Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Comeza o despregue de fibra óptica en Nigrán

O Concello de Nigrán iniciou este mes os traballos para levar fibra óptica ultrarrápida a todas aquelas zonas onde non está previsto que chegue ningunha operadora. Esta iniciativa municipal, practicamente pioneira na provincia, conseguíuse tras chegar a un acordo coa empresa galega Rede Aberta, a quen se lle permite o uso compartido da liña eléctrica e a instalación dun nodo de distribución no parking municipal da Ramallosa a cambio de cubrir o 100% do territorio. Isto implica o beneficio adicional de reducir obras innecesarias e redundantes, minimizar o impacto ambiental e acelerar o procedemento para a conexión de unidades inmobiliarias.

“Os traballos xa comezaron e o compromiso adquirido é que non quede ningunha vivenda sen fibra neste ano, é unha medida pioneira que un Concello asuma o desplegue e o facemos porque sabemos que hoxe en día é un servizo básico na vida de calquer cidadán”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que a velocidade ultrarrápida chegará antes do verán a Mámoa e Navás (Priegue), Lousas e Quinteiro (Panxón), Fontela (Camos) e Otero Pedrayo (Nigrán), ao ser todas estas zonas especialmente deficitarias.

“Segundo os datos do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, máis do 80% de Nigrán xa dispón de fibra e, agora, con este plan municipal, chegaremos ao 100 % en menos de 6 meses”, garante Diego García Moreira, edil de Urbanismo, Mobilidade e Medio Ambiente e quen se encargou desta iniciativa que situará a Nigrán no 2023 como un dos municipios con mellor cobertura de todo o Estado. Compre destaca que, adicionalmente, a inicios de ano o Concello de Nigrán acadou que o programa ‘UNICO-Banda Ancha’ do goberno central para subvencionar ás operadoras instaladoras de fibra óptica incluíse 822 vivendas do municipio non contempladas inicialmente (esta resolución beneficiou, concretamente, a núcleos urbanos de A Ramallosa, Nigrán e Praia América que, paradóxicamente, quedaran sen cobertura pese a ter fibra en toda a súa contorna e actualmente están xa desplegados ou en fase de activación).Todo isto súmase ao labor de mediación que leva facendo o Concello de Nigrán entre a veciñanza con problemas de conexión, conseguindo na maioría dos casos resolver o problema ou realizar unha acción coordinada para que ningún veciño quede sen fibra.

Unha vez realizada a instalación por parte de Rede Aberta, para dispoñer de acceso a internet, os usuarios deberán contratar a conexión cos operadores de telecomunicacións locais.

Sobre Rede Aberta

Rede Aberta é un operador neutro de fibra óptica, con case tres anos de actividade, e está presente en máis de 60 municipios rurais de Galicia. Con máis de 1.300 quilómetros de fibra óptica despregada para dar servizo de rede neutra, chega a máis de 146.000 fogares.

Rede Aberta é unha empresa galega que forma parte dos proxectos de fibra do fondo CEBF, que está en 7 países de Europa. Constituíuse en 2020 e conta con 20 traballadores directos e máis de 200 indirectos que colaboran despregando a fibra nos municipios rurais. A empresa ten previsto investir 121 millóns de euros ata 2025 para chegar a 400.000 fogares do ámbito rural.