22.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoMondarizVoluntariado no río Tea para o control de especies invasoras

    Voluntariado no río Tea para o control de especies invasoras

    A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades programadas de xestión e control de flora exótica invasora co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación cidadá a través de accións de voluntariado ambiental. A fin principal é fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

    Tras unha primeira actuación no río Tambre, agora ADEGA centrarase no río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz, a través dunha actividade de voluntariado de fin de semana, os días 16, 17 e 18 de xuño de 2023. Para inscribirse nela, é necesario cubrir a ficha dispoñible na web de adega.gal e escribir un correo a maria.amigo@adega.gal.

    Así, o LIC Río Tea é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización de accións de control de flora exótica invasora a través de xornadas de voluntariado. Supón, ademais, a continuación dos traballos de eliminación das especies Acacia dealbata, Acacia
    melanoxylon, Phyllostachys spp., Phytolacca americana, Robinia pseudoacacia e Crocosmia x crocosmiiflora nun espazo de elevado valor ecolóxico.

    A actividade estará encamiñada tamén a seleccionar metodoloxías de eliminación de EEI adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito.

    As actividades, tanto de xestión e control de EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a diferentes públicos son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

    Programa de actividades

    Venres 16 de xuño

    • 18:00 h Recepción do voluntariado no Albergue Alentea
    • 19:00 h Formación sobre a problemática das especies invasoras ‘Xestión ambiental das EEI en espazos fluviais: liñas de actuación e mecanismos de control’
    • 21:00 h Cea
    • 22:00 h Tempo de lecer

    Sábado 17 de xuño

    • 9.00 h Almorzo
    • 10.30-13.30 h Traballos de eliminación
    • 14.00- 15.30 h Xantar de campo e descanso
    • 15.30-18.00 h Continuación dos traballos de eliminación e regreso ao albergue
    • 21.00 h Cea
    • 22.00 h Tempo de lecer

    Domingo 18 de xuño

    • 10.00 h Almorzo
    • 11.00 h Posta en común e avaliación dos traballos realizados
    • 13.30 h Visita á reitoral de Barcia de Mera
    • 14.00 h Xantar de campo
    • 15.00 h Ruta polo río Alén
    • 18.00 h Despedida e clausura do campo de voluntariado

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.