Sábado, 12 Xullo de 2025

Contacontos ilustrado este sábado na Guarda

0

O vindeiro sábado día 10 de xuño, ás 12:00 horas, a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acollerá o contacontos “Un día para as Letras. Pequena biografía de Francisco Fernández del Riego”.

Esta actividade sobre a vida e obra de Francisco Fernández del Riego está organizada polo Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra e será realizada pola compañía “Polo correo do Vento”, contando cos habituais ingredientes deste grupo: a música e a ilustración para explicar de xeito ameno ás crianzas e familias a vida e legado do persoeiroo escollido este ano para homenaxear nas Letras Galegas.

A Escola Municipal de Gravado de Nigrán reproduce artísticamente algas das Illas Atlánticas

0

As algas autóctonas embelecen o Auditorio do Concello de Nigrán ata o 18 de xuño. Este prodixio é grazas á Escola Municipal de Gravado, que expón neste espazo parte do traballo realizado ao longo do curso e, con especial interese, amosan o proxecto común no que centraron os derradeiros meses: versionar os diferentes tipos de plantas acuáticas pertencentes ao Parque Nacional Illas Atlánticas. Os 16 alumnos, liderados pola mestra Ana Barbará, se documentaron e recolleron algas co fin de plasmalas artísticamente mediante diferentes técnicas de estampación ou gravado. O resultado son 27 obras fascinantes cuxo resultado se pode apreciar no Auditorio Municipal de Nigrán de 19:30 a 21:00 horas.

“Tendo en conta que as algas son esenciais para a vida dos océanos porque osixenan a auga, son alimento dos peixes e fauna mariña e se empregan para o consumo humano directo e na industria alimentaria, farmacéutica etc. non podemos ignorar a súa importancia e a necesidade de protexelas. O quecemento dos océanos debido ao cambio climático xa empeza a notarse cunha diminución das especies que habitan as nosas rías e o grupo de Gravadores de Nigrán somos sensibles a esta problemática”, indica a súa profesora desde a escola, quen aproveitou a experiencia profesional (algún vinculado á ciencia mariña) e a sensibilidade do alumnado adulto para traballar na temática.

“Estamos moi orgullosos de ser seguramente unha das únicas escolas municipais de gravado de toda Galicia e seguiremos apostando por ela como o facemos con Pintura ou Cerámica”, explica o alcalde, Juan González, quen indica que o obxectivo é trasladalos das escolas de Balinfra ao antigo ambulatorio de Panxón, que será cedido de xeito inminente ao Concello. “Gañarán un espazo mellor e unha localización que lles outorgará visibilidade”, explica o rexedor, quen destaca que precisamente este curso o Concello investíu 5.700 € na compra dun tórculo (prensa profesional).

O Rosal viaxa pola historia de Galicia a través da obra de Marisa Castro

0

O Rosal prepárase para desfrutar da literatura e da música en directo de balde este sábado 10 de xuño. A recoñecida bióloga e micóloga galega, Marisa Castro, presentará no Espazo do Mercado ás 12.00 horas a súa primeira novela, ‘A saga das curandeiras’, unha biografía ficticia que achega ao público á figura de Rosalía Carcedo, unha curandeira galega coa que facer unha viaxe durante a primeira metade do século XX, dende a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil ata a súa aldea de orixe.

É nesta contorna onde o personaxe de Rosalía, baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras que visitou, continúa aplicando os seus coñecementos naturais a pesar da incomprensión e a incredulidade das persoas que a rodeaban. Unha trama que permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas, e que aproxima ao lector ou lectora ao uso das herbas e setas, tanto con fins curativos como máxicos, no mundo críptico e infravalorado das meigas galegas.

Marisa Castro, membro dunha saga de curandeiros, ata os 25 anos foi labrega como os seus pais. Micóloga, doutora en Ciencias Biolóxicas cun traballo relacionado coas setas, durante máis de 30 anos foi profesora da Universidade de Vigo, onde impartiu botánica e dirixiu case unha ducia de teses de doutoramento. É socia fundadora da empresa MycoGalicia Plantae e divulgadora científica por convicción. É autora de máis dun cento de traballos de investigación e de máis de 25 libros de divulgación relacionados coas setas, as plantas e as árbores.

Tras a presentación do libro de Castro, a actividade trasladarase á Praza do Calvario, onde o público poderá desfrutar da sesión vermú coa música en directo de Tonichi&Pacheco. Ao abeiro do Primavera na Praza, o dúo presenta unha proposta artística na que se mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toques de humor.

Nenos de Tui, O Porriño, Nigrán e Tomiño participan en “DepoEmprende na escola”

Máis de 250 nenos de colexios de toda a provincia demostraron o seu potencial emprendedor no mercado solidario efémero que instalou a Deputación de Pontevedra na céntrica praza da Porta do Sol de Vigo como colofón da sétima edición do programa “DepoEmprende na Escola”. Deste xeito, o alumnado de 5º e 6º de Primaria de 10 centros de ensino dos concellos de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, O Porriño, Tui, Tomiño, Nigrán, Ribadumia e Cerdedo-Cotobade deu o último paso das cooperativas que crearon desde cero durante todo este curso no marco do programa da institución provincial, que ten como obxectivo fomentar a cultura emprendedora no ámbito educativo. A presidenta en funcións, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitaron o mercado e participaron na entrega de cadanseu diploma aos dez centros participantes. Asistiron ao acto a deputada provincial en funcións Ana Mejías, David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, Patricia Santos, asesora de emprendemento na Subdirección Xeral de Formación Profesional da Xunta, Susana Pérez e Yoya Núñez, presidenta e vogal da xunta directiva de Empresarias de Galicia, e Rosa Fernández, xerente de AJE Vigo.

As nenas e nenos elaboraron e/ou comercializaron bens como testos feitos con materiais reciclados, ambientadores, cadernos, cuncas, portafolios, bolsas de tea, cuncas de arxila para pousar as chaves, bolsas quentes, marcapáxinas, lapiseiros, velas, xogos de mesa, atrapasoños, chaveiros, camisetas, plantas, imáns, pulseiras ou chapas que hoxe puido mercar a cidadanía. Ademais, parte dos beneficios das súas vendas irán parar a entidades protectoras de animais como Os Palleiros de Pontevedra ou o Refuxio de Cambados, a ONGD Da Man, Bicos de Papel, a asociación Vontade, a Fundación Pequeño Deseo, Aspace, a Federación Galega de Enfermidades Raras, Manos Unidas e Cáritas.

Carmela Silva lembrou que “DepoEmprende na Escola” “pretende crear unha cultura para que as nenas e nenos sexan capaces de emprender” e amosou o seu orgullo: “temos crianzas moi talentosas e hoxe vimos como se puxeron en marcha ideas que naceron das mellores nenas e nenos do mundo”. Deu os parabéns ás e aos participantes, “que traballastes e aprendestes moito sobre a creación de produtos e o funcionamento dunha cooperativa ao longo de todo o curso e ata hoxe, que estades poñendo á venda os produtos que elaborastes”, e animou a cidadanía a visitar os postos e “levar para a casa todo o que fixestes, porque ademais unha parte dos beneficios vai ir destinada a ONG, xa que a solidariedade é tamén un elemento transversal de ‘DepoEmprende na Escola’”.

Pola súa banda, Abel Caballero deu a benvida “a todas as rapaces e rapaces que vides de tantos lugares de toda a provincia” e asegurou que “estamos encantadas e encantados de que esteades connosco, compartindo a cidade de Vigo e coñecendo os vosos proxectos de artesanía, de creación de cooperativas e de lanzamento dun proceso, desde esa creación ata a venda dos produtos”.

No mercado desta sétima edición de “DepoEmprende na Escola” participaron un total de 10 centros de 9 concellos da provincia, que mobilizaron 251 nenos e nenas e 38 profesoras e profesores para crear proxectos emprendedores baseados na ecoloxía, a cultura, a natureza ou a reciclaxe. Na comarca de Vigo, participaron o CEE Saladino Cortizo de Vigo (con dúas cooperativas: “Os Cortizos” e “A Arte da Solución”) e o CEEPR Aceesca do Porriño (coa cooperativa “O Mistral”). No Val Miñor, o CRP Estudio de Nigrán (coa cooperativa “Ga-li-cia”). No Baixo Miño, o CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui (con dúas cooperativas: “Econatureza” e “Ecoempress”) e o CEIP Plurilingüe de Tebra de Tomiño (con dúas cooperativas: “Tebralidades” e “Recuncho creativo”). Na comarca de Pontevedra, o CEE de Pontevedra (coa cooperativa “Xirope”), o CEIP A Xunqueira 1 de Pontevedra (coa cooperativa “Naturalshop”) e o CEIP Plurilingüe de Carballedo de Cerdedo-Cotobade (coa cooperativa “As Cores de Carballedo”). No caso da comarca do Salnés, participaron o CEE de Vilagarcía de Arousa (coa “Reprografía CEE Vilagarcía”) e o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia (con tres cooperativas: “Los creative”, “El mundo al revés” e “Recycling Art”).

A Guarda, comprometida co medio ambiente

0

O Concello da Guarda realizou este luns, 5 de xuño, un plogging. Unha actividade enmarcada dentro do ciclo medioambiental Sostendo o Futuro III.

O ente municipal convidou aos colexios de secundaria á realización desta actividade coincidindo co día mundial do medio ambiente.

O plogging é unha actividade na que se combina o deporte coa recollida de lixo en espazos abertos. Nesta ocasión na actividade participaron un total de 250 persoas entre alumnado, profesorado e organización.

Os colexios que asistiron foron CPR San José, IES A Sangriña e CPR Somascos, os grupos arrancaron iniciaron a ruta dende  dous puntos diferentes da vila unha parte dos alumnos saíron dende San Benito e a outra dende a Sangriña. As dúas rutas tiñan como punto de encontro a praia do Muíño onde o concello obsequiou os participantes con bolsas e vasos reutilizables,auga e froita e outros agasallos por participar.

Con esta actividade queremos concienciar as xeracións máis novas da importancia que ten coidar o medio ambiente e de xestionar correctamente os residuos, a rapazada tamén se puidon dar conta de que é cousa de todos manter a nosa vila limpa e que debemos reducir os plásticos de un so uso, xa que son moi perxudiciais para os humanos eo medio ambiente.

É bo lembrar que os plásticos poden tardar mais de 100 anos en descompoñerse e que moitos deles descompoñense en microplásticos que son moi prexudiciais para a nosa saúde.

Voluntariado no río Tea para o control de especies invasoras

0

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades programadas de xestión e control de flora exótica invasora co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación cidadá a través de accións de voluntariado ambiental. A fin principal é fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

Tras unha primeira actuación no río Tambre, agora ADEGA centrarase no río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz, a través dunha actividade de voluntariado de fin de semana, os días 16, 17 e 18 de xuño de 2023. Para inscribirse nela, é necesario cubrir a ficha dispoñible na web de adega.gal e escribir un correo a [email protected].

Así, o LIC Río Tea é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización de accións de control de flora exótica invasora a través de xornadas de voluntariado. Supón, ademais, a continuación dos traballos de eliminación das especies Acacia dealbata, Acacia
melanoxylon, Phyllostachys spp., Phytolacca americana, Robinia pseudoacacia e Crocosmia x crocosmiiflora nun espazo de elevado valor ecolóxico.

A actividade estará encamiñada tamén a seleccionar metodoloxías de eliminación de EEI adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito.

As actividades, tanto de xestión e control de EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a diferentes públicos son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Programa de actividades

Venres 16 de xuño

  • 18:00 h Recepción do voluntariado no Albergue Alentea
  • 19:00 h Formación sobre a problemática das especies invasoras ‘Xestión ambiental das EEI en espazos fluviais: liñas de actuación e mecanismos de control’
  • 21:00 h Cea
  • 22:00 h Tempo de lecer

Sábado 17 de xuño

  • 9.00 h Almorzo
  • 10.30-13.30 h Traballos de eliminación
  • 14.00- 15.30 h Xantar de campo e descanso
  • 15.30-18.00 h Continuación dos traballos de eliminación e regreso ao albergue
  • 21.00 h Cea
  • 22.00 h Tempo de lecer

Domingo 18 de xuño

  • 10.00 h Almorzo
  • 11.00 h Posta en común e avaliación dos traballos realizados
  • 13.30 h Visita á reitoral de Barcia de Mera
  • 14.00 h Xantar de campo
  • 15.00 h Ruta polo río Alén
  • 18.00 h Despedida e clausura do campo de voluntariado

Descúbrese un novo arco no muíño de Porto do Molle durante a rehabilitación

0

Sorpresa nas obras do Concello de Nigrán para rehabilitar o muíño de Porto do Molle. O movemento de terras e limpeza de matogueiras e lama revelou unha cuarta arcada na zona do inferno (por onde circula a auga) e dous muros de pedra tradicionais no exterior en forma de ‘L’ . Estes novos elementos dos que non se tiña constancia e de gran valor patrimonial modificarán o proxecto inicial para que queden á vista, recuperándose de pleno a orixinalidade desta infraestrutura.

“Foi unha sorpresa marabillosa porque estes detalles embelecen todavía máis a estampa dun muíño que xa de por si era espectacular porque é un dos máis grandes da comarca”, recoñece o alcalde, Juan González.

“Non había ningunha constancia nin sospeita da existencia deste cuarto arco de medio punto no extremo esquerdo, polo que é de supoñer que quedou taponado moito antes de que se habilitase o parque empresarial Porto do Molle. O máis probable é que cumpra unha función estrutural e non o de albergar un rodicio máis”, explican desde a dirección de obra. Adicionalmente, recalcan o descubrimento de dous muros de pedra tradicional, un perpendicular á fachada e outro en paralelo, de xeito que funcionarían como muro de contención en forma de ‘L’. “Son elementos que suman orixinalidade e beleza a esta infraestrutura, polo que non dubidamos en que se deben manter e por en valor”, indica González. De feito, intervirase na zona verde da contorna, onde os desniveis de terras adaptaranse mediante bancais para permitir contemplar mellor todas as partes do muíño.

Situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico, a construción volverá a funcionar con fins didácticos nun prazo de 5 meses e tras un investimento de 238.370 € por parte do Concello. O obxectivo é reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo en marcha mediante a reposición dos mecanismos actualmente desaparecidos e da disposición dunha nova canle hidráulica.

Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, supón repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa inexistentes de roturación e trituración. Así, na sala correspondente ao propio muíño plantéxase unha intervención mínima instalando unha cuberta de madeira de castiñeiro con cerchas e correas, tal e como tradicionalmente se facía, e, adicionalmente, no chan se repararán as grandes lousas de granito que estean deterioradas. Na habitación que era vivenda ou almacén crearase unha pequena sala de exposicións ou multiusos cun sistema estrutural moderno a base de madeira laminada e tirantes de aceiro, ademais, instalaranse dous aseos, un deles adaptado a persoas con mobilidade reducida. O edificio manterá tres accesos independentes: o do propio muíño, o da sala, e un central que da ao vestíbulo desde onde acceder ás dúas salas ou wc.

“Queremos que recolla a tradición muiñeira que pon nome precisamente a este río, polo que plantexamos unha exposición permanente ao respecto e, por suposto, que poida funcionar para facer muiñadas a modo divulgativo”, resume o alcalde.

Historia do muíño

Cunha planta rectangular de 25 m x 6’5 m, este foi un dos muíños máis grandes e produtivos da comarca, xa que chegou a ter tres moas en funcionamento simultáneo. Sen embargo, debido ao paso do tempo, actualmente presenta importantes perdas nos muros e carece de cuberta, maquinaria e mesmo de canle hidráulica. Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volume e no que o soto está aberto ao exterior mediante o que se crían tres arcos de medio punto pero que son catro, polos que discorría a auga tras moverse o mecanismo de rotación. As obras e movementos de terra para habilitar o parque empresarial implicaron soterrar a súa canle de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que a día de hoxe en ningún caso poderían funcionar os aparellos, sen embargo, o proxecto contempla activar unha das tres moas orixinais creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción. Co fin de respectar ao máximo a súa factura orixinal, contouse co propio asesoramento de Angel Fernández Misa, fillo dos últimos muiñeiros e quen viviu nel ata os 20 anos de idade. “Era o muíño máis produtivo de todo Nigrán, ao que viña máis xente, porque tamén era o máis barato”, recorda Lito.

Presentación do libro ‘A nunca vista’ no Porriño

O Centro Cultural Municipal acolle mañá mércores, ás 19 h, a presentación e coloquio arredor do libro A nunca vista, de Ana Abad de Larriva, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2022, publicado pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

No evento intervirán Roberto Pascual, director artístico da MIT e dramaturgo, e Irene Moreira, directora escena, xunto coa autora; nun encontro e diálogo aberto coas persoas asistentes.

Ana Abad de Larriva é escritora e actriz, ademais de exercer nos últimos anos como coordinadora do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño.  Cultiva diferentes xéneros literarios e dedícase especialmente á dramaturxia e á poesía, ademais de crear as súas propias pezas escénicas. Ademais do Premio Abrente por A nunca vista, obtivo outros recoñecementos, como o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, ,convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por A sombra das árbores, en 2019; o Premio de Microteatro da Memoria, da Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por Un biolo na noite, en 2021; ou a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego por Bailar no ceo, en 2022.

Lecer e cultura este xuño no Rosal

0

O Concello do Rosal prepárase para un mes cheo de cultura, diversión e lecer cunha variada axenda de actividades de balde para todos os públicos. Dende eventos literarios e musicais ata exposicións e propostas relacionadas coa memoria histórica, o programa de xuño ofrece unha ampla gama de opcións para desfrutar no municipio.

Ao longo do mes levaranse a cabo “doce actividades dirixidas a diferentes públicos coas que o Concello busca promover a participación de toda a veciñanza e enriquecer a vida cultural do municipio, xa que este tipo de actividades fortalecen o tecido social e enriquecen a calidade de vida de rosaleiros e rosaleiras”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As actividades arrancaron este mesmo luns 5 cunha actividade para o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, que puido desfrutar de ‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro. Unha obra na que a rapazada sorprenderase coa actividade de dous científicos e apicultores que no ano 2173 levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado.

Tamén ao longo desta semana o Concello acollerá varias actividades do proxecto ‘O pasado por vir’, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que chega ao Rosal cunha semana chea presentacións de libros, exposicións e proxeccións audiovisuais. As actividades comezaron este luns 5 ás 20.30 h no salón de exposicións do Concello coa presentación do libro ‘Mulleres represaliadas no cárcere de Tui’, unha lembranza a todas as mulleres represaliadas da comarca. Contará cunha visita guiada á mostra do mesmo nome.

Por outra banda, do 5 ao 16 de xuño, o salón de exposición acollerá tamén ‘Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra’, unha mostra con medio centenar de imaxes a modo de crónica da rodaxe do documental do mesmo nome co que se busca amosar lugares da memoria histórica e feitos relacionados coa represión franquista na provincia de Pontevedra co apoio das voces de artistas do panorama musical galego. A exposición estará aberta ao público de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas. Ademais, o xoves 8 de xuño ás 20.00 horas no auditorio municipal coa proxección do documental ‘Acorda’ e a curtametraxe ‘Mariví, na pel da memoria’, unha peza que conta a historia de Mariví Villaverde.

O sábado 10 será unha xornada cargada de actividades no Rosal. Ás 12.00 h no Espazo do Mercado Marisa Castro presentará o seu libro ‘A saga das curandeiras’, unha obra cativadora que mergullará ao público nun mundo de misterio e tradición ancestral. Tras a presentación haberá sesión vermú coa música en directo de Tonichi&Pacheco ás 13.00 horas na Praza do Calvario. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, o auditorio municipal acollerá o IX Concerto de Corais ‘Ecos de Verán’.

A actividade cultural continuará o luns 12 no auditorio municipal ás 10.00 h co contacontos sobre Francisco Fernández del Riego para alumnado a cargo de Polo Correo do Vento e o venres 16 coa actuación de Violencia Zero con Nerea Brey e Miriam Rodríguez ás 20.00 h na Liga de Amigos.

O domingo 18 será a quenda da Festa das Asociacións, que reunirá no parque de Pías á veciñanza para gozar de xogos populares, música e actividades variadas ao longo de toda a xornada. O sábado 24 de xuño o auditorio municipal acollerá un concerto de rock a cargo de San Xerome Emiliani ás 20.00 horas e o mércores 28, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTB, a Praza do Calvario será o escenario dun scaperoom e dun concerto con Terapia de Grupo.

O Rosal pechará xuño o día 30 cunha demostración de teatro a cargo do alumnado da Escola Municipal de Teatro no auditorio municipal ás 21.00 horas. A alcaldesa convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a unirse a esta vibrante programación e gozar dun mes repleto de cultura, música e diversión.

A Cañiza xa dispón do skate park e pump track máis completo de Galicia

0

Cos recursos do Plan Concellos da Deputación, o Concello da Cañiza conta xa co seu novo skate park e pump track, situado na rúa Silleda, a carón da Escola de Música municipal. A presidenta da institución provincial en funcións, Carmela Silva, visitou onte pola tarde acompañada do alcalde en funcións da vila, Luis Piña, o resultado desta actuación que acadou unha inxección de 290.000 € de fondos provinciais a través do Plan Concellos e que xa está a ser empregada pola cidadanía. Trátase, segundo sinalou o seu artífice, o técnico Álex Durán (responsable das probas do DMX do festival O Marisquiño), do skate park e pump track máis completo de toda Galicia.

A presidenta provincial en funcións, Carmela Silva, puxo en valor este novo equipamento deportivo “do século XXI, clave fundamental para atraer e manter poboación en núcleos pequenos e rurais como A Cañiza”. Con estas instalacións, sinalou, “a vila estase a poñer no mapa destas novas modalidades deportivas, cunha ampla repercusión social que aumentará cando se celebre o I Pumptrack A Cañiza, en xullo, e que fará que milleiros de persoas se acheguen á Paradanta, impulsando o seu desenvolvemento a todos os niveis”.

Pola súa banda o rexedor en funcións da vila, Luis Piña, amosouse “encantado” coa nova dotación e “ilusionado pola posta de longo que será a copa de Galicia en xullo”. Presumiu tamén do “mellor conxunto de skate park e pump track de Galicia, que mesmo segundo afirman persoas expertas ten a mellor rúa principal de toda España”. E recordou que “estamos recibindo comentarios de colectivos e deportistas de diferentes lugares, como Vigo e Ourense, asegurando que van achegarse regularmente porque non hai dotacións comparables a esta”.

O skate park e pump track da Cañiza responde a un deseño seguro e ao aire libre. Con esta infraestrutura, a vila conta con instalacións públicas que ofertan novas disciplinas deportivas, amais de xerar un atractivo turístico máis dentro da comarca. A infraestrutura suma máis de 3.300 m2 para a práctica de deporte urbano, divididos no skate park (1.820 m2), o pump track (715 m2), zonas verdes (744 m2) e unha zona de acceso (26 m2) e o vindeiro 16 de xullo acollerá xa a súa primeira proba deportiva: o I Pumptrack A Cañiza, unha proba na especialidade de BTT Pump Track aprobada pola Federación Galega de Ciclismo.

O skate park conta con diferentes tipos de planos inclinados e ramplas que ofrecen un amplo abanico de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias, para practicar distintas disciplinas como skate, bmx, scooter e roller. Pola súa banda, grazas ás ondulacións que compoñen o seu carril o pump track está deseñado para ter unha utilización fluída. Ademais as persoas usuarias poden realizar o percorrido co impulso da inercia, sen que teñan que dar pedaladas ou empuxe co pé.

Ponteareas comeza o Corpus co pregón a cargo de Jorge Sobral

Leva dende os 17 anos vivindo fóra de Ponteareas, pero cada vez que cruza de norte a sur a ponte de Rande sinte que está preto da súa casa. Así o explicaba o catedrático Jorge Sobral, pregoeiro do Corpus Christi 2023, que ante o público que ateigou a sala multiúsos do auditorio municipal foi tecendo a alfombra da súa vida nunha vila na que “música, xogos, tempos lentos, amizades… todo iso é a Ponteareas do meu maxín”.

“Ben sei que hoxe é moitas máis cousas, máis preto dunha pequena cidade que dunha vila somnolenta, con actividade comercial, industrial, hostaleira, de lecer… Dinámica e expansiva. Pero, ante todo, Ponteareas nunca deixará de ser a vila do Corpus”, seguiu contando Jorge Sobral, antes de afondar no significado que esta Festa de Interese Turístico Internacional ten para el.

“O Corpus ten sido argamasa do colectivo, sinal de pertenza e motor de afiliación, de xuntanza. As alfombras vehículan a planificación, o deseño de semanas do noso tempo, o reparto ordenado por tarefas, estimulan a colaboración, o traballo en equipo, e, en último termo, dotan dun significado especial á gramática da nosa convivencia, nutren a fenomenoloxía subxectiva da vida comunitaria”, recalcou no seu pregón.

Para o catedrático, “os portais son verdadeiras caldeiras produtoras de coñecemento sen ter que soportar aos enfermizos haters das redes sociais de hoxe en día. Os nenos e nenas que por alí zascandileábamos entre mirtos, árnicas e fiúnchos, arrolados polo mellores perfumes, mergullabámonos nos nosos primeiros baños de socialidade. E non se trataba dunha socialidade neutra, funcional, dirixida ao obxectivo, senón que ese horizonte comunitario vén tinxido de orgullo”.

“Lembro moi ben as sensacións de neno, e non tan neno, de vivir aquelas madrugadas cun toqueciño lixeiramente alucinatorio. Esas sinfonías de formas e cores, ese concerto de luces e aromas, esa imaxe surrealista que supón ver as túas rúas vestidas de flores, fixéronme pensar en Freud e no seu universo de fantasía que chamou “os soños dos espertos”. Nesa etiqueta empaqueto eu as miñas lembranzas, pensares e sentires do meu Corpus e da miña Ponteareas”, recordou Sobral.

Durante o acto de lectura do pregón, a alcaldesa, Cristina Fernández, recalcou o agradecemento do Concello ao colectivo alfombrista “pola proximidade, apoio e asesoramento de todos esteas anos, nos que me levades da man para aprender e valorar a importancia desta manifestación artística que compartimos con milleiros de persoas”. “A nosa máxima é o apoio á festa e ás súas protagonistas, todas e todos os alfombristas. Debemos levar no pensamento de xeito constante a mellora e conservación desta tradición e ao contacto permanente de todas as persoas que traballades durante todo o ano para mostrar esta arte efémera, o que fai que poidamos superar ano tras ano todas as expectativas que provoca o espectáculo da vosa creación”, salientou.

A rexedora destacou que a peculiaridade dos tapetes florais, a súa calidade, o seu deseño, a elaboración e os materiais naturais empregados foron fundamentais para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, elementos diferenciadores “que nos definen como un pobo colaborador e organizado” e que “dende o Concello e outras institucións debemos difundir dentro e fóra do país”. “Nesta liña traballamos todos estes anos para conseguir a declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial, un trámite administrativo que espero que despois de máis de 5 anos estea a punto de culminar por parte da Dirección Xeral de Patrimonio”.

Neste tempo “dende o Concello impulsamos o Museo a Ceo Aberto do Corpus e puxemos en marcha recursos audiovisuais como o documental ‘As mans do Corpus’, ferramentas que nos permiten unha mellor difusión e non só da noite e día de Corpus, senón que ofrece o coñecemento dunha experiencia vital que permitirá que as persoas visitantes poidan gozar das semanas previas de intensos traballos e da boa acollida dos portais para formar parte da gran familia alfombrista”.

Nigrán acolle o venres unha charla sobre diversidade sexual

0

Dentro da IV Semana de Diversidade Sexual de Nigrán quérese analizar, reflexionar e debater sobre a normalización da cultura da violación, esa que minimiza as agresións sexuais e silencia os abusos sexuais a menores.

Da man de expertas nesta materia, abordaranse realidades coas que se convive a diario; relatos non expresados por temor a non ser cridos. Falarase sobre cómo detectar o abuso sexual en menores; dos tipos de abuso (incluídos en liña); como afectan no desenvolvemento nervioso e psicosexual as experiencias temperás de abuso; como aprender a soster e converterse na base segura para as vítimas, facéndoas sentirse vistas e sentidas e, sobre todo, como previlo.

A charla terá lugar a tarde do venres, día 9, ás 16:30 h no Auditorio do Concello de Nigrán. Dentro da programación farase un pase e entregaranse os premios ás curtametraxes gañadoras do I Concurso de Curtametraxes de Nigrán, que nesta ocasión serán sobre Abusos Sexuais; haberá unha mesa redonda coas relatoras María Lameiras Fernández (profesora da Universidade de Vigo), Bibiana Araujo López (Coordinadora Formación AMINO), Inma Araujo López (Psicóloga colaboradora de AMINO) e cinema a cargo do Cineclub Val Miñor Alice Guy.

O CN Ponteareas, campión Galego Máster

O CN Ponteareas acadou o título de campión Galego Máster (conxunto e feminino) na cita autonómoca que se celebrou os pasados días 2 e 3 de xuño na piscina Rosario Dueñas de Ourense.

No evento batíronse un total de 141 récords galegos individuáis e 30 en remudas.

Desde xeito, a sección máster do club do condado fíxose nesta tempada cos títulos de campión de liga e tamén cos dous campionatos galegos, inverno e Verán.

Os deportistas da vila do Tea teñen a vindeira cita importante precisamente nas augas do río Tea, onde se vai disputar o campionato galego de augas abertas, o sábado 10 de xuño, coincidindo cos actos da festividade do Corpus Christi.

Clasificación conxunta

  • 1º CN Ponteareas 1.588,5 puntos
  • 2º CN Portamiñá Lugo 1.462 puntos
  • 3º CN Pabellón Ourense con 1.357 puntos

Clasificación feminina

  • 1º CN Ponteareas  
  • 2º CN Portamiñá Lugo
  • 3º CN Vigo Rías Baixas

Clasificación masculina

  • 1º CN Pabellón Ourense
  • 2º CN Escualos
  • 3° CN Portamiñá Lugo

Tomiño e Cerveira publican unha guía turística ilustrada

Ante a existencia dunha diversidade de recursos comúns de ámbito familiar, Tomiño e Cerveira publican ‘A Pequena Grande Historia – Eurocidade Cerveira-Tomiño’, unha guía turística e educativa ilustrada na que a mascota Mizi narra dunha forma divertida e didáctica os episodios máis relevantes desde os primeiros habitantes ata á actualidade, dando a coñecer os lugares máis emblemáticos a visitar neste territorio transfronteirizo.

As familias procuran territorios atractivos que combinen natureza con turismo urbano e cultural, de forma que poidan gozar de tempo de calidade. Incorporando o concepto de ‘Dous Países, Un Destino’, Vila Nova de Cerveira e Tomiño pretenden afirmarse cada vez máis como un ‘destino amigo das familias’, unindo as súas potencialidades naturais, patrimoniais, culturais e de lecer en prol dunha experiencia verdadeiramente única.

Con un perfil moi amigable e un discurso accesible, Mizi asume o papel de guía turístico e promete conquistar a atención das familias. A través de diferentes episodios, como a chegada dos romanos, a independencia de Portugal, a Guerra da Restauración ou a Invasión Francesa, Mizi explica a evolución histórica deste territorio transfronteirizo, sen esquecer a realidade actual. Á medida que conta estes feitos, convida ás familias a visitar monumentos ou outros espazos.

‘A Pequena Grande Historia – Eurocidade Cerveira-Tomiño’ é contada coa conxugación dos dous idiomas, optando por usar unha ou outra lingua, de acordo co idioma no que foi escrito o texto orixinal, e distinguíndoo coa respectiva bandeira. O obxectivo é tamén sinalar a proximidade lingüística, derivada dunha orixe histórica compartida e que contribúe a reforzar aínda máis os lazos de amizade.

Esta guía turístico-educativa ilustrada únese á Guía para Promoción do Sector Turismo xa distribuída nunha vertente máis empresarial, coa intención de mellorar a divulgación e promoción da competitividade do sector turístico, a través da compilación dos principais recursos naturais, culturais e patrimoniais de ambos os concellos.

A Guía forma parte do proxecto “0780_AMIZADE_1_P”, cofinanciado nun 75 % polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea. 

O Porriño doa terreos para ampliar o Centro Cultural de Mosende

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o presidente da Asociación de Veciños de San Xurxo de Mosende, Ángel Lago, asinaron esta semana o convenio de doazón de terreos entre ambas entidades para a execución de obras de ampliación do Cento Cultural de Mosende e o acondicionamento da súa contorna.

En virtude do mesmo, o Concello comprométese á executar nun prazo de catro anos as obras que consistirán na construción dunha sala multiusos de aproximadamente 320 m2 destinados a sala de concertos ou celebración de eventos, un almacén para material de ensaio, para uso e disfrute da veciñanza da parroquia, así como o acondicionamento da súa contorna mediante a construción dun parque infantil e un aparcamento.

“As instalacións das que dispoñen na actualidade en Mosende son insuficientes para as necesidades que presenta a parroquia”, salientou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “coa ampliación do centro cultural atendemos unha antiga e xustificada demanda da veciñanza, proporcionando un espazo acaído para o desenvolvemento das actividades culturais e veciñais da parroquia, ademais de acondicionar a contorna para uso e disfrute de todas e todos”.

Lorenzo agradeceu a disposición da asociación de veciños a axilizar os trámites precisos para levar a cabo este proxecto e a doazón destes terreos da súa titularidade polo interese da veciñanza da parroquia.

Novos roteiros urbanos en xuño en Nigrán

0

O Concello de Nigrán continúa este mes de xuño cos roteiros urbanos ofrecendo o sábado 10 e o domingo 25 o programa ‘Paseando Nigrán’ con percorridos circulares de aproximadamente 2 horas.

É preciso inscribirse previamente en [email protected] indicando nome completo, teléfono e ruta. Recoméndase acudir sempre con roupa cómoda, calzado axeitado para camiñar, protector solar e unha botella de auga.

O primeiro deles terá lugar o sábado 10 con saída ás 09:00 horas desde a Oficina de Turismo de Gaifar para ir ata a igrexa e cemiterio de San Pedro; o seguinte, o domingo 25, partirá tamén ás 9:00 desde Praia América (fronte ao ‘Angelito’) para chegar ata Prado.

Continúan subindo o número de visitas ao Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra segue a asinar boas cifras constatando un crecemento sostido no tempo e mellorando con moito os datos prepandemia. No pasado mes de maio o número de visitantes subiu un 50 % con respecto ao mesmo mes do 2022, pasando de 10.260 visitas a recibir 15.361 neste exercicio. Os datos acumulados ascenden xa ás 48.710 persoas, dato máximo dende 2017, e que fai prever superar de novo os límites previos tanto no verán como a finais de ano.

Dende o departamento que realiza as comparativas de visitantes no Museo subliñan que as conseguidas en maio son “unhas cifras moi boas comparadas con anos anteriores”, xa que ademais do positivo número de visitas individuais (que aumentou un 43 % na procedencia dende o estranxeiro)  tamén melloran o resto dos indicadores “favorablemente conformando un mes estatisticamente moi bo”.

Os grupos escolares este mes de maio, de feito, aumentaron un 16 % con respecto ao mes anterior. Medraron os grupos escolares de Educación Primaria con respecto a meses anteriores e aumentou a procedencia de centro escolares da propia cidade. “Pódese dicir que este ano volvemos á normalidade dentro da evolución anual dos grupos escolares e que mesmo se poderían superar cifras record de anos prepandemia”, destacan dende o gabinete didáctico.

Estes datos de maio refrendan os xa acadados durante a Semana Santa, na que se sumaron 5.413 visitas aos diferentes edificios e actividades da institución, o que supón o mellor dato nestas vacacións durante a última década e a consolidación da recuperación da afluencia anterior á pandemia.

Os datos dese periodo analizados polo departamento de Educación e Públicos da institución reflexan tamén unha absoluta volta á normalidade. Dos 19.82 visitas de 2013, pasouse a 3.480 en 2014; 1.509 en 2015; 756 persoas en 2016; 3.934 persoas en 2017; 3.873 persoas en 2018; 5.227 persoas en 2019 (o segundo mellor dato); ningunha en 2020 polo peche COVID; 1.338 en 2021 e 4.190 en 2022 para superar outra vez amplamente a barreira dos cinco millares neste exercicio.

Os diferentes edificios da institución tamén acadaron números espectaculares no mes de abril 2023, cando o dato de visitantes estivo en 5.000 persoas por enriba dos máximos dos últimos anos nese mesmo mes, crecemento debido fundamentalmente ao alto número de visitas individuais ás Ruínas de San Domingos.

Oia está de loito

0

Oia está de loito polo asasinato machista de esta fin de semana de Ana Vanessa, de 44 anos a mans da súa ex parella, ás portas do cámping no que traballaba no municipio de Oia.

A ex parella, Víctor G.D., era un Garda Civil destinado en Baiona, que esperou a que a víctima saída do seu posto de traballo do cámping, no que era do persoal de limpeza.

Logo de acabar coa vida de Ana Vanessa, confirmouse o suicidio do asasino nun monte dunha zona cercana.

O Concello de Oia está de loito oficial por este tráxico suceso, ao que se suma a Deputación de Pontevedra, izando a media hasta as bandeiras do Pazo Provincial. o Edificio Administrativo e a Sede da Deputación en Vigo durante tres días.

Adxudicadas as obras para instalar enerxía solar na depuradora de Gondomar

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais de Gondomar.

Esta intervención, adxudicada á empresa Efigalia Energy, S.L. por 40.000 euros, comprende a redacción do proxecto técnico, dirección de obra, tramitación administrativa e execución dunha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo, nos terreos asociados á depuradora municipal, que xestiona a entidade hidráulica da Xunta.

A través deste contrato a Xunta busca garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión da estación depuradora, ao tempo que acadar unha importante redución de emisións de CO₂ equivalente.

Estas intervencións contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 e do proxecto Aqualitrans II 1 E.

As obras nas instalacións de Gondomar súmanse ás que tamén se realizarán nas depuradoras dos concellos de Tomiño, Vilaboa e Nigrán; no concello lucense de Alfoz; e no municipio coruñés de Ortigueira, xa adxudicadas, e que forman parte das actuacións que impulsa a Xunta para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais xestionadas por Augas de Galicia.  

A Xunta fomenta incentivos para que se escollan os postos de difícil cobertura no rural

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou no acto de entrega da II Beca de Medicina Rural da Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, os investimentos en materia de equipamento diagnóstico e fomento de incentivos para os profesionais que exercen a medicina en postos de difícil cobertura, que está a realizar o Goberno galego.

O responsable do Sergas sinalou que a Xunta adquirirá máis de 180 ecógrafos portátiles para atención primaria, dotados con tecnoloxía de intelixencia artificial, que irá guiando ao profesional para facer a mellor exploración posible. “Isto vai permitir chegar a que todos os servizos de atención primaria galegos dispoñan dun ecógrafo”.

Xunto ao anterior, Comesaña remarcou que a Xunta actualizará o equipamento diagnóstico na totalidade dos centros de atención primaria galegos, adquirindo novos dispositivos multidiagnóstico e dotando de equipos de probas rápidas a todos os servizos de primaria. “Somos conscientes do esforzo que fan os nosos profesionais e queremos ofrecerlles as mellores condicións para que poidan desenvolver o seu traballo  no eido do equipamento e nos das condicións laborais”.

“O exercicio profesional no rural é moi gratificante, pero tamén ten algúns inconvenientes, e iso hai que incentivalo”, -dixo o conselleiro-. Ao respecto Comesaña destacou que a Xunta leva tempo insistindo en que se reforme o Estatuto Marco do persoal sanitario para introducir esas vantaxes específicas para as prazas de difícil cobertura na lexislación nacional.

Mentres iso non se produza, o responsable do Sergas incidiu en que a Xunta actúa e, no pasado ano, acordou, co consenso de todas as organizacións sindicais, o aumento de complementos para os médicos que traballan en centros de saúde illados ou de difícil cobertura. “Tamén foi a primeira comunidade en convocar prazas en propiedade mediante concurso de méritos para estes centros”.

Xunto ao anterior, Comesaña puxo en valor a implantación dos plans locais de saúde, “que son a folla de ruta estratéxica que transforma a atención primaria mellorando a saúde da poboación e a eficiencia do servizo, así como a satisfacción dos profesionais e a calidade e experiencia do paciente”.

Na súa intervención, o conselleiro felicitou aos galardoados e deu as grazas á Asociación de Médicos Galegos e á Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia, “por visibilizar, a través desta beca de medicina rural, experiencias que contribúen á mellora do noso sistema de saúde”.

Baiona acolleu o cuadraxésimo sexto congreso rexional de viúvas de Galicia

0

Baiona acolleu, o pasado sábado, o cuadragésimo sexto congreso rexional de viúvas de Galicia no que participaron maís dunha ducia de asociacións a nivel autonómico e máis de 200  mulleres.

Despois de levar a cabo a recepción das diferentes agrupacións, tivo lugar a asemblea no auditorio V Centenario cuxo tema principal foi o rol das mulleres viúvas. No relatorio interviñeron a presidenta da Asociación de Baiona; Ramona Marcote Álvarez, e  a presidenta da Federación Galega, Aurora Carro Páramo, na que reiteraron que a verdadeira crise que sofre toda muller cando perde á súa parella é o feito de afrontar a viuvez. O doutorado en historia e cronista oficial de Baiona, Anxo Rodríguez Lemos, participou no evento cunha conferencia que tivo por título “Ser viúva a orillas do atlántico”.

O acto de clausura contou coa intervención de diversas personalidades políticas tales como  o alcalde en funcións Carlos Gómez Prado e a Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, que pechou o acto. O broche de ouro ao congreso púxoo  púxoo a actuación sorpresa de “Cantares da Taberna”.

O acto comezou na praza de Santa Liberata onde a Presidenta de Baiona, Ramona Marcote Álvarez, e as demais socias recibiron ao resto de asociacións. Máis tarde celebrouse unha misa na excolegiata de Santa María.

Ao finalizar a asemblea no auditorio baionés, levou a cabo unha comida de confraternización no restaurante Glasgow para máis tarde continuar cunha reunión entre as presidentas e secretarias das asociacións presentes e a presidenta da Federación Galega de viúvas.

O congreso rexional de viúvas de Galicia organizouse coa estreira colaboración entre  Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM. A Concelleira de Igualdade en funcións, Yasmina Moreira Costas, e a Directora do centro de Información á Muller de Baiona, atopábanse entre ou público.  Tamén contou coa colaboración  da artista Irene Silva Xiráldez. Asimesmo, o evento tamén contou coa colaboración da Xunta de Galicia.

Hoxe comeza a funcionar a liña de autobús entre Vigo, O Porriño e os polígonos

Hoxe luns, día 5 de xuño comezará a funcionar a nova liña de autobús da Xunta entre Vigo, O Porriño e os polígonos industriais da Granxa e das Gándaras.

A nova liña incluirá 8 expedicións, 4 de ida e 4 de volta, que mellorarán a oferta de servizos entre ambos os dous municipios.

Con este novo servizo darase resposta ás demandas de mobilidade trasladadas polo Concello do Porriño, ampliando as alternativas de viaxe dos usuarios do transporte público autonómico, especialmente, daquelas persoas que se despracen por motivos laborais cara a estes parques empresariais.

Os usuarios disporán de servizos desde primeira hora da mañá ata o remate do día, tanto para a ida como para a volta, facilitando así a compatibilidade horaria.

Concretamente, haberá 4 expedicións de ida con saída desde a estación intermodal de Vigo ás 05,00, 07,00, 13,00 e 21,00 horas con chegadas á parada O Porriño (Cablería Auto) ás 05,50, 07,50, 13,50 e 21,50 horas, respectivamente.

Para a volta establécense 4 servizos con saídas desde a parada O Porriño (Cablería Auto) ás 06,00, 14,00h, 16,50 e 22,00 horas e chegadas á estación intermodal de Vigo ás 06,50, 14,50, 17,40 e 22,50 horas.

Deste xeito, en menos de unha hora os usuarios realizarán o percorrido completo, garantindo a puntualidade nos centros de traballo e axilizando as chegadas do persoal aos seus fogares ao termo da xornada laboral.

O itinerario comprende 9 paradas, das cales 6, nos polígonos industriais, son de nova creación. A relación de puntos de paso inclúe 2 en Vigo e 7 no Porriño por esta orde: Vigo estación intermodal, Vigo (praza de España), O Porriño (avenida de Galicia), O Porriño (Imprenta Paz), O Porriño (Vip Galicia), O Porriño (CTAG), O Porriño (GESTAMP), O Porriño (CEAMSA), O Porriño (Cableria Auto).

As 8 expedicións manteranse operativas durante todo o ano, en días non festivos, de luns a venres, consonte as necesidades de mobilidade dos usuarios, especialmente os que precisan desprazarse por motivos de traballo aos polígonos industriais do Porriño.

A información relativa aos novos servizos está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Novos obradoiros de SmartPeme esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e autónomos, oferta esta semana cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático e presencial. Os obradoiros serán sobre ciberseguridade e uso da VPN, debuxo 3D con Onshape V – Assembly I, campañas de márketing con influencers, promoción a través de Pinterest e a mellora da reputación online dun establecemento turístico.

O luns 5 de xuño, as 10:00 comeza “Ciberseguridade, uso da VPN” co obxectivo de fomentar a utilización da VPN coñecendo os seus beneficios e o seu funcionamento. No taller telemático abordarase o seu uso, cales son as opcións gratuítas e como se configura. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire será o encargado de impartir a formación.

O martes 6 de xuño terá lugar o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape V – Assembly I” que consta dun itinerario formativo dividido nunha primeira parte teórica online e unha segunda parte presencial, con prácticas no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Aquelas persoas que participen formaranse teoricamente no manexo de debuxo 3D con Onshape (16h), impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina e escáner 3D (2h). As prácticas consisten no uso de impresoras 3D filamento (8 h), impresoras 3D resina (8 h) e escaneo 3D  (4 h). Manuel Freire será novamente o docente encargado da formación.

O mércores 7 de xuño, as 12:00 comeza o taller “Como facer campañas de márketing con influencers” que abordará aspectos como: en que consiste, as plataformas que se empregan, os tipos de influencers, os beneficios que aportan este tipo de campañas e os consellos para mellorar a súa efectividade. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, experta en dirección en comunicación corporativa e con ampla experiencia en comunicación e en márketing dixital, será a encargada de impartir a formación.

O xoves 8 de xuño realizaranse dous obradoiros telemáticos. Pola mañá, as 12:00, Esther Garcinuño,  diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de márketing e dirección comercial, con 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web, impartirá “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest”, a través do cal as e os participantes poderán sacar o máximo partido a esta rede social. Pola tarde, ás 17:00, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas con experiencia en dinamización e formación turística, será a encargada de explicar “Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico”, familiarizando ás persoas participantes cos portais de opinión, as ferramentas de monitorización e técnicas de márketing para que resulte beneficioso para a empresa.

Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana. No centro da trama, Leo, un gatiño novo, que exerce de narrador na práctica totalidade do libro; ao seu carón, tres gatas: Maga, felino abandonado e recollido pola humana, lariqueira e deportista; Ofelia, a montesa vella, fachendosa e resabida; e Romi, a gata rocanroleira á que Leo pretende conquistar. As novas veciñas vanse integrando ao grupo e con elas vive o protagonista distintas aventuras, das que o lector formará parte dende a perspectiva de Leo.

O texto é un xoguete, unha brincadeira no que a fauna gatuna asume roles humanos dando lugar a distintos enredos nos que uns e outros participan, dende facer carreiras polos corredores da vivenda (sempre que a humana esqueza pechar as portas, para non se esnafrar con elas), ata marcar territorio, visitar o piso veciño, ou argallar a maneira de tirar as cousas dos estantes, por poñer algúns exemplos. E se afirmo que o texto é un xoguete non é por darlle unha connotación lixeira, nin moito menos, senón por resaltar esa ambientación infantil na que a autora é quen de nos mergullar, teñamos a idade que teñamos. E isto quizais mereza unha explicación.

Como dixemos, o narrador é un gato novo. De feito asistimos, practicamente, ao seu nacemento nos primeiros versos. Por iso, ao se converter no relator, faino dende un punto de vista inocentemente infantil co que se van impregnando cada unha das páxinas do libro. Para el, todo é un xogo, dende a relación coa humana ata as andanzas cos outros gatos cos que convive ou a interpretación que fai de todo canto ve. Resulta moi doado atopar paralelismos coa mentalidade dun neno pequeno, e iso implica unha enorme capacidade da autora para trasladarse a ese mundo, ás veces tan esquecido polos adultos. Malia que iso non pode obviar a posta en valor doutros elementos importantes, como é o da convivencia e a colaboración. Se a isto lle engadimos contos e adiviñas espallados polas súas páxinas, coas que os gatos se entreteñen, teremos a composición completa para definir o poemario como un estupendo xoguete.

Complementan o traballo unha serie de debuxos realizados por Ana Pillado e Gaila González, curiosa colaboración entre nai e filla, que acuden a técnicas mixtas e xogan co debuxo tradicional e o colaxe, mesmo o graffiti, para recrear un mundo que ten un punto de onírico e que, sen dúbida, axuda a mergullarse totalmente na proposta literaria de Pilar Pallarés.

Pilar Pallarés

Unha boa gatucada!

Ilustracións: Gaila González e Ana Pillado

96 páxinas

A Guarda acolle o I Tándem e Cociña Internacional

0

O vindeiro sábado día 10 de xuño de 2023 en horario de 10:30 a 13:30 no San Xerome Emiliani terá lugar o I Tándem e Cociña Internacional para a mocidade en A Guarda, o cal se organizou coa finalidade de crear un espazo de ocio para as persoas voluntarias que actualmente se atopan traballando no noso municipio e á rapazada do pobo.

Neste encontro realizaranse diversas actividades fundamentalmente un Taller de Cociña no que realizarán e se degustarán diversas receitas italianas, ucranianas e españolas. A continuación, móstrase o programa do encontro:

Programa do encontro

10:30 – 10:45

  • Recepción e benvida dos participantes.

10:45 – 11:30

  • Dinámicas de presentación.

11:30 – 12:00

  • Presentación dos proxectos das persoas voluntarias coa realización dunha microobra.

12:00 – 13:30

  • Taller de cociña internacional e degustación das receitas elaboradas polos propios participantes.

O encontro é totalmente gratuíto. Non é preciso inscrición previa, para máis información na Omix da Guarda no enderezo [email protected] ou no 986610000 ext.7. Neste encontro colaboran O Concello de A Guarda, San Xerome Emiliani e a entidade FOCO.

Aqualia revisa en Nigrán os enganches irregulares

0

A empresa concesionaria do servizo de augas do Concello de Nigrán, Aqualia, iniciou o pasado mes de abril unha intensa campaña para vixiar, controlar e detectar posibles accións fraudulentas de consumo de auga sen contador ou “enganches irregulares” e evitar os consumos que non se rexistran e consecuentemente non se facturan. O obxectivo é manter un consumo responsable da auga tendo en conta os persistentes problemas de seca. Con este fin, incorporou ao servizo unha microcámara de inspección que permite realizar revisións polo míudo desde o interior das tubaxes.

No momento en que os inspectores detectan unha conexión fraudulenta iníciase o expediente sancionador que se pon en coñecemento do propietario do inmoble, ao que se lle require para que proceda inmediatamente a eliminar o mesmo, independentemente de que se remita a correspondente liquidación do fraude (se non regulariza a súa situación, dáse traslado á asesoría xurídica da empresa).

Aqualia inicia este procedemento para controlar e asegurar un consumo responsable da auga, por iso solicita a colaboración da veciñanza para advertir estes fraudes (nas propias oficinas ou ao teléfono de Atención ao Cliente de Aqualia 900 813 357, dispoñible as 24 horas).

Doutra banda, e co obxectivo de reducir as perdas de auga non rexistrada, o servizo leva anos usando equipos de electro-escoita para a detección de posibles avarías, tanto de maneira sistemática, como con carácter de urxencia, para localizar avarías concretas ou aumentos de consumo nun sector determinado, ao mesmo tempo que se revisa a rede para detectar anomalías, imperfeccións e necesidades de mantemento.

Mañá abren os prazos para participar nas primeiras actividades deportivas da Deputación

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 5 de xuño, o prazo para participar nas primeiras actividades deportivas dos programas que conforman “Depo Actívate”: “Depo Andainas”, “DepoRutas BTT”, “Depo Orienta” e “Depo Auga”. As primeiras catro actividades terán lugar entre os meses de xuño e agosto en Cangas, A Estrada, Poio e Tui coa mobilización de máis de 600 prazas, todas elas gratuítas, para practicar modalidades deportivas como o pádel surf, o ciclismo de montaña, a orientación, o caiac e o sendeirismo. As persoas interesadas deberán cubrir os formularios de inscrición que estarán dispoñibles, a partir do luns, nos apartados dedicados a cada un  dos catro programas en www.depo.gal.

A actividade máis próxima é a de “Depo Auga”, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño en Combarro e a Illa de Tambo, en Poio, e na que poderán participar un total de 32 persoas (16 o sábado e outras 16 o domingo). A través deste programa a Deputación ofrece experiencias únicas para practicar pádel surf e caiac poñendo en valor as rías e os ríos da provincia.

A seguinte en celebrarse será a estrea das “Depo Andainas”, con 200 prazas para percorrer a ruta da mazá na Estrada o vindeiro 25 de xuño. A través deste programa a Deputación organiza camiñadas que, ademais de rutas de sendeirismo, representan unha forma de vivir e de coñecer os lugares máis emblemáticos da provincia.

A seguinte actividade en celebrarse será a primeira “Depo Orienta”, o programa para practicar a modalidade de orientación en familia gozando da natureza. Celebrarase en Monte Aloia, en Tui, o 16 de xullo coa participación de ata un total de 200 persoas. E, finalmente, a primeira das tres competicións de ciclismo de montaña enmarcadas no programa “DepoRutas BTT”, e que levará tamén a un total de 200 prazas pola Costa da Vela, en Cangas, terá lugar o 27 de agosto.

Aumenta o número de turistas que visitan a oficina de turismo de Tui

0

Ao longo do mes de maio a Oficina Municipal de Turismo de Tui recibiu a 3.357 persoas das que 2.019 eran turistas e 1.338 eran peregrinos.

Esta cifra supón un incremento de 644 persoas con respecto ao mesmo período de 2022. O turismo é maioritariamente nacional, mentres que a orixe das persoas que realizan o Camiño Portugués é principalmente internacional.

Dos 2.019 turistas que en maio se achegaron até a Oficina de Turismo, no céntrico Paseo da Corredoira, a meirande parte, 1.813, eran de orixe nacional. Os principais puntos de procedencia foron Madrid, con 321 persoas, Pontevedra con 213, A Coruña con 166, Asturias con 152, e Ourense con 120. Mentres houbo 206 consultas de turistas estranxeiros dos que 46 eran de Portugal, 37 de Uruguai, 23 de Arxentina, 21 de Alemaña e tamén 21 de Francia.

Mentres entre os peregrinos e peregrinas que en maio pasaron por este punto de información turística a procedencia maioritaria era de persoas procedentes doutros países, en concreto 880 persoas.  Alemaña con 246 peregrinos e peregrinas foi o principal punto de orixe das persoas que estaban a realizar o Camiño de Santiago e se achegaron até a Oficina de Turismo, amais 84 chegaron de EEUU, 63 de Reino Unido, 53 de Italia, 42 de Canadá e 31 da República Checa.

Por outra parte no que se refire aos peregrinos e peregrinas nacionais, un total de 458 en maio, 76 chegaron dende Madrid, 68 de Barcelona, 43 de Valencia, 43 de Badaxoz, e 26 de As Palmas.

Na Oficina de Turismo peregrinos e peregrinas selan a súa credencial, preguntan por aloxamentos, o tramo do Camiño, mentres os e as turistas interésanse polos puntos destacados para visitar na cidade.

Amais das consultas que realizan presencialmente cando turistas ou peregrinos están na cidade, son numerosas as chamadas telefónicas e os correos electrónicos que reciben que para planificar a viaxe, e no caso das persoas que realizan o Camiño Portugués unha das máis repetidas é coma chegar a Tui.  

A Oficina Municipal de Turismo, situada no Paseo da Corredoira, abre de luns a domingo, de 9.30 a 13.30 h e de 16 a 19 h. O seu teléfono de contacto é o 677 41 84 05 e o correo electrónico [email protected], e están presentes en Instagram @oficinaturismotui.

O roteiro musical Sons do Casco chega a Baiona o 17 e 18 de xuño

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá o sábado e o domingo, 17 e 18 de xuño,  leva consigo dous días repletos de música en directo na que participarán 11 grupos musicais con diferentes estilos que buscarán encher de música a Vila.

As actuacións celebraranse en seis escenarios distintos situados na Alameda Carabela Pinta, Rúa do Reloxo, Rúa Diego Carmona, Praza do Pai Fernando, a Praza Fonte de Zeta e este ano introdúcese como novidade a Praza de San Xoan. Outra das novidades desta edición e o pasarrúas nocturno a cargo dunha fanfarria que  ambientará as rúas do Casco Vello desde ás 22:30 ata a medianoite do sábado.

Unha oportunidade única para gozar da música en directo nun enclave único o Centro histórico de Baiona,   declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio  en 1993.

Con iniciativas como estas quérese participar na reactivación económica do municipio.  Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses.  Con esta  atractiva programación  quérese seguir atraendo xente a Baiona e ofrecerlle á cuidadanía local unha alternativa de lecer distinta.

O roteiro musical Sons de Casco dará o pistoletazo de saída á axenda cultural Baiverán, unha completa programación que ofrecerá todo tipo de espectáculos para todos os públicos ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Unha opción de lecer gratuíta para o goce os veciños e veciñas do municipio e para aquelas persoas que se acheguen á localidade.

O alumnado de Ponteareas toma o camiño escolar seguro

O alumnado de Ponteareas encheu o primeiro camiño escolar seguro da vila, un itinerario dalgo máis dun quilómetros que permite cada día a máis de 1.500 nenos e ás súas familias desprazarse de forma segura ata os centros educativos da contorna, triplicando ademais o espazo dispoñible para a veciñanza apostando pola mobilidade sostible.

“É moi ilusionante ver esta estrada chea de rapazas e rapaces que exercen o seu dereito a moverse con liberdade e autonomía nun hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro, facilitándolles a todas e todos experiencias e aprendizaxes propios”, destaca a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández.

O Concello investiu na transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade preto dun millón de euros financiados a través do programa ReacPon concedido ao Concello pola Deputación de Pontevedra, do Plan Concellos e de fondos propios.

Este camiño que leva xa uns días en marcha permite dar resposta a unha petición de toda a comunidade educativa e que, aínda que beneficia especialmente ao alumnado que asiste ao CEIP Ramiro Sabell e aos IES Val do Tea, Pedra da Auga e Barral, está a desfrutar xa toda a veciñanza, que comezou a usar este itinerario para os seus desprazamentos e lecer antes incluso de estar completamente rematado.

Ademais de estar dotado de arborado para xerar zonas de sombra e contribuír á redución da pegada de carbono, este camiño conta con mobiliario urbano como bancos pensados para que as persoas maiores  poidan gozar do espazo e descansar durante os paseos, así como cunha gran cantidade de hortensias recentemente plantadas, as flores máis representativas do Corpus Christi.

Cristina Fernández resaltou a importancia de recuperar para as persoas “un espazo que antes estaba totalmente degradado, con beirarrúas estreitas e sen arborado, converténdoo nunha zona de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”.

Comeza a humanización das rúas Buenos Aires e Progreso no Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, supervisou o inicio das obras de humanización e acondicionamento das rúas Buenos Aires e Progreso, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, técnicos do departamento autonómico de Infraestruturas e da empresa adxudicataria.

Os traballos, que contemplan a reforma integral da PO-329 ao seu paso polo centro urbano transformándoa nunha rúa na que os coches ceden protagonismo aos peóns, deron comezo hoxe e teñen un prazo máximo de execución de 5 meses.

“Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila, reforzando a seguridade peonil, mellorando a accesibilidade e a estética e favorecendo a integración urbana, ademais de retirar o paso de vehículos pesados da zona”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Os traballos comprenden a intervención nun treito de case 700 metros desta vía, na que se reforzará a seguridade a pé dos vecinos, ademáis de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. En concreto, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá  un pouco a anchura dos carrís de circulación na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación, na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada. Completarase a actuación coa dotación de mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademáis de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles. NO primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías dotren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita. No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta nunha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso. No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade. E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns.

O teatro, a danza, a música e o canto chegan este domingo a Oia co 6×6

0

A iniciativa 6×6 Punto de Encontro chega este domingo coas súas innovadoras propostas arredor da arte e a cultura. Teatro, danza, música e canto serán os protagonistas dunha xornada festiva que, organizada polo Concello de Oia e baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística), contará con actividades para todos os públicos.

Neste 2023, no que o proxecto celebrará a súa quinta edición, a proposta desenvolverase baixo o título “Oia. Onde se pon o sol e nacen as sereas”. Partindo deste fío condutor, elaborado a partir de textos de Ana Romaní, Lupe Gómez, María do Cebreiro, Paula Carballeira, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, artéllase unha xornada cultural que terá como prato forte a tradicional representación do obradoiro de teatro veciñal así como diversas actividades complementarias.

A xornada de festa desenvolverase no barrio do Arrabal segundo o seguinte programa:

-A partir das 12.00 horas abrirán os postos de artesanía, onde permanecerán á venda diversos produtos de creadores e creadoras locais como Medialúa Coiro, areladefe Xoiería, Carlos San Claudio Cerámica, Carliños Cestería, Luis Álvarez Cantería.

-Ás 17.30 horas, a Praza Centinela acollerá o espectáculo infantil “As palabras perdidas”, de Inventi Teatro. O tráfico estará cortado nas rúas de acceso á praza mentres dure esta actividade.

-Ás 20.00 horas dará comezo o espectáculo do grupo de teatro veciñal. O punto de encontro será a mesma Praza Centinela e, desde alí, público e artistas percorrerán a pé o camiño ata o Mosteiro para asistir á representación no interior do recinto.

Xunto co alumnado do taller de teatro, o espectáculo contará coas artistas convidadas Olga Cameselle (danza), Mónica de Nut (canto) e Rubén Pastoriza (música). Así mesmo, participará o alumnado da aula infantil de teatro do Concello de Oia.

-Ao remate, a oferta cultural e de lecer trasladarase de novo ás rúas do Arrabal, coa música dos grupos locais Tra-lo Mosteiro de Oia e A Fiada de Viladesuso.

Esta xornada festiva está organizada polo Concello de Oia xunto co grupo Tra-lo Mosteiro e conta coa colaboración de Pontegal (Deputación de Pontevedra) e máis do Mosteiro de Oia.

En caso de choiva, os postos de artesanía trasladaranse á oficina de turismo, mentres que a programación da tarde pasará ao IES Mestre Manuel García.

Gondomar asfaltará a estrada Donas-San Adrián ao abeiro do Plan Concellos

0

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha achega da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos para Gondomar por importe de 223.160 euros, que lle servirá para financiar as obras de asfaltado da estrada que une a parroquia de Donas co núcleo de San Adrián. A achega permitirá sufragar o coste destes traballos que, amais da pavimentación do treito, inclúen a limpeza das marxes da estrada e a reposición da sinalización horizontal.

A actuación, que ten un prazo de execución de dous meses, prevé a aplicación dunha capa de firme a base de aglomerado asfáltico no tramo obxecto das obras, un treito da estrada Telleiro-San Cibrán, desde a conexión coa estrada de Sermán ata o núcleo de San Cibrán no encontro co viario provincial EP3102 Tomiño-Sabarís.

Ademais dos traballos de pavimentación, prevese o acondicionamento das condicións da estrada para evitar inundacións nos puntos baixos. Desta forma, a recollida de augas pluviais nas marxes do viario executarase con dous tratamentos: nos tramos da zona rural eliminaranse as raíces e perfilaranse as cunetas en terra para mellorar a drenaxe lonxitudinal, mentres que no treito máis urbano, mellorarase a drenaxe lonxitudinal coa demolición da cuneta de formigón existente e a reposición nunha cuneta que se executará a base de lastras, para a evacuación das augas pluviais mediante a rede de saneamento existente. En canto á sinalización restituirase a horizontal nas zonas de interseccións e instalarase nova sinalización vertical neses mesmos puntos.

A innovación do Balneario de Mondariz destaca no Congreso Nacional de Uroloxía

A historia médica do Balneario de Mondariz foi destacada no LXXXVI Congreso Nacional de Uroloxía celebrado en Granada, da man do Dr. Fernando Domínguez Freire que baseou o relatorio, “Uretrotomía interna segundo Maissoneuve, á mantenta de recordos clínicos no Balneario de Mondariz con noticias da uroloxía española”, nos traballos realizados no establecemento termal e que xa son parte da historia da uroloxía española. Un estudo que foi incluído dentro do programa de sesións científicas do evento grazas ao traballo de investigación do urólogo vigués no que destacou o labor que o doutor Isidro Pondal, director médico do establecemento de Mondariz, practicaba, durante o último terzo do século XIX. Destacando en concreto da uretrotomía, utilizando o aparello de Maissoneuve, paso previo á realizada baixo visión con cuchillete de Sachse.

Dominguez Freire fixo fincapé no feito de que un médico con dedicación á hidrología tivese a formación e estivese familiarizado co material necesario para realizar un procedemento reservado a profesionais con especial dedicación ás enfermidades das vías urinarias. Ademais, deixou clara na súa presentación que a presenza dos doutores Enrique Lluria e Leonardo da Pena no Balneario de Mondariz, achega información que completa a biografía de dúas relevantes figuras na historia da uroloxía española.

O urólogo realizou unha descrición histórica desde a declaración de utilidade pública das augas galegas (1873), explicando por qué o Balneario de Mondariz adquire unha relevancia espectacular. Durante o seu período de máximo esplendor entre a inauguración do Gran Hotel Balneario (1898) e o primeiro terzo do século XX, probablemente ningún outro establecemento español xerou tanto interese. Entrando, posteriormente de cheo, en 1883 cando o doutor Isidro Pondal Abente (1843-1925), primeiro director do establecemento, publica en Anais da Sociedade Española de Hidrología Médica baixo o título de “Recordos clínicos de Mondariz”, breves consideracións sobre as afeccións das vías urinarias e, particularmente, sobre o catarro vesical e o seu tratamento. Nun competente artigo describe como tivo ocasión de tratar numerosos casos para vencer as dificultades que se opoñen á libre saída do líquido contido na vexiga. Describe un caso de estenosis de uretra resolvido mediante a realización dunha uretrotomía interna segundo Maissenouve.

O urólogo vigués finalizou o seu relatorio destacando a importancia da balneoterapia e hidroterapia practicouse en todos os tempos e culturas, pero nas últimas décadas do século XIX e primeiro terzo do XX, alcanzou o seu máximo esplendor. Nomes como Vichy, Evian, Spa, Baden-Baden, Karlsbad, Montecattini, Archena, Cestona ou Mondariz, son sinónimos de cura balnearia no seu máximo esplendor que axuntaban o terapéutico co social, mobilizando a miles de agüistas en busca de alivio aos seus padecimientos e exclusivo descanso para as clases sociais privilexiadas.

Areeiro alerta dun crecemento exponencial do mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que alerta dun elevado crecemento de concentración de esporas de mildio que, no equipo instalado na viña da EFA, teñen subido dos 20 esporanxios por día aos 5.000 rexistrados estes días. Ante esta situación e atendendo ás previsións das diferentes axencias meteorolóxicas, o centro dependente da institución provincial aconsella vixilancia continua e exhaustiva e renovar os tratamentos.

As condicións previstas para a vindeira semana son, segundo Areeiro, moi favorables ao mildio polo que, tendo en conta a fase da uva na que se atopan as viñas, cómpre renovar os tratamentos. As e os técnicos da Deputación recomendan que o funxicida elixido conteña unha materia activa sistémica (pode ser penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares nas viñas pouco afectadas de mildio) unida, polo menos, a un funxicida de contacto. Ademais aconsellan aplicar os tratamentos cando as follas das plantes estean secas, con ventos de, como máximo, 11 km/h, e espallándoo por todos os órganos das plantas. Tamén recordan que é imprescindible que a vexetación acompañante se manteña baixo control.

Por outra banda, Areeiro informa que non se observaron síntomas de avelaíña da uva, oídio,  black rot  nin de botrite, a pesar de que se deron condicións propicias para o seu crecemento, pero recomenda continuar vixiantes. No caso do oídio aconsella protexer os acios fronte ao patóxeno, máis considerando que a humidade relativa elevada e a iluminación indirecta destes días son, xunto coas temperaturas rexistradas, condicións moi favorables. En canto á botrite advirte que, ao terse dado precipitacións cando as viñas aínda non terminaran a floración, moitos capuchóns florais non se desprenderon e sobre os seus restos pode instalase este fungo.

Unha unidade móbil de doazón de sangue estará no Rosal o 5 de xuño

0

A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) enviará a vindeira semana ao Rosal unha nova unidade móbil. Será o vindeiro 5 de xuño, data no que o autobús para a doazón de sangue estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte a Abanca, coas súas portas abertas de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade.

Poden acudir a doar todas as persoas con máis de 18 anos e 50 kg de peso. Para doar debe facerse despois de almorzar se se acode pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se a doazón é pola tarde. Dende ADOS lémbrase que é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao persoal médico en caso de estar tomando algún tipo de medicamento ou tratamento.

O persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que queren doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, non obstante recoméndase a todas as persoas doantes non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos mantén abertos cada día locais de doazón nas sete grandes cidades de Galicia e despraza dez unidades móbiles na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas, analizadas e preparadas para garantir o subministro de compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días ao ano.

O pavillón municipal de Baiona contará con caldeira de biomasa e paneis fotovoltaicos

0

O Concello de Baiona instalará no Pavillón Municipal de Deportes unha caldeira de biomasa, un sistema pioneiro no municipio. A caldeira do pavillón será a primeira instalación destas características que vai haber no municipio e ten un sistema de auga quente sanitario que pretende mellorar os servizos, á vez que se reduce o consumo enerxético e afórranse custos económicos. Tamén se procederá á instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta do edificio.

Ademais, levarase a cabo outro investimento destinado á modernización e a mellora dás redes de abastecemento municipal coa instalación dun equipo contador con emisor de pulso, equipo imprescindibles para dixitalizar a rede de distribución de auga, que, polas súas características de flexibilidade en canto a número de entradas/saídas e capacidade de comunicación, permite abarcar un amplo número de casos de uso facendo o sistema, deste xeito, moi fácil de instalar e manter.

“Desde o goberno local fíxemos fincapé na aposta polas enerxías renovables e menos contaminantes.Todos estos investimentos están destinados á mellora da eficiencia enerxética das infraestructuras municipais”, sinala, Carlos Gómez Prado.

A caldeira, os paneis fotolvotaicos e a instalación dun equipo contador con meiros de pulsos, poderá adquirirse grazas a unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria por un importe de 186.000 euros, o que supoñerá o 80 % desta subministración, que permitirá aforrar ao redor dun corenta por cento de enerxía, polo combustible.

A Guarda formará parte dos 23 concellos galegos que conforman o Ciclo Mestre Mateo 2023

0

No mes de xuño comeza na Guarda o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta coa colaboración das catro deputacións provinciais, para poder amosar o mais novidoso e relevante do cinema nas vilas de Galicia.

Esta proposta que tivo a súa primeira edición o pasado ano 2022 , suma neste 2023 novas localidades entre as que se atopa  a vila da Guarda. O ciclo conleva a proxección de 8 filmes, de ficción, documental e animación que se proxectarán entre os meses de xuño e novembro.

O ciclo comezará no mes de xuño coa proxección de dúas longametraxes de ficción: o 8 de xuño con Código Emperador, filme de acción dirixido por Jorge Coira estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); que poderá verse na Guarda o 29 de xuño.

Durante o verán o ciclo fará unha pausa para retomarse no mes de outubro, cando poderemos ver a gran gañadora da edición 2023: O Corpo Aberto, que se fixo con 12 galardóns na presente edición dos premios Mestre Mateo 2023. Outros filmes que teremos a oportunidade de ver nos meses de outubro son:  o documental María Casares, a muller que viviu mil vidas, e Unicorn Wars recoñecidas respectivamente como Mellor documental e Mellor longametraxe de animación. O filme de animación Valentina, que foi gañadora no 2022 do Goya á mellor longametraxe de animación, así como os documentais A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival. 

Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións, que reproducimos a continuación:

  • 8 de xuño, Código emperador ás 21:00 horas
  • 29 de xuño, Live is life ás 21:00 horas
  • 7 de outubro, Valentina ás 18:00 horas
  • 11 de outubro, O corpo aberto ás 21:00 horas
  • 26 de outubro, A foreign son ás 20:30 horas
  • 10 de novembro, Unicorn wars ás 20:30 horas
  • 16 de novembro, Onde máis doe ás 20:30 horas
  • 30 de novembro, María Casares, a muller que viviu mil vidas ás 20:30 horas

A escola de teatro de Nigrán pecha o curso cunha gran gala o sábado

0

A escola de teatro municipal de Nigrán pechará o curso este sábado cunha gran gala teatral na que os máis de 40 alumnos e alumnas mostrarán as obras nas que levan traballando os últimos dous meses. O pano abrirase ás 19.00 horas no auditorio municipal e a entrada será de balde.

Todos os grupos da escola, desde os peques de tres a cinco anos ata os máis adultos, presentarán pezas de microteatro compostas por eles mesmos ou por profesorado da escola. Teatro do Ar, o grupo de Nigrán que aposta por facer teatro orixinal dende o municipio, tamén quere que o alumnado da súa escola traballe con esta mesma filosofía. “Así, ademais de mellorar o noso talento teatral, traballamos outras habilidades como a imaxinación, a creatividade e a diplomacia”, destacan.

A escola teatral do Concello de Nigrán naceu no 2021 da man de Teatro do Ar e o Goberno Municipal e nos dous anos que ten de existencia case 100 persoas puideron iniciarse no teatro. O alcalde de Nigrán, Juan González, tamén aproveita para dar os seus parabéns ao alumnado polo seu gran traballo e indica “que agora pechamos o pano para unhas merecidas vacacións, pero que a escola volverá con máis forza no vindeiro outono”.

Comezan os Bosques Terapéuticos de xuño

O mes de xuño comeza con dúas novas rutas do programa da Deputación de Pontevedra “Bosques Terapéuticos”, nas que as persoas participantes poderán desfrutar de actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión. As rutas, que mesturan natureza, exercicio, cultura, historia e saúde, serán este sábado 3 de xuño pola contorna da Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, e o domingo pola Fervenza do Toxa, en Silleda.

No caso da camiñada pola Carballeira de San Xusto, poderán gozar dun percorrido dende as 10 horas por este espazo natural, cun itinerario que arrancará nos baños de San Xusto e finalizará na ponte nova sobre o Lérez. Ademais das explicacións sobre a vexetación que se pode atopar na zona, como carballos centenarios e castiñeiros e carballos americanos, as e os asistentes coñecerán tamén diversos aspectos históricos e etnográficos deste espazo do concello de Cerdedo-Cotobade.

En canto a ruta do domingo, que se desenvolverá pola contorna da Fervenza do Toxa, no concello de Silleda, os e as participantes poderán admirar un lugar no que a vexetación, a rocha e a auga se funden para acadar esta obra mestra da natureza. Alí, o río Toxa cae uns 30 metros en vertical e esculpe a rocha de mil xeitos, todo elo rodeado dun denso bosque con carballos, castiñeiros, sobreiras e decenas de especies máis, a gran maioría autóctonas da zona.

As dúas rutas parten cunha premisa fundamental: abrir os cinco sentidos, respirando a fondo e camiñando pensativamente mentres se conecta coa natureza. Porén, os e as asistentes son instados a desconectar os dispositivos móbiles, observar a luz solar que penetra entre as follas, percibir os sons e aromas que os rodean, camiñar en silencio e en calma e deixarse levar sentíndose parte da experiencia. De feito, o importante non é facer moitos quilómetros, senón desfrutar do camiño lentamente e prestando atención ao que se atopa no paseo.

Ao longo do mes de xuño realizaranse tamén camiñadas pola Ruta da Pedra e da Auga, pola ponte colgante do Lérez, o Lago Castiñeiras, o Río Eifonso e a Illa de Tambo, se ben as prazas están xa todas esgotadas. Quen queira desfrutar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos”  aínda poderá facelo nas rutas previstas para os meses de xullo, para as que a inscrición abrirá o 12 de xuño, e de agosto, con inscricións a partir do 17 de xullo, a través do formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal).