Luns, 19 Maio de 2025

Tui alberga este domingo o IX Campionato Ibérico de Kung Fu tradicional e moderno

0

Este domingo, o pavillón municipal Gustavo Rodríguez de Tui acollerá a novena edición do Campionato Ibérico de Kung Fu en modalidade tradicional e moderna. A proba, que arrincará ás 10.30 h da mañá e terá entrada de balde, está organizada polo club Ximnasia e Auga Di Som de Tui e a Federación Galega de Kung Fu en colaboración co Concello de Tui, a Eurocidade Tui-Valença e a Xunta de Galicia.

Este campionato terá probas individuais e por equipos mixtos con deportistas en categorías júnior, sénior e veteráns en tres modalidades: combinación de movementos libres,  defensa persoal e simulada e patrón de movementos previamente establecidos para cada categoría.

O evento deportivo foi presentado este mediodía no salón de plenos do Concello de Tui coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, do concelleiro Rafael Estévez, do presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, do director do campionato, Eduardo Méndez, e do director do departamento de Kung Fu moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco.

O concelleiro Rafael Estévez resaltaba a importancia desta proba, enmarcada no calendario deportivo da Eurocidade, xa consolidada e que cada ano congrega a un gran número de deportistas de distintos territorios nacionais e vidos tamén de Portugal.

O presidente da Fed Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, destacou a transversalidade do evento xa que a competición é mixta e tamén inclusiva con todos os colectivos. Destacou amais a gran afluencia de público que sempre rexistra esta proba dada a espectacularidade do evento e a presenza de grandes deportistas de primeiro nivel desta disciplina.

Eduardo Méndez, director do campionato, salientaba o carácter integrador e internacional da proba e tamén a suba no número de inscricións, rozando este ano os 400 deportistas participantes. Mentres, o director do departamento de Kung Fu moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, destacou a realización dun campionato dentro desta proba entre campións galegos e unha selección de competidores da Selección Portuguesa, todos eles medallistas no país.

Daniel Benavides, xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, incidiu na importancia deste deporte que, dicía, leva detrás unha cultura como a chinesa. Explicou tamén que debido ás diversas procedencias dos participantes esta é das probas que permiten internacionalizar Galicia.

Pechou ese acto de presentación o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que quixo animar á veciñanza a encher o pavillón municipal Gustavo Rodríguez nunha proba “sempre espectacular” e consolidada e con crecemento ano a ano. Quixo agradecer tamén a implicación de todos os presentes pola aposta polo deporte e por achegar este tipo de eventos deportivos a Tui e a un territorio transfronteirizo xa que, incidía “xeran riqueza e permiten a internacionalización”.  

Os campamentos de ‘Depo Aventura’ arrancan este domingo con 140 menores de 36 concellos da provincia

Arrancan os campamentos de Depo Aventura na Lanzada. Desde este domingo, 25 de xuño, e ata o sábado 1 de xullo, 140 nenas e nenos participarán na primeira das once quendas, cada unha dunha duración de sete días, que se desenvolverán ao longo do verán a través deste programa da Deputación de Pontevedra, que ofrece á rapazada múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal e tamén de coñecemento de lugares fóra da contorna habitual. En total, serán 1.540 menores de 58 concellos da provincia os que participen ata o 9 de setembro.

Neste primeiro campamento, que arranca o domingo, participan 70 nenas e 70 nenos de 36 concellos, todos eles nados entre os anos 2010 e 2015. En concreto, proceden de Pontevedra (21); Vigo (21); Vilagarcía (9); Lalín (7); Redondela (6); Gondomar (6); Moaña (4); Fornelos (4); Meis (4); Caldas de Reis (3); Ponte Caldelas (4): Cangas (4); Mos (3); Salvaterra (3); Cambados (3); As Neves (3); Tui (3); Ribadumia (3); Portas (2); Oia (2); Meaño (2); Cerdedo-Cotobade (2); Soutomaior (2); Poio (2); Pazos de Borbén (2); Campo Lameiro (2); O Grove (2); Bueu (2); O Porriño (2); Marín (1); Cuntis (1); Vilanova (1); A Guarda (1); Valga (1); Nigrán (1) e Baiona (1).

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación ofrécelles ás nenas e nenos en cada unha das quendas dos campamentos un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a inclusión, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento multicultural da contorna. Tamén realizarán o tradicional obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, inclúese unha visita á Illa de Ons e unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.

Da cifra total de 1.540 prazas, 1.409 adxudicáronse polo procedemento xeral a través do sorteo e as restantes 131 foron reservadas para menores en risco de exclusión social, das cales 54 corresponderon aos concellos, 29 ao alumnado do Centro Príncipe Felipe e 48 a menores en situación de tutela e garda administrativa doutros centros da provincia. Os nenos e as nenas que participarán este verán proceden de 58 concellos. A maioría son de Vigo (335) e Pontevedra (154). Outros concellos con grande asistencia son Vilagarcía (79), Redondela (45), Ponteareas, O Porriño, A Estrada, Lalín, Marín, Cangas, (estes con 44). Destacan tamén Poio (25), Nigrán e Gondomar (24), Baiona e Tui (23), Sanxenxo (22) e 20 son do Grove, A Guarda, Mos, Salvaterra, Moaña ou Cambados.

Nigrán estrea a torre de xogo “máis alta da comarca” para dar una nova vida á praza Rosalía de Castro

0

A Praza Rosalía de Castro cobrou xa unha nova vida. O Concello de Nigrán abríu onte ao público a gran torre escalable de 10 metros de altura e con forma de foguete que preside o espazo central (no mesmo lugar que ocupaba unha fonte ornamental inutilizada). Aínda que xa en uso, será inaugurado oficialmente o luns 26 de Xullo a partir das 18:30 coa presencia de ‘Benito e Rufina’, de Troula Animación.

A torre constitúe por si mesma o elemento de xogo máis grande da comarca e contribuirá a dinamizar un espazo en pleno centro e totalmente en desuso ao carecer de atractivos para a infancia ao marxe dun pequeno parque nun lateral. Conta cun tobogán recto nun primeiro nivel e outros dous tubulares a máis altura, o superior deles a 7 metros e cunha disposición en espiral. Adicionalmente, o chan cubríuse de caucho para outorgarlle a máxima seguridade.

“É unha torre coas máximas garantías de calidade e seguridade infantil que vai transformar a vida nesta praza e a darlle un pulo inmenso”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide que a súa praza veciña, na Biblioteca, tamén dispón dun proxecto para outorgarlle un uso multifuncional con especial atención a infancia (disporá de fontes de auga recreativas como gran novidade na comarca). 

O PSOE de Ponteareas acusa á Xunta e PP local de ter paralizado “premeditadamente” a declaración BIC do Corpus

Tralo anuncio da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, que a Xunta de Galicia inicia o procedemento para a declaración do Corpus Christi como Ben de Interés Cultural (BIC), o Partido Socialista ponteareán subliña que dito anuncio non fai máis que confirmar o que o PSOE leva dicindo nos últimos anos “que a Xunta de Galicia tiña a documentación metida nun caixón e nin sequera abrira o expediente para a súa tramitación”.

A solicitude da declaración do Corpus como BIC foi realizada dende o anterior goberno de Ponteareas xa no ano 2017 e, tras o silencio absoluto por parte da Xunta de Galicia, requeríuselle información sobre o expediente en maio de 2020, marzo de 2022 e abril de 2022.

“Tivemos que agardar ata o 23 de xaneiro deste ano para que a Xunta nos convocase a unha reunión”, aseguran dende o PSOE de Ponteareas que xa non ten ningún tipo de dúbida en que a actual alcaldesa, Nava Castro, “paralizou e dormitou a documentación remitida dende o Concello sen nin sequera incoar o expediente administrativo; unha mostra máis das políticas caciquís do Partido Popular que non cesaremos de denunciar”.

Para os e as socialistas ponteareás, “esta actidude da Xunta de Galicia constitúe unha falta de respecto a todos os ponteareáns que temos na nosa festa do Corpus o máximo expoñente da nosa arte, convivencia, singularidade e paixón”.

A comezos deste ano foron varias as noticias que xurdiron en canto a declaración BIC do Corpus. Así o 20 de xaneiro un medio de comunicación publica que tres días máis tarde a Xunta de Galicia declarará BIC ao Corpus de Ponteareas. E o 19 de xaneiro o Partido Popular de Ponteareas instou á Xunta de Galicia para que axilizase esa declaración.

Tras unha reunión en Santiago entre o PP de Ponteareas e a Xunta de Galicia, a voceira do PP local anunciou “o compromiso da Xunta de facer efectiva a declaración nas vindeiras semanas”. Curiosamente cando se anuncia que a candidata do PP en Ponteareas será Nava Castro “non se volve escoitar nin pío da declaración BIC”, engade o PSOE.

“Unha vez máis o Partido Popular e a Xunta de Galicia mentiron e enganaron aos veciños e veciñas de Ponteareas, unha vez máis asistimos a unha perversa xogada política na que priman os intereses partidistas por riba das persoas”, conclúe o Partido Socialista de Ponteareas.

Rematadas as obras de seguridade viaria na EP-2102 de Nigrán

0

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria desenvolvidas na EP-2102 Nigrán-Vincios, no concello de Nigrán, ao abeiro do modelo de mobilidade sostible promovido pola institución. Con elas, actuouse no punto quilométrico 7+100 para ampliar o trazado dunha curva que presentaba un risco para a seguridade das persoas usuarias desta estrada e investiuse un orzamento de 30.000 euros.

En concreto, executouse unha ampliación da plataforma na marxe dereita para posibilitar un trazado do radio de curvatura constante de 23,15 metros, mediante a construción dun muro de contención de cachotería e o recheo do trasdós que sostiña a zona de actuación, así como a instalación dunha barreira metálica de seguridade para a contención de vehículos. Executouse o correspondente paquete de firme, renovouse a capa de rodadura en toda a superficie da curva e tamén se ampliou a rede de drenaxe transversal, amais de renovarse a sinalización horizontal e vertical.

Últimos días de inscricións para o obradoiro “as abellas e as aromáticas” deste venres na Guarda

0

O Concello da Guarda continúa a terceira edición do ciclo “Sostendo o Futuro” coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da contorna.

Este venres día 23 de xuño realizarase o Obradoiro “As abellas e as aromáticas”, especialmente dedicados a crianzas de entre 3 e 12 anos, que cunha duración aproximada de dúas horas realizaranse no Castelo de Santa Cruz ás 17:30 h. As inscricións están abertas no 986 61 0000 ou en [email protected] e aínda hai prazas dispoñibles ata completar o aforo.

Xa no mes de xullo, o  día 9, terán lugar os “Baños en natureza”, unha actividade para adultos e crianzas cunha duración aproximada de hora e media que terán lugar no Monte Santa Trega ás 18:30 h.

Tamén en xullo, o día 21, realizarase na Xunqueira de Salcidos a actividade “Bolboretas nocturnas”, unha actividade cunha duración aproximada de entre tres e catro horas que arrancará ás 21:15 h.

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nestas actividades programadas baixo a segunda edición de “Sostendo o futuro”.

Abertas as inscricións para o XXVII torneo de fútbol sala “Vila de Arbo”

0

O Concello de Arbo no seu interese para  apoiar e promocionar o deporte, organiza o XXVIII torneo de fútbol sala “Vila de Arbo”. O torneo, xogarase en grupos. Os grupos dependerán dos equipos anotados.

O Campionato de Fútbol Sala “Vila de Arbo” disputarase os días 28, 29 e 30 de xullo de 2023 a partires das 21:00 horas. Un evento deportivo totalmente amateur.

O prazo de inscrición remata o venres día 21 de xullo de 2023, ás 14:00 horas ou unha vez están cubertas as prazas de equipos inscritos.

O prezo de inscrición e de 75 € por equipo, que serán ingresados na conta do Concello que se facilita, mais 25,00 € que serán entregados antes do comezo do primeiro partido a organización.

As inscricións realizaranse no modelo facilitado polo Concello de Arbo, recheando o formulario e enviando o enderezo electrónico da persoa responsable ou  a través da sede electrónica do Concello de Arbo.  

A Persoa responsable do torneo é a Concelleira de Deportes e Vicenta Rodríguez Cerdeira e o teléfono de contacto para máis información o 639829445.

O torneo xogase no pavillón municipal de deportes de Arbo, unha zona privilexiada preto da piscina municipal e contará con zona de acampada gratuita a 200 metros da instalación para os participantes no Torneo.

Moitas son as razón polas que merece a pena inscribirse a este torneo ademáis dos premios, coñecer e desfrutar dun fin de semana en Arbo desfrutando de Arbo e os seus encantos.

Baiona acolle a presentación Campaña de Turismo de Galicia 2023

0

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, exerceu de anfitrión onte pola tarde na presentación da campaña de Turismo de Galicia 2023 “Galicia Senta Ben”.

Vázquez Almuiña,  interveu en primeiro lugar no acto para dar a benvida á Vila ás persoas convidadas á presentación, a continuación falou Cesáreo González Pardal, presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia. Pechou a quenda de intervencións o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.

Turismo de Galicia elixiu ao Concello de Baiona para presentar esta nova campaña  a promoción do destino Galicia este ano. Baiona sitúase entre os destinos turísticos galegos por excelencia.

Tui celebra o CXXXII Aniversario dos Xogos Florais de Galicia

0

O Concello de Tui conmemorará esta semana o CXXXII aniversario da celebración na cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcaron un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua e que coloca á nosa cidade como lugar primixenio na recuperación do noso idioma e do seu uso público.

Esta conmemoración abrangue dúas actividades:

  • Este xoves, 22 de xuño, ás 20 h no edificio Francisco Sánchez celebrarase unha conferencia de Xesús Alonso Montero, da Real Academia Galega, titulada “Significado do discurso en lingua galega de Manuel Murguia o 24 de xuño de 1891, nos Xogos Florais de Tui”.
  • Este sábaado, 24 de xuño, ás 20 h na praza de Frómista, terá lugar un recital poético de Pepe Cáccamo co “Cántico dos topónimos esdrúxulos” acompañado da música de Madalena Gamalho e presentado pola escritora Marga do Val. O acto desenvolverase na Praza de Frómista, fronte ao Teatro Principal que acolleu a celebración destes Xogos Florais que agora lembramos.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes actos conmemorativos do CXXXI aniversario da celebración en Tui dos Xogos Florais de Galicia, “sitúan por uns días a nosa cidade como protagonista no ámbito da cultura de Galicia e evidencian unha vez máis, a singular achega de Tui á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo, salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público”. O rexedor tudense agradece a colaboración da Real Academia Galega así como da Deputación Provincial de Pontevedra na organización destas actividades.

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) é un dos ensaístas máis importantes da Galicia das últimas décadas. Presidente da Real Academia Galega (2013-2017), catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o seu labor como escritor, tradutor e conferenciante fai del un dos intelectuais máis recoñecidos e premiados da nosa hora.

O seu relatorio enlaza coa figura de Manuel Murguia, de quen se cumpre este ano o centenario do seu falecemento, e que foi un dos grandes impulsores do Rexurdimento e primeiro presidente da Real Academia Galega tras a súa fundación en 1906. O discurso que pronuncia nos Xogos Florais tudenses ten unha importancia capital para o desenvolvemento da nosa lingua e a nosa cultura.

A 15ª edición da Policía Local Agasp realiza prácticas no Porriño

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe no Porriño xunto co alcalde Alejandro Lorenzo aos 78 integrantes da 15ª promoción de Policía Local que se está a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). O alumnado está a coñecer de primeira man como traballan os axentes da patrulla de Policía Local do municipio.

Trátase dun primeiro contacto coa actividade ordinaria dos axentes deste corpo de seguridade, antes de que comecen as súas prácticas este verán nos seus concellos de orixe. De feito, este mesmo venres remata a primeira parte da formación teórica na Academia, durante a época estival realizarán a parte práctica e en setembro volverán ás aulas a rematar a parte teórica e graduarse antes de tomar posesión.

Santiago Villanueva reafirmou o compromiso de colaboración da Xunta cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local e puxo en valor que a AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade no que xa se formaron máis de 3.000 alumnos nas promocións de Policía Local e das distintas promocións de categorías de mandos.

Cada semana pasan tamén polas instalacións centos de forzas e corpos de seguridade e efectivos de servizos de emerxencias para actualizar os seus coñecementos nos cursos do plan de formación continua da Academia.

O rexedor, pola súa banda, deulles a benvida ao Porriño e animounos a aproveitar estes días que pasarán cos axentes da Policía Local para aprender deles e empezar a disfrutar dunha profesión que de seguro lles traerá moitas satisfaccións e boas experiencias. Lorenzo destacou tamén a responsabilidade e profesionalidade da Policía Local do Porriño.

Concentración de autocaravanistas na estrea da nova área de estacionamento de Goián

0

O Concello de Tomiño vén de dar un paso adiante no turismo de autocaravana. Decenas de autocaravanistas déronse cita esta fin de semana en Goián na estrea da área de aparcadoiro situada preto da Escola de Música, unha zona con 8 prazas sinalizadas e que conta con todos os servizos necesarios para acoller a este novo tipo de visitantes.

Membros da Asociación Galega de Autocaravanas probaron e testaron as novas instalacións nunha fin de semana de natureza, patrimonio e convivencia na que tamén celebraron o encontro anual da entidade. “Para nós é un orgullo brindar as e aos viaxeiros a oportunidade de explorar a nosa rica cultura, gastronomía e contorna natural dun xeito cómodo e respectuoso, ao tempo que se atrae a máis turistas e se beneficia a economía local”, salientou a alcaldesa, Sandra González.

Para a rexedora a posta en marcha desta área “facilitará a chegada de visitantes a Tomiño, xa que nos últimos anos o turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo, con cada vez máis persoas que percorren dun xeito diferente moitas zonas rurais e urbanas”.

O Concello de Tomiño investiu máis de 48.000 euros en acondicionar este aparcadoiro, que conta con servizo de baleirado de augas grises de cociña e augas negras (WC), así como de abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado de perímetro. A de Goián é a primeira área de autocaravanas coa que contará o municipio, xa que se traballa xa na posta en marcha doutro aparcadoiro situado no Seixo con 6 prazas e os mesmos servizos.

Para o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Manuel Fernández-Arruty, que o Concello incorpore estas dúas zonas para autocaravanas “parécenos fundamental, porque é un atractivo máis para Tomiño e para Galicia. Cada vez máis xente viaxa en autocaravana e organiza as súas rutas en función dos servizos que ten á súa disposición, polo que Tomiño xa pasará a formar parte dos plans de todas e todos os autocaravanistas”. Con case 20 anos de vida, esta asociación aglutina a 770 socios e socias e traballa nun proxecto lúdico e recreativo encamiñado a facilitar momentos de lecer, cultura e fraternidade entre autocaravanistas de toda Galicia, intercambiando experiencias, promovendo o desfrute da contorna natural e reivindicando melloras nos servizos para os usuarios e usuarias que gozan con esta forma de viaxar.

Remata o obradoiro de defensa persoal de Salvaterra

Hoxe finalizou unha das accións a prol da igualdade e dentro das iniciativas enmarcadas no Pacto de Estado contra a violencia de Xénero a través do Ministerio de Igualdade, que é o Obradoiro de “Defensa Persoal”.

Este Obradoiro impartiuse o 19 e o 20 de xuño na casa da cultura de Salvaterra de Miño.

Esta acción é unha continuación da liña de traballo que vén seguindo o Concello a través doutras campañas e accións de sensibilización e difusión para loitar contra a violencia de xénero, como o concurso de slogans e campañas de prevención que levan moitas edicións xa.

Salvaterra considera necesario facer fincapé na importancia de seguir traballando por unha sociedade máis xusta e igualitaria, “un reto no que debemos estar unidos, todas as administracións e a poboación en xeral, sendo entre outros este, o obxectivo final destas accións”.

O Concello de Nigrán colabora coa programación da festividade de San Xoán

0

O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa programación festiva de San Xoan en Panxón, os anos pasados organizándoa directamente ao non terse constituído comisión de festas e este a través do programa municipal ‘Música nas Parroquias’. Así, un ano máis o consistorio xestionou a actuación da banda de tambores e cornetas da Brilat o sábado 24 ás 19:00 horas. Por outra banda, achega a través do programa ‘Música nas Parroquias’ da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación 4.000 €.

Así, o venres desde as 22:00 horas terá lugar a actuación do Grupo América S.L. e Metrópolis; o sábado a mencionada banda da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (Brilat) e verbena nocturna a cargo de Conexión e La Banda de Ayer. Xa o domingo 25, último día, haberá concerto ao mediodía da Unión Musical de Vincios e pola noite de La Oca Band con gran tirada de fogos de artificio. Os postos de venda e as atraccións volverán tamén a Panxón despois da ausencia dos pasados anos.

A Agrupación Musical de Goián celebra os seus 25 anos de vida

0

Vinte e cinco anos de vida e música a esgalla. A Agrupación Musical de Goián celebra a vindeira semana o seu 25 aniversario cun emotivo concerto aberto a toda a veciñanza no que o público poderá gozar non só dunha xornada chea de música, senón tamén da propia historia da Agrupación.

O concerto será o vindeiro sábado 24 de xuño ás 20.00 horas na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, no que ademais de participar as e os actuais integrantes da agrupación acudirán antigos directores e músicos que pasaron pola banda ao longo deste cuarto de século de historia.

Baixo a batuta de Pedro Villarroel, a Agrupación Musical de Goián aproveitará este gran concerto para estrear o pasodobre ‘Raíces’, creado para o aniversario por Andrés Álvarez, compositor, trompetista e membro fundador.

Clases de ximnasia de mantemento e ximnasia na auga este verán en Covelo

0

O Concello de Covelo informa que está aberto o prazo para inscribirse nas clases de ximnasia de mantemento e ximnasia na auga que se desenvolverán no mes de xullo.

Os luns, mércores e venres de 9 a 14 horas a piscina municipal acollerá estes dous cursos nos que nos poderemos inscribir nas oficinas do Concello de 9 a 14 horas ou nos formularios que podemos atopar aquí.

Volven as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior

Imaxe de arquivo das visitas teatralizadas e caracterizadas

A Deputación de Pontevedra organiza entre os meses de xullo e decembro un total de 68 sesións das visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, que permitirán que máis de 2000 persoas (30 por quenda) descubran a fortaleza dun xeito diferente e desde a perspectiva da mitoloxía e as lendas da provincia de Pontevedra e de Galicia. As visitas están enmarcadas na liña temática de “Orixe Rías Baixas”, a campaña de promoción turística do destino Pontevedra Provincia que se está a desenvolver neste 2023 centrada no patrimonio cultural inmaterial. As visitas, agás as específicas para público adulto, están pensadas para público familiar a partir dos tres anos, estarán representadas por Troula Animación e teñen un prezo unitario de 8 euros (inclúe a visita ao castelo). As entradas poden adquirirse desde mañá mércores na web do Castelo.

A programación do verán comeza o 3 de xullo. Haberá en xullo e agosto dúas sesións os luns e venres ás 11:30 e ás 19:00 horas. Xirarán en torno a un castelo encantado onde os máis pequenos e pequenas deberán desfacer o feitizo de encantamento que sofre a fortaleza. Organízanse 34 sesións, cun total de 1020 prazas, onde as nenas e nenos poderán interactuar coas catro personaxes protagonistas: o trasno (o enfeitizador comediante), a meiga (que realiza apócemas secretas), a moura (habitante e feiticeira do Castelo) e o bardo (o poeta oficial da misión). As visitas serán os días 3, 7, 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31 de xullo e 4, 7, 11, 14, 18, 21, 25 e 28 de agosto.

No outono e inverno, terán lugar visitas teatralizadas temáticas por Samaín e polo Nadal. As visitas de Samaín están divididas en dous bloques: unha versión para persoas adultas que se realizará os venres e os sábados de todo o mes de outubro ás 20:00 horas (8 sesións os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 e 240 prazas), e unha versión para público infantil que se celebrará os sábados e os domingos de outubro en dúas quendas, ás 11:30 e ás 16:30 horas (cun total de 16 sesións os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro e 480 prazas). Por último, as visitas teatralizadas de Nadal pecharán a programación durante a ponte de decembro,  con 10 sesións que se celebrarán os días 6, 7, 8, 9 e 10 de decembro ás 11:30 e ás 16:30 horas coa participación de ata 300 persoas.

O balonmán solidario triunfa en Redondela

0

O Concello de Redondela mostra a súa satisfacción polo éxto do I Torneo de Veteranas de Redondela organizado pola equipa “Sarillas” da SAR en colaboración coa Concellería de Deportes. O evento, celebrado o pasado sábado 17 de xuño era de carácter solidario coa ontención de recadar fondos para a asociación Agaela.

Parciparon máis de 100 xogadoras de Sevilla, Asturias, Valladolid, Portugal e Galicia nunha xornada – de 9:00 h a 21:00 h – na que xogaron partidos de 30 minutos e na que a equipa vencedora foi Ferrolterra. O pavillón foi enchéndose de familiares das 100 xogadoras participantes e de afeccionados do balonmán que se achegaron a ver xogar ás veteranas e participar na causa solidaria. Conseguíronse recadar 1.228 euros a través da venda de rifas que se destinará integramente á Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica.

As Sarillas fan un balance moi positivo da experiencia que estivo chea de sorpresas. Durante os descansos dos partidos fíxose o sorteo das rifas repartindo case 50  agasallos doados polo comercio local. Os gañadores e gañadoras recibiron dende cestas de froita a material deportivo, cupóns para peiteados ou accesorios de xoiería. Ademais, o Concello ofreceu bolsas e camisetas serigrafiadas para a ocasión que entrearon a todas as xogadoras.

Tamén houbo momento para poñer en valor a tradición e ensinar parte da nosa cultura ás equipas de fóra de Galicia. O grupo de baile e gaitas Airiños de San Simón amenizou o evento percorrendo a pista da Bomboneira e ofrecendo música no exterior do pavillón durante o intermedio. A Coca Simona estivo presente como mascota oficial do torneo e tanto as xogadoras como o público pedíronlle fotografías para enmarcar o recordo.

As integrantes da equipa Sarillas dan as gracias ao comercio local, ao corpo técnico e a directiva da SAR Rodavigo, á Federación e o Concello de Redondela por facer posible o torneo e “axudar dende o primeiro momento”. Tralo éxito de participación esperan poder volver a celebralo o ano que vén.

A alcaldesa Digna Rivas, presente no torneo xunto co Concelleiro de Deportes, quixo tamén agradecer “a estas mulleres bravas e fortes que levan máis dunha década adestrando xuntas e que conseguiron relevancia internacional suficiente como para chegar a facer un torneo desta maginitude. Todo un logro que queremos recoñecer. Este tipo de relacións entre o municipio e o resto de españa supoñen un beneficio en moitos sentidos para Redondela”.

Clasificación

  1. Ferrolterra
  2. Siero
  3. Valladolid
  4. Sevilla
  5. Sarillas
  6. Baltar

A Guarda celebra a diversidade e o Orgullo por cuarto ano consecutivo

0

As actividades de “A Guarda Diversa 2023” terán lugar na xornada do mércores día 28 en horario de 19:00 h a 21:00 horas, na Casa dos Alonso, con dúas sesións en paralelo.

Por unha banda no Salón de Plenos terá lugar un faladoiro a cargo de Cristina Palacios, traballadora social e xerente da Asociación Arelas; Miguel Vieito, asesor legal da Asociación Arelas e Brais Papiri, responsable da Sección Xuvenil da Asociación Arelas, crianzas e mocidade trans de Galicia. Esta actividade estará acompañada da actuación musical da artista “A Riso”. Neste faladoiro profundizarase naqueles aspectos nos que a Lei ten limitacións e os retos de futuro que se presentan. O Faladoiro tamén se vai a retransmitir por streaming a través da canle oficial de Youtube do Concello da Guarda https://www.youtube.com/@concellodaguarda.

Por outra parte, na Sala de Audiovisuais da Casa dos Alonso, terá lugar o contacontos e obradoiro dirixido a crianzas de 4 a 8 anos “Transformando Realidades”, a cargo de Sara Uris, mestra en Educación Infantil especializada en igualdade e diversidade. Realizarase de forma simultánea co faladoiro como medida de conciliación.

Para asistir ás actividades non é necesaria inscrición previa e a entrada é de balde, ata completar aforo. Rógase a asistencia 10 minutos antes do inicio de cada acto.

Máis información no CIM da Guarda, no teléfono 986 61 4648, na web municipal www.aguarda.es ou no correo electrónico [email protected].

STREAMING: https://youtube.com/live/rJy1_O1LDTI?feature=share.

Volve o VII Raid do Condado Marqués de Vizhoja

Esta fin de semana, 23,24 e 25 de xuño, a liga Española de Raids de Aventura dispútase
nas Neves, Salvaterra, Crecente e Arbo, con máis de 40 equipos rexistrados no VII Raid do Condado Marqúes de Vizhoja.

Un ano máis vólvese a organizar o Raid de Aventura no Sur do Condado despois de cambiar
de sede na anterior edición.

O luns 19 de xuño tivo lugar, en Adegas Marqués de Vizhoja, a presentación do VII Raid do Condado Marqués de Vizhoja para dar a coñecer algúns detalles do mesmo. Un Raid de Aventura é unha competición multidisciplinar destinada a probar a capacidade de resistencia, de navegación e de supervivencia de equipos en completa autonomía. Os participantes deben completar un extenso percorrido de orientación, no menor tempo posible, superando as dificultades naturais que atopen ao seu paso, utilizando exclusivamente as súas propias forzas, sen recibir axuda externa, nin valerse de medios motorizados.

Neste caso o Raid está dividido en dúas etapas que terán lugar o sábado 24 e o domingo 25 de xuño.

O punto de partida terá lugar este mesmo venres, 23 de xuño, coa recepción dos primeiros equipos e a entrega de dorsais para os mesmos. A entrega de dorsais realizarase nas Neves tanto o venres como o sábado. O venres éstes poderanse recoller de 20:30 a 22:30 horas e o sábado de 07:45 a 08:45 horas antes de dar comezo a proba.

Para o domingo trasladarase a entrega de dorsais A Crecente, que será desde onde se empeza a segunda e última etapa; entre as 07:30 ata as 08:00 horas.

Os participantes están divididos nas seguintes categorías:

  1. Élite, Aventura Masculino e Mixta; para eles o Raid consta de dúas etapas con 12
    seccións e unha distancia total de 165 km, repartidas nas disciplinas de BTT, KAIAK E
    TREKKING.
  2. Aventura Feminino, Junior e Orienta Raid; esta categoría tamén conta con dúas etapas
    e 12 secciones pero unha distancia de 131,30 km nos que terán as mesmas disciplinas,
    BTT, KAIAK, TREKKING.
  3. Orienta Raid Curto: Esta categoría conta cunha soa etapa o Domingo; dividido en 5
    seccións, repartidas nas disciplinas BTT e TREKKING.

Unha vez finalizadas estas dúas etapas, terá lugar o acto de clausura coa entrega de premios e degustación de produtos tales como: Rosquillas Regino, Cafés do Noso, Viños
de Adegas Marqués de Vizhoja, Requeixo de Arbo, Empanadas de Crecente, no Pazo a
Moreira das nosas patrocinador Adegas Marqués de Vizhoja.

As inscricións están abertas na plataforma https://tracktherace.com/.

Para a presentación contouse coa presenza de autoridades como representantes do Concello das Neves. Estiveron presentes o seu alcalde, Jose Manuel Alfonso; e a concelleira de Deportes, Ana Durán; en representación do Concello de Arbo o seu alcalde, Horacio Gil Exposito; como representante do Concello de Salvaterra o seu concelleiro de deportes, Edgar Philipon; e como representante do concello de Crecente o seu alcalde, Julio César; ademais contouse coa presenza de Jorge Pelaez, propietario de Adegas Marqués de Vizhoja e con respresentantes do Club Cornelios, o seu presidente, Diego Fernández; e o xefe de Seguridade do Raid, Isaac Rodríguez.

Constituída a nova Corporación do Concello de Covelo

0

O Concello de Covelo celebrou o pleno de investidura no que foi proclamado alcalde Pablo Castillo Amigo. Castillo tomou posesión do seu cargo cun emotivo discurso no que tivo palabras de agradecemento para as persoas e concelleiros que apoiaron o seu traballo nestes catro anos. Castillo quixo salientar ao exconcelleiro Jose M. Vázquez por acompañalo ao longo de todo este tempo. 

Pablo Castillo, que goberna dende o ano 2014, tendeu á man a todos os grupos de goberno para mellorar a vida da veciñanza e prometeu atender as necesidades das catorce parroquias e dos seus veciños e veciñas.

Rodrigo Buján recibiu o premio do IV Concurso de microrrelatos da Red de Juderías de España

0

O alumno de 2º da ESO do Colexio Santa María – Maristas de Tui, Rodrigo Buján Fernández, foi seleccionado como un dos gañadores do IV Concurso de microrrelatos convocado pola Red de Juderías de España entre os alumnos de 1º e 2º de educación secundaria de toda España.

Esta mañá tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui un sinxelo acto de entrega do diploma que o acredita como gañador deste certame e dun agasallo enviado pola Red de Juderías. O alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, acompañado das concelleiras Sonsoles Vicente e Ana Núñez, foi o encargado da entrega deste galardón a Rodrígo Buján Fernández, que estivo acompañado polo director do Colexio Santa María – Maristas e os seus familiares.

Esta cuarta edición do concurso de microrrelatos ‘Benjamín de Sefarad’, enmarcada no proxecto educativo homónimo da Red de Juderías de España, estaba dirixido a escolares españois co obxectivo de promover entre eles o coñecemento do legado xudeu do noso país.

Neste caso, Rodrigo Buján recibiu unha mención especial que lle da dereito a que o seu relato apareza na publicación realizada pola Red de Juderías de España na que se seleccionaron os 30 mellores relatos presentados a este certame. A temática dos microrrelatos desta edición foi a música, contando para a valoración dos traballos presentados cun xurado de excepción, presidido polo músico, actor e escritor Jimmy Barnatán; a terapeuta e preparadora xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid Coty Aserín; o xornalista e autor de varios Diarios de Viaxe da Red Carmelo Jordá; e a intérprete, investigadora e directora do Centro Internacional de Música Medieval Mara Aranda.

O rexedor de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou ao alumno polo bo traballo e o esforzo realizados para obter este recoñecemento e agradeceu ao Colexio Santa María – Maristas o compromiso con este concurso literario, concienciando na importancia da defensa deste patrimonio material e inmaterial e na súa achega á nosa cultura. Este centro educativo recibiu tamén unha placa que o recoñece como ‘Colexio Asociado á Red de Juderías de España’.

A Guarda desvela o programa de actividades para a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

0

Despois de anunciar a próxima celebración da XXXI edición da “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” para o fin de semana do 30 xuño ao 2 de xullo, o Concello da Guarda acaba de desvelar o programa actividades que ten preparado, con entretemento para todos, maiores e pequenos, que se irá desenrolando ao largo dos tres días nos que ten lugar esta festa.

O pistoletazo de saída terá lugar o venres día 30, ás 20:30h, na praza do Reló da Guarda co tradicional pregón, este ano a cargo do humorista David Perdomo, a entrega da distinción “Langosta de Honra” ao premiado desta edición e a benvida do alcalde, Roberto Carrero, a todos os asistentes.

Dende aí, o eixo da festa desprazarase ao porto da vila, tendo lugar as diferentes actuacións no entorno da carpa na que estarán instalados os postos dos restaurantes participantes, envolto todo elo nun ambiente mariñeiro, tradicional e, sobre todo, festivo. De maneira resumida, as actuacións máis destacables son as seguintes:

Sábado 1 de xullo

Ás 20:00 h, Lila Star. Un espectáculo familiar cheo de circo, música e humor.

Ás 23:00 h, Os D ́Abaixo. Concerto deste destacado conxunto de folk galego.

Domingo 2 de xullo

Ás 20:00 h, De Vacas. Concerto deste innovador grupo cun homenaxe ás mulleres do pop.

Así mesmo, dentro do programa inclúense tamén pasarrúas durante os días da festa, inchables de auga para nenos no areal da Ribeira durante o sábado e o domingo de 16:30 a 19:30h, unha feira de artesanía con postos de diferentes especialidades e saídas do volanteiro “Piueiro” para todos aqueles que queiran descubrir a navegación nunha embarcación mariñeira tradicional do pobo de A Guarda.

Por último, destacar que con motivo da Festa da Langosta, o programa da TVG “Aquí Galicia” realizarase dende A Guarda, con diferentes entrevistas de xente da vila e actuacións de asociacións locais.

Con este intenso programa, aqueles que se acheguen a A Guarda a degustar os diferentes pratos e menús ofrecidos nesta festa gastronómica terán á súa disposición unha amplísima oferta cultural e de lecer que paga a pena non perderse.

Tarde de emocións e talento na graduación do alumnado do IES Antón Alonso Ríos

0

Tarde de música, risas e algunha que outra bágoa na graduación dos 75 alumnos de Bacharelato e dos ciclos medios de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e de Instalacións de Telecomunicacións do IES Antón Alonso Ríos, que o pasado venres despediron esta etapa educativa vestidos de etiqueta e ante un Espazo Fortaleza de Goián ateigado de público.

Ante centos de persoas entre familiares, amigos, profesorado e autoridades, rapazas e rapaces amosaron o seu talento, emotividade e simpatía nun acto de gran tradición, alegría e beleza. Foron unhas horas cheas de emocións para as que todo o alumnado preparou nos últimos días actuacións, decorados e discursos cos que poñer o broche de ouro ao seu paso polo centro.   

A alcaldesa, Sandra González, quixo dar os parabéns a todos os mozos “non só por acadar este importante logro educativo, senón por ser capaces de encher este espazo máxico ao aire libre. Porque non hai auditorio pechado que poida acoller a tanta xente como a que está aquí acompañándovos a todos e todas no peche dunha etapa”. “O noso municipio está cheo de rapaces e rapazas prometedores que de seguro construirán un futuro brillante”, resaltou a rexedora durante o acto que comezou coa intervención da directora do centro, Cruz Garrido, e que tamén contou coa presenza da concelleira Cristina Martínez.

Na gala tamén se quixo poñer en valor o traballo realizado nos últimos cursos pola directiva da ANPA Solleiro, renovada neste curso. Unha tarde na que o alumnado dirixiu un programa cargado de actuacións musicais e de danza, discursos de profesorado e alumnado, entregas de premios, diplomas e bandas de graduación coas que deleitaron a todo o público.

Os nenos do Porriño dan o pistoletazo de saída a Porrigalia 2023

O pavillón municipal acolleu hoxe a segunda edición de “Pre-Porrigalia”, un evento co que preto de 200 nenos de sete centros educativos do Porriño iniciaron a conta atrás para Porrigalia 2023, que este ano se celebrará os días 7, 8 e 9 de xullo.

Os pequenos e pequenas disfrutaron do espectáculo de animación A BAILAR, da compañía Animar-T, unha festa interactiva con cancións en directo, xogos, divertidos bailes, un monicreque xigante, maxia, grandes bonecos, explosións de confeti, batalla de globos xigantes e moitas máis actividades que fixeron as delicias dos cativos.

Desta maneira, deron o disparo de saída á troula das civilizacións que este ano anegará de novo o Porriño. O fixeron acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Educación e Cultura, Carolina González e Bienvenido Estévez, e os seus mestres. O rexedor convidou aos nenos e nenas a “disfrazarvos todos este ano e disfrutar a tope dunha festa da que sodes moi protagonistas e que está pensada por e para vós”.

A Deputación presenta os Rías Baixas Fest

O Pazo provincial da Deputación acolleu un ano máis a presentación dos Rías Baixas Fest, a marca que aglutina as sete grandes citas da provincia, que acumulan centos de miles de participantes e onde se reúnen os grandes nomes do panorama estatal e internacional da música, o deporte ou a gastronomía: Vive Nigrán, PortAmérica, Atlantic Fest, SinSal, SonRías Baixas, O Marisquiño e Revenidas. A deputada de Turismo en funcións, Ana Laura Iglesias, e representantes tanto das promotoras dos festivais como dos concellos onde se celebran estes eventos (Nigrán, Caldas, Portas, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Bueu e Vigo), aos que se sumou a presidenta da Deputación en funcións, Carmela Silva, deron as claves da edición deste ano, que se espallará entre o 30 de xuño e o 10 de setembro. A presentación contou coa actuación da cantante Zeltia, que abriu e pechou o acto coas cancións “Voltarei” e “Agardando amencer”.

Ana Laura Iglesias lembrou que Rías Baixas Fest é “unha marca que aglutina os sete festivais máis importantes da provincia, coa que nos posicionamos no panorama estatal como un territorio onde se dan as citas imprescindibles da música, a gastronomía, o deporte urbano, a sostibilidade e a igualdade”. A deputada en funcións sinalou que a marca é “un éxito de todas e todos, administracións e sector, consolidada e coñecida a nivel internacional”, ademais de seren “unha referencia en festivais sostibles”. Recordou que esta foi “unha idea do sector que recollemos e grazas á cal conseguimos cousas moi relevantes” co obxectivo de “promover os valores culturais, paisaxísticos, turísticos e gastronómicos da nosa provincia” e “converternos nun referente, algo que non sería posible sen tanto esforzo, dedicación, sacrificio e sobre todo paixón por parte dos festivais, que loitades ano tras ano para traer os mellores talentos do panorama internacional e por encher a provincia de felicidade”. En definitiva, asegurou Iglesias, “os Rías Baixas Fest son o orgullo da provincia e para a Deputación é un pracer poder formar parte deles”.

Durante o acto tamén interviu Xoán Quintáns (de Revenidas) como altofalante das promotoras dos festivais, que sinalou a “tremenda evolución que vivimos os Rías Baixas Fest desde que entramos nesta marca provincial en valores como a igualdade ou a sostibilidade, nos que traballamos conxuntamente”. Nestes aspectos, Quintáns sinalou no ámbito da igualdade “como pasamos de carteis 100% masculinos en 2016 a moitos carteis paritarios”, na sostibilidade “a xestión de residuos e a aposta por produtos de quilómetro cero como valor engadido, como na sardiñada de Vilaxoán ou coa presenza de viños con denominación de orixe da provincia nas barras”, e tamén puxo en valor a evolución tecnolóxica “pasando de tíquets a pulseiras cashless ou o control tecnolóxico de capacidade”. Todos eles exemplos de como “os avances da sociedade son tremendos e os festivais non somos alleos a eles”. Ademais, Quintáns agradeceu a Deputación “polo traballo feito, xa que sabemos que somos un colectivo que pide moito, pero que tamén agradece que se nos esixa”.

Música, gastronomía, cultura urbana e paisaxe: os catro alicerces dos Rías Baixas Fest

Nos Rías Baixas Fest danse a man a música, a gastronomía, a cultura urbana e tamén a paisaxe. A gastronomía é un dos puntos fortes dos Rías Baixas Fest, como escaparate dos produtores e produtoras, dos produtos e da cociña da provincia, e tamén porque se converten nun punto de encontro para a gastronomía nacional e internacional. Como exemplos, o showcooking de PortAmérica, a tradicional Sardiñada de Revenidas ou a nova Zona Gastro que vai poñer en marcha O Marisquiño. En canto á cultura urbana, salienta tamén O Marisquiño, que levará a exhibición de deportes como skate, BMX Freestyle, dirt jump ou basket 3×3, entre outros, a diversos espazos da cidade olívica. E como punto común, a posta en valor do territorio: as contornas costeiras e vilas mariñeiras de Nigrán, Vigo, Vilagarcía, Vilaxoán e a Illa de San Simón, un importante elemento do patrimonio industrial e do Camiño de Santiago como é a Azucreira de Portas no PortAmérica ou o casco vello de Vigo.

Os Rías Baixas Fest arrancarán con Vive Nigrán, que volverá a Praia América entre os días 30 de xuño e  1 de xullo. O seguintes mes, en xullo, terán lugares outros tres festivais: o PortAmérica, na Azucreira de Portas do 13 ao 15 de xullo, o Atlantic Fest, que desembarca na contorna da praia da Concha (Vilagarcía de Arousa) do 20 ao 23 de xullo, e mais o SinSal Son Estrella Galicia, na Illa de San Simón (Redondela) entre os días 21 e 23 de xullo. En agosto, o SonRías Baixas celebrará o seu 20º aniversario en Bueu entre os días 3 e 5 de agosto e O Marisquiño volve á cidade de Vigo do 10 ao 13 de agosto. Finalmente, case ao remato do verán pecha o calendario dos Rías Baixas Fest 2023 o Revenidas, onde as sardiñas serán protagonistas do 7 ao 10 de setembro en Vilaxoán (Vilagarcía).

Novos cortes de tráfico desde o mércores polas obras da autovía Tui-A Guarda

0

O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico a partir deste mércores.

Estes cortes, que comezarán ás 10 horas e rematarán previsiblemente en setembro, realizaranse nos ramais de entrada e saída do enlace do punto quilométrico 30 en sentido Vigo da autovía A-55. Para garantir a circulación do tráfico habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.

O peche da circulación é necesario para construír o novo ramal directo de conexión coa estrada N-551, así como o ramal de entrada sentido Vigo.

As obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, no que a Xunta inviste 30 M€, acadan un grao de execución do 79 %.

Máis en concreto, os traballos de movemento de terras acadan o 85 % de execución total; os recheos, o 88 %; os firmes, o 55 %; e as drenaxes, o 56 %. Tamén se atopan avanzadas as estruturas, xa que a execución dos pasos superiores rolda o 95 %; a dos inferiores xa acadou o 100 %; e a dos muros achégase ao 75 %.

Mañá abre a inscrición para os obradoiros de verán do Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra abre mañá martes 20 de xuño ás 8 da mañá o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2023 cun programa de actividades con propostas para nenas e nenos desde os 6 aos 15 anos. Do 4 de xullo ao 25 de agosto, cada semana un grupo de 15 rapazas e rapaces participarán nunha das dúas quendas coas que contan os catro obradoiros que se ofrecen: ‘Ao son de Úbeda’, ‘Liñas, luces e sombras’, ‘Creando un pequeno museo portátil’ e ‘Arqueoloxía expermiental’.

A inscrición debe facerse a través da dirección de correo electrónico [email protected]. En cada correo só poderá inscribirse unha ou un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. No caso de que o obradoiro desexado xa estivese cuberto ou quedasen prazas vacantes noutros, poderase indicar na solicitude cales son as alternativas, poñéndoas por orde de preferencia. Todos os obradoiros son de balde, contan con 15 prazas e se desenvolverán entre as 11:00 e as 13:00 horas.

No mes de xullo a programación comezará co obradoiro ‘Ao son de Úbeda’, impartido por  Pilar Delmas e Sofía F. de Ana. Trátase dun taller de pintura-collage con materiais reciclados no que, a partir da obra de Rafael Úbeda, as persoas participantes crearán unha libreta de arte personalizada. A primeira quenda do obradoiro será do 4 ao 7 de xullo, dirixida a nenas e nenos de 7 a 9 anos; a segunda quenda será do 12 ao 14 de xulllo, con participantes de 10 a 12 anos de idade.

O segundo obradoiro de xullo leva por nome ‘Liñas, luces e sombras’, a cargo de Carmen Pintos. É un taller de ilustración no que a rapazada participante tomará a obra de Castelao e Maruja Mallo como punto de partida para coñecer os recursos e as ferramentas para afrontar un proxecto de ilustración, desde o concepto ata a obra acabada. A primeira quenda será do 18 ao 21 de xullo e a segunda do 26 ao 28 de xullo, e ambas están dirixidas a público de 10 a 15 anos.

Na primeira quincena de agosto celebrarase o obradoiro ‘Creando un pequeno museo portátil’, impartido pola ilustradora e ceramista Lili Algo. A partir de retratos da arte galega e española do século XIX presentes no Museo, as e os participantes crearán personaxes, elaborarán camafeos tridimensionais e contribuirán á creación dun museo portátil. A primeira quenda é do 1 ao 4 de agosto, para nenas e nenos de 8 a 12 anos; na segunda, do 8 ao 11 de agosto, as idades ás que se dirixe son dos 6 aos 10 anos.

O último dos obradoiros é o ‘Arqueoloxía experimental’, a cargo de AAEX – Área de Arqueoloxía Experimental. As nenas e nenos participantes percorrerán a Idade do Bronce coñecendo como eran os materiais da época, a vida doméstica e os espazos funerarios, ademais de descubrir como se estudan e musealizan as pezas arqueolóxicas. Na primeira quenda, do 16 ao 18 anos, as e os participantes teñen que ter entre 8 e 12 anos, e na segunda, do 22 ao 25 de agosto, entre 6 e 10 anos.

Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas con maioría simple

A popular Nava Castro vén de obter o bastón de mando do Concello de Ponteareas e convertirse na alcaldesa da vila.

A candidatura popular obteu un total de oito votos, sendo respaldada por Independientes de Ponteareas, pasando a formar parte do equipo de gobierno o seu representante Domingo Freitas. “Estamos moi agradecidos polo apoio de IP e cremos que vamos formar un gran equipo co obxetivo claro de  traballar polo ben dos veciños de Ponteareas”.

Por outra banda, PSOE e Ponteareas en Común retiraron a súa candidatura para proceder a apoiar a do Bloque Nacionalista Galego.

“Como alcaldesa dou a miña palabra de investir todos os esforzos posibles para chegar a entendementos con todos e cada un dos grupos políticos desta cámara. Comprométome a ser a alcaldesa que quixera para min como veciña e a tender pontes con todos os proxectos e as ideas que beneficien a esta vila, procedan de onde procedan. Se é bo para a veciñanza, será bo para este Concello e polo tanto, será tida en conta, non o dubidedes” aseverou a recente alcaldesa.

Comezan as obras de mellora do sistema de abastecemento de Arbo

0

Dan comezo as obras da mellora do sistema de abastecemento municipal de Arbo, cun investimento de máis de 2,3 millón de euros. Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia e o Concello de Arbo, donde a   Xunta apoiará ao concello no desenvolvemento das súas competencias coa achega do 80 % do orzamento, ademais de contratar e executar as obras. Pola súa banda, o Concello participará co 20 % restante e asumirá a recepción e mantemento e explotación destes servizos municipais.

As actuacións, que foron adxudicadas pola Xunta de Galicia á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A., contarán cun prazo de execución de 8 meses.

O concello de Arbo dispón, actualmente, dun sistema de abastecemento baseado na captación de auga nos ríos Cea e Deva, mediante a impulsión aos depósitos do Couto. Estas instalacións son moi antigas, polo que sofren importantes perdas e a subministración non está garantido, sobre todo en época estival.

A intervención busca solucionar as deficiencias detectadas, tras finalizar en xullo do 2021 a primeira fase das obras realizadas por Augas de Galicia, de impermeabilización dos depósitos e instalación de equipos para o control do caudal e cloro libre.

As obras comprenden unha nova estación de tratamento de auga potable no Couto, a renovación das estacións de bombeo principais e a execución doutro bombeo coas súas correspondentes impulsións, 4 km de tubaxe en total, xunto coa rehabilitación de dous depósitos.

Inaugurada na Guarda a exposición de pinturas “Remando ao vento”

0

O pasado venres día 16 de xuño realizouse a inauguración, na Casa dos Alonso da Guarda, da Exposición “Remando ao vento. A figura como paisaxe e emoción”.

Esta mostra incorpora a obra pictórica de Carmen G. Sobrino, doutora en Belas Artes e profesora da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) xa retirada e sobre todo veciña da Guarda. A artista quixo amosar un extracto da súa obra aos seus veciños e por iso propón esta exposición na que se quere centrar no mundo das emocións. Así entende ela o arte como a plasmación das sensacións que lle produce a interacción coa xente, coa contorna, coa vida en definitiva.

Cunha vinculación moi grande cara a vila da Guarda, Carmen G. Sobrino que fixo a súa vida fora desta vila, quixo volver para establecer aquí a súa residencia tralo seu retiro profesional. Unha vinculación que está moi unida á arte pois garda un gran recordo dos veráns da súa infancia, cando se afeccionou á pintura da man da súa avoa e dos seus primos. Segundo nos relata, sempre houbo unha forte presencia da arte na súa familia, presencia que se fixo nela cada vez mais grande ata o punto de decantarse polos estudos de Belas Artes e montar a súa carreira profesional.

Carmen G. Sobrino convida aos seus paisanos a achegarse entre o 17 ao 28 de xuño, ou o mesmo 16 de xuño, no horario da inauguración, a coñecer a súa obra acudindo cunha predisposición a deixarse levar, acudir sen idea previa preconcibida pero predisposta á emoción, ás sensacións e por enriba de todo a partillar estas sensacións con ela, que estará presente na sala, querendo facer desta proposta unha “performance” participativa.

A mostra poderá visitarse a partir ata o 28 de xuño, no seguinte horario:

  • De luns a venres de 10:00 a 13:30 horas, sendo atendido polas tardes só os xoves, venres e sábados, entre as 19:00 e 20:30 horas.

Juan González asume o seu terceiro mandato como alcalde de Nigrán

0

“Asumimos este terceiro mandato coa mesma ilusión, ganas e forza que os dous anteriores pero coa diferencia de que agora sumamos máis experiencia”, con estas palabras o socialista Juan González asumíu este sábado, no Salón de Plenos, o que será xa o seu terceiro mandato consecutivo en Nigrán. O rexedor, cunha maioría absoluta de 11 concelleiros fronte a 5 do PP e 1 do BNG, afronta o seu segundo goberno con ampla maoría absoluta (entrou na alcaldía no 2015 en minoría).

O rexedor foi investido de mans dos seus concelleiros Alfonso Vázquez e Sara Penedo, avó e neta respectivamente e que actuaron como presidente e vogal aos ser os concelleiros de maior e menor idade de toda a corporación. A elección se produxo tras postularse tamén o PP á alcaldía e obter os votos dos seus cinco ediles.

“Aos concelleiros que repiten e aos que non están temos que dicirlles que deben estar orgullosos do que fixemos porque conquerimos unha vez máis unha maioría aplastante e non é fácil contentar á maioría das persoas dun municipio, e o fixemos xa dúas veces. Ogallá sexamos capaces de repetilo unha cuarta vez”, sinalou ao temo que agradecía moi especialmente o labor do persoal municipal neste tempo e dos concelleiros que non repiten neste mandato e que estaban presentes entre o público. Asimesmo, González ofreceu a súa colaboración á oposición do PP liderada por María José Pino e do BNG por parte de Xavier Rodríguez, quen xa fora concelleiro en dous mandatos. “Ogallá que aportedes cousas boas para Nigrán porque é o que están agardando os veciños e veciñas, nos intentaremos mellorar e esperamos non defraudar a ninguén e que sigamos cos pes no chan, as portas abertas e mirándonos aos ollos”, finalizou”.

Mos xa ten constituída a súa nova Corporación Municipal

0

Esta fin de semana celebrouse a sesión constitutiva do Pleno do Concello de Mos, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de Mos co seguinte orde do día: formación da mesa de idade, conformada polo concelleiro de maior idade, Camilo Grandal Pérez, e a de menor idade, Sara Samartín Rodríguez; toma de posesión dos concelleiros electos e declaración de constitución da nova Corporación; elección de Nidia Arévalo como nova alcaldesa, xuramento da Alcaldesa electa e toma de posesión, e exame do arqueo e documentación xustificativa, e do inventario de bens do Concello.

Polo tanto, a nova Corporación Municipal mosense quedou formada polos seguintes integrantes: Nidia María Arévalo Gómez (PP), Camilo Grandal Pérez (PP), María Felisa Rodríguez Carrera (PP), Leopoldo Costas Alonso (PP), Sara María Cebreiro Alonso (PP), Julia Loureiro Campo (PP), José Ramilo Hermida (PP), Evaristo Ucha Rodríguez (PP), Baldomero Lorenzo García (PP), Laura Méndez Senlle (PP), María Victoria Alonso Méndez (PSOE), Delfina Rodríguez Lorenzo (PSOE), Alejandro Figueroa Expósito (PSOE), Beatriz Vázquez Posada (PSOE), Gustavo Barcia Seijo (BNG), Sara Samartín Rodríguez (BNG), Alberto Barreiro Ricón (BNG).

No seu discurso a alcaldesa reelecta, Nidia Arévalo, que leva xa 15 anos de xestión á fronte da Alcaldía de Mos, agradeceu o labor de tódolos membros da anterior Corporación Municipal e do seu equipo de goberno, así como o apoio ós veciños e veciñas mosenses que depositaron a súa confianza nela o pasado 28 de maio.

“Dedícolles aos meus incondicionais compañeiros de goberno unha gracias moi especiais pola súa capacidade de traballo, espíritu de sacrificio e total entrega; sen os cales isto non houbera sido posible. A todos eles e ás súas familias mil grazas pola comprensión e pola paciencia, por entender e facilitar o noso traballo. Por aceptar cederlle á vida municipal boa parte do tempo dos seus familiares máis queridos. Grazas aos que non continúan, José Areal. Gonzalo Alonso. Alberto Méndez. E Camilo Augusto: meu fiel compañeiro, amigo, irmán… Percorremos un longo camiño xuntos e espéranos un futuro político que seguiremos a facer da man. Grazas por tanto, gracias por todo Camilo. E tamén aos concelleiros saíntes dos grupos da oposición: PSOE, BNG e GañaMos”, destacou a rexedora local mosense, quen tamén declarou que “cando falo de agradecementos é imprescindible que fale da Xunta de Galicia, do presidente Alberto Núñez Feijóo, do presidente Alfonso Rueda, de todos os conselleiros e conselleiras e de toda a implicación autonómica que durante esta lexislatura tiveron con Mos”, continuou Nidia Arévalo.

Ademais, apuntou Arévalo, que a pasada foi “unha lexislatura complicada que pasará á historia por estar marcada por unha pandemia mundial”. Polo que agradeceu o traballo de aqueles que aportaron o seu grao de area para superala, tanto veciñanza, como traballadores e voluntarios, empresas, persoal sanitario…

Arévalo definiu ao novo goberno local entrante como “o mellor equipo de candidatura, que me axudou a revalidar a Alcaldía cunha 4ª maioría absoluta. Un equipo de 9 concelleiros e concelleiras que me acompañarán na xestión municipal durante os vindeiros 4 anos e aos que lles quero dar a noraboa polos resultados electorais obtidos nas súas respectivas parroquias e polo apaixoante e comprometido labor de servir ao seu pobo”. Por último, Arévalo adiantou os eixos da súa xestión prevista para a vindeira lexislatura, que estará baseada en “seguir construíndo e mellorando o Mos que queremos con máis vivenda pública e o macro proxecto sociosanitario pioneiro en España do Rebullón. Na que continuar a transformación de Mos. Na que seguir levando a Mos ao máis alto. Na que seguir poñendo a Mos no mapa. Na que manter o cambio de lugar de paso a territorio de oportunidades co crecemento do Mos industrial en preto de 700.000 metros cadrados cos novos polígonos de Cebral e Arrufana. Coa continuación do Mos Humanizado, o Mos amable: Novo Puxeiros. Humanización Porteliña-As Pozas. Senda Porselo Brea dende o IES a ASODIFISI. Humanización Segundo Pampillón. Estrada Pereiras-Tameiga. Humanización do Camiño de San Cosme en Cela. Nova Fase do Paseo do Louro. Ampliación do Parque da Auga da Pesqueira. E co Mos do Fermosismo: Mellora da Contorna da Igrexa de Pereiras. HURBE San Rafael. Contorna da Igrexa de Sanguiñeda. San Martín de Tameiga en Costoias. Contorna da ACS de Herville. E Humanización da contorna da Capela de San Eleuterio”.

Seis novas accións formativas, esta semana, a cargo de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta na semana do 19 ao 23 de xuño seis novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático e presencial. Os obradoiros serán sobre o uso do antivirus e as actualizacións do software, fabricación dixital, packaging, deseño gráfico, a viabilidade dun proxecto emprendedor e finanzas.

As accións formativas inícianse o luns 19, ás 10:00 h, con “Ciberseguridade, Antivirus e actualización do software”. A finalidade deste taller telemático é promover as actualizacións do software para previr as vulnerabilidades e o uso dos antivirus. Será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

O martes 20 terán lugar dúas actividades formativas. A primeira ás 11:00 h co título “Fabricación dixital. Laminador resina preparación de impresiones”, a cargo de Manuel Freire. O obradoiro enmárcase no itinerario formativo que abrangue unha primeira parte teórica online e unha segunda parte presencial con prácticas no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. As persoas asistentes formaranse no manexo de debuxo 3D con Onshape (16 h), impresoras 3D de filamento (8 h), impresoras 3D de resina e escáner 3D (2 h). Xa pola tarde, ás 17.00 h, impartirase telematicamente  “Packaging, todo o que necesitas saber para o teu e-commerce” que aportará os coñecementos que se precisan para realizar o packaging, dende a forma de envío, ata a sostenibilidade, ou os elementos experienciais. O taller será dirixido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relaciones Públicas pola Universidade de Vigo con experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e imaxe corporativa.

O mércores 21, ás 17.00 h, terá lugar unha acción formativa telemática centrada na “Xerarquía no deseño: a orde da información”. Nela, daranse a coñecer métodos para xerar máis atención visual e analizaranse os deseños para poder aplicalos a un propio. Lara Taboada, titulada Superior en Ensinanzas Artísticas de Deseño Gráfico, con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa, será a encargada de impartir a actividade.

O xoves 22 haberá un obradoiro de mañá e outro de tarde, ambos telemáticos. Ás 12:00 h dará comezo “Proxecto emprendedor. Análise de viabilidade” no que Ramón Santorio, presidente del SECOT en Vigo e graduado en Enxeñaría Industrial, analizará as fases do proxecto, as características das persoas emprendedoras, ou os erros habituais coa finalidade de mellorar o proxecto. Pola tarde, ás 17.00 h, terá lugar “Finanzas para non financeiros”, un taller adaptado a perfís sen coñecementos previos de finanzas para dar a coñecer información básica para que ser partícipes das decisións executivas. Será impartido por Paz Ares, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais con experiencia profesional no sector financeiro e educativo.

Comezan as obras de mellora do vial e pistas deportivas de Vilafría

As obras de mellora do asfaltado do vial de Vilafría e das pistas deportivas deste barrio de Atios darán comezo este lunes. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitaron a zona onde se acometerán as obras na que xa se están a realizar traballos de limpeza.

“Este vial atópase en moi mal estado e require a rehabilitación integral do pavimento polo risco que conleva para a seguridade de peóns e vehículos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais acondicionaranse tamén as canchas deportivas, co reasfaltado e a reposición das porterías e canastas”.

No tramo levaranse a cabo actuacións de ampliación da calzada e saneos. A nova capa de rodadura extenderase nunha superficie de 6.270 m2 ás que se suman os preto de 900 m2 das pistas deportivas .No parque inclúe o reasfaltado da zona da cancha de baloncesto e do campo de fútbol.

Os traballos incluirán a construción dunha senda peonil e dun paso de peóns elevado á altura do parque.

Unha unidade móbil de doazón de sangue estará en Goián o vindeiro mércores 21 de xuño

0

Tomiño acollerá unha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue a vindeira semana. O mércores 21 de xuño o autobús da axencia situarase na parada de autobús, na Carballeira, de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. En Galicia necesítanse 500 doazóns de sangue cada día para atender as 2.800 urxencias, 800 intervencións cirúrxicas, o transplante de órganos e as 1.600 atencións nos hospitais de día.

As persoas interesadas en doar deben lembrar que debe serse maior de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.

O Ciclo Mestre Mateo chega a Baiona

0

O Multiusos de Sabarís, no Concello de Baiona, acollerá este luns 19 de xuño unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme Live is life, do realizador Dani de la Torre e finalista nos Mestre Mateo nas modalidades de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario.

O filme, do 2022, conta con guión orixinal de Albert Espinosa e está protagonizado por Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas entre outros actores e actrices. A acción transcorre no verán de 1985, no que, como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volta á aldea galega da súa familia para reencontrarse coa súa panda. Pero este ano é distinto. Os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

Despois desta sesión, Baiona acollerá o vindeiro mes de xullo o pase dos documentais A foreign song (César Souto, 2022), gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, que se exhibirá o día 3 ás 21.00 horas no mesmo Multiusos, e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreado no Ourense Film Festival, e que se proxectará o día 17, tamén no mesmo espazo e á mesma hora.

Amais de Baiona, os outros concellos nos que recalará nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de A Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, amais dos citados Live is life, A foreign song e Onde máis doe, o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga.

O luns comezan as obras de humanización da rúa Lugo

0

O próximo luns, 19 de xuño, comezarán as obras de humanización da rúa Lugo en pleno centro urbano de Tui. Por este motivo non se poderá nin circular nin estacionar neste vial. Haberá tamén cambios no tráfico na rúa Ourense, xa que provisionalmente mentres duren as obras suprimirase o aparcamento en batería para habilitar na intersección entre esta rúa e Colón, Martínez Padín, e Augusto González Besada tres carrís de circulación.

A actuación prevista na Lugo suporá un investimento superior aos 200 mil euros con cargo ao  Plan Concellos. As obras teñen un prazo de execución de dous meses. Intervirase o tramo comprendido entre a rúa Ourense e a praza de Galicia que pasará a ser de sentido único.  

Enrique Cabaleiro, alcalde en funcións, sinala que con esta actuación “trátase de adecuar esa rúa, cada vez máis transitada, nunha rúa que responda aos estándares que debe responder nestes momentos unha vía urbana”.  Así o proxecto a executar contempla  a execución de beirarrúas máis anchas, zonas esparcemento, novo mobiliario urbano e zonas verdes, e eliminación de barreiras arquitectónicas. Unha vez rematas as obras pasará  ter sentido único de circulación, en principio cara a praza de Galicia.  

A Feira do Viño volve este verán ao Rosal

0

Concello e adegas camiñan da man para preparar unha nova edición da Feira do Viño do Rosal, que este ano recupera as súas datas habituais. O vindeiro mes de xullo a Praza do Calvario converterase un ano máis no escenario central de tres días nos que se programarán multitude de actividades culturais, gastronómicas e de lecer abertas a toda a veciñanza e visitantes.

A cita será os días 14, 15 e 16 de xullo, nos que a feira levará de novo ao centro urbano rosaleiro unha morea de actividades coas que facer gozar ao público e dar pulo ao dinamismo comercial que cada ano este evento xera na contorna.

“Recuperamos a esencia e as datas desta festa de interese turístico coa que cada ano promovemos o noso patrimonio enolóxico e amosamos ás persoas que nos visitan todo o que O Rosal pode ofrecer”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora anima a toda a veciñanza e visitantes a participar na que será a XXXI edición da Feira do Viño do Rosal e desfrutar dunha experiencia inesquecible.

O Casco Vello de Baiona goza este sábado e domingo do roteiro musical “Sons do Casco”

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá hoxe sábado e o domingo, 17 e 18 de xuño,  leva consigo dous días repletos de música en directo na que participarán 11 grupos musicais con diferentes estilos que buscarán encher de música a Vila.

As actuacións celebraranse en seis escenarios distintos situados na Alameda Carabela Pinta, Rúa do Reloxo, Rúa Diego Carmona, Praza do Pai Fernando, a Praza Fonte de Zeta e este ano introdúcese como novidade a Praza de San Xoan. Outra das novidades desta edición e o pasarrúas nocturno a cargo dunha fanfarria que  ambientará as rúas do Casco Vello desde ás 22:30 ata a medianoite do sábado.

Unha oportunidade única para gozar da música en directo nun enclave único o Centro histórico de Baiona,   declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio  en 1993.

Con iniciativas como estas quérese participar na reactivación económica do municipio.  Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses.  Con esta  atractiva programación  quérese seguir atraendo xente a Baiona e ofrecerlle á cuidadanía local unha alternativa de lecer distinta.

Digna Rivas gobernará en Redondela co apoio de AER e o BNG

0

Digna Rivas, Xoan Carlos González e Roberto Villar  firmaron esta semana pasada o acordo de pacto de goberno que ten como finalidade consolidar un goberno tripartito progresista en Redondela.

A secretaria xeral do PSdeG de Redondela declaraba na mesa de acordo que “imos ter o goberno progresista que a cidadanía demandou cos seus votos o pasado 28M. As urnas demostraron o que estamos hoxe a firmar e é o noso deber responsabilizarnos cos dereitos dos veciños”.

Digna Rivas e Roberto Villar asinaban un documento de medidas programáticas así como a entrada no goberno da Agrupación de Electores, asumindo o seu concelleiro electo, Roberto Villar a concellería de Infraestruturas e sustentabilidade.

No caso da sinatura realizada con Xoan Carlos González chegaron a un acordo de investidura no que dende o primeiro momento estaban de acordo en loitar por un goberno progresista. Entre os puntos expresados destacaban a necesidade de diálogo e que ambas forzas políticas participen nas decisións fundamentais para Redondela, ademais de puntos en común sobre igualdade e empregro estudando as necesidades reais da cidadanía.

Na sinatura de ambos acordos a secretaria xeral amosou ”a súa satisfacción e agradecemento a BNG e AER por traballar na procura de puntos de consenso que foi imprescindible para este acordo progresita”. Ao que engadía que “os veciños esperan un goberno forte que estea a altura. Non vou a falar de disputas porque estamos aquí para traballar por e para a cidadanía de Redondela”.

“Abrimos un período novo e contade co meu compromiso permanente de diálogo e de entendemento, sempre cos intereses xerais de Redondela para seguir catro anos máis avanando”, concluía Rivas.

O pleno de investidura celebrouse o sábado ás 12:00 horas no Multiúsos da Xunqueira.