Dan comezo as obras da mellora do sistema de abastecemento municipal de Arbo, cun investimento de máis de 2,3 millón de euros. Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia e o Concello de Arbo, donde a Xunta apoiará ao concello no desenvolvemento das súas competencias coa achega do 80 % do orzamento, ademais de contratar e executar as obras. Pola súa banda, o Concello participará co 20 % restante e asumirá a recepción e mantemento e explotación destes servizos municipais.
As actuacións, que foron adxudicadas pola Xunta de Galicia á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A., contarán cun prazo de execución de 8 meses.
O concello de Arbo dispón, actualmente, dun sistema de abastecemento baseado na captación de auga nos ríos Cea e Deva, mediante a impulsión aos depósitos do Couto. Estas instalacións son moi antigas, polo que sofren importantes perdas e a subministración non está garantido, sobre todo en época estival.
A intervención busca solucionar as deficiencias detectadas, tras finalizar en xullo do 2021 a primeira fase das obras realizadas por Augas de Galicia, de impermeabilización dos depósitos e instalación de equipos para o control do caudal e cloro libre.
As obras comprenden unha nova estación de tratamento de auga potable no Couto, a renovación das estacións de bombeo principais e a execución doutro bombeo coas súas correspondentes impulsións, 4 km de tubaxe en total, xunto coa rehabilitación de dous depósitos.