Mércores, 13 Novembro de 2024

Mos xa ten constituída a súa nova Corporación Municipal

Esta fin de semana celebrouse a sesión constitutiva do Pleno do Concello de Mos, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de Mos co seguinte orde do día: formación da mesa de idade, conformada polo concelleiro de maior idade, Camilo Grandal Pérez, e a de menor idade, Sara Samartín Rodríguez; toma de posesión dos concelleiros electos e declaración de constitución da nova Corporación; elección de Nidia Arévalo como nova alcaldesa, xuramento da Alcaldesa electa e toma de posesión, e exame do arqueo e documentación xustificativa, e do inventario de bens do Concello.

Polo tanto, a nova Corporación Municipal mosense quedou formada polos seguintes integrantes: Nidia María Arévalo Gómez (PP), Camilo Grandal Pérez (PP), María Felisa Rodríguez Carrera (PP), Leopoldo Costas Alonso (PP), Sara María Cebreiro Alonso (PP), Julia Loureiro Campo (PP), José Ramilo Hermida (PP), Evaristo Ucha Rodríguez (PP), Baldomero Lorenzo García (PP), Laura Méndez Senlle (PP), María Victoria Alonso Méndez (PSOE), Delfina Rodríguez Lorenzo (PSOE), Alejandro Figueroa Expósito (PSOE), Beatriz Vázquez Posada (PSOE), Gustavo Barcia Seijo (BNG), Sara Samartín Rodríguez (BNG), Alberto Barreiro Ricón (BNG).

No seu discurso a alcaldesa reelecta, Nidia Arévalo, que leva xa 15 anos de xestión á fronte da Alcaldía de Mos, agradeceu o labor de tódolos membros da anterior Corporación Municipal e do seu equipo de goberno, así como o apoio ós veciños e veciñas mosenses que depositaron a súa confianza nela o pasado 28 de maio.

“Dedícolles aos meus incondicionais compañeiros de goberno unha gracias moi especiais pola súa capacidade de traballo, espíritu de sacrificio e total entrega; sen os cales isto non houbera sido posible. A todos eles e ás súas familias mil grazas pola comprensión e pola paciencia, por entender e facilitar o noso traballo. Por aceptar cederlle á vida municipal boa parte do tempo dos seus familiares máis queridos. Grazas aos que non continúan, José Areal. Gonzalo Alonso. Alberto Méndez. E Camilo Augusto: meu fiel compañeiro, amigo, irmán… Percorremos un longo camiño xuntos e espéranos un futuro político que seguiremos a facer da man. Grazas por tanto, gracias por todo Camilo. E tamén aos concelleiros saíntes dos grupos da oposición: PSOE, BNG e GañaMos”, destacou a rexedora local mosense, quen tamén declarou que “cando falo de agradecementos é imprescindible que fale da Xunta de Galicia, do presidente Alberto Núñez Feijóo, do presidente Alfonso Rueda, de todos os conselleiros e conselleiras e de toda a implicación autonómica que durante esta lexislatura tiveron con Mos”, continuou Nidia Arévalo.

Ademais, apuntou Arévalo, que a pasada foi “unha lexislatura complicada que pasará á historia por estar marcada por unha pandemia mundial”. Polo que agradeceu o traballo de aqueles que aportaron o seu grao de area para superala, tanto veciñanza, como traballadores e voluntarios, empresas, persoal sanitario…

Arévalo definiu ao novo goberno local entrante como “o mellor equipo de candidatura, que me axudou a revalidar a Alcaldía cunha 4ª maioría absoluta. Un equipo de 9 concelleiros e concelleiras que me acompañarán na xestión municipal durante os vindeiros 4 anos e aos que lles quero dar a noraboa polos resultados electorais obtidos nas súas respectivas parroquias e polo apaixoante e comprometido labor de servir ao seu pobo”. Por último, Arévalo adiantou os eixos da súa xestión prevista para a vindeira lexislatura, que estará baseada en “seguir construíndo e mellorando o Mos que queremos con máis vivenda pública e o macro proxecto sociosanitario pioneiro en España do Rebullón. Na que continuar a transformación de Mos. Na que seguir levando a Mos ao máis alto. Na que seguir poñendo a Mos no mapa. Na que manter o cambio de lugar de paso a territorio de oportunidades co crecemento do Mos industrial en preto de 700.000 metros cadrados cos novos polígonos de Cebral e Arrufana. Coa continuación do Mos Humanizado, o Mos amable: Novo Puxeiros. Humanización Porteliña-As Pozas. Senda Porselo Brea dende o IES a ASODIFISI. Humanización Segundo Pampillón. Estrada Pereiras-Tameiga. Humanización do Camiño de San Cosme en Cela. Nova Fase do Paseo do Louro. Ampliación do Parque da Auga da Pesqueira. E co Mos do Fermosismo: Mellora da Contorna da Igrexa de Pereiras. HURBE San Rafael. Contorna da Igrexa de Sanguiñeda. San Martín de Tameiga en Costoias. Contorna da ACS de Herville. E Humanización da contorna da Capela de San Eleuterio”.