos dunha empresa contratada dende o 2015, e que aínda así o procedemento atopárense totalmente paralizados”. A maiores, a pandemia truncou os planes do goberno durante o ano 2020, traballos que se retomaban no ano 2021, coa convocatoria en abril da comisión que marcaría o calendario de traballo e folla de ruta para conseguir redactar o mellor documento para Redondela.

En total durante o ano 2021 realizáronse máis dunha quincena de reunións técnicas e políticas, nas que participaron os técnicos redactores do documento, técnicos e persoal de urbanismo, así como todos os grupos políticos membros da corporación.

“Temos claro que o PXOM é un documento da veciñanza, polo que no seu proceso era imprescindible contar co resto dos grupos políticos para redactar un documento claramente participativo, transparente e consensuado”, engade Rivas.

A documentación que forma parte do proceso, estivo, e está, a disposición dos grupos da oposición dende o primeiro momento na oficina de Urbanismo, e os grupos municipais puideron consultalo en todo momento, así como aportar as súas ideas ou realizar as consultas necesarias, polo que a rexedora local aclara que “estamos convencidos de que no momento que o PXOM sexa lavado a pleno contará co apoio de todos os membros que participaron na súa elaboración. Aínda que o documento completo xa foi remitido a todos os organismos hai varios meses, seguimos esperando a que emitan os informes pertinentes, que nalgúns casos, como Costas, trátase de informes preceptivos e necesarios para a aprobación inicial”:

É un acto de responsabilidade e prudencia esperar a emisión dos informes dos distintos organismos, xa un informe negativo podería ser causa dunha modificación substancial o que implicaría cambio no documento e unha nova aprobación polo pleno.

O Goberno xa conta incluso dende hai meses coa proposta para realización das sesións informativas, 13 sesións iniciais, que se realizarán en todas as parroquias co fin de informar a veciñanza dos contidos do documento, así como da contratación de un visor web para o período de exposición pública.  

“Acabamos a lexislatura co traballo feito e estamos convencidos de que o documento será aprobado polo pleno en poucos meses, un voto en contra de un documento traballado en consenso sería un acto de irresponsabilidade e de intereses puramente partidista”, conclúe Digna Rivas.

Baiona mellora a base de formigón semipulido dun camiño no barrio Ponte en Baredo

0

O Concello de Baiona levou  a cabo a mellora  do firme co asfaltado dun camiño no barrio Ponte de Baredo, que contou coa características de ser executada a base de formigón semipulido. Ademais de mellorar a recollida de pluviais.

O obxectivo da intervención é a mellora do camiño aplicando unha capa nova de asfalto a  a base de hormigón semipulido de todo o percorrido do mesmo. Así mesmo, tamén se  instalou unha nova rede de pluviais.

O concelleiro de Urbanismo e Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez,  sinala que  “trátase dunha actuación  necesaria xa que o estado da pavimentaciónnon era o adecuado, este viario é usado tanto para o acceso a leiras agrícolas como vivendas”.

Pola súa banda o alcalde, Carlos Gómez Prado, comenta que “é unha actuación de renovación en beneficio do tráfico rodado. Así, os veciños e veciñas desta zona de Baredo poderán gozar da mellora prevista co asfaltado deste viario” e engade que “seguimos coa intención de por en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da veciñanza”.

A obra de teatro ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’ chega a Ponteareas

Fin de semana de teatro en Ponteareas. Este sábado 13 de maio desembarca no auditorio municipal Reveriano Soutullo ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, unha obra de teatro de Chévere que lembra a traxedia do Prestige despois de dúas décadas. No ano 2002 esta traxedia asolaba as costas galegas e milleiros de voluntarios e voluntarias saíron a loitar contra ela vestidos cos seus traxes brancos. Anos despois, outra traxedia sacudía Galicia e o resto do mundo, unha pandemia na que de novos os traxes brancos de protección volveron a ser protagonistas. Unha realidade que foi a que inspirou a Chévere para que o público non esqueza que as cousas poden ser doutra maneira.

Deste xeito, con dramaturxia e dirección de Xron, a compañía galega presenta unha ficción con base documental que aborda a ferida aínda aberta polo desastre do Prestige e a conecta cunha humanidade abocada a catástrofes anunciadas como a pandemia ou a crise climática. Nela, Manuel Cortés, Borja Fernández, Mónica García, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Arantza Villar poñen corpo a testemuños reais das persoas que habitaban a zona máis castigada pola marea negra e recrean a xestión fallida da crise por parte das autoridades.

A obra representarase este sábado 13 ás 20.30 horas. As entradas terán un prezo de 3 euros por persoa e poranse á venda o venres de 10.00 a 14.00 horas na biblioteca municipal ou o propio sábado na billeteira do auditorio de 11.00 a 13.00 e de 18.30 a 20.30 horas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar dunha tarde de teatro no auditorio municipal este sábado cunha obra “que acode á memoria colectiva e coa que tentar desfacer o feitizo que segue a rodear a catástrofe do Prestige”.

A Cañiza conmemorou o centenario da fundación do seminario de estudos galegos

0

A Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da man do seu fundador Xosé González Martínez, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, Concello da Cañiza, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o párroco da Franqueira, promoveron este domingo 7 de maio, ás 19:00 h, no adro da Igrexa da Nosa Señora Santa María da Franqueira, un acto público para conmemorar o centenario da fundación do seminario de estudos galegos.

Un acto no que se inaugurou un monolito na honra e memoria do poeta Ramón Cabanillas, autor do “Romance da loita entre o mouro e o cristián”, que se escenifica na romaxe de verán da Nosa Señora de Santa María da Franqueira.

O monolito descuberto o domingo foi elaborado pola Escola de Canteiros de Pontevedra coa seguinte lenda: “Na memoria do poeta D. Ramón Cabanillas, autor do “Romance da loita entre o mouro e o cristián” a instancias do seu mecenas D. Enrique Peinador Lines, que se escenifica neste lugar na celebración da Festa da Franqueira. Centenario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos.”

A rolda de intervencións abriuse con Xosé González Martínez, fundador da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, seguido de Clodio González Pérez, mestre (xubilado), etnógrafo e historiador, membro da Real Academia Galega; do Museo do Pobo Galego; do Consello da Cultura Galega.; do Instituto de Estudos Tudenses e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, quén conferenciou sobre as tradicións da Franqueira. A Continuación tomou a palabra o Párroco do Santuario da Franqueira, Xavier Alonso Docampo seguido do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. O acto pechouse coa intervención do alcalde da Cañiza, Luis Piña.

En 2027 rematará a rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra

As rehabilitacións dos edificios centrais e do convento de Santa Clara estarán listas en 2027, xusto a tempo para a celebración do centenario do Museo de Pontevedra. Así o confirmou o vicepresidente César Mosquera, quen deu conta dos avances das reformas de ambas construcións, que ao seu entender suporán unha “revolución absoluta” e un “cambio radical” na institución.

Mosquera subliñou que o Museo conta xa coa subvención de tres millóns de euros do PIREP para a rehabilitación dos edificios históricos, o que supón unha facilidade para impulsar a posta en marcha das obras, pero tamén esixe o cumprimento de prazo pechados: a mellora deberá estar lista a finais de 2026. “Non podemos demorarnos nos trámites porque non estamos moi sobrados”, dixo.

Por isto, e dado que Urbanismo da Xunta de Galicia vén de dar o informe favorable á modificación do Peprica que contempla a conexión soterrada, e porque hai conversas con Patrimonio que “despexan o horizonte” sobre os edificios, “danse as condicións” para aprobar xa o proxecto da rehabilitación.

Dada a elevada contía dos traballos, o visto bo do goberno provincial deberá realizarse por pleno, que se celebrará de forma extraordinaria o venres 19 de maio, xusto un día despois de que o Concello aprobe definitivamente a modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística do centro histórico de Pontevedra.

Unha vez salvados eses trámites, a Deputación pedirá a licencia e  abrirase a licitación para a contratación das obras, que poderían iniciarse a finais de ano. “Este é un impulso definitivo á rehabilitación. O Museo merecía todos os esforzos”, destacou o nacionalista, quen subliñou que o orzamento da actuación roldará os 8 millóns de euros, unha cifra que considerou “xenerosa” e pola que agarda a presentación de importantes ofertas.  “Xa no orzamento temos 15 millóns de euros consignados para facer fronte xa a todas as obras ademais dos fondos do PIREP”, destacou. 

Unha das cuestións a destacar é que a rehabilitación terá un respecto máximo polas edificacións existentes na actualidade, mellorando o paso actual por unha conexión soterrada digna e folgada que permitirá aumentar unha superficie de 256 metros cadrados dando accesibilidade.

Como novidade, dixo o vicepresidente, estase a valorar a suxestión do departamento de Patrimonio de calar das fachadas tal como estaban os edificios orixinariamente (salvo a torre do Castro de Monteagudo, máis recente) . É algo “razoable”, dixo, posto que a pedra “é un elemento estrutural que sempre estivo enfoscado ou embelecido”, tal como acontece tamén noutras construcións, por exemplo, no santuario da Virxe da Peregrina.

Santa Clara, acceso despexado

Outra das novidades anunciada por César Mosquera no día de hoxe é que hai negociacións moi avanzadas co Arcebispado para conseguir un mellor acceso para o recinto de Santa Clara polo lateral do edificio das Obras Pontificias, toda vez que non é posible a compra do inmoble a pesares dos últimos intentos. Os estudos de arquitectura que están a realizar as súas propostas de deseño xa foron informados desta novidade para que a incorporen nos seus anteproxectos.

O prazo para que as cinco firmas preseleccionadas presenten os seus traballos finaliza o día 24 de maio, o día 29 constituirase o xurado, e os días 5, 6, e 7 de xuño reunirase este para facer a selección definitiva. A mediados de xuño saberase que equipo será o autor do proxecto final, tendo seis meses para desenvolvelo. “A mediados de 2024 poderían empezar as obras, que tamén durarían dous ou tres anos, polo que entre 2026 e 2027 estarían todos os edificios do Museo en funcionamento”, salientou o responsable provincial, data que coincidirá cunha celebración do centenario da institución “por todo o alto”. 

O mércores preséntase o libro “Canto de Emigración” en Tui

0

A biblioteca de Tui acollerá este mércores, 10 de maio, ás 20 h, a presentación do libro “Canto de emigración. Historia da música de Teódulo R. Paramos”. Esta actividade forma parte do programa “Tui en Letras” que promove a Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra.

O director artístico da Orquestra Clásica de Vigo, Manuel Martínez Torres, ven de editar recentemente este libro “Canto de emigración. Historia da música de Teódulo R. Paramos” no que participan tamén Pepe Coira, Alejo Amoedo e Marcos Amado “Santiso”. Esta obra de investigación céntrase na música e na figura do tudense Teódulo R. Páramos e os espazos de lecer en Vigo entre 1920 e 1950.

Manuel Martínez Torres rescata neste libro a figura de Teódulo R. Páramos un compositor tudense que se movía entre cafés, teatros, cinemas, cuplés, cabarés e transatlánticos. “Canto de emigración” pon o foco no contexto e nos espazos próximos da cidade de Vigo para tecer unha historia de moitos empregando como fío as pegadas que deixou a vida de Teódulo.

Esta obra pon en valor o traballo destes músicos fundamentais daquela época, elaborando unha biografía e catalogación da obra de Paramos e deixando constancia do seu traballo ao localizar e identificar os materiais existentes. O seu arquivo de partituras amosa o eclecticismo propio da época, na que se combinaban os tangos, os foxtrots, as muiñeiras ou os pasodobres, obras de produción propia mesturadas con pezas que lle enviaban outros artistas ou que mercaba nas súas viaxes en barco. Estes arquivos son unha testemuña do gusto musical dunha época e unha demostración da modernidade da nosa terra nesas décadas.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, resulta de gran interese esta publicación pois descubre a obra e a traxectoria dun músico tudense ata agora esquecido e que gracias a esta investigación incorporamos ao noso acervo cultural.

Os populares de Nigrán propoñen que se recoñezan oficialmente as variantes do Camiño Portugués ao seu paso pola vila

0

O PP de Nigrán, coa súa candidata ás municipais á cabeza, María José Piñeiro, propón o recoñecemento oficial das variantes do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio aproveitando as panorámicas que ofrecen o litoral de Montelourido, Praia América, Monteferro e Patos.

Para iso, Piñeiro xestionará a súa oficialización cos organismos encargados competentes para que á súa vez sinalícense e promocionen como cómpre. Isto funcionaría como un escaparate de fronte ao Turismo, pero tamén axudaría a atraer a un maior número de peregrinos ao tratarse dun percorrido moito máis atractivo que o tradicional e que na súa maioría discorre por estrada. O grupo considera leste é o momento idóneo para potenciar estes roteiros dado o crecemento exponencial que vén experimentando durante os últimos anos. “Debemos de reivindicar a importancia deste fenómeno, desde o punto de vista social e económico”, declara a candidata, á vez que considera que “os nosos xestores non lle están prestando o interese que se merece”.

As variantes serían desde Ramallosa ata Praia América coa posibilidade de bordear Montelourido. Desde aquí ata Panxón con itinerario pola península de Monteferro, Patos e ligazón co percorrido actual. Todo con sinais para evitar confusións aos peregrinos, ademais de paneis explicativos nas interseccións. Todo isto deberase de incluír nas apps existentes para facilitar aínda máis a súa identificación e seguimento.
Esta é tan só una das múltiples iniciativas expostas por Piñeiro para engadir un plus á imaxe de Nigrán xogando coa internacionalización do Camiño. “É fundamental”, asevera.

A candidata ás municipais reitera que é un imperativo engadir atractivos fóra da tempada estival, todo sen ter en conta que no últimos oito anos de mandato “non se fixo nada para potenciar o Turismo nos meses fortes de verán. Nin servizos, nin melloras. Deixámonos ir co que temos”. Neste sentido, reclama que se sitúe a Nigrán no lugar que se merece.

Redondela reduce a taxa de conexión a saneamento nun 70 % para facilitar o alta das vivendas unifamiliares

0

O goberno de Redondela, co obxectivo de acadar unha cobertura integral na prestación dos servizos de abastecemento e saneamento e rebaixar a taxa vixente, leva ao pleno (do mércores 10 de maio ás 19:00 h) unha ordenanza de modificación da vixente taxa de conexión das vivendas unifamiliares ás redes municipais de abastecemento e saneamento de xeito que en ambos os dous supostos sexa de 360 euros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “Existe un número moi elevado de vivendas unifamiliares que potencialmente poden conectarse ás redes municipais e seguen sen conectarse polo elevado coste que implica. Este é o momento de modificar as taxas e axustalas as necesidades e realidades actuais dos veciños e veciñas. Polo tanto, o obxectivo e reducir significativamente a taxa actual de 1200 euros a 360 euros”.

Na actualidade a “taxa de alcantarillado” alcanza, no suposto de vivendas unifamiliares, os 1.200,00 euros, mentres que a rede de abastecemento ten unha tarifa de 900 euros, polo que cando se implanta unha nova rede pública os usuarios e usuarias teñen que aboar unas taxas de 2.100,00 euros. Segundo a rexedora local, “estas cantidades, desde un punto de vista social, semellan moi difíciles de afrontar para unha porcentaxe importante de familias polo que procede analizar se é adecuada á normativa, estrutura municipal e conxuntura económica actuais para modificala e adaptala a situación actual”.

Esta contía está a funcionar como un obstáculo para o acceso dos cidadáns ao servizo e provoca un impacto ambiental e un deterioro do estándar de salubridade evidentes e levanta unha barreira económica que tamén impacta negativamente sobre os índices de desigualdade. Proponse polo tanto igualar a taxa entre vivendas unifamiliares e vivendas colectivas modificando as ordenanzas respectivas de xeito que en ambos os dous supostos sexa de 360 euros en concepto de saneamento e 360 euros en concepto de abastecemento.

“A diminución de ingresos pola rebaixa desta taxa verase compensada polo aumento das altas e do número de taxas percibidas así como un maior número de recibos trimestrais a cobrar”, conclúe Rivas.

Grande acollida do libro de Esther Sestelo, no que enxalza o Corpus de Ponteareas e as súas alfombras florais

O Corpus Christi de Ponteareas quentou motores esta fin de semana coa presentación do novo libro de Esther Sestelo Longueira, Clara e o seu diario, nunha experiencia marabillosa, un acto que tivo unha grande acollida por parte do público, que se achegou ata a sala multiúsos do auditorio municipal para gozar desta obra que enxalza a festividade do Corpus e as súas alfombras florais.

“Para nós é un luxo contar cunha embaixadora tan comprometida coa difusión da nosa festa, unha arte efémera que xa é un dos sinais de identidade de Ponteareas no mundo”, destacou durante a presentación a alcaldesa, Cristina Fernández.

Pregoeira do Corpus no ano 2022, a musicóloga e historiadora achegou ao público detalles desta novela de literatura infantil e xuvenil na que Sestelo debulla para os lectores e lectoras a experiencia de vivir o Corpus a través da visión da súa personaxe principal, Clara. Trátase dun libro en edición bilingüe castelán galego publicado pola editorial Belagua, a cuarta aventura da serie ‘Clara e o seu diario’, co que a protagonista volve contar historias a través do seu diario falado.

“A través dos ollos de Clara convido ás persoas lectoras a vivir intensamente unha festividade moi especial para todas as ponteareás e ponteareáns, uns días únicos e inesquecíbeis, de plena cor e xenerosidade, que no libro marca a personalidade e sensibilidade da protagonista”, explicou a autora.

Ademais de escritora, Esther Sestelo Longueira é doutora, musicóloga e historiadora en Ciencias da Música, catedrática de conservatorio, profesora de universidade e académica. Sestelo cedeu os dereitos de autoría do libro para colaborar coas necesidades escolares e culturais das nenas e nenos de Ponteareas.

A Guarda redacta a rehabilitación de Malteses poñendo en valor a historia da rúa

0

O concello da Guarda recibiu da Deputación unha subvención “Ágora” de recuperación de espazos públicos para a redacción do proxecto “humanización da rúa Malteses, mellora da accesibilidade e da seguridade viaria”.

A redacción do proxecto de Malteses orzamentada en 18.113 € está financiada nun 90 % pola Deputación de Pontevedra; que tamén subvenciona, dentro do mesmo programa, o proxecto de “mellora na seguridade infantil no entorno do CEIP As Solanas.

O proxecto de humanización da rúa Malteses abarca unha superficie de 1300 m2, dende o nº 2 no cangrexal, ata o nº 94 no aparcadoiro de Reguiño incluíndo todos os transversais, completos cara ao mar e parciais cara a zona alta.

Esta humanización ten encaixe no plan municipal de renovación e modernización do parque de vivendas, “plan REHABITA”, xa que pretende a mellora e rehabilitación do espazo público en consonancia coa rehabilitación que os particulares están realizando nas súas casas. Así, dende o concello, motivarase aos propietarios para que actúen sobre os seus inmobles e conseguir unha actuación integral sobre o espazo urbano.

Os principais obxectivos da actuación, dende o punto de vista funcional son: eliminar o acceso rodado, agás a residentes e vehículos autorizados; garantir, na medida do posible, as condicións de accesibilidade universal e mellorar cruces, varandas e interseccións. Ademais xéranse espazos de encontro e consolídase unha imaxe de conxunto.

Entre as actuacións que se propoñen contemplase a renovación do pavimento, recollida das augas pluviais, mellora da iluminación, sinalización, mobiliario urbano adaptado e a renovación dos demais servizos.

A intervención manterá o máximo respecto á memoria da rúa. Sobre as pedras levará talladas marcas mariñeiras e indicacións a lugares senlleiros da localidade. O pavimento será coma unha alfombra que relata a historia da vila.

Cantigas tradicionais en Mos polo Día das Letras Galegas

0

O grupo Pelepau, xunto coa Banda de Música Xuvenil de Torroso, presentarán o vindeiro
mércores 17 de maio un repertorio cos grandes hits da música popular galega, orquestadas polo recoñecido compositor Andrés Álvarez, nun concerto onde non faltarán sorpresas.

Nesta ocasión estarán acompañados por 3 cantareiras e a parella de baile Fios de Liño, gañadora do concurso de danza galega «Vai de baile» do programa Luar da Crtvg.

A Banda de Música Xuvenil de Torroso conta con máis de 50 compoñentes con idades comprendidas entre os dez e os trinta e cinco anos e leva a cultura e tradición galegas non só por toda a xeografía galega, senón por toda a Península Ibérica realizando concertos e incorporando novas propostas interpretativas mesturando a música de autor con danza, voz e elementos do noso folclore galego.

Baixo a dirección ao cargo da batuta de Ángeles Lorenzo Estévez, o público asistente poderá disfrutar dunha velada na que as letras galegas terán o protagonismo absoluto, mostrando neste espectáculo conxunto das dúas formacións o valor do patrimonio inmaterial galego.

A cita será este mércores día 17 de maio ás 20:00 horas na parroquia de Torroso – Mos.

Aberto o prazo de inscrición para o Campaverán 2023 de Mondariz

0

Un ano máis, o Concello de Mondariz organiza un Campaverán para favorecer a conciliación laboral, familiar ou persoal das familias en período non lectivo e ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre que axude a fomentar o desenvolvemento integral das participantes a través da educación en valores dunha maneira lúdica. O prazo de solicitude de praza comeza este luns 8 de maio e exténdese até o xoves 25 de maio –ambos días incluídos–, sen posibilidade de ampliación. As bases e a ficha de inscrición xa están dispoñibles para descarga pública na Sede Electrónica do Concello de Mondariz (https://mondariz.sedelectronica.gal).

Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade, preferentemente empadroados/as no Concello de Mondariz. Consta de 50 prazas e está programada para os meses de xullo e agosto, en horario regular de 9:00-14:00 horas (de luns a venres, agás festivos), aínda que existe a posibilidade de amplialo a 8:30-14:30 horas mediante un servizo de garda se hai un número mínimo de participantes que o demandan. Terá lugar nas instalacións da Escola Municipal de Música de Mondariz (Pé de Muíño s/n, parroquia de Riofrío).

Os proxenitores ou titores deberán demostrar que precisan conciliación laboral, familiar ou persoal por estar traballando, ter persoas dependentes ao seu cargo, realizar cursos de formación ou atoparse en situación de especial vulnerabilidade. Poderase solicitar a participación por períodos de 15 días, un mes ou dous meses (tempo completo). Os prezos públicos da actividade, detallados nas bases, van desde os 55 euros por quincena até os 150 euros por campamento completo. Tamén existen descontos por inscrición de irmáns/irmás e condición de familia numerosa.

As solicitudes, acompañadas da documentación requerida que aparece nas bases, deberán presentarse por Rexistro durante o prazo establecido, tanto presencialmente na Casa do Concello en horario de atención ao público (9:00-15:00 horas) como a través da Sede Electrónica do Concello de Mondariz, empregando o certificado electrónico. O martes 30 de maio publicaranse na Sede Electrónica do Concello de Mondariz as solicitudes admitidas, excluídas e as incluídas na listaxe de agarda. A aceptación da praza será confirmada mediante o pagamento do prezo público entre os días 31 de maio e 5 de xuño. Nas propias bases do Campaverán 2023 figura o número de conta no que se debe efectuar o pagamento. Será responsabilidade das familias solicitantes estar pendentes dos prazos de confirmación e pagamento para asegurar a súa participación nesta actividade.

O CPA Condado, bronce no Campionato de Europa de Grupos de Show

O pasado venres, 5 de maio, celebrouse en Paredes (Portugal) o Campionato de Europa de Grupos Show e Cuartetos.

O CPA Condado Salvaterra, dirixido por Eduardo Caride, acudía por segunda vez xa a esta cita internacional, onde o pasado ano participou coa coreografía “Behind the skin” e este ano clasificouse 3° de España e 5º no Campionato de Europa de Forlí (Italia) na súa primeira participación internacional.

Esta tempada, o CPA Condado apostou por “35mm”, unha coreografía baseada nun curto cinematográfico. Esta corooulles como Subcampións de España e deulle de novo pase directo ao Campionato de Europa. Nunha competición de altísimo nivel, o CPA Condado conseguiu o bronce por detrás dos españois do CPA Gondomar e dos italianos Division.

CPA Gondomar e CPA Condado son os dous únicos equipos galegos que conseguiron chegar a esta cita internacional. Cabe resaltar tamén que por primeira vez na historia na modalidade de Grupos Shows, dous quipos galegos conseguen subirse a un podio nacional na mesma categoría e representar a Galicia e a España nunha cita internacional.

A Universidade de Vigo formará á veciñanza de Covelo en pilates

0

O auditorio municipal de Covelo acolle mañá o terceiro seminario do ciclo ofrecido pola Universidade de Vigo en colaboración co Concello de Covelo.

Celebrados xa os seminarios sobre saúde e benestar e arte e historia, mañá martes é o momento de adquirir coñecementos de pilates. 

Seguir aprendendo e promover o coñecemento é o obxecto do convenio que o Concello de Covelo e a Universidade de Vigo asinaron no pasado ano froito da colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e as Universidades de Santiago, Coruña e Vigo. Esta colaboración permite que a veciñanza de Covelo se beneficie por segundo ano consecutivo de novos seminarios universitarios para maiores de 50 anos.

Impartidos en horario de tarde, os seminarios desta nova edición continuarán con formación sobre  “soidade non desexada” e “tecnoloxía para o uso de ferramentas no teléfono móbil”.

O alcalde, Pablo Castillo, considera moi importante poder ofrecer ás persoas que viven no rural o maior número de servizos posibles non só básicos se non tamén aqueles que promoven a formación continua, espallan coñecementos e nos facilitan estar actualizados e familiarizados con novas ferramentas, “algo decisivo para non quedar descolgados nin desconectados das novas tendencias ou avances que facilitan o día a día das persoas”. Ademais, estes seminarios posibilitan o encontro  de persoas con inquedanzas similares nun espazo común.

Os seminarios, que se desenvolven en abril e maio, son impartidos por profesores da Universidade de Vigo e teñen sesións divulgativas e prácticas con 2 saídas/visitas programadas no seminarios de Saúde e Benestar e no de Arte e Historia de Covelo.

“Ante o éxito do ano anterior, este ano pasaremos de tres a cinco seminarios, ofrecendo dous máis novamente da man da Universidade Senior de Vigo e do seu proxecto “Mareas de Coñecemento” engade Lourdes Enes, concelleira responsable de Formación.

As persoas que desexen manterse activas e obter máis información deberán contactar co Concello no número de teléfono 986 65 00 27 (ext 4) ou na oficina de formación de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas.

‘Baiona X Diante’, o novo slogan da candidatura de Carlos Gómez

0

Carlos Gómez Prado, candidato socialista á reelección como alcalde de Baiona, presentou hoxe o slogan de campaña do seu equipo, ‘Baiona X Diante’.

“Un slogan que representa o noso compromiso con Baiona e a nosa intención para os próximos catro anos, traballar única e exclusivamente por e para a nosa vila, un compromiso que deberíamos facer público todos os candidatos”, explica Gómez Prado.

“Por diante tamén porque toca falar de futuro nestas próximas tres semanas; neste mandato puxemos os piares da transformación que desexamos para Baiona e temos xa proxectos moi encamiñados para desenvolver ata 2027”, engade.

En palabras de Gómez Prado, “preséntome coa máxima responsabilidade e lealdade hacia Baiona, consciente de que o traballo feito nunca é suficiente e co compromiso de traballar a diario para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”.

“As partidas para políticas sociais nunca foron tan altas, Baiona é de novo unha gran referencia turística, impulsamos a humanización da vila e están en marcha proxectos moi importantes como o Pinzón, a rúa Carabela Pinta e a praza Victoria Cadaval de Sabarís, pero queda moito por facer e temos clara a folla de ruta a seguir”, remata Gómez Prado.

A Feira do Libro de Galicia chega esta semana ao Porriño

As novidades editoriais volven saír ás rúas do Porriño para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura.

A Feira do Libro de Galicia, que percorre as catro provincias galegas, chega esta semana á vila do Louro con postos de venda de exemplares xestionados polos libreiros e unha extensa programación de actividades paralelas dirixidas a todas as idades, como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros etc… que fan deste evento unha cita de alto interese cultural e social.

A feira abrirá as súas portas o xoves 11 e extenderase ata o domingo 14 de maio. Será no  barrio de San Bieito, onde porriñeses e visitantes poderán disfrutar das propostas literarias das librarías participantes: Libraría Paz, Copi-Rey, Libraría Recondo, Libraría Pedreira, Libraría Uróboros e Deputación de Pontevedra.

O acto de inauguración, contará coa porriñesa Dna. Casilda Eiriz Areán como pregoeira e dará o pistoletazo de saída a catro días de actividades.

Aberto o prazo de inscrición da cuarta ruta de “Voando nas Rías Baixas”

A Deputación de Pontevedra abre este luns 8 de maio, o prazo de inscrición para a cuarta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da sexta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución en colaboración con SEO Bridlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 21 de maio, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das Brañas de Xestoso, nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse desde hoxe na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

As Brañas de Xestoso son un espazo declarado Zona de Especial Conservación, protexido pola Rede Natura 2000, e cunha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a Lagoa Sacra de Olives. Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco o a bubela. Así mesmo, é un magnifico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras.

A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as e os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa propia durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Mondariz Balneario contará cunha nova sala multiúsos

A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar unha achega de 69.305,25 € para Mondariz-Balneario no marco da liña 1 do Plan Concellos co fin de financiar o proxecto de acondicionamento do primeiro andar do inmoble no que se atopa o Centro de Saúde da vila, situado no número 2 da rúa Enrique Beotas. O obxectivo deste proxecto é converter este andar, na actualidade desocupado e que no pasado combinou un uso residencial co de atención primaria, nunha sala multiusos de concepto aberto que servirá de complemento ás instalacións da Casa do Concello.

Grazas ás achegas do Plan Concellos, o primeiro andar do edificio, moi próximo á casa consistorial, converterase nun espazo flexible, aberto e mutable de 54 m2 que tamén contará, ademais deste espazo aberto e adaptable, con dous despachos, un office e dous aseos. A actuación para a nova sala multiusos de Mondariz-Balneario réxese polo principio da accesibilidade universal e pola flexibilidade espacial, co obxectivo de dinamizar este espazo e conseguir que teña un uso axeitado ás súas necesidades actuais. Na actualidade, o andar atópase dividido, cunha distribución moi sectorizada que ademais imposibilita a incorporación de percorridos e instalacións accesibles.

Deste xeito, nesta nova dotación terán cabida, entre outros, eventos formativos ou obradoiros cunha dinámica 2.0 que permitirá instalar estacións de traballo temporais ou permanentes segundo o requiran as circunstancias de cada momento. Ademais reformarase o acceso desde o andar baixo, coa construción dunhas novas escaleiras que permitirán incluír no futuro un sistema de plataforma salvaescaleiras.

Arbo acolle a campaña “Quere o teu mercado”

0

A praza de abastos de Arbo participa un ano máis na campaña internacional “Quere ou teu mercado”. Pola súa proximidade e situación estratéxica nas vilas e cidades, os mercados municipais xogan un valioso papel dinamizador e revitalizador dos centros urbanos onde se asintan e facilitan, ademais, a compra completa de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos.

No caso de Arbo, os nenos poderán achegarse ao mercado municipal o vindeiro sábado 13 de maio a partires das 10:30, e aprender dun xeito divertido a coñecer as verduras, froitas, peixes e carne, ao mesmo tempo que recibiran un agasallo e disfrutaran de xogos e música.

Esta campaña que se desenvolverá no mes de maio, organizada polo Concello de Arbo, coa colaboración dos praceiros e a Xunta de Galicia, os participantes na campaña e os compradores recibiran unha papeleta para entrar no sorteo de agasallos e produtos.

Con esta iniciativa preténdese fomentar o consumo de productos frescos no Mercado, que no caso de Arbo  lévase mellorado considerablemente nos últimos anos.

Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos galegos e ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas…que require unha dieta equilibrada e saudable.


Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.

Dende hai máis de seis anos o Concello de Arbo e  a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, celebra a campaña “Quere o teu mercado”, co obxetivo de apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros.

SmartPeme trae esta semana catro novas accións formativas

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas accións formativas para esta semana, enmarcadas na súa carteira de obradoiros online e presenciais. As accións tratarán temas como o malware, impresoras de filamento, as novas obrigacións para o rexistro de persoas viaxeiras ou debuxo en 3D con Onshape II – PartStudio II.

O primeiro curso da semana será este luns 8 ás 10:00, e estará impartido de xeito telemático por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D. “Ciberseguridade, que é o Malware” ten como obxectivo dar a coñecer ás e aos asistentes que é o malware, os distintos tipos que empregan as e os ciberdelincuentes e como saber se estamos infectados ou como nos temos infectados dun malware.

A fabricación dixital terá sesión dobre esta semana cunha acción formativa o martes 9 sobre “Impresoras de filamento” e outra o xoves 12 centrada no “Debuxo en 3D con Onshape II – PartStudio II”. Ambos talleres forman parte dun obradoiro mixto no que haberá formación en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Este curso, impartido tamén por Manuel Freire, consta dunha formación teórica de 30 horas e doutra práctica de 20 horas co obxectivo de dar ao asistente a capacidade de deseño e fabricación dunha peza en 3D.

O mércores 10 pola mañá, o socio da empresa Partee e graduado en Enxeñería pola Universidade de Vigo, Víctor José Longo Rodríguez, exporá de xeito telemático as “Novas obrigacións para o rexistro de persoas viaxeiras no 2023”, onde se dotará ás e aos asistentes das diferentes ferramentas dixitais dirixidas aos aloxamentos para cumprir coas novas obrigacións de identificación de hóspedes ante as autoridades que establece a normativa.

Fina Casalderrey, «A muller xabaril»

Fina Casalderrey vén de dar un salto importante ao publicar a súa primeira novela para adultos logo dunha longuísima traxectoria dedicada á literatura infantil e xuvenil. E para iso escolleu unha historia que deixa un pouso de amargura no lector que queira reflexionar sobre o comportamento social e como determinadas actitudes que poden parecer inofensivas quizais non o sexan tanto e provoquen consecuencias terribles en aqueles que as padecen.

A protagonista e unha muller coñecida como Xabaril, unha vella de aspecto repulsivo que deambulaba por unha pequena vila acompañada dun can tan miserento coma ela, converténdose en diana de todas as rexoubas e argalladas dos rapaces. Un deles, Ramiro, agora convertido tamén en vello, lembra algunhas das trasnadas que el mesmo protagonizou en contra da muller, así como algúns comentarios sorprendentes da súa propia avoa. Comeza, deste xeito, a reconstruír a vida de Adelina Fontán, unha moza da aldea, refinada e culta que, debido a unha serie de circunstancias que non imos desvelar para non estragar a lectura, acabou por se converter no Xabaril. O achádego casual dunha serie de cartas axuda a Ramiro a poñer en claro os detalles que desembocaron en tan terrible metamorfose.

A historia pescuda en segredos familiares longamente agochados e enmarcados nos conflitos políticos da primeira metade do século pasado, mais sendo ese o enfoque da novela, non debemos pasar por alto as referencias aos problemas psicolóxicos derivados, en primeiro lugar, dun suposto abandono e máis adiante dunha situación terriblemente violenta, que é o alicerce sobre o que se ergue o relato. Como tampouco debemos ignorar a crueldade coa que é tratada Adelina cando o seu deterioro físico e mental resulta tan evidente para o resto do mundo, que non dubida en agredila e burlarse dela sen contemplacións de ningún tipo.

Un dos acertos da novela é, ao meu entender, a perfecta dosificación da información ao longo das súas páxinas, capaz de manter a intriga no lector. Mais hai que engadir que esa información non é desvelada de xeito completo e deberemos cubrir algúns ocos coa nosa propia lóxica. As descubertas que fai Ramiro nas cartas antes citadas son parciais e fican algúns detalles menores por desvelar. Pero non importa, porque o realmente importante son as consecuencias que os acontecementos teñen na vida da protagonista. E coido que iso si queda perfectamente claro sen necesidade de afondar máis neses detalles.

Fina emprega un estilo directo e limpo que fai da lectura algo fluído e ameno, arrastrando ao lector polas páxinas desta novela case sen se dacatar cara a un final que, non por intuído, deixa de ser sorprendente. Coido que se a autora ten intención de manterse na liña da narrativa para adultos, poderá ofrecer novas e moi gratas sorpresas.

Fina Casalderrey

«A muller xabaril»

320 páxinas

A Xunta solicítalle de novo a Ponteareas a documentación necesaria para as obras da 1ª fase do saneamento de Ribadetea

A Xunta vén de reiterarlle ao Concello de Ponteareas a solicitude da documentación municipal necesaria para impulsar as obras da 1ª fase do saneamento da parroquia de Ribadetea.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle o pasado 3 de febreiro un escrito á alcaldesa, Cristina Fernández, no que lle trasladaba o proxecto construtivo da primeira fase de mellora do saneamento de Ribadetea, logo de culminar a súa redacción,  e solicitándolle a remisión da documentación municipal necesaria para licitar as obras.

Ante a falta de resposta do Concello, a Xunta reenviou hoxe novamente un escrito reiterando a remisión desa documentación imprescindible para poder colaborar co Concello na execución destas obras, que son de competencia municipal.

Concretamente, é preciso que a administración local achegue a certificación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos ou,  de ser o caso, a tramitación do procedemento de expropiación necesario.

Así mesmo, solicítase do Concello a certificación acreditativa do resultado do proceso de información pública, mediante a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia por un prazo non inferior a 20 días hábiles e o informe onde se dea contestación ás alegacións presentadas, no seu caso. De entender o Concello que polo alcance do proxecto ou polas súas afeccións non procede a realización deste trámite de información pública, deberá emitir certificación nese sentido.

Unha vez que a administración local traslade a documentación requirida, poderase avanzar na concreción do convenio de colaboración que estableza o marco de financiamento que posibilite a licitación das obras o máis axiña posible.

O obxectivo é impulsar as actuacións derivadas da actualización do Plan Director de saneamento, realizado pola entidade hidráulica da Xunta, no que se prioriza o desenvolvemento dunha nova rede de saneamento e tres bombeos para recoller as augas residuais nas zonas que se identifican no documento como A Freixa I, A Freixa II e Mourade.  Esta primeira fase é básica para o desenvolvemento do resto de fases do saneamento. O investimento previsto é de 1,4 M€.

Generación D chega a vindeira semana a Baiona

0

Generación D, a campaña itinerante que impulsa o desenvolvemento das competencias dixitais visita Baiona os días 11 de maio no horario de 17 h a 20:30 h , 12 e 13 de maio no horario de 10 h a 13 h e de 17 h a 21 horas e situarase na Avenida Arquitecto Jesús Valverde, enfrente oficina de Turismo.

Buscadores da internet, redes sociais, ciberseguridade, xestións en liña…  A dixitalización forma parte do día a día. Por iso, esta experiencia ofrece aos usuarios multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais, aplicable a todos os ámbitos da vida cotiá.

A quen vai dirixido?

Os talleres, xogos e actividades están pensados para que toda a cidadanía participe na experiencia, con especial atención a desempregados, mulleres maiores de 45 anos, seniors… Queremos romper coa fenda dixital! A experiencia é totalmente GRATUÍTA e ten unha duración aproximada duns 30 – 40 minutos.

Que actividades realízanse?

A unidade móbil está equipada con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. Unha experiencia que se axustará ás necesidades de cada usuario.

Comezaremos cun test autodiagnóstico que nos permitirá coñecer o teu nivel en competencias dixitais. Cos resultados, personalizaremos a experiencia e poñeremos á túa disposición multitude de cursos, formacións ou talleres cos que desenvolver e fortalecer os teus coñecementos.

Ponche a proba! Co resultado do test, podernse realizar xogos e actividades en grao sumo variadas e de todos os niveis: desde aprender a realizar unha procura óptima na internet ata fuxir das “fake news”, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital.

Ademais, poderase participar na sala de escape. Unha actividade inmersiva na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala.

O Porriño pon en marcha a mesa local de saúde

O Concello do Porriño celebrou a pasada semana a Mesa Local de Saúde, un foro de traballo que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza e coordinar as accións dos diferentes sectores implicados na resposta ante unha emerxencia sanitaria, así como promover os hábitos de vida saudable entre a veciñanza.

A mesa constituíuse por primeira vez no Porriño e celebrarase de forma periódica dúas veces ao ano. Presidida polo alcalde, Alejandro Lorenzo, está composta pola concelleira de Sanidade e Educación, Carolina González, o concelleiro de Benestar social e Seguridade Cidadá, Abel Estévez, e representantes da Policía Local, Protección Civil do Porriño, centros educativos, Centro de Saúde, Unidade de Atención á Drogodependencia e asociacións locais do eido da saúde e atención social, Osílice, AECC, Afaga e Aceesca.

A atención á saúde emocional, especialmente na infancia e na mocidade, as adicións e a promoción de hábitos de vida saudable foron os eixos centrais sobre os que se acordou elaborar a que será a estratexia local de promoción da saúde, na que traballarán de maneira coordinada técnicos municipais, especialistas sanitarios, asociacións, Policía Local e protección civil e centros educativos

Sobre a mesa puxéronse múltiples propostas baseadas na experiencia de cada un dos actores implicados e nas que se traballará de maneira intersectorial: transformar O Porriño nunha cidade amigable para as persoas con demencia, a creación dunha rede de voluntariado e interacción social ou a creación da figura do acompañante.

Gran celebración da Deputación polo Día das Letras Galegas

A Deputación de Pontevedra vai celebrar as Letras Galegas deste ano dedicadas a Francisco Fernández del Riego con charlas, espectáculos de teatro e cociña, contadas, publicacións, obradoiros e exposicións que se desenvolverán durante todo o que queda de 2023. Así o anunciaron a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua e Memoria Histórica, María Ortega, quen salientaron as moitas iniciativas para poñer en valor a lingua e a identidade do país e o compromiso político coa galeguidade do autor homenaxeado.

“Del Riego foi un militante pola nosa lingua”, subliñou a deputada Ortega, lembrando que ademais de ser unha das máis grandes figuras literarias da Galiza, cofundador da editorial Galaxia, e creador do Día das Letras Galegas, foi tamén  unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil.

A nacionalista destacou que xa sendo estudante na USC avogou xa pola galeguización da universidade e a cooficialidade dos idiomas galego e castelán, e que foi sancionado co impedimento para exercer cargos públicos cunha multa de 3.000 pesetas por ser integrante do movemento estudantil, membro destacado do Partido Galeguista e propagandista na campaña pro Estatuto. Así mesmo, como deputada de Memoria Ortega lembrou que desempeñou un papel clave na vinculación entre o universo do exilio franquista e a Galiza do interior. “Á volta dunha visita á Arxentina detivérono na súa casa de Vigo, trasládano a Pontevedra, interrogárono e ingresárono no cárcere de A Parda como único preso político da prisión”, destacou.

Na mesma liña falou na presentación a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que celebrou a “programación moi potente” que vai desenvolver a institución provincial co gallo do Día das Letras Galegas. Con estas accións, asegurou, “imos presumir da nosa lingua e de tantas e tantos persoeiros que temos no noso país e que nos axudan a construírnos”.

Carmela Silva tamén sinalou que “falar do Día das Letras Galegas é tamén falar da nosa memoria histórica”, xa que Fernández del Riego, “que pertenceu ao Partido Galeguista e defendeu o noso Estatuto, foi perseguido polo seu compromiso político coa galeguidade”.

Do ‘pontífice do manxar’ ao ‘Rock para Paco del Riego’

Tras explicar todo o argumentario polo que Del Riego merece a celebración destas Letras Galegas de 2023, nas que se cumpre o 60 aniversario, a deputada de Lingua destacou as diferentes actividades e iniciativas que se desenvolverán ao longo do ano da man da Deputación.

A primeira será o sábado 13 de maio, ás 11.30 da mañá, cun acto aberto ao público (inscricións en [email protected]) no que, da man da editorial Galaxia, a docente e escritora Malores Villanueva realizará unha palestra sobre Del Riego. “Ninguén mellor ca ela, que pasou días e días ao seu carón para facer a súa tese doutoral, podería facer un percorrido pola súa vida e obra”, dixo Ortega.

A parte didáctica estará acompañada por outra gastronómica, posto que ‘Don Paco’, como adoitaba chamarlle a xente, “era un gran comellón”. De feito, a deputada María Ortega destacou que ata o seu amigo Otero Pedrayo lle dedicou o poema ‘Marcha Triunfal’ no que o cualificaba de ‘pontífice do manxar’ polo seu amor polo comer e o beber. “A difícil tarefa de facer unha demostración de cociña en vivo e un petisco que lle prestase a Del Riego encargámoslla a Rubén González, do Cafetín Pontevedra, galardoado con numerosos premios. El fará unha proposta gastronómica cos produtos favoritos de Del Riego –deixando a un lado a cebola como ingrediente, que parece ser que o autor detestaba”, explicou.

Neste evento repartirase unha copia dun artigo que un xovencísimo Del Riego –estudante de Dereito- escribiu no xornal ‘A Nosa Terra’ en 1932 titulado ‘Fiestra sobor da lingua galega’. O auto afirma nel, que “na lingua, seipano ou non os indiferentes, está o máis íntimo e san do noso esprito, fecundalo é laboura da nova Galicia, deixar desfaguerlo é o mesmo que se negar a si’.

Por outra banda, o luns 22 de maio desenvolverase outra actividade para rapazada de secundaria, un espectáculo teatral titulado ‘Un optimista radical’ de Serafín Marcos, quen dende 2003 realiza un labor divulgativo das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas, teatralizando vidas e obras, neste caso de Francisco Fernández del Riego. A representación fai un percorrido ameno, didáctico e participativo pola vida e obra do autor, descubrindo a un incansable loitador pola cultura galega partindo do seu epistolario con Carvalho Calero no cárcere de Xaén.

Tamén para a xente nova, xunto a Polo Correo do Vento, a Deputación levará a 35 concellos entre o 15 de maio e o 31 de xullo un contacontos no que se fará unha viaxe pola biografía do homenaxeado. As contadas, destinadas a público familiar, incluirán unha parte de ilustración a cargo de Carlos Taboada, e outra musical, na que se interpretará o ‘Rock de Paco del Riego’. O luns día 8 ábrese o prazo de solicitude para os concellos interesados.

Tamén se editará unha publicación destinada á rapazada elaborada por ‘Polo Correo do Vento’ co título ‘O camiño andado das letras’, un proxecto para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas cun percorrido polas persoas autoras ás que se lle dedicou historicamente a data máis importante da literatura galega. Esta publicación recollerá as 60 fichas que dende o pasado Día de Rosalía se foron publicando na web provincial de maneira diaria dedicadas ás persoas homenaxeadas, con ilustracións, datos e, segundo explicou Quique Mauricio, cun comentario persoal de Del Riego sobre cada unha, xa ben porque as coñecera ou porque escribira sobre elas.

Así mesmo, a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizados sobre Francisco  Fernández del Riego e realizará unha distribución entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura de varias das obras, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía a disposición de toda a cidadanía. Tamén están a disposición, lembrou María Ortega, máis de 400 referencias de e sobre o autor no buscador ATOPO do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación que se poden consultar ou levar en préstamo do Arquivo provincial.

Por último, froito da colaboración coa Fundación Penzol, o servizo de Cultura da Deputación programará obradoiros didácticos en centros educativos da provincia (tanto de Primaria como de Secundaria) para poñer en valor a figura de Fernández del Riego e o seu papel fundamental como valedor da cultura galega partindo dos fondos da fundación (literarios, epistolares, bibliográficos e artísticos), de cuxa biblioteca o autor fora director durante case medio século.

Ademais, xa cara a finais de ano, a Deputación e a Fundación organizarán unha exposición sobre o homenaxeado nas Letras Galegas que mesturará unha parte documental con fondos do autor e paneis informativos. A mostra estará dispoñible na sede de Vigo da Deputación aproveitando que foi a cidade onde pasou a maior parte da súa vida (e onde reside boa parte do seu legado) e tamén a súa condición de vigués distinguido.

Salvaterra retoma a marcha ciclista do 17 de maio

O vindeiro mércores, 17 de maio, volve a tradicional Marcha Ciclista das Letras Galegas de Salvaterra de Miño, logo duns anos mermada pola pandemia da Covid-19.

Con un total de 17 km de percorrido para tódalas idades, pasarase unha xornada matinal lúdica e deportiva, como xa era costume cada 17 de maio (o uso do casco é obrigatorio).

A saída será ás 10:00 horas e a chegada do evento será ás 14:900. Tanto a saída como a chegada sará desde a Praza do Concello, logo haberá unha parada para o desexado aprovisionamento que será en Fornelos, ciclistas de tódalas idades daranlle aos pedais por diversas parroquias salvaterrenses.

Ao remate da ruta, na xa mencionada na Praza do Concello, farase un sorteo de agasallos para todos os participantes.

As inscricións poderán facerse enviando un correo electrónico [email protected] ou enviando un WhatsApp ao 661046592 (indicando nome, apelidos e idade).

O Concello de Baiona mellora varios camiños en Fontes-Baíña

0

O Camiño das Chans en Fontes-Baíña foi obxecto dunha intervención por parte do Concello de Baiona. Púxose solución á problemática que viña padecendo durante tempo na zona.

Camiño das Chans

Procedeuse á construción de cuneta, á colocación dunha nova reixa e á substitución da tubaxe, mellorando a recollida de pluviais. Así mesmo, procedeuse ao asfaltado de parte do camiño e da glorieta de acceso ao mesmo.

No barrio de Fontes tamén se realizou o asfaltado e a mellora da accesibilidade no camiño Leiriña.

O obxectivo da intervención consistiu na mellora do camiño saneando os tramos que tiñan a superficie danada e aplicando unha capa nova de asfalto a todo o percorrido do mesmo. Así mesmo realizouse o rozado mecánico de cunetas e noiros por ambas as marxes do camiño.

Con estes traballos mellorouse tamén seguridade viaria da zona na zona. Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a accesibilidade e a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais.

Salceda aprobou a licenza para a ampliación do IES Pedras Rubias

Despois da aprobación no pleno do pasado 27 de abril da bonificación do 95% do ICIO para a construción da ampliación do IES Pedras Rubias, por razóns de declaración de utilidade pública, na Xunta de Goberno Local celebrada no día de onte aprobouse por unanimidade a licenza urbanística para dita ampliación.

Esta licenza conta cos informes favorables do departamento técnico de urbanismo, que lle deu prioridade despois de que a Consellería presentase toda a documentación requirida para outorgar a licenza solicitada.

A ampliación consta dun novo módulo  fronte á entrada principal do edificio que se comunicará co existente, á vez que respecta tanto a pista descuberta, como o campo de fútbol e a zona axardinada da parcela. O orzamento de execución material según o proxecto presentado ascende a 2.305.131,30 euros.

Esta ampliación que supón o máximo da edificabilidade da parcela, dará resposta á necesidade existente para continuar co bacharelato implantado neste curso académico.

Novo curso de memoria no Centro Cultural de Angoares

O Concello de Ponteareas continúa a levar cursos de balde ás diferentes casas e centros culturais para achegar “o maio número posible de actividades lúdicas e didácticas ás nosas parroquias”, como destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Ao abeiro destas iniciativas, o vindeiro luns 8 de maio comeza un novo curso de memoria no Centro Cultural de Angoares.

Trátase dun obradoiro de 15 horas de duración, un curso práctico no que as persoas participantes traballarán para mellorar a súa capacidade de retención e concentración, con técnicas e estratexias deseñadas para todas as idades coas que mellorar a memoria de forma amena.

O curso celebrarase os luns de 17:00 a 19:00 horas e terá un máximo de 15 prazas. As persoas interesadas en participar ou ter máis información poden poñerse en contacto co propio centro cultural ou co departamento de Cultural en [email protected].