Este domingo, o pavillón municipal Gustavo Rodríguez de Tui acollerá a novena edición do Campionato Ibérico de Kung Fu en modalidade tradicional e moderna. A proba, que arrincará ás 10.30 h da mañá e terá entrada de balde, está organizada polo club Ximnasia e Auga Di Som de Tui e a Federación Galega de Kung Fu en colaboración co Concello de Tui, a Eurocidade Tui-Valença e a Xunta de Galicia.
Este campionato terá probas individuais e por equipos mixtos con deportistas en categorías júnior, sénior e veteráns en tres modalidades: combinación de movementos libres, defensa persoal e simulada e patrón de movementos previamente establecidos para cada categoría.
O evento deportivo foi presentado este mediodía no salón de plenos do Concello de Tui coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, do concelleiro Rafael Estévez, do presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, do director do campionato, Eduardo Méndez, e do director do departamento de Kung Fu moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco.
O concelleiro Rafael Estévez resaltaba a importancia desta proba, enmarcada no calendario deportivo da Eurocidade, xa consolidada e que cada ano congrega a un gran número de deportistas de distintos territorios nacionais e vidos tamén de Portugal.
O presidente da Fed Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, destacou a transversalidade do evento xa que a competición é mixta e tamén inclusiva con todos os colectivos. Destacou amais a gran afluencia de público que sempre rexistra esta proba dada a espectacularidade do evento e a presenza de grandes deportistas de primeiro nivel desta disciplina.
Eduardo Méndez, director do campionato, salientaba o carácter integrador e internacional da proba e tamén a suba no número de inscricións, rozando este ano os 400 deportistas participantes. Mentres, o director do departamento de Kung Fu moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, destacou a realización dun campionato dentro desta proba entre campións galegos e unha selección de competidores da Selección Portuguesa, todos eles medallistas no país.
Daniel Benavides, xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, incidiu na importancia deste deporte que, dicía, leva detrás unha cultura como a chinesa. Explicou tamén que debido ás diversas procedencias dos participantes esta é das probas que permiten internacionalizar Galicia.
Pechou ese acto de presentación o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que quixo animar á veciñanza a encher o pavillón municipal Gustavo Rodríguez nunha proba “sempre espectacular” e consolidada e con crecemento ano a ano. Quixo agradecer tamén a implicación de todos os presentes pola aposta polo deporte e por achegar este tipo de eventos deportivos a Tui e a un territorio transfronteirizo xa que, incidía “xeran riqueza e permiten a internacionalización”.