11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelPilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana. No centro da trama, Leo, un gatiño novo, que exerce de narrador na práctica totalidade do libro; ao seu carón, tres gatas: Maga, felino abandonado e recollido pola humana, lariqueira e deportista; Ofelia, a montesa vella, fachendosa e resabida; e Romi, a gata rocanroleira á que Leo pretende conquistar. As novas veciñas vanse integrando ao grupo e con elas vive o protagonista distintas aventuras, das que o lector formará parte dende a perspectiva de Leo.

    O texto é un xoguete, unha brincadeira no que a fauna gatuna asume roles humanos dando lugar a distintos enredos nos que uns e outros participan, dende facer carreiras polos corredores da vivenda (sempre que a humana esqueza pechar as portas, para non se esnafrar con elas), ata marcar territorio, visitar o piso veciño, ou argallar a maneira de tirar as cousas dos estantes, por poñer algúns exemplos. E se afirmo que o texto é un xoguete non é por darlle unha connotación lixeira, nin moito menos, senón por resaltar esa ambientación infantil na que a autora é quen de nos mergullar, teñamos a idade que teñamos. E isto quizais mereza unha explicación.

    Como dixemos, o narrador é un gato novo. De feito asistimos, practicamente, ao seu nacemento nos primeiros versos. Por iso, ao se converter no relator, faino dende un punto de vista inocentemente infantil co que se van impregnando cada unha das páxinas do libro. Para el, todo é un xogo, dende a relación coa humana ata as andanzas cos outros gatos cos que convive ou a interpretación que fai de todo canto ve. Resulta moi doado atopar paralelismos coa mentalidade dun neno pequeno, e iso implica unha enorme capacidade da autora para trasladarse a ese mundo, ás veces tan esquecido polos adultos. Malia que iso non pode obviar a posta en valor doutros elementos importantes, como é o da convivencia e a colaboración. Se a isto lle engadimos contos e adiviñas espallados polas súas páxinas, coas que os gatos se entreteñen, teremos a composición completa para definir o poemario como un estupendo xoguete.

    Complementan o traballo unha serie de debuxos realizados por Ana Pillado e Gaila González, curiosa colaboración entre nai e filla, que acuden a técnicas mixtas e xogan co debuxo tradicional e o colaxe, mesmo o graffiti, para recrear un mundo que ten un punto de onírico e que, sen dúbida, axuda a mergullarse totalmente na proposta literaria de Pilar Pallarés.

    Pilar Pallarés

    Unha boa gatucada!

    Ilustracións: Gaila González e Ana Pillado

    96 páxinas