20.9 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Xullo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelFina Casalderrey, «A muller xabaril»

    Fina Casalderrey, «A muller xabaril»

    Fina Casalderrey vén de dar un salto importante ao publicar a súa primeira novela para adultos logo dunha longuísima traxectoria dedicada á literatura infantil e xuvenil. E para iso escolleu unha historia que deixa un pouso de amargura no lector que queira reflexionar sobre o comportamento social e como determinadas actitudes que poden parecer inofensivas quizais non o sexan tanto e provoquen consecuencias terribles en aqueles que as padecen.

    A protagonista e unha muller coñecida como Xabaril, unha vella de aspecto repulsivo que deambulaba por unha pequena vila acompañada dun can tan miserento coma ela, converténdose en diana de todas as rexoubas e argalladas dos rapaces. Un deles, Ramiro, agora convertido tamén en vello, lembra algunhas das trasnadas que el mesmo protagonizou en contra da muller, así como algúns comentarios sorprendentes da súa propia avoa. Comeza, deste xeito, a reconstruír a vida de Adelina Fontán, unha moza da aldea, refinada e culta que, debido a unha serie de circunstancias que non imos desvelar para non estragar a lectura, acabou por se converter no Xabaril. O achádego casual dunha serie de cartas axuda a Ramiro a poñer en claro os detalles que desembocaron en tan terrible metamorfose.

    A historia pescuda en segredos familiares longamente agochados e enmarcados nos conflitos políticos da primeira metade do século pasado, mais sendo ese o enfoque da novela, non debemos pasar por alto as referencias aos problemas psicolóxicos derivados, en primeiro lugar, dun suposto abandono e máis adiante dunha situación terriblemente violenta, que é o alicerce sobre o que se ergue o relato. Como tampouco debemos ignorar a crueldade coa que é tratada Adelina cando o seu deterioro físico e mental resulta tan evidente para o resto do mundo, que non dubida en agredila e burlarse dela sen contemplacións de ningún tipo.

    Un dos acertos da novela é, ao meu entender, a perfecta dosificación da información ao longo das súas páxinas, capaz de manter a intriga no lector. Mais hai que engadir que esa información non é desvelada de xeito completo e deberemos cubrir algúns ocos coa nosa propia lóxica. As descubertas que fai Ramiro nas cartas antes citadas son parciais e fican algúns detalles menores por desvelar. Pero non importa, porque o realmente importante son as consecuencias que os acontecementos teñen na vida da protagonista. E coido que iso si queda perfectamente claro sen necesidade de afondar máis neses detalles.

    Fina emprega un estilo directo e limpo que fai da lectura algo fluído e ameno, arrastrando ao lector polas páxinas desta novela case sen se dacatar cara a un final que, non por intuído, deixa de ser sorprendente. Coido que se a autora ten intención de manterse na liña da narrativa para adultos, poderá ofrecer novas e moi gratas sorpresas.

    Fina Casalderrey

    «A muller xabaril»

    320 páxinas