23.5 C
Pontevedra
Mércores, 27 de Setembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas comeza o Corpus co pregón a cargo de Jorge Sobral

    Ponteareas comeza o Corpus co pregón a cargo de Jorge Sobral

    Leva dende os 17 anos vivindo fóra de Ponteareas, pero cada vez que cruza de norte a sur a ponte de Rande sinte que está preto da súa casa. Así o explicaba o catedrático Jorge Sobral, pregoeiro do Corpus Christi 2023, que ante o público que ateigou a sala multiúsos do auditorio municipal foi tecendo a alfombra da súa vida nunha vila na que “música, xogos, tempos lentos, amizades… todo iso é a Ponteareas do meu maxín”.

    “Ben sei que hoxe é moitas máis cousas, máis preto dunha pequena cidade que dunha vila somnolenta, con actividade comercial, industrial, hostaleira, de lecer… Dinámica e expansiva. Pero, ante todo, Ponteareas nunca deixará de ser a vila do Corpus”, seguiu contando Jorge Sobral, antes de afondar no significado que esta Festa de Interese Turístico Internacional ten para el.

    “O Corpus ten sido argamasa do colectivo, sinal de pertenza e motor de afiliación, de xuntanza. As alfombras vehículan a planificación, o deseño de semanas do noso tempo, o reparto ordenado por tarefas, estimulan a colaboración, o traballo en equipo, e, en último termo, dotan dun significado especial á gramática da nosa convivencia, nutren a fenomenoloxía subxectiva da vida comunitaria”, recalcou no seu pregón.

    Para o catedrático, “os portais son verdadeiras caldeiras produtoras de coñecemento sen ter que soportar aos enfermizos haters das redes sociais de hoxe en día. Os nenos e nenas que por alí zascandileábamos entre mirtos, árnicas e fiúnchos, arrolados polo mellores perfumes, mergullabámonos nos nosos primeiros baños de socialidade. E non se trataba dunha socialidade neutra, funcional, dirixida ao obxectivo, senón que ese horizonte comunitario vén tinxido de orgullo”.

    “Lembro moi ben as sensacións de neno, e non tan neno, de vivir aquelas madrugadas cun toqueciño lixeiramente alucinatorio. Esas sinfonías de formas e cores, ese concerto de luces e aromas, esa imaxe surrealista que supón ver as túas rúas vestidas de flores, fixéronme pensar en Freud e no seu universo de fantasía que chamou “os soños dos espertos”. Nesa etiqueta empaqueto eu as miñas lembranzas, pensares e sentires do meu Corpus e da miña Ponteareas”, recordou Sobral.

    Durante o acto de lectura do pregón, a alcaldesa, Cristina Fernández, recalcou o agradecemento do Concello ao colectivo alfombrista “pola proximidade, apoio e asesoramento de todos esteas anos, nos que me levades da man para aprender e valorar a importancia desta manifestación artística que compartimos con milleiros de persoas”. “A nosa máxima é o apoio á festa e ás súas protagonistas, todas e todos os alfombristas. Debemos levar no pensamento de xeito constante a mellora e conservación desta tradición e ao contacto permanente de todas as persoas que traballades durante todo o ano para mostrar esta arte efémera, o que fai que poidamos superar ano tras ano todas as expectativas que provoca o espectáculo da vosa creación”, salientou.

    A rexedora destacou que a peculiaridade dos tapetes florais, a súa calidade, o seu deseño, a elaboración e os materiais naturais empregados foron fundamentais para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, elementos diferenciadores “que nos definen como un pobo colaborador e organizado” e que “dende o Concello e outras institucións debemos difundir dentro e fóra do país”. “Nesta liña traballamos todos estes anos para conseguir a declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial, un trámite administrativo que espero que despois de máis de 5 anos estea a punto de culminar por parte da Dirección Xeral de Patrimonio”.

    Neste tempo “dende o Concello impulsamos o Museo a Ceo Aberto do Corpus e puxemos en marcha recursos audiovisuais como o documental ‘As mans do Corpus’, ferramentas que nos permiten unha mellor difusión e non só da noite e día de Corpus, senón que ofrece o coñecemento dunha experiencia vital que permitirá que as persoas visitantes poidan gozar das semanas previas de intensos traballos e da boa acollida dos portais para formar parte da gran familia alfombrista”.

    COLABORACIÓNS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.

    Fabio Rivas, «A pintura debida»

    Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS